15 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación lanza PON2030, un plan para reactivar a provincia

    A Deputación lanza PON2030, un plan para reactivar a provincia

    Un novo plan extraordinario para a execución da Axenda 2030 e afianzar a recuperación dos concellos e da provincia. Con este obxectivo, o goberno da Deputación anunciou hoxe a posta en marcha do Plan PON 2030, dotado con 34,4 millóns de euros. Os concellos de menos de 50.000 habitantes serán de novo os principais protagonistas deste programa de dotacións e equipamentos en todo o territorio, con recursos da Deputación por 22 millóns de euros. Tamén inclúe un plan para facer fronte ás inundacións nos concellos máis afectados, dotado con 2,7 millóns de euros, que xorde ante a inacción da Xunta de Galicia, e contempla igualmente investimentos por 7 millóns na ambiciosa recuperación patrimonial do Convento de Santa Clara en Pontevedra, e outros 2,7 millóns destinados á activación económica e social da provincia.

    O Plan, presentado hoxe pola presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera, ponse en marcha cos recursos dos remanentes e será aprobado nun pleno extraordinario o vindeiro 6 de marzo. Amais, con estes 34,4 millóns do novo Plan o orzamento inicial de 2023 de Deputación increméntase ata os 216,4 millóns de euros, dirixidos principalmente aos concellos da provincia. Unha vez máis a Deputación confírmase como a institución provincial de todo o Estado que máis transferencias fai os concellos, un 34 %, o dobre da media estatal. Como dixo a presidenta, “e iso sen contar cos recursos que proveñen de fondos europeos. Nunca tiña acontecido nada así”. Pola súa banda, César Mosquera quixo destacar o bo estado da economía da Deputación. Salientou que aínda poñendo en marcha novos plans como o ‘PON2030’ quedan recursos nas arcas provinciais

    Carmela Silva explicou que “queremos seguir poñendo recursos da Deputación ao servizo da provincia para que se poidan seguir facendo as grandes transformacións que levamos impulsando dende hai 8 anos, cun proxecto moi potente de remanentes que ten como obxectivo seguir avanzando na execución da Axenda 2030”. “Se en anos anteriores lanzamos o DepoRemse, o plan de Reequilibrio e o ReacPon, agora é o momento de PON2030”, asegurou a presidenta, quen explicou que se trata “dun plan centrado moi particularmente en destinar recursos aos concellos pero tamén a proxectos propios que consideramos singulares e extraordinarios”.

    Pola súa banda César Mosquera fixo fincapé na necesidade deste Plan para avanzar e executar proxectos da Axenda 2030 “porque o 2030 está aí practicamente e imos apurados” e “o que non avancemos agora non o imos recuperar”. Asegurou que a intención é aproveitar a experiencia das bases provinciais do ReacPON, e evitar perdas de tempo cando se producen cambios nas corporacións nas vindeiras eleccións. “Se paramos non chegamos a facer as actuacións que temos pensado”, sentenciou. Subliñou que esta nova inxección económica aos concellos é posible porque o goberno ten uns obxectivos e unha liña de traballo claros, está cohesionado e gasta as súas enerxías en traballar pola provincia e non en “elementos alleos”. Agradeceu o traballo do persoal funcionario provincial, porque, segundo dixo, o Plan 2030 “non podería facerse se non houbera unha maquinaria administrativa engraxada”.

    PON2030 nos concellos

    Os concellos volven a ser destinatarios dun plan extraordinario, similar aos que xa foron postos en marcha polo goberno máis aló do Plan Concellos, como o Plan PICEI, DEPOREMSE, Plan de Reequilibrio, o Plan Ágora e o Plan ReacPon que regaron a provincia de servizos, equipamentos, infraestruturas e dotacións. Foron 54 millóns de euros para 117 grandes actuacións no territorio. Agora, con PON2030, os concellos disporán doutros 22 millóns para que poidan escoller un único gran proxecto que, como no caso do ReacPon, poderá ser de rehabilitación de equipamentos, de construción de novas dotacións, de recuperación, mellora, urbanización ou reurbanización de espazos públicos seguindo os parámetros Ágora, pero que como novidade esta vez tamén poderá ser de inversións  para o cumprimento da lei de Residuos e solos contaminados para unha economía circular. Nese sentido, Mosquera salientou esta cuarta liña de axudas para cumprir coa normativa (Lei 7/2022), que esixe a recollida separada e tratamento dos orgánicos. “Temos demanda dos concellos, e a ver como se concreta”, destacou, lembrando que os Concellos Revitaliza xa están avanzados e agora as axudas ábrense aos outros para que dean pasos no cumprimento da normativa.

    Segundo as bases do novo Plan, cada gran actuación será financiable ata un máximo de 1 millón de euros e non poderá supoñer máis do 90 % do Plan Concellos que recibe o municipio que o presenta. Unha comisión de persoas expertas, “exclusivamente persoal técnico”, avaliará os proxectos que se presenten nos que se terá en conta a madurez do proxecto, a súa contribución a unha economía descarbonizada, a calidade do proxecto e a consecución de obxectivos da Axenda 2030. Amais, este novo Plan extraordinario para os concellos é unha oportunidade para os fondos europeos Next Generation xa que os recursos da Deputación serán compatibles con outras axudas públicas e privadas e, nomeadamente, cos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno do Estado. Amais, a presidenta explicou que “se os proxectos reciben financiamento europeo nós, dende a Deputación, non imos solicitar devolución senón que vai ser o concello o que se beneficiará destas axudas. Sen embargo se os recursos proveñen doutras administracións, a axuda será proporcionalmente para o concello e a Deputación”.

    En canto á tramitación, os concellos poderán presentar o seus proxectos nun prazo de 45 días a contar desde o 7 de marzo cando as bases sexan publicadas unha vez aprobadas no pleno  do día 6. Chegará entón a selección das actuacións que se tramitarán co modelo de convenio que se asinará con cada concello unha vez que sexa aprobado polo órgano municipal competente. As actuacións terán un prazo de execución ata o 30 de abril de 2025. “Imos ser máis xenerosas e xenerosos nos prazos, en vista de que o procedemento administrativo é moi complexo” remarcou a presidenta.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.