Sábado, 12 Xullo de 2025

Ponteareas camiña cara unha hostalaría máis sostible

Camiñar cara a un sector hostaleiro máis sostible. Ese é o obxectivo da campaña de reciclaxe que acaba de poñer en marcha o Concello de Ponteareas en colaboración con Ecovidrio e coa que se busca facilitar a recollida e reciclado de vidro entre os locais da canle Horeca (hoteis, restaurantes e cátering) do municipio.

“O compromiso do sector da hostalaría e da restauración é fundamental para a reciclaxe deste material, xa que xera o 52% dos residuos de envases de vidro dun só uso. E iso demostra que xogan un papel imprescindible para acadar os obxectivos de redución que nos temos marcados e para camiñar cara a unha sociedade máis sostíbel”, destaca a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo.

No marco desta campaña, persoal técnico acreditado realizará unha primeira visita aos establecementos hostaleiros da vila que poden adherirse para promover a reciclaxe de residuos de envases de vidro, informando sobre a normativa actual e entregándolles un colector de 120 litros con rodas para facilitar o transporte e baleirado do vidro nos contedores verdes. Unha vez avanzada a campaña, realizarase unha segunda visita entre os locais non adheridos para incidir na iniciativa.

A concelleira de Medio Ambiente lembra que “os envases de vidro recíclanse ao 100% de forma infinita e que de cada botella, tarro ou frasco que reciclemos podemos obter outro exactamente igual”. Covelo quixo trasladar a todos os establecementos o agradecemento anticipado do Goberno municipal “por unha colaboración que nos axudará a conseguir un municipio máis ecolóxico e sostíbel”.

Redondela conmemora o día da poesía cunha representación poética teatralizada de Aldaolado

0

O 21 de marzo celebrouse o Día da Poesía, unha data que o Concello de Redondela considera de extraordinaria importancia “pola posta en valor da lectura e de todo tipo de xéneros literarios”. Para conmemorar a data, o Multiúsos da Xunqueira acolleu unha actividade para achegar a poesía á mocidade e que correu a cargo do dúo poético Aldaolado composto por Lucía Aldao e María Lado.

A alcaldesa Digna Rivas resaltou a importancia da xornada “pola responsabilidade que temos como pobo, da celebración da poesía ou da narrativa en lingua galega. Na nosa literatura contamos con grandísimos poetas, de antes e de agora. Os premios que recibiron autoras como Yolanda Castaño ou Gonzalo Hermo demostran a boa saúde da nosa poesía”.

Aldaolado está composto por Lucía Aldao e María Lado, dúas mulleres que xa levan unha traxectoria no eido da literatura en galego e que enfoca o seu traballo de forma divertida e educativa. Con elas, a través da poesía, do conto ou da música, os mozos e mozas redondeláns puideron gozar dunha verdadeira homenaxe á poesía.

Por este motivo, pola importancia da poesía e da lingua, o Concello de Redondela organizou este acto onde participaron 280 alumnos e alumnas dos institutos IES Pedro Floriani, IES Mendiño e IES Illa de San Simón. “Queremos agradecerlle ao equipo de dinamización dos institutos a súa proposta e toda a colaboración. Así mesmo agradecer ao profesorado por acudir a este acto e axudar a divulgar a poesía entre a mocidade”, conclúe Rivas.

A Policía Local identifica a dúas persoas como autoras de novas pintadas en edificios e bens municipais de Ponteareas

A Policía Local de Ponteareas identificou a dúas persoas como autoras dos danos causados nos últimos días nas fachadas da biblioteca, do auditorio municipal e da Casa do Concello, un edificio catalogado por Patrimonio. Todas as pintadas recollen as mesmas expresións contra o Goberno municipal.

O Concello de Ponteareas emprenderá accións legais polos danos ocasionados de forma dolosa nos bens do patrimonio histórico-artístico, como recolle o artigo 323 do Código Penal, e que implican penas de multa e prisión en función dos estragos.

O Goberno municipal fará unha valoración do custo que suporá a limpeza de todas as pintadas realizadas nos diferentes edificios municipais e elementos públicos para reclamar o importe ás persoas autoras.

O executivo local lembra unha vez máis que todas as críticas son lexítimas pero a liberdade de expresión non ampara actos de vandalismo nin danos aos bens públicos “que acaba repercutindo en toda a veciñanza, que cos seus impostos debe pagar a falta de civismo dalgunhas persoas”.

Os concellos da Cañiza e Melón estrean o camiño medieval «Entre abadías»

0

Unha ruta que terá lugar o vindeiro sábado 1 de abril, que esgotou as reservas na primeira semana e na que participarán preto de 200 persoas, será a encargada de inaugurar o camiño medieval entre os concellos da Cañiza e Melón «Entre abadías». A partir das 16:30 h poderase realizar a ruta guiada deste treito de camiño medieval de 9,5 quilómetros que une ámbolos dous municipios.

O Alcalde da Cañiza Luís Piña destaca o grande éxito de afluencia e a inmediatez en inscribirse por parte das veciñas e veciños dos dous concellos.

A xornada comezará ás catro da tarde coa entrega de credenciais aos participantes e inicio do roteiro que transcorre polo camiño sinalizado o pasado mes de xullo e que pasa pola Abadía de Oroso e diferentes núcleos de poboación ata a chegada a Fonte Santa e San Benito, xa en terras do Ribeiro. 

[su_image_carousel source=”media: 69466,69467″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Está prevista a chegada ao Mosteiro de Melón ás 19:00 h, momento en que o alcalde desta localidade ourensá, Emilio Vidal, ofrecerá un refrixerio aos camiñantes no claustro do mosteiro.

Ás 20:30 h haberá un oficio relixioso de bendición a camiñantes e entrega por parte de ambos alcaldes aos sacerdotes de Melón e da Franqueira dunha peza de artesanía orixinal e relacionada con este roteiro medieval.

O retorno dos participantes ata o punto de inicio realizarase en autobús desde as portas do mosteiro.

Camiño medieval «Entre Abadías»

Os Alcaldes da Cañiza, Luis Piña, e de Melón, Emilio Díaz, asinaron o pasado 11 de xullo de 2022 un Convenio Intermunicipal entre os Concellos para relanzar este sendeiro, sumido ata o de agora no esquecemento, con máis de 800 anos de historia e que comunica o interior de Galicia, conectando o Mosteiro de Melón (Ourense) co Santuario da Franqueira (Pontevedra).

Esta sinatura desenvolveuse nun acto público institucional, na Capela de San Benito, na Fonte Santa, no Concello de Melón e tivo por obxecto enmarcar e coordinar a actuación de relanzamento turístico deste camiño histórico que atravesa os municipios da Cañiza e de Melón coa finalidade de potenciar o tecido económico e turístico dos dous concellos.

Despois de terse acondicionado o camiño e sinalizada axeitadamente a ruta, este primeiro de abril, se inaugura o tramo guiado entre A Cañiza e Melón de «Entre Abadías»,  un sendeiro medieval presente tamén en wikiloc que animamos a coñecer e a camiñar.

(https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/entre-abadias-de-melon-a-franqueira-100689104)

O programa «Mocidade Viva» de Ponteareas ofrece este sábado unha xornada de patinaxe libre

Esta fin de semana mozos e mozas poderán coller os seus patíns e gozar dunha xornada de patinaxe libre. O Concello de Ponteareas organiza ao abeiro do programa Mocidade Viva unha nova actividade “coa que buscamos promover o lecer saudábel e alternativo para rapazas e rapaces maiores de 12 anos”, salienta o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó.

O sábado 25 de marzo a partir das 20.30 horas, mozos e mozas poderán participar nunha nova sesión de patinaxe libre no pavillón municipal do complexo deportivo Álvaro Pino, unha actividade coa que desfrutar deste deporte tanto para aquelas persoas que xa saben patinar como para aquelas que queren comezar a facelo. Por este motivo, o Concello habilitará un servizo de préstamo de patíns para aqueles mozos e mozas que non dispoñan duns propios.

Miguel Bouzó anima a toda a rapazada a participar nesta xornada de balde así como en todas as actividades organizadas dentro da programación de Mocidade Viva, “un programa estábel de actividades lúdicas e formativas dirixidas á xente moza na que lles ofrecemos un amplo abano de espazos de lecer e socialización saudábeis, con deporte, cursos e obradoiros deseñados pensando nos seus intereses”.

Pode solicitarse máis información no 687 764 516.

Máis de 200 escolares prantan árbores no Porriño para celebrar o Día dos Bosques

222 escolares do Porriño celebraron hoxe o Día Internacional dos Bosques prantando 70 exemplares no monte. O obxectivo desta iniciativa organizada polo Concello do Porriño e a e a Así, dende o Concello do Porriño e a consellería de Medio Rural, organizouse unha xornada de reforestación que se desenvolveu nos montes da Entidade Local Menor de Chenlo, Unha zona de monte de utilidade pública que terminará sendo un gran mirador forestal.

Acompañando aos nenos e nenas estiveron o conselleiro de Medio Rural, José González, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, que participaron tamén na prantación.

En total foron 70 novos exemplares de especies autóctonas – 21 castiñeiros, 10 freixos, 15 cerdeiras, 10 carballos do país, 10 carballos americanos e 4 pradairos- que xa forman parte da masa forestal do Porriño.

[su_image_carousel source=”media: 69452,69450,69449,69448,69447,69446,69445,69444″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Varias brigadas do servizo de montes formadas por técnicos forestais foron os encargados de conducir aos alumnos e alumnas na actividade, ademais de entregarlles material divulgativo e organizar os xogos que se levaron a cabo sobre concienciación ambiental. Os bombeiros forestais sumáronse á xornada e fixeron un simulacro de incendio para que os cativos e cativas coñeceran como se actúa en caso de lume.

“Cremos firmemente na importancia da educación ambiental para mellorar e preservar o medio e tamén no esforzo conxunto de administracións e axentes sociais para conseguilo”, apuntou o alcalde, “Hoxe queremos lembrar aos pequenos a importancia de protexer as superficies arboradas como forma de garantir o futuro do noso planeta e demostrarlles que eles poden participar do cambio”.

A candidata do PP de Nigrán expon unha nova senda peonil paralela á AG-57

0

A candidata dos populares á alcaldía, María José Pino, vén de presentar unha nova proposta dentro da súa campaña: a creación dunha senda peonil de 700 metros de longo que comunicaría Avenida Val Miñor coa glorieta de Rúa dás Pontes no parque empresarial de Porto do Molle. “Sería moi positivo para todos os veciños que nos gusta pasear pola zona”, explica Piñeiro, que á súa vez incide na falta de conexións próximas ao complexo empresarial. “Comunicaría dous puntos aos que ata o de agora tan só é posible chegar por unha pista de terra e que desemboca a poucos metros do novo parque comercial Nasas”, declara.

A iniciativa, ademais de contar cun espazo delimitado a peóns, tamén contempla a construción dun carril bici, promovendo así a mobilidade sostible. A idea proposta pola candidata é que se poida acceder ao mesmo aproveitando a entrada orixinal desde o camiño do Pinicho na PO-552 e o seu trazado paralelo á AG-57, para rematar na mencionada rotonda. ç

O Partido Popular está convencido que coa súa materialización reforzaríanse as políticas de sustentabilidade e as iniciativas para a recuperación de espazos naturais infravalorados. Ademais sería unha alternativa á senda fluvial do río Muíños e cunha paisaxe alternativa. Considera que esta nova infraestrutura ademais animará aos veciños para achegarse a Zona Franca a pé ou en bicicleta xa sexa por pasear ou a facer algunha compra.

A Deputación abre a súa terceira liña de axudas para retirar simboloxía franquista dos concellos da provincia

A Deputación de Pontevedra ten xa aberto o prazo para que os concellos da provincia soliciten axudas para retirar simboloxía franquista nos seus territorios municipais. A contía global das achegas, que forman parte das Subvencións para a Rehabilitación e Sinalización do Patrimonio Histórico Cultural e chegan este ano á súa terceira edición, é de 100.000 euros.

A deputada de Memoria Histórica María Ortega subliña que cando existen elementos contrarios á memoria democrática que estean situados en edificios de carácter público municipal, as institucións ou persoas xurídicas titulares destes serán responsables da súa retirada ou eliminación. Neste sentido, a nacionalista destaca que a Deputación busca promover proxectos de normalidade democrática e facilitar o cumprimento da normativa de Memoria vixente, e para iso tende a man con estas subvencións, dado que en moitos casos a falta de orzamento municipal impide levar adiante as retiradas de simboloxía franquista.

As achegas da Deputación, explica Ortega, poderán destinarse a o obras de retirada de escudos, insignias e placas das rúas con nomes relacionados co franquismo; retirada de estatuas, mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva ou de calquera pegada de eloxio; ou a rehabilitacións e restauracións dos elementos dos bens inmobles de titularidade municipal directamente afectados coa retirada da simboloxía franquista

As axudas repartiranse cun importe fixo de cincuenta mil (50.000,00) euros de xeito lineal entre os concellos da provincia que decidan acollerse a elas. A cantidade restante repartirase, en proporción ao 75 % da poboación e ao 25 % da superficie, con 10.000 euros para os 37 concellos de ata 10.000 habitantes; 20.000 euros para os 14 concellos de 10.001 a 20.000 habitantes; e outros 20.000 euros para os 8 concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes.

A meirande parte das actuacións subvencionadas pola Deputación nas dúas edicións anteriores tiveron relación coa retirada de simboloxía de elementos da Falanxe (FET y de las Jons), o partido único do réxime franquista que deu paso posteriormente ao Movemento Nacional, e que foi parte da estrutura do réxime e da represión exercida sobre a poboación durante a ditadura.

Tamén se presentaron proxectos para retirar moitos elementos das Xuntas de Acción Municipal (JAM), que foron grupos dependentes da Falanxe formados en barrios ou pequenas poboacións co obxecto de levar adiante accións sobre o terreo e promover e exaltar o ideario falanxista e franquista entre a veciñanza.

As bases das axudas pódense consultar nesta ligazón.

Ponteareas ofrece un novo curso de monitor ou monitora de actividades de tempo libre con titulación homologada

O Concello de Ponteareas pon en marcha unha nova edición do curso de monitor ou monitora de actividades de tempo libre, unha acción formativa con título homologado coa que se busca dotar ás persoas participantes das capacidades necesarias para realizar actividades socioculturais e recreativas, tanto nun contexto urbano como natural, ademais de ofrecerlles unha oportunidade máis para atopar unha futura saída laboral.

O curso, de 200 horas de duración, comezará o vindeiro luns 3 de abril e impartirase en Semana Santa, sábados e domingos de 09.00 a 14.00 e de 15.30 a 20.30 horas. A formación, subvencionada polo Concello, terá un custo de 160 euros e o seu pagamento poderá ser efectuado de maneira fraccionada.

O concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, quixo destacar o papel que xogan “cursos formativos como este que ofertamos aos nosos mozos e mozas para abrir oportunidades de emprego, así como o carácter asociativo e educativo xa que promoven a comunicación, a colaboración e a interacción entre rapaces e rapazas da nosa vila”.

O curso, enmarcado no programa Mocidade Vida do Concello de Ponteareas, terá aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 26 de marzo. Todas aquelas persoas interesadas poden informarse ou reservar praza a través do correo electrónico [email protected] ou do teléfono 687 764 516.

A lingua reinvéntase en Ponteareas na Gala da Poesía

A lingua e a literatura serán as grandes protagonistas esta fin de semana da Gala da Poesía, un encontro organizado polo Concello no que conmemorar aos grandes autores e autoras ponteareás e dar visibilidade a escritoras e escritores noveis. A sala multiúsos do auditorio municipal acollerá este sábado 25 de marzo un acto aberto a todo o público no que se entregarán os premios do Certame de poesía e relato ilustrado Emilia Estévez Villaverde, uns premios cos que se buscaba “visibilizar a figura desta escritora pioneira ponteareá a través da palabra e da ilustración”.

O certame, dirixido a alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria e a mocidade de entre 13 e 18 anos, valoraba especialmente a calidade literaria dos traballos, a orixinalidade e o uso correcto do galego. “É un orgullo ver a gran participación dos nosos rapaces e rapazas nesta iniciativa, unha implicación que nos permite poñer en valor o nome a e a obra de Estévez Villaverde, unha autora de recoñecido prestixio que foi caendo no esquecemento e que dende o Goberno municipal queremos recuperar e reivindicar”, explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

A gala comezará ás 19.00 horas e contará tamén coa actuación de Aldaolado, un dúo poético-musical que realiza unha mestura de poesía con humor e música de carácter transgresor nun exercicio de comunicación directa co espectador e espectadora. Un espectáculo que se move entre o recital, o concerto e a narración de contos e historias centrados nas aventuras e desventura dos e das poetas que fará as delicias do público.

A entrada será de balde ata completar aforo.

Redondela facilita un ano máis a conciliación laboral e familiar con obradoiros de Semana Santa en Redondela e Chapela

0

O Concello de Redondela a través da Concellería de Medio Ambiente, dirixida por Alberto Álvarez e a de Igualdade, dirixida por Iria Vilaboa, desenvolve durante a Semana Santa actividades medioambientais enfocadas a nenos e nenas do municipio. Tralo éxito dos anos anteriores e co afán de seguir mellorando a oferta, o concello amplía as actividades do programa de conciliación de Semana Santa.

Este ano continuarán os obradoiros infantís de construción de caixas-niños para paxaros e dos ‘hoteis para insectos’ da Concellería de Medio Ambiente e engádense obradoiros da Concellería de Igualdade como manualidades sobre o mundo animal, xincanas con temática de Pascua e distintos xogos ”pensados dende a inclusión e a igualdade”.

“A iniciativa busca o dobre obxectivo de, por unha banda, concienciar aos nenos e nenas a partir dos 4 anos sobre a importancia do medio ambiente –centrándonos nas aves e os insectos como na pasada edición– para o equilibrio medioambiental e, por outra, permitir a conciliación laboral das familias durante as vacacións de Semana Santa”, explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

As actividades desenvólvense o 3,4,5,10 de abril de 2023 en horario de 9:30h a 13:30h no Multiúsos do Piñeiral do Crego en Chapela e no Multiúsos da Xunqueira coas mesmas actividades nos dous multiúsos pero en distintos días que poden consultar na páxina web ou no Facebook do Concello de Redondela. A inscrición, través dos rexistros municipais, está aberta para nenos e nenas entre 4 e 12 anos ata completar aforo, cun límite de 25 prazas por actividade. “A maiores, os nenos e nenas instalarán, na contorna da Alameda Castelao de Redondela e Multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela, as caixas-niños e os hoteis de insectos construídas para participar de forma activa no ecosistema do municipio e involucrase máis no que lles rodea”, engade Rivas.

Con estas iniciativa en marcha e cos distintos obradoiros e campamentos que se fan todo o ano –durante o verán, O Entroido, Semana, Santa e Nadal para cubrir a totalidade das vacacións dos rapaces e rapazas–, non entende á alcaldesa Digna Rivas, as críticas do PP local sobre a falta de actividades que permitan a conciliación da vida laboral e familiar das veciñas e veciños. “Unha vez máis, e xa non é novidade, o PP recorre a terxiversación da realidade coa clara intención de desgastar ao Goberno”, afirma Digna Rivas quen asegura que “fronte a iso, o Goberno socialista ofrece feitos concretos e datos irrefutables sobre a potenciación das actividades de conciliación”.

Lémbralle a alcaldesa aos populares redondeláns “que fronte ao mes de campamento de conciliación que ofrecían os Gobernos conservadores, o Goberno socialista realiza campamentos gratuítos durante os meses de xullo e agosto, incrementando polo tanto o orzamento destinado á conciliación, algo que eles non foron quen de facer”.

De feito o Concello de Redondela oferta, durante o verán, campamentos de conciliación, totalmente gratuítos, durante os meses xullo e agosto, e cun sistema de inscrición quincenal que permite a participación de maior número de nenos e nenas. De igual xeito, no Nadal o Goberno socialista optou pola ampliación dos campamentos de conciliación con iniciativas como ‘Quédome con Simona’ “que cobren a totalidade das vacacións escolares, e non só unha parte das mesmas como viña sendo habitual cos anteriores gobernos do PP”.

O Concello de Tui contrata un avogado para asesorar ás persoas afectadas polos incendios no conxunto histórico

0

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto a membros do equipo de goberno e de todos os grupos da corporación municipal reuniuse onte á tarde no salón de sesións da casa do concello con medio centenar de persoas afectadas polos incendios rexistrados en cinco puntos do conxunto histórico de Tui na madrugada do domingo ao luns.

O rexedor tudense explicou coma onte á tarde comezaron a ser retirados os primeiros vehículos que estaban completamente calcinados por parte dunha empresa de desguace contratada polo Concello. Sinalou que esta era unha prioridade ante o risco que presentaban os materiais calcinados. Hoxe mesmo unha empresa especializada encárgase de limpar toda a zona afectada.

Por outra parte para poder prestar aos afectados e afectadas o mellor asesoramento para poder reclamar ante as compañías aseguradoras o Concello de Tui contratou a un avogado que asesorará a todos os interesados nesta tramitación. Para iso será preciso que aporten a póliza do seu seguro así coma a documentación do vehículo sinistrado, que en moitos casos ardeu co coche, polo que deberán solicitar un duplicado.

Dende o Concello estase a xestionar cunha compañía de aluguer de coches a dispoñibilidade destes vehículos para os afectados que poidan precisar dunha solución de mobilidade de xeito inmediato. O concello asumirá os custos do aluguer.

Amais o persoal técnico municipal está a estudar xa as axudas que dende o Concello se poderían establecer para facer fronte á adquisición dun novo vehículo por parte daquelas persoas que perderon o seu coche nos sucesos acaecidos no conxunto histórico. Para iso será preciso redactar unha ordenanza municipal na que se establezan os criterios para a concesión das axudas.

A veciñanza da Cañiza acude á presentación da Ponte das Achas

0

O Centro Sociocultural de Coto Sobreiro foi o escenario do encontro coa veciñanza das Achas no que o deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, presentou xunto ao alcalde Luis Gómez Piña a ambiciosa actuación que se vai desenvolver na contorna da ponte e que suporá a total transformación desta área de gran relevancia patrimonial. A Deputación de Pontevedra está a axilizar os pasos para iniciar en breve estes traballos, que neste momento se atopan en fase de licitación cun orzamento de 411.000 euros e que se financian a través dun convenio entre a institución provincial e o Concello.

Na reunión cos e coas veciñas deste lugar da Cañiza, Gregorio Agís explicou polo miúdo este proxecto, axudándose das infografías que amosan a transcendencia e calidade da intervención proposta. Indicou que ata o 28 deste mes de marzo as empresas poden presentar as súas ofertas para a realización destas obras que buscan a mellora da seguridade viaria e a mobilidade peonil no trazado antigo que discorre sobre a ponte.

A actuación de mellora da seguridade viaria e a mobilidade peonil abrangue 560 metros de lonxitude no treito vello da EP-5002, entre o núcleo rural das Achas e a ponte, e foi posta como exemplo por Agís para que “a cidadanía saiba de que falamos cando falamos de transformación das infraestruturas da Deputación”. Neste espazo, acometerase unha actuación de gran relevancia patrimonial, xa que inclúe a recuperación da ponte das Achas, na actualidade asfaltada e con varandas metálicas que supoñen un elemento antiestético e anacrónico. Deste xeito, o viaduto románico pasará a contar con pavimento de lastro de granito e as actuais varandas metálicas serán substituídas por un peitoril de pedra de 1,10 metros de altura. Os traballos tamén dotarán a estrada dunha senda peonil ao longo da marxe dereita, de 2,50 metros de ancho e executada en formigón gris escuro. Transcorrerá desde a zona de convivencia que se acometerá no núcleo das Achas, con plataforma elevada 10 centímetros e acabada en formigón gris escuro. O firme no tramo a carón da senda será pavimentado de novo e dotado tamén de drenaxe de augas pluviais. Ademais, todas as canalizacións eléctricas e de telefonía serán soterradas, colocaranse bancos de granito, e disporase nova sinalización horizontal e vertical mais unha rede de alumeado máis sostible mediante luminarias LED. Tamén se ampliará a zona verde e colocarán buxos no linde coa senda.

Comezan as obras dos camiños de Leitón, Parada e Pomba en Chapela

0

O Concello de Redondela anuncia a formalización do contrato de obra e o inicio nas próximas semanas das obras de humanización dos Camiños de Leitón, Parada e Pomba, máis coñecido como “Barrio de Japón” en Chapela. Uns traballos subvencionados polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e que segundo a alcaldesa, Digna Rivas, permitirán “a total transformación dunha das principais vías de entrada ao municipio, pois o Barrio de Japón sempre foi a entrada a Chapela dende Vigo”.

Este proxecto, explica Rivas, “responde a unha demanda da veciñanza de Chapela dende fai 30 anos para solucionar o estado de deterioro e abandono no que se atopa a zona e cumprir co que os veciños e veciñas de Chapela merécense e necesitan ”.

O proxecto supón a transformación das principais vías de paso de Chapela, e o importe total das obras ascende a  máis de 200.000 euros, estas obras serán desenvolvidas en 2 meses, sendo executadas por dúas empresas diferentes. Por un lado, a empresa Construcións Vale encargaráse da remodelación dos Camiños de Parada e Pomba e a empresa Oresa do Camiño de Leitón .

Detallando máis as actuacións que e van a acometer nas distintas localizacións, a superficie de rodadura dos Camiños de Parada e Pomba preséntase en aglomerado e encóntrase, deteriorada, polo que vaise realizar un varrido da superficie e unha pavimentación completa,  obras de drenaxe,  colocación de novas tapas de pozos e arquetas de rexistro e o pintado da sinalización horizontal.

O Camiño de Leitón precisa un “Reforzo de firmes” e as actuacións previstas consisten no varrido da superficie a pavimentar, o fresado de entronques, o desmontaxe de bandas de reducción de velocidade para posterior recolocación e o pintado para recuperar a sinalización horizontal. A superficie a pavimentar sera todo o ancho da calzada dende o limite das propiedades, muros, cunetas, etc. A Execucion de obras de drenaxe corresponderá a colocación da nova cota de tapas de pozos, reixas, e arquetas de rexistro.

“Este goberno cumpre coas necesidades das parroquias, olvidadas dende fai anos, deixando de priorizar exclusivamete o centro da Vila. As obras que se van a executar no coñecido como Barrio de Japón súmanse as moitísimas actuacións que puxemos en marcha en Chapela. Entre elas, a remodelación  do ‘Campito’, a mellora e humanización de Cidadelle ou a remodelación da Alameda de Rosalía de Castro”, conclúe Rivas.

Covelo inicia a contratación para a humanización do acceso ao centro de Barcia de Mera

0

Unha plataforma continua sen barreiras arquitectónicas vertebrará o acceso ao centro de Barcia de Mera pola estrada provincial EP-4305. O Concello de Covelo intervirá en arredor de 2,055 m² para mellorar o día a día das persoas que transitan esta zona. Melloras estéticas, de seguridade e, sobre todo, de accesibilidade para que toda a veciñanza goce dos servizos e espazos públicos existentes na contorna dun xeito máis amable e universal. O alcalde, Pablo Castillo, adianta que se inicia o proceso de contratación das obras de “mellora de accesibilidade e humanización dos accesos aos equipamentos de Barcia de Mera” que ascenden a máis de 200.000€ con cargo ao Plan Concellos 22/23.

Na actualidade,a configuración desta área non favorece o seu uso polo mal estado e envellecemento de grandes zonas de pavimento, polas carencias de deseño e ordenación de zonas de uso nos espazos, pola existencia de beirarrúas estreitas e chanzos e cambios de nivel susceptibles de provocar caídas como a propia entrada á casa de cultura. O alcalde, Pablo Castillo, describe así a necesidade de realizar estas melloras e poñer en valor os espazos públicos.

Coa intención de resolver estas necesidades, proponse un deseño de plataforma única, continua e sen barreiras, cun firme que continúa a intervención xa executada na Praza de San Amaro, con zonas diferenciadas de lousa de granito silvestre e pavimentos de formigón de cor ocre que delimitan aquelas zonas de coexistencia necesarias para manter as comunicacións rodadas imprescindibles.

Delimitarase tamén pequenas zonas de aparcamento con prazas específicas para persoas con carné de discapacidade. Na zona da Casa da Cultura execútase un novo acceso dende a rúa principal, mediante unha rampla accesible e a re-configuración dos chanzos existentes de xeito que funcione como un espazo exterior de lecer amueblado e con vexetación. Esta plataforma mixta de pedra e xardín amplía o ámbito da casa da cultura e une visualmente a Casa da Cultura co espazo polideportivo.  Desta maneira, téntase unificar o conxunto: a Casa da Cultura, o espazo deportivo e os espazos verdes, formando un conxunto visual homoxéneo. Inclúese na proposta mobiliario e equipamentos compatibles co uso familiar das instalacións deportivas, aportando bancos e mesas para o lecer e comer. “O obxectivo é mellorar a calidade de vida do núcleo, favorecer o uso dos percorridos peonís de acceso aos equipamentos e dotacións públicas, e acadar unha integración paisaxística e medioambiental”, explica Pablo Castillo.

O Porriño, comprometido coas parroquias

O Concello do Porriño presentou un balance das inversións nas parroquias durante o último ano. O compromiso do executivo que preside Alejandro Lorenzo co rural do municipio tradúcese en preto de 8.490.425 euros destinados a mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños do rural. Montante ao que habería que sumar 1 M concedido pola Xunta de Galicia que se destinarán á rehabilitación dos polígonos residenciais de Torneiros. En total unha inversión de máis de 9 M a invertir nas sete parroquias do municipio que se financiarán con fondos municipais, do Consorcio de Augas do Louro e subvencións conseguidas da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.

“Non se pode entender O Porriño sen as súas parroquias”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Por iso traballamos para que o noso rural, que ten un peso importante no Porriño xa que representan preto do 60% da poboación, dispoña de todos os servizos e teña unha mellor calidade de vida”.

As actuacións de acometida da rede de saneamento, o asfaltado de viais e e a posta en valor espazos públicos aglutinan as maior parte dos proxectos, todos eles en execución ou xa adxudicados.

No tocante ao saneamento destacan as melloras e ampliación da rede en A Droza (Cans), Torrón (Mosende), Rebouza/Covelo (Atios) O Casal (Budiño), Mosteiro (Budiño), O Picouzo (Budiño), Outeiro/ A Igrex (Pontellas), Madorras (Pontellas), As Cales (Chenlo), Cantoña (Mosende), Arrotea/Vitureira (Budiño), Cerquido (Budiño), Abelenda (Pontellas) e Filgueira (Pontellas). En total foron máis de 2,3 M de euros.

No que respecta ao asfaltado de viais públicos salientar as actuacións na Buraca (Cans), A Pereira (Torneiros), Madorras (Pontellas), Carrola (Atios), Vitureira (Budiño), A Forna (Budiño), A Relva (Torneiros), Parada (Chenlo), Abelenda (Pontellas), A Rocha (Atios), Vilafría (Atios), Pontenova/A Guía (Atios), O Corzón (Pontellas), A Louriña/A Cochilra/Cadaval/Cavadiña (Mosende), Ribeira/Noval (Torneiros), Cavadiña/ Levada (Mosende), Quintenla (Pontellas), Adroza (Cans), Roupeiro/As Cavadas (Cans) e O Noval (Torneiros). A tal fin destinanse 1,8 M de euros.

Completan as inversións as melloras en parques infantís, a pavimentación da explanada da igrexa de Budiño, restauración do Lavadoiro de Pousadela en Pontellas, a mellora do Centro Cultural Alba en Torneiros, a construcción dunha glorieta no polígono industrial de a Granxa ou a reforma do Lavadoiro e Fonte do Contrasto, entre outras intervencións en espazos públicos das parroquias.  

O rexedor indicou que “estamos a seguir unha planificación que nos permita avanzar no moito que aínda queda por facer, poder dar pasos de maneira eficaz, co maior aproveitamento dos recursos dos que dispoñemos e tamén coa financiación a través de otras administracións”.

Neste sentido, o rexedor concluíu destacando que “temos varios proxectos xa en redacción que ampliarán esta intervención nas parroquias con especial énfase na acometida da rede de saneamento e no acondicionamiento de viais públicos, que son cuestións prioritarias para a veciñanza”.

Refírese Lorenzo aos proxectos que se traballa xa para levar a cabo as obras a acometida do saneamento no Carbón (Atios), Casal (Budiño), Eiriz (Budiño), O Casal (Cans), Madorras-Cavadiñas (Mosende), Benunes (Budiño), ou as melloras nos centros culturais de A Cruz e  Mosteiro (Budiño) e ampliación do Centro Cultural de Mosende.

CEIP Plurilingüe de Tebra, espertando a paixón por aprender

0

Unha nova forma de aprender, poñendo aos nenos no centro, apoiando ás familias e poñendo en marcha unha ampla variedade de proxectos que buscan ante todo desenvolver ao máximo as potencialidades do seu alumnado. Esa é a proposta do CEIP Plurilingüe de Tebra, un centro escolar que vén de sumar os Polos Creativos da Xunta entre a longa lista de iniciativas educativas e servizos.

Involucrados na educación STEM, coa que incrementar o interese do alumnado por habilidades que estimulen o crecemento e o progreso científico e tecnolóxico, o centro participa nos Polos Creativos “cun proxecto artístico-matemático no que o alumnado mergúllase tanto nas matemáticas como na arte a través da costura e no que temos que agradecer a participación e implicación de María González, a propietaria da mercería Chantilly de Tomiño”. Ademais da máquina de coser, o alumnado participa tamén na radio escolar RadioLeo, empregan impresoras e lápices 3D ou manéxanse co Chroma, entre outros aspectos.

“Na nova lei educativa a adquisición de competencias e un eixo esencial, por iso no centro traballamos a través destes proxectos e programas que nos permiten achegar o contido ao alumnado dun xeito ameno, divertido e directo. E o proxecto artístico-matemático é un exemplo propio e innovador do traballo que estamos a desenvolver para que o alumnado acade estas competencias e poñe en práctica os coñecementos adquiridos”, explica a directora do centro, Belén Fraga.

O CEIP Plurilingüe de Tebra tamén está involucrado nos contratos programa Innova, como centro dinamizados de hábitos de vida saudable (EDUsaúde), comprometido co desenvolvemento sostible (EDUsostibilidade) e como modelo de calidade a nivel organizativo, de xestión e funcionamento (EDUcalidade). E nese camiño por acadar unha educación de calidade para todo o alumnado e contribuír á mellora do sistema educativo tamén participa en varias modalidades do programa Inclúe (Iguála-T, Convive-T, Inclúe-T e Emocióna-T) ou en diferentes proxectos de innovación educativa como o Digicraft ou Edixgal para os curso de 5º e 6º de primaria.

O propio alumnado do centro recolle o testemuño da innovación e desa curiosidade por seguir aprendendo coa creación de dúas cooperativas ao abeiro do programa DepoEmprende, ‘Tebralidades’ e ‘Recuncho creativo’. Interese que tamén amosan coa súa ampla participación no Club de lectura, que encaixa perfectamente no Plan de Bibliotecas Escolares no que participa o centro.

Unha implicación que se leva tamén a novos proxectos postos en marcha, como os Patios inclusivos, unha iniciativa deseñada e consensuada co alumnado que o vindeiro mércores 22 de marzo presentarán ao Concello de Tomiño. Tras o encontro, o Consello de delegados e delegadas do centro acudirán ao mercadiño para mercar tomates, leitugas, amorodos… para planta na recentemente estreada horta escolar.

Outra das grandes características do colexio é a súa inmersión lingüística, xa que dende os 3 anos impártese a área de psicomotricidade en inglés e en educación primaria a área de Educación Física. “Temos a sorte de contar cun auxiliar de conversación filipina que se adaptou moi ben ao noso centro e a Tomiño e que xa pediu continuar o vindeiro curso con nós”, salienta a directora.

Precisamente pensando no vindeiro curso, as titoras de 5º e 6º de primaria do centro xa solicitaron a participación en Proxectos Europeos, que permitiría ao alumnado implicarse nunha iniciativa medioambiental con estudantes de colexios de Bulgaria, Turquía e Grecia.

Nenos, nenas, familias e conciliación son o eixo central deste colexio, que conta cun comedor escolar xestionado pola Consellería de Educación dende este mesmo curso e que está a crecer de forma rápida, polo que o vindeiro curso solicitarase á dobre quenda.

Nese compromiso co día a día do centro, a ANPA traballa tamén para poñer a disposición do alumnado o maior número de actividades que complementen a súa formación e permita ás familias unha maior conciliación. Así, coa axuda do Concello, cada ano financian as actividades extraescolares de baile e cociña de balde ou de inglés e informática a baixo custo.

A ANPA tamén achega o seu gran de area na conciliación das familias coa posta en marcha dende hai anos da aula matinal, totalmente gratuíta para asociados. Dende a asociación de nais e pais realizan tamén xornadas de sensibilización sobre igualdade ou de prevención da violencia machista con actividades lúdicas como maxia, teatro ou incluso acrobacias aéreas. Ademais, cada ano rematan o curso cunha agardada fesa coa que dar a benvida ao verán e cun campamento nunha zona de costa para que os nenos e nenas de 6º de primaria co resto de centros escolares tomiñeses para ir coñecendo aos seus futuros compañeiros e compañeiras ao chegar ao instituto.

Oito persoas do centro Juan María terán a posibilidade de facer prácticas como conserxes

0

O Concello de Nigrán dispón ata o 1 de Xuño de oito novos conserxes grazas ao Centro Juan María. A propia Casa Consistorial, a Biblioteca e os colexios Carlos Casares (Vilariño), Humberto Juanes (Nigrán) e Da Cruz (Camos) son por vez primeira o lugar de formación práctica para 4 mozos e 4 mozas con discapacidade intelectual que están a realizar o curso de ‘Operaciones Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais’. Este consta de 465 horas, das cales 291 son teoría que se desenvolve polas tardes no propio CEE Juan María e 174 son formación práctica nestes postos de traballo mencionados. Trátase do primeiro curso ao respecto que realizan no centro con sede en Parada e forma parte do Programa Operativo de Empleo Juvenil- POEJ “Uno a Uno” da Fundación ONCE a cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

“Estamos encantados de poder colaborar na formación práctica do curso, eles están aprendendo moito e todo o persoal está tamén a aprender moito deles. Ao fin e ao cabo este é o Nigrán para todos que buscamos”, reflexiona o alcalde, Juan González, quen se amosa orgulloso de que o propio Concello lles ofreza a posibilidade de ter a súa primeira experiencia laboral.

Así, de 10:30 a 13:30, Sergio Fernández, Pablo Salgueiro e Angelo Daniel ocúpanse na Casa Consistorial de enviar o correo, de escanear e fotocopiar documentos e colaborar cos diferentes departamentos. Celtia Pombo e Cintia Lorenzo, na Biblioteca e no Arquivo Municipal, traballan clasificando libros e difentes exemplares e, finalmente, nos coles, Carlos Barbosa, Diana Chamorro e María Peixoto atenden o teléfono, realizan fotocopias e colaboran no normal funcionamento do centro.

“Estou moi nerviosa, quero facelo ben. Na casa a miña nai díxome que eu preguntase sempre que tivese algunha dúbida”, confesaba María Peixoto no seu primeiro día de traballo no colexio de Camos, onde ela mesma foi alumna. María acude acompañada cada día por unha preparadora laboral, figura que tamén está presente na Casa Consitorial e nos outros coles, de xeito que cada 2 alumnos-traballadores hai un titor especializado.

“Levan unha semana no Concello e xa están totalmente familiarizados co traballo e o desenvolven con absoluta normalidade, por iso ao mesmo tempo e, sen pretendelo, desmontan moitos prexuizos que ten a sociedade relativos as súas capacidades”, considera o alcalde.

Hoxe comezan os obradoiros SmartPeme desta semana

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta cinco novas accións formativas para esta semana, enmarcadas na súa carteira de obradoiros online e presenciais. As accións tratarán temas como o uso da VPN, liderado feminino no sector turístico, campañas con Google Adwords, eventos en liña ou técnicas de márketing.

Os obradoiros darán comezo hoxe luns 20 pola mañá, con “Ciberseguridad, o uso da VPN”, que ten por obxectivo fomentar o uso das VPN, xustificando as razóns para empregala e  o modo en que o seu uso protexe ás usuarias e aos usuarios. A formación estará impartida por Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D.

O martes 21 a partir das 17:00h impartirase “Liderado feminino no sector turístico”, un obradoiro presencial que se levará a cabo no punto SmartPeme de Pontevedra (no salón de actos da segunda planta no Edifificio Administrativo da Deputación de Pontevedra). Esta iniciativa constará de dúas partes comezando, en primeiro lugar, coa charla de Mar Rodríguez, directora e xerente de Teetravel, e, a continuación cun networking aberto a todas as persoas asistentes.

O mércores 22 pola mañá, a graduada en Publicidade e Relacións Públicas, Laura Carrera, impartirá o obradoiro “Google Adwords, como entendelo e crear campañas eficaces I”. Esta formación dará resposta á importancia para os negocios de saír como resultado das procuras en Google e afondará en Google Ads, un programa de publicidade en liña de Google co cal se poden crear anuncios para alcanzar o público obxectivo e traballar o posicionamento SEM.

A semana lectiva rematará o xoves 23 con dúas accións formativas. Na quenda da mañá, de novo Manuel Freire dirixirá o curso “Como emitir o teu evento en liña de xeito profesional III”, centrado na mellora dos eventos en liña que se levan a cabo e da difusión do seu contido e, en xeral, de calquera comunicación empresarial en liña. Pola tarde Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas, impartirá “Técnicas de márketing para a promoción de Tours e Experiencias”, dirixido a empresas turísticas que inclúen diversos servizos de ocio e entretemento para viaxeiros, turistas e para a poboación local.

Alumnado de Tui asistirá o mércores

0

Este vindeiro mércores 22 de marzo un grupo de 100 alumnas e alumnos do IES San Paio de Tui asistirá a unha das conferencias incluídas no marco do convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o CSIC-INCIPIT para a difusión, a protección e o fomento do valor cultural dos bens patrimoniais da provincia de Pontevedra. A charla, no propio centro educativo, será impartida por Noemí Silva-Sánchez e centrarase na contaminación atmosférica por actividades mineiro-metalúrxicas prehistóricas e antigas rexistrada en turbeiras de Galicia e outras áreas do continente europeo. Silva-Sánchez é arqueóloga medioambiental especializada en Xeoquímica e Palinoloxía (disciplina da botánica dedicada ao estudo do pole e as esporas).

A actividade está incluída nun calendario máis amplo de conferencias, co que o coñecemento científico chega a un total de seis centros de ensino e outros dous espazos públicos da provincia. O ciclo comezou o pasado venres 10 de marzo coa conferencia “Arqueoloxía dunha aldea abandonada: As paredes vellas de Silvaescura”, a cargo de Cristina Incio del Río no IES Chano Piñeiro (Forcarei). A ela seguiulle, o 15 de marzo, a actividade “Enigmáticas marcas arqueolóxicas na paisaxe… ou non tanto” no IES de Coruxo (Vigo) para o alumnado de 2º bacharelato, impartida por César Parcero.

Tralo paso polo IES San Paio de Tui, as conferencias continuarán o 11 de abril ás 18:00 horas na sede da Deputación en Vigo, co título “Baixo terra: Investigando os conflitos do pasado contemporáneo” e a cargo de Laura Muñoz Encinar. A ela seguiralle, o 13 de abril, a conferencia de César Parcero “Vivindo no deserto 1000 anos atrás”, á que asistirán 40 alumnas e alumnos do segundo ciclo da ESO do IES Pazo da Mercé (As Neves). A continuación, o 17 de abril, será a quenda de “Banquete na Lanzada (dieta e cultura material galaica)” a cargo de Carlos Otero Vilariño para 90 alumnas e alumnos de 1º da ESO do IES de Vilalonga (Sanxenxo). O 9 de maio falarase sobre “Machados da Prehistoria recente na costa pontevedresa. Chatarra ou tesouro” nunha conferencia impartida por María G. Faro a 90 alumnas e alumnos de 1º da ESO do IES de Poio, e finalmente o ciclo rematará no mes de xuño cun relatorio a cargo de Xosé-Lois Armada no Pazo de Liñares (Lalín) sobre “Ouro, estaño e bronce: traballando o metal nos castros galaicos”.

O convenio entre Deputación e CSIC-INCIPIT, valorado en 270.000 euros, ten tres liñas primordiais de actuación. Ás charlas e conferencias súmanselle intervencións en oito espazos de interese arqueolóxico da provincia. Este ano actúase na Illa de San Sadurniño (Cambados), nas Torres de Oeste (Catoira), en Castrolandín (Cuntis) e nos Chozos do Alén (Fornelos), mentres que en 2024 farase no Castro de Garellas (Forcarei), nos Petróglifos de Gargamala (Mondariz), no Cano dos Mouros (Oia) e en Castro Alobre (Vilagarcía). O convenio inclúe tamén a recuperación de materiais recuperados das escavacións realizadas entre 2006 e 2007 no Castro de Bendoiro (Lalín) para a súa exposición no Pazo de Liñares.

Miguel Sande, «Brinde e desespero»

Miguel Sande está a presentar o seu novo poemario, «Brinde e desespero», co que recentemente acadou o XXV Premio Johan Carballeira. Xa falamos noutras ocasións neste mesmo espazo de como se están a diluír a cotío as xa febles liñas que separan os distintos xéneros literarios. «Brinde e desespero» é unha proba máis pois, a pesar da súa inequívoca cadencia lírica, Sande xoga a brincar con habilidade sobre as lindes da poesía para adentrarse no terreo da narrativa e darlle forma a unha prosa poética ben particular. Mesmo se achega ao que poderiamos considerar autoficción, aquela que crea realidades imaxinadas a partir da verdade pura e dura, da experiencia propia do autor que, neste caso, asume o «eu» poético.

Así, Sande fálanos dun entorno amigable e dos detalles máis cotiáns, mais faino dende unha obxectividade alonxada de calquera tipo de idealización, para que nos enfrontemos á nosa propia realidade cunha franqueza que, ás veces, chega a resultar intimidante. As relacións familiares e a memoria da infancia son o combustible que alimenta esta proposta, sobre a que sobrevoa de maneira constante unha certa tensión entre aquilo que consideramos que debemos sentir e aquilo que realmente sentimos. Velaí o conflito que o poemario nos presenta.

Cando nos adentramos nel, é doado interpretar as súas liñas como a visión que podemos adoptar dende ese punto da vida no que chegamos a acadar a madurez plena e, dalgún xeito, comezamos a ser consciente de que moitas das nosas arelas e dos nosos soños foron quedando irremediabelente atrás. Enfrontámonos ao paso do tempo valorando as metas acadadas e as que fomos esquecendo polo camiño, cun pouso de nostalxia e ata certa culpabilidade, e aí é onde conflúen, tal e como eu o vexo, o «brinde» e mailo «desespero» aos que fai referencia o título deste libro.

No aspecto formal, a obra estrutúrase en catro partes sendo a primeira, a centrada nas relacións familiares e na memoria («Resistir é un paso de baile»), a máis extensa das catro, pois ocupa practicamente a metade do libro. Por outra banda, a disposición en bloques do texto e ese emprego da prosa poética ao que nos referiamos máis arriba, semellan querer afianzar as percepcións do lector dándolle unha forza extra ao contido escrito, lonxe da versificación tradicional. Os pequenos monolitos que son os poemas (eu máis ben diría as partes do poema longo que se extende por todas as páxinas de «Brinde e desespero»), son o perfecto anclaxe para as sensacións transmitidas.

En canto á linguaxe empregada, atopamos unha certa contención expresiva e un certo afastamento da idea, tan extendida, da estética pola estética, unha tendencia que favorece a subxectivización do texto, mais que dificulta a súa comprensión. Neste caso diríase que Sande non trata de agochar nada, senón de amosalo todo con claridade diáfana para construír este poema tan persoal e, ao tempo, tan familiar e tan proclive a ser compartido polo lector.

Miguel Sande

Brinde e desespero

Xerais

Salvaterra inicia as obras do cruceiro do Casco, en Fornelos

O Concello de Salvaterra de Miño, dentro da liña de posta en valor do seu patrimonio histórico e cultural e a través da subvención da Deputación de Pontevedra para rehabilitación do Patrimonio, ven de iniciar os traballos de limpeza e conservación do cruceiro do Casco, na parroquia de Fornelos, por un importe de preto de 5.000,00 €.

As obras a realizar serán a limpeza superficial do monumento utilizando medios manuais que respecten a pátina da pedra, a reparación da fenda que presenta o capitel na súa cara oeste, así como a substitución do perpiaño serrado que presenta a plataforma no vento norte, que será substituída por outra labrada a man, para posteriormente instalar un bordiño perimetral de granito que o protexa dos vehículos a motor. Desta forma, mellorarase a estética e as condición de conservación deste ben cultural, ao tempo que se embelece e coida un nodo de comunicación no barrio do Casco protagonizado por estradas e camiños locais.

A primeira promoción do FP Dual de Pedra Natural comeza as prácticas en empresa

A primeira promoción do CM de Pedra Natural que se imparte no IES Ribeira do Louro na súa modalidade de FP Dual rematou xa a súa formación teórica e comeza a fase de cualificación en empresas do sector.

Esta modalidade ofertase por primeira vez en Galicia e faino no Porriño, un concello referente na industria da pedra que dá un paso adiante, da man do Cluster do Granito e a Xunta de Galicia, na cualificación deste sector.

O instituto porriñés acolleu hoxe o acto de promoción do ciclo, no que acompañando aos alumnos e a representación do centro, estiveron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o xefe territorial de  Educación da Xunta en Vigo, César Pérez Ares, o xerente da Fundación Cluster do Granito, José Angel Lorenzo e unha nutrida representación das empresas que acollerán a formación práctica.

“A FP xenera oportunidades para avanzar na especialización técnica, o que potencia o desenvolvemento das empresas e supón para vós unha oportunidade moi grande desenvolver unha carreira profesional tan pronto como acabedes a formación”, referiu o alcalde aos alumnos, “Vós sodes parte esencial dun momento moi importante para este pobo. Sodes a primeira das moitas promocións que se formarán para seguir facendo do Porriño e da súa industria da pedra un referente mundial”.

Nigrán ofrece un roteiro por Portugal

0

O Concello de Nigrán ofrece o domingo 26 de marzo unha xornada gratuita de sendeirismo de 6 km polas aldeas do Xisto (serra de Lousa, centro de Portugal). A dificultade do roteiro é alta , polo que é necesario estar en boas condicións físicas. Os interesados en participar teñen de prazo para anotarse ata este luns e martes 20 e 21 de marzo na Oficina de Turismo de Panxón, tendo prioridade os empadroados no municipio e distribuíndose as prazas por orde de inscrición.

O Concello disporá dun autobús que sairá do Concello ás 8:00 horas cara a Talasnal para chegar de volta aproximadamente ás 21:00 horas, debendo levar cada un a súa propia bolsa co picnic para xantar de campo, asi como auga. Dada a natureza desta excursión, é imprescindible acudir debidamente equipado, con roupa cómoda e zapato axeitado.

Os asistentes percorrerán os sendeiros das as aldeas do Xisto na Serra da Lousa. Estas aldeas forman un dos conxuntos turísticos máis singulares do país, coa súa arquitectura a base de pedra de lousa (‘xisto’) e con gran atractivo para os amantes do turismo de natureza.

Galicia volve rachar o seu teito co número de deportistas recoñecidos

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 2 de marzo de 2023 pola que se recoñecen as persoas deportistas de alto nivel, alto rendemento e rendemento deportivo de base de Galicia e diferentes colectivos deportivos, así como as solicitudes desestimadas e a causa. En total, das 83 novas solicitudes presentadas, son 75 -o 90 %- os recoñecidos, sendo, 54 deportistas de alto nivel, 4 de alto rendemento e 14 de rendemento deportivo de base, 2 técnicas de alto nivel e 1 xuíza de alto nivel.

Entre estes nomeamentos destacan novos deportistas galegos de alto nivel como David Arcay de pesca e cásting; Manuel Antonio Campos de piragüismo; Helena García de taekwondo; Manuel Míguez de motociclismo; Eva Feijoo e Gabriel Rodríguez de salvamento e socorrismo; ou Jaime de la Gándara de vela. Cómpre salientar tamén a grande importancia que está a acadar o baile deportivo en Galicia, tras a creación da federación galega, como demostra o nomeamento do b-boy David Amor, de 16 anos, na modalidade de breaking. 

Con esta última resolución publicada no DOG a comunidade galega alcanza xa os 818 deportistas recoñecidos (309 mulleres e 509 homes), divididos en 688 de alto nivel (256 mulleres e 432 homes), 39 de alto rendemento (14 mulleres e 25 homes), 62 de rendemento deportivo de base (26 mulleres e 36 homes), 14 técnicos (3 muller e 11 homes), 3 árbitros (3 mulleres), 5 xuíces (4 mulleres e 1 home) e 7 vitalicios (3 mulleres e 4 homes). Entre os 818 deportistas recoñecidos, cómpre salientar un total de 23 deportistas con diversidade funcional (9 mulleres e 14 homes) que representan o número máis alto da serie histórica. Con todo, Galicia acada con esta resolución o seu récord de deportistas recoñecidos en todas as categorías e tamén de deportistas galegos de alto nivel. Cómpre lembrar que o novo decreto de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base publicado polo DOG o pasado 29 de setembro de 2020, recoñece novas figuras como o alto rendemento deportivo -práctica deportiva que aínda non pode ser cualificada de alto nivel pero cuxa proxección indica que estará en condicións de selo- e o rendemento deportivo de base -etapa de desenvolvemento e perfeccionamento previa a acadar o alto rendemento deportivo ou o alto nivel-. O mesmo ocorre coas categorías de técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, novos colectivos que se incorporan a figura do alto nivel, a través da Comisión Galega de Avaliación do Alto nivel deportivo.

34 empresas e servizos de Baiona superan o Comité de Distinción Sicted

0

34 empresas e servizos de Baiona acudiron ao Comité de Distinción Sicted de decembro 2022, para renovar os seus distintivos ou para realizar a avaliación de seguimento.

As empresas e servizos que superaron esta avaliación foron: Oficina de Turismo-Concello de Baiona, Monte Real Club de Yates de Bayona, Parador de Baiona, Óptica Baiona, Hotel Anunciada, Estación de Servicio Monte Real, Policía Local de Baiona, Hotel Tres Carabelas, PLAYA RIBEIRA, PLAYA SANTA MARTA, PLAYA LADEIRA, PLAYA BARBEIRA, PLAYA DE FRADES, PLAYA CONCHEIRA, Le Sept, Recuncho Mariñeiro, Jamonería Jaqueyvi, Luna Baiona, Hotel Rompeolas, Joyería Tula, Casa do Marqués, Apartamentos Ria de Bayona, Hotel Arce, Estelas, La Pedalería, Peluquería Belmer, Restaurante Pedro Madruga, Ababides, Viajes Val Miñor, Bibendum, Mesón Jamonería Fidalgo, Benestar Baiona S.L, Fisioterapia Val Miñor y Café Bar La Llave.

Deste xeito, Baiona consolídase novamente, como destino de calidade  de servizos e empresas do sector turístico, recoñecidas co distintivo Sicted, un proxecto promovido pola Secretaría de Estado de Turismo co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Esta iniciativa ten como obxectivo incrementar a experiencia e satisfacción dos turistas e visitantes, ademais de axudar ás empresas e servizos, a perfeccionar os seus procedementos de traballo, de forma continua.

Baiona leva traballando neste proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos desde o ano 2.004 e na actualidade conta con 41 empresas e servizos adheridos.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, tamén Concelleiro de Turismo da Villa, entregou o pasado mércores, os distintivos ao Compromiso da Calidade Turística Sicted, ás 5 empresas locais que renovaron os seus distintivos no último comité de decembro.Ditas empresas foron: Viajes Val Miñor, Pub Bibendum, Mesón Jamonería Fidalgo, Hotel Tres Carabelas e Café Bar La LLave .

Durante o acto de entrega  o  Alcalde, Carlos Gómez Prado,  tivo palabras de agradecemento cara aos establecementos turísticos do Concello e tamén encomiou “o seu traballo, profesionalidade e compromiso, que contribúe a facer de Baiona un destino turístico mellor e máis competitivo. Así mesmo”, manifestou que “continuaremos apostando pola calidade, porque consideramos que é a base para un desenvolvemento sostible e para lograr un crecemento adecuado e equilibrado”. Tamén destacou “a importancia de ter unha conciencia integral de destino, porque temos obxectivos comúns e porque todos estamos implicados no desenvolvemento turístico”. O Alcalde quixo recoñecer o mérito e a valía do traballo realizado polos establecemento distinguidos que “repercute nas vosas empresas e tamén no conxunto do noso destino”.

Ademais felicitou a todos os galardoados e agradeceu a súa implicación no proxecto, porque “sen vós isto non sería posible”. Tamén deu as grazas ás empresas turísticas “por apostar pola calidade, porque formades parte da cadea de valor e co voso traballo facedes de Baiona un destino de calidade”.

A achega crave do SICTED é, precisamente, a conciencia integral de destino e a identificación de obxectivos comúns por e para todos os axentes implicados, públicos e privados, turísticos e non turísticos. Este enfoque favorece o deseño, planificación, execución e medición de resultados de accións integrais que harmonizan os niveis de calidade dos servizos e produtos que consome o turista no destino, da imaxe de leste e, en definitiva, da percepción do visitante respecto ao destino durante o transcurso da súa estancia vacacional e unha vez concluída esta.

Salvaterra presenta o proxecto Net-Zero

O  vindeiro xoves, 23 de marzo, ás 20:30 no salón de plenos, o Concello de Salvaterra de Miño presentará o proxecto Salvaterra Net-Zero: un plan de economía circular para que converterse nun municipio neutro en carbono reverta no ben do monte e comercios de Salvaterra de Miño.

O mercado do carbono permite a todo tipo de entidades compensar cada tonelada de CO2 que emiten, contribuíndo económicamente a proxectos forestais que absorban ese dióxido de carbono. Así, convértense en entidades net-zero ou neutras en carbono, co conseguinte impacto reputacional e resposta popular.

A premisa do Concello é aproveitar este sistema para xerar un plan de apoio recurrente á boa xestión da nosa masa forestal, ao tempo que nos posicionamos como un municipio de referencia e exemplar en materia de prácticas sostibles e negocios que vaian un paso por diante.

Hoxe, a neutralización (ou compensación) das emisións producidas por todas as actividades profesionais é unha realidade. Nunha sociedade cada vez máis comprometida co medio ambiente, e consumidores con maior esixencia de que as empresas actúen, presentarse como marca ou entidade sostible convértese en algo diferenciador. Tamén é unha estratexia para adquirir unha vantaxe competitiva, anticipándose á obriga inminente.

Con este evento queremos mostrar ás empresas, comercios, hosteleros e forestais da zona cómo participar e beneficiarse deste sistema, definir o papel do concello como facilitador, e resolver as dúbidas que poidan xurdir.

Convocadas as subvencións ‘Circuíto Cultural 2023’ de Tomiño

0

O Concello de Tomiño publica, un ano máis as bases, do ‘Circuíto Cultural 2023’, unhas subvencións coas que se busca promocionar e fomentar as actuacións dos grupos de música tradicional tomiñeses. O Goberno municipal destinará 14.000 euros a estas axudas, xa que entende a cultura como unha práctica social construída no diálogo e na comunidade, entendendo a veciñanza como parte activa da creación cultural.

“A creación e interpretación da música tradicional é un ben inmaterial que coñecemos, gozamos e que é necesario coidar. Por iso, dende o Concello asumimos como responsabilidade impulsar a creación de novas agrupacións relacionadas co folclore musical local ofrecendo unha liña de axudas que permita o seu descubrimento e contratación”, explica a alcaldesa, Sandra González.

Poderán solicitar a inclusión no circuíto as bandas de música, corais, bandas de gaitas, treboadas, pandeireteiras, murgas ou charangas e grupos de acordeóns que, en caso de cumprir cos requisitos, poderán ser contratadas por un terceiro tendo unha parte da súa retribución económica aboada polo Concello. As Comisións de Festas e outras entidades organizadoras deberán poñerse en contacto coas agrupacións incluídas no Circuíto Cultural para contratalas e concretar a data de actuación, sendo exclusivamente un acordo entre ambas as dúas partes.

As contías máximas dos distintos tipos de agrupación de Tomiño serán:

  • Banda de música: 400 euros
  • Corais: 200 euros
  • Bandas de gaitas con máis 30 compoñentes: 300 euros
  • Grupos de gaitas: 200 euros
  • Treboadas: 200 euros
  • Pandeireteiras: 150 euros
  • Murgas ou charangas: 150 euros
  • Grupos de acordeóns: 150 euros

As solicitudes poderán ser presentadas a través da Sede Electrónica do Concello de Tomiño ata o 1 de decembro de 2023. O modelo de solicitude tamén está dispoñible na propia Sede Electrónica. As agrupacións interesadas deberán presentar a súa solicitude cunha antelación mínima de 30 días á data da actuación solicitada. Toda aquela solicitude presentada fóra de prazo poderá ser desestimada.

Arbo celebra a Andaina da Lamprea

0

Para promocionar a LXIII Festa dá Lamprea e ir “abrindo boca”, en Arbo, durante as próximas semanas, levarán acabo unha serie de actividades dirixidas tanto aos visitantes como ás veciños. No marco destas actividades previas á gran cita, que terá lugar a fin de semana do 28, 29 e 30 de abril, Arbo acollerá a sexta edición da tradicional Andaina da Lamprea o vindeiro domingo 16 de abril.

Arbo é un lugar ideal para practicar sendeirismo. As nosas paisaxes do Río Miño e Ría Deva son incribles, o verde asoláganos cando camiños por eses carreiros sinalizados –e outros sen sinalizar- e empapámonos de historia. Alí libráronse batallas decisivas na guerra da independencia, quedan pontes e pazos desa época que nos fan retornar ao pasado e podemos beber en fontes de auga potable que nos retrotraen ao que somos nós mesmos, a propia natureza, e a Andaina da Lamprea e o momento perfecto para coñecerlo.

O roteiro, de dificultade media-alta, comezará na Praza do Concello ás 9:30 horas e conta con, aproximadamente, 12 quilómetros de percorrido. Trátase dunha actividade que nos levará pola contorna natural do municipio, na que os camiñantes poderán relaxarse e evadirse contemplando “paisaxes espectaculares”, segundo explican desde a organización. Ademais, o Concello agasallará a todos e todas as participantes cunha degustación de lamprea e viño das adegas do concello de Arbo.

Os interesados en participar deberán inscribirse previamente, antes do 13 de abril, nas oficinas municipais ou a través do correo electrónico [email protected] o ou a través da sede electrónica. Será necesario abonar a cantidade de oito euros na conta municipal ES44 2080 5011 8530 40005379 e presentar a copia de pago no momento da inscrición.

Para máis información https://festadalamprea.gal/.

Nigrán proxecta o domingo a película “Valentina”

0

O Concello de Nigrán, dentro da súa programación especial polo ‘Mes Violeta’ con motivo do 8-M, ofrece o vindeiro domingo 19 de marzo ás 17:00 horas no Auditorio Municipal de Nigrán a película ‘Valentina’, destinada a familias e público infantil. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

O fime de animación dirixido por Chelo Loureiro narra a historia dunha nena con síndrome de Down, Valentina, que quere ser trapecista pero cree que non poderá conseguilo. A súa avoa a anima a non perder a ilusión, igual que ela, que quere ser directora de orquesta a pesar da súa idade.

Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Sangue visitará Ponteareas o vindeiro luns 20 de marzo

Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitará de novo Ponteareas a vindeira semana para todas aquelas persoas que queiran achegar o seu gran de área. O autobús estará o luns 20 de marzo na Avenida de Galiza, na parte traseira da Casa do Concello, en horario de mañá e tarde, de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.00 horas. Para maior axilidade recoméndase pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

Poden doar sangue toda as persoas maiores de 18 anos e cun peso mínimo de 50 kg e recoméndase non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar esperar 2 horas. Ademais, é importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou documento similar e informar ao médico de que se está a tomar algún medicamento.

A concelleira de Saúde e alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, lembra que cada día a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue despraza 10 unidades móbiles e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos hospitais galegos, que recolle unha sangue que despois é procesada e analizada nas dependencias centrais. Só deste xeito é posíbel enviar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais galegos para atender a milleiros de persoas doentes os 365 días do ano.

Xornada lúdica de tenis de mesa en Baiona

0

A Concellería de Deportes de Concello de Baiona organiza unha actividade gratuíta de promoción e divulgación gratuíta de Tenis de Mesa. Trátase dunha xornada lúdica que terá lugar o sábado 25 de marzo no Pavillón Municipal de Deportes dende ás 10:00 ata ás 12:00 horas.

Todas aquelas persoas interesadas en participar na actividade deberán entregar o boletín oficial de incrición no Pavillón Municipal de Deportes de Baiona ou chamar ao teléfono 986  35 65 68 para formular a mesma. Do mesmo xeito, tamén pode facerse vía email a través de [email protected].

As prazas son limitadas por riguroso orden de inscrición. O boletín oficial de inscrición está disponible na páxina web do Concello de Baiona: https://www.baiona.gal/cultura/area-deportes/.

A Concellería de Deportes do Concello de Baiona aposta por promover esta actividade de lecer, que é interxeneracional e universalmente coñecida. Así mesmo, desde o deporte base, fomentando o local e cercano, búscase coñecer novas persoas, interactuar e intercambiar ideas ou opinións. Será unha xornada non cometitiva para desfrutar desta disciplina.

Redondela aposta pola lectura en galego

0

O Concello de Redondela, a través do Servizo de Normalización Lingüística dirixido pola alcaldesa Digna Rivas, continúa coa difusión dos libros de parroquia. Agora, o SNL de Redondela leva estes libros ás salas de espera do municipio.

A iniciativa consiste en colocar nun pequeno stand os libros de parroquias que animen á lectura en lingua galega e á vez o coñecemento da riqueza patrimonial das parroquias de Redondela. Neste sentido, dende o departamento, destacan a boa acollida que houbo por parte dos locais: “participan arredor de 30 establecementos de todo tipo. Queremos agradecerlles a súa colaboración porque tanto a Administración como o pequeno negocio son pezas clave para a normalización da lingua e literatura galegas”.

A campaña non ten data de caducidade e a alcaldesa, Digna Rivas, explica que “nas anteriores campañas, feitas en cafetarías e establecementos de beleza, en colaboración coa Asociación de Empresairos/as de Redondela, a recepción foi moi positiva. Tanto que dos primeiros libros levamos publicados 1500 de cada un, o cal acada unha cifra nada menor. Desta maneira a cultura e a lingua entran nas casas redondelás. Isto é o máis importante: fomentar a lectura en galego, facilitar o achegamento aos libros e dar opción de descubrir a propia historia local”.

Pola súa parte, Digna Rivas destacou “a presenza do libro galego en todos os espazos sociais. Debemos continuar nunha liña de aproximar a cultura local e a lingua ás familias. Temos unha riqueza patrimonial moi grande que precisa ser difundida. Este obxectivo, en parte, pódese acadar a través destas publicacións. Debo agradecer a participación dos distintos locais e, unha vez máis, aos autores e autoras polo espléndido resultado e a Ángel Barros por cedernos os cadros que ilustran as portadas”.

Finalmente, o SNL apunta a continuidade dos libros de parroquia e anuncia que continuarán ata completalas todas. Este sábado 11 tivo lugar na Escola Vella de Saxamonde a presentación do libro desta parroquia. O libro, asinado polo profesor de instituto Paulo Jablonski e oriundo da zona, narra de maneira resumida pero moi completa este devalar pola historia de Saxamonde. A natureza, a vida social, os feitos históricos (algúns tan esquecidos como a cita á revolta Irmandiña de finais do século XV), os costumes ou as festas aparecen aquí descritos. “Durante a presentación deste último libro, e como nas anteriores, a sala estaba chea. Este proxecto está acumulando moito éxito e a participación por parte da veciñanza é clara e numerosa”, apunta Rivas. A rexedora municipal acompañou ao autor durante a presentación e ao rematar o acto repartiron exemplares de maneira gratuíta até esgotalos.

“Merca na rúa” celébrase esta fin de semana no Porriño

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a concelleira de Comercio, Antía Carrera, e a presidenta da Asociación de Comerciantes do Porriño, Juana Pérez, presentaron hoxe a XXVII edición da feira de oportunidades “Merca na rúa” organizada por Acipor e o Concello do Porriño.

O evento celebrarase esta fin de semana, o sábado 18 e o domingo 19. Instalaranse 24 postos de venta na rúa peonil, cunha ampla representación de sectores e produtos. Calzado, roupa, óptica, moda infantil, mercería ou accesorios serán algúns dos artigos nos que se poderán conseguir descontos de ata o 80 %.

“Son como sempre descontos moi importantes, xa que se trata de facer espacio nos almacéns de cara a nova tempada”, explicou a presidenta de Acipor, “Ademais, como cada ano, haberá actividades lúdicas para os nenos”.

Completan a programación inchables para os/as máis pequenos/as as dúas xornadas, un concerto na praza Arquitecto Antonio Palacios a cargo das alumnas da escola Pianagrama (o domingo a partir 19 h), e obradoiros de “Sombras e luces” e “Acuarela” da man de Hypatia que se desenvolverán o sábado.

O rexedor quixo convidar “á veciñanza do Porriño e da contorna a visitarnos, a disfrutar da nosa vila e aproveitar as importantes ofertas que se atoparán”.

A feira estará aberta ao público en horario ininterrumpido de 10  a 21 h o sábado e o domingo de 11 a 20 h.

A Xunta mellora os comedores escolares de dous centros educativos de Gondomar

0

A Xunta de Galicia vén de reforzar as infraestruturas de comedor escolar en Gondomar cunha inxección de preto de 85.000€ para as obras de mellora destes espazos nos colexios Serra de Vincios e Plurilingüe Souto-Donas.

No caso do colexio CEIP Serra de Vincios, reformouse a antiga vivenda do conserxe así como outros espazos interiores para destinalos a instalacións de comedor escolar, o que absorbeu un orzamento de algo máis de 41.000 €. O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez, achegouse a este centro para comprobar o resultado das obras, que, na práctica, supoñen unha mellora do confort e da atención ao alumnado que goza deste servizo de xestión autonómica.

No colexio Plurilingüe Souto-Donas, a Consellería acondicionou un novo espazo para comedor de preto de 90 metros cadrados. Esta obra, á que se destinaron case 44.000 €, supuxo ordenar os espazos de sala de profesores e almacén.

Con estas dúas obras, a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso con Gondomar en materia de educación, cunha importante mellora das instalacións escolares no que atinxe, neste caso concreto, ao servizo de comedor escolar. Cómpre lembrar que a Consellería de Educación xestiona o 100 % das prazas de comedor escolar deste concello, ás que no presente curso destina un orzamento de 341.000 euros. Isto blinda o servizo a 324 usuarios distribuídos en cinco centros educativos públicos, do que neste curso se fixo cargo a Xunta logo da renuncia por parte do concello.

Este domingo chega o Desafioia

0

Este domingo terá lugar o trail Desafioia, evento deportivo que este ano complementa a súa programación cunha proposta musical pensada para o público familiar. A competición deportiva desenvolverase durante a mañá e terá como punto de saída o Mosteiro de Oia.

Despois de tres anos de ausencia pola pandemia, a Asociación Gallega de Fibrose Quística volve presencialmente ao Desafioia grazas ao club Cornelios, e farao a través do concerto “Canto Contigo” de Paco Nogueiras, que terá lugar o mesmo domingo de 11.00 a 12.00 horas.

A asociación organiza este evento lúdico e musical de divulgación da fibrose quística grazas á organización do Desafioia, a Marqués de Vizhoja e o Concello de Oia. Trátase dun concerto de Paco Nogueiras pensado para os máis pequenos e coincidindo coa celebración do día do pai. A cita musical será de balde e desenvolverase no CEIP Mestre Manuel García, que cede as instalacións. Ao remate sortearanse agasallos entre as persoas asistentes.

O Rosal mellora a accesibilidade dos vestiarios do campo de fútbol da Mata

0

O Concello do Rosal segue dando pasos na súa aposta por un municipio máis inclusivo e accesible para todas as persoas e en todos os eidos da vida. Neste camiño, o Goberno municipal vén de rematar as obras de mellora da accesibilidade nos vestiarios do campo de fútbol municipal A Mata, “garantindo así o acceso a toda as persoas e convertendo de forma progresiva todas as dependencias municipais que aínda non o eran en espazos inclusivos”, como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Situados nunha edificación anexa na parte posterior das bancadas do campo de fútbol, o espazo estaba dividido en sete vestiarios, catro deles comunicados de dous en dous nos espazos das duchas, no que se reparten os equipos locais, visitantes e árbitros. Para salvar as dificultades de acceso existentes anteriormente, con estas obras estableceuse unha nova distribución do conxunto dos vestiarios, eliminando os espazos dedicados ao almacenamento de material de adestramento e o último dos vestiarios existentes.

Con esta nova distribución todos os vestiarios pasaron a ser independentes, aumentando o número de duchas dispoñibles e xerando cabinas accesibles que tamén funcionan como aseos accesibles. Ademais, instalouse unha porta de paso corredeira entre os vestiarios 1 e 2 e os 3 e 4 de forma que poidan comunicarse interiormente en caso de necesidade para convertelo un espazo único co dobre de capacidade. Ademais, abríronse novas portas en dous dos vestiarios e na zona de árbitros ampliouse o paso libre da porta de acceso ao interior.

As obras contaron cun investimento de case 116.000 euros dos que case 74.000€ foron financiados con fondos propios do Concello do Rosal e outros 42.000 euros foron subvencionados a través do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra.

Este é o primeiro paso para conseguir a accesibilidade total no campo de fútbol municipal A Mata. O Concello xa está a traballar no proxecto do cambio de céspede no campo, unha necesidade importante detectada no traballo conxunto coa UD Ribera para a reforma das instalacións. Tras este cambio, o proxecto continuará coas obras de mellora da accesibilidade na zona de entrada ás instalacións.

30 aniversario da Feira do Requeixo e do Mel das Neves

0

Trinta anos con historia, da que foron protagonistas todos os nevenses. Ese é o centro e o motivo deste 2023, e por iso, este ano, a presentación da ‘Feira do Requeixo e do Mel’ das Neves, estivo dirixida a eles. Cambiou, así, a tradicional convocatoria aos medios de comunicación para que os cidadáns foran os primeiros en coñecer a programación desta ’30ª edición’, e tamén os primeiros en probar, reunidos na Casa da Xuventude, os produtos que vanse servir os vindeiros día 7 e 8 de abril.

Xabier Fortes será o pregoeiro. Como apuntou Rocio Barreiro, haberá “importantes cambios” en relación coas celebracións e o programa dos anos pasados, así, o ‘showcooking’, que tradicionalmente organizábase, deixa paso ás “orixes do requeixo”, con degustacións  e elaboración de pratos elaborados co mesmo.

Tamén ábrese unha ‘paréntese’, nos pregóns culinarios, que nos últimos anos tiñan como protagonistas a cociñeiros da sona de Pepe Solla, en 2017; Iván Domínguez, en 2019 ou Iñaki Bretal o pasado 2022, e o pregoeiro será, nesta ocasión, un comunicador, o xornalista Xabier Fortes.

Poesía, paixón, paisaxe e persoas

Estas son as catro verbas que definen o requeixo e o mel das Neves. O encargado de pronuncialas foi o presidente da Cooperativa Condado Paradanta, Alejandro Martínez, quen deu a benvida aos novos conversos aos excelentes produtos das Neves e tivo unha lembraza, emocionada, a “todas e todos os que nos precederon, que fixeron posible co seu legado que hoxe esteamos aquí”.

Martínez agradeceu que a nova normativa europea permita, dende hai so uns días, o Goberno galego recoñecese ao Requeixo das Neves como ‘Alimento Artesano de Galicia’, e asegurou que enlaza co eslogan Vive nas Neves, contribuindo a que, cada día, sexa máis atractivo vivir aquí.

“O Requeixo e o mel, xunto cos viños, nos levan polo mundo”

Pechou o acto o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, quen asegurou que “a feira do requeixo e do mel está no momento que lle corresponde”. Lembrou que pasaron 32 anos dende que comezara, ainda que só poidemos celebrar 30 edicións, a causa da pandemia, e felicitou que a feira se celebre o venres santo, “foi un acerto de quen pensouno e hai que

recoñecelo”.

Por último, o alcalde amosouse satisfeito porque a decisión de engadir un día máis a feira o sábado, e trasladarla á Praza Maior, “deulle máis espazo, máis dignidade, mellorou a súa estética e a proxección duns produtos que, como o viño nos levan polo mundo, e iso é vivir nas Neves”.

Actividades

As actividades deste ano, comezarán días antes da feira, concretamente, o domingo 2 de abril será a ‘Andaina do Requeixo e do Mel’, que rematará en Cerdeira onde haberá unha degustación de pratos elaborados con Requeixo amenizada pola da Banda de Música Popular de Rubiós. As prazas son limitadas e precísase inscrición previa.

Venres 7 abril

  • 11:00 h. Apertura da Feira.
  • 12:00 h. A Pontenova. Animación musical
  • 12:30 h. Recepción na Casa do Concello.
  • 13:00 h. Pregón a cargo do xornalista Xabier Fortes, presentador de Lanoche en 24 horas  de TVE.
  • 15:30 h. Charanga Los Támega. Animación musical.
  • 16:00 h. Taller infantil de elaboración de pratos con requeixo. Carpada praza do Concello.
  • 17:00 h a 20:00 h. Obradoiros de Cultura Urbana na Casa da Xuventude.
  • 18:00 h. Taller de elaboración de pratos con requeixo para persoas adultas. Carpa da praza do Concello.
  • 20:00 h. A Roda. Concerto na Praza Maior. Musigal
  • 00:00 h. Música nova. Mel de meiga.

Os dous días da feira, estará habilitado un espazo infantil, na carpa situada na Praza do Concello.

Sábado 8 abril

  • 11:00 h. Apertura da Feira.
  • 11:30 h. Cé orquestra pantasma. Animación musical.
  • 12:00 h. Taller de elaboración de pratos con requeixo para persoas adultas. Carpa da Praza do Concello.
  • 13:30 h. Vermú musical na Praza Maior. Chavellos
  • 16:00 h. Taller infantil de elaboración de pratos con requeixo. Carpa da Praza do Concello.
  • 18:00 h. Caamaño e Ameixeiras. Concerto na Praza maior.
  • 19:30 h. Clausura da Feira.

O grupo de teatro ‘Pena do Equilibrio’ celebra os seus 10 anos sobre o escenario do centro cultural de Cristiñade

O grupo de teatro afeccionado ‘Pena do Equilibrio’ conmemora os seus dez anos de vida da mellor forma posíbel, sobre o escenario. Dentro dos actos conmemorativos do aniversario e ao abeiro da programación do Cultura24, este domingo 19 de marzo o grupo teatral representará ‘Ladrillos’, unha obra orixinal de Paula Lorenzo Sertaje na que o público gozará cunha comedia sobre a desgraciada vida de Tomás tanto na súa faceta persoal como laboral.

Trátase dunha obra para todos os públicos que se representará no Centro Cultural Antorcha, na parroquia de Cristiñade, ás 19.00 horas con entrada de balde ata completar aforo.

O Concello de Ponteareas amplía con este espectáculo a programación do Cultura24, un programa posto en marcha dende hai anos “para achegar a actividade cultural a cada recuncho da nosa vila, enchendo de máis vida as nosas parroquias e poñendo en valor e promocionando a arte de grupos, artistas ou asociacións musicais, teatrais e culturais de Ponteareas ”, como explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

Mos transformará a parroquia de Sanguiñeda cunha humanización

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, vén de anunciar que o Concello encargou a redacción do proxecto, que xa se atopa rematado e foi financiado con fondos propios municipais, para mellorar a seguridade e a accesibilidade na rúa Alcalde Segundo Pampillón, un proxecto de humanización no tramo urbano de Sanguiñeda, que transformará a parroquia; e que suma un paso máis do Plan Mos Humanizado, co que Arévalo leva transformando as 10 parroquias da localidade durante as dúas últimas lexislaturas.

Este proxecto ten por obxecto a definición, cálculo e valoración das obras necesarias para favorecer a seguridade viaria, a mobilidade peonil e a accesibilidade nunha das vías principais do núcleo urbano de Sanguiñeda. Con esta actuación favorécese unha mobilidade alternativa (máis desprazamentos a pé ou en bicicleta), créanse espazos seguros (beirarrúas amplas e redución de velocidade), foméntase a mobilidade inclusiva (itinerarios accesibles) e en definitiva, recupérase o concepto de rúa como espazo amable, de calidade e para as persoas, con solucións ambientais sostibles (redución da contaminación).

No núcleo urbano de Sanguiñeda, a rúa Alcalde Segundo Pampillón discorre de sur a norte, desde a Avenida de Sanguiñeda (N-120) cara ao paso inferior da Autovía A-55, nun tramo de 635 metros de lonxitude. O vial presenta as seguintes características: Dá servizo a vivendas unifamiliares (moi concentradas no tramo sur, próximo á Avenida de Sanguiñeda) e ás parcelas industriais do norte e tamén serve de roteiro de acceso aos estudantes do CEIP Mestre Valverde Mayo. É un vial asfaltado con ancho variable, con algúns tramos moi estreitos, que dificultan o cruzamento de dous vehículos. Carece de beirarrúas en todo o tramo e de espazos ordenados para o aparcamento, polo que os vehículos concéntranse nas marxes, dificultando a mobilidade.

Por todo iso, ou Concello de Mos propón realizar un deseño viario que teña en conta criterios de humanización e seguridade viaria, así como a mellora da mobilidade e accesibilidade, con calidades adecuadas á contorna urbana na que se atopa. Todo iso implementouse coas seguintes medidas: Requiriuse a ampliación dá sección viaria. A nova rúa dispoñerá de beirarrúas anchas e espazos para aparcamentos nos lugares nos que é posible. Dispoñerase de mobiliario urbano e xardinería adecuados á contorna urbana de Sanguiñeda. Rehabilitarase o pavimento de aglomerado asfáltico. Prevese a reposición ou redeseño da drenaxe. E inclúese a renovación da rede de Iluminación, Telecomunicacións e de BT, así como a rega de novas zonas verdes ou plantacións.

En resumo, a actuación consiste principalmente en reordenar a infraestrutura viaria entre a Avenida de Sanguiñeda e o paso inferior da Autovía A-55, nun tramo de 635 m, cunha nova senda peonil de 2.80 m (marxe esquerdo) e 2.00 m (marxe dereito), bandas de baldosas de pedra en zona de beirarrúas, aparcadoiros e vados para a entrada de vehículos, plataforma elevada para tráfico mixto (vehículos e peóns), pavimento para preseñalizar cruce de calzada, rede de pluviais, renovación da rede de alumeado público, execución de mobiliario urbano, xardinería e rego. E por último sinalización.

O Orzamento Base de Licitación destas obras ascende a 1.218.194,88 euros.