Venres, 18 Xullo de 2025

Salvaterra transforma a rúa Marqués de Viana da man da Deputación

A rúa Marqués de Viana de Salvaterra, unha emblemática contorna moi vinculada á historia da vila, está a ser obxecto dunha transformación integral da man da Deputación, que financia esta ambiciosa actuación a través do Plan ReacPon e o Plan Concellos. Os deputados de Santos Héctor e Carlos Font visitaron hoxe xunto á alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, estas obras, que buscan impulsar a dinamización social e económica da contorna, cun investimento de preto de 587.000 euros. Da citada cantidade, 498.000 euros son financiados pola institución provincial ao abeiro do Plan ReacPon e os restantes 88.867 euros a través do Plan Concellos.

Os traballos desenvólvense no ámbito comprendido entre a rotonda de acceso ao Castelo de dona Urraca e a praza de abastos, na área enmarcada na zona de afección do Castelo e da rede ferroviaria. A actuación busca a recuperación do espazo para as persoas, que poida dar tamén impulso á dinamización económica da contorna, co eixo da praza de abastos e os negocios locais que se sitúan ao redor.  

No ámbito da actuación habilitarase plataforma única, con calzada e beirarrúas de anchura continua que permitirá ampliar o espazo ata en dúas veces a superficie para as persoas. Tamén se busca reducir o ancho da calzada, entre a rotonda e a praza de abastos, para reducir a velocidade dos coches e eliminar estacionamentos irregulares e en dobre fila,  e eliminarase o pavimento actual substituíndoo por lousa de formigón, para priorizar o uso peonil. Amais, está prevista a pavimentación da zona do parque, para manter continuidade coa beirarrúa adxacente; a eliminación das barreiras arquitectónicas para crear espazos accesibles, amplos e continuos; a mellora da eficiencia enerxética e a instalación de novo mobiliario urbano, así como nova rede de servizos e sinalizacións.

Ponteareas agradece á Xunta que se implique no saneamento de Ribadetea

O Concello de Ponteareas amosouse moi satisfeito “por lograr que finalmente a Xunta se implique no saneamento de Ribadetea”. A alcaldesa, Cristina Fernández, celebrou que “pese as resistencias iniciais da Xunta, que se negaba a colaborar neste obxectivo tan importante, finalmente a presión veciñal e o diálogo constante do goberno municipal coa Consellaría permitiu acadar un pequeno logro: a redacción do proxecto da primeira fase”.

A rexedora Cristina Fernández salientou que “este éxito é un exemplo dos resultados que dá a unión entre a veciñanza e o goberno municipal diante doutras administracións para lograr o que en xustiza nos corresponde”. A alcaldesa lembrou que a Xunta está a realizar obras de saneamento noutros concellos próximos “e nós non imos ser menos”. Cristina Fernández explicou que “como alcaldesa presido un goberno que non busca a confrontación con outras institucións senón que traballa con intelixencia e con diálogo para conseguir que Ponteareas reciba a atención que merece. O saneamento de Ribadetea é un exemplo dos resultados que se conseguen así”.

A alcaldesa de Ponteareas aclarou que “non nos conformamos cun investimento de só 18.000 euros e un proxecto parcial, somos máis ambiciosos e o noso obxectivo é que a Xunta financie a obra que suporá un gran investimento e un avance fundamental no saneamento do noso rural. E para iso seguiremos dialogando e negociando coa Consellaría até conseguilo”.

Cristina Fernández salientou que “o vindeiro mandato será o do saneamento do rural porque temos todo xa preparado para levalo a cabo. A depuradora será ampliada entre este ano e o que vén, cun investimento de 14 millóns de euros, deixará de verter ao río e o Ministerio autorizará novos saneamentos até agora prohibidos. Estes novos saneamentos xa están previstos no Plan Director que fixemos no anterior mandato. E para realizar as obras contamos coa nosa capacidade ao ter un concello saneado economicamente, coa colaboración da Xunta e do Estado e cos investimentos millonarios que terá que facer a nova empresa que xestione o saneamento e o abastecemento de auga de Ponteareas”.

A alcaldesa de Ponteareas deu orde a todos os servizos municipais de que faciliten á Xunta todo o que precise para executar a obra de Ribadetea.

Aberto o prazo de inscrición para o XXIV Desfile de Carrozas e Comparsas de Salceda

O Concello de Salceda de Caselas, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Álex Rodríguez, ten xa aberto o prazo de inscrición para o XXIV Desfile de Carrozas e Comparsas do Entroido 2023, que se celebrará o 19 de febreiro de 2023.

Durante a primeira semana de inscricións as comparsas e agrupacións do Concello poderán realizar a súa inscrición, e a partir do 6 de febreiro e ata o 12 poderán facelo as agrupacións de calquera Concello.

Poderán participar no desfile todas aquelas comparsas integradas por un mínimo de 15 compoñentes e constituídas legalmente como asociación. Deberán formalizar pola sede electrónica do Concello de Salceda de Caselas a inscrición.

As agrupacións poderán presentarse con ou sen carroza, establecéndose diferentes categorías en ámbolos dous casos. Todas as comparsas admitidas recibirán unha compensación económica pola súa participación, que varía entre os 150 e os 900 € en función do número de compoñentes. Ademais da dotación económica, establécese un xamón como premio para diversas categorías.

Este ano 2023, o desfile volta á normalidade, logo de non celebrarse no ano 2021 pola COVID19, e das restriccións do pasado ano. Deste xeito, voltará unha das citas máis agardadas pola veciñanza, o concurso de coplas que reúne cada ano a centos de persoas na Praza do Concello.

Toda a información e as bases do concurso poden consultarse a través da páxina web do Concello www.salcedadecaselas.gal ou no taboleiro de anuncios do mesmo Concello e as redes oficiais.

En Salceda, o Entroido é unha das súas festas máis importantes, para o que se prepara xa unha ampla programación que será presentada ao completo uns días antes das festas. A programación municipal completará o xa tradicional enfrontamento entre Castro Barreiro e A Feira, que xa se ven celebrando 135 anos, e para o que os barrios levan xa tempo traballando arreo no máis estricto segredismo.

Alex Rodríguez Canosa, Concelleiro de Cultura: “En Salceda xa se nota o ambiente de Entroido, no que sen dúbida é o festexo máis importante do noso Concello, e a que conta con máis arraigo social. Nun ano no que se recupera a plena normalidade, e no que estamos seguros que Salceda recibirá a milleiros de persoas para presenciar o Entroido máis importante da zona, e un dos máis antigos de Galicia.”

A reforma da piscina da Cañiza prácticamente rematada

0

A pasada semana, o alcalde da Cañiza e un dos redactores do proxecto de rehabilitación enerxética da piscina climatizada, o arquitecto Carlos Mézquita Fernández, visitaron a obra de reforma que está prácticamente rematada e en espera de colocar os últimos detalles para a súa inminente apertura.

Dende que o pasado mes de abril se iniciaran as obras, os técnicos da empresa CIVIS GLOBAL S.L., mercantil adxudicataria da reforma, repasaron co alcalde e o arquitecto as obras desenvolvidas.

  1. Actuacións sobre as dúas cubertas da piscina. A cuberta inclinada e a plana que suman un total de 1500 m2.  Nunha das cubertas instalouse unha nova estrutura de chapa e volveron a colocarse os paneis térmicos que aínda que estaban instalados, non estaban conectados.
  2. Na cuberta inclinada, nun total aproximado de 900 m2, retirouse o panel de chapa e o de policarbonato e na cuberta plana de 800 m2, se retiraron todos os elementos existentes, a grava, o aislamento e as láminas impermeabilizantes deterioradas. Tamén se remataron as obras de colocación e impermeabilización das mesmas, incluindo a realización dunha proba de estanqueidade, enchendo a cuberta con auga para comprobar a súa efectividade.
  3. Se retirou a antiga caldeira de gasoil da sala técnica e se instalaron novas caldeiras de pelets e un novo silo.
  4. Tamén remataron as obras de peche do vaso pequeno da piscina que convertiu este espazo nunha sala polivalente de máis de 200 m2.  Neste espazo se instalou nova ventilación, iluminación e  se colocou  pavimento deportivo.
  5. Finalizaron as obras de recrecido, impermeabilización e alicatado do vaso grande da piscina que reduciu a súa profundidade nun metro quedando a un nivel de 1,30. Ademais xa están colocadas as escaleiras e chea.
  6. Sustituíronse todos os falsos teitos dos vestiarios, pasillos e da recepción, retirando o vinílico antigo por un novo de virutas de madeira, mellorando no so a estética da instalación senon tamén a parte acústica e técnica  da envolvente.  Tamén finalizaron os traballos de pintura e iluminación.
  7. A reforma da piscina tamén presenta como novidade unha nova zona ”WELLNESS”, de benestar, con capacidade para 10 persoas e na que xa está instalada a sauna, baño turco e spa.
  8. Nestes últimos días ademáis se revestiron as paredes desta zona con alicatado enrastrelado de madeira e se instalou iluminación LED.

A obra inicialmente estaba financiada pola Deputación Provincial con 689.048,95 € do plan de infraestruturas REACPON Reacciona Pontevedra e o Plan Concellos 2022-2023, pero posteriormente foi beneficiaria dunha subvención de 727.678,69 € do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Goberno de España, a través do PIREP Linea 1 ( Plan de Rehabilitación de Edificios de titularidade Pública) .

Redondela consegue a humanización da senda da auga no seu paso por Cidadelle

0

O Concello de Redondela reuniuse cos veciños de Chapela para darlle a boa noticia da humanización do Camiño da Traída. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explica que “esta era unha demanda dende fai mais de 20 anos por parte da veciñanza, polo que tomamos cartas no asunto e comenzamos a traballar co Concello de Vigo para que autorizara a humanización do tramo da senda da auga que atravesa Cidadelle no Camiño da Traída e comezamos a traballar”.

O Concello de Redondela traballou co Concello de Vigo para chegar ao acordo da humanización deste tramo polo que pasan coches diariamente e forma parte do acceso as casas dos veciños e veciñas da zona. Rivas apunta que “ o  Concello de Redondela iniciará os traballos dese tramo polo que pasan vehículos diariamente e rorma parte do acceso ás casas dos veciños e veciñas da zona”.  Rivas apunta que “facemonos cargo do mantemento co camiño de terra que actualmente está de xabre”.

O camiño, que actualmente está feito con xabre, cambiarse por un pavimento de formigón reforzado con granito e cemento de uns 15 cm de espesor. Os traballos comenzarán próximamente e aseguran que estarán en marzo.  “En canto confirmouse a realización das obras reunímonos cos veciños e veciñas afectados, pois este goberno ten como prioridade mellorar a calidade de vida das parroquias”.

A rexidora local quere lembrar que “ademais desta obras, o Concello de Redondela está traballando noutros proxectos nas parroquias a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra”. Concretamente, na parroquia de Chapela xa comezou a primeira fase de renovación das redes de saneamento e abastecemento na subida a Cidadelle grazas a

subvención Deputación de Pontevedra. A administración provincial fai unha achega importante de 355.465 € da Liña 1 do Plan Concellos para Redondela.

“Este goberno cumple cos comprimosos coa veciñanza para cubrir as súas demandas e necesidades que son unha prioridade e de vital impotancia para o bo mantemento dun municipio tan importante como Redondela, que sitúase como o cuarto máis poboado da provincia”, conclúe Rivas.

As pistas de pádel do Porriño serán renovadas

O estado impracticable no que se atopan as dúas pistas de pádel que o Concello do Porriño dispón nas inmediacións do polideportivo municipal fai que cada día os usuarios que rexistra sexan menos, ao que se lle une ademais un taxa pola súa utilización, que data en 2017.

De aí que dende goberno municipal se actúe de inmediato, primeiro coa instalación dun novo céspede artificial e, segundo, coa proposta o Pleno Municipal da eliminación dese cobro imposto en 2017 mediante ordenanza.

Foi no ano 2011 cando o actual alcalde Alejandro Lorenzo, por aquel entón concelleiro de Deportes, puxo en marcha estas novas instalacións inexistentes en todo o termo municipal. Foi un momento de auxe desta modalidade deportiva que a día de hoxe ten moitos seguidores e é practicada por nenos, mozos e adultos. “Dende que se inauguraron as pistas non tiveron un acondicionamento nin servizo de mantemento axeitado, nunca se fixeron melloras nelas e co paso do tempo e o uso fóronse deteriorando”, explica Alejandro Lorenzo. “Un desgaste que queremos remediar, recuperando este espazo deportivo atractivo, cun novo pavimento e con acceso gratuíto”.

Aprobada en 2017 unha ordenanza reguladora do funcionamento das pistas de pádel municipais e do prezo público pola utilización das súas instalacións, agora, a intención é derogar esta ordenanza para eliminar esa taxa, que é de 6 euros/hora e 9 euros/hora e media (6,50 e 9,75 euros, respectivamente, no caso de empregar luz artificial). “Si mantemos un regulamento, con normas de uso e tamén de reserva das pistas, pero propoñemos que tamén sea sen custe para o usuario”.

A mellora destas instalacións continuará, unha vez se dispoña da partida orzamentaria correspondente, coa actuación de cobertura de ámbalas dúas pistas, protexéndoa así das inclemencias meteorolóxicas. Deste xeito, poderase xogar ao pádel aínda chovendo e tamén á sombra. “A intención é acometer este peche en canto se poida pero o primeiro, xa de xeito inmediato realizarase a substitución do céspede para que ámbalas dúas pistas volvan estar aptas para a práctica do pádel”, conclúe o alcalde.

Ponteareas incorpora un novo vehículo todoterreo ao parque móbil da Policía Local

Ponteareas suma un novo vehículo ao parque móbil da súa Policía Local. O Concello acaba de incorporar á frota deste corpo policial un coche eléctrico híbrido de tipo todoterreo para realizar labores de patrulla no municipio. “Este é un paso máis na aposta do Goberno municipal por continuar dotando á nosa Policía Local dos medios materiais, técnicos e humanos necesarios para ofrecer o mellor servizo á veciñanza”, destaca a alcaldesa, Cristina Fernández.

Trátase dun novo vehículo da marca Hyundai, modelo Tucson, contratado en modalidade de ‘renting’ durante os vindeiros catro anos e que recolle todas as características necesarias para o correcto desenvolvemento do traballo da Policía Local. Suporá un investimento de 52.213 euros e, ademais da adaptación e o equipamento propio dos vehículos policiais tipo ‘Patrulleiro P-1’, inclúe todos os gastos derivados do seu uso, como mantemento, reparación e substitución de pezas, seguro, asistencia ou incluso vehículo de substitución.

Para esta nova mellora, o Concello contou cunha subvención de 33.600 euros para a adquisición de vehículos alternativos, mediante o sistema de renting, aos corpos de policía local financiados polo Fondo de Compensación Ambiental.

A mellora de medios materiais para a Policía Local coa incorporación deste novo vehículo únese ao reforzo do cadro de persoal, que se triplicou nos últimos catro anos. Ao inicio do actual mandato, en xuño de 2019, a Policía contaba unicamente cun oficial en prácticas e sete axentes dos que tres se atopaban de baixa laboral. Deste xeito o Concello só contaba con cinco efectivos dispoñíbeis. A día de hoxe Ponteareas conta con 17 policías, dos que unha é oficial e 16 son axentes, estando únicamente un de baixa. Ademais, neste ano estase tramitando a contratación de dous axentes máis e outro oficial.

Nigrán ofrece unha excursión para esquiar en Alto Campoo

0

O Concello de Nigrán, co fin de democratizar a práctica deportiva do esquí, ofrece unha excursión á estación de Alto Campoo (Cantabria) do 24 ao 26 de febreiro cun prezo de 133 € para menores de ata 12 anos e 168 € para adultos. O prezo inclúe transporte, dúas noites de hotel 3 estrelas, almorzo e cea no hotel, comidas a pé de pista e 2 días de forfait con seguro. O prazo de inscrición é ata o 13 de Febreiro na Oficina de Información Cidadá (planta baixa do Concello de Nigrán).

O venres 24 de febreiro sería á chegada ao hotel e distribución de habitacións, a mañá do sábado 25 dedicarase a esquí pola mañá e excursión pola tarde e o domingo 26 esquí tamén ata a hora de comer e regreso a Nigrán a continuación.

Tui participará nas URBACT#InfodayES

0

O Concello de Tui, representado polo alcalde, Enrique Cabaleiro, participará esta semana, o mércores 8 e o xoves 9, en Vic nas URBACT#InfodayES. Trátase dunhas xornadas que teñen coma obxectivo crear redes de traballo entre cidades europeas en materia de desenvolvemento urbano sustentable.

As URBACT#InfodayES están organizados polo Punto Nacional URBACT, xunto ao Concello de Vic e a Deputación de Barcelona. Neste evento explicaranse  as posibilidades de financiamento para  proxectos de Desenvolvemento Urbano Sostible para as cidades. O seu obxectivo é axudar aos municipios asistentes na preparación da nova convocatoria das Action Planning Networks de URBACT, cuxo prazo de presentación está aberto até o  31 de marzo.

Ao longo de día e medio desenvolveranse unhas serie de sesións principalmente prácticas, con mesas de traballo e espazos de diálogo, que permitirán ás cidades e municipios avanzar tanto na definición do seu proxecto como na creación de redes de paternariados. Este evento contará coa participación do Secretariado de URBACT, doutros Puntos Nacionais e de diversas cidades europeas. Nestas xornadas de Vic contarase tamén coa presenza de varios Ministerios e institucións europeas, que ampliarán os contidos do evento explicando o novo Marco Financeiro Plurirrexional 2021-2027 e posibles oportunidades de financiamento de proxectos de Desenvolvemento Urbano Sustentable para as cidades.

No caso de Tui é de especial interese a presenza nestas xornadas tendo en conta o papel transformador que a súa axenda urbana, de carácter transfronteirizo, pode ter, ao recollerse a súa estratéxica situación fronteiriza e recollendo a estreita relación de cooperación con Valença, plasmando así o traballo realizado entre municipios de dous países.  Un documento, a Axenda Urbana, no que precisamente se fai fincapé no desenvolvemento urbano sostible.  A presenza nestas xornadas permitirá coñecer solucións innovadoras e compartir desafíos urbanos comúns, para desenvolver así un plan de acción para a súa implementación nos distintos municipios.

Estas xornadas permitirán tamén intercambiar boas prácticas e aprender da experiencia neste ámbito doutras cidades europeas.

A participación nestas xornadas reflicte o compromiso do concello de Tui coa sustentabilidade urbana e co desenvolvemento sustentable do municipio.

Antía Otero, «Barroco»

É posible que todo viñese suxerido polo título do novo poemario de Antía Otero, «Barroco», pero ao mergullarme nas súas páxinas vivín a sensación de pasear por unha galería de arte na que cada un dos poemas era, en realidade, un cadro ou unha peza escultórica que a autora describía con detalle. Este libro sería, dende tal perspectiva, unha especie de catálogo desa hipotética exposición, e a colección sería unha mostra que se vai construír a partir das vivencias e dos recordos de Antía Otero, ben suxeridas por obxectos íntimos ou comúns, ben por lugares, por sensacións, paisaxes, persoas… Calquera cousa serve para mergullarse nas lembranzas e revivir un pasado que, non por efémero, deixa de ser vivencialmente importante para o eu poético que protagoniza a colección.

Desta maneira a autora lévanos por un camiño moi persoal que, ao mesmo tempo, pode ser escenario das vivencias de cada un de nós, pois moitos dos lugares e experiencias que describe son comúns e mesmo as reflexións son, ás veces, parecidas ás que nós mesmos fixemos perante situacións similares. E aquí englobaría as abundantes referencias á infancia e a un entorno rural que, por momentos, chega a aproximarse ao bucólico grazas á certeira pluma de Antía. Entre as reflexións máis persoais destacaría as derivadas das referencias á morte e a perda que iso significa, con implicacións directas ás feridas herdadas polas novas xeracións e o sentimento de rebeldía, mesmo de insubmisión, que provoca no eu poético tal situación. Esta é unha parte esencial do discurso encerrado no poemario.

Vivir é acumular emocións que se van superpoñendo unhas ás outras en capas de experiencia, e aí, nesa acumulación formal e no contraste de tales vivencias, é onde xurden a sobrecarga e o «claro-escuro» tan barrocos, que acubillan todo o poemario e que lle dán sentido e unidade á colección. A autora busca un vínculo entre a realidade cotiá e a experiencia estético-artística como leit-motiv do conxunto, para rematar por reivindicar con enerxía o papel da muller na arte, sobre todo a de aquelas intencionadamente esquecidas nos programas de estudos, ás que dedica este libro.

Coñecendo como coñecemos a escrita desta autora, non nos estraña a delicadeza de cada un dos versos que integran a colección nin a sensibilidade que desprende a súa lectura. A palabra precisa no lugar exacto, a pulcritude estrutural, a elegancia refinada no seu discurso, a miúdo máis suxerido que evidenciado, converten cada poema en pezas de delicada porcelana, se seguimos o xogo proposto dende o principio. Así, a visita a esta particular galería convértese nunha experiencia claramente estética, mentres Antía, coas súas palabras, rabuña as nosas vísceras máis íntimas coa intención de provocar unha reacción en cadea.

Antía Otero

«Barroco»

68 páxinas

O Concello de Baiona e Afaga triplican as prazas dos programas

0

O Concello de Baiona consolidou nos últimos tres anos unha forma de entender os Servizos Sociais como un dereito de todos os veciños, un paraugas que engloba numerosas iniciativas para todas as idades e sempre en colaboración co tecido asociativo.

En colaboración coa Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e otras demencias de Galicia (AFAGA) desenvolve dous programas con cada vez maior demanda, ‘Cultiva a túa Mente’ e o programa de Estimulación Terapéutica.

Neste curso 2022/2023, o Concello de Baiona levou ás parroquias de Baiona o programa de prevención ao deterioro “Cultiva a túa Mente”, no que xa participan 35 persoas. A actividade está dirixida a persoas maiores de 55 anos interesadas na prevención do deterioro cognitivo.

O obxectivo é o fomento de hábitos saudables dende un enfoque activo e positivo en áreas cognitivas, emocionais, funcionais e sociais como precursor dun axeitado mantemento de vida independente nas persoas adultas maiores participantes.

Polo que respecta ao programa de estimulación terapéutica, vai dirixido ás persoas que xa teñen síntomas de deterioro cognitivo e ás súas familias. O programa da servizo xa a once familias da vila.

O Concello de Baiona e Afaga organizan tamén un programa psicoeducativo para coidadores e familiares de persoas dependentes, ‘Coidándome’. Busca ofrecer unha atención integral aos coidadores e familiares para previr ou minimizar as consecuencias que ten na súa propia saúde a atención continuada a un familiar maior con dependencia. Participan 15 persoas.

“As cifras de persoas usuarias nestes programas triplican as que había xusto antes da pandemia; a demanda destes servizos vai en aumento e queremos dar resposta”, explica Conchy Vara, concelleira de Servizos Sociais.

Orzamentos

“Os Servizos Sociais son un dereito dos veciños, un dereito protexido pola lei para darlle asistencia desde as administracións ás persoas que o necesitan”, asegura o alcalde, Carlos Gómez Prado.

Para facer realidade estes obxectivos, as partidas para políticas sociais nos orzamentos municipais aumentaron un 30% desde o comezo do mandato.

O concello puxo en marcha tamén en marcha en setembro de 2023 unha experiencia pioneira cunha aplicación que funciona como un asistente de conversación. O proxecto ‘En Compañía’ (Acompañamento Terapéutico a Persoas con Demencia) foi deseñado para persoas usuarias que viven soas en zonas rurais.

O CRA Mestre Manuel Garcés enche Tomiño de desexos de paz nunha botella

0

Os nenos do CRA Mestre Manuel Garcés volven encher Tomiño de ilusión e esperanza para conmemorar o Día Internacional da Paz, unha celebración que cobra especial relevancia cando estase a piques de cumprir un ano do inicio da guerra en Ucraína que, xunto a outros moitos conflitos no mundo, “o alumnado está vendo constantemente na televisión e sinte tamén de preto, xa que está a convivir con moitos nenos e nenas ucraínas”.

Para conmemorar esta data tan sinalada, o centro creou unha pequena instalación coa que encheu a Praza do Seixo de botellas de vidro transparente con mensaxes e desexos de paz dentro. Baixo o lema ‘Desexos na botella’, nenos e nenas incluíron nos recipientes mensaxes e debuxos xunto cunha flor tipo sempreviva, duradeira, “para dar vida e deixar que florezan todos os nosos desexos de paz”.

Citas para a renovación do DNI na Guarda en febreiro

0

O vindeiro martes día 7 de febreiro de 2023 xa se poderán solicitar as citas para a visita das unidades móbiles no concello para a renovación do Documento Nacional de Identidade (DNI) correspondente ao mes de febreiro de 2023.

A apertura do prazo para a solicitude de novas citas en febreiro ofertadas pola unidade móbil do Corpo Nacional de Policía de Vigo comezarán o martes día 7 de febreiro de xeito preferentemente telefónico no 986 61 0000 de 9:00h a 14:00h ou presencialmente na Casa dos Alonsos.

A Unidade Móbil desprazarase á Guarda o 20 de febreiro e a recollida de documentos terá lugar o 23 de febreiro.

Ata entón, aquelas persoas que de xeito urxente necesiten realizar a renovación do seu DNI, poderán acudir ás oficinas de expedición de Tui (na rúa Párroco Rodríguez Vázquez, 3) ou Vigo (rúa Álvaro Cunqueiro, 6) previa solicitude de cita no teléfono 060 ou ben a través da páxina web www.citapreviadni.es.

Salvaterra convoca unha reunión cos viticultores o vindeiro xoves

Este pasado xoves 2 de febreiro, a Consellería de Medio Rural vén de declarar a presencia da praga de corentena denominada “Flavescencia dourada da vide”, ademais de establecer a zona demarcada para a praga e a adopción das medidas urxentes para a súa erradicación e control na Comunidade Autónoma de Galicia.

Co fin de informar de primeira man aos implicados e responder ás dúbidas que poidan xurdir, representantes do Concello de Salvaterra, xunto co director xeral de Gandería, Agricultura e Industrial Agroalimentarias da Consellería de Medio Rural e un técnico da Consellería, reuniranse cos viticultores de Salvaterra o próximo 9 de febreiro ás 20:00 h no Salón de Plenos do Concello, co fin de achegarlle toda a información e responder as dúbidas que poidan xurdir de acordo as medidas que se teñen que aplicar, ao encontrarse Salvaterra dentro da zona demarcada pola praga.

A Concellería de Igualdade de Baiona pon en marcha “Con Voz Propia”

0

Tralo éxito do programa “Con Voz Propia” o ano pasado, a Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, a través do Centro Municipal de Información á Muller (CIM), volve apostar por esta actividade, trátase dunha intervención psicopedagóxica na que a práctica vocal (coral e solista) utilízase para incrementar o empoderamento das mulleres.

O programa desenvolverase os mércores en horario de mañá de 10:00 h a 13:00 h no Multiúsos Mercado de Sabarís. A actividade comezará o vindeiro mércores 15 de marzo e estenderase ata o mércores 3 de maio.  Na metodoloxía está previsto o ensino das habilidades de base do canto, utilizando o método de Maga de Voz. Ao mesmo tempo utilizaranse moitos recursos da musico-terapia, a danza-terapia e a drama-terapia para fomentar a libre expresión o arraigamento e empoderamento do corpo e a voz das participantes. Ademais traballarase  coas letras das cancións para re-enfocar a visión do percorrido vital. 

A cabalo entre a canto-terapia e a aula de música común, o programa combina as estratexias propias do ensino convencional do canto co enfoque musico-terapéutico, facendo da expresión musical un vehículo para a expresión emocional. Este proxecto parte do presuposto de que a aprendizaxe de canto, como conxunto de técnicas e habilidades vocais e musicais unidas á expresión de emocións auténticas, pode incrementar a seguridade e a confianza, axudando na descuberta e valorización de si mesmas e da/s outra/s, favorecendo a inclusión e mellorando a propia estima e realización.

“Estas acción levadas a cabo polo departamento de Igualdade supoñen pasos cara adiante na vida das mulleres de Baiona, son de axuda para reforzar a súa autoestima e coñecemento.”, sinala a Concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas.

Aquelas mulleres que estean interesadas poden contactar co CIM de Baiona no teléfono 986 35 75 54.

Esta actividade está financiada cos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Movemento Salceda pide que se compense o déficit de saneamento do municipio

Movemento Salceda votou en contra da modificación dos estatutos do Consorcio do Louro, que lle dá ao municipio do Porriño total poder de decisión sobre este organismo, e pediu un mecanismo para compensar á localidade do Caselas polo seu déficit histórico en materia de saneamento.

O voto de MS non puido evitar que Salceda aprobase a modificación destes estatutos, xa que o PSdeG-PSOE e o PP votaron xuntos a favor.

A proposta de Movemento Salceda, que pódese ver na gravación do Pleno como o resto do posicionamento dos grupos, foi comparar os investimentos executados dende a constitución do consorcio en 2013, e que  cando menos a Salceda lle corresponda esa porcentaxe de participación, absorbendo ese agravio/débeda histórica co concello, esixindo a posta en marcha de un mecanismo de compensación para o déficit de saneamento de Salceda. O obxectivo era que o Concello de Salceda levase ao consorcio unha renegociación na que se beneficiase ó noso municipio. Ó noso entender o punto debeu quedar sobre a mesa.

A razón de ser de Movemento Salceda é defender os intereses da veciñanza do municipio por enriba de calquera outro interese e creen que a reforma dos estatutos é claramente denigrante, inxusta e perxudicial para a nosa xente no que respecta ao seu dereito ao saneamento; é negativo para Salceda

No pleno, Loli Castiñeira lembrou que Salceda é o concello menos saneado dos 4, con dúas parroquias, Soutelo e Entenza, sen saneamento.

O Servizo atención temperá renóvase en Salceda de Caselas e As Neves por dous anos máis

A alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, e o alcalde de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez, mantiveron xunto coas concelleiras de Servizos Sociais de ambos concellos, Angela Ledo e Pilar González, unha reunión para renovar o compromiso de prestación conxunta do servizo de atención temperá e avaliar o impacto deste servizo na poboación.

Tanto Xosé Manuel Rodríguez como Verónica Tourón celebraron que a Consellería de Política Social, este pasado mes de xaneiro aprobase a continuidade do financiamento para a prestación deste servizo ata o ano 2024, dándolle estabilidade a este servizo de carácter multidisciplinar.

O gabinete conta cun equipo especializado nos campos da psicoloxía, logopedia e fisioterapia, que xa atendeu a 111 menores dos cales 82 eran de Salceda de Caselas e 29 de As Neves.

O equipo técnico do gabinete traballa en estreita coordinación co persoal técnico municipal  das áreas de educación e servizos sociais, acadando deste xeito unha atención integral ás persoas menores atendidas.

Ambas concelleiras de servizos sociais subliñaron a importancia deste acompañamento no desenrolo persoal e social da poboación infantil. Igualmente destacaron a gratuidade do servizo e a súa calidade o que permite un acceso universal a maioría das familias de ambos concellos.

Verónica Tourón e Xosé Manuel Rodríguez reafirmaron o seu compromiso con este tipo de servizos que melloran a calidade de vida dos nenos e nenas e das súas familias.

Salvaterra aproba as subvencións para asociacións deportivas, culturais e deportistas

O Concello de Salvaterra de Miño vén de aprobar, na sesión plenaria deste pasado luns, a bolsa de subvencións nominativas para as distintas asociacións culturais, entidades deportivas e deportistas de alto rendemento para este ano 2023.

É de recoñecer a gran labor cultural que fan as distintas asociacións e a saúde deportiva da que goza Salvaterra, por iso dende o Concello consideran moi importante achegar unha liña de axudas económicas que lles permitan acadar parte dos seus obxectivos.

Son conscientes das dificultades económicas polas que atravesa a sociedade, máis se cabe nunha era postpandémica, por iso están seguros de que os máis de 120.000 € investidos nestas Asociacións, Entidades Deportivas e Deportistas, suporán un incremento das posibilidades e unha motivación extra para que poidan seguir continuando coas súas prácticas que nos enchen de orgullo e admiración a todos os veciños da localidade.

Tamén saben que toda axuda é precisa, por iso dende o Concello seguirán traballando para tratar de mellorar as condicións das distintas entidades e equipamentos.

A Xunta avanza na creación dunha rede de radioterapia do Sergas

“Queremos seguir avanzando na creación dunha rede única que vinculará aos diferentes servizos de Oncoloxía Radioterápica de Galicia, o que, sen dúbida, redundará en beneficio de todos os pacientes galegos”. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Hospital Meixoeiro, nunha Xornada de transferencia de coñecemento interno: Rede de radioterapia do Sergas, acto no que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, Javier Puente. A creación dunha Rede de Radioterapia do Sergas “traerá consigo melloras indubidables na calidade asistencial, non só aos doentes e ás súas familias, senón, tamén, aos profesionais de cada unidade”.

Sumar as fortalezas de cada servizo e cada profesional que o integra fará, -remarcou o conselleiro-, “que se combinen as habilidades de cada membro do equipo para acadar metas comúns”.

Segundo incidiu o responsable da carteira sanitaria do Executivo galego, “a tecnoloxía é un aliado e traballar con ela supón un considerable aumento da eficiencia no día a día dos profesionais do Sergas. Todo iso se traduce nunha mellora na calidade do tratamento, permitindo unha maior personalización do mesmo”.

Na súa intervención no acto, Comesaña destacou que todos estes avances non serían posibles sen a colaboración dos oncólogos radioterapeutas, radiofísicos, técnicos, persoal de enfermería e informáticos, aos que lles agradeceu o esforzo realizado.

Compromiso de Galicia coa investigación contra o cancro

Tamén destacou Comesaña, a posta en marcha de proxectos como o Centro de Protonterapia. Así, a finais do pasado ano, o Consello da Xunta autorizou, por máis de 22 millóns de euros, a contratación da redacción do proxecto básico e de execución, obra e dirección de obra deste centro, convertíndose Galicia na primeira comunidade en licitar a obra para instalar o seu centro de protonterapia.

A este proxecto de Protonterapia engádese o Centro de fabricación de terapias avanzadas CAR-T. Dous exemplos, “que amosan o compromiso de Galicia coa investigación contra o cancro”.

Renovación de equipamento

A Xunta viviu, nos últimos sete anos, dous grandes períodos de renovación de equipamentos de radioterapia, que serviron para situar aos hospitais galegos na vangarda dos tratamentos oncolóxicos, ao permitir incorporar 14 novos aceleradores lineais para mellorar a sanidade pública galega.

O primeiro destes procesos de renovación veu da man do convenio de colaboración asinado coa Fundación Amancio Ortega. Dotado cun importe de máis de 19 millóns de euros, permitiu adquirir, seguindo os criterios clínicos do Sergas, dez novos aceleradores lineais, (un deles intraoperatorio) e a actualización doutros dous.

O segundo proceso de renovación lévase a cabo entre os anos 2022 e 2023, da man dos fondos europeos Next Generation. A través da canalización destes fondos, contratouse a adquisición de novos equipos, por máis de 68 millóns de euros, para todos os hospitais públicos de Galicia. No que se refire a equipamento en Radioterapia, estes contratos posibilitaron a adquisición de seis novos equipos: un novo equipo de braquiterapia no Lucus Augusti, a renovación do equipo de braquiterapia no Complexo Hospitalario de Santiago, a renovación de dous aceleradores lineais do Complexo Hospitalario de Ourense, e a adquisición de dous novos aceleradores lineais para o hospital Montecelo de Pontevedra, que permitirán a posta en marcha dun servizo de radioterapia propio nesta área sanitaria.

Alcaldes de 13 concellos urxen á Xunta que declare a zona de Emerxencia polas inundacións

Alcaldes de trece concellos do sur da provincia de Pontevedra, afectados polas inundacións sufridas o pasado Nadal e Aninovo, urxen á Xunta de Galicia que declare o territorio como Zona de Emerxencia de Protección Civil e estableza medidas de apoio económico para asumir a rehabilitación dos municipios.

Xunto cando se cumpre un mes desta catástrofe, os rexedores da Cañiza, As Neves, Mondariz, Ponteareas, Salceda de Caselas, Tui, O Rosal, Tomiño, A Guarda, Baiona, Nigrán, Gondomar e Redondela enviaron unha carta conxunta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, amosando o seu malestar “por unha inexistente xestión por parte do executivo autonómico” ante as graves inundacións sufridas.

Unha “situación extrema para os concellos afectados e a súa veciñanza”, xa que a reparación do importante número de desperfectos ocasionados en instalacións, estradas, muros… municipais está a provocar un gasto extraordinario e urxente de atender, tamén para a poboación, debido a que temporais e choivas asolagaron numerosas propiedades privadas individuais ou de comunidades veciñais e instalacións de pequenas e medianas empresas.

Tras o elevado balance de estragos, os concellos afectados solicitan tamén á Xunta unha partida orzamentaria extraordinaria dada a excepcionalidade dos danos nestas comarcas, como o Plan Complementario de Axudas que se comprometeu a habilitar a Deputación de Pontevedra en canto a administración autonómica aplique a Lei de Emerxencias e declare a Emerxencia de Interese Galego nos municipios afectados. A posta en marcha desta partida excepcional por parte da Xunta non só permitiría aos concellos afectados afrontar os danos, “senón que beneficiaría tamén a milleiros de veciños e veciñas que teñen que recompoñer as súas vivendas e propiedades tras os estragos pola forza inusual da auga e a persoas autónomas e moitas pequenas e medianas empresas que viron danadas as súas instalacións, algo especialmente preocupante nun territorio cunha alta actividade agraria”.

A Asociación de Empresarios de Redondela prepara un networking para o sector do aloxamento

0

O sector do aloxamento en Redondela ten experimentado un notable crecemento nos últimos anos. Coordinar e impulsar accións conxuntas é un paso necesario que o sector privado demanda, e a Asociación toma o testemuño  para coordinalo e servir de correa de transmisión coas administracións con competencias na materia.

Durante a xuntanza os asistentes analizaron os últimos datos estatísticos do sector en Redondela e a súa comparativa co marco autonómico. Actualmente, figuran rexistradas en Redondela 110 actividades de aloxamento das cales o 75 % son vivendas de uso turístico (VUT), non obstante, este tipo de aloxamento representa o 41 % da oferta de prazas de aloxamento, un porcentaxe que está 3,61 puntos por encima da media Galega o que denota unha maior dimensión deste tipo de aloxamento no municipio. As VUT ten experimentado un intenso crecemento, dato que vai moi en consonancia co experimentado en toda Galicia nos últimos anos, especialmente no litoral.

Os albergues e as pensións concentran o 40 % das prazas de aloxamento da localidade. Cunha oferta renovada e adapta perfectamente a crecente demanda de turismo de peregrinaxe que ten actualmente Redondela.

A oferta de prazas de aloxamento na tipoloxía de hoteis segue a ser a menos significativa, co 2 % das prazas.  O sector segue reclamando a importancia de sumar este tipo de establecemento á oferta local achando esta deficiencia ao escaso apoio da administración local á iniciativa privada para o desenvolvemento deste tipo de aloxamentos.

A análise da Ameazas, Oportunidade, Fortaleza e Debilidades deu pe a un interesante debate a unha importante reflexión sobre a necesidade de remar xuntos para que Redondela sexa un punto de referencia en Galicia da man do destino estrela que se atopa no corazón da enseada de San Simón.

Destacou, na análise dos datos que Redondela,  que con 120.000 visitante en 2022, tan so o 3 % foi rexistrado na oficina de turismo, responsabilizando a xestión municipal deste importante desaxuste no servizo de información ao visitante.

O TECIDO EMPRESARIAL APOSTA POLA COORDINACIÓN E COLABORACIÓN ENTRE AS EMPRESAS DO SECTOR.

A primeira  das iniciativas que acordaron por en marcha e a realización dun ROTEIRO PROFESIONAL GUIADO dirixido ás persoas empresarias e traballadoras do sector turístico ao obxecto de adquirir os coñecementos adecuados para poder informar de primeira man de todos os recursos turísticos do municipio, da gran importancia do valor patrimonial e histórico dos distintos elementos e lugares en Redondela. O percorrido realizarase da man de Soledad Chayán, guía turística profesional, que recoñece que Redondela, aínda que acolledora e chea de vida, a súa historia tende a pasar desapercibida para os visitantes. Con esta iniciativa o sector adquirirá a capacitación necesaria para ser prescritor e recomendar ao viaxeiro as visitas e experiencias que mais se adapten aos seus gustos e preferencias.

A cita será o vindeiro xoves 9 de febreiro ás 10:00 a.m. A información e inscrición poderá xestionarse a través da Asociación de Empresarios de Redondela ou accedendo ao portal web da entidade.

Na reunión quedaron apuntalados os asuntos nos que se comezará a traballar de forma prioritaria, como un proxecto de mellora da calidade do destino turístico que comezará polo análise da viabilidade de implementar a metodoloxías SICTED, e a coordinación coa administración especialmente en canto as necesidades do Camiño de Santiago.

A Guarda presentou a asociacións e entidades as actuacións aprobadas no Plan de Sostenibilidade Turística en Destino

0

O concello da Guarda consegue sacar adiante o “Plan de Sostibilidade Turística en Destino” (PSTD) presentado á convocatoria extraordinaria do ano 2022 que xiraba en torno a enogastronomía.

A candidatura presentada inclúe 12 actuacións de gran impacto no Monte Santa Trega, praia do Muíño, mobilidade, dixitalización do turismo e outras máis especificas como gastronomía, fío condutor do programa desta convocatoria.

Para a elaboración desta candidatura organizouse unha mesa de traballo e realizáronse enquisas, accións necesarias para definir unha candidatura completa, realista e o máis axustada aos criterios marcados polo propio programa.

Na mesa de traballo participaron 12 representantes do tecido empresarial e social da Guarda como empresas de aloxamento, hostalaría, asociacións culturais e deportivas, comunidades de montes,… A candidatura contou cunha memoria de participación que incluía tamén as cartas de apoio destas entidades. A diversidade na participación foi valorada positivamente polo comité do programa.

O alcalde, Antonio Lomba, xunto co departamento de turismo, convocou á mesa para informar e agradecer o apoio das asociacións e entidades participantes a este proxecto. Expuxo o PSTD definitivo que obtivo a aprobación das administracións autonómica e central.

Nesta breve reunión informouse que o orzamento da candidatura superaba os 1,7 millóns de € pero a Xunta de Galicia trasladou que o proxecto tiña que ser reducido a 1 millón de € para ser valorado polo Comité. Esta redución supuxo que certas actuacións fosen reducidas ou alteradas do proxecto inicial.

A pesar da redución do orzamento, o proxecto aprobado mantén actuacións ambiciosas que suporán unha transformación para a nosa vila. Estes fondos europeos deben executarse en tres anos rematando o prazo no 2025.

En definitiva, esta reunión tiña o obxectivo de informar das modificacións sufridas polo proxecto orixinal e tamén de seguir facendo partícipes do proxecto as asociacións e entidades que lle deron o seu apoio.

A Deputación aproba novos recursos para os concellos

A Deputación de Pontevedra vén de mobilizar novos recursos por 6 millóns de euros para “garantir proxectos e servizos tanto aos concellos como ás asociacións da provincia”, como destacou hoxe a presidenta Carmela Silva, en materia de cooperación, infraestruturas, igualdade, cultura, transformación dixital e apoio ao sector primario. Da citada cantidade, 1,7 millóns corresponden a achegas do Plan Concellos; outros 1,1 millóns a novas axudas do IDAE; preto de 800.000 ao proxecto da segunda fase da mellora da estrada Tabagón-Goián; 500.000 euros ao proxecto do Hub da Loita contra a Fenda Dixital no rural; 410.000 euros ás subvencións para concellos e entidades en materia de igualdade; 500.000 euros están destinados a axudas para as cooperativas agrogandeiras e confrarías de pescadores; 470.000 euros a achegas a entidades de ámbito social e, por último, 550.000 euros para apoiar a cultura.

A Xunta de Goberno aprobou once novas achegas do Plan Concellos que beneficiarán aos municipios de Bueu, A Cañiza, Moaña, Nigrán, Pontecesures, Cerdedo-Cotobade, Poio, O Grove, O Rosal, Barro e Salvaterra. A maior parte corresponden á Liña 3 de Emprego, cun total de 7 achegas que permitirán contratar a 93 persoas.  En concreto, Bueu recibirá 111.641€, achega coa que poderá contratar 8 persoas; Moaña, 225.741€, que propiciarán 22 contratos; A Cañiza, 128.151€ para contratar a 12 persoas; Nigrán, 227.391€ para empregar a 18 persoas; Pontecesures, 84.752€ para formalizar 5 contratos; Barro, 100.868€ para contratar a 9 persoas e O Grove, 179.576€ para contratar a 19 persoas. No que se refire á Liña 1 de Investimentos, aprobáronse 4 achegas por 695.012€. Cerdedo-Cotobade recibirá 108.892€ para financiar a mellora do firme da estrada A Coutada-Campodanta e en Pé da Moa (Augasantas), mentres que Poio contará con 221.765€ para financiar a mellora do entorno do centro de saúde de Anafáns. Amais, Salvaterra terá unha achega 264.354€ para financiar a mellora de camiños municipais Salvaterra, Vilacoba, Uma, Meder e Lira e O Rosal recibirá 100.000€ para financiar as obras de reconfiguración do Camiño da Sueira, entre a estrada de Couselo e o Camiño da Menora.

Por outra banda, o Goberno provincial tamén deu luz verde ao expediente para sacar a contratación as obras do segundo tramo da mellora da mobilidade peonil na EP-3303 Tabagón-Goián, no Rosal, que conta cun orzamento de 795.872€ e se desenvolverá nun tramo de 1,8 quilómetros. Carmela Silva subliñou que esta obra, que a institución provincial aborda por fases e cuxo primeiro tramo xa está rematado, “vai permitir transformar por completo este viario de máis de 4 quilómetros, de xeito que seguimos avanzando nese modelo de mobilidade sostible, amable e saudable que nos referencia en toda España, como se puido ver no Encontro de Cidades, onde a Deputación foi referenciada polos ministerios de Mobilidade, Transición Ecolóxica, a DXT e moitos concellos de todo o Estado que seguen as nosas boas prácticas”.

Así mesmo, a presidenta informou de novas achegas do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía de España (IDAE) para realizar proxectos que mellorarán a eficiencia enerxética de instalacións e edificios municipais de 9 concellos. Por unha banda, aprobouse  o expediente de contratación das obras de mellora da eficiencia enerxética nas instalacións de abastecemento e depuración de augas residuais en Barro, A Cañiza, O Grove, Marín, Meis, Nigrán, Ponteareas e Pontecesures, cun orzamento de 770.085 euros. Os traballos permitirán a substitución de equipamentos como bombas, cadros de mando, sistemas de arranque e a incorporación de novos dispositivos de sensorización, caudalímetros, rototamices ou sondas de osíxeno. Carmela Silva puxo en valor aos concellos que se adheriron ao proxecto, “xa que este investimento vai permitir que a xestión da auga sexa máis sostible, algo fundamental e aínda máis nunha situación como a que vivimos, na que pasamos dunha declaración de seca a inundacións”. O IDAE tamén vén de conceder á Deputación outra achega de preto de 350.000 euros para dotar de instalacións xeotérmicas sostibles a varios edificios municipais da Illa de Arousa e A Cañiza, “que permitirán reducir as emisións de kgCO2 ao ano a menos da metade das actuais”.

Por outra banda, a Xunta de Goberno deu conta da subvención do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico por importe de 280.658 euros para o programa Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia. O orzamento total desta iniciativa ascende a 500.000€ e a Deputación aporta os restantes 219.342€. A iniciativa está dirixida, como explicou a presidenta, a garantir “a capacitación das persoas para moverse neste mundo dixital” e reducir a fenda dixital que padecen as persoas no ámbito rural, sobre todo as maiores e as mulleres, “algo fundamental porque na actualidade a maior parte das actividades realízanse xa de forma dixital e moitas persoas vense incapaces para desenvolvelas”. “Esta é unha iniciativa  –engadiu- que mostra a unha administración provincial moi consciente dos beneficios que ten a dixitalización, pero tamén dos problemas que xera”. O proxecto contempla accións de capacitación e formación en habilidades e competencias dixitais, así como o desenvolvemento dunha plataforma innovadora de formación cun módulo de creación de contidos e o desenvolvemento de servizos e solucións inclusivas e accesibles.

No que atinxe ao eido da igualdade, a institución provincial lanza as subvencións para o fomento da igualdade e prevención da violencia de xénero destinadas aos concellos de menos de 20.000 habitantes e ás asociacións que desenvolven estes programas de sensibilización, cun orzamento que se incrementa neste 2023. No primeiro caso destínanse 260.000 euros, 30.000 € máis que o pasado ano, e para as entidades, 150.000, 42.000€ máis. No 2022 beneficiáronse destas achegas 50 municipios e 43 asociacións.   

Na aposta polo sector primario, aprobáronse as bases das subvencións dirixidas ás confrarías e ás cooperativas agrogandeiras, ás que se destinan en ambos casos 250.000€. Estes recursos están permitindo, como destacou a presidenta, que estas agrupacións poidan adquirir “material e instrumental moi avanzado”. En concreto, coas achegas poden financiar actividades de comercialización e valoración de producións, de formación técnica e o asesoramento para desenvolver iniciativas vinculadas a proxectos de investigación e innovación tecnolóxica, así como o uso das novas tecnoloxías e das enerxías renovables e o aforro enerxético e a súa divulgación. Tamén se financia material para a vixilancia das producións das confrarías e  investimentos para a mellora dos servizos prestados.

Así mesmo, a Xunta de Goberno deu luz verde ás bases das subvencións para entidades que desenvolven actuacións fundamentais no ámbito social dirixidas a persoas en situación vulnerable. Estas axudas financian iniciativas como hortas urbanas, comedores sociais e bancos de alimentos, actividades de asesoramento e fisioterapia, iniciativas de integración sociolaboral de persoas en risco de exclusión social, proxectos de promoción do benestar e de respiro familiar ou atención a persoas con diversidade funcional entre outras.

E, por último, a Deputación xa ten en marcha tres liñas de axudas a entidades do eido cultural. A primeira, dotada con 250.000€, está dirixida ás asociacións “a fin de que poidan ofertar cultura na provincia e consolidar o sector e contribuír ao desenvolvemento das zonas menos poboadas”. A segunda liña vai destinada á organización de festivais ou certames musicais e teatrais de prestixio, cun orzamento de 150.000 euros, subvencións coas que se financian, entre outros o Canteira Fest, o IKFEM – Festival de Teclado da Eurocidade Tui-Valença, o Festival Internacional de Jazz de Cangas ou o Festival Internacional de Títeres de Redondela. E outros 150.000 euros están dirixidos ás  axudas para a organización de festivais e certames cinematográficos de prestixio. Desta partida veranse beneficiados os festivais da marca Rías Baixas Film Fest (Festival de Cans do Porriño; Festival de Cine Inclusivo de Vigo; Galician Freaky Film Fest en Vigo; Primavera do Cine en Vigo, FicBueu,  Play-Doc  de Tui, Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía e Novos Cinemas de Pontevedra).

A mocidade tomiñesa achegará ideas para reducir o tráfico nos camiños do rural

0

O Concello de Tomiño convida unha vez máis ao nenos e nenas do Consello da Infancia e da Adolescencia de Tomiño, Voces Novas, a implicarse na gobernanza do municipio. A alcaldesa, Sandra González, mantivo un encontro con integrantes deste consello para buscar ideas que se poidan implementar para reducir o tráfico nos camiños rurais, unha demanda veciñal xurdida ao abeiro dunha das sesións da iniciativa municipal ‘O Concello escoita’.

Rapazas e rapaces traballarán nos vindeiros días en preparar propostas para acadar esta meta e poñer en marcha unha campaña de seguridade viaria que permita recuperar espazo para as e os peóns e para as bicicletas.

A alcaldesa salientou a implicación de todas e todos os integrantes de Voces Novas dunha forma tan activa na vida municipal, non só en aspectos que afectan á infancia e á adolescencia, senón a toda a veciñanza.

Baiona finaliza as obras de instalación de saneamento en Baredo

0

O Concello de Baiona finalizas as obras nos barrios de Baredo de Xestas, Súas Torres, A Bouza e Montiño, camiños que carencian deste servizo.

As obra foron adxudicadas á empresa “Excavaciones e construcións Manuel Pérez Portela” por 105.951,42 euros e están subvencionadas ao abeiro do “Plan Concellos 2021” da Deputación de Pontevedra.

Procedeuse á instalación de novas tubaxes de saneamento para dar acceso ao mesmo ás vivendas que non tiñan ese servizo municipal. O Concello considerou necesaria a obra porque os residentes na zona trataban as augas residuais de manea individual con fosas sépticas nas vivendas. Así mesmo, tamén se instalou nova rede de pluviais. Uns traballos aos que se sumaron a mellora do pavimento co asfalto dos viais.

O Concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez, sinala que con estas obras “procedeuse á instalación de distintas tubaxe de varios metros para dar un novo servizo a todas as vivendas situadas nestes camiños da parroquia”.

Pola súa banda o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, comenta “a importancia destas  obras “que dará servizo ás vivendas destes lugares”.Así mesmo, destaca que “se trata dun compromiso do Alcalde de Baiona para que  a veciñanza teñan o mesmo acceso aos servizos municipais residan onde residan”. A dotación destas novas redes de saneamento súmase a outras moitas levadas a cabo nos últimos meses en distintos puntos da localidade. Do mesmo xeito, darase continuidade  á  mellora de infraestruturas e servizos básicos dos diferentes barrios e parroquias do municipio”. O rexedor reafirma o obxectivo é completar o saneamento nos barrios e  lembra que a dotación destes servizos aos núcleos da localidade “foi, e segue sendo, unha das nosas prioridades “. Outros dos obxectivos é “o compromiso co mediambiente xa que con estas novas instalacións elimínase o risco dunha contaminación dos terreos e mesmo do río”, finaliza o rexidor.

Máis de 40 pilotos de Galicia e Portugal reúnense mañá no Porriño

O Concello do Porriño acolle un evento de scalextric primeiro nivel, será da man do Slot Club Porriño, na súa sede localizada no número 2 da rúa Ourense. Trátase do Campionato Ibérico Legend organizado pola marca SRC. A competición celebrarase ao longo deste sábado, 4 de febereiro, e contará coa participación de máis de 40 pilotos procedentes de toda Galicia e do Norte de Portugal.

O alcalde da vila, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, presentaron xunto con representantes do Slot Club Porriño o cartel desta xornada que dará comezo ás 09.00 horas coas verificacións, momento no que a organización porá a lupa nas mecánicas dos coches para comprobar de que todo está correcto. A saída do primeiro dos coches está prevista para ás 10.00 horas. Os pilotos deberán percorrer 20 tramos, divididos en catro sección de cinco tramos cada unha. A proba continuará pola tarde, xa que logo da parada para xantar, a partir das 16.00 horas, os pilotos volverán a poñerse aos mandos dos seus vehículos para disputar as dúas últimas sección.

A cita de mañá é a segunda, única na provincia, dun total de 16 probas repartidas por toda a xeografía española e Norte de Portugal. Neste campionato Legend os participantes están divididos en cinco categorías: os 4×4, para coches con tracción ás catro rodas; os 4×2, para os coches con só tracción atrás; os máster, para pilotos nacidos antes de 1973; os infantís, para a cativada nacida a partir do 01/01/2009 e a categoría damas.

Dende o Concello e dende o Slot Club Porriño animan a asistir a “esta gran xornada de scalextric, aínda que só sexa para ver como van de rápido estes vólidos”.

Grande expectación veciñal polo futuro parque da rúa Sarmiento Rivera

Ducias de persoas asistiron onte á presentación do proxecto do novo parque da rúa Sarmiento Rivera de Ponteareas, que contará con case 3.000 metros cadrados. No acto interviñeron a alcaldesa, Cristina Fernández; o primeiro tenente de alcadesa, Roberto Mera; a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote; e o arquitecto coordinador da área de urbanismo, Javier Antoñón.

As obras comezarán neste mes de febreiro e non terán custo para o Concello de Ponteareas, xa que se trata dunha obriga dos propietarios dos terreos recollida no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para poder desenvolver o resto da área con usos comerciais. Ademais, unha vez rematado o acondicionamento, os promotores cederán o parque en propiedade a favor do Concello.

A Xunta acomete actuacións ambientais na Cañiza e nas Neves

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, vén de financiar a adquisición dunha máquina varredora profesional a prol do Concello da Cañiza e de acometer un novo treito da rede de saneamento da parroquia de Tortoreos, no municipio das Neves, ao abeiro da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA).

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou esta mañá ambas actuacións, que supuxeron un investimento global de 112.000 euros, xunto aos alcaldes da Cañiza, Luis Gómez Piña, e o das Neves, Xosé Manuel Rodríguez.

En primeira instancia, o representante autonómico comprobou as obras de ampliación da rede de sumidoiros no treito entre o lavadoiro de Silvares e o lugar da Ponte, na parroquia de Tortoreos deste municipio do Condado. Dita actuación executouse en dúas fases cunha lonxitude de preto de 600 metros coa correspondente dotación de conducións e pozos de rexistro e a reposición da calzada cun orzamento de 32.500 euros.

“Financiamos unha obra importante, demandada polo Concello das Neves, e damos continuidade á nosa aposta pola mellora dos servizos ambientais e doutras infraestruturas neste municipio, no que investimentos preto de 800.000 euros con estas liñas nos últimos anos e ao que a maiores adicamos, só con Fondo de Cooperación Local (FCL), 285.000 euros no derradeiro exercicio”, detallou Luis López.

Nova máquina varredora FCA da Cañiza

A continuación, o delegado territorial desprazouse ata o Edificio Rañadoiro da Cañiza, onde coñeceu o funcionamento da nova máquina varredora profesional, que supuxo un investimento de 79.600 euros e que permitirá mellorar o servizo de limpeza e coidado natural nun concello que conta con 320 núcleos de poboación espallados nos 108 quilómetros cadrados do seu territorio.

“Esta máquina de grandes dimensións e dotada con dous cepillos garante a eficiencia do servizo, xa que permitirá actuar con maior celeridade na limpeza de zonas verdes e peonís grazas á súa mecanización. Elo enmárcase no forte compromiso da Xunta coa Cañiza tras destinarlle 1,75 millóns de euros neste ámbito nos últimos exercicios”, manifestou o representante autonómico, que tamén lembrou que a Xunta concedeulle ademais 281.000 euros do FCL en 2022.

Fondo de Compensación Ambiental, ata o 27 de febreiro

Por outra banda, Luis López recalcou a “colaboración e implicación” da Xunta cos concellos na protección e mellora do medio natural a través do citado Fondo de Compensación Ambiental, dotado neste ano con máis de 11 millóns de euros e ao que xa se poden acoller as entidades locais interesadas. Dirixido a concellos, mancomunidades e consorcios locais, a través desta orde de axudas subvenciónanse accións como campañas divulgativas, melloras de eficiencia enerxética, integracións paisaxísticas ou proxectos para evitar a degradación ambiental, entre outras. O prazo da convocatoria está aberto ata o 27 de febreiro.

A esta iniciativa súmase, tamén a prol dos concellos, a orde para a creación e mellora de infraestruturas vinculadas aos servizos municipais, dotada con 3,5 millóns de euros e cuxa convocatoria está tamén aberta. 

Comeza na Guarda o proxecto “O río que nos une”

0

O proxecto “O río que nos une” é unha iniciativa de cooperación no ámbito da mocidade financiada polo programa Erasmus+ da Unión Europea cun financiamento de 17.164 €.

Este proxecto reúne a 3 socios: a Câmara Municipal de Caminha, o Concello da Guarda e a asociación FOCO. Neste proxecto as dúas institucións municipais colaborarán na implementación das actividades locais que se propoñerán despois dos encontros que guiará a asociación entre persoas mozas de ambos municipios.

Co proxecto “O río que nos une” abordarase o tema da participación xuvenil nas políticas de mocidade municipais para aumentar a cooperación e cohesión de ambos municipios no deseño e implementación de iniciativas e actividades xuvenís. Para cumprilo, serán incluídos e habilitados procedementos e mecanismos para garantir a participación da mocidade no deseño destas actividades.

O proxecto divídese en dúas partes: unha primeira fase de encontros entre mozos da Guarda e Caminha na que se establecerán as actividades que se propoñerán aos dous municipios a través dun proceso participativo; unha segunda fase na se que levarán a cabo as actividades.
Será unha oportunidade para reflexionar sobre como cooperar entre os dous países, facilitar a comunicación entre os mozos e os representantes políticos.

O proxecto ten como obxectivo establecer en cada municipio un mecanismo para que as persoas novas pedan propoñer ao seu concello e deseñar actividades que estean adaptadas ás súas habilidades e realidade,  prestando especial atención à xuventude de menos de 20 anos (quen máis afastada e allea ve ás institucións) e crear unha axenda de actividades xuvenís transfronteiriza conxunta. Con este proxecto, queremos potenciar un marco común europeo para a realización de actividades e participación xuvenil e fortalecer a nosa rede de organizacións xuvenís a nivel internacional.

Ponteareas convoca o IX Premio de Investigación Fermín Bouza Brey

Imaxe de arquivo dunha edición anterior

O Concello de Ponteareas convoca o IX Premio de Investigación Fermín Bouza Brey, un certame co que o Goberno municipal busca lembrar o nacemento na vila do Tea do ilustre polígrafo e poeta ao tempo que promove a investigación histórica sobre o municipio e a comarca, afondando así na identidade cultural de Galicia.

Dotado con 3.000 euros, o certame está aberto aos proxectos de investigación científica relacionada cos campos da historia, arte, arqueoloxía, etnografía, literatura ou ciencias sociais que deberán ter obrigatoriamente como referente o concello de Ponteareas e, de forma complementaria, a comarca do Condado.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a todas as persoas a presentar os seus traballos de investigación a este premio que chega xa á súa novena edición. As e os investigadores interesados poderán achegar as súas propostas ata o vindeiro 20 de marzo.

O gañador da última edición foi o doutor en Economía e profesor da Universidade de Oviedo Damián Copena, que co seu traballo ‘Manexo comunitario dos recursos naturais: pasado, presente e futuro dos montes veciñais e en man común de Ponteareas’ afondou no importante papel das comunidades de montes e do relevante valor da materia prima e ben común que xestionan e permitiu poñer a Ponteareas como un caso de estudo de relevancia neste campo fóra das fronteiras galegas.

O Concello aclara que non emprega gasóleo agrícola en ningún dos vehículos do parque móbil municipal só nun alugado

0

Imaxe de arquivo da recepción dun vehículo híbrido

O Concello de Tomiño aclara que non emprega este tipo de combustible en ningún dos 35 vehículos que integran o parque móbil municipal.

O Concello ten un contrato cunha empresa subministradora de combustible que garante a correcta repostaxe de calquera vehículo da frota municipal cun estrito protocolo, asegurándose que reciben o combustible que lle corresponde independentemente da persoa que acuda a repostar.

Por outro lado, o vehículo sobre o que se abriu o expediente sancionador trátase dun vehículo alugado de forma temporal polo Goberno municipal para realizar tarefas puntuais. Polo tanto, o Concello está a facer as investigacións oportunas para aclarar os motivos polos que este vehículo foi recepcionado polo Concello con gasóleo agrícola para presentar todas as alegacións pertinentes.

O alcalde de Nigrán solicita á Xunta que empregue a cociña do CEIP Humberto Juanes

0

O alcalde de Nigrán, Juan A. González, participou no CIFP A Granxa de Ponteareas, no seminario europeo de ‘Foodlab Project’ sobre agricultura e consumo sostibles, para presentar o proxecto da cociña escolar municipal levado adiante polo goberno que representa. A cuestión servíu de exemplo de boas prácticas nestas xornadas que se desenvolven desde o martes e ata hoxe venres en diversos puntos da comarca de Louriña e á que tamén asiste mocidade e profesorado procedente de Portugal, Albania e Tunicia. 

“Seguimos agardando a que a Xunta comprometa na nova licitación a que sea obrigatorio para a empresa adxudicataria empregar estas instalacións”, explicou Juan González, quen defendeu que “a saúde dos nenos ten que estar por riba dos intereses privados”. “No CEE de Panxón cocíñase tamén para o CPI Arquitecto Palacios e para a E.I. ‘As Dunas’, constatándose que a calidade é moi superior á dos demais colexios que se nutren mediante o sistema de catering indirecto”, engade o rexedor.

Tal e como comentou, o Concello de Nigrán investíu nesta cociña construída no CEIP Humberto Juanes un total de 373.878 € e está xa lista para o seu emprego por parte do catering. “En marzo-abril a Xunta debería publicar os novos pregos de licitación e non poden obviar esta situación: queremos que desde o vindeiro curso o catering adxudicatario empregue estas instalacións para todos os centros educativos do municipio”, insiste González, xa que a infraestrutura, de 490 metros cadrados, dimensionouse para dar resposta a tódolos colexios de Nigrán (ten capacidade para abastecer ata 1.000 comensais, case o dobre que os usuarios actuais).

Tanto desde as comunidades educativas como desde o Concello consideran que prescindir do sistema de catering actual permitiría ter unha alimentación máis saudable porque se contrarrestaría o uso de alimentos ultraprocesados e privilexiaría o uso de produtos frescos e materias primas do comercio local, poderían elaborarse menús máis variados, achegaría aos nenos a cultura do esforzo e traballo ao non separar fisicamente o proceso de elaboración do resultado final e crearía un ambiente máis familiar no centro. Ademais, considerase que permitiría menús máis equilibrados e axustados ao perfil do alumnado, resultando pratos máis atractivos para os cativos.

O alcalde da Cañiza e o delegado da Xunta supervisan a nova máquina varredora

0

Na mañá de onte, Luis Piña, alcalde da Cañiza, acompañou ao delegado da Xunta en Pontevedra na visita que realizou ao concello para supervisar a nova máquina varredora do servizo de limpeza municipal, activa dende o pasado 26 de outubro.

Unha adquisición subvencionada ao 100 % co importe do Fondo de Compensación Ambiental 2022 da Xunta de Galicia que lle corresponde ao Concello da Cañiza. Un total de 79.600,43 € para o investimento no proxecto presentado polo Concello baixo a denominación “Adquisición de máquina de varrer profesional para actuacións de protección do medio ambiente e do espazo natural”.

Unha máquina profesional de 600 L, tipo vehículo con motor a gasoil, cunha potencia mínima de 35 CV, compacta (1,09m de ancho por 3,90 m de largo) e articulada que está permitindo optimizar o servizo de limpeza viaria, sobre todo en beirarrúas estreitas, grazas á súa operatividade.

Na visita de onte, alcalde e delegado puideron comprobar a eficacia desta máquina que conta ademais cun ángulo de xiro de 139 cm e pode traballar nun ancho de barrido de 2 m. Dispón tamén de transmisión hidrostática a través de 4 motores independentes en cada roda, tracción permanente e unha velocidade de transporte e de barrido de 25 km/hora.

Tamén cumple coa normativa de emisións 2016/1628/CE.

Terceira campaña de prevención do abandoo e perda de mascotas mediante implantación do microchip en Mos

0

Tras o éxito da dúas previas, Mos emprende a terceira campaña de prevención do abandoo e/ou perda de cans mediante a subvención do microchip obrigatorio. Entre as dúas primeiras campañas o Concello de Mos subvencionou un total de 80 microchips para cans de familias do municipio (20 na primeira campaña en 2021 e 60 na segunda o pasado ano 2022).

Deste xeito a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, informaron hoxe de que o vindeiro luns, 6 de febreiro, abrirase o prazo para solicitar esta axuda municipal. Prazo que rematará o día 28 deste mesmo mes.

A campaña preventiva consiste na subvención por parte do Concello da meirande parte do custe da implantación do dispositivo nos cans beneficiarios da mesma. Tendo os seus donos que asumir únicamente o pago de 10 euros por mascota.

As persoas interesadas en optar a esta axuda poderán solicitalo desde o 6 ao 28 do presente mes de febreiro presencialmente no Rexistro Xeral, sito na Casa Consistorial mosense, en horario de 9 a 14 horas de luns a venres, ou telemáticamente a través da Sede Electrónica do Concello de Mos. Os solicitantes teñen que descargar o formulario da web municipal, cubrilo e presentalo en Rexistro ou por Sede Electrónica.

Tras o remate do prazo de inscrición informarase aos beneficiarios sobre a clínica veterinaria á que terán que acudir para proceder á implantación do microchip ás súas mascotas. Os obxectivos fundamentais desta campaña son evitar os abandoos e facilitar a localización dos donos en caso de extravío.

En 2021 poñíase en marcha a primeira fase desta campaña municipal de fomento da implantación do microchip entre as mascotas das familias do municipio.

Ademais de ser o microchip obrigatorio, esta campaña púxose en marcha porque desde a concellería que dirixe Costas e desde o Servizo Municipal de Emerxencias, detectouse que unha elevada porcentaxe dos cans perdidos que aparecen na localidade non teñen chip, polo que se complica a tarefa de atopar aos seus donos para poder devolvelos aos seus fogares. “A iniciativa persegue tamén un obxectivo concienciador e de prevención do abandoo de animais domésticos” explica o edil de Medio Ambiente.

A concesión das axudas farase por rigorosa orde de entrada no Rexistro municipal. O procedemento de colocación dos microchips comezará de xeito inminente tras o prazo de inscrición.

Desde o Concello de Mos preténdese concienciar ás persoas sobre os abandoos e aimportancia das adopcións. Respecto diso, a Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que o 70% dos cans no mundo non teñen un fogar. Na actualidade existen aproximadamente 300 millóns de cans no mundo, cunha gran variedade de razas e tamaños. Hoxe en día existen desde cans de compañía ata cans policías, cans bombeiros, cans lazarillos…

Cambio de sentido no acceso ao colexio Alexandre Bóveda en Chapela

0

A partir do próximo luns 6 de febreiro a Rúa Alexadre Bóveda de Chapela na zona do colexio CEIP Alexandre Bóveda pasará a ser de dirección única durante o horario escolar, permitiendo só a baixada desde a Av. de Redondela ata a entrada do centro.

A alcaldesa de Redondela, Diga Rivas, explicaba que “esta é unha demanda da Anpa do centro e o profesorado desde fai moito tempo. O noso compomiso é cumprir coa seguridade do alumnado nunha zona moi concurrida durante o horario lectivo e asegurar a correcta parada do transporte escolar”.

Este cambio só afectará á entrada dos rapaces e rapazas ao colexio ás 8:30 horas ou 9:00 horas e á saída ás 13:30 horas ou 14:00 horas, correspondendo co horario oficial do centro escolar.

A partir do mesmo día, 6 de febreiro, o Camiño Laredo de Abaixo tamén pasará a ser de dirección única na baixada ata a Rúa Manuel Rodríguez Casal, zona  do tunel que pasa por baixo da vía do tren.  Cumprindo tamén cunha solicitude da veciñanza dende hai anos debido ao estreitamento desa rúa.

A Guarda lanza un programa de mellora da cobertura de internet

0

O alcalde da Guarda aistiu a reunión que a Secretaria de Estado de Telecomunicacións, María González Veracruz, mantivo na Deputación de Pontevedra con alcaldes e alcaldesas da provincia para presentar os plans do Goberno de extensión de fibra óptica no territorio.

O goberno lanzou ata o momento dúas convocatorias do programa UNICO-Banda Ancha (2021 e 2022). O obxectivo deste programa e o de subvencionar a instalación de fibra ás empresas instaladoras para conseguir que o despregue da banda ancha chegue a toda a poboación independentemente de intereses e rendibilidade comercial.

O despregue licitado na convocatoria de 2022 adxudicado a empresa Avatel Telecom, contempla a instalación de fibra en máis de 400 vivendas cubrindo a totalidade das zonas brancas (zonas sen cobertura pública de fibra) detectadas. Neste despregue instalarase fibra, entre outras zonas: no Outeiro en Camposancos, en Fonte Quente, nos Outeiros, na Cruzada en Netos e na Gándara.

Para detectar vivendas sen cobertura de fibra que non estean previstas no actual despregue o concello habilitará un punto de información permanente. A información recompilada transmitirase á Secretaría do Estado de Telecomunicacións para que inclúa as vivendas sen servizo de fibra no plan de despregue de 2023.

O alcalde, Antonio Lomba, comentaba ao saír da reunión que “ o concello da Guarda, como xa fixo en anteriores proxectos de instalación de fibra, ponse a disposición da empresa instaladora da fibra e da cidadanía para facilitar todo o que sexa posible a extensión da rede. Dende o concello entendemos que, na actualidade, dispoñer de conexión a internet de banda ancha é un servizo básico para toda a poboación”.

Para máis información

Enlace ao mapa para consultar as zonas incluídas na convocatoria de 2022: https://n9.cl/vcxpl

Enlace á relación de proxectos aprobados UINICO-Banda Ancha 2022: https://n9.cl/ew6wf

Ponteareas licita unha nova humanización dunha rúa tras una aportación da Unión Europea

O Concello de Ponteareas continua obtendo fondos económicos doutras administracións para executar os numerosos proxectos redactados nos últimos anos. Desta volta, o Concello conseguiu unha subvención de 60.000 financiada polo Ministerio de Sanidade, co apoio da FEMP, con cargo a fondos da Unión Europea, a través do instrumento Next Generation EU,  no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) para financiar ao 100 % o custo de humanización da rúa Forno Telleiro, situada a carón do Parque Ferro Ucha e que une a rúa Trobador Xoán García coa rúa Nardos.

O Goberno municipal licitou nos pasados días esta obra e as empresas interesadas en presentar as súas ofertas poderán facelo até o día 13 de febreiro.

A actuación consiste en recuperar o que até agora é un camiño asfaltado e sen beirarrúas, para transformalo nunha vía peonil unida ao Parque Ferro Ucha e convertelo nunha nova variante do camiño escolar cuxas obras se están executando na rúa Trobador, facilitando así a mobilidade do alumnado que se dirixe cara os IES Val do Tea e Pedra de Auga. Ademais, esta humanización permitirá unir o paseo peonil ao parque retirando o seu peche actual, realzando así as condicións do parque público no seu perímetro e mellorando a accesibilidade. As obras inclúen o pavimentado en plataforma única de todo o vieiro, iluminación e aparcabicis.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, salientou que “esta actuación demostra unha vez máis a capacidade do goberno municipal para xestionar e lograr recursos económicos doutras administracións como a Unión Europea que avala e apoia os nosos proxectos financiándoos ao 100%”. Cristina Fernández lembrou que “esta humanización súmase a un total de nove realizadas neste mandato” en referencia á Praza de Bugallal, rúa Redondela, Praza Dr. Fernández Vega, Rúa San Roque, Complexo Deportivo Álvaro Pino e Centro de Saúde, o segundo tramo do Paseo Matutino, a rúa Trobador Xoán García, boa parte da rúa Nardos e a rúa Curuxeira cuxas obras comezarán en breve. “Nunca se fixo tanto en tan pouco tempo na nosa vila”, concluíu a alcaldesa.

Cambiando o rumbo do ensino con Nino Cervera na Semana da Educación de Tomiño

0

Nino Cervera é un profesor con gañas de cambiar o rumbo da educación, ou cando menos intentalo. Con esa paixón pola docencia e coa innovación por bandeira, Cervera subirase ao escenario do auditorio de Goián o vindeiro xoves 9 de febreiro ao abeiro da VIII Semana da Educación de Tomiño para reflexionar co público dun xeito ameno e práctico sobre se don os docentes que lles gustaría ser cando estudaba.

A conferencia, en formato obradoiro, está destinada a experimentar sobre as claves dun bo ou boa docente e dunha boa educación, todo dende a perspectiva do alumnado e con Cervera achegando a metodoloxía para obter clases innovadoras, motivadoras e inspiradoras. “Non todos e todas somos iguais, por iso é fundamental achegar ás aulas métodos educativos innovadores, diferentes, actuais que permitan abrir espazos cos que darlles a opción de crecer sen limitalos. E iso é o que nos vai permitir descubrir Nino Cervera nesta nova edición da Semana da Educación”, explica a alcaldesa, Sandra González.

Docente con grande experiencia no sector educativo, dende cativo Cervera soñaba con mellorar o mundo. Co tempo decatouse que para iso era preciso mellorar ás persoas e aínda que é licenciado en Administración e Dirección de Empresas atopou a súa vocación como profesor de secundaria e universidade, organizando proxectos de innovación con impacto social e medio ambiental.

Especializado en innovación e novas metodoloxías educativas, actualmente compaxina o seu traballo como docente nun centro de La Laguna co seu labor en ‘Cambium Sostenible’, unha organización creada para impartir formación ao profesorado e acompañar á mocidade no desenvolvemento das súas habilidades persoais e profesionais. Autor do libro ‘¿Eres el profe que te hubiera gustado tener?’, o seu obxectivo é “fusionar a educación aplicada á vida real” e cre “firmemente que quen se atreva a ensinar non debe deixar nunca de aprender”.

O Concello organiza por oitavo ano consecutivo a Semana da Educación de Tomiño, xornadas de balde que se celebrarán do 6 ao 9 de febreiro no auditorio municipal de Goián. As persoas interesadas en asistir e recibir certificado de asistencia poden inscribirse xa a través da web municipal. Para apoiar a conciliación e facilitar a asistencia de pais e nais, haberá servizo de canguraxe gratuíto para as persoas que o precisen dende o inicio ata o finalo das charlas.

A Festa da lamprea de Arbo, festa de interese turístico internacional

0

A directora xeral de Turismo, Nava Castro, felicitou ao concello de Arbo e amosou a súa satisfacción logo de que o Boletín Oficial do Estado publicase hoxe a resolución pola que se concede o título de festa de interese turístico internacional á Festa da lamprea de Arbo.

Segundo a documentación aportada polo concello de Arbo, como entidade promotora da solicitude, Turismo de Galicia remitiu á Secretaria de Estado de Turismo, o expediente administrativo co informe favorable para a declaración desta festa co distintivo de interese internacional.

Este informe recolle que, de acordo coa documentación presentada pola entidade promotora, o evento cumpre os requisitos preceptivos para que sexa valorada pola Secretaría de Estado de Turismo, organismo competente para formalizar esta distinción.

Este venres preséntase o libro ‘Historias en pedra, Tui e as súas parroquias’

0

Este venres, 3 de febreiro ás 19 horas, o Edificio Francisco Sánchez acollerá a presentación do libro ‘Historias en pedra, Tui e as súas parroquias’ da artista tudense Rosa María Vila.

Rosa Mª Vila recolle nas páxinas do libro máis de 20 debuxos realizados coas técnicas de plumiña, dos seus inicios, e da acuarela. Tras 25 anos de traballo, a idea de plasmar nunha publicación rúas, paisaxes e igrexas de Tui e das parroquias, xurdiu en plena pandemia.

Os debuxos están acompañados neste libro por textos nun ton poético, escritos pola propia artista, do que para ela é Tui e o que significa. Ademais, recupera tamén composicións de escritores e pensadores como Manuel Rivas, Unamuno ou Bispo Lago.

Rosa Mª Vila conta cunha longa traxectoria artística dende a súa primeira exposición pictórica na cidade no ano 1998, á que teñen seguido numerosas mostras tanto en Tui coma noutros concellos galegos e portugueses.

O pasado mes de setembro presentou amais, na Sala Municipal de Exposicións do Edificio Francisco Sánchez, a mostra “Abrimos portas?”, na que recolleu 25 portas emblemáticas das cidades de Tui e Valença.

Agora neste libro, que será presentado o venres, recolle unha pequena parte da súa escolma pictórica sobre a súa cidade que o público poderá gozar dende as páxinas desta publicación que está xa á venda nas librarías tudenses.