11.6 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación aproba novos recursos para os concellos

    A Deputación aproba novos recursos para os concellos

    A Deputación de Pontevedra vén de mobilizar novos recursos por 6 millóns de euros para “garantir proxectos e servizos tanto aos concellos como ás asociacións da provincia”, como destacou hoxe a presidenta Carmela Silva, en materia de cooperación, infraestruturas, igualdade, cultura, transformación dixital e apoio ao sector primario. Da citada cantidade, 1,7 millóns corresponden a achegas do Plan Concellos; outros 1,1 millóns a novas axudas do IDAE; preto de 800.000 ao proxecto da segunda fase da mellora da estrada Tabagón-Goián; 500.000 euros ao proxecto do Hub da Loita contra a Fenda Dixital no rural; 410.000 euros ás subvencións para concellos e entidades en materia de igualdade; 500.000 euros están destinados a axudas para as cooperativas agrogandeiras e confrarías de pescadores; 470.000 euros a achegas a entidades de ámbito social e, por último, 550.000 euros para apoiar a cultura.

    A Xunta de Goberno aprobou once novas achegas do Plan Concellos que beneficiarán aos municipios de Bueu, A Cañiza, Moaña, Nigrán, Pontecesures, Cerdedo-Cotobade, Poio, O Grove, O Rosal, Barro e Salvaterra. A maior parte corresponden á Liña 3 de Emprego, cun total de 7 achegas que permitirán contratar a 93 persoas.  En concreto, Bueu recibirá 111.641€, achega coa que poderá contratar 8 persoas; Moaña, 225.741€, que propiciarán 22 contratos; A Cañiza, 128.151€ para contratar a 12 persoas; Nigrán, 227.391€ para empregar a 18 persoas; Pontecesures, 84.752€ para formalizar 5 contratos; Barro, 100.868€ para contratar a 9 persoas e O Grove, 179.576€ para contratar a 19 persoas. No que se refire á Liña 1 de Investimentos, aprobáronse 4 achegas por 695.012€. Cerdedo-Cotobade recibirá 108.892€ para financiar a mellora do firme da estrada A Coutada-Campodanta e en Pé da Moa (Augasantas), mentres que Poio contará con 221.765€ para financiar a mellora do entorno do centro de saúde de Anafáns. Amais, Salvaterra terá unha achega 264.354€ para financiar a mellora de camiños municipais Salvaterra, Vilacoba, Uma, Meder e Lira e O Rosal recibirá 100.000€ para financiar as obras de reconfiguración do Camiño da Sueira, entre a estrada de Couselo e o Camiño da Menora.

    Por outra banda, o Goberno provincial tamén deu luz verde ao expediente para sacar a contratación as obras do segundo tramo da mellora da mobilidade peonil na EP-3303 Tabagón-Goián, no Rosal, que conta cun orzamento de 795.872€ e se desenvolverá nun tramo de 1,8 quilómetros. Carmela Silva subliñou que esta obra, que a institución provincial aborda por fases e cuxo primeiro tramo xa está rematado, “vai permitir transformar por completo este viario de máis de 4 quilómetros, de xeito que seguimos avanzando nese modelo de mobilidade sostible, amable e saudable que nos referencia en toda España, como se puido ver no Encontro de Cidades, onde a Deputación foi referenciada polos ministerios de Mobilidade, Transición Ecolóxica, a DXT e moitos concellos de todo o Estado que seguen as nosas boas prácticas”.

    Así mesmo, a presidenta informou de novas achegas do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía de España (IDAE) para realizar proxectos que mellorarán a eficiencia enerxética de instalacións e edificios municipais de 9 concellos. Por unha banda, aprobouse  o expediente de contratación das obras de mellora da eficiencia enerxética nas instalacións de abastecemento e depuración de augas residuais en Barro, A Cañiza, O Grove, Marín, Meis, Nigrán, Ponteareas e Pontecesures, cun orzamento de 770.085 euros. Os traballos permitirán a substitución de equipamentos como bombas, cadros de mando, sistemas de arranque e a incorporación de novos dispositivos de sensorización, caudalímetros, rototamices ou sondas de osíxeno. Carmela Silva puxo en valor aos concellos que se adheriron ao proxecto, “xa que este investimento vai permitir que a xestión da auga sexa máis sostible, algo fundamental e aínda máis nunha situación como a que vivimos, na que pasamos dunha declaración de seca a inundacións”. O IDAE tamén vén de conceder á Deputación outra achega de preto de 350.000 euros para dotar de instalacións xeotérmicas sostibles a varios edificios municipais da Illa de Arousa e A Cañiza, “que permitirán reducir as emisións de kgCO2 ao ano a menos da metade das actuais”.

    Por outra banda, a Xunta de Goberno deu conta da subvención do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico por importe de 280.658 euros para o programa Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia. O orzamento total desta iniciativa ascende a 500.000€ e a Deputación aporta os restantes 219.342€. A iniciativa está dirixida, como explicou a presidenta, a garantir “a capacitación das persoas para moverse neste mundo dixital” e reducir a fenda dixital que padecen as persoas no ámbito rural, sobre todo as maiores e as mulleres, “algo fundamental porque na actualidade a maior parte das actividades realízanse xa de forma dixital e moitas persoas vense incapaces para desenvolvelas”. “Esta é unha iniciativa  –engadiu- que mostra a unha administración provincial moi consciente dos beneficios que ten a dixitalización, pero tamén dos problemas que xera”. O proxecto contempla accións de capacitación e formación en habilidades e competencias dixitais, así como o desenvolvemento dunha plataforma innovadora de formación cun módulo de creación de contidos e o desenvolvemento de servizos e solucións inclusivas e accesibles.

    No que atinxe ao eido da igualdade, a institución provincial lanza as subvencións para o fomento da igualdade e prevención da violencia de xénero destinadas aos concellos de menos de 20.000 habitantes e ás asociacións que desenvolven estes programas de sensibilización, cun orzamento que se incrementa neste 2023. No primeiro caso destínanse 260.000 euros, 30.000 € máis que o pasado ano, e para as entidades, 150.000, 42.000€ máis. No 2022 beneficiáronse destas achegas 50 municipios e 43 asociacións.   

    Na aposta polo sector primario, aprobáronse as bases das subvencións dirixidas ás confrarías e ás cooperativas agrogandeiras, ás que se destinan en ambos casos 250.000€. Estes recursos están permitindo, como destacou a presidenta, que estas agrupacións poidan adquirir “material e instrumental moi avanzado”. En concreto, coas achegas poden financiar actividades de comercialización e valoración de producións, de formación técnica e o asesoramento para desenvolver iniciativas vinculadas a proxectos de investigación e innovación tecnolóxica, así como o uso das novas tecnoloxías e das enerxías renovables e o aforro enerxético e a súa divulgación. Tamén se financia material para a vixilancia das producións das confrarías e  investimentos para a mellora dos servizos prestados.

    Así mesmo, a Xunta de Goberno deu luz verde ás bases das subvencións para entidades que desenvolven actuacións fundamentais no ámbito social dirixidas a persoas en situación vulnerable. Estas axudas financian iniciativas como hortas urbanas, comedores sociais e bancos de alimentos, actividades de asesoramento e fisioterapia, iniciativas de integración sociolaboral de persoas en risco de exclusión social, proxectos de promoción do benestar e de respiro familiar ou atención a persoas con diversidade funcional entre outras.

    E, por último, a Deputación xa ten en marcha tres liñas de axudas a entidades do eido cultural. A primeira, dotada con 250.000€, está dirixida ás asociacións “a fin de que poidan ofertar cultura na provincia e consolidar o sector e contribuír ao desenvolvemento das zonas menos poboadas”. A segunda liña vai destinada á organización de festivais ou certames musicais e teatrais de prestixio, cun orzamento de 150.000 euros, subvencións coas que se financian, entre outros o Canteira Fest, o IKFEM – Festival de Teclado da Eurocidade Tui-Valença, o Festival Internacional de Jazz de Cangas ou o Festival Internacional de Títeres de Redondela. E outros 150.000 euros están dirixidos ás  axudas para a organización de festivais e certames cinematográficos de prestixio. Desta partida veranse beneficiados os festivais da marca Rías Baixas Film Fest (Festival de Cans do Porriño; Festival de Cine Inclusivo de Vigo; Galician Freaky Film Fest en Vigo; Primavera do Cine en Vigo, FicBueu,  Play-Doc  de Tui, Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía e Novos Cinemas de Pontevedra).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.