Xoves, 17 Xullo de 2025

O PP de Mondariz-Balneario presenta como candidata a Marisa Domínguez

A candidata do PP á alcaldía de Mondariz-Balneario, Marisa Domínguez, sinalou que o 28 de maio pódese facer historia elixindo á primeira muller en ser alcaldesa de Mondariz-Balneario.

A presentación de Marisa Domínguez tivo lugar no auditorio municipale e o acto contou coa participación do presidente provincial, Luis López, e do alcalde, José Antonio Lorenzo. “Á política vense aprendido da casa, os gobernos non están para facer experimentos”, sinalou Domínguez, ao tempo que puxo en valor todo o traballo feito polo Partido Popular en Mondariz-Balneario. “Mentres outros soñan, nós construímos”, e aposta por “un concello que continúe en ascenso, desenvolvéndose, con grandes servizos que garantan calidade de vida aos nosos veciños. Este é o meu compromiso e o do equipo que me acompaña”.

Así, durante a súa intervención agradeceu á xunta local que apostasen por ela para liderar este importante reto, e enxalzou o traballo feito por José Antonio Lorenzo, “cunha dedicación absoluta a Mondariz-Balneario”.

A candidata popular afirmou que “temos un concello orgulloso da súa historia, e traballaremos para seguir mellorando e adaptarnos aos novos retos. Construíndo xuntos un Mondariz-Balneario aínda mellor, moderno e á vangarda, con servizos de calidade para maiores, nenos e mozos”. 

Pola súa parte, Luis López destacou que Marisa e o seu equipo “xa demostran cada día o seu cariño por este concello, coñecen perfectamente as necesidades e as demandas dos seus veciños e teñen unha gran capacidade de traballo e saben xestionar e conseguir os investimentos necesarios para garantir que este concello manteña os servizos, equipamentos e infraestruturas de primeiro nivel”.

Amosouse convencido de que se continúa “co ritmo de traballo, de proximidade cos veciños e de participación na vida do partido que ata o dea gora”, cando sexa alcaldesa, “este concello vai ter unha magnífica rexedora que proseguirá co legado de José Antonio Lorenzo”. Porque, engadiu, “Marisa encarna un proxecto de continuidade para Mondariz-Balneario, porque as cousas ben feitas convén que sigan indo polo mesmo camiño”.

Agradeceu tamén o legado do alcalde, José Antonio Lorenzo, “que enarborou con orgullo e moita educación e intelixencia a bandeira do PP, e que converteu ao concello máis pequeno da provincia no máis bonito e admirado de Galicia. Mondariz-Balneario non se entendería sen a túa xestión, sen o teu traballo, a túa adicación e a túa visión de futuro”.

Por último, pediu aos asistentes “un esforzo nas próximas semanas porque todos queremos revalidar o goberno local cunha clara maioría absoluta para continuar coa magnífica herdanza de todos estes anos”.

Xunto con Marisa, tamén formarán parte da candidatura Carlos Abril, concelleiro desde hai 16 anos e con ampla experiencia en xestión pública; Andrea Arjones, presidenta das ANPA e impulsora de actividades veciñais e culturais; e o mozo Pablo de La Fuente, técnico deportivo. O resto da candidatura irase anunciando nas próximas semanas.

A veciñanza de Chapela unida na homenaxe a Rosalía de Castro

0

O Concello de Redondela, a través da área de Normalización Lingüística dirixida pola alcaldesa Digna Rivas, finalizou a programación arredor do Día de Rosalía de Castro esta find e semana, despois de 3 días de actividades educativas e homenaxes nos que estiveron involucradas a Asociación de Empresarios, esolas, locais de hostalaría, floristerías e librerías. O día 25 de febreiro celebrouse a primeira homenaxe popular a Rosalía de Castro en Chapela.

Debido ás probabilidades de choiva tívose que trasladar dita homenaxe popular ao Auditorio do Piñeiral do Crego. Alí, ás 11:45 h o grupo de baile tradicional Anaquiños deu comezo ao evento. De seguido comezou a homenaxe popular na que participaron mulleres de distintos sectores do municipio como a presidenta do Club de Remo de Chapela ou as profesoras do Colexio Alexandre Bóveda Cris e Noemí. En representación da Asociación de Empresarios falou Rosana, propietaria dun comercio en Chapela e Cristina Blanci do sector da hostalaría. 

Tamén estiveron presentes máis veciños, como Anselmo, que representou ao colectivo de personas maiores, xunto co grupo de poesía Brétema. Para amenizar a velada, ademais do grupo Anaquiños, a Soprano rusa Anna Melikhova interpretou un repertorio con obras de Rosalía, Curros e Pondal acompañada da pianista Paula Gago.

“Este foi un acto con moita forza no que se falou da cultura galega e onde a música creou un ambiente emotivo que calou nos asistentes. Na homenaxe popular participaron mulleres que representan distintos lugares da sociedade e que coinciden co significado da figura de Rosalía e a súa importancia.  Rosalía de Castro é inegablemente unha das persoas de maior relevancia na lingua galega, pero tamén no feminismo e na representación dos valores da nosa terra e a dignidade do noso pobo”, explica a alcaldesa de Redondela Digna Rivas.

Paralelamente en Redondela, no Multiúsos da Xunqueira, ofreceuse un espectáculo infantil centrado na vida e na obra de Rosalía de Castro “Rosalía, o lugar onde medran as poetas”.

A rexidora local quere agradecer á “Asociación de Empresarios, a hostalaría local, floristerías e librerías a súa colaboración. O ano que ven repetiremos a programación, por suposto mellorandoa. A intención é incorporar os valores que representa Rosalía de Castro para que perduren durante todo o ano no pobo e permeen na veciñanza, apropiándose destes con orgullo. Por todo isto, foi moi importante tamén a presenza e participación do mudo do ensino”.

A Deputación convoca os premios Demo Day de “DepoEmprende na FP”

A Deputación de Pontevedra vén de convocar unha nova edición dos Premios Demo Day para os centros educativos que están adheridos este curso ao programa “DepoEmprende na FP”, que ten como obxectivo promover entre o alumnado de formación profesional de grao medio e superior a iniciativa emprendedora, tanto no ámbito empresarial coma no autoemprego. En total, neste 2023 repartiranse 1.900 € en premios e os centros educativos adheridos poden inscribirse na convocatoria por vía electrónica ata o vindeiro 8 de marzo.

Este curso están a participar en “DepoEmprende na FP” o CIFP Carlos Oroza (Pontevedra), o IES Manuel Antonio (Vigo), o IES Politécnico (Vigo), o IES Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar), o IES Pazo da Mercé (As Neves), o IES A Guía (Vigo) e o IES Montecelo (Pontevedra). Todos eles teñen a oportunidade de participar nos Premios Demoday, que a Deputación leva organizando dende o 2015, con dous proxectos. O obxectivo é que o alumnado dos centros elabore e xestione proxectos empresariais identificando e apoiando aquelas propostas susceptibles de ser desenvolvidas.

Deste xeito, unha vez que os centros seleccionen as súas propostas, a Deputación organizará un programa intensivo para apoialos e asesoralos, denominado “Aceleración de proxectos”. A continuación, antes da celebración dos Premios Demo Day, un xurado valorará os proxectos empresariais, mais tamén se terá en conta a presentación realizada no mesmo día no que se entregan os galardóns. Para escoller ás iniciativas gañadoras, o xurado valorará a innovación e creatividade na idea de negocio, a contribución social do proxecto, a solidez e viabilidade do mesmo e a aplicación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), así como a calidade, claridade e argumentación da presentación realizada polos alumnos e alumnas. Serán tres os proxectos que sairán gañadores: haberá un premio de 700 euros para os da categoría de Grao Medio e dous de 700 e 500 euros para os proxectos de categoría de Grao Superior.

 “DepoEmprende na FP” é unha das tres modalidades nas que se divide este programa para centros educativos da provincia, xunto a “DepoEmprende na Escola” e “DepoEmprende na ESO”. Con esta iniciativa a Deputación busca promover a cultura emprendedora no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica. A metodoloxía proposta baséase na elaboración e xestión de proxectos empresariais para que o alumnado asuma o risco de afrontar diferentes situacións laborais e, deste xeito, mellore a súa participación activa na vida económica, social e cultural do seu contorno. Ademais dos sete centros de FP, neste curso 2022-2023 participan 10 en “DepoEmprende na Escola” e outros 6 en “DepoEmprende na ESO”.

Crecente e APLU traballan para garantir un uso ordenado do territorio

0

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) e o Concello de Crecente salientan a colaboración como elemento clave para garantir un uso sostible e ordenado do territorio.

No transcurso dunha reunión para analizar os resultados da colaboración que manteñen o organismo autonómico e mais o Goberno local no eido do urbanismo, o director da APLU, Jacobo Hortas, e o rexedor, Julio César García-Luengo, coincidiron na importancia de seguir apoiándose mutuamente e centrar as inspeccións naqueles puntos que poden resultar máis delicados.

A maiores, Hortas e García-Luengo incidiron na necesidade de seguir colaborando para velar polo cumprimento da normativa e do planeamento urbanístico e, de feito, aproveitaron o encontro para revisar os diferentes núcleos de poboación, espazos protexidos e infraestruturas de Crecente, analizando as súas particularidades urbanísticas.

Pola súa parte, o rexedor municipal interesouse polas actuacións que leva a cabo a APLU co obxectivo de divulgar e mellorar o coñecemento sobre a ordenación do territorio, o urbanismo e a preservación da paisaxe como elemento e sinal de identidade.

Neste sentido, Jacobo Hortas subliñou que os técnicos da Axencia están á disposición dos municipios galegos fin de tratar de resolver calquera dúbida ou necesidade que poida xurdir, así como para ofrecerlles formación especializada ao seu persoal.

Ademais, tamén informou o alcalde da posibilidade de presentar consultas en materia urbanística á Xunta consultiva en materia de ordenación do territorio e urbanismo, posta en marcha o pasado ano 2022 polo Goberno galego co obxectivo de asesorar e emitir informes sobre a interpretación da normativa vixente neste ámbito que lle formulen dende a propia administración autonómica e tamén dos concellos, colexios profesionais e organizacións empresariais afectadas pola ordenación territorial e urbanísticas.

Hoxe ratificaranse os galardoados cos ‘Premios Nigrán 2023’

0

A corporación de Nigrán acordou por unanimidade na Xunta de Portavoces da semana pasada os galardoados cos Premios Nigrán 2023 e quedarán ratificados oficialmente no pleno ordinario de hoxe, luns 27 de febreiro. A selección foi realizada grazas ás propostas realizadas previamente polos diferentes partidos, colectivos sociais, culturais e veciñais do municipio, a quen o goberno local agradece a súa colaboración.

Os galardóns regresarán  o sábado 11 de marzo na súa undécima edición coa tradicional gala e xa sen medidas Covid tras tres anos condicionada. O xa consolidado acto institucional pretende ser un recoñecemento público de todo o pobo de Nigrán á traxectoria de cada un dos premiados. “Son entidades e persoas sen os cales non se entende o municipio porque co seu traballo, constancia e esforzo teñen contribuído a por en valor a Nigrán, facendo del un lugar máis amigable e do que sentirmonos orgullosos, por iso se merecen este recoñecemento”, destaca Juan González, alcalde de Nigrán.

PREMIO SOCIAL – Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Val Miñor

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Val Miñor naceu no ano 1997 en Nigrán para uns anos despois extender o seu traballo altruísta a toda a comarca. Polas súas filas teñen pasado máis de 2.000 voluntarios, sendo actualmente unha das entidades máis numerosas de Galicia con preto de 150 persoas que non perciben ningún salario a cambio. Entre as súas funcións está a de colaborar co GES, Policía Local, Guardia Civil, 061, administracións… Por iso é habitual contar coa súa presenza en todo tipo de accidentes ou catástrofes pero tamén  na seguridade de grandes eventos como poden ser as fogueiras de San Xoan, en Panxón. A maiores, entre as súas competencias propias está a vixiancia das praias do Miñor na tempada estival. Por todas estas razóns, o Concello de Nigrán, en nome de toda a veciñanza, agradece públicamente este labor e considera á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Val Miñor máis que merecedora deste galardón tras 25 anos de servizo desinteresado e imprescindible na comarca.

PREMIO EDUCATIVO – E.I. ‘As Dunas’

A Escola Infantil Plurilingüe ‘As Dunas’ de Panxón é a única unitaria que permanece en activo no municipio desde a súa creación no ano 1957 e está adscrita ao CPI Plurilingüe Arquitecto Palacios. Trátase dunha escola familiar, con 41 crianzas matriculadas actualmente, e que destaca pola súa educación en valores e o seu estreito contacto coas familias, coas que ademais comparten semanalmente tempo na súa propia biblioteca e en diferentes festas e excursións. O seu profesorado, entre os que se atopan diferentes especialistas, desenvolve unha pedagoxía innovadora, traballando por proxectos e prestando especial atención á horta escolar e á praia situada a escasos metros. Para facilitar a conciliación dispón de servizo de madrugadores, 3 liñas de transporte escolar e a posibilidade de que coman no CEIP Arquitecto Palacios, que goza de cociña propia. O obxectivo da dirección do centro é que o alumnado medre en contacto coa natureza nun ambiente de afecto e confianza e achegando unha educación experimental, creativa e vivencial na que destacan metodoloxías como a Montessori, Waldorf ou as matemáticas manipulativas.  Todas estas características, xunto a auténtica vocación e entrega do seu profesorado e o marabilloso resultado nas crianzas,  fan da E.I. ‘As Dunas’ unha digna  merecedora do ‘Premio Nigrán ao Mérito Educativo 2023’.

PREMIO EMPRESARIAL – ‘A Tenda de Lila’

Este pequeno comercio de alimentación do barrio de Area (Praia América) foi aberto hai algo máis de medio século por Lila González, falecida o ano pasado aos 88 anos, e quen lle cedeu pronto o testigo da tenda a súa nora Delia Méndez, quen se xubila neste mes de Marzo e pecha tras 40 anos detrás dos mostrador e sen relevo xeracional para continuar. Nacida orixinalmente coma un quiosco de prensa, o negocio foi diversificándose ata o día de hoxe, que vende de todo pero destaca especialmente o consumo de froita e de periódicos. Os veráns multiplican o traballo ao gañar residentes na zona aínda que conta cunha clientela fiel durante todo o ano e de toda a vida. Delia destaca como desde o mostrador foi coñecendo xa a tres xeracións de veciños e visitantes que nunca abandonaron o establecemento pese a apertura de moitos supermercados. Con 66 anos cumpridos, Delia decide xubilarse en marzo e pechar a tenda para poder ao fin descansar. O Concello de Nigrán desexa render homenaxe a este negocio histórico na súa despedida e, particularmente, aos seus donos, por facilitarlle a vida aos veciños de Praia América.

PREMIO CULTURAL – ‘Rondalla de Santiago de Parada’

Foi fundada no ano 1993 por iniciativa dun grupo de veciños da parroquia de Parada e baixo a dirección de Plácido Salgueiro Méndez, contando nese momento con 84 compoñentes. A súa actividade  interrumpiuse no ano 1997 e se retomou novamente no ano 2007, estando na actualidade vinculada ao Centro Cultural Parada do Miñor e sendo presidida por David Costas. Trátase da única rondalla do municipio e coa súa característica capa azul petróleo e ouro representan a Nigrán en certames de toda a provincia e mesmo fora dela, onde estas formacións folclóricas tradicionais do Nadal das Rías Baixas non son coñecidas. Outra das súas particularidades é que está dirixida por unha muller moi nova, Antía Figueroa Vila,  practicamente unha excepción no mundo das rondallas. Actualmente a forman 67 persoas de toda a comarca cuxas idades van desde os 4 aos 80 anos (están abertos sempre a recibir a máis xente) que  se xuntan a partir de setembro para adestrar todos os sábados. Con este premio, o Concello quere recoñecer a súa indubidable calidade artística e o esforzo dos veciños de Parada para manter viva  esta tradición tan propia da comarca ao tempo que lles agradece públicamente o labor de promoción do municipio.

PREMIO DEPORTIVO – Sociedad Atlética Val Miñor

Foi fundada no ano 1994 en Gondomar por recoñecidos deportistas do atletismo vigués que desexaban crear canteira na comarca e facilitar así a súa práctica.  A Sociedade está presidida por Guillermo Martínez e a conforman a día de hoxe 120 atletas de todo o Val Miñor desde os 4 aos 60 anos e tres adestradores, entre os que se atopa Óscar Fernández con licencia nacional. Xunto co Concello de Nigrán organizan a proba popular ‘Nigrán Area’ que cada verán reúne a milleiros de corredores na ribeira de Praia América coa marea baixa. A base de adestramentos, ademais de Gondomar, inclúe en Nigrán o Pavillón Municipal de Panxón, Porto do Molle ou Praia América no verán e, en Vigo, as pistas de Balaídos e da Universidade. Entre os seus canteiráns máis destacados figuran  Ainhoa Reparaz (campiona de España sub-18 en 100 metros ou bronce por relevos en Europa), Ricardo Cortizo (ouro en 400 metros no campionato galego) e Adrián Bernárdez (subcampión galego en 100 e 300 metros). O Concello de Nigrán desexa con este premio recoñecer o traballo da SA Val Miñor de promoción e consolidación do atletismo entre a mocidade da comarca, conquerindo en menos de 20 anos ser un dos mellores clubes de toda Galicia e recoñecido a nivel nacional.

SmartPeme pecha febreiro con 5 novas accións formativas

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta cinco novas formacións para esta semana enmarcadas na carteira de obradoiros de Smartpeme. As accións formativas, catro delas online e unha presencial na sede de Vigo, tratarán temas como a ciberseguridade e o malware, vídeo márketing, estratexias de márketing para empresas turísticas, creación de webs con WordPress e tendencias de economía dixital.

Os obradoiros online darán comezo hoxe luns 27 pola mañá, o obxectivo deste primeiro curso, “Ciberseguridade que é o malware”, é o de dar a coñecer que tipos de malware empregan os ciberdelincuentes ou como podemos saber se os nosos dispositivos están infectados. A formación estará impartida por Manuel Freire, experto en Robótica, Programación e Impresión 3D. Nesa mesma xornada pero pola tarde terá lugar “Vídeo Márketing II-Animacións e Gifs feitas con fotografía de produto”, guiado pola titulada superior en Ensinos Artísticos e de Deseño, Lara Taboada, no que se amosará a importancia do contido audiovisual para redes sociais, polo seu dinamismo, facilidade de visualización, viralidade e como alternativa perfecta para comezar a traballar de maneira activa e profesional nos perfís.

O martes 28 tamén haberá dúas accións formativas online. Pola mañá a postgraduada en Turismo, Patricia Cabaleiro, impartirá “Estratexias sinxelas de Márketing para empresas turísticas”, no que se ensinará a aplicar algunhas técnicas básicas de márketing a través dos medios dixitais. Pola tarde, María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, amosará con “Crea unha páxina profesional con WordPress I” todas as posibilidades que ofrece  este CMS, ensinando os pasos para crear un sitio web, aspectos relacionados co deseño e o desenvolvemento e xestión da páxina para conseguir un sitio profesional e optimizado.

O peche a esta semana de formacións terá lugar o xoves 2 de marzo, ás 11 da mañá na Sede da Deputación en Vigo con “Tendencias de Economía Dixital 2023” da man de Manuel Freire. Trátase dunha actividade na que se darán a coñecer as principais tendencias tecnolóxicas emerxentes para este ano como a creación de imaxes e textos con algoritmos e intelixencia artificial. As persoas que participen na acción formativa terán a oportunidade de aproximarse á realidade virtual empregando as aplicacións e experiencias inmersivas que habitualmente se levan a cabo no FabLab de Barro.

A Arribada celebra este ano o seu 530 aniversario

0

Baiona acollerá a próxima fin de semana, entre os días 3 e 5 de marzo, a celebración da 27 edición da festa da arribada no seu 530 aniversario, na que se espera contar cun gran número de visitantes, que poderán participar nos talleres, animacións e exposicións organizados, así como no Foro Iberoamericano que se ofrecerán en días previos.

A presentación tivo lugar este venres na vila, onde interviñeron o alcalde, Carlos Gómez Prado; a concelleira de Cultura, Miriam Costas Iriarte; o director de Abanca Baiona, Francisco Javier Rodríguez Castro e o presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona, Marcos Comesaña.

Aínda que o evento en si arrinca o 3 de marzo, o día o dia anterior celebrarase o II Foro Iberoamericano Uruguai-España-Baiona que promete reunir no Parador Conde de Gondomar a destacadas personalidades económicas e financeiras de Uruguai, España, Galicia e Baiona.

O rigor histórico será o fío condutor da festa, así a Real Villa inicia a súa viaxe para revivir un dos momentos históricos que marcaron non só a súa propia historia senón o devir do mundo occidental: a Arribada da Carabela Pinta de Martín Alonso Pinzón coas noticias da existencia dun “novo mundo”.

O evento por excelencia de Baiona e unha das grandes festas do ano en Galicia e chega con importantes novidades.

Presentación da Arribada 2023

A Festa da Arribada dá un salto de calidade coa creación por parte da organización dun novo espazo gastronómico no paseo ribeira onde se poderá degustar viandas oficiais da festa dulces e salgadas:

• “A Taberna de Ultramar” de Cátering Galicia coas viandas mariñeiras da Arribada

• “Os Panizos Indios” de Yajoma obrador

• “Café e chocolate das Indias Orientais” de Siboney (Tostadores Galegos de Selectos Cafés)

Este mesmo escenario, albergará os postos de venda dos xa tradiconales “Ñoclos de Pinzón” de Rosita Cristaleiro e  “Las Tortas de Sarmiento e o Pan dos Clérigos”de Tupana Obradoiro. Así mesmo, a nova carpa acollerá a mostra da cartelería de todas as edicións da Festa da Arribada.

Baixo os arcos do Paseo Ribeira estarán coma tódolos anos a Parada dos pobos irmáns: Palos de la Frontera, Santa Fe, Pornic, Rafael Freire (Cuba), e Cidades Colombinas CICO.

A Arribada 2023 tamén crece en número de postos, para dar cabida á alta demanda de solicitudes. Por iso, 60 tenderetes do concello de artesanía estarán na rúa Carabela Pinta e Cidade de Vigo mentres que 96 postos propios de comida e artesania repartiranse entre marqués de quintanar ,praza pedro de castro esanta liberata.

O outro aspecto singular desta festa de Interese Turístico Internacional que acolle Baiona é o seu carácter inclusivo. A concelleira de Cultura, Miriam Costas Iriarte, destaca “que practicamente o 90% da programación da Arribada é inclusiva: Os grandes espectáculos da arribada, a xusta medieval a representación teatral e o conto do boi xulian contará con interprete de lingua de signos, unha aposta pola inclusión da concellería de cultura do concello de baiona para que este evento que atrae en cada edición centos de persoas á contorna da praia de ribeira poida ser gozado por todas e todos. Neste sentido, Costas Iriarte quixo sinalar que unha zona das bancadas situadas no paseo ribeira estarán reservadas para persoas con discapacidades 

“Este ano, viviremos unha Arribada sen restricións. A vinte e sete edición suporá un salto cualitativo da celebración e a culminación das melloras implementadas en 2022. Seguiremos con esta liña de traballo que tan bos resultados reportounos. Todas e todos nos involucraremos, para que como pobo, sexamos capaces de impulsar a definitiva recuperación económica do noso municipio”, destaca o Alcalde, Carlos Gómez Prado.

Volve á axenda da programación o Gran Desfile Medieval coa participación autoridades ,asociacions da vila  e todos os grupos de animación que participán no Real Mercado Medieval da Arribada, con saída desde a entrada do parador ás 12:00h do sábado día 4 de marzo.

A diversión infantil arribará a Baiona durante toda a fin de semana

Baiona convértese durante toda a fin de semana nun gran parque temático de lecer e aventura con variadas propostas de entretemento en diferentes puntos da vila. A este respecto, outra das grandes novidades de está edición é a creación da Morada de Boi Xulián no Parque da Palma. Os máis pequenos, poderán visitar a casa da mascota oficial de Baiona, que se presentou na pasada edición con gran éxito. Neste novo  emplazamento poderán gozar ao longo dos tres días de celebración de distintos espectáculos pensado para o goce do público familiar como: contacontos sobre a historia do Boi Xulián e o seu vínculo coa vila;  o Espectáculo familiar “Terra á vista” musical sobre a historia do Boi Xulián e os seus antepasados ou o photocall co Boi…

O parque de aventuras e atraccións medievais; o campamento de Adestramento de Cabaleiros; a Alameda dos Aprendices; a Zona Ludopuzzle; o Campamento Militar Medieval; espectáculos de marionetas…son outras das animadas propostas.

Para finalizar, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, destacou que a Real Vila volve a 1493os días 3, 4 e 5 de marzo, nunha festa que “non é do Concello, senón de todos os veciños de Baiona”. O rexedor baionés convida a todos e a todas a gozar dunha Festa da Arribada que converterá á localidade “nun auténtico burgo medieval que nos permitirá realizar unha viaxe no tempo que non deixará indiferente a ninguén”.

Redondela ofrece obradoiros de arranxos florais nas parroquias

0

Tralo éxito do obradoiro de Centros de Mesa de Nadal, o Concello de Redondela presenta, a través da Concellería de Medio Ambiente, obradoiros de arranxos florais nas parroquias do 3 ao 23 de marzo.

A actividade consiste na elaboración dun arranxo floral guiados por profesores e profesoras dunha flpristería local. Ademais de aprender a técnica tamén poderán levar o arranxo para decorar o fogar.

“Esta acctividad ten a intención de ensinar, pero tamén ofree a oportunidade de reunir a xente e socializar entre a veciñanza. Tentamos levalo a tódalas parroquias, as grandes olvidadas ata o de agora na oferta cultural. Queremos achegar a oportunidade ao máximo ded xente posible”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

Os obradoiros empezan o 3 de marzo na A.V.D.C. Ventosela e continuan na Aula Cemit de Chapela  (7 de marzo), na cultural de Vilar (8 de marzo), Cultural de San Estevo (9 de marzo), Cedeira (10 de marzo), Cidadelle (13 de marzo), Soutoxuste (14 de marzo), Multiúsos de Redondela (15 de marzo), Reboreda (16 de marzo), Trasmañó (17 de marzo), na Escuelita de Saxamonde (20 de marzo), A. V. Saramagoso (21 de marzo), Cabeiro (22 de marzo) e C.C.D. Cesantes (23 de marzo). Tódolos horarios serán de 16:30h a 20:00h, menos o de Trasmañó que será de 16:00h a 19:30h.

As prazas son limitadas nos centros culturais asignadose o prazo de inscrición xa está aberto poidendo facelo no Multúsos da Xunqueira ou no teléfono 986 40 28 65. O custe do obradoiro, 10 euros polo material, entregarase o mesmo día do obradoiro.

O Concello do Porriño contratou a auditoría da contabilidade do 2018 a 2022

O Goberno Municipal do Porriño fixo neste último ano un grande esforzo para regular a xestión interna do concello a nivel económico e solucionar os problemas de facturación que arrastraban as contas municipais. 

Nesta liña de regularización da contabilidade e contratación municipal, o Concello do Porriño vén de contratar a auditoría da conta xeral para dar cumprimento ao Plan anual de control financieiro, como ordenou o Interventor municipal.

Tal e como explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “o período a controlar será o que abrangue os exercicios 2018 a 2022, fiscalizando a conta 413, de acredores pendentes de aplicar ao orzamento, analizando toda a facturación irregular destes anos. Tamén serán obxecto de control financieiro os expedientes de contratación de servizos, un de subministros e un de obras correspondentes a este período, así como as subvencións”, e engadiu que “se contactará con todos os provedores e acredores para pedir que remitan as súas facturas e de contrastar a súa veracidade procederase ao pago do que se lles debe”.

Todo isto completarase coa comprobación dos cumprimentos dos parámetros fixados no informe de Fiscalización Selectiva do Concello do Porriño emitido polo Consello de Contas de Galicia.

Este é o último paso no proceso de regularización das contabilidade e contratación municipal. Un paso ao que se comprometeu o rexedor e que estivo precedido pola revisión de toda a facturación irregular dende os servizos de intervención municipais. “O primeiro que fixen como alcalde foi asinar unha comunicación aos servizos de Secretaría, Intervención e Contratación para poñer fin a toda a facturación irregular que estaba a entrar de maneira sistemática sen ningún tipo de contrato.  Tamén, e non menos importante que, de maneira inmediata, se puxera en marcha a licitación de todos os servizos”.  

Desde entón fiscalizáronse todas e cada unha das facturas irregulares que se deben e que foran retiradas da contabilidade municipal entre os anos 2018 ao 2021. Unha cifra que ascendía a 5,5 M euros e, tras a posta en marcha deste procedemento conseguiuse reducir en 2,4 euros. Así, na actualidade a conta de facturas pendentes de aplicar ao orzamento sitúase en 3,1 euros.

Cabe destacar neste sentido que existe un procedemento penal aberto no que se investiga toda a facturación irregular e a contratación “a dedo” destes anos, así como numerosos contenciosos por denuncias de impago de facturas irregulares que contaban coa conformidade do anterior goberno municipal.

“O noso deber é defender o interese público. Defender o que é de todos e tamén esixir que se diriman as correspondentes responsabilidades sobre quen non cumplira con esta premisa”, concluíu Lorenzo, insistindo en que “Ninguén que prestara servizos a este Concello vai quedar sen cobrar e, ante o desaguisado económico co que nos atopamos é necesario facer un análise exhaustivo de toda a facturación para poder pagar a quen corresponde o antes posible”.  

O Concello de Tui organiza as Xornadas Rosendo Salvado

0

O próximo mércores, 1 de marzo, cúmprense 209 anos do nacemento en Tui de Rosendo Salvado. Por este motivo o Concello de Tui organiza as Xornadas Rosendo Salvado do luns 27 de febreiro ao xoves 2 de marzo.

Logo do interese suscitado polas xornadas celebradas o pasado ano, o Concello de Tui dalle continuidade a esta iniciativa programando para a vindeira semana diversas inicitivas arredor da figura poliédrica de Rosendo Salvado.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, reivindicar a personalidade de Salvado é unha obriga para as e os tudenses pois a súa visión plural e integradora resulta de plena actualidade. Sinala o rexedor tudense que cómpre valorizar a achega de Rosendo Salvado pois este tudense que sempre mantivo acesa esta condición así como o seu amor á lingua galega, á que tantas veces recorría nas súas cartas e charlas, realiza nos seus escritos e na cidade-misión de Nova Nursia unha xenial aportación á Humanidade, anticipando en case un século as ideas e conceptos expresados na Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Velaí a súa impresionante dimensión e consecuentemente a necesidade de repensar e reposicionar a figura de Rosendo Salvado con estas novas lecturas da súa traxectoria que o colocan como un auténtico xigante, unha personalidade de dimensión mundial.

O programa das Xornadas Rosendo Salvado – 2023 abrangue as seguintes actividades:

Luns, 27 de febreiro, ás 19.30 h

María Jesús Lorenzo Modia, catedrática da Universidade da Coruña pronunciará a conferencia titulada: “Revisitando a Rosendo Salvado, o galego amigo dos aborixes.

A profesora Lorenzo Modia especialista en literatura en lingua inglesa e tamén nas relacións entre Galicia e Australia, ten abordado en diversas oportunidades a figura de Salvado como expoñente destas relacións.

Martes, 28 de febreiro, ás 17.30 h

Ruta sobre Rosendo Salvado e Tui.

Inicio no Arquivo da Catedral que conserva diversas documentación sobre Frei Rosendo Salvado, completando posteriormente a visita por diversos lugares da cidade vinculados a súa figura.

Prazas limitadas. Cómpre inscrición previa en [email protected].

Mércores ,1 de marzo, ás 19.30 h

Presentación do libro de Albino Prada Blanco “O país dos sen alma. Rosendo Salvado en Australia (1856-1899)” editado pola Universidade de Vigo (2023).  Albino Prada constrúe esta historia que se algo aporta, ademais da súa vontade de síntese, é a de ter sido elaborada cunha perspectiva aconfesional, laica e independente. Rosendo Salvado deixou, para Albino Prada, unha pegada premonitoria, e aínda actual, para este século XXI: a idea de que outra globalización era posible.

Xoves, 2 de marzo, 19.30 horas

Conferencia “Rosendo Salvado: el importante legado de un misionero ilustrado español en la compleja colonización europea de Australia” de Enrique Viguera Rubio, embaixador de España en Australia entre os anos 2011 e 2015,  estivo tamén como embaixador en Suecia, Grecia, etc e foi director da Escuela Diplomática. A súa intervención achegaranos á visión que dende Australia se da á figura de Rosendo Salvado.

As conferencias terá lugar na Sala Félix Rodríguez González, edificio “Francisco Sánchez” ( antiga Área Panorámica) ás 19.30 h.

Rosendo Salvado

O 1 de marzo de 1814 naceu no barrio de Riomuiños da nosa cidade Rosendo Salvado Rotea un dos tudenses máis egrexios ao longo do tempo.

Da súa polifacética actividade de escritor, músico, naturalista, antropólogo e líder relixioso salientan os seus esforzados traballos canda o mundo aborixe, desenvoltos na comunidade beneditina de Nova Nursia en Australia Occidental. Ao cumprirse 209 anos do seu nacemento resulta sumamente significativo que a figura e a obra extraordinarias de Rosendo Salvado seguen a reclamar cumprida atención sobre a súa achega á historia universal da cultura e do pensamento.

O goberno de Redondela aproba unha Ordenanza de Emerxencia Social histórica

0

O Goberno de Redondela aproba a Ordenanza de Emerxencia Social que mellorará o servizo adaptándose ás necesidades actuais e reais dos veciños de Redondela. “Unha ordenanza histórica na que levamos traballando máis de tres anos e que mellorará o benestar dos veciños e veciñas resolvendo as necesidades actuais, porque as cousas cambiaron moito co tempo e o Concello ten que actualizarse a realidade”, explica a alcaldesa de Redondela Digna Rivas.

A ordenanza levouse a unha mesa de traballo convocada coas técnicas e traballadoras sociais do concello. Nesa reunión debatéronse as modificacións que propoñía a Agrupación de Electores de Redondela. “Esta é a primeira vez na historia deste concello que se fai unha mesa de traballo coas traballadoras sociai  e educadoras socias das tres unidades técnicas implicadas, queremos agradecer a AER que aínda que no momento do pleno anterior a súa resposta fora negativa, mostráranse finalmente partícipes en apoiar unha ordenanza que mellora sustancialmente a vida dos residentes do municipio”, explica Digna Rivas.

A alcaldesa quere agradecer “a colaboración e traballo do BNG e AER en todo o proceso para facer realidade unha ordenanza de emerxencia social xusta coas necesidades actuais dos veciños e veciñas de Redondela”.

Entre as melloras atópase a necesidade de minimizar o tempo de resposta ante situacións de emerxencia, “pasando de responder nunha media de 6 meses a responder en 30 días aquelas demandas que entren por vía ordinaria e asegurar que se solucionen aquelas que entren pola vía de emerxencia en menos de 72 horas.  Un avance totalmente factible e que é impresindible”, explica Digna Rivas.

En canto aos requisitos exímese á persona solicitante da obrigatoriedade de estar empadroado cunha antelación mínima de 6 meses a casos excepcionais de extrema urxencia coma vítimas de violencia machista que teñan que mudar o seu domicilio, emigrantes retornados ou persoas refuxiadas. Ademais, aumentas as cuantías das axudas ata tres veces máis que a anterior ordenanza e tamén especifícase  a renda máxima da unidade familiar que non poderá superar o SMI máis un 10% deste por cada membro, xa que se ten en conta o sustancial incremento dos últimos anos dos salarios, que non é comparable aos datos dos cálculos que se levaban a cabo no ano 2016. Refléxase o incrementado das persoas descendentes na unidade familiar ou se existise algún convivinte dependente, nese caso o incremento sería xa do SMI máis un 20%  por cada un. Na anterior ordenanza este incremento era dun 10% fronte ao 20% de agora.

En canto ao procedemento para a concesión de axudas, redúcese considerablemente e facilítase a solicitude ou a consecución de documentos polas vías internas da administración ou grazas á autorización da persoa solicitante para dar acceso aos seus datos como o IRPF ou datos da Seguridade Social, entre outros.

Esta nova ordenanza de EMERXENCIA social contempla dous posibles procedementos, o ORDINARIO, no que se especifica o prazo máximo de resolución do expediente de 30 días, e outro procedemento de URXENCIA que permite a tramitación con carácter excepcional e cunha resolución inmediata cun prazo máximo para resolver e notificar en 72 horas.

Entre outras melloras tamén recoñece o destino desta axuda contemplanto tódalas posibilidades sen chegar a pechalas, incluíndo ás situacións de tránsito nas que as persoas solicitantes se atopen no trámite. “Sabemos que por desgraza ás veces os trámites, da solicitude dunha prestación económica poden sere demasiado longos, polo que este era un punto moi importante para nós”, explica Rivas.

Elimínanse límites, como os dous meses como máximo de dúas mensualidades dunha débeda do aluguer; ou os tres recibos do suministro de electriciadade ou gas. A rexidora local engade que “todo isto é para darlle  máis importancia ao obxecto desta Ordenanza que é o de atender ás necesidades reais e ás mil causísticas que ese poidan dar. Sen que sexa posible reflexalos todos, por iso será a traballadora social a que reflexe no seu informe incluso o requisito de atender o gasto total da necesidade”, engade a rexdora.

Rivas resalta que “a ordenanza aprobouse a pesar da abstención do PP que utiliza a política de desgaste. O Partido Popular levou oito anos de goberno sen que tivesen a valentía política de levar a diante esta modificación da Ordenana de Emerxencia Social a pesar das propostas de, por aquel entón concelleira na oposición, Digna Rivas que xa  propoñía unha adaptación á realidade social”.

A Deputación mellorará o camiño escolar da EP-3102

0

A Deputación mellorará a mobilidade peonil no camiño escolar da EP-3102 ao CEP Pedro Caselles, no concello de Tomiño, cunha nova achega do IDAE de 239.444 euros a través do Programa DUS 5000 de axudas para inversión a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico, financiado con fondos NextGeneration EU. As obras, que xa se están a executar na EP-3102, están a permitir impulsar a seguranza viaria nun tramo moi concorrido pola cidadanía de Tomiño, xa que amais do centro escolar tamén da acceso á igrexa e ao cemiterio. Estes recursos, “proba de que os fondos europeosestán chegando tanto a Galicia como á provincia, máis incluso do que poderíamos soñar” e revalidan, tal e como subliñou Carmela Silva, “o noso modelo de mobilidade centrada nas persoas, na mellora da eficiencia enerxética e na recuperación do espazo público, que nos ten convertido xa na gran referencia de Galicia e do Estado”.

A achega do IDAE cobre o 85 % do orzamento total da obra de 286.235 euros, de tal maneira que Deputación e Concello, “que facían toda a achega para recuperar este espazo público”, tan só teñan que aportar 32.754 e 14.037 euros, respectivamente, o que permitirá, asegurou Carmela Silva, “dispoñer de recursos para dedicar a outras obras”. A actuación, que xa está en marcha con máis da metade executada, abrangue un tramo de 400 metros desta estrada provincial, concretamente os comprendidos entre o CEP Pedro Caselles e a intersección coa Avenida Baixo Miño.

A obra de mellora inclúe a construción dunha senda peonil de 3,78 metros, mentres que a sección da calzada, na que se reforzará o firme e se reporá a capa de rodadura, estará constituída por dous carrís, un en cada sentido, cun ancho de 3,2 metros e beiravías a ambos lados. Ademais, reordenarase o espazo na zona próxima á “Rotonda do Chepas”, actuando en toda a sección viaria, e continuando coa senda de 4,65 metros de ancho na marxe dereita. Tamén se disporá unha banda de aparcamento en liña de 2,6 metros de ancho.

Por outra parte, os traballos completaranse coa incorporación de elementos redutores de velocidade e a renovación da iluminación viaria, que incluirá novos puntos de luz con lámpadas led para mellorar a eficiencia enerxética, diminuíndo o consumo anual de enerxía final nun 23 %, así como co drenaxe de pluviais. A maiores, engadirase máis vexetación á contorna cun novo arborado, soterraranse os servizos de alumeado, rede eléctrica e de telecomunicacións e reinstalaranse sinais verticais e horizontais.

O Ciclo de Música de Barcia de Mera prepara o quince aniversario

0

A Asociación Cultural Ciclo de Música de Barcia de Mera reuníuse co alcalde de Covelo, Pablo Castillo, para asinar o convenio de colaboración co que o Concello apoiará este evento cultural que, cada primavera e cada verán, reúne a centos de persoas apaixoadas da música culta.

A Asociación, que preside o párroco de Covelo, Rafael Antela, e o Ciclo de Música, dirixido por Nieves García-Soto, reúnese nestes meses coas administracións e entidades colaboradoras para renovar apoios e celebrar quince anos de música e cultura na igrexa do conxunto abacial de Barcia de Mera.

A programación desta edición será tan especial como a data e, dende a organización, adiantan que xa teñen todo pechado para que, dende finais de abril ata finais de setembro, a veciñanza descubra o talento de músicos internacionais.

O Ciclo de Música de Barcia de Mera naceu hai quince anos cando Nieves García coñeceu ao pai Rafael. A súa paixón pola música fixo que Covelo puidera desfrutar de músicos de primeiro nivel atraendo, ademais, a centos de persoas que descubrían a enorme riqueza patrimonial e natural da contorna.

En marzo celebrarase o I Congreso Internacional de Educación Tui-Valença

O I Congreso Internacional de Educación Tui-Valença celebrarase o venres 10 e o sábado 11 marzo na Eurocidade Tui-Valença para abordar as reformas educativas en Portugal e España. Está organizado polo grupo Atlántida e EIP-CEII, os equipos de investigación da Universidade de Porto. Neste congreso colaboran, entre outras entidades, o Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença, a Deputación de Pontevedra, Educación 3.0 e a Xunta de Galicia.

O Congreso fixa coma obxectivos analizar os retos das dúas reformas educativas levadas a cabo en España e Portugal, abordando a aprendizaxe competencial, a avaliación por desempeños, os ODS, a inclusión DUA e a profesión docente.  Busca amais difundir o traballo que nesta liña se está a desenvolver nos dous países. Tamén persegue constituír unha rede de centros, de docentes e de servizos socioeducativos municipais no contexto das eurocidades, e tecer alianzas sobre sustentabilidade e patrimonio nesta asociación de municipios de dous países.

O venres, 10 de marzo, pola tarde a cita será no Auditorio da Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença e o sábado, 11 de marzo, pola mañá no Teatro Municipal de Tui no edificio Francisco Sánchez

O programa previsto comezará co acto inaugural o venres 10 ás 18 h no Auditorio da ESCE en Valença. Será moderado por Florencio Luengo do proxecto Atlántida e por Ariana Cosme do EIP-CIIE de Porto. No mesmo contarase coa participación dos secretarios de estado dos ministerios de Educación de Portugal e España, de representantes da Consellería de Educación da Xunta de Galicia e da Cámara Municipal de Valença e do Concello de Tui.

A ponencia inicial titúlase “As claves internacionais das Reformas Educativas no Mundo”. Precisamente as reformas educativas centrarán esta primeira xornada incidindo nas realizadas en España e Portugal, e abordando o debate curricular sobre o perfil de saída e outras claves das mesmas.

O sábado no vestíbulo do teatro poderase visitar unha exposición de experiencias competenciais realizadas por distintos centros educativos e asociacións. Mentres nas ponencias abordaranse os desafíos e retos da profesión docente, e a sustentabilidade, inclusión e D.U.A. no cambio educativo, o perfil dixital, portfolio e ferramenta, ou a avaliación competencial. Pero tamén haberá oportunidade de coñecer a experiencia desenvolvida por centros educativos coma o CEIP nº1 e o IES San Paio de Tui, da AE de Monçao, das escolas Muralhas do Minho de Valença, de Vila Nova de Cerveira e Caminha.

A clausura será o sábado ás 19  h ES no Teatro Municipal tras a presentación das conclusións e perspectivas.

Esta actividade vai dirixida a docentes, alumnado universitario, técnicos municipais, axentes educativos, ANPAS, sindicatos, grupos de innovación e editoriais e público en xeral que deberán formalizar a súa inscrición gratuíta a través do formulario habilitado en http://www.edu.xunta.gal/centros/cfrvigo/. A asistencia ao congreso contará coa certificación e homologación do Ministerio de Educación e Formación Profesional para o profesorado, e da Universidade de Vigo para as outras persoas participantes.

COGAMI crea una unidade de apoio para os traballadores de centros especiais

COGAMI cubre o circuíto integral no emprego apoiando tanto ás persoas que o demandan como ás que traballan en centros especiais de emprego, iniciativas sociais que proporcionan traballo a persoas con discapacidade facilitando a integración laboral no mercado de traballo ordinario.

A área de Emprego de COGAMI, ademais de informar, asesorar, orientar e formar ás persoas cando están na busca de emprego, tamén apoia ás que xa lograron esta inserción laboral. Isto faino a través dunha Unidade de Apoio, un servizo que inicia en setembro de 2021 tendo por obxectivo axudar ás persoas durante a súa incorporación nos centros especiais de emprego e tamén para o mantemento dos seus postos de traballo.

Dende que iniciou, esta Unidade atendeu un total de sesenta e cinco persoas traballadoras, tanto dos centros especiais de emprego que integran COGAMI Empresarial como tamén doutros que son alleos á Organización.

Financiada polo Fondo Social Europeo, a través dunha convocatoria da Confederación Empresarial Española de la Economía Social (CEPES), esta unidade está formada por unha psicóloga e unha traballadora social, ademais de contar co apoio da área de emprego de COGAMI. Ata esta unidade deriváronse necesidades de tipoloxía diversa, como apoio psicolóxico para afrontar preocupacións persoais e o afrontamento de situacións de estrés.

A través da organización de obradoiros de comunicación, prestouse apoio ás persoas traballadoras na mellora das relacións entre compañeiros e compañeiras, tratando de afianzar as habilidades sociais e diminuír malos entendidos. Outros apoios prestados a través da Unidade de COGAMI foron no posto de traballo para optimizar o tempo, para a busca de recursos, información sobre axudas e prestacións, a tarxeta de discapacidade, axudas para o alugueiro, para a mellora da accesibilidade da vivenda, para actividades de lecer e poder ampliar as relacións sociais.

A Unidade de Apoio estará en funcionamento ata o mes de agosto para recibir as necesidades de calquera centro especial de emprego. Pódese contactar co equipo técnico a través do teléfono 981 574 698 ou enviando correo a [email protected]. O primeiro contacto entre o equipo técnico e a persoa será unha entrevista inicial para coñecer cada persoa e analizar as súas necesidades.

O Rosal revoluciona mentes a prol da igualdade

0

O Rosal segue a revolucionar mentes na súa loita pola igualdade e contra a violencia de xénero., Ao abeiro do 8M, Día Internacional da Muller, o Concello pon en marcha varias iniciativas para visibilizar ante a veciñanza a importancia de acadar a igualdade real, tamén entre os máis pequenos. “Nesta data e todo o ano debemos reivindicar o labor da muller na sociedade, seguir dando pasos adiante e reivindicar a igualdade de oportunidades e o dereito a vivir sen violencias”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Con este obxectivo, o Concello comezará o vindeiro luns 27 de febreiro a entregar sinais contra a violencia de xénero a comercios locais e empresas, para que poidan colocalos nos seus establecementos e sumarse a esa marea cidadá “que busca poñer freo a unha lacra social que atenta contra a integridade, a dignidade e a liberdade das mulleres”. Comercios e empresas interesados en participar poden recoller estas sinais na Casa do Concello de 09.00 a 14.00 horas ou na biblioteca municipal de 16.30 a 20.30 horas.

Por outra banda, o propio 8 de marzo desenvolverase un amplo programa de actividades baixo o programa ‘Revolucionando mentes’, unha campaña de sensibilización e igualdade posto en marcha polo Concello para achegar á veciñanza unha nova conciencia social baseada no respecto por todas as persoas independentemente do seu xénero.

Así, ás 11.30 horas no Espazo de Autoarranxo do Rosal procederase á lectura do manifesto e á inauguración do mural da artista Gemma Marqués, unha pintura inspirada nas mulleres creadoras do pasado e do presente para ollar cara ao futuro. Trátase dun mural con moita cor e figuras femininas recoñecidas co que transmitir “unha mensaxe positiva e de igualdade á comunidade escolar, ás xeracións do futuro, pero tamén á veciñanza en xeral”. Na obra aparecen representadas a pintora galega Maruja Mallo, a escritora africana Chimamanda Gnozie, a música inglesa Delia Derbyshire e a artista plástica xaponesa Yayoi Kusama. O mural, financiado con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do Ministerio de Igualdade, busca desenvolver un discurso feminista poñendo en valor o patrimonio inmaterial e o legado de mulleres creadoras que sirvan de exemplo e inspiración para as novas xeracións.

Tras a lectura do manifesto e a inauguración do mural, realizarase unha cadea humana pola igualdade para rematar a xornada de actividades coa plantación de flores moradas. Ademais, como é habitual nestas datas, a Casa do Concello e a Cámara Agraria iluminaranse de morado para reivindicar o papel das mulleres na sociedade. A rexedora anima a toda a veciñanza a participar nas diferentes actividades “coas que aprender, visibilizar e espallar a importancia de vivir nunha sociedade en igualdade”.

Salceda pon en marcha o Plan de Formación para persoas desempregadas

Este Plan de Formación, deseñado dende a Concellería de Emprego e Formación do Concello de Salceda que dirixe a alcaldesa Verónica Tourón, esta orientado a mellorar a capacitación profesional das persoas desempregadas en eidos estratéxicos para mellora do seu perfil laboral e profesional.

O Plan comeza o vindeiro martes 28 de febreiro dará comezo no CDL de O Torrón co inicio do curso de “Manipulador de Alimentos”.

Ademais, esta aberto o prazo de inscrición no curso de “Administración Electrónica”, que é demandado por moitas persoas e que dará a coñecer fórmulas para a tramitación electrónica coas distintas administracións públicas, nun momento no que estes coñecementos son indispensables na vida cotiá das persoas. Necesidade que se amplia no caso da procura de emprego das persoas desempregadas e o contacto coas empresas. Este curso impartirase entre o 7 e o 30 de marzo.

Para completar este primeiro bloque do Plan de Formación impartirase entre o 10 de abril e o 2 de maio o curso “ Preparación de pedidos” cuxa inscrición se abrirá o 20 de marzo. Esta formación é altamente demandada polas empresas da contorna.

Verónica Tourón incide na “importancia da formación para mellorar a empregabilidade e aumentar as posibilidades de atopar un emprego por parte das persoas desempregadas. Dende a administración local marcámonos como obxectivo principal  as políticas de creación de emprego e formación”.

A Feira de Oportunidades desembarca na Praza Maior

Concello e Banastra unen unha vez máis forzas para apoiar ao comercio local de Ponteareas. A Praza Maior acolle, esta fin de semana, unha nova edición da Feira de Oportunidades, unha gran festa aberta a toda a veciñanza na que o pequeno comercio e a hostalaría ponteareá serán de novo os grandes protagonistas. Terá lugar o sábado 25 de 10.00 a 20.30 horas e o domingo 26 de febreiro de 11.00 a 20.00 horas e o público, ademais de atopar as mellores ofertas da tempada en distintos artigos, poderá gozar de animación musical, actividades infantís e moitas sorpresas.

Dentro da carpa da feira haberá para os máis pequenos e pequenas inchábeis o sábado de 16.00 a 20.00 h e o domingo de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, aos que se poderá acceder comprando un ticket na propia carpa que terá un custo dun euro por viaxe. Ademais, este ano por primeira vez habilitarase un tren que fará un pequeno percorrido pola rúa.

Ao longo dos dous días a feira contará con servizo de cafetería e animación musical a cargo dun DJ. O domingo será a xornada máis musical coa actuación do cantante Edgar Cuerdo de 18.00 a 19.30 horas. Esta nova edición da Feira das Oportunidades rematará co sorteo dunha cesta de produtos gourmet e dous xamóns o domingo ás 20.00 horas.

A concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, agradece a implicación a todo o comercio local e anima “a todas e todos os ponteareáns a achegarse á feira para apoiar ao pequeno comercio e á hostalaría, ao tempo que goza dunha fin de semana festiva e única na nosa vila”. Pola súa banda, a presidenta de Banastra, Pilar Carrera, convida a todas as persoas “a desfrutar deste evento que dende o comercio preparamos con tanta ilusión e que vai encher as rúas de Ponteareas de moita animación”.

A Xunta continúa coas obras da VAC Tui-A Guarda

0

A Xunta segue  traballando nas obras do treito da VAC Tui-A Guarda entre os enlaces da autovía A-55 e de Areas, uns traballos que fixeron preciso o corte de tráfico nocturno ente as 22:00 horas de onte e as 06:00 horas de hoxe, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 29+100 e 30+600 da autovía A-55.

Restableceuse  xa o tráfico nesta zona, tras rematarse as tarefas da montaxe das vigas metálicas do paso superior en forma de glorieta sobre a autovía, para poder dar servizo aos ramais da autovía, ao tronco da VAC e á conexión coa estrada N-551.

A Xunta continúa avanzando na execución da VAC Tui- A Guarda, entre os enlaces da A-55 e Areas, que se prevé poñer en servizo a mediados deste mesmo ano, tras un investimento autonómico de 21 M€.

A figura de Rosalía continúa moi presente no Porriño

Máis de 300 mozos do Porriño reuníronse hoxe aos pés da casa consistorial para render tributo a Rosalía de Castro, unha muller referente non só na literatura galega senón tamén do feminismo e compromiso coas causas sociais.

No acto, organizado polos equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros de secundaria en colaboración coa Concellería de Normalización Lingüística do Concello do Porriño, participaron o IES Pino Manso, o IES Ribeira do Louro, o CPR Hermanos Quiroga e o CPR Santo Tomás.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo mostrar o seu agradecemento a toda a comunidade educativa por facer posible este emotivo acto xa que “a mellor maneira de manter viva a figura de Rosalía é a través das/os nenas/os e mozos/as, ninguén mellor que elas/es para trasmitir o seu legado de liberdade, igualdade e amor pola nosa terra”. No mesmo sentido se manifestou a concelleira de Normalización Lingüística e Educación, Carolina González, quen destacou o “Caldo de Gloria” que disfrutaron este ano como un símbolo “que nos lembre que con case nada, somos quen de sobrevivir e ademais ser felices, que é o máis importante”.

A mañá estivo cargada de regueifas, da man de “Os Quinquilláns” e tamén de poesía e música, sen esquecer o remate de festa que o puxo unha cunquiña de “Caldo de Gloria” que degustaron xuntas/os na praza.

Verbas para Rosalía

Cada centro, ademais das súas actuacións, destacou no seu manifesto a importancia desta autora e de conmemorar este día. O CPR Hermanos Quiroga destacou o papel de Rosalía que para elas/es é “a voz dun pobo que ten fala de muller, feminina e feminista, a de todas as que levamos con orgullo na fronte unha estrela e no bico un cantar”. Un símbolo de “xustiza , é dor e é liberdade. Rosalía é todas e cada unha das que estamos e tamén das que non están. É cada recuncho deste país, é Ortegal e é o Miño. E é Cans, Atios, Torneiros, Budiño, Chenlo, Mosende e Pontellas e tamén é o Louro. Porque só aquelas voces que nos falan dende o máis fondo e con tanta verdade son quen de se alcumar a musa dos pobos”

No mesmo sentido se manifestaron as/os alumnas/os do CPR Santo Tomás. “Ela é un exemplo en moitos aspectos: literario, moral e, por suposto, de superación e constancia. Rosalía viviu nunha sociedade patriarcal onde as mulleres parecían invisibles, ante isto? Seguiu, seguiu, seguiu e seguiu, ata que o conseguiu”, apuntaron, “Cabe valorar a súa valentía, xa que actuou como una auténtica heroína” e “con todas as complicacións que tivo, foi quen de facer rexurdir o galego”.

Pola súa banda, o IES Ribeira do Louro puxo en valor a loita social da autora.“Usou a súa perspectiva para facer denuncias do que vía, do mundo do que era espectadora. E fíxoo dende a súa ollada de muller. Púxolles voz ás que tiñan que cargar co peso da familia e dos traballos, ás que tiñan que renegar de ter unha vida propia porque a moral da época llo prohibía”, afirmaron, “Ela foi sensible ás penurias do pobo, sen oportunidades, sen formación, sen alimento suficiente. Ela soñaba con un outro mundo posible. Se queremos serlle leal, debemos seguir soñando e axindo, como ela fixo, para poder alcanzar o soño”.

Por último, dende a comunidade educativa do IES Pino Manso reflexionaron sobre a importancia da muller galega que tan ben puxo de manifesto Rosalía na súa obra. “Ela, observadora, sensible e afectada polos problemas que como muller padeceu e viu padecer, e cos que se solidarizou e denunciou ao longo da súa vida e da súa obra, puxo de manifesto a presenza pública das mulleres que sempre estaban pero que nunca aparecían” e puxeron en valor o papel das mulleres no Porriño, “Nós vivimos nun concello onde as mulleres traballan e traballaron sempre na casa, no campo … ese era un traballo implícito na súa condición feminina pero tamén eran panadeiras, peixeiras, costureiras, ían no tranvía a Vigo a vender o leite e xa despois traballaban como operarias nas fábricas que se foron instalando no Porriño ( Zeltia, Frigolouro…) ou no comercio que se foi desenvolvendo . Todas elas axudaron a construír a vila que somos hoxe”.

A Deputación lanza a 1ª edición do libro “365 Días, 365 Mulleres”

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou hoxe o libro “365 Días, 365 Mulleres”, a primeira recompilación impresa das 365 mulleres que foron protagonistas deste programa no que a institución provincial divulga cada día, a través da súa páxina web e redes sociais, a figura dunha muller histórica ou actual salientable no seu campo profesional. Trátase dunha iniciativa, xurdida en marzo de 2021 co gallo do 8M, que naceu da invisibilización de mulleres referentes nos libros de texto e da ausencia de expertas en congresos, debates, programas, tertulias ou conferencias. Froito dela nace este libro que, tal e como asegurou a presidenta provincial,  vai permitir “atopar referentes femininos sobre calquera tema, porque sempre houbo, hai e haberá mulleres”.

“Estamos fartas e cansas de que cando vemos conferencias, congresos ou debates onde só participan homes e denunciamos esta situación, chámannos para responder que non atopan expertas”, explicou a presidenta. Ante isto, asegurou, “a nosa resposta é sempre a mesma: hai que buscalas mellor, porque non atopalas quere dicir que teñen unha mirada patriarcal, sen nada de violeta, que impide ver que hai mulleres en todos os eidos”. Carmela Silva fixo fincapé ademais na “invisibilización das mulleres no campo educativo”, sinalando que “non estamos nos libros de texto: só estamos representadas nun 7% como se non houbera mulleres nas ciencias naturais, nas ciencias sociais, as matemáticas, a física, a economía ou a literatura”.

Por este motivo o libro terá un extenso alcance, enviándose exemplares aos centros de ensino e clubs de lectura da provincia, medios de comunicación e ás áreas de Igualdade das comunidades autónomas e do Goberno central. “Queremos que as mestras e mestres teñan material do que tomar man para empregar estas figuras cando falen de calquera tema. Tamén que os medios poidan ter referentes e referencias de mulleres expertas ás que chamar para intervir nos seus faladoiros”, subliñou. Deste xeito, co libro teremos “unha ferramenta para que ninguén máis diga que non atopa mulleres”. A partir de agora, indicou, “cando o digan enviarémoslles o libro para que vexan que si que #HaiMulleres, que é unha cuestión de querer atopalas: o problema é que ás veces non se nos quere atopar, aínda que esteamos”.

“365 días, 365 mulleres” recolle todas as mulleres que foron difundidas nas canles institucionais entre o 9 de marzo de 2021 e o 8 de marzo de 2022, cunha fotografía ou ilustración e unha biografía que pon o foco nas súas achegas e o seu legado para o avance da sociedade. No libro a Deputación combina a posta en valor de mulleres históricas con outras máis actuais que representan todos os eidos da actividade humana: científicas, premios Nobel, xornalistas, traballadoras culturais, inventoras, mestras ou deportistas. Recóllense referentes de todas as partes do mundo, pero cun especial énfase nas mulleres galegas.  Este 9 de marzo de 2023 comezará a 3ª edición do proxecto, “din que non hai mulleres, pero fíxense se as hai que seguimos poñendo en marcha edicións e máis edicións deste fermoso proxecto”.

Covelo realiza tarefas de limpeza nas prazas

0

O Concello de Covelo realizou tarefas de limpeza das prazas Mestre Cerviño, de Maceira e Barcia de Mera aproveitando as intensas choivas das pasadas semanas, momento no que resulta máis eficaz exectuar estes traballos pola menor resistencia da sucidade incrustada.

Traballadores municipais, equipados con medios adquiridos con fondos propios do Concello, foron os encargados de preparar as prazas para o desfrute da cidadanía.

Baiona, O Porriño e Redondela reciben novas achegas do Plan Concellos

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar novos recursos do Plan Concellos por 1,6 millóns de euros que beneficiarán a dez municipios da provincia. Trátanse de once achegas das Liña 1 de investimentos e da Liña 2 de pago de gastos correntes e financiamento de actividades socioculturais, que nesta quenda van parar aos concellos de Baiona, Cangas, A Estrada, A Illa, Marín, Pontecesures, O Porriño, Redondela, Silleda e Vilanova de Arousa.

No que se refire á Liña 1 de Investimentos, aprobáronse catro achegas por preto dun millón de euros, das que a de maior contía corresponde ao concello da Estrada, que recibirá 450.964€ para financiar as obras de arranxo de camiños en Oca, San Xurxo, Santo André de Vea e Arca. A presidenta provincial, Carmela Silva, puxo en valor que nos últimos oito anos de mandato “non hai camiño arranxado na Estrada que non fose executado con fondos da Deputación”. Tamén aludiu á importante achega que recibirá Vilanova de Arousa (387.315€) para o reforzo de firme de viarios municipais, lamentando que “este é o único concello que nunca recoñece que as grandes transformacións que se están a facer son tamén con fondos da Deputación”. O resto das achegas son para Pontecesures, de 62.160 € para financiar as obras de mellora no parque infantil da rúa Carles e para O Porriño, que recibirá 77.967€ para costear a ampliación da rede de saneamento en Atios.

Por outra banda, da Liña 2 a Xunta de Goberno deu luz verde a sete achegas, entre elas a de 75.000€ que recibirá Marín para a financiación da Festa Corsaria deste ano. Na relación están tamén Baiona, que recibirá 87.338€  para gastos correntes de actividades sociais e culturais; Cangas, que contará con 96.900€ para costear o tratamento de residuos sólidos urbanos; A Illa de Arousa, cunha achega de 131.657€ para financiar o gasto corrente da prestación de servizos municipais; O Porriño, que recibirá 88.499€  para o financiamento de actividades sociais; Redondela, con 100.339 €  afrontará gasto corrente da prestación de servizos municipais e por último Silleda, que contará con 78.122€ para a financiación parcial do servizo de recollida e transporte de residuos urbanos.

Redondela presenta o libro dedicado a Cedeira

0

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, dirixido pola alcaldesa Digna Rivas, anuncia a saída de dous novos volumes da colección dedicada aos libros de parroquias. Desta volta trátanse de Cedeira, feito por Juan Migueles, e de Saxamonde, asinado por Paulo Jablonsky. Estes libros, que coma nos anteriores casos conta cunha portada expresamente feita polo pintor local Ángel Barros, sitúa xa na cifra de oito as parroquias que contan co seu volume: Cabeiro, Cedeira, Cesantes, Negros, Reboreda, Saxamonde, Trasmañó e Ventosela.

A presentación do libro de Cedeira será hoxe venres 24 ás 20:00 h na Cultural de Cedeira onde se repartirán exemplares gratuitos do libro e estarán presentes o autor, Juan Migueles, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

Todos os libros foron escritos por veciños destas parroquias porque, segundo indica Rivas, “é importante sacar á luz o traballo de persoas implicadas co patrimonio local, ás veces esquecidas ou non valoradas como merecen. Dende o Concello queremos darlle o protagonismo do que son merecentes”.

Así mesmo a rexedora subliñou “a enorme importancia de poñer en valor o noso patrimonio local, parroquia por parroquia, para comprender que Redondela é a suma de cada unha delas. Todas xuntas conforman un tesouro vivo que precisa ser difundido e apreciado. Nesa liña queremos continuar”.

Por outra, o SNL adiantou que pronto sairá outro libriño centrado na parroquia de Vilar de Infesta, á cal lle seguirán outras máis. Desta maneira o SNL trata con distintas iniciativas de abranguer o conxunto de parroquias, sexa a través deste proxecto ou ben cos proxectos de microtoponimia ou o máis recente dos “Tesouros de Redondela”, uns audiovisuais que recollen a memoria das xente maior da parroquia e que xa comezaron co Viso. Este documental, de reprodución en aberto en Youtube, xa alcanzou a cifra de preto de 1500 reproducións.

Os libros contan con portadas realizadas por Ángel Barros “un luxo de portadas” afirmou a alcaldesa quen destacou “a sorte de poder contar cun artista da calidade de Ángel para desenvolver este proxecto que pon de relevo a capacidade creativa, literaria por unha banda e artística por outra, dos nosos veciños”.

Populares de Tui suma a tres integrantes máis

0

Populares de Tui segue dando pasos de cara ás eleccións municipais do 28 de maio. Na última semana, presentaron a tres integrantes que acompañarán a Nico Montes na candidatura para as vindeiras eleccións.

O primeiro en presentarse foi Jorge Lima, enxeñeiro técnico e actual concelleiro do Grupo Municipal Popular. O segundo anuncio foi Dolores Muñoz, arquitecta veciña de Paramos, ligada ao movemento asociativo das persoas con diversidade intelectual. O último en presentarse foi o emprendedor Adri Vila, coñecido en Tui por pola súa labor durante a pandemia onde repartiu almorzos gratuítos para as persoas que estaban en cuarentena.

“O que buscamos para Tui é un Goberno preparado para afrontar os retos que temos por diante como cidade. É por isto que estamos formando a lista coas persoas máis preparadas e ilusionadas co proxecto e co cambio que necesitamos os tudenses na xestión municipal”, declara Nico Montes.

Nico Montes e Adri Vila
Nico Montes e Dolores Muñoz

Arte, música e poesía no Rosal polo Día de Rosalía

0

O Concello do Rosal conmemora o Día de Rosalía con poesía, música e moita arte. Este domingo 26 de febreiro, o auditorio municipal acolle a Gala do Día de Rosalía, un encontro no que o público poderá achegarse á figura da ilustre autora especialmente a través da palabra. “Con esta gala queremos homenaxear da mellor forma posible á escritora galega máis universal, precursora da poesía moderna, unha pioneira do pensamento feminista e a persoa que devolveu ao galego o seu carácter de lingua culta”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Durante a gala varias persoas procederán á lectura de poemas da propia Rosalía de Castro e poderase desfrutar dos collages e caligramas realizado polo alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier en memoria da escritora e da súa obra. A homenaxe a Rosalía completarase coa actuación de Lara Villaverde, unha cantante tomiñesa que chega ao panorama musical galego con cancións propias acompañada da súa guitarra e que dará voz á ilustre escritora galega.

A gala celebrarase ás 19.00 horas e vai dirixida a público de todas as idades. O evento será de balde con entrada libre ata completar aforo. Dende o Concello convidan a participar a toda a veciñanza e agradecen a participación e colaboración de todas as persoas que prestarán a súa voz para conmemorar a figura de Rosalía, así como do alumnado do CPI Suárez Marquier polo seu traballo.

Redondela representa a Galicia no torneo internacional de veteranas de balonmán en Sevilla

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, vén de desearlles “boa sorte” ao equipo de veteranas do club SAR de Redondela coñecido como As Sarillas, aínda que non a precisan. Do 24 ao 26 de febreiro estarán en Sevilla para competir polo trofeo ‘Torneo Internacional Balonmano Femenino Masters de Sevilla’, organizado polo C.D. Agrupación Sevillana Amigas del Balonmano e a Delegación de deportes da Comunidade Autónoma de Sevilla.

Durante tres días enfrontaranse a equipos de Cataluña, Asturias, País Vasco Almería, Sevilla, Valladolid, Granada e Málaga, así como outros internacionais entre os que se atopan Portugal, Budapest ou Alemaña.

O primeiro partido é hoxe venres ás 20:00 h contra o OAR Gracia de Sabadell. Digna Rivas quixo, acompañada do concelleiro de Deportes, desexarlles sorte “nun torneo internacional no que Redondela vai a representar con orgullo a Galicia por primeira vez na historia” e felicita “o esforzo e traballo que fan as xogadoras veteranas para manterse activas e compaxinar o deporte coa súa vida privada”.

Como agasallo, o Concello de Redondela ofreceulles camisetas co escudo redondelán, bolsas e unha “Coca” de Sargadelos para obsequiar aos anfitrións do trofeo “e que Redondela quede inmortalizada nas vitrinas de Sevilla ao lado de outras moitas comunidades e países”, conclúe Rivas.

Ponteareas mostra no centro urbano o seu ‘Metrominuto’ e os cambios realizados en zonas peonís

O Concello de Ponteareas vén de instalar unha decena de paneis informativos nas principais áreas peonís do centro urbano que inclúen datos e información dos tempos de percorridos urbanos a pé, das áreas peonís e parques públicos e das zonas de aparcamento. Tamén se recollen e exhiben imaxes comparativas da situación, anterior e futura das rúas peonís. Por último, os paneis promocionan o comercio local e tradicional lembrando as súas vantaxes.

Baixo o título Ponteareas Vila 10, co que se salienta que no centro urbano “todo está a menos de dez minutos camiñando”, os paneis mostran o Metrominuto, un mapa ou plano sinóptico que mide distancias entre diferentes puntos e os tempos medios que se tarda en desprazarse a pé por eles. Trátase dun elemento que promociona o hábito de camiñar e que impulsa a Rede de Cidades que Camiñan, á que pertence Ponteareas.

Unha das informacións máis visuais que ofrecen os paneis son as imaxes comparativas de cada rúa. A través de fotografías dende o mesmo lugar lémbrase como eran esas rúas cando estaban ocupadas masivamente polos vehículos a motor, recóllense imaxes actuais das mesmas rúas agora ocupadas pola xente e amósanse as recreacións mediante infografías dos proxectos de humanización que xa foron redactados polo Concello e que reflicten como serán no futuro esas rúas.

Ademais, os paneis inclúen un completo rueiro do centro urbano, sinalando as áreas peonís, os parques e xardíns e os grandes aparcadoiros que rodean o centro urbano e que suman máis de 1.000 prazas dispoñíbeis, ás que se engaden centos delas situadas en zona azul rotatoria.

Tamén se recolle de forma moi gráfica a información relativa aos supostos nos que un vehículo está autorizado a acceder á área peonil, entre eles aqueles nos que unha persoa precisa recoller ou deixar obxectos pesados ou moi voluminosos que non se poden transportar a pé ou os casos de mobilidade reducida.

Por outra banda, os paneis tamén inclúen unha campaña de promoción do comercio local, salientando que o centro urbano é unha grande área comercial na que as persoas consumidoras poden atopar toda variedade de produtos, de calidade e coa confianza do trato directo, nunha contorna agradábel e con facilidades para acceder en coche quen realmente o precisa, podendo recoller compras voluminosas ou pesadas diante do propio local.

Nigrán celebra hoxe o seu tradicional concurso de comparsas

0

O Concello de Nigrán celebra hoxe, venres 24 de febreiro, desde as 21:00 horas o seu tradicional concurso de comparsas con 14 agrupacións de toda a comarca que suman 964 participantes. O evento estará presentado polo coñecido actor e monologuista Sergio Pazos, en substitución de Pepo Suevos por incompatibilidade co cambio de datas, e contará coa animación de rúa a cargo da batucada ‘Bate no Cobre’ na apertura do desfile e durante a deliberación do Xurado.

O concurso discorrerá por Rosalía de Castro (desde a rúa Telleira ata a Casa Consistorial) e o fallo e achega de premios será in-situ. A única comparsa representante de Nigrán será a xa habitual da Asociación Cultural Parada do Miñor con ‘Xeada’ e 67 participantes; dentro do Val Miñor, por Gondomar estará a Asociación Políticamente Incorrectos con ‘A Valhalla Pode Esperar’ (51 persoas), O millor de cada casa de Vincios con ‘A maxia do cine’ (56), Ldanzia con ‘Mouline Rouge’ (90), Paradela con ‘Homenaxe a Grease’ (70), A Merced de Chaín con ‘Grease’(50), Carnavales de Mañufe con ‘Pouco Corrente’ (54); e por Baiona o Centro Cultural de Baiña con ‘Rock in Baiña’ (65). Desde Vigo acudirán Os da Casa con ‘Un mundo máxico’ (100) e o Centro Cultural de Valladares con ‘Valla-Space’ (65) e desde Mos a Asociación de Veciños ‘A nosa terra de Pereiras’ con ‘Mos, pueblo paleta’ (108). Finalmente, desde o Baixo Miño acudirán ‘Luces de Tomiño’ con ‘Fantasía do Zodiaco’ (80) e Revolucion Show (43) e, como novidade tras o cambio de data, ‘Talismán na beira do Miño’ (65) da Asociación Cultural Talismán de Salceda de Caselas.

O entroido nigranés rematará a tarde do sábado 4 de Marzo co tradicional enterro do kiko de Parada que, unha vez máis, partirá desde a Casa do Concello para ser velado e sentenciado no Torreiro de Parada, onde haberá festa durante toda a tarde-noite. Esta peculiar celebración naceu da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao típico ‘Enterro da Sardiña’, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día un evento de referencia no municipio ao incluír o Concello hai 8 anos a saída da comitiva desde o Auditorio Municipal.

Corte de tráfico hoxe na PO-552debido ao paso da competición ciclista “O Gran Camiño”

0

Oia formará parte do itinerario dunha das etapas da competición ciclista “O Gran Camiño”. Por esta causa, hoxe venres a última hora da mañá será preciso cortar o tráfico na estrada PO-552, durante o tempo no que os deportistas realicen seu traxecto pola localidade (aproximadamente uns 30 minutos).

A segunda etapa de “O Gran Camiño” desenvolverase mañá venres pola mañá e unirá as localidades baixomiñotas de Tui e A Guarda, rematando no Monte Trega (181,70km) pasadas as 15.00 horas. O itinerario previsto atravesará o municipio de Oia, entrando desde Baiona pola PO-552 e continuando por esta estrada ata A Guarda.

Segundo as previsións da organización, os ciclistas farán o seu paso por Oia entre as 14.19 e as 14.43 horas, aproximadamente; sendo preciso o corte do tráfico na estrada xeral mentres se desenvolve a competición. Deste xeito, a duración estimada da interrupción do tráfico sería dunha media hora.

A Asociación de Veciños de Dornelas mellora a eficiencia enerxética coa axuda da Xunta

0

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou o local social da Asociación de Veciños de Dornelas para coñecer as melloras executadas co apoio da Xunta. A través dun convenio asinado co Concello, o pasado xullo realizáronse obras de pavimentación, climatización e impermeabilización para garantir a eficiencia enerxética das instalacións e o benestar das persoas usuarias. A achega do Goberno galego ascendeu a máis de 38.000 euros.  

As obras incluíron a pavimentación do último andar e a cuberta de parte da planta superior, así como a impermeabilización da cuberta plana e a instalación dun sistema de climatización, inexistente na actualidade.

Segundo indicou Diego Calvo, as actuacións permitiron completar a renovación e dotación do local social de Dornelas, que presentaba un estado inacabado, ademais de corrixir as patoloxías e deficiencias construtivas que dificultaban o seu uso nunhas condicións axeitadas para a veciñanza. Deste xeito, garántese unha maior durabilidade das instalacións e un mellor illamento térmico e acústico.

As melloras súmanse ás xa realizadas no ano 2019, tamén  para mellorar a eficiencia enerxética e que contaron cunha achega da Xunta de 20.000 euros, de xeito que o investimento total do Goberno galego no edificio superou os 58.000 euros.

Pola súa banda o Concello de Mos financiou con fondos propios o acondicionamento exterior do local social da AVV de Dornelas, realizando traballos de acondicionamento da zona sur e muro da Igrexa e de acondicionamento do torreiro da festa. Estes últimos co obxectivo de mellorar o espazo con novos pavimentos de formigón en losa para mellorar a conexión co Camiño da Igrexa, por onde os veciños acceden ao Torreiro e Local Social; creación de espazos de estar adaptados á contorna e topografía da parcela, acceso peonil coa disposición dun pavimento de adoquín sobre zahorra, este pavimento conecta o principal acceso desde o Camiño da Igrexa co novo espazo de estancia na zona Norte e co Local social; 3 gradas para salvar o desnivel existente entre o Torreiro e a parcela privada situada ao Norte e como espazo para a estancia e, nesta zona, execución dunha beirarrúa peonil que conecta co Centro Social e tres niveis de gradas con asentos orientados ao Sur, desde os que contemplar as actuacións. E, por último, axardinamento, mobiliario urbán e iluminación empotrada no pavimento.

Axuda autonómica

A iniciativa de mellora interior subvencionada pola Xunta de Galicia enmárcase no compromiso da Xunta coas administracións locais e coas asociacións veciñais, como entidades máis próximas á cidadanía e mellor coñecedoras das demandas sociais das súas contornas. Nesta liña, o vicepresidente segundo referiuse ás distintas liñas de axudas impulsadas pola Xunta para apoiar de xeito específico estas entidades.

Así, a través da Orde para a creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, dotada con 3,5 millóns de euros, facilítanselles aos concellos melloras nas dependencias de uso público, no alumeado, camiños municipais ou en parques infantís, entre outras. A esta medida súmaselle o Fondo de Compensación Ambiental, que cun orzamento superior aos 11M€ impulsa distintas accións a prol do medio natural.

Pola súa banda, as asociacións veciñais ou de mulleres rurais e as comunidades de usuarios de augas dispoñen do Plan específico de acción comunitaria, que destina 3M€ para melloras nos locais sociais e nas infraestruturas de abastecemento comunitarias. 

Equilibrio territorial

Diego Calvo incidiu na importancia destas medidas para “garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa, que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio, de xeito que a cidadanía teña as mellores condicións de vida con independencia de onde resida”. Para o vicepresidente segundo, o labor dos concellos e das asociacións de veciños é fundamental na consecución desta meta, como entidades prestadoras de servizos de proximidade e como dinamizadoras da vida social e cultural no eido local, respectivamente.

Ponteareas prepara cinco novos cursos de balde nas casas e centros culturais das parroquias

O Concello de Ponteareas leva novos cursos de balde ás diferentes casas e centros culturais para achegar “o maior número posíbel de actividades lúdicas e didácticas ás nosas parroquias”, como explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba. Neste camiño, o Goberno municipal porá en marcha xa a vindeira semana un curso de cestería na Casa Cultural de Arnoso, un taller de 12 horas de duración no que os participantes aprenderán a elaborar distintas pezas artesanais.

Este curso comezará o vindeiro martes 28 de febreiro e as clases impartiranse martes e venres de 16.30 a 19.00 horas. Xunto con este taller, o Concello ten organizado outro obradoiro de cestería na Casa Cultural de Prado tamén de 12 horas de duración.

En marzo será a quenda do curso de memoria que terá lugar na Casa Cultural de San Mateo de Oliveira, un taller de maior duración que se impartirá entre o 6 de marzo e o 8 de maio.

As persoas interesadas en participar en calquera destes cursos só terán que achegarse ao seu centro cultural, ao departamento de Cultura ou a través do correo electrónico [email protected] para informarse.

Por outro lado, o vindeiro mes tamén arrancarán dous cursos de lingua de signos nas casas culturais de Guillade e de Guláns. Con 30 horas de duración os talleres impartiranse luns e mércores de 19.00 a 21.00 horas dende o 20 de marzo ata o 10 de maio. As interesadas e interesados en inscribirse deberán facelo no rexistro de entrada do Concello.

A Deputación lanza PON2030, un plan para reactivar a provincia

Un novo plan extraordinario para a execución da Axenda 2030 e afianzar a recuperación dos concellos e da provincia. Con este obxectivo, o goberno da Deputación anunciou hoxe a posta en marcha do Plan PON 2030, dotado con 34,4 millóns de euros. Os concellos de menos de 50.000 habitantes serán de novo os principais protagonistas deste programa de dotacións e equipamentos en todo o territorio, con recursos da Deputación por 22 millóns de euros. Tamén inclúe un plan para facer fronte ás inundacións nos concellos máis afectados, dotado con 2,7 millóns de euros, que xorde ante a inacción da Xunta de Galicia, e contempla igualmente investimentos por 7 millóns na ambiciosa recuperación patrimonial do Convento de Santa Clara en Pontevedra, e outros 2,7 millóns destinados á activación económica e social da provincia.

O Plan, presentado hoxe pola presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera, ponse en marcha cos recursos dos remanentes e será aprobado nun pleno extraordinario o vindeiro 6 de marzo. Amais, con estes 34,4 millóns do novo Plan o orzamento inicial de 2023 de Deputación increméntase ata os 216,4 millóns de euros, dirixidos principalmente aos concellos da provincia. Unha vez máis a Deputación confírmase como a institución provincial de todo o Estado que máis transferencias fai os concellos, un 34 %, o dobre da media estatal. Como dixo a presidenta, “e iso sen contar cos recursos que proveñen de fondos europeos. Nunca tiña acontecido nada así”. Pola súa banda, César Mosquera quixo destacar o bo estado da economía da Deputación. Salientou que aínda poñendo en marcha novos plans como o ‘PON2030’ quedan recursos nas arcas provinciais

Carmela Silva explicou que “queremos seguir poñendo recursos da Deputación ao servizo da provincia para que se poidan seguir facendo as grandes transformacións que levamos impulsando dende hai 8 anos, cun proxecto moi potente de remanentes que ten como obxectivo seguir avanzando na execución da Axenda 2030”. “Se en anos anteriores lanzamos o DepoRemse, o plan de Reequilibrio e o ReacPon, agora é o momento de PON2030”, asegurou a presidenta, quen explicou que se trata “dun plan centrado moi particularmente en destinar recursos aos concellos pero tamén a proxectos propios que consideramos singulares e extraordinarios”.

Pola súa banda César Mosquera fixo fincapé na necesidade deste Plan para avanzar e executar proxectos da Axenda 2030 “porque o 2030 está aí practicamente e imos apurados” e “o que non avancemos agora non o imos recuperar”. Asegurou que a intención é aproveitar a experiencia das bases provinciais do ReacPON, e evitar perdas de tempo cando se producen cambios nas corporacións nas vindeiras eleccións. “Se paramos non chegamos a facer as actuacións que temos pensado”, sentenciou. Subliñou que esta nova inxección económica aos concellos é posible porque o goberno ten uns obxectivos e unha liña de traballo claros, está cohesionado e gasta as súas enerxías en traballar pola provincia e non en “elementos alleos”. Agradeceu o traballo do persoal funcionario provincial, porque, segundo dixo, o Plan 2030 “non podería facerse se non houbera unha maquinaria administrativa engraxada”.

PON2030 nos concellos

Os concellos volven a ser destinatarios dun plan extraordinario, similar aos que xa foron postos en marcha polo goberno máis aló do Plan Concellos, como o Plan PICEI, DEPOREMSE, Plan de Reequilibrio, o Plan Ágora e o Plan ReacPon que regaron a provincia de servizos, equipamentos, infraestruturas e dotacións. Foron 54 millóns de euros para 117 grandes actuacións no territorio. Agora, con PON2030, os concellos disporán doutros 22 millóns para que poidan escoller un único gran proxecto que, como no caso do ReacPon, poderá ser de rehabilitación de equipamentos, de construción de novas dotacións, de recuperación, mellora, urbanización ou reurbanización de espazos públicos seguindo os parámetros Ágora, pero que como novidade esta vez tamén poderá ser de inversións  para o cumprimento da lei de Residuos e solos contaminados para unha economía circular. Nese sentido, Mosquera salientou esta cuarta liña de axudas para cumprir coa normativa (Lei 7/2022), que esixe a recollida separada e tratamento dos orgánicos. “Temos demanda dos concellos, e a ver como se concreta”, destacou, lembrando que os Concellos Revitaliza xa están avanzados e agora as axudas ábrense aos outros para que dean pasos no cumprimento da normativa.

Segundo as bases do novo Plan, cada gran actuación será financiable ata un máximo de 1 millón de euros e non poderá supoñer máis do 90 % do Plan Concellos que recibe o municipio que o presenta. Unha comisión de persoas expertas, “exclusivamente persoal técnico”, avaliará os proxectos que se presenten nos que se terá en conta a madurez do proxecto, a súa contribución a unha economía descarbonizada, a calidade do proxecto e a consecución de obxectivos da Axenda 2030. Amais, este novo Plan extraordinario para os concellos é unha oportunidade para os fondos europeos Next Generation xa que os recursos da Deputación serán compatibles con outras axudas públicas e privadas e, nomeadamente, cos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno do Estado. Amais, a presidenta explicou que “se os proxectos reciben financiamento europeo nós, dende a Deputación, non imos solicitar devolución senón que vai ser o concello o que se beneficiará destas axudas. Sen embargo se os recursos proveñen doutras administracións, a axuda será proporcionalmente para o concello e a Deputación”.

En canto á tramitación, os concellos poderán presentar o seus proxectos nun prazo de 45 días a contar desde o 7 de marzo cando as bases sexan publicadas unha vez aprobadas no pleno  do día 6. Chegará entón a selección das actuacións que se tramitarán co modelo de convenio que se asinará con cada concello unha vez que sexa aprobado polo órgano municipal competente. As actuacións terán un prazo de execución ata o 30 de abril de 2025. “Imos ser máis xenerosas e xenerosos nos prazos, en vista de que o procedemento administrativo é moi complexo” remarcou a presidenta.

Tomiño premia o seu deporte

0

Tomiño continúa apostando polo deporte e polos seus deportistas. Despois de tres anos sen poder celebrar o evento a causa da situación sanitaria, o Concello recupera a Gala do Deporte, que chega á súa sexta edición para premiar ás e aos deportistas, equipos, adestradores, clubs, asociacións e entidades tomiñesas máis destacadas durante o último ano. O evento terá lugar este sábado 25 de febreiro a partir das 21.00 horas no auditorio municipal de Goián e estará aberto a todos os públicos.

A Concellaría de Deportes, que dirixe Francisco Campo, está xa a ultimar os últimos detalles da organización desta gala, que na súa última edición no ano 2019 distinguiu o traballo de ata sete deportistas e catro clubs e entidades e entregou seis mencións especiais. A gala será presentada polo xornalista deportivo Terio Carrera, que irá chamando a todas e todos os gañadores tras coñecer a votación do xurado técnico nomeado para a ocasión.

Nesta ocasión entregaranse ata once galardóns:

  • Mellor adestrador
  • Mellor club de fútbol 2022
  • Mellor equipo base
  • Premio Afán de superación
  • Promesa masculina
  • Promesa feminina
  • Mellor deportista masculino
  • Mellor deportista feminina
  • Entidade que colabora co deporte
  • Patrocinador
  • Mencións deportivas 2022

Dende o Concello convídase a toda a veciñanza a participar nesta gala, na que agarda contar coa presenza de colectivos, asociacións, clubs e público xeral para render homenaxe a todos os deportistas tomiñeses e premiar a aquelas que destacaron durante o 2022, con especial referencia ao deporte base.

O Porriño lanza un plan de formación para personas desempregadas

O Concello do Porriño anunciou hoxe a posta en marcha do dun plan formativo para o presente ano. “Reactivar o servizo municipal de emprego foi dende o principio unha cuestión prioritaria, xa que o é para os porriñeses e porriñesas que se atopan en situación de desemprego”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “o Concello debe ser tamén un motor de creación de emprego no municipio e para iso é necesario apostar pola formación da veciñanza nos eidos que demandan os principais sectores produtivos e tamén acompañalos e asesoralos no proceso de procura de emprego”. 

Baixo esta premisa, o Concello vén de aprobar un novo Plan de Formación para o  2023 que dará cobertura as necesidades esixidas polas empresas, dando a oportunidade a máis de 500 persoas integrantes da Bolsa de Emprego de formarse en Manipulación de Carretillas Elevadoras, Almacenaxe e Picking, Produción en Automoción, Limpeza Industrial entre outras especialidades.

O vindeiro luns comezarán a impartise as primeiras especialidades coa posta en marcha dun Curso práctico de Manipulación de Carretillas Elevadoras, homologado conforme a normativa UNE, e formación para a obtención Carné de Manipulación de Alimentos. Todas as persoas interesadas en inscribirse no Plan de Formación deberán formalizar a súa inscrición de forma presencial nas instalacións de Porremprego en horario de 9 a 14h.

Reactivación de Porremprego

A Concellería de Emprego e Formación do Concello do Porriño, que dirixe Rosario Costas, pechou o ano con 1.562 usuarios activos na súa bolsa de emprego. Unha cifra que acredita a capacidade de resposta do servizo municipal nun momento no que o paro no Porriño cae a cifras históricas, xa que o municipio rematou o 2022 con 1.379 persoas desempregadas,  o dato máis baixo dos últimos dez anos.

Cabe destacar neste sentido que Porremprego se atopaba practicamente sen actividade a finais do 2021, xa  que non existía máis que un Técnico de Orientación Laboral ao servizo do Concello que ademais combinaba as atencións do Servizo de Emprego Público de Galicia (SPEG) coas sesións de asesoramento da Bolsa Municipal de Emprego.

 “Esta desatención do servizo conlevou a baixa de 5.221 usuarios. Co fin de reactivalo, procedemos á contratación de dous orientadores adicionais que, xunto co técnico do SPEG, analizaron a situación de cada unha das persoas inscritas en situación de baixa para retomar as sesións de asesoramento”, explicou a concelleira, “Deste xeito conseguimos duplicar o número de usuarios coa tarxeta activa en apenas un ano, pasando de 825 a 1.562”.

Así mesmo, os técnicos de orientación laboral realizaron un total de 336 novas inscripcións de persoas usuarias e 1.561 sesións de asesoramento.

No que respecta o funcionamento da Aula CEMIT, financiada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para o desenvolvemento de accións para a inclusión dixital da cidadanía, impartíronse 804 horas de formación das que se beneficiaron 1.664 persoas.

O plan de acción da concellería de Emprego puxo o foco tamén no emprendemento, coa próxima posta en marcha do Polo de Emprendemento que ofrecerá, entre outros, servizos de información sobre oportunidades de emprendemento, asesoramento personalizado, espazos de traballo temporal e networking, captación de investimento e financiamento e orientación, asesoramento e recursos físicos. As persoas usuarias, ademais, poderán acceder a convocatorias anuais de axudas para a consolidación do seu investimento e a xeración de postos de traballo.

O impulso dado polo novo executivo tamén se centrou no eido da formación, poñendo en marcha múltiples iniciativas sociolaborais nas que participaron un total de 270 persoas: Xornadas Técnicas en colaboración con importantes empresas do sector do metal como CITIC HIC Gándaras Censa, ou do sector da automoción como GRUPO COPO, BENTELER, ou SERVEO; formación en manexo de Carretillas Elevadoras, charlas ou obradoiros prácticos en técnicas de procura de emprego, así como distintas accións formativas en novas tecnoloxías.

As accións executadas polo departamento concluíron cun total de 137 insercións laborais, das cales 44 foron tramitadas directamente pola Axencia Local de Colocación a partir das demandas realizadas polo tecido empresarial, e 88 producíronse nos diferentes programas de emprego acadados polo Concello a través de subvencións.

Nigrán organiza un obradoiro de manexo de aplicacións móbiles

0

O Concello de Nigrán ofrece desde o vindeiro martes, 28 de febreiro, e ata 18 de abril, no Local Social de Vilameán, un obradoiro para aprender a manexar aplicacións móbiles.

Este curso está destinado a xubilados empadroados no municipio e será impartido por María José Parada Santoro, profesora xubilada. O curso, que se desenvolverá os martes de 11:00 a 12:30 horas, é gratuíto e prestará especial antención ao uso da aplicación do ‘Sergas Móbil’, ao almacenamento de imaxes e ás posibilidades doutras aplicacións.

A inscrición debe facerse presencialmente este venres 24 de febreiro na Oficina de Información do Concello de 9:00 a 12:00 horas e as prazas distribuiranse por rigorosa orde de chegada (consta inicialmente de 10 prazas pero se hai demanda se organizarán máis obradoiros). Para participar é preciso acudir cun smartphone cargado de batería.

Chegan as esperadas Andainas A Guarda – Caminha Primavera 2023

O Concello da Guarda organiza esta primavera un total de 4 andainas coincidindo cos días de maior luz solar para animar aos veciños a facer deporte e descubrir o noso entorno tras estes meses de frío.

Nesta edición o calendario conta con rutas próximas como ao Monte Aloia, Parque Natural en Tui, ou a ecopista do río Miño entre Monçao e Valença, lugares que moitos coñecemos pero quizais non percorremos en detalle descubrindo as sendas, o patrimonio relixioso e etnográfico,… Ademais, organizase unha ruta no interior de Portugal polo Parque Nacional da Peneda – Gêres cun paisaxe de montaña e uns miradoiros abraiantes. A distancia destas rutas rondan entre os 10 e 15 km.

Para pechar esta edición de andainas escolleuse unha saída especial onde se visitará unha das illas do Parque Nacional Illas Atlánticas. En anteriores edicións visitamos Ons e Cíes e para este 2023 visitarase a Illa de Sálvora, unha das illas menos coñecida do parque pero que conta cunha historia e natureza de excepción. A mañá estará reservada a visita á illa de Sálvora e tralo xantar farase unha visita duns 4 km polo sendeiro das Pedra Negras de San Vicente do Mar no Grove.

As prazas son limitadas polo que se abre un prazo de inscrición para os interesados do luns 27 de febreiro ao xoves 2 de marzo. O venres 3 de marzo informarase aos interesados da lista de admitidos.

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, resalta a alta participación dos veciños nesta actividade deportiva de posta en valor do patrimonio natural e medioambiental de Galicia, convidando unha vez máis a participar. Tamén valorou o edil da Guarda o carácter transfronteirizo destas andainas, que contan tamén coa participación dos nosos veciños de Caminha.

Máis información e inscricións na Oficina de Turismo da Praza do Reló de 10:00 a 14:00 h ou ben a través dun mail en [email protected] ou no teléfono 986614546, aínda que se priorizarará a inscrición presencial.

Calendario das andainas

  • 11 de marzo: Ecopista do Río Miño: Monçao a Valença
  • 25 de marzo: Percorrido polo Monte Aloia
  • 22 de abril: Trilho do Mezio – Parque Nacional da Peneda-Geres
  • 6 de maio: Andaina pola Illa de Sálvora e senda das Pedras Negras de San Vicente do Mar (O Grove)

Ponteareas contará cun novo médico e dous pediatras grazas á lei de prazas de difícil cobertura da Xunta

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou que o goberno galego incluirá unha praza de médico de familia e dúas de pediatría no centro de saúde do concello de Ponteareasna convocatoria de prazas de difícil cobertura mediante concurso de méritos que aprobará nas vindeiras semanas.

Esta convocatoria de máis de 400 prazas, avanzada este mes polo presidente Rueda, realizarase a través da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, aprobada o pasado outubro no Parlamento co voto en contra de BNG e PSdeG.

Esta lei incentiva a cobertura destas prazas ao ofrecer o maior nivel de estabilidade laboral, obtendo unha praza fixa en propiedade, cun sistema de acceso máis sinxelo e áxil: un concurso de méritos que non require exame de oposición e que se resolve nuns meses.

Comesaña aclarou que o método será idéntico ao tramitado o ano pasado e que se saldou con tres profesionais facultativos de atención primaria que se incorporaron nos últimos meses con prazas fixa ao centro de saúde ponteareán. Este primeiro concurso foi tamén habilitado por unha lei votada en contra polos partidos da esquerda.

A candidata á alcaldía, Nava Castro, agradeceu a información achegada polo conselleiro e lamentou a postura do goberno local lembrando que, se por eles fora, non se podería realizar este proceso e cubrir esta praza nin Ponteareas contaría hoxe con tres facultativos fixos máis que hai uns meses.

No mesmo sentido, Castro asegurou non entender á alcaldesa por encabezar protestas e reclamacións de máis persoal sanitario mentres “o seu partido vota en contra das solucións”.

O Consorcio do Louro convida a visitar as súas instalacións

0

O venres 13 de marzo de 2020 o CIFP A Granxa, de Ponteareas, realizaba unha visita guiada á estación depuradora de augas residuais de Guillarei.

Foi ao día seguinte, o 14 de marzo de 2020, cando se decretou o estado de alarma pola Covid-19 e comezou un período de confinamento que obrigou ao Consorcio a manter os servizos cos medios mínimos imprescindibles e suspender as vistas as súas instalacións.

Dous anos despois, o 14 de marzo de 2022, o CPR Plurilingüe Losada de Vigo foi a primeira institución educativa en volver ás instalacións, iso si, logo de ter sido tomadas medidas adicionais de seguridade para os 50 alumnos que percorreron a EDAR de Guillarei ese día.

Durante o ano 2022, 327 visitantes de dez institucións, tan diferentes como as universidades de  Santiago e Vigo ou a Asociación de Xubilados de Salceda de Caselas, achegáronse ás nosas instalacións. O 2023 comeza cun novo impulso ao labor divulgativo logo de que se teña autorizado o acceso de máis de 400 visitantes nos catro primeiros meses do ano.

A día de hoxe pódense coñecer a estación depuradora de augas residuais de Guillarei, en Tui, e a estación de tratamento de auga potable de Os Valos, en Mos. Ao longo do ano poderase visitar tamén a potabilizadora de As Chans, Randufe, no Concello de Tui.

“Queremos achegar á veciñanza a importancia dos sistemas de saneamento e abastecemento, que coñezan como funcionan e a repercusión que teñen que teñen tanto a nivel ambiental como social”, explicou o presidente da entidade, Alejandro Lorenzo.

Para poder visitar estas instalacións pódese descargar o modelo de solicitude na web do Consorcio na dirección https://consorciodolouro.es/gl/area-usuario/impresos.

Salvaterra festexa o Día de Rosalía

Hoxe xoves 23 de febreiro celébrase en Galicia o día de Rosalía, coincidindo coa data do seu nacemento.

Se ben é certo que ata fai pouco era un festexo propio do día 24, a investigadora Sagrario Abelleira correxiu a data de nacemento pasando dende o ano pasado ao día 23 e sendo parte dun dos días máis sinalados no calendario cultural galego.

Dende o Concello queren rendir homenaxe a unha muller tan importante e cun legado inesquecible en materia de cultura, que puxo en valor dous piares fundamentais na súa obra: a potenciación da literatura galega e a defensa da independencia, liberdade e igualdade das mulleres.

Por iso, este venres 24 a partires das 17:00 horas e na Praza do Concello, ofrecerase unha representación músico-teatral “A MUSA DOS POBOS”, baseado na vida e obra de Rosalía de Castro.

Nel, María Alonso interpreta á propia Rosalía falando sobre a súa vida e obra mentres que Servando Barreiro pon voz e música a algún dos seus poemas.

O resultado é unha alternancia entre cantigas enerxéticas e otras máis intimistas e reflexivas enfiadas con paisaxes da súa vida e otros aspectos menos coñecidos ainda que non menos importantes do seu pensamento.