A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un punto de vertido de augas residuais na parroquia de Santa Uxía de Mougás, no concello de Oia.
Esta achega foi identificada no marco das inspeccións rutineiras de seguimento levadas a cabo polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
Os técnicos da Xunta desprazados á zona localizaron a orixe da afección na filtración existente nun colector da rede de saneamento, no lugar do Porto.
Augas de Galicia notificoulle a situación ao Concello para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar a achega contaminante.
Nunha nova inspección xirada á zona, os técnicos da Xunta corroboraron a reparación da infraestrutura de saneamento municipal, emendando así o vertido en condicións inadecuadas cara ao dominio público hidráulico.