Sábado, 19 Xullo de 2025

O Rosal continúa coas visitas guiadas de balde aos muíños

0

O Rosal continúa achegando a súa contorna natural, o seu patrimonio cultural e etnográfico e a súa historia a veciñanza e visitantes. O Concello ten en marcha visitas guiadas aos muíños do Folón e do Picón, rutas de balde e abertas a todos os públicos que se celebrarán todos os xoves dos meses de xullo e agosto.

Estas visitas guiadas terán horario de tarde, saíndo ás 19.00 horas da área de recepción dos muíños. Dende o Concello recoméndase a todas as persoas participantes que acudan con auga e calzado cómodo e apropiado.

Por outra parte, o Museo do Cabaqueiro tamén estará aberto ao público para visitas libres previa solicitude todos os xoves dos meses de xullo e agosto. As persoas interesadas poderán achegarse a este museo situado na planta baixa da Cámara Agraria, na rúa Ramón Franco, 2, de 11.00 a 13.00 horas.

As persoas interesadas en participar tanto nas visitas guiadas aos muíños como en coñecer con visita libre o Museo do Cabaqueiro deberán enviar un correo electrónico a [email protected] ou chamar aos teléfonos 986 62 50 00 ou 682 19 48 72.

Primeira reunión da alcaldesa coa nova concelleira de Economía e Industria en AEMOS

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense Feli Rodríguez Carrera, reuníronse esta semana con membros da directiva de Aemos na súa sede en Puxeiros. Entre eles o seu presidente, Manuel Castro, e o seu xerente, Francisco Domínguez.

Durante a xuntanza tratáronse e repasáronse os temas de principal importancia para o tecido empresarial mosense. Foi tamén o primeiro encontro oficial da directiva da Asociación con Rodríguez Carrera, nova concelleira de Economía e Industria.

Un dos principais temas abordados foi o acceso ao Parque Empresarial PEMOS-Veigadaña (en funcionamento desde 2012 e case ao 100% de ocupación, sendo un polígono clave para o sur de Pontevedra) desde a Autovía A-55. O polígono da Veigadaña, executado e xestionado pola Xunta a través de Xestur Galicia, conta na actualidade cunha conexión directa coa estrada N-550 e sitúase a menos de 1 quilómetro da autovía Vigo-O Porriño. O obxectivo deste novo acceso é mellorar a competitividade do Polígono e das empresas existentes e futuras do polígono, ao dotalas dun acceso directo desde a autovía. Quedaría así totalmente conectado ás principais vías de comunicación, na súa parte oeste cara á A-55 e na súa parte este cara a a N-550 (conexión xa existente).

Outros temas tratados

Tamén se abordaron durante a reunión outros asuntos de vital importancia, como a eliminación da peaxe da AP-9 no tramo Vigo-Porriño como solución inmediata á problemática da A-55 ao seu paso por Mos, onde rexistra máis accidentes, e complica o transporte de mercadorías coas evidentes consecuencias negativas para o empresariado.

Tamén se falou do futuro novo polígono empresarial de Arrufana, e da busca dunha solución urbanística para o Polígono do Rebullón, gravemente afectado polo un incendio; e para a problemática do canon das empresas do Polígono de Monte Faquiña.

E, por último, tratouse da promoción dun Centro de Negocios para o Parque Empresarial PEMOS-Veigadaña, que supoña un punto de encontro dentro do polígono, un nexo de unión, un centro neurálxico para diferentes usos.

Tanto Arévalo como Rodríguez coincidiron en destacar “que os empresarios e as súas empresas son o motor da economía galega e mosense, por iso temos que tenderlles a man e defender os seus intereses, como principal actor xerador de emprego e postos de traballo que son”.

A Cañiza inaugura a mostra fotográfica “Suído, momentos y lugares”

0

O Concello da Cañiza inaugura a exposición fotográfica “Suído, momentos y lugares”, de Antonio Jiménez (Tonio), que se expón na Casa do Concello ata o vindeiro 28 de xullo.

Na inauguración, tiveron a oportunidade de coñecer a colección da man do seu autor, Tonio, que o luns 17 de xullo, acompañado polo rexedor da vida, Luis Piña, inaugurou a mostra na Casa Consistorial.

A exposición está composta por unha mostra de 30 fotografías, cun tamaño de 30 x 45 cm, que conseguiron captar os mellores momentos, lugares singulares, paisaxes, e a flora e a fauna da Serra do Suído.

A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 28 de xullo, en horario de 8 a 15 horas, no segundo andar do Concello.

O Suído é un espacio natural que forma parte da coñecida Dorsal Gallega que recorre o centro de Galicia e qu sitúase entre os concellos pontevedreses de A Lama, Fornelos de Montes e Covelo; e os ourensáns de Avión e Beariz.

O alcalde de Baiona reúnese cos responsables da empresa Lugove

0

No día de onte, o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, e o xefe da Policía Local reuníronse cos responsables da empresa LUGOVE, concesionaria do transporte regular de pasaxeiros ente Baiona e Vigo, Jose Luís Romillo, Director Xeral do grupo Vectalia e Alberto Dourado, Xefe de operacións de Lugove.

Na reunión revisáronse os problemas que xurdiran desde o inicio de actividade, destacando que, actualmente, entre as dúas cidades hai ata 40 servizos ao día.

Desde o Concello de Baiona van canalizar todas as demandas de usuarios deste transporte, así como toda a información sobre actividades realizadas no municipio que poidan incrementar o número de persoas que cheguen ou saian desde as nosas paradas.

Tamén se tratou por parte do Concello de establecer días concretos onde se poida iniciar antes o horario de transporte, como ocorre na Arribada, dando un servizo similar en días do verán ou de Semana Santa.

A día de hoxe, desde a páxina bus.gal, pódense coñecer todos os percorridos dos autobuses de Galicia. O Concello trasladou a posibilidade de que entre o Concesionario e a Xunta puidesen implantar unha app que dese ao usuario información en tempo real sobre a localización do seu autobús. A empresa concluíu en que o estudaría.

A empresa cambiará progresivamente a sinalética das paradas. Tamén se estudou a posibilidade de cambiar de sitio a parada en dirección a Vigo de Alferez Barreiro. Estudarase por parte da empresa e de Infraestruturas da Xunta esta posibilidade.
Tamén asistiu á reunión o presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), Marcos Comesaña pedindo melloras na comunicación coa Universidade de Vigo, elemento fundamental para a consideración de Baiona como municipio universitario.

A reunión desenvolveuse nun ambiente cordial e foi a primeira de moitas que teremos nos próximos meses.

A Coral Polifónica e a BAM poñen a nota musical en Tomiño

0

A Coral Polifónica de Tomiño prepárase para sorprender esta fin de semana ao público cun novo concerto ao abeiro do programa O Son das Prazas, un ciclo musical co que se busca sacar a música dos espazos pechados para achegala á veciñanza nas rúas.

Este domingo 23 de xullo, a coral tomiñesa ofrecerá un concerto na Praza do Seixo acompañada pola Banda de Acordeóns Metropolitana de Torroso, de Mos, un espectáculo no que todas as persoas asistentes poderán gozar dun variado repertorio no que se inclúen dende cancións populares ata clásicas, así como algunhas pezas contemporáneas.

A coral tomiñesa comezou a súa andaina no ano 1997 da man de Teresa Calra Iglesias Ramilo e na actualidade está formada por 30 voces mixtas que teñen gañado o recoñecemento do público pola súa calidade e estilo único. Baixo a dirección de David González, a Coral Polifónica de Tomiño encherá ás 20.00 h a Praza do Seixo cunha actuación aberta a todos os públicos e con entrada libre.

O Concello de Ponteareas impulsa a recuperación da contorna do Castelo de Sobroso

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, visitou estes días a contorna do Castelo de Sobroso, ordenou a inmediata limpeza de toda a zona e tratará de acelerar a recuperación da entrada principal da fortaleza, un espazo derrubado hai máis dun ano por un vehículo. Os estragos provocados na zona obriga ás persoas visitantes a tomar un importante desvío para acceder ao recinto.

A colaboración entre o Concello de Ponteareas, propietaria do Castelo de Sobroso, e a Deputación de Pontevedra, administración encargada da súa xestión, é clave para poñer en valor o patrimonio cultural desta fortaleza, que destaca como un dos monumentos históricos máis importantes da provincia.

A rexedora, tamén como representante da Deputación de Pontevedra, reiterou o seu compromiso para protexer e preservar o rico legado histórico e arquitectónico da vila e a súa máxima colaboración “para que o Castelo de Sobroso se encha de vida e actividade, recupere o seu máximo esplendor e sexa un referente turístico na nosa comarca”.

O Concello de Nigrán ofrece o sábado un concerto da Escola de Rock de Paredes de Coura

0

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 22 de xullo ás 16:00 horas nas pistas do espazo deportivo municipal de Gaifar (Panxón) o concerto fin de xira de ‘Coisa Mansa’, banda residente da Escola de Rock de Paredes de Coura (Portugal), entidade coa que o Concello colabora cada verán desde 2021. O grupo desta edición despídese aquí da súa xira por Galicia despois dunha semana intesiva de formación no país luso. A entrada é de balde ata completar o aforo.

Durante 5 días, cerca de 40 mozos de todo Portugal estiveron formándose na vila do rock para vivir unha semana repleta de ensaios, workshops, concertos e outras actividades, nun programa que termina este sábado en Nigrán con este concerto.

Nova subtracción de elementos públicos no concello de Covelo

0

O Concello de Covelo denuncia o roubo de nove “vallas” metálicas do peche perimetral da pista polideportiva e de lecer do parque de Pazos, na parroquia de Santa Marina, recentemente inaugurado.

O alcalde, Pablo Castillo, explica que non só se trata dunha perda económica tamén de seguridade xa que estes valados pechaban o parque infantil impedindo posibles accidentes e danos provocados pola entrada de animais.

Dende o goberno municipal lamentan a falla de civismo destas persoas que atentan contra o patrimonio de toda a veciñanza. Os nove valados metálicos de cor verde, de dous metros de alto por un de ancho, están valorados en arredor de mil euros. As “vallas” subtraídas cubrían dezaoito metros lineais que o Concello procederá a pechar novamente.

A Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais en Santa Uxía de Mougás, en Oia

0

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un punto de vertido de augas residuais na parroquia de Santa Uxía de Mougás, no concello de Oia.

Esta achega foi identificada no marco das inspeccións rutineiras de seguimento levadas a cabo polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

Os técnicos da Xunta desprazados á zona localizaron a orixe da afección na filtración existente nun colector da rede de saneamento, no lugar do Porto.

Augas de Galicia notificoulle a situación ao Concello para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar a achega contaminante.

Nunha nova inspección xirada á zona, os técnicos da Xunta corroboraron a reparación da infraestrutura de saneamento municipal, emendando así o vertido en condicións inadecuadas cara ao dominio público hidráulico.

O Camiño da Coutada en Louredo xa conta con rede de saneamento

0

O Concello de Mos xa ten prácticamente rematada a acometida das obras de “Saneamento no Camiño da Coutada-parroquia de Louredo”. Estas obras foron necesarias para completar as redes de alcantarillado e darlle servizo á maxima extensión do Concello en xeral e da parroquia de Louredo en particular.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Obra Pública, Camilo Grandal, e o edil de servizos e concelleiro da parroquia de Louredo, Baldomero Lorenzo, veñen de visitar esta semana as obras de saneamento en Louredo desde o Camiño da Coutada ata a Estrada Nacional 550, que se atopa prácticamente rematado.

As obras necesarias para realizar a acometida do “saneamento no Camiño da Coutada-Parroquia de Louredo”, coas que se completan ditas redes e permiten que dita instalación de saneamento dea servizo á maxima extensión do Concello, consistiron na canalización das diferentes tubarías de PVC destinadas á rede de saneamento incluíndo todas as operacións complementarias: excavacións, pozos, reposicións …

As obras deste proxecto de instalación de sanemento consisten na ampliación e mellora da rede na parroquia de Louredo, co fin de chegar a todos aqueles lugares e vivendas do concello de Mos, que aínda carecen deste servizo. Lévase a cabo a execución de 807,04 ml de saneamento no camiño da Coutada.

Instalouse un colector de PVC de Ø315 para dotar de saneamento as vivendas situadas nas marxes das zonas obxecto de estudo e que carecían del. Tras a instalación procede a pavimentación mediante a reposición da zanxa con 20 cm de zahorra e 5 cm de mezcla bituminosa en quente tipo D-12.

O prazo de execución dos traballos foi de 3 meses para o colector proxectado. As actividades que máis condicionan a duración dos traballos son a excavación e montaxe de tubarías e pozos de rexistro.

Trátase dunha obra íntegramente financiada con fondos propios municipais cuxo orzamento ascende a máis de 100.000 euros. O Orzamento Base de Licitación desta obra ascende á cantidade exacta de 109.968,55 €, que son financiados con fondos propios municipais.

Os “Bosques Terapéuticos” percorren esta fin de semana a illa de Tambo e a Ruta da Pedra e da Auga

O programa “Bosques Terapéuticos”, co que a Deputación de Pontevedra está a promover actividades baseadas na terapia oriental shinrin yoku ou “baño de bosque”, chega esta fin de semana aos concellos de Poio e Meis con dúas novas rutas nas que se mestura natureza, cultura, historia e saúde. Así, as persoas participantes percorrerán o sábado a Illa de Tambo, mentres que o domingo terá lugar a ruta da Pedra e da Auga.

O itinerario da Illa de Tambo, de 2,5 quilómetros de lonxitude, desenvólvese por un enclave natural e histórico cheo de espazos para desfrutar dos baños de bosque. Esta illa, de 28 hectáreas e unha altitude de 80 metros, é un espazo especial para encontrarse con elementos naturais como a praia Area Grande ou o sistema dunar. As e os participantes no percorrido tamén poderán visitar construcións singulares como os taffonis, o faro, o lazareto, o albergue, o polvorín ou os peiraos da illa.

Pola súa banda, a Ruta da Pedra e da Auga é unha das sendas máis visitadas das Rías Baixas e descorre polos concellos de Meis e Ribadumia na contorna do río Armenteira. Conta cunha ampla representación da flora autóctona ao longo do seu percorrido. Ademais das especies vexetais, as persoas participantes tamén terán a oportunidade de ver os muíños, o mosteiro de Armenteira e descubrir a lenda de San Ero.

Os Bosques Terapéuticos do mes de xullo rematan os días 29 e 30 con camiñadas pola ponte colgante do Lérez e a fervenza do Toxa, se ben as prazas están xa todas esgotadas. Tamén están cubertas as prazas de agosto, con percorridos que comezarán o día 5 pola Ruta da Pedra e da Auga e continuarán o 6 pola Illa de Tambo, o 12 polo Lago de Castiñeiras, o 13 na Carballeira de San Xusto, o 19 polo Río Eifonso e para finalizar, o domingo 20 de agosto, pola ponte colgante do Lérez.

O punk filarmónico de Fanfarra Káustica toma as rúas de Tomiño

0

Tomiño prepárase para que a música tome as súas rúas esta fin de semana. Este sábado 22 o grupo luso Fanfarra Káustica será o protagonista dunha nova sesión do ciclo O Son das Prazas, un programa musical co que o Concello saca a música ao aire libre e pon en valor as prazas como lugar de encontro e lecer para a veciñanza, devolvendo dun xeito integral os espazos públicos para as persoas.

A Praza do Seixo acollerá dende as 22.30 horas a actuación desta banda ao estilo das fanfarrias balcánicas nada en Águeda, un grupo electrizante que fusiona varias sonoridades e estilos de xeito único e innovador. Unha mestura de escolas, xéneros e linguaxes musicais que culmina nun espectáculo itinerante co que o público desfruta dunha verdadeira viaxe sonora.

Na súa composición musical, a sección rítmica está fortemente influenciada pola música electrónica, mentres que as melodías levan ás e aos espectadores cara ao erudito, onde predominan estilos como o jazz e o sinfónico. O acompañamento encádrase no psicodélico e minimalista.

Celebración en Ponteareas do 150 aniversario da Banda de Guláns

A Banda de Música Unión de Guláns celebrará esta fin de semana os seus 150 anos de historia nota a nota. O auditorio municipal Reveriano Soutullo acolle este domingo 23 un acto conmemorativo no que o público poderá achegarse ás diferentes etapas polas que pasou a banda dende a súa fundación en 1870.

En colaboración co Concello de Ponteareas, a Banda de Música Unión de Guláns organiza un acto que comezará ás 11.30 horas coa benvida ao público, para dar logo paso á emisión dun documental sobre a súa historia. Xa ás 12.30 horas as persoas asistentes poderán desfrutar dun concerto da banda de música no que tamén participarán antigos membros.

Un repaso a ritmo da música pola historia desta banda pola que pasaron 20 directores e centenares de músicos e músicas que deron a coñecer á agrupación e fixeron da mesma o maior orgullo da parroquia de Guláns, converténdoa nun verdadeiro nexo de unión entre os seus veciños e veciñas. Tras o acto, antigos e actuais músicos e músicas retomarán esa unión cun xantar.

A alcaldesa, Nava Castro, convida a todos os veciños e veciñas a participar neste acto “co que se celebra unha data importante para a Banda de Música Unión de Guláns, pero tamén para a historia de Ponteareas”.

O acto será con entrada de balde ata completar aforo.

O Rilla na Rúa enche Nigrán de foodtrucks e actividades

0

As foodtrucks do Rilla na Rúa volven aparcar un ano máis en Nigrán con propostas grastronómicas variadas e un programa cargado de actividades para toda a familia. Do 21 ao 25 de xullo, no Paseo da Ramallosa, o público poderá gozar de concertos, mercado de artesanía, actividades infantís ou Dj´s.

Este venres, inaugúrase xa o recinto ás 12:00h. coa apertura das foodtrucks e os markets. Ás 18:00 h haberá actividades infantís (carreiras de sacos, pintacaras, xogos tradicionais…) e, a partir das 22:00 h, o público poderá gozar do concerto de “Dos en punto” e dun Dj.

O sábado, a partir das 12:00 h, as actividades infantís combinaranse cunha sesión de “vermuteo” e o concerto de Mr. Magoo, ás 22:00 h. A xornada finalizará cunha sesión DJ.

O domingo, ademais de gastronomía para todos os gustos e tendencias, haberá actividades para toda a familia durante todo o día que se pechará co concerto de “A banda senlleira de robacaballos” e un DJ.

O luns, véspera de festivo, ademais das actividades diarias, a xornada finalizará co concerto de “Dalsi” e sesión Dj.

E para rematar esta edición do Rilla na Rúa, o martes, Día de Galicia, as 14 foodtrucks seguirán ofrecendo as súas propostas gastro ata que finalice o concerto de Jacobo Sanz, ás 22:00 h, e a sesión DJ.

O Rilla na Rúa está organizado pola empresa promotora de eventos Elemental Street, co patrocinio do Concello de Nigrán, Mahou, Fontecelta e Platú e a colaboración de Recados Carmen.

O escenario “Season Fest”

O festival “Season Fest” únese ao Rilla na Rúa de Nigrán patrocinando o escenario polo que pasarán bandas emerxentes, fieis á súa aposta por empuxar a novos creadores.

Este festival, un dos máis potentes do verán galego, celebrarase este ano en Gondomar entre o 21 e 24 de setembro e ten confirmados xa os concertos de Iván Ferreiro, Xoel López, Triángulo de Amor Bizarro, Capicúa e máis dunha ducia de grupos emerxentes do panorama indie nacional.

O mércores 26 abre o prazo de inscrición para participar na Festa Gastronómica o 19 de agosto

0

O Concello de Tui abrira o próximo mércores 26 de xullo o prazo de inscrición para participar na Festa Gastronómica que se vai celebrar o sábado, 19 de agosto, dentro da programación da XI Festa do Miño.

As asociacións tudenses inscritas no Rexistro de Asociacións do Concello de Tui que desexen participar deberán presentar o modelo de solicitude xunto coa documentación requirida o mércores 26, xoves 27 e venres 28 de xullo a través da sede electrónica do concello de Tui en https://concellotui.sedelectronica.gal/.

Segundo se recolle nas bases desta convocatoria, que se poden consultar tanto na web municipal, tui.gal, na sede electrónica e no taboleiro de anuncios da casa do concello, participarán as quince primeiras asociacións que presenten a solicitude e cumpran os requisitos establecidos.

A Festa Gastronómica celebrarase o sábado, 19 de agosto, de 20 a 00 h no tramo da rúa Compostela comprendido entre a rúa Ourense e a rúa Betanzos.  Cada asociación contará con dous postos de venda de produtos naturais, autóctonos e  artesáns, e as persoas que realicen á venda dos deberán estar en posesión do Carné de Manipulador de Alimentos, e levar un vestiario axeitado.

A concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, convida ás asociacións tudense a participar neste evento que ten contado con gran éxito en anos anteriores. Destaca a concelleira coma a Festa Gastronómica ten xa un oco propio no calendario festivo do verán en Tui. Agradece amais aos distintos colectivos a súa participación e involucración tanto neste evento coma nas diferentes actividades que se levan a cabo ao longo do ano.

60 persoas participan nas clases de Aquagym do programa Municipal ‘Exercítate no verán’

0

A concelleira de Deportes do Concello de Mos, Feli Rodríguez, informou de que hai un total de 60 inscritos nas clases de Aquagym organizadas desde o programa municipal ‘Exercítate no verán’ que desde hoxe se leva a cabo na piscina ao aire libre de San Eleuterio. Estas instalacións, ademáis de estar dispoñibles para o uso libre da piscina, tamén se habilitan para facer exercizo monitorizado nestas dependencias. Así, organízanse estas clases de Aaquagym de balde en grupo dous días á semana: martes e xoves de 11 a 11.45 horas (30 participantes) e mércores e venres de 11 a 11.45 horas (30 participantes).

O pasado 1 de xullo, abriuse ao público a piscina municipal pública ao aire libre de San Eleuterio. A entrada á mesma é totalmente libre e gratuíta cun horario ininterrompido de 11 a 21 horas de luns a venres e as fins de semana (sábado e domingo) e festivos de 12 a 20 horas.

As instalacións contan con servizo de socorrista durante todo o horario de apertura, vestiarios e duchas con auga quente, e servizo de limpieza e mantenimiento durante os dous meses de verán. Os usuarios e usuarias poderán gozar da piscina de San Eleuterio durante os meses de xullo e agosto.

Ademais desde o Concello de Mos lémbrase que dende o pasado mes de maio atópanse operativos e abertos ao público os parques de auga municipais. Os Parques da Auga da Pesqueira e de Sanguiñeda están activos todos os días en horario de mañá de 12 horas a 14 horas e de tarde de 16 horas a 21 horas.

O Concello do Rosal sinaliza a Mina de Ouro de Val das Bornas, unha xanela ao pasado mineiro da vila

0

O Concello do Rosal levou a cabo a sinalización para interpretación da mina de Ouro de Val das Bornas, en San Miguel de Tabagón, unha iniciativa que busca poñer en valor o patrimonio histórico e cultural do municipio.

O proxecto conta cunha subvención de case 5.200 euros da Deputación de Pontevedra a través da que se instalarán catro carteis informativos “que ofrezan ás persoas visitantes ou ás e aos camiñantes casuais unha guía mínima para identificar e interpretar as pegadas da minaría antiga na zona, e amosar os elementos máis relevantes á vista e outros ocultos baixo a superficie, o que permitirá comprender a importancia do lugar”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Con estes paneis informativos tamén se afondará nas investigacións xeo-arqueolóxicas que se levan realizado na zona e as que se están a desenvolver na actualidade. Xunto a estes catro carteis colocaranse dúas sinais de sinalización de acceso ao xacemento.

A mina de ouro do Val das Bornas é un conxunto mineiro galaico-romano cunha gran relevancia xeopatrimonial, con máis de 3.000 metros de foxos identificados e numerosas bocas mineiras descubertas grazas ás recentes limpezas da Comunidade de Montes de San Miguel de Tabagón e de Pías. Conta cunha chea de labouras mineiras subterráneas e superficiais que se espallan dende a cabeceira do val ata a súa unión co val do Tamuxe, 15, km augas abaixo. 

A área conta tamén con restos de minaría de estaño do século XX, que aproveitaron as antigas labouras mineiras. A espectacularidade dos traballos mineiros ao descuberto e o seu interese xeopatrimonial converten o sitio nun lugar senlleiro para o coñecemento do gran ciclo mineiro galaico-romano do ouro.

Este domingo visita guiada ao serradoiro dos Carranos en Covelo

0

A Concellería de Turismo do Concello de Covelo convida a participar nunha nova xornada de  portas abertas do serradoiro dos Carranos. Será este domingo día 23 de xullo e as persoas interesadas poderán inscribirse nun dos catro pases que se realizarán. As xornadas de portas abertas no Serradoiro dos Carranos están organizadas polo Concello de Covelo e financiadas pola Deputación de Pontevedra. As visitas guiadas ao serradoiro enmárcanse na programación conxunta de promoción turística e do patrimonio cultural e natural que tamén ofrece rutas, observación das estrelas da man da Asociación Galega de Astronomía e distintas actividades.

A organización oferta a oportunidade de visitar este espectacular serradoiro nos seguintes tramos horarios: de 10 a 11:30 horas, de 12 a 13:30 horas, de 14 a 15:30 e de 16 a 17:30 horas. As inscricións poderán realizarse a través do número de teléfono 654 500 652.

O concello de Covelo oferta esta actividade guiada totalmente de balde dentro da programación anual que permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada e pór en valor o patrimonio cultural e natural, ademais de fomentar hábitos de vida saudables.  A inscrición está aberta ata esgotar as prazas no número de teléfono do guía de montaña e biólogo Julio Eiroa, 654.500.652.

O serradoiro dos Carranos

O Serradoiro dos Carranos utiliza a forza motriz da auga para move-la serra e foi construído aproximadamente no 1922, coincidindo curiosamente coa construción da central hidráulica de Chicoreiras, que producía a luz para o entorno. A súa construción fíxose en pedra e escavando a rocha do lugar aínda que despois foi reconstruido en ladrillo. O conxunto do serradoiro consta de catro edificacións: o serradeiro propiamente dito, un sequeiro e almacén de madeira, unha pequena forxa e un pequeno almacén. Tamén podemos apreciar un pequeno forno para a queima de residuos e os raís para o transporte de madeira ata o interior do serradoiro. A dedicación principal deste conxunto era a fabricación de carros, dedicación á que debe o nome o serradoiro e razón pola cal podemos atopar unha forxa, xa que as ferraxes para estes carros tamén se forxaban aquí. A localización do serradoiro tamén ten que ver con esta dedicación  xa que se sitúa á beira do camiño empedrado que levaba a Ourense, polo que pasa hoxe en día o sendeiro.

http://www.concellodecovelo.es/carranos/index.html.

O Porriño mellora a accesibilidade ao polideportivo municipal

O Concello do Porriño está a executar a mellora da accesibilidade e adecuación dos dous pavillóns do polideportivo municipal para garantizar a accesibilidade nas principais instalacións deportivas do municipio.

Os traballos, que avanzan a bo ritmo, adaptarán o pavillón municipal ás necesidades dos e usuarias con diferentes tipos de mobilidade, con percorridos accesibles que mellorarán os accesos, adecuándoas tamén para o desenvolvemento de actividades de deporte adaptado. Ademais, permitirán que os nenos e nenas dos colexios poidan facer uso destas instalacións.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes e Benestar Social, Abel Estévez, visitaron as obras acompañados polo presidente de COGAMI, Ángel Holguera, e o directivo da Federación, Celso Álvarez, para valorar conxuntamente o desenvolvemento das mesmas, xa que dende a entidade se está a asesorar o proxecto.

“As barreiras arquitectónicas destas instalacións perxudicaban a moitos usuarios, era unha cuestión pendente dende hai tempo que urxía atender xa que se trata dun lugar moi concurrido e do que todas e todos debemos disfrutar, sen impedimentos”, explicou o alcalde, “Contamos co asesoramento de COGAMI para facelo , xa que ninguén mellor que eles para asegurar un resultado que atenda ás necesidades reais das persoas con problemas de mobilidade”.

Engadiu o rexedor que a colaboración entre ambas entidades irá máis alá desta intervención, contando co seu asesoramento noutros proxectos a desenvolver . “No novo orzamento consignamos unha aportación a COGAMI de 6.000 euros para levar a cabo accións conxuntas dirixidas á inclusión efectiva, social e laboral das persoas con discapacidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas. Queremos facer do Porriño un lugar amable e accesible para todos”.

Accesos e vestiarios adaptados en ambas pistas

Os traballos no pavillón principal centráronse en garantizar o acceso á pista e ás salas de ximnasia para persoas con mobilidade reducida e na construcción dun vestiario adaptado ao mesmo nivel. Para iso construíronse dúas plataformas que permiten acceder de maneira segura ás instalacións dende o exterior.

No segundo pavillón a intervención centrouse na ampliación de espacios baixo a grada e a construción dunha plataforma de acceso e tamén da creación dun itinerario interno que conecte a segunda pista coa principal, permitindo desta maneira a mobilidade no complexo sen ter que saír ao exterior.

O 29 de xullo A Guarda acolle o espectáculo “Concerto de Malabares”

0

O vindeiro sábado 29 de xullo, ás 20:30 horas, terá lugar no Auditorio de San Benito unha das grandes citas culturais deste verán. Un concerto onde os malabares serán os bailaríns deste ballet aéreo, ao ritmo dos clarinetes, saxos e trompetas da Agrupación Musical da Guarda, que farán de pintores dun cadro expresionista no que as bolas, mazas e aros debuxarán no ar os sentimentos e emocións que transmiten a música e o circo.

A nosa banda municipal e os seus músicos, fora da súa zona de confort, participarán case como actores, dun espectáculo teatral tocando temas e estilos fora do común, cun repertorio concibido e ensaiado para esta ocasión. Con instrumentos dourados, grandes tambores, pratillos, camisas brancas, uniformes e maxistrais obras, clásicas; pero tamén de pantalóns curtos, camisetas, gafas de sol, funk, blues, pop e punk. Dous mundos que parecen antagónicos, pero que como veremos maridan á perfección.

O espectáculo Concerto de malabares é na actualidade un dos proxectos máis orixinais e suxerentes no eido escénico en Galicia, concebido pola prestixiosa compañía de circo Pistacatro, está ideado para poder ser desfrutado por público de tódalas idades, albergando un especial valor familiar e educativo debido ó contido pedagóxico que inspira todo o proxecto. Sen dúbida a emoción e a diversión están garantidas, para crianzas, adultos, amantes da música, de pasar un bo rato e sobre todo para todo o que este aberto.

Este espectáculo é financiado parcialmente con cargo ao programa do AGADIC-XUNTA DE GALICIA “CULTURA NO CAMIÑO 2023” e para facerse realidade precisou do traballo conxunto da compañía Pistacatro e a Agrupación Musical da Guarda, que se remonta a principios de 2023. Desexamos que este esforzo se vexa recompensado coa satisfacción do público asistente o vindeiro sábado 29 de xullo ás 20:30 horas, no auditorio de San Benito.

Nova edición do Festival Internacional Algazara ‘Danzando entre Culturas’

O folclore internacional volve ter unha cita en Ponteareas este mes de xullo. O vindeiro domingo 23 o parque da Feira Vella acollerá unha nova edición do Festival Internacional Algazara ‘Danzando entre Culturas’, un encontro organizado pola Agrupación Folclórica Algazara en colaboración co Concello que reunirá a grupos de diferentes países e continentes que encherán de danza e música a noite ponteareá.

O festival comezará ás 22.00 horas e contará coa presenza e participación de grupos folclóricos de Venezuela, Filipinas e Sudáfrica, que coas súas actuacións porán a nota de cor nunha noite na que a música galega tamén estará presente coa participación da propia Agrupación Folclórica Algazara. A entrada será de balde.

O Concello agradece á Agrupación Folclórica Algazara o seu traballo e implicación para organizar ano tras ano un festival que busca internacionalizar a música tradicional e achegar ao público a outros lugares do mundo a través dun festival atractivo, novidoso e próximo. Nestes 26 anos de historia, a agrupación ponteareá promoveu a recuperación e difusión do folclore tradicional da comarca do Condado e de Galicia participando en numerosos festivais por toda España.

Volve O Son da Muralla a Salvaterra

Dentro do Verán Cultural de Salvaterra de Miño é de sobra recoñecido o festival O Son da Muralla, un festival dj que cada ano atrae a máis público de toda Galicia. Nesta edición, e xa van 21 anos, estarán en cabina: Floorfilla, DaniJay, Sara Santini, Marsal Ventura, Dj Charlie, Jorge Álvarez e Dj Canhon.

O 5 de agosto o público vibrará coa música de dj’s do panorama nacional e internacional.

O recinto amurallado volve a ser o lugar onde se celebrará o festival que na pasada edición acolleu a máis de 12.000 persoas. A entrada coma sempre é gratuíta.

O Rosal celebra as Festas de Verán do Pilar 2023

0

O Rosal celebra un ano máis as tradicionais Festas de Verán do Pilar 2023 cunha ampla programación cultural con actividades e entretemento de balde para todos os públicos. Do 22 ao 25 de xullo, a Praza do Calvario converterase no escenario perfecto para acoller deporte, música, espectáculos infantís e moito lecer para desfrutar tamén en familia.

A programación da festa comezará o día 22 cun dos seus pratos fortes, coa actuación dunha das grandes voces galegas como é Uxía Senlle, a dúo co cantautor gaditano Javier Ruibal. Ás 22.00 horas, esta parella artística presentarán ao público o seu disco conxunto, ‘De tu casa a la mía’, no que musican poemas de Rosalía de Castro e Federico García Lorca.

Ao día seguinte, o domingo 23, será a quenda do espectáculo infantil ‘Pinga a pinga’, a cargo da compañía Barafunda Animación. Ás 19.30 horas a rapazada poderá gozar deste espectáculo de concienciación no que nenos e nenas aprenderán dun xeito divertido e entretido como facer un bo uso da auga. A seguir, ás 21.00 h, rosaleiros e rosaleiras desfrutarán da actuación de Helen & Shanna, un cuarteto galego que fai música na que fusionan sons e culturas, creando paisaxes coloridas cargadas de sentimentos.

O día 24 a programación estará protagonizada polo xa tradicional Festival Xente Xida, que celebra xa a súa quinta edición. Nesta ocasión, a partir das 21.00 horas, o público poderá achegarse á música tradicional da man de grupo tan significativos como A Requinta da Laxeira e Os Melidaos, acompañados sempre polo Trebón dos Xidos. Tamén, como todos os anos, o festival estará acompañado pola boa gastronomía con porco ao espeto e, como novidade, con filloas.

Xa o martes 25 a xornada comezará coa misa cantada pola Coral Ecos do Folón ás 12.00 horas, na que tamén participará a Banda da Agrupación Musical do Rosal. Xa pola tarde comezarán as actividades do IV Torneo de Xadrez Concello do Rosal, organizado polo Clube de Xadrez Albatros.

Tanxarina tamén estará ás 18.30 h na Praza do Calvario co seu ‘Trogloditas na rúa’, un espectáculo dirixido a público infantil que se desenvolverá nunha carpa con aforo limitado a 50 persoas, polo que aquelas interesadas en participar deberán inscribirse de forma previa a través da web do Concello. Esta actividade está recomendada para nenos e nenas de máis de 4 anos e recoméndase que os máis cativos e cativas vaian acompañados dun adulto.

Xa ás 20.30 horas terá lugar o XXVIII Encontro dos Pobos, o festival folclórico internacional máis veterano da comarca organizado pola Asociación O Lusco e Fusco. O público poderá desfrutar do intercambio cultural dos grupos de baile tradicional Vento Mareiro e Do Lusco ó Fusco, da Guarda, e Bychlewianka, de Polonia.

O broche de ouro ás Festas de Verán do Pilar 2023 porao a Banda da Agrupación Musical do Rosal, que ás 22.00 horas ten programado un concerto no que, acompañando á soprano Ana San Martín e ao tenor Enrique Martínez, farán un percorrido polos mellores musicais de Broadway.

Dende o Concello quere agradecerse “a gran colaboración e implicación de todas as asociacións que participan na organización desta ampla programación, que nos permiten traballar man a man para poder desfrutar un ano máis das nosas tradicionais Festas de Verán do Pilar”, como salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora convida a toda a veciñanza a participar nestes catro días de festa cunha intensa programación de balde para todos os gustos e todas as idades.

Reunión organizativa de deportes en Mos

0

Onte pola tarde celebrouse, no Multiusos das Pozas, unha reunión organizativa na que estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Deportes, Feli Rodríguez, e representantes da maioría dos clubes deportivos mosenses entre os que se atopan os tres de patinaxe, Escolas de Patinaxe de Mos, Xiramos e Rosaleira; o Club Natación Mos e varios clubes de fútbol sala, balonmano, baloncesto, etc.

Sobre a mesma, a edil mosense de Deportes, Feli Rodríguez, declarou que “reunímonos en pleno verán cos clubes deportivos que adestran nos pavillóns municipais para coordinar o funcionamento e distribución de horarios de uso dos mesmos de cara ao comezo da vindeira tempada deportiva, para continuar a prestar o mellor servizo aos deportistas mosenses”.

O Concello de Mos conta con cinco pavillóns municipais: Óscar Pereiro –dotado tamén de Piscina Municipal-, Soledad Castro, Patricia Martíñez, Sanguiñeda e Atín; nos que ademais de impartirse cursos e clases organizadas pola administración local, adestran e empregan para celebrar os seus torneos e actividades numerosos clubes deportivos. De ahí a importancia e a necesidade de reunións organizativas como a que se realizou esta tarde no Multiusos e que ademáis serviu como presentación oficial da nova concelleora da área de Deportes, Feli Rodríguez.

Os clubes deportivos mosenses congregan a un total duns 1.000 deportistas repartidos entre os 3 clubes de patinaxe, o Club de Tiro con Arco Archers Team, o Club de Natación Mos (Infantil e Master), os clubes de fútbol Alerta Sanguiñeda, UD Mos e Louro Tameiga; o Club Tenis de Mesa Mos e o Club Xadrez Mos.

As de partinaxe son unhas das escolas deportivas con máis integrantes do Concello de Mos. En total sobre uns 160 nenos e mozos practican este deporte formando parte dun dos tres clubes mosenses: Escolas de Patinaxe de Mos (que conta cuns 100 patinadores), Club Rosaleira (que conta con sobre 30 patinadores) e Xiramos (que conta con outros 30 integrantes).

Todos estes xoves patinadores realizan os seus adestramentos no Pavillón Óscar Pereiro e no Pavillón Soledad Castro.

O Óscar Pereiro, o máis concorrido

Tan só pola pista do Pavillón Óscar Pereiro (sen contar o ximnasio nin a piscina) pasan 1.500 persoas á semana, sendo a máis concorrida das instalacións deportivas municipais. Trátanse de usuarios pertencentes aos clubes de patinaxe municipais, nenos/as das Escolas Deportivas de Baloncesto (actividade extraescolar), adultos e cativos que practican o fútbol sala, maiores participantes na actividade de ximnasia de mantemento do programa municipal ‘Exercítate’, mozos do IES de Mos que acuden a realizar algunhas das súas horas lectivas de clases de Educación Física, etc.

A rexedora local, Nidia Arévalo, destacou esta tarde a implicación do Concello de Mos como promotor da práctica deportiva. “O deporte non só fomenta os hábitos de vida saúdables, senón tamén principios educacionais tales coma o traballo en equipo, o esforzo, o afán de superación, a competitividade sá e o compañeirismo entre rivais; valores tan necesarios e importantes na sociedade actual”, dixo Arévalo.

“Coas axudas municipais de apoio ao deporte local perseguimos o obxectivo de continuar a promover a actividade de clubes deportivos, tan importante para o enriquecemento da localidade”, explicou a rexedora local.

A edil de Deportes, Feli Rodríguez, insistiu no apoio do Concello de Mos ó deporte base, “alicerce da actividade deportiva na localidade mosense e futuro da mesma”. “Se temos un deporte base forte, activo e de calidade, o futuro deportivo de Mos será prometedor”, declarou Rodríguez.

En Mos proliferan, practícanse e hai campións e campioas dos deportes máis diversos, desde o chamado deporte rei ata os máis exóticos como a capoeira. Mos conta con campións das disciplinas deportivas máis variadas.

Hai deportistas e clubes das disciplinas máis variadas e variopintas. “Mos é terra de DEPORTE con maiúscula. De deportistas de primeiro nivel”, aseguran a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e a concelleira de Deportes, Feli Rodríguez. “Temos en Mos desde campións provinciais ata autonómicos, de España, de Europa e incluso do Mundo”, insiste Arévalo, rexedora local.

Por iso queda claro que Mos atópase moi ben situado no mapa deportivo, destacando no fútbol, co UD Mos Feminino en Primeira Nacional, ou con Rubén Blanco e Brais Méndez. E en disciplinas tan variopintas e variadas como a Capoeira e outras disciplinas de artes marciais (Taekwondo) e deportes de contacto (Boxeo, Kick Boxing e Full Contact)… O Tiro con Arco. A Hípica. O Xadrez. O Ciclismo. A Natación. O Atletismo. O Alpinismo. O Tenis de Mesa. A Patinaxe. Deportes de Motor e Náuticos, O Baile, O Balonmán, O Deporte Adaptado, …

Ademais en Mos hai campións de todas as idades, desde a categoría biberón do Club Louro Tameiga e Unión Deportiva Mos, ata a gran Celia Iglesias, nadadora do Club Natación Mos con máis de 90 anos.

Campións auténticos referentes a nivel mundial, e con pavillóns deportivos municipais mosenses bautizados co seu nome. Como son os 3 grandísimos e inigualables: Óscar Pereiro. Patricia Martínez. E Soledad Castro.

Grandes mulleres deportistas que triunfan en disciplinas nas que habitualmente destacan os homes: Susana Alonso Carballo: bicicleta de montaña. E Verónica Romero: alpinismo, expedicións polares e atletismo de alto rendemento competindo contra homes.

Ioga e meditación, este venres, na praia de Patos

0

A beleza da praia de Patos ao solpor volve a unirse este verán á práctica do ioga para, xuntos e en harmonía, acadar a paz física e espiritual. Deste xeito, o gran mestre internacional Madhana, pioneiro nesta disciplina en España, introductor en Galicia e fundador e director do Centro Sananda en Vigo, retoma estas sesións organizadas polo Concello de Nigrán este venres 21 de xullo ás 20:30 horas (na propia area, ao carón do posto de Protección Civil). As seguintes citas serán os mércores 26 de xullo, e 2 e 23 de agosto, respectivamente, sempre ás 20:30 para que coincidan no solpor.

O célebre yogui realizará unha demostración e posterior clase iniciática gratuíta aberta a toda aquela persoa que desexe participar, non sendo preciso inscribirse previamente, tan só presentarse cunha toalla ou esterilla, botella de auga e protección solar.

“O ano pasado estreamos esta actividade con moitísmo éxito de participación e deixou imaxes e sensacións espectaculares, tiñamos claro que se mantería como un referente máis do verán nigranés”, explica o alcalde, Juan González.

“Queremos de maneira desinteresada e altruista ofrecer este encontro na busca de maior equilibrio entre mente e corpo. Non existe outro beneficio que o do ioga mesmo, por iso animamos a toda aquela persoa interesada a que acuda”, invita Madhana Agulla, gran mestre acostumado a impartir cursos a nivel internacional e formado co profesor Rama Chandra Filosofía na India na Universidade Mysore.

Areeiro informa da necesidade de tratar os viñedos ante a expansión da flavescencia dourada

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) da Deputación de Pontevedra alerta da necesidade de tratar os viñedos do sur da provincia para evitar a expansión da flavescencia dourada. Se ben o persoal do centro xa vén notificando nos seus Avisos Fitosanitarios semanais da importancia de iniciar tratamentos insecticidas para controlar o vector da enfermidade, o cidadelido Scaphoideus titanus, a situación actual é aínda máis preocupante, ao detectarse por vez primeira este ano o fitoplasma causante da enfermidade no interior dun insecto capturado na comarca da Paradanta.

Desde Areeiro insisten na importancia de aplicar os tratamentos naqueles lugares nos que non se realizara ou nos que se capturen exemplares do cicadelido. Ademais, recalcan a importancia de facelo coas materias activas autorizadas polo Ministerio de Agricultura (que poden ser consultadas neste enlace) e lembran que son obrigatorias nas zonas indicadas pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia nunha resolución do pasado 20 de xaneiro de 2023, que inclúen zonas dos concellos de Crecente, Arbo e As Neves.

Cabe lembrar que esta grave enfermidade, que pode provocar a morte das plantas, xa vén sendo obxecto de plans de detección precoz desde hai moitos anos. Especialmente desde 2007, cando a Estación Fitopatolóxica de Areeiro detectou por vez primeira o insecto nun predio da comarca da Paradanta. Desde entón, na EFA estase colaborando nos programas implantados ao abeiro do “Plan de Continxencia da Flavescencia Dourada da vide” do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, mediante a realización de aspiracións de insectos, recontos de individuos nas follas das viñas, instalación de trampas para a captura de adultos e análises en laboratorio para a determinación do S. titanus, evitando a confusión con outros cicadelidos ou insectos. Tamén realizando analíticas para detectar a enfermidade da flavescencia no interior do insecto transmisor, non só a partir de fragmentos do cidadelido senón tamén de mostras vexetais, neste caso mediante análises moleculares.

O remanente de tesourería de Covelo permite mellorar de espazos e servizos públicos

0

O pleno ordinario do Concello de Covelo aprobou habilitar un crédito extraordinario de 201.026,75 € procedente do remanente de tesourería que agora destinará a diferentes proxectos de mellora de espazos e servizos públicos municipais.

A boa xestión económica permitíu dispor deste remanente líquido de tesourería que permitirá executar distintos proxectos de acondicionamento de prazas públicas nas parroquias, melloras de accesibilidade e humanización, reparacións e reposición de muros, contratación de empregados con cargo ao programa RISGA, adquisición de novos inmobles municipais e equipamentos que melloren os servizos públicos municipais.

O goberno de Covelo, a través do seu alcalde Pablo Castillo, adianta que seguirá sendo o seu obxectivo principal mellorar o día a día da veciñanza. “Traballamos para optimizar os recursos municipais facendo unha boa xestión dos mesmos. Isto permite que poidamos ofrecer mellores servizos, dar maior cobertura dentro das nosas competencias, atender ás necesidades da cidadanía e, por suposto, atender ás parroquias do mesmo xeito que atendemos o centro urbano”.

As contas saneadas permiten que o Concello estea en disposición de aportar a súa porcentaxe nos proxectos que obtiveron o apoio das diferentes administracións, estatal, autonómica e provincial. Deste xeito, e cos votos a favor do goberno, o pleno da Corporación aprobou a aportación de 45.659,83 € para a obra de mellora de accesibilidade e humanización da praza e camiño da Ermida, que corresponde ao 20 % do custo total da obra. Tamén aprobou aportar 65.250 € para o proxecto de acondicionamento do ximnasio no pavillón municipal que ten un orzamento total de 435.000 €. Ademais, posibilitará a ampliación do patrimonio municipal xa que, cos cartos do remanente, o Concello mercará o piso situado enriba da biblioteca pública municipal para ampliala. O prezo do inmoble ascende a 42.000€ financiados ao 100 % polo Concello.

Este saldo positivo fai posible que o Concello realice, tamén, un investimento de 3.487,26€ para a mellora do equipamento do auditorio municipal, un 80 % do total da inversión. O pleno da Corporación tamén aprobou a proposta do goberno de destinar 13.028,51 € á contrución do muro de contención na Bouza, en Prado da Canda para cubrir o 100 % do gasto e 3.573,82 € para a posta en valor da Pontella da Graña, sendo este importe o 20 % do orzamento total para esta acción.

As brigadas de desbroce, dotadas de 20 operarios, traballan a pleno rendemento este verán en Mos

0

O Concello de Mos conta coas súas brigadas a pleno rendemento traballando no servizo de desbroce, limpeza de cunetas e marxes de camiños. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Servizos Públicos, informaron hoxe de que a administración local mosense conta nestes intres con 20 operarios realizando un arduo labor de limpeza viaria.

A empresa contratada a tal fin aporta 3 brigadas de traballo dotadas de 10 persoas que realizan tarefas manuais máis un camión co seu correspondente conductor. Pola súa banda o Concello de Mos conta coa súa propia brigada de traballadores municipais, dotada de 4 operarios e dous tractores cos seus correspondentes conductores. Así mesmo, a través dunha subvención da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade contratáronse a 2 operarios máis con cargo ás axudas autonómicas para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga), e 1 peón forestal con cargo á subvención de Aprol Rural 2023.

En total estanse a investir 211.177,4 euros no servizo de limpeza viaria en Mos que está a ser exhaustivo durante estes meses de verán, nos que a proliferación da maleza crece exponencialmente.

A empresa contratada para os servizos de desbroce, limpeza de cunetas e marxes de camiños leva traballando desde marzo e rematará o seu contrato en setembro, pois ten unha duración total de 6 meses e un importe que ascende a 165.289,263 euros.

Sobre a contratación de persoas preceptoras da RISGA, subvenciona pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para a realización da obra ou servizo denominado programa de apoio ás áreas de rehabilitación, mantemento e administrativas do Concello para a contratación laboral de 5 persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras de RISGA, por un importe de 83.508,21 €, os representantes municipais Arévalo e Lorenzo informaron de que en total foron 5 os traballadores contratados: 2 peóns  de obras públicas (31.918,14 €), 2 operarios de limpeza (30.866,04 €), 1 auxiliar administrativo para a biblioteca (20.724,03 €). A duración da contratación é de 9 meses; do 08/06/2023 ao 07/03/2024.

Por útimo sobre a contratación do peón forestal para a que se contou con subvención de Aprol rural 2023 tamén da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, apuntaron que se trata dunha subvención correspondente ao “Programa de apoio á área de Medio Ambiente (brigada forestal) APROL RURAL 2023”, para a contratación laboral de un/unha traballador/a para a realización de tarefas de silvicultura, biomasa, limpeza de montes ou outras tarefas de valorización forestal, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral, por un importe de 13.970 €. A duración da contratación deste peón forestal é do 01/06/2023 ao 28/02/2024 (9 meses).

Tui consolídase coma un dos primeiros puntos de inicio do Camiño de Santiago

0

A cidade de Tui consolida o seu papel protagonista no Camiño de Santiago neste ano 2023. Segundo os datos aportados polo Centro Internacional de Acollida ao Peregrino da Catedral de Santiago ata o pasado 15 de xullo as rutas xacobeas acolleron a un total de 205.950 peregrinos. Os camiños portugueses foron realizados por 66.531 peregrinos, dos que 43.444 optaron polo Camiño Portugués e 23.087 polo Camiño Portugués da Costa. O maior número de peregrinos e peregrinas no que vai ano, 102.333 persoas, practicamente a metade do total, realizaron o Camiño Francés.

Tui consolídase como un dos catro primeiros lugares elixido polos peregrinos e peregrinas para iniciar o Camiño de Santiago á tumba do apóstolo en Compostela. En concreto, ata o pasado 15 de xullo, comezaron en Tui a peregrinación un total 13.254 persoas (6,75 % do total dos peregrinos), unicamente superada por Sarria (58.375), Porto (15.698) e St. Jean Pied de Port (15.641).

Cabe sinalar que a cidade irmá de Valença contou, neste mesmo período, con 7.122 peregrinos que iniciaron o seu percurso a Compostela. Se sumamos o número de persoas que parten da Eurocidade Tui – Valença, son un total de 20.676 peregrinos e peregrinas as que elixiron as marxes do río Miño para iniciar o Camiño de Santiago. Deste xeito a Eurocidade ocuparía o segundo lugar de inicio da peregrinación, unicamente superados por Sarria no Camiño Francés.

Para a concelleira de Turismo, Ana María Álvarez Núñez, este datos evidencian como neste ano 2023, superados os anos xubilares, a dinámica de crecemento e consolidación do Camiño Portugués mantense cunha notable afluencia de peregrinos sobre todo de carácter internacional, con persoas chegadas dende os cinco continentes que elixen a nosa cidade para iniciar o Camiño de Santiago.

O Camiño Portugués e o Caminho Portugués da Costa que teñen a súa entrada en Galicia a través de Valença e Tui posúe un alto valor histórico e patrimonial que ten na Catedral de Tui e nos conxuntos históricos de Tui e Valença dúas referencias patrimoniais e turísticas de grande entidade que atraen a un elevado número de peregrinos.

A cultura mexicana chega á Escola Municipal de Cerámica de Nigrán

0

Nigrán bebe esta semana da mellor tradición mexicana. Catro mestres oleiros e das artes plásticas chegados ex-profeso desde diferentes puntos do país azteca protagonizan o ‘IV Encontro Internacional’ organizado polo Concello de Nigrán a través da Escola Municipal de Cerámica. Alumnado de toda Galicia, algúns deles ceramistas profesionais, aprenden as súas técnicas desde onte e ata o venres nos diferentes obradoiros que se desenvolven no CEE de Panxón. Adicionalmente, e xa aberto a calquera público interesado, os mestres mexicanos ofrecen desde este luns e ata o xoves charlas gratuítas no Auditorio Municipal ás 20:00 horas. Este é o cuarto encontro internacional que promove o Concello nos 40 anos de vida da Escola Municipal de Cerámica de Nigrán (a máis antiga de Galicia) sendo en anteriores edicións Xapón, India e os países periféricos de España os protagonistas.

“Temos unha xoia a nivel peninsular, tanto pola súa antigüidade como polas experiencias que ofrece. Esta é unha oportunidade única para compartir coñecementos e, como Concello, estamos moi orgullosos de organizalo”, subliñou o alcalde, Juan González, na inauguración esta mañá do encontro, que arrancou coa tradición maya de queimar copal en sinal de bendición e agradecemento.

Durante estes cinco días, xaguares xigantes de barro, bruñidos cerámicos impresionantes, ou métodos de coccións a ceo aberto son os protagonistas dos obradoiros de barro; a estes se lle suman outros dous de artes plásticas propias de México como son os xoguetes tradicionais ou os alebrijes de papel. Son en total 4 talleres dirixidos por cadanseu mestre mexicano e que reúnen ao alumnado interesado que previamente se matriculou.

“México mantén practicamente intacta unha cultura milenaria de gran riqueza que nos achega ao máis ancestral e primario do mundo da cerámica, por iso consideramos moi enriquecedor traer aos mellores mestres deste país, que nos amosarán aspectos tan descoñecidos aquí como as coccións prehispánicas, sumando, coma sempre, obradoiros de artes plásticas orixinais deste país, como o de álebrijes’ ou de xoguetes ”, explica Emilia Guimeráns, directora da Escola Municipal de Cerámica de Nigrán e quen contactou cos catro artistas invitados a través da Escuela Nacional de Cerámica de Guadalajara (México).

Mestres e charlas

Alejandro Camacho, Ciudad de México: Alebrijes zoomorfismo fantástico

Luns 17 de Xullo ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. Cartonería tradicional. A realización destes inusuais seres, forma parte da identidade colectiva mexicana desde 1936. Descubriranse os segredos da fabricación destas delirantes criaturas.

Juana Gómez, Amatenango: “A arxila como expresión escultórica para os mayas”

Martes 18 de Xullo ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. Pobo de orixe maya dos Altos de Chiapas, Amatenango del Valle é coñecido como a capital chiapaneca da olería debido a que máis da metade da súa poboación dedícase a esta actividade reservada ás mulleres quen van aprendendo a traballar o barro desde os 10 anos. Juana Gómez, recoñecida pola calidade das súas esculturas e do seu trazo pictórico, ensinará técnicas propias de Amatenango (coccións prehispánicas, procesos decorativos…) desenvolvendo o obradoiro sobre a iconografía do xaguar, animal sagrado na súa cultura.

Tomás Esparza, Jalisco: El trazo Ancestral

Mércores 19 de Xullo ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. Profundizarase no mestizo e o prehispánico, onde o trazo ancestral fúndese co imaxinario persoal, tendo o bruñido como ingrediente esencial.

Miriam Salgado, Xochimilco: El juguete del pasado al presente

Xoves 20 de Xullo ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. Xoguetería. Partindo de materiais como madeiras, teas, cartón ou obxectos reciclados. ‘La Lula juguetes’ mostrará como estes obxectos e materiais cobran vida dentro dun mundo de imaxinación e fantasía.

Escape room no parque da Perillana de Ponteareas

O parque da Perillana de Ponteareas converterase este venres, 21 de xullo, nun vibrante escape room para público adolescente, infantil e familiar. A cooperativa Artefeito chega á vila con ‘O circo do silencio’, unha sala de fuxida que se desenvolverá ao longo de toda a xornada en sesións sucesivas de 30 minutos nunha pequena carpa circense instalada no parque.

A actividade forma parte do programa de dinamización da lingua galega FalaRedes 2023 da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística (RDL), en colaboración co Concello de Ponteareas. Das 11.00 ás 14.00 e das 16.00 ás 21.00 horas, catro xogadores por quenda terán que resolver en equipo unha serie de enigmas para completar a misión final.

Este escape room parte da historia dun circo máxico que perdeu todas as palabras que lles permitían falar cos animais e crear espectáculos incribles. As persoas participantes interpretarán o papel dun grupo de detectives contratados para investigar o roubo das palabras e terán que atopar pistas, resolver enigmas, descifrar códigos e xogar coa lingua para recuperalas e devolverllas ao circo.

Como sinala a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, con esta actividade “búscase potenciar o uso do galego entre a poboación infantil e xuvenil cunha oferta de produtos lúdicos en galego divertidos e actuais, pensados e deseñados para eles e elas”. “O escape room é unha forma interactiva e emocionante de mergullarse na lingua galega mentres se divirten”, engadiu.

A actividade será de balde e non é necesaria inscrición previa.

O alcalde de Arbo recibe ao delegado da Xunta en Pontevedra

0

O delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, acompañado da directora xeral da Administración Local, Natalia Prieto, visitaron o concello de Arbo o pasado venres, dentro da ronda de visitas institucionais iniciadas a semana pasada.

Na súa primeira visita a Arbo, o alcalde de Arbo, Horacio Gil, mostrou ao novo delegado os proxectos en marcha subvencionados pola Xunta e trasladoulles aqueles nos que poida haber colaboración entre ambas administracións nun futuro.

O Delegado puxose a disposición do rexedor, co obxectivo de seguir executando os proxectos xa iniciados coa Administración Autonómica, así como con todo o que dependa da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra.

O Delegado da Xunta de Galicia, e a Directora Xeral da Administración Xeral, aproveitaron para visitar ás comunidades de usuarios de aguas de Arbo e comprobar o remate das obra subvencionadas pola Xunta de Galicia. 

 A Xunta de Galicia colabora con estas entidades na mellora da rede de abastacemento e das traídas de auga 

A través das axudas do Plan de acción comunitaria destinadas tamén a asociacións de veciños e de mulleres rurais

Nigrán enche o verán con roteiros gratuítos

0

O Concello de Nigrán ofrece ao longo do verán catro tipos de roteiro gratuítos destinados a promover o municipio: ‘A Praia dos Afogados’ , ‘Praia América – A Niza galega’, ‘Tesouros de Monteferro’ e, por último, ‘Paseando Nigrán’. A información concreta de cada un está pendurada en www.nigran.es. Todos son gratuítos, de aforo limitado, e con inscrición previa no correo [email protected] indicando o nome completo, número de teléfono e título e data da ruta elixida. A duración aproximada é de 2-2,5 horas e a dificultade baixa ou media-alta.

Estréase o mércores 19 de xullo ás 18:30 horas co roteiro literario ‘A Praia dos Afogados’, baseado nas localizacións da novela negra de Domingo Villar. Este mesmo se repetirá o 5, 9 e 19 de agosto en diferentes horarios.

O roteiro ‘Tesouros de Monteferro’, no que se percorre o Monumento á Mariña Universal, a batería militar e o petróglifo das ‘Penisas Pequenas’ terá lugar o 22 de Xullo ás 10:00 e o 2 e 30 de agosto ás 18:30 horas.

O roteiro ‘Praia América – A Niza galega’, baseado no proxecto de urbanización do emigrante e benefactor Manuel Lemos, terá lugar o 26 de xullo ás 18:30 horas e o 12 e 23 de agosto en diferentes horarios.

Finalmente, a ruta urbana ‘Paseando Nigrán’ estará adicado á parroquia de Camos e terá lugar o 26 de agosto ás 9:00 horas.

O Porriño incorpora a catro novos traballadores ao seu persoal

O Concello do Porriño vén de incorporar ao seu cadro de persoal a catro novos traballadores que reforzarán as áreas de emprego e formación, atención ao cidadán e administración xeral.

Todos eles son mozos e mozas que remataron os seus estudos hai menos de tres anos e que se atopaban en situación de desemprego.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado pola concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, deulles a benvida no seu primeiro día de traballo e púxose á súa disposición.

“O voso traballo será de gran axuda para nós e tamén para vós, xa que vos permitirá adquirir competencias e experiencia nas áreas nas que desempeñaredes o voso labor”, trasmitiulles o alcalde, “benvidos ao equipo do Concello do Porriño”.

Trátase de dous graduados en Dereito, unha en Economía e outro en Dirección e Xestión Pública contratados ao amparo do programa da Deputación de Pontevedra “Primeira Experiencia Profesional” que ten por obxecto dotar ás persoas mozas desempregadas, mediante un contrato de traballo, dunha primeira experiencia para a adquisición de competencias e habilidades sociais e profesionais.  

Comeza a segunda quenda do campus de conciliación de Salvaterra de Miño

Durante todo o verán, máis de 200 nenos de todo o municipio participarán deste campus, que está confinanciado pola Deputación de Pontevedra.

O campus de verán, que está organizado polo Concello de Salvaterra de Miño, comezou o pasado 3 de xullo e súmase o programa de conciliación para as familias.

En total son catro quincenas que teñen como fin de axudar a conciliación e que se implementan coa aula madruga (para que os pais poidan deixar aos seus fillos antes) e con servizo de comedor.

Reboreda acolle unha exposición fotográfica do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy

0

O Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy anuncia a apertura da “Exposición de fotografía” correspondente á XVII edición do concurso de fotografía.

Esta exposición poderá visitarse en Reboreda (Redondela) ata novo aviso, na dirección Cruceiro 52, en horario de 15:00 a 22:00 horas, na Sociedad Labrego Cultural de Reboreda.

Este novo emprazamento súmase ás mostras abertas anteriormente, no CCD de Cesantes, no multiusos de Redondela, e no Centro SCR de Cedeira o que permite, de forma itinerante, acercar o traballo dos participantes ás distintas parroquias do concello, para o gozo de
todos.

O Rosal pon en marcha ‘Mulleres que inspiran’ para achegar referentes femininos á rapazada

0

Promocionar a igualdade e previr a violencia de xénero a través de referentes femininos no eido laboral, cultural, artístico, científico… Ese é o obxectivo de ‘Mulleres que inspiran’, un programa posto en marcha polo Concello do Rosal para continuar revolucionando mentes e camiñar cara a unha igualdade real dando a coñecer e achegando figuras femininas de calado tamén á rapazada e mocidade.  

Máis de 120 nenos dos campamentos de verán do Concello, do club de balonmán Valinox Novás e da Agrupación Musical do Rosal participaron dúas xornadas de convivencia que contaron coa participación de dúas mulleres deportistas profesionais de disciplinas historicamente masculinas e dúas xornalistas deportivas que deron visibilidade ao deporte practicado por mulleres. Como salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “con estas actividades buscamos desmitificar a supremacía do deporte masculino, relatando as súas experiencias persoais neste mundo e animando a todos os nenos e nenas dos campamentos a realizar diferentes deportes de forma profesional”.

Durante estes días, ademais da visita da rexedora, nenos e nenas puideron coñecer na primeira xornada a historia de Paula Montes, licenciada en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Periodismo Deportivo pola Universidade Rey Juan Carlos de Madrid e cunha ampla traxectoria no mundo do xornalismo deportivo, encargándose na actualidade da información deportiva en Radio Vigo Cadena Ser, ademais de exercer en informativos e ser presentadora en Televigo.

Xunto con ela estivo a remeira Thitina Fariña, deportista de 17 anos e estudante de Bacharelato que leva dende finais da educación primaria en contacto co remo de banco fixo. Leva 7 anos practicando remo, as últimas tres tempadas no C.R. Chapela, ocupando a día de hoxe o posto de patrona.

Na segunda xornada as participantes foron a xornalista Samantha Konopczyk e a ex xogadora e adestradora de balonmán Laura Morais. Konopczyk, neta da diáspora galega que emigrou ao Brasil na posguerra, leva afincada na Guarda máis de 20 anos. Leva máis de 15 anos traballando en distintos medios, ten un Máster en Igualdade de Xénero e oito anos de experiencia como profesora de ioga para persoas adultas e crianza, o que achegou aínda máis ao mundo do deporte e a vida saudable.

Pola súa banda, Morais foi xogadora de primeira liña en categorías base convertida a extremo esquerdo na máxima categoría e reconvertida nos dous últimos anos en central. Pertenceu durante moitas tempadas ao club Mecalia Atlético Guardés, xogando tamén noutros equipos de España. Acadou diversos logos deportivos tanto na Liga Guerreras Iberdrola, a Copa da Raíña, na EHF Cup co Guardés e coa selección galega.

Co proxecto ‘Mulleres que inspiran’ o Concello do Rosal busca camiñar cara á igualdade a través de diferentes liñas de actuación para proporcionar visibilidade ás mulleres e aos seus logros, favorecer a erradicación das desigualdades de xénero, por sobre a mesa os mecanismos que favorecen a violencia de xénero e promover a formación en igualdade de oportunidades e a reflexión sobre todo tipo de violencia.

Ademais dunha liña centrada no deporte, o programa conta con outras, como os encontros con profesionais, que achegou ao alumnado da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier á historia de José Vicente e Jacobo Pereira, traballadores de ámbitos feminizados, e de Sara Varela e Mirian Vicente, profesionais do eido tecnolóxico.

A Asociación de Empresarios de Redondela organiza unha xornada para asociados do sector turístico

0

Na xornada abordaranse os retos da dixitalización no sector e presentarase a última convocatoria aberta pola Axencia de Turismo de Galicia para a promoción da dixitalización, celebrarase mañá martes, 18 de xullo, ás 17:30 horas no Museo Meirande.

A convocatoria da subvención para gastos derivados da transformación dixital está aberto ata o 7 de agosto e poderán concorrer empresas do sector turístico: establecemento hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, restaurantes, cafetarías e bares e axencias de viaxes.

Ao acto está previsto asista o recentemente nomeado director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles.

Programa

  • 17:30 horas, presentación da subvención ao sector turístico para a promoción da dixitalización. Subvención dirixida a establecementos hostaleiros, campamentos, turismo rural, apartamentos turísticos, viviendas turísticas, albergues, restaurantes, cafeterías, bares e axencias de viaxes.
  • 18:00 horas, demostración do funcionamento da tecnoloxía Wairbot para o sector hostaleiro. A tecnoloxía  Wairbot permite realizar bots conversacionais para Whatsapp rápidos flexibles, escalables e adaptables a distintos procesos de xestión do negocio. Presentado por César Benavides. CEO de Wairbot.
  • 18:30 horas, networking con socios tecnolóxicos. Cata de cervexa por xentileza de Keler.

Os interesados poderán inscribirse na seguinte ligazón.

Comezan hoxe as obras de conservación e mellora da autoestrada autonómica do Val Miñor

As obras correspondentes á campaña de conservación e reforzo de firme na autoestrada autonómica do Val Miñor (AG-57) veñen de iniciarse hoxe e prolongaranse durante seis semanas, se as condicións climatolóxicas así o permiten.

Tamén este luns, día 17, e durante toda esta semana, vanse realizar reparacións puntuais do firme nos puntos quilométricos 17 e 19 da autoestrada autonómica A Coruña-Carballo, a AG-55. En agosto desenvolveranse tamén obras de mellora e conservación na mesma.

Comezan así os traballos de conservación e mellora de firme que a concesionaria realiza de xeito sistemático nas dúas autoestradas autonómicas AG-57, Vigo-Baiona, incluíndo o ramal a Nigrán (AG-57N), e na AG-55, A Coruña-Carballo, co obxectivo de optimizar os recursos dispoñibles e garantir a calidade, seguridade e durabilidade dos firmes.

Autoestrada do Val Miñor

As actuación iniciadas hoxe na autoestrada do Val Miñor permitirán a optimización das características do pavimento nunha superficie de 181.225 m2 e incluirán actuacións de mellora estrutural en 26.334 m2, incluíndo unha campaña de selado de gretas en 5.450 metros lineais.

Hoxe están a realizarse os traballos de reforzo de firme no ramal de entrada dirección Vigo desde Ramallosa, e nos puntos quilométricos 9+200 e 12+200, en sentido crecente. Tamén se intervén no tramo do viaduto do quilómetro 16+500 ao 17+000, en ambos os dous sentidos.

Estas actuacións centraranse mañá e o venres nos tramos dos viadutos que se sitúan nos puntos quilométricos 12+200 ao 11+740 e no 4+500, en sentido crecente e decrecente completo. O mércores e o xoves os traballos desenvolveranse nos viadutos situados nos puntos 8+900, 8+000 e 5+700, tamén en sentido decrecente e crecente completo.

Para a realización dos traballos desta nova campaña, que se executará entre hoxe e o día 7 de setembro, cortaranse treitos dun carril segundo a zona das obras, que se desenvolverán entre os quilómetros 4+500 e o 17+000 da autoestrada AG-57, así como no ramal a Nigrán.

Tamén se actuará en dous ramais na calzada dereita (dirección Vigo): un de entrada á autoestrada no enlace de Ramallosa e outro de saída no enlace de Vincios.

Os traballos consistirán no estendido dunha nova capa de rodaxe nos viadutos, estendido de microaglomerado en frío na autoestrada fóra dos viadutos e pequenas reparacións do firme no tronco e nos ramais da Ramallosa e Vincios.

Autoestrada A Coruña- Carballo

En canto ás intervencións programadas na autoestrada A Coruña-Carballo, nesta campaña realizaranse actuación de mellora das características superficiais do firme en 64.900 m2 e obras que suporán melloras estruturais en 29.667 m2 da AG-55. Neste caso os traballos previstos terán unha duración estimada de 5 semanas.

O orzamento estimado da campaña do ano 2023 suma no conxunto destas dúas autoestradas autonómicas un total de 1,2 M€.

As obras estarán debidamente sinalizadas e para minimizar a afección ao tráfico os cortes serán de carril, salvo puntualmente nos ramais nos que se actúa.

Mapa da actuación na autoestrada do Val Miñor

Mos exporta beleza para o mundo

0

Iván Álvarez Guedes, natural de Mos, de 30 anos de idade e 1.97 m de estatura, de profesión enxeñeiro industrial en sector automoción; é desde a pasada noite do sábado, 15 de xullo, o home oficialmente máis aposto do mundo, Mister Supranational 2023.

O mosense impúxose desde o Anfiteatro Strzelecki Park, na cidade de Nowy Sącz, Małopolska, Polonia, a outros 33 candidatos de todos os recunchos do globo, nunha trepidante Gala Final de audiencias millonarias, producida por @PolsatOfficial.

Primeiro finalista resultou o representante de Brasil, o nadador olímpico Henrique Martins, e segundo finalista o candidato de Países Baixos, Luca Derin.

A compañeira de reinado do mosense Iván Álvarez Guedes, Mister Supranational 2023, que foi coroada a noite do venres, 14 de xullo, é a ecuatoriana Andrea Aguilera Paredes, estudante de medicina de 22 anos e 1.80 m de estatura, natural da cidade de Xanelas (Os Ríos).

A Organización Miss Mister RNB España, fixo oficial e público o orgullo ante esta victoria do de Mos, asegurando que “sentimos unha enorme felicidade polo seu logro histórico, ao ser o primeiro europeo en vencer nesta mediática contenda”.