No centenario de Emilio Álvarez Blázquez

O pasado 16 de abril cumpríronse cen anos do nacemento en Tui do poeta, escritor e animador cultural Emilio Álvarez Blázquez; ao rematar o ano deste aniversario non podemos deixar de lembrar a este persoeiro que ten deixado un amplo legado cultural, ligado tamén en boa medida a estas terras do Baixo Miño.

Nado en Tui no 1919, Emilio era fillo do médico Darío Álvarez Limeses e de María Bláquez Balleter, que casaron en Tui logo de chegar Darío coa súa recente licenciatura en medicina ao ser contratado como médico hixienista polo Concello tudense en 1905 e María que retornara da súa Cuba natal xunto coa súa familia.

Darío Álvarez Limeses, que viña dunha familia cunha longa tradición ligada ás letras, terá unha destacada actividade na vida social tudense ao longo da súa vida. Colaborador nos medios de comunicación local, promotor de agrupacións musicais, de caza ou deportivas… Foi un destacado militante de Izquierda Repúblicana, partido que dirixía Manuel Azaña. Tras o golpe militar do 18 de xullo de 1936 Darío Álvarez Limeses colaborou co Comité de Defensa da República que encabezaba o alcalde, e correlixionario seu, Guillermo Vicente de Santiago. Tras a derrota e a conseguinte entrada das tropas sublevadas o 26 de xullo, foi detido e sufriu un consello de guerra que culminou co seu fusilamento o 30 e outubro de 1936, xunto con outros cinco compañeiros. Unha traxedia que marcará a vida da familia Álvarez.

Darío Álvarez e María Ballester tiveron seis fillos: Darío (1910), Celso (1913), Xosé María (1915), Alfonso (1917), Emilio (1919) e Álvaro (1921). Criados na casa familiar do barrio do Rollo mantiveron todos, no tempo que viviron en Tui e ao longo da súas vidas, unha relevante presenza pública, seguindo a tradición paterna.

Sen embargo a traxedia familiar, incrementada coa morte de Celso por unha enfermidade contraída na guerra, vai acompañada dun ambiente certamente duro que nunha pequena cidade como Tui resulta especialmente opresivo; mesmo a familia será sancionada cunha multa de 2.500 pesetas (unha fortuna daquela) por ter falado mal do ‘Glorioso Alzamiento Nacional’. A familia vive dos ingresos de Darío, o fillo maior, médico en exercicio dende 1932, casado coa tudense Carmiña Gándara. Éste se traslada a Vigo onde monta unha pequena clínica e leva consigo a súa nai e aos seus irmáns, que deixan Tui o 21 de abril de 1941. Na cidade olívica desenvolverán todos a súa actividade profesional pero tamén unha ampla e dilatada actividade social e cultural que fan desta familia un referente da cultura de Galicia na segunda metade do século XX. Tui seguirá sendo unha referencia vital irrenunciable na vida da familia ata a actualidade.

Emilio, xunto co seu irmáns Alfonso e Álvaro, foi estudante de bacharelato no Instituto de Segunda Enseñanza de Tui, creado pola II República no antigo cuartel de San Domingos, cursando neste centro o quinto curso no ano 1935, xunto ao seu irmán Alfonso, logrando a calificación de “sobresaliente con derecho a matrícula de honor” en Psicoloxía e lóxica e en Fisioloxia e hixiene. No ano seguinte, ao cursar sexto curso, os alumnos de “Ética e dereito” realizan un ciclo de conferencias, que abre Emilio Álvarez Blázquez cunha disertación sobre ‘Federalismo’.

Emilio naquel Instituto participa xunto co profesor Xesús Ferro Couselo na fundación e vida de Tude: revista editada por los estudiantes de Bachillerato del Instituto de Tuy, na que figura como subdirector. Nos tres números desta revista publica diversos traballos: Camino de Santiago, crónica dunha excursión a Compostela, Un apóstol tudense – El P. Salvado, evangelizador de Australia, Sobre el concepto de filosofía e un breve relato en galego titulado Brétema do que recollemos un anaco:

Non sei: a miña ledicia tristeira de hoxe non é de chorar nin de rir. A gargallada fuxe dos beixos; as bagoas dos ollos. Os beizos fican murchos i-os ollos tremosos. Non chorar nin rir é unha maneira de estar; non chorar nin rir, cando hai anceios de fagueolo, é unha maneira de ser.

I eu son eisi, d-isa maneira de ser. Por iso, hoxe, na miña casa de poeta, dende a solaina de pedra que mira ao Norde i-ao Sul, n-ista mañá bretemosa de Marzal, ollo o espazo e non vexo a paisaxe, esculco o esprito e non me alcontro n-il. A paisaxe non está no espazo; eu non estou en min. No espazo está o esprito; en min está a paisaxe.

Instalado en Vigo coa súa familia en 1942, en 1944 comeza a impartir clases no Colexio Mezquita e dende 1947 traballa no Consulado de Uruguai, no que chegará ao pouco a ocupar o cargo de Chanceler, ata a súa morte. Dende 1960 compatibilizará este traballo cunha función administrativa no Colexio de Farmacéuticos. Casou en 1964 e morre en Vigo o 22 de setembro de 1988.

Dende pouco despois da súa chegada a Vigo participa xunto cos seus irmáns Darío e Xosé María na tertulia do Café Derby xunto con Valentín Paz Andrade, Xaime Isla, F. Fernández del Riego, Plácido R. Castro, Urbano Lugris, Laxeiro… Impulsor de numerosas iniciativas culturais como a fundación –cos seus irmáns– da editorial Castrelos ou a colección de poesía Salnés, en editorial Galaxia, que dirixía xunto a Celso Emilio Ferreiro e Francisco Fernández del Riego.

Emilio Álvarez Blázquez xunto Celso Emilio Ferreiro e Camilo José Cela

Nalgunha ocasión el mesmo se recoñece preguizoso para a escrita e por tanto posúe unha obra curta en cantidade pero non en calidade. En 1947 asina un guión teatral, El zapatero de cristal, que con escenografía de Pucho Boedo foi estreado no Teatro ‘García Barbón’ de Vigo. Nestes anos colabora co seu irmá Xosé María –ao que sempre se sentiu estreitamente ligado– no Libro del por qué (1946) e noutra peza teatral Los pazos altivos estreada en Xixón en 1947.

Nese mesmo ano publica xunto co seu irmá Xosé María na colección Benito Soto o libro Poemas de ti e de min. Cómpre salientar que esta colección que dirixen Sabino Torres e Celso Emilio Ferreiro, é a primeira colección de poesía publicada en Galicia logo de 1936, e o libro dos Álvarez Blázquez é a primeira obra en galego nesta colección. Poemas de ti e de min en realidade son dous libros nun mesmo volume, cada un coa súa cuberta. Os poemas de Emilio son dezasete.

No ano 1957 en recoñecemento ao seu labor literario a Real Academia Galega nomeouno como académico correspondente.

Foi colaborador asiduo en Faro de Vigo con traballiños de carácter literario. Tamén noutros medios escritos (Galicia emigrante, Nordés. Alba, Logos, Numen, Grial…) en numerosas oportunidades empregando o pseudónimo de Ronsel. Moitos destes traballos sobre todo en Galicia emigrante estarán dedicados á Tui e ao Baixo Miño (abordando temas como a lamprea, o meixón, contos, etc.). Testemuña deste amplo abano de escritos arredor de temas tudenses é o artigo Canción del Miño publicado no libro das festas de San Telmo de 1972 do que tomamos estes párrafos:

De los trechos, es decir de la vida del Miño, yo escojo el de su muerte que comienza en Tuy, al pie de la Alameda, que fue de domincos, huerto de paz hasta que llegó la muerte de madrugada. Había allí, en mi niñez, árboles que también murieron de la mano del hombre y sus copas sumergian en el espejo del río la invertida imagen de los nidos, como vasos de vida y esperanza. También las estrellas se copiaban, y se copiaba, aunque pareza milagro, la delicada cinta que los mirlos anudaban al tallo de la tarde, cuando la tarde no era más que una inmensa camelia apoyada en el borde de los montes.

Al pie de Tuy, al pie de Valença de Minho, el río entra en agonía y por eso le nace aquella curva majestuosa, aquella doblada gracia de sus rberas, como si quisiera volverse atrás y echar una mirada alas vegas feraces, donde, cuando no es la sazón del pan, crecen, como corazones, amapolas portuguesas. Allé le dce adiós a la larga caminata de los días, con un nostálgico recuerdo, para aquella lejana linfa que llaman Fonmiñá, delgado hilo de donde le viene la vida impetuosa”.

Emilio Álvarez Blázquez acada moita sona como orador, pronunciando numerosas conferencias, charlas, homenaxes etc tanto en Galicia como tamén en Uruguai onde foi convidado polo Centro Galego. Por aqueles anos, 1964, gaña o Premio de Poesía Galega de Buenos Aires cun poemarío que nunca chegou saír do prelo.

Haberá que agardar ata o ano da súa morte para a edición do seu segundo libro: O tempo desancorado (Poemas para María Blázquez), un libro de poemas centrado na memoria da súa nai dende a nostalxia da infancia feliz aos tempos tristes dos choros sen desbotar outras temáticas pero na mesma liña que no seu primeiro libro: o amor, a natureza, a pregaria…

Xesús Alonso Montero, no limiar do libro coa “Poesía galega completa e textos en prosa” de Emilio Álvarez Blázquez (Xerais, 2005) o define como “xílgaro de corazón tenro e verso delicado, naceu cos merlos da primavera, eses merlos que nunca desapareceron do seu espírito nin sequera nos momentos en que a crueldade de certos homes se ensañou con el e cos seus”.

Para rematar estas liñas de recoñecemento a Emilio Álvarez Blázquez reproduzo dous poemas, un dedicado a Tui do seu libro “Poemas de ti e de min” e unha panxoliña, de aires populares miñotos, coa que aproveito para desexar bo Nadal e feliz aninovo a todos os lectores.

TERRA DE TUI

O Monte de San Xulián,
coa Cruz, coa ermida, coa fonte,
co Ceo case na man.

Verdes panascos de Frinxo,
onde se deitou o sol
a ver pasar o camiño.

Terra baixa de Baldráns,
O río, ao pasar, levouse
A primavera pra o mar.

San Mamede de Guillarei
Que ten a paisaxe rota,
Ai, miña nai, polo tren.

San Miguel de Pexegueiro,
Tan, lonxe, que se me esquece
Que estiven alí de neno.

Festa no Monte, ai, lalá,
A man dereita da alma
Ao subir como ao baixar…


VILANCICO DA FRONTEIRA

Se o Neno nacera en Tui,
viría de Portugal
moita xente a ver a Luz.

E catro días arreo
abririase a fronteira
de cantares e ailelelos.

E virían os soldados
da Garda Republicana
co coronel dacabalo.

E mulleres de Valença
de Ganfei e de Barcelos
todas vestidas de festa.

E mariñeiros do Miño
con peixes de prata nova
e salmóns nun capachiño.

E na porta do Portal
o Arcebispo de Lisboa
daría a bicar a man…

(Nadal, 1977)