21.2 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelMaría Xosé Porteiro, «Sándalo»

    María Xosé Porteiro, «Sándalo»

    Xornalista e política, María Xosé Porteiro volve e amosarnos a súa faceta máis literaria a través da súa segunda novela, «Sándalo», un traballo tremendamente ambicioso no que fai un percorrido pola emigración galega a Cuba ao longo dos dous últimos séculos e no que o lector será testemuña das revolucións da illa (a da independencia e a castrista), e das súas vinculacións con nós, pero tamén das pequenas historias dos seus habitantes que a autora, que pasou a súa nenez nesas terras, coñece en profundidade.

    Sorprende a estrutura aparentemente anárquica, con constantes saltos no tempo e no espacio que, de primeiras, poden confundir ao lector, pero ao avanzar na lectura decatámonos de que o fío argumental non é o verdadeiramente importante neste relato, senón ese transfondo cáseque sociolóxico que enfía toda a narración e no que a emigración galega xoga un papel fundamental.

    Botando man da súa faciana xornalística, a autora argalla o que poderiamos considerar unha novela de ficción histórica perfectamente documentada na que os personaxes reais mistúranse cos creados para a ocasión e na que uns e outros confúen en escenas da historia cubana ou da intrahistoria máis local a ambas beiras do Atlántico.

    Non podemos falar, xa que logo, da típica estrutura “prantexamento-nó-desenlace”, senón dunha especie de xogo, un crebacabezas de historias cruzadas, ás veces fragmentarias, no que as pezas non sempre encaixan entre si pero, en conxunto, amosan a relevancia da nosa diáspora nalgúns dos acontecementos que marcaron a creación dunha nova forma de entender a sociedade en Cuba.  

    Sorprente tamén (ou non tanto por vir de quen vén) a presenza da muller na novela asumindo un rol protagonista de principio a fin. Non falo dunha muller, loxicamente, senón dunha morea de mulleres que reivindican o seu papel na creación desa sociedade da que falabamos máis arriba, pero tamén nesa historia máis miúda que axudou a construíla. Mulleres fortes e de personalidades firmes, que levan a maior parte do peso da narración.

    Non creo que poidamos falar dunha novela claramente feminista ou reivindicativo pero, outravolta, ese transfondo está aí, empapando cada unha das páxinas do relato. Quina, Lumia, Nanaina ou Macorina, de seguro ficarán no noso sentir por moito tempo; pero tamén a descuberta de mulleres reais como Gertrudis Gómez de Avellaneda ou Andrea López Chao, por poñer só un par de exemplos de personaxes reais.  

    O resultado final é unha novela de lectura amena e capaz de arrastrar ao lector ao longo das súas páxinas. A flexibilidade da estrutura, mesmo da linguaxe empregada (ás veces literaria, ás veces xornalística) ou dos acontecementos relatados, son quen de facernos viaxar no tempo e no espazo sen movernos do noso sillón favorito. ¿Alguén dá máis?

    María Xosé Porteiro

    Sándalo

     

    Galaxia

    400 páxinas