11.6 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelMiguel Sande, «Brinde e desespero»

    Miguel Sande, «Brinde e desespero»

    Miguel Sande está a presentar o seu novo poemario, «Brinde e desespero», co que recentemente acadou o XXV Premio Johan Carballeira. Xa falamos noutras ocasións neste mesmo espazo de como se están a diluír a cotío as xa febles liñas que separan os distintos xéneros literarios. «Brinde e desespero» é unha proba máis pois, a pesar da súa inequívoca cadencia lírica, Sande xoga a brincar con habilidade sobre as lindes da poesía para adentrarse no terreo da narrativa e darlle forma a unha prosa poética ben particular. Mesmo se achega ao que poderiamos considerar autoficción, aquela que crea realidades imaxinadas a partir da verdade pura e dura, da experiencia propia do autor que, neste caso, asume o «eu» poético.

    Así, Sande fálanos dun entorno amigable e dos detalles máis cotiáns, mais faino dende unha obxectividade alonxada de calquera tipo de idealización, para que nos enfrontemos á nosa propia realidade cunha franqueza que, ás veces, chega a resultar intimidante. As relacións familiares e a memoria da infancia son o combustible que alimenta esta proposta, sobre a que sobrevoa de maneira constante unha certa tensión entre aquilo que consideramos que debemos sentir e aquilo que realmente sentimos. Velaí o conflito que o poemario nos presenta.

    Cando nos adentramos nel, é doado interpretar as súas liñas como a visión que podemos adoptar dende ese punto da vida no que chegamos a acadar a madurez plena e, dalgún xeito, comezamos a ser consciente de que moitas das nosas arelas e dos nosos soños foron quedando irremediabelente atrás. Enfrontámonos ao paso do tempo valorando as metas acadadas e as que fomos esquecendo polo camiño, cun pouso de nostalxia e ata certa culpabilidade, e aí é onde conflúen, tal e como eu o vexo, o «brinde» e mailo «desespero» aos que fai referencia o título deste libro.

    No aspecto formal, a obra estrutúrase en catro partes sendo a primeira, a centrada nas relacións familiares e na memoria («Resistir é un paso de baile»), a máis extensa das catro, pois ocupa practicamente a metade do libro. Por outra banda, a disposición en bloques do texto e ese emprego da prosa poética ao que nos referiamos máis arriba, semellan querer afianzar as percepcións do lector dándolle unha forza extra ao contido escrito, lonxe da versificación tradicional. Os pequenos monolitos que son os poemas (eu máis ben diría as partes do poema longo que se extende por todas as páxinas de «Brinde e desespero»), son o perfecto anclaxe para as sensacións transmitidas.

    En canto á linguaxe empregada, atopamos unha certa contención expresiva e un certo afastamento da idea, tan extendida, da estética pola estética, unha tendencia que favorece a subxectivización do texto, mais que dificulta a súa comprensión. Neste caso diríase que Sande non trata de agochar nada, senón de amosalo todo con claridade diáfana para construír este poema tan persoal e, ao tempo, tan familiar e tan proclive a ser compartido polo lector.

    Miguel Sande

    Brinde e desespero

    Xerais