Martes, 22 Xullo de 2025

Homenaxe en Salvaterra a Antonio Bernárdez Gándara

O vindeiro domingo día 10, temos unha cita ás 16:30 no Campo Municipal de Dextros para homenaxear a un home que deu ata o último alento da súa vida polo fútbol local.

Antes do partido que inicia o campionato de liga entre a S.D. Salvaterra e o Crecentense, terá lugar o acto de nomeamento do Campo Municipal Antonio Bernárdez Gándara – Dextros, en memoria do eterno presidente do clube e das Escolas Deportivas.

O Concello homenaxea ao Cabo Fradera polos sesenta anos de presenza en Tui

0

O Concello de Tui vai facer entrega dun bandeirín ao patrulleiro Cabo Fradera con motivo do sesenta aniversario da súa presenza en Tui como recoñecemento da nosa cidade a ampla traxectoria deste patrulleiro e a súa permanente contribución á vida do noso municipio a longo destas décadas. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, fará entrega deste bandeirín ao comandante e dotación do Patrulleiro de Vixilancia Interior Cabo Fradera o  próximo venres, 15 de setembro, ás 11.30 h.

Este domingo, 10 de setembro, é cando se cumpre o sesenta aniversario da chegada a Tui do patrulleiro Cabo Fradera, dando continuidade a presenza da Armada na nosa cidade e nas augas do río Miño dende as últimas décadas do século XIX.

Amais do acto central previsto para o venres 15 a xornada anterior, o xoves 14 terán lugar dúas actividades abertas á participación da cidadanía para contribuír ao coñecemento deste patrulleiro Cabo Fradera e a súa traxectoria na nosa cidade.

Así o xoves 14 de 16 e 19 horas terá lugar unha Xornada de Portas Abertas na Comandancia Naval do Miño onde se poderá visitar unha exposición de material da Armada e visitar ao propio patrulleiro. As persoas interesadas deben inscribirse, até o martes 12, a través do correo electrónico [email protected] indicando o seu nome completo, DNI e teléfono de contacto, non admitíndose máis que tres inscricións por correo enviado. 

A continuación, o xoves ás 20 h, no salón de actos da Aula da UNED no antigo convento de San Domingos terá lugar unha mesa redonda sobre o aniversario da chegada a Tui do PVI Cabo Fradera na que participarán o CF Enrique García González, excomandante Naval do Miño, Rosendo Bugarín González, autor do libro “Tui y la Armada e José Joaquín García Rodríguez ‘Pepín Pernas’. Será moderada por José A. Font Moldes, director da Radio Municipal de Tui. A entrada será libre até  completar o aforo. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, indica que o acto de entrega dun bandeirín co escudo do buque con motivo do sesenta aniversario da presenza en Tui do patrulleiro de vixilancia interior Cabo Fradera da Armada testemuña “o recoñecemento a súa traxectoria, actividade e implicación coa cidadanía tudense e do Baixo Miño”.

Arbo mellora as instalacións do campo de fútbol municipal de cara a tempada 2023/2024

0

O Concello de Arbo, mellora as intalacións do campo de fútbol municipal de cara a tempada 2023/2024. Entre as actuación esta a mellora a iluminación do campo de fútbol: As actuacións están incluídas no proxecto IDAE que conta cun 80% de fondos europeos Feder a través da convocatoria de axudas e entidades locais para proxectos que favorezan a transición a unha economía baixa en carbono.

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Arbo comparten como criterio que as entidades locais, como administracións máis próximas á cidadanía, deben ser os axentes protagonistas no deseño, no impulso da acción local e no desenvolvemento das políticas locais; ó tempo que, as deputacións, deben actuar como institucións que desenvolvan políticas, plans e actuacións que faciliten que concellos e cidadáns poidan obter os mesmos dereitos e servizos, polo que ambas administracións asinaban un convenio a través da convocatoria  de axudas a entidades locais para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono do instituto para a diversificación e aforro da enerxía no marco do programa operativo feder de crecemento sostible 2014-2020.

Estas actuacións forman parte do proxecto IDAE núm. FEDER-EELL-2020-005815 “Iluminación exterior sostible XII: renovación das instalacións de alumeado exterior do municipio e Arbo”, que conta con financiamento do 80% do FEDER a través do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014-2020 segundo a convocatoria de axudas a entidades locais para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha Economía Baixa en Carbono do IDAE.

A Lamosa, en Covelo, celebra esta fin de semana a romaría do Libramento

0

A parroquia da Lamosa celebra esta fin de semana a súa popular romaría na honra da Benaventurada Virxe María do Libramento. As familias xuntaranse no xantar popular que terá lugar o domingo día 10 ao mediodía. O bar Cuartel ofrecerá tamén comidas e haberá “pulpeiro” e posto de rosquillas.

Antes, o sábado día 9, ás sete e media da tarde comezan os catos litúrxicos co Rosario, misa solemne e posterior procesión. O domingo día 10 as primeiras misas serán ás 10 e ás 11, mentres que a misa solemne será ás 12 horas. Unha cita relixiosa á que, tradicionalmente, asisten as mulleres embarazadas para acadar a súa bendición. Ao remate terá lugar a procesión acompañada do posterior concerto da Banda de Música de Redondela. Ás sete da tarde, hora da última misa deste día, tamén actuará a Banda de Música de Redondela. O luns 11 haberá, novamente, misa solemne ás doce do mediodía e procesión.

A Guarda participa o 17 de setembro no proxecto Libera de limpeza de praias

0

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Medio Ambiente, participa un ano máis no proxecto “Libera, unidos contra la basuraleza”, que consistirá nunha limpeza de praias na zona da desembocadura do Río Miño, un proxecto no que tamén colaboran SEOBirdLife e Ecoembes.

O punto de encontro asignado será o Parque do Puntal en Camposancos, onde se repartirá o material preciso(luvas, bolsas…) para realizar a limpeza e se realizará unha pequena charla explicando como será a actividade, que se desenrolará dende O Puntal ata a zona do Codesal, pasando polas praias do Muíño, a Lamiña, a Armona e O Codesal.

A duración aproximada da actividade é de 2 horas, abrindo a participación a todas aquelas persoas que o desexen, sen límite de idade.

Dende o Concello da Guarda convídase a toda a cidadanía a participar nesta actividade, a limpeza e mantemento do noso entorno é cousa de tod@s.

Adxudicadas as obras do Lavadoiro do Saravio, Nigrán, como elemento patrimonial do Camiño Portugués pola Costa

0

O Concello de Nigrán emprenderá nas vindeiras semanas a completa restauración do lavadoiro do Saraivo, situado na parroquia de Nigrán en pleno Camiño Portugués pola Costa e catalogado. O investimento, de 50.000 €, conta cunha subvención de 20.000 € do Instituto de Estudos do Territorio e suporá devolverlle o valor a súa imaxe de conxunto, moi deteriorada e carente de interese debido a engadidos  posteriores a base formigón. Ademais, a súa situación na rúa Comesaña (parroquia de Nigrán) permitirá que se transforme nun lugar agradable onde veciños e peregrinos poderán sentarse a descansar e refrescarse.

“Levamos anos restaurando fontes e lavadoiros de todo o municipio co fin de devolverlles o valor patrimonial, cultural e etnográfico que representan e seguiremos facéndoo”, indica o alcalde, Juan González, en referencia aos 160.000 € investidos os anos pasados na posta en valor de 7 lavadoiros e 8 fontes de todo o municipio.

A actuación, redactada polo arquitecto nigranés Severo Fernández, consistirá na eliminación da cuberta de formigón para crear unha vexetal totalmente plana e que facilite a entrada de luz, integrándose así á perfección coa paisaxe que rodea este lavadoiro. Ademais, executaranse unhas novas escaleiras de acceso e saída con varanda de protección, substituirase o pavimento, e colocarase un murete curvo que tamén servirá de banco para o descanso na zona máis alta; todo elo en granito para non restar importancia á cantería do lavadoiro orixinal. A maiores, recuperarase a fonte existente e o conxunto será dotado de iluminación LED totalmente integrada na intervención para que tamén sexa un lugar seguro e atractivo cando non hai luz natural.

“A intención é crear un recinto acorde cos valores do noso patrimonio e  devolverlle o seu uso como perfecto lugar de descanso e refresco para veciños e peregrinos”, finaliza González.

A Xunta adxudica as obras do aparcadoiro disuasorio no enlace da PO-340 coa autoestrada en Nigrán

0

A Xunta adxudicou por 584.705 euros a execución do aparcadoiro disuasorio asociado á implantación de zonas de baixas emisións no enlace da estrada PO-340 coa autoestrada do Val Miñor e adxacente á peaxe da saída A Ramallosa-Gondomar, no concello de Nigrán.

Esta intervención, adxudicada á empresa Naróm S.L, ten como obxectivo facilitar o emprego do vehículo compartido para acceder á autoestrada AG-57 e reducir a presenza dos coches no centro da vila. A previsión da Xunta é comezar os traballos en próximas semanas.  

Este novo aparcadoiro contará cunha superficie total de 3.500 m², disporá de 72 prazas, das que 2 se reservan para persoas con mobilidade reducida, ademais da preinstalación para 3 puntos de recarga para vehículos eléctricos.

No contrato adxudicado inclúese, tamén, a disposición dunha franxa perimetral interior adxacente ás prazas para os itinerarios peonís e carrís de circulación dun mínimo de 3 metros de ancho e de sentido único.

No centro do aparcadoiro e na zona norte proxéctanse zonas verdes para a colocación de arborado e alumeado, que irán separadas das prazas por un bordo. A actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

Os motores ruxirán no velódromo co XVI Dirt Track Xacob Agra

Un ano máis, e xa van dezaseis, o velódromo municipal do Porriño acollerá a Dirt Track Xacob Agra. Como cada ano, o motoclub Papaya en colaboración co Concello do Porriño, organiza esta carreira noturna que reunirá no óvalo porriñés a pilotos chegados de toda a xeografía galega e tamén do país veciño.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deporte, Abel Estévez, xunto a Xoaquín Agra, presidente do motoclub Papaya, e o piloto porriñés Xacob Agra, presentaron esta mañá o evento.

“Como cada ano por estas datas poderemos disfrutar deste espectáculo deportivo, unha cita marcada na axenda de todos os amantes do motor que cada edición conta cunha enorme participación e implicación do público”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, que quixo agradecer ao Motoclub Papaya o “gran nivel organizativo que demostran cada ano, que fixo posible consolidar este evento deportivo de referencia en toda Galicia”.

A proba desenvolverase como cada ano en eliminatorias por grupos (clasificatorias, repescas, semifinais e finais). Prevese que disputen a proba preto de 40 pilotos, 20 en adultos e outros na modalidade infantil que será exhibición, chegados de toda a xeografía galega e tamén do país veciño. Cabe destacar que nesta edición debutará nesta disciplina o piloto local Jose Calvar.

Tomiño avanza a paso firme no edificio Isaura Gómez, un espazo de vangarda

0

O Espazo Isaura Gómez está a piques de ser una realidade. Tras un intenso ano de obras, o Concello de Tomiño ultima os detalles da construción deste edificio versátil que albergará a futura biblioteca municipal e outras dependencias de carácter cultural e administrativo.

A alcaldesa, Sandra González; concelleiros e equipo técnico fixeron este martes unha visita ás obras deste equipamento sociocultural “icónico” que se converterá nun punto de encontro e referente para a cultura da comarca do Baixo Miño e do norte de Portugal e que ten previsto estar rematado a finais de ano.

Situado en pleno núcleo urbano do Seixo, este edificio conta con catro andares e un soto que albergará o arquivo municipal, o fondo bibliográfico e outras dependencias, como o servizo de Atención Temperá, a OMIX ou a Aula CeMIT. Créase así un edificio multiusos, versátil, autónomo, aberto á xente, confortable, sostible, altamente eficiente dende o punto de vista enerxético, sendo o primeiro edificio público de Galicia que contará co certificado Passive House polo seu baixo consumo enerxético.

O edificio disporá dunha biblioteca municipal, un servizo moi demandado en Tomiño, e permitirá a ampliación, centralización, modernización e dixitalización do arquivo municipal, xa que ata o momento atopábase disperso por varios locais e edificios debido á falta de espazo. Este novo espazo permitirá tamén a centralización de determinados servizos que ofrece o Concello nun só edificio e contará cun espazo de encontro para ler a prensa ou consultar internet e instalacións de vangarda para a Atención Temperá.

No camiño cara a eficiencia enerxética, empregaranse enerxías renovables para cubrir a demanda de calefacción e refrixeración. Ademais, para conseguir o obxectivo dun edificio intelixente, dispoñerase de control de acceso automático, con emprego de domótica na climatización e dixitalizaranse os arquivos municipais e da biblioteca, de forma que o edificio sexa o máis autónomo posible.

Sandra González reivindica a importancia que este proxecto ten para o municipio poñendo tamén en valor o xeito no que foi deseñado, contando coa participación de multitude de colectivos sociais e veciñais. “Agardamos que a final de ano podamos gozar xa dun espazo de referencia para a dinamización cultural que foi pensado e deseñado estudando outros exemplos de referencia e froito dunha consulta á cidadanía, na que participaron máis de 300 persoas pertencentes a distintos colectivos e asociacións”, sinala.

En definitiva, un símbolo de modernidade e sostibilidade para Tomiño que demostra o compromiso do Concello cun futuro máis eficiente e respectuoso co medio ambiente e que, sen dúbida, converterase nun referente na comarca como lugar de encontro cultural e social para a veciñanza.

O Racing de Vilariño busca xogadoras para o seu equipo feminino

0

O Racing de Vilariño foi o primeiro club en apostar polo fútbol feminino en Nigrán. No campo de San Pedro as mulleres que soñaban con xogar de maneira federada tiveron a oportunidade. Hoxe xa pasaron máis de 14 anos daqueles días de 2009 e o Vilariño continúa a buscar rapazas para que o seu equipo feminino siga crecendo.

O club abre as portas a todas mulleres maiores de 14 anos que queiran probar e defender o seu escudo. As más pequenas podes sumarse tamén, pero competirán nas categorías inferiores do equipo. Os adestramentos son os martes e os venres ás 21.15 horas no campo municipal de San Pedro e o equipo compite en segunda división de Galicia.

As interesadas poden preguntar calquera dúbida a través dos seguintes números de teléfono: 671 431 804 e 615 538 518.

No Vilariño queren animar “a todas as que se emocionaron coa selección feminina e Teresa Abelleira a sumarse ao soño do noso club”. “Somos pioneiras  e queremos crecer con ilusión, humildade e moito fútbol”, destacan.

Rematada a segunda fase das obras na antiga Casa da Sociedade

O Concello de Salvaterra de Miño, en colaboración coa Comunidade de Montes de Fornelos, vén de rematar a segunda fase de rehabilitación do que era a antiga Casa da Sociedade, na parroquia de Fornelos.

Estas obras tiveron unha inversión total de máis de 25.000 euros cos cales se encintou e lavou a fachada ademáis de preparar os pisos do interior da edificación.

Co remate destas accións avánzase na rehabilitación integral do edificio, cun gran valor histórico e sentimental para esta parroquia, e con fin último de que sexa un punto de referencia á hora de desenvolver actividades culturais e sociosanitarias para veciños.

Estado previo á rehabilitación da Casa da Sociedade

O conselleiro de Educación visita o IES de Mos

0

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, realizou unha visita ao instituto IES de Mos, onde estivo acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Educación, Julia Loureiro, os tamén edís mosenses Camilo Grandal e Feli Rodríguez, e os directores de todos os centros educativos públicos do municipio; e comprobou o avance das obras de ampliación do centro, incluídas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que ve incrementado nun 27 % o seu orzamento total ata os 243M€ para atender as necesidades de modernización dos centros galegos por parte da administración autonómica.

Nova FP Básica e mellor biblioteca

No referido ao instituto IES de Mos, o conselleiro explicou que se invisten máis de 720.000 € nas obras de ampliación. “Unha actuación coa que damos resposta ás necesidades dun dos concellos con maior demanda educativa e que temos previsto ter rematada para o inicio de curso, de tal xeito que os alumnos poidan gozar dos novos espazos desde o primeiro día”, apuntou.

Tal e como explicou, o espazo resultante permitirá impartir o ciclo de FP Básica en Servizos comerciais por primeira vez este curso neste centro. “Introducindo estas ensinanzas neste instituto damos alternativas ao alumnado de Mos, que ata momento tiña que desprazarse a centros públicos de Vigo para cursar FP”, resaltou.

En concreto, aumentouse a zona de aulas do primeiro andar en catro novos espazos, para este e outros usos, todos eles cunha superficie maior de 60 m2 e con iluminación exterior. A intervención redunda tamén na transformación do andar baixo e na ampliación da biblioteca. Neste sentido, Román Rodríguez destacou a importancia das bibliotecas escolares, eido “no que Galicia é un referente a nivel estatal e que se converteron en verdadeiros laboratorios de aprendizaxe e que contribúe aos bos resultados do alumnado galego en compresión lectora”. A nova biblioteca inclúe unha zona de estudo no andar primeiro comunicada co  baixo a través da creación dunhas escaleiras.

Con esta actuación, o Goberno autonómico eleva a 1,1 M€ o investimento no instituto de Mos, onde en 2020 xa se realizaron traballos de mellora da cuberta.

O “Outono gastronómico” chega a Baiona

0

A Oficina de Turismo do Concello de Baiona acolleu a presentación “17º Outono Gastronómico 2023”. A Vila Mariñeira foi parada do roteiro do autobús promocional da campaña que percorreu as principais praias da costa galega coa finalidade de captar o turismo estival para futuras viaxes outonais a Galicia. Trátase dunha iniciativa que busca promover, apoiar e impulsar accións que poidan mellorar a ocupación dos establecementos de turismo rural e o desenvolvemento do turismo en xeral nos espazos rurais de Galicia, difundir a riqueza e calidade dos produtos de proximidade e contribuír a desestacionalización do turismo rural galego.

O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Salmuíña, exerceu de anfitrión do acto no participaron o Director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles Remy, o Presidente da Agrupación industrial de Turismo de Galicia, Cesáreo G.Pardal, a responsable de área de turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro Domínguez, e o Presidente de FEGATUR (Federación Galega de Turismo Rural), Francisco Xabier Almuíña Chorén quen foi o encargado de amenizar o acto tocando o instrumento tradicional da sanfona.

Gozar da gastronomía e facer unha escapada por Galicia este outono acompañado pola familia, con amigos ou en solitario é a proposta de Outono Gastronómico, un programa que conta co apoio de Turismo de Galicia e que arrinca o 15 de setembro. As casas rurais que participan nesta iniciativa ofrecerán dous menús distintos, exclusivamente concibidos para esta ocasión. A oferta estará dispoñible ata o 17 de decembro de 2023 nun total de 79 establecementos, seis máis que en 2022, cando se beneficiaron máis de 77.600 persoas.

O Outono Gastronómico en Turismo Rural é unha promoción creada no ano 2007 pola área de Produto de Turismo de Galicia en colaboración coa rede de establecementos de Turismo Rural de Galicia, que combina a gastronomía e a estancia nas casas rurais galegas a prezos moi competitivos.

Os organizadores lanzaron unha guía con toda a información para os interesados en gozar da 17ª edición de Outono Gastronómico poidan coñecer de primeira man todas as opcións dispoñibles, desde Menú Outono Gastronómico ata Outono Plus. A primeira delas inclúe a oferta gastronómica, mentres que os que ademais de degustar o menú estean interesados en pernoitar na casa de turismo rural elixida poden adquirir o Paquete Outono Gastronómico. A oferta completa atópase no paquete Fin de semana Outono Gastronómico. Ademais, os que queiran compartir a fin de semana coa familia poden apuntarse a Fin de semana Familiar Outono Gastronómico, con ata dous nenos incluídos. Por último, Outono Plus é unha modalidade de participación na que ademais da gastronomía e a estancia, os establecementos ofrecen unha serie de actividades complementarias, como paseos dacabalo, descenso en canoa, sendeirismo ou visitas culturais.
Os paquetes do programa Outono Gastronómico están dispoñibles os venres, sábados e domingos, excepto as fins de semana do 13 ao 15 de outubro e do 8 ao 10 de decembro. Dos 79 establecementos que participan, un total de 24 atópanse na provincia da Coruña; 22 en Lugo; 17 en Ourense e 16 na provincia de Pontevedra.

Covelo convida á cidadanía a facer un uso responsable dos contedores de lixo

0

O Concello de Covelo solicita a colaboración da cidadanía para un uso máis responsable dos contedores de lixo e recorda que existe un servizo municipal gratuíto no que depositar os enseres domésticos, Punto Limpo.

Dende o Concello informan da importancia de non depositar restos de obras, mobles, colchóns, ferramentas ou utensilios vellos que soen atoparse nos contedores de lixo. Polas súas característicias e dimensións non deben deixarse nos contedores de lixo xa que os enchen e non deixan espazo para depositar os restos diarios das familias. Este mal uso dos contedores provoca, ademais, contínuas avarías no camión da recollida de lixo imposibilitando ofrecer un servizo axeitado ao resto da cidadanía cada vez que o camión debe ir ao taller. Os entullos resultantes das obras son os principais causantes das roturas do sistema hidráulico de elevación dos contedores, entre outros problemas provocados por enseres e materiais pesados que nunca deben ir aos colectores de recollida de residuos destinados para plásticos e restos ordinarios,

A cidadanía dispón dun Punto Limpo ubicado xunto á residencia de maiores que abre cada sábado en horario de mañá, de 09:00 horas a 13:00 horas. Un servizo totalmente gratuíto no que os particulares poden deixar todo aquelo que xa non precisen e que non ten cabida nos contedores de recollida de lixo doméstico. Para aquelas persoas que non estean en disposición de desprazarse ao Punto Limpo Municipal, existe a posibilidade da recollida a domicilio únicamente para persoas empadroadas en Covelo que previamente deberán solicitalo nas oficinas do Concello de xeito presencial ou telefónico. Nesta ligazón poden obter información sobre o Punto Limpo de Covelo.

A cidadanía de Covelo dispón de contedores amarelos para plásticos e briks e contedores verdes para os restos domésticos así como os iglús verdes para vidro nas parroquias. Ademais, no centro urbano hai un colector téxtil para roupa e calzado xunto ao pavillón deportivo, contedores azuis para cartón e papel, contedor de aceite de cociña e contedor de recollida de pilas, en distintos puntos do centro urbano.

Chega ao Porriño o Negrita Music Festival

O Porriño posicionase como referencia cun dos eventos máis importantes da música urbana no país, o Negrita Music Festival, que terá lugar os días 9 e 10 de setembro. A catro días do evento o aforo roza o sold-out e serán arredor de 10.000 as persoas que vibrarán en cada unha das xornadas da que será a última gran cita da tempada estival no sur de Galicia.

O evento, promovido polo grupo Berdinet baixo a dirección de Leitmotiv Producciones, conta coa colaboración do Concello do Porriño, da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra. Así, esta mañá foi presentado na vila polo alcalde, Alejandro Lorenzo, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, xunto con representantes da organización.

A vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias, destacou que acudir esta fin de semana ao Negrita Music Festival “É unha boa forma de despedir a programación musical do verán”. Tras felicitar aos organizadores, ensalzou a calidade dos festivais que se celebran na provincia e que se teñen convertido nun importante reclamo desde o punto turístico e cultural”.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, destacou o cartel das festas do Concello do Porriño e sinalou que o Goberno galego sempre dará o seu apoio ás iniciativas municipais destinadas á cidadanía. “O labor da Xunta está e estará en todo momento volcado no fomento da cultura e as actividades que teñen como obxectivo a súa divulgación”, sinalou a representante autonómica.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, concluíu destacando a importancia de “acoller un evento desta magnitude, que non so xerará un gran impacto económico no noso pobo senón que contribuirá a posicionalo como un lugar de referencia”. O rexedor agradeceu á organización que “elixira O Porriño para  levar a cabo este festival con artistas e músicos de gran repercusión para disfrute da veciñanza e reforzando a nosa aposta por dalo a coñecer e convertilo nun destino cultural e turístico de primeiro nivel”.

Melendi, Rels B, Cruz Cafuné o La Zowi dominan el cartel

Este formato que leva xirando por toda España dende abril terá aquí a súa última parada tras Alicante, Barcelona ou Santander.

A última incorporación, como se anunciou dende a organización a pasada semana, é Melendi, que completa un cartel que xa rozaba o sold-out cos primeiros nome. Con 20 anos de traxectoria, converteuse nun símbolo do vintage grazas ao tema de Supernova de Saiko ou os remix do Nano en honor a Fernando Alonso.

Xunto a él, grandes nomes como Rels B, Cruz Cafuné o La Zowi, todos eles iconos absolutos da música urbana no último lustro no noso país. Soamente o primeiro roza os 20 millóns de oíntes mensuais en Spotify, mentre que os outros destacaron coas súas colaboracións con Don Patricio, Soto Asa ou Yung Beef.

Nesa mesma xornada tamén actuarán os últimos representantes da nova ola de artistas arxentinos que copan as listas de éxitos con outros nomes como Duki, Nathy Peluso, Nicki Nicole ou Bizarrap. Os DJs de Bresh pincharán a súa coidada selección de éxitos que xa soaron na celebración arxentina do último mundial ou n Son do Camiño, onde puxeron a guinda tras as actuacións de Vetusta Morla e Aitana no Monte do Gozo.

Como representación da música electrónica en Galicia destacan especialmente o local Groove Amigos –que xa pinchou no Ultra ou con Guetta en Castrelos- ou Galician Army, dúo lucense que revolucionou este verán as pistas de baile. Pincharán tamén os porriñeses Traffic House, Samu Pexe e Pitty.

Na xornada do domingo destacan xunto a Melendi o dúo colombiano Cali y el Dandee, líderes da nova onda do reggaeton a comezos da década pasada que soou en todo o noso país.

As entradas para cada xornada están á venta desde 23 euros para cada día, mentres que o abono xeral costa 37 euros. A plataforma de venta ofrece a opción de adquirilos aproveitando o Bono Cultural e conta con reservas para o aparcamento anexo.

A organización fletará autobuses desde Vigo, Pontevedra, A Coruña, Santiago, Barbanza e Ourense para acudir ao recinto ubicado na rúa Progreso, entre a estación de tren e a A-55.

O día de mañá estará cheo de actividades con motivo do Día Mundial da Prevención do Suicidio

0

O Concello de Baiona organizou varias actividades para mañá mércores 6 de setembro con motivo do Día Mundial da Prevención do Suicidio co obxectivo de contribuír a frear esta secuela e concienciar á sociedade baionesa.

A Concellería de Política Social en colaboración coa Concellería de Deportes e Turismo estiveron traballando nun proxecto transversal que tivo como resultado unha soa actividade na que se conxuga: exercicio físico; o coñecemento e a forma de actuar ante o problema; e a sociabilidade e o gozar do lecer de forma conxunta.

Así, a xornada comezará ás 10:00h cunha andaina polo Casco Lanuxe. O punto de partida será a porta do Concello e as persoas participantes irán acompañadas por un guía. Ás 11:00 horas, A Casa da Navegación acollerá un taller de prevención do suicidio baixo o título “Mitos sobre o Suicidio: Factores de Protección (habilidades sociais, autoestima…) recursos dispoñibles”.

“Debemos concienciar á cidadanía da importancia de combater esta secuela silenciosa. Todos podemos axudar se coñecemos mellor como actuar. Estamos nun momento social crítico, persoas de todas as idades con problemas de saúde mental ou enfermidades que finalmente están acompañadas de problemáticas deste tipo. Os servizos sociais están estigmatizados e as persoas que o utilizan e achéganse a estes servizos, fano como último recurso. Os obxectivos que se pretenden conseguir con este proxecto son: Traballar de forma transversal a problemática da saúde mental; Visibilizar os servizos sociais desde a prevención; e Mellorar a saúde mental mediante o exercicio físico, sociabilidade e o lecer. Sumado a isto, preténdese tamén achegar á cidadanía aos servizos mediante a explicación dos recursos que teñen á súa disposición”, destacou o Alcalde de Baiona, #Jesús Vázquez Almuíña.

O día 10 de setembro é o Día Mundial de Prevención do Suicidio e desde o Concello de Baiona quíxose aproveitar esta data para dar comezo a este proxecto que achega a saúde mental aos veciños e veciñas. Trátase da primeira acción deste proxecto que ao longo destes meses irá dando visibilidade a diferentes doenzas mentais.

Esta semana comezan os obradoiros “Depo en marcha”

Un total de 33 entidades de xubilados e pensionistas de 20 concellos da provincia comezan esta semana novas accións formativas do programa provincial “Depo en marcha”. A través desta iniciativa, a Deputación de Pontevedra promove a participación e a creación de espazos de encontro e intercambio de experiencias para fomentar a independencia das persoas maiores.

Os inicios da semana arrancaron o luns con oito novos obradoiros. Un total de 5 asociacións comezarán cursos de ximnasia de mantemento: a Asociación Muíños do Vento (de Catoira), a Asociación Cultural Beira do Río de Ponte Sampaio (de Pontevedra), o Centro Social Cultural e Recreativo da Terceira Idade de San Vicente de Trasmañó (de Redondela), a Agrupación Musical do Rosal e a Asociación de Veciños de San Roque (de Vigo). Tamén o luns, a Asociación de Mulleres Veciñais O Castelo de Pontevedra iniciará o curso ‘Conservando a memoria’. Ademais, a Asociación para a Protección dos Anciáns de Lalín e Comarca comezará un curso de terapia emocional e a Asociación Cultural Xida (O Rosal) un curso de pilates.

Este martes 5 de setembro será a quenda do comezo doutras seis accións. Tres colectivos iniciaranse nos talleres de ximnasia de mantemento: a Confraría de Pescadores San Martiño do Grove, a Asociación de Veciños San Miguel de Lamela (de Silleda) e a Asociación de Veciñas e Veciños da parroquia de Orazo (A Estrada). Outras dúas entidades comezarán accións de conservación da memoria, concretamente a Asociación Recreativa e Cultural de Guizán (Mos), e mais a Asociación de Veciños de Alxán (Soutomaior). Ademais, a Asociación de Mulleres Rurais Avelaíña (Vilagarcía) comezará un obradoiro de ioga.

O mércores 6 de setembro terán lugar outros seis inicios de obradoiros de “Depo en marcha”. Outros dous colectivos comezarán o obradoiro de conservación da memoria, a Asociación Veciñal Ponte de Mañufe (Gondomar) e a Asociación de Veciños Xuntanza do río Loira de Seixo (Marín). Ademais, as Mulleres Rurais Santa Lucía de Arco (Caldas de Reis) comezarán un obradoiro de bailes de salón, a Fundación Pazo de Mos un obradoiro de teatro, a Asociación Cultural Son de Xeve (Pontevedra) unha acción de pandeireta e canto popular e a Asociación de Veciños de San Miguel (Vilagarcía de Arousa) un obradoiro de musicoterapia.

O xoves 7 de setembro tres asociacións iniciaranse nas habilidades dixitais para o uso cotián: a Asociación Veciñal Socio-Cultural e Deportiva Santa Uxía de Mougás (Oia), a Asociación de Persoas con Discapacidade do Condado-Paradanta (con sede en Ponteareas) e mais a Asociación Veciñal San Pedro de Sárdoma ‘O Carballo’ (de Vigo). A Asociación Cultural e Social de Soutelo (Salceda de Caselas) comezará a súa formación en conservación da memoria, e outros dous colectivos, a Asociación de Veciños San Mamede de Torroso (Mos) e a Sociedade Cultural Deportiva San Martiño de Verducido (Pontevedra) cadansúa acción de bailes de salón. Finalmente, a Asociación de Mulleres Rurais de Caselas (Salceda de Caselas) comezará un obradoiro de plantas medicinais, a Unión Polideportiva Bolos da Carrasca de Nigrán comezará un curso de pilates e a Asociación Veciñal e Cultural de Cortegada (Silleda) un curso de pandeireta e canto popular.

Por último, o venres 8 de setembro dous colectivos comezarán obradoiros de bailes de salón, a Asociación Fibromiño (A Guarda) e Doa Saúde Mental (Vigo). A Asociación Juan XXIII (Pontevedra) iniciarase na musicoterapia e a Asociación Cultural Deportiva Cidadelle (Redondela) comeza unha acción de risoterapia.

Estas son algunhas das 130 accións que se ofertaron na actual edición de “Depo en Marcha”, que beneficia a arredor de 3.000 persoas ao longo de todo o ano. A Deputación destina preto de 146.000 euros ao programa e os obradoiros enmárcanse nos seguintes apartados temáticos: ‘Aprendendo da natureza’, ‘Móvete, activando corpo e mente’, ‘Enredando’, ‘Dálle marcha’ e ‘En rede’.

Últimos días para inscribirse no programa Aula de Acollida do Concello de Oia

0

O Concello de Oia lembra que nuns días rematará o prazo de inscrición do programa Aula de Acollida para o curso escolar 2023-24, o cal permanecerá aberto ata este venres 8 de setembro. As familias que queiran inscribir aos seus fillos neste servizo municipal, que busca garantir a conciliación da vida laboral e familiar, poden apuntarse na Casa do Concello.

O programa desenvólvese nunha das aulas do centro CEIP Mestre Manuel García. O servizo estará dispoñible desde as 7.30 horas ata o inicio das clases. Durante este tempo, os nenos asistentes desfrutarán de xogos, actividades de lecer, etc.

A folla de matriculación deberase presentar no Rexistro Xeral do Concello, achegando xunto a ela a seguinte documentación: resgardo de matrícula escolar, copia do libro de familia, copia dos DNI da nai e do pai, título de familia numerosa -de ser o caso-, e fotocopia da cartilla da seguridade social do menor.

O prezo do servizo é de 30 euros ao mes (con almorzo) e de 25 euros ao mes (sen almorzo), agás no caso de subscribirse ao programa máis dun irmán. Nestes supostos aplicarase unha bonificación do 20 % (no caso de ter dous usuarios do servizo na mesma unidade familiar) ou un 40 % (no caso de ter tres usuarios do servizo na mesma unidade familiar).

Ademais das persoas usuarias habituais, o Concello de Oia tamén pon a disposición das familias a posibilidade do uso do servizo por días soltos. Neste caso as tarifas son de 2,50 €/día (con almorzo) e 2,00 € (sen almorzo).

O campamento de Arbo pecha con gran éxito

0

O Concello de Arbo, a través da empresa SIF e con financiamento da , que se celebro durante os meses de xullo e agosto  nas instalacións do C.E.I.P. Antonio Carpinteiro. A actividade conto con máis de 95 rexistrados de diferentes idades entre os que ademas de veciños e veciñas de Arbo, tamén participaron  doutros municipios.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, lembra que esta acción “busca que os máis pequenos poidan gozar de diferentes xornadas durante o verán con outras persoas da súa idade, establecendo contacto directo coa natureza e fomentando, ademais, os hábitos de vida saudable, a través de xogos e actividades deportivas, así como o traballo en equipo”.

O campamento conta con actividades creativas, acuáticas, de multiaventura, deportivas, de sensibilización coa natureza, así como veladas nocturnas. Todas elas axústanse ao principio de socialización, potenciando actitudes de cooperación e solidariedade cos compañeiros, do mesmo xeito que a realización de actividades mixtas, buscando a igualdade efectiva entre os participantes. Unha actividade estival que cada ano ten máis demanda.

O campamento de verán de Arbo, é unha iniciativa dirixida especialmente aos máis pequenos, pero coa intención de fomentar a conciliación familiar nestes meses sen clases e na que os maiores continúan traballando, na que ademais os nenos e nenas non perden contacto cos seus compañeiros e compañeiras e gozan dun verán divertido.

O vindeiro campamento, terá lugar no mes de Nadal, e dende o Concello de Arbo, animamos aos maís cativos e cativas a seguir participando nesta actividade.

Agradecera a monitores polo traballo realizado durante os meses de xullo e agosto e que fixeron que os participantes disfrutasen do verán e aos pais e sobre todo aos nenos por escoller o campamento de verán para as súas vacacións.

A Xunta promove a educación ambiental co campamento ZeroWaste en Nigrán

0

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou os mozos que participan na última quenda do campamento de verán Zerowaste, que ten lugar estes días na Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán. Esta alternativa da campaña de verán está centrada na promoción da educación ambiental entre a mocidade.

Nesta última quenda participan 45 mozos de entre 13 e 16 anos que, ademais de actividades de coidado do medio ambiente, tamén practican deportes náuticos ecolóxicos. Os rapaces iniciaron o campamento o pasado sábado e permanecerán nestas instalacións ata o vindeiro día 7 de setembro.

A directora xeral lembrou que estes días teñen lugar as últimas quendas dos campamentos da campaña de verán da Xunta. Así mesmo, apuntou que este ano a oferta do Goberno galego volveu bater todos os récords, con 11.200 prazas repartidas por toda a Comunidade entre campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos e intercambios con outras comunidades, entre outras. Foron 400 máis que o ano pasado.

Confirmada a presenza do mosquito tigre en Redondela

0

A Xunta, a través da Rede Galega de Vixilancia de Enfermidades Transmisibles por Vectores (ReGaViVec) da que tamén forman parte as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela, confirmou a detección de mosquito tigre no concello de Redondela.

Grazas á difusión que Xunta e Concellos están a facer da colaboración cidadá para o control deste vector, foi a través da aplicación Mosquito Alert como se notificou a presenta do insecto para que entomólogos de ReGaViVec o identificasen como mosquito Aedes albopictus.

Polo tanto, o Concello de Redondela, ao igual que o de Cangas como estaba previsto,  sumarase aos de Moaña e Vigo como integrante do comité técnico do mosquito tigre na reunión que se desenvolverá por vía telemática este xoves.

De maneira preventiva, para reforzar o coñecemento sobre o control do mosquito tigre por parte dos técnicos dos concellos implicados, a Escola Galega de Saúde Pública da Consellería de Sanidade organizou a pasada semana unha formación específica na Xefatura Territorial de Sanidade de Pontevedra, á que xa asistira o Concello de Redondela.

Desde a Consellería de Sanidade agradécese a participación veciñal seguindo os consellos para evitar a proliferación deste insecto, que é vector de enfermidades como os virus do dengue, chikungunya ou Zika, aínda que os exemplares localizados non eran portadores. Por iso, lémbranse pautas sinxelas como eliminar puntos de auga estancada en bebedeiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións co seu simple baleirado ou coa renovación da auga cada 4-5 días.

As Festas do Cristo do Porriño xa teñen pregoeiro

As Festas do Cristo regresan este ano ao Porriño con máis dun cento de actividades para todos os públicos e gustos.  Propostas deportivas, espectáculos, animación de rúa, monólogos, verbenas, concertos e moitas sorpresas conforman a programación que xa deu comezo esta fin de semana e que se prolongará ata o domingo 1 de outubro coa tradicional cita gastronómica dos callos, que este ano chega á súa trixésimo edición.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura e Festexos, Bienvenido Estévez, presentaron o cartel das festas acompañados por unha representación da hostalería porriñesa e polos pregoeiros deste ano: o elenco de Teatro Fontevella.

“As nosas festas son unha seña de identidade, cultura e tradición e ninguén mellor que os actores e actrices de Fontevella para representar estes valores”, apuntou o alcalde, “Para O Porriño será unha verdadeira honra velos no balcón da Concello dando o pistoletazo de saída aos nosos días grandes”.

O rexedor quixo facer unha mención especial a Amparo Tellado, que a piques de cumprir os 94 anos será a encargada de dirixir o pregón. “Amparo é a actriz galega de maior idade e ten un talento que non deixa a ninguén indiferente”, engadiu Lorenzo, “Estou seguro que co seu pregón nos cautivará a todos como o fai cada vez que se sube ao escenario”.

Xunto a Amparo, estarán os seus compañeiros e compañeiras da compañía: Adriano, Balbina, Susana, José, Enrique, Daniel, Lola, Valentina, Andrés e Chelo Pampillón, a directora do grupo.

“É para nós unha honra ser os pregoeiros das Festas do Cristo”, manifestou Pampillón, “A ver se o balcón do Concello aguanta, porque ese día ten que soster os máis de 500 anos que sumamos de recordos, historia e moitas Festas do Cristo vividas”.

Cabe destacar que o pregón, á vez que recoñece a traxectoria deste grupo, será tamén unha celebración do aniversario xa que foi nas Festas do Cristo, hai xa 28 anos, cando subiron por primeira vez a un escenario con Castelao e a obra “Os vellos non deben namorarse”.

30 días de festexando O Porriño

A programación arrancou xa na Vila do Louro e estenderase durante todo o mes de setembro. Como cada ano, a música e o deporte terán un papel protagonista, ao igual que as actividades infantís.

Panorama , El Combo Dominicano, Grupo América, Girls Gang, Os CoriBantes e moitos máis poñerán a banda sonora a estas festas, sen esquecernos do Louro Valley Festival, cuxo cartel será presentado nos vindeiros días, o Negrita Music Festival, que traerá ao Porriño a Melendi, Rels B e Cali & el Dandee, entre outros, e o Montando Cristo Festival, que reunirá a Buxa, Hard Trip Castro e Los Escoltas/ The Brooke.

Regresa tamén outro dos clásicos, o certame musical Tes Talento, e tamén o fai a Batalla de Galos. O deporte, da man dos clubs deportivos do municipio, xogará de novo un papel fundamental nestas festas.

O broche final, como cada ano, o poñerá a Festa dos Callos que chega xa á súa 30 edición e o fará por todo o alto.

 “Agardo que estas Festas do Cristo sexan do agrado dos vecinos e veciñas e de todas aquelas persoas que queiran visitarnos”, concluíu o rexedor que quixo trasladar o seu “agradecemento á hostalería e comercio local, asociacións e clubs deportivos do Porriño que nos axudan a dar forma a estes días para todos podamos disfrútalos xuntos e seguir facendo do noso pobo un lugar de referencia”.

Obradoiro de saúde sexual en Salvaterra

O Concello de Salvaterra de Miño promove un novo obradoiro co fin de facilitar información aos participantes sobre a saúde sexual.

O xoves 7 de setembro ás 10:00 horas na Biblioteca Municipal de Salvaterra de Miño terá lugar o seguinte obradoiro do programa de igualdade “Xuntas” baixo o título “A saúde sexual e reprodutiva das mulleres”.

As mulleres interesadas poden dirixirse ao teléfono 685 211 882.

Comezan as obras de humanización na fortaleza de Salvaterra de Miño

Hoxe luns 4 de setembro dan comezo as obras de humanización da Fortaleza de Salvaterra de Miño dentro dun proxecto de cooperación entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de Salvaterra de Miño.

Serán máis de 600.000 euros para executar as obras que se inclúen dentro do proxecto de rehabilitación da Fortaleza no que se acondicionará o ámbito das rúas mediante a pavimentación de lousas de pedra, a canalización subterránea das infraestruturas e o alumeado público. Ademais levarase a cabo no entorno da Praza da Oliva a substitución do actual asfalto por un pavimento de terra.

Con todas estas actuacións preténdese mellorar a calidade ambiental do recinto, revitalizando o seu uso residencial, e plantaranse 3 olivos que seguirán a antiga trama das edificacións preexistentes e mellorarase un entorno que a día de hoxe é un dos atractivos turísticos de Salvaterra de Miño.

O Concello de Mos abre o prazo de inscrición no programa municipal para maiores Exercítate

0

Aberto o prazo de inscrición no programa Exercítate que comezará durante este mes cos seguintes horarios: as clases de natación lévanse a cabo os martes e xoves de 10.45 a 11.30 h e os mércores e venres de 11.00 a 11.45 h. Doutra banda, as clases de ximnasia demantemento realízanse os mércores e venres e os martes e xoves; en ambos os casos en horario de 10.45 a 11.45 h. Os usuarios poden elixir os horarios de tal forma que poderán gozar de catro dias á semana de exercicio físico; dous días de natación e dous días de ximnasia.

O proxecto “Exercítate” está dirixido a mosenses da terceira idade cuxa finalidade é mellorar a calidade de vida das persoas maiores, potenciando tanto a súa saúde física como a mental, mediante actividades lúdico-deportivas. O programa municipal “Exercítate” está dirixido ás persoas empadroadas no Concello de Mos maiores de 65 anos, ou pensionistas maiores de 55 anos.

As inscricións poderán realizarse a partir de hoxe na Piscina Municipal ou preferentemente no teléfono 986 33 40 70. As admisións serán por rigorosa orde de inscrición valorando sempre que todos os usuarios poidan participar nalgunha actividade. O proxecto  “Exercítate” está dirixido á xente da terceira idade do Concello de Mos e a súa finalidade é mellorar a calidade de vida das persoas maiores, e potenciar tanto a saúde física coma a mental mediante actividades lúdico-deportivas.

Sobre este programa a Concelleira de Política Social, Sara Cebreiro; declarou hoxe que “os nosos maiores teñen moitas ganas de comezar xa que a actividade física é moi beneficiosa para a súa saúde, sobre todo practicándoa con regularidade”.  Con este programa o Concello persegue conseguir o mantemento da independencia funcional dos beneficiarios/as necesaria para o desenvolvemento das actividades de vida diaria básicas. Axuda tamén a previr enfermidades crónico-dexenerativas e a aparición dunha serie de limitacións que aínda que non constitúan secuelas dunha enfermidade impiden ou limitan a realización de moitas actividades. Do mesmo modo a actividade mental aporta incontables beneficios para a terceira idade, fomenta o envellecemento activo, retrasa a situación de dependencia e mellora a autoestima. 

Con todo isto, o proxecto “Exercítate” proporciona ás persoas maiores uns efectos beneficiosos, tanto preventivos que axudan a previr o envellecemento do cerebro e con el as enfermidades que teñen que ver coa perda da memoria (demencia, Alzheimer, etc.), como de mantemento, rehabilitadores, psicolóxicos, en canto desenvolve un espírito de superación importante que inflúe en todos os ámbitos de vida cotiás, á vez que axuda a combater o estrés, a ansiedade e a depresión e distrae e evade das preocupacións; e sociais, posto que favorece o traballo en equipo e desenvolve o espírito de compañeirismo. O obxectivo xeral deste programa é mellorar a calidade de vida das persoas maiores do Concello de Mos, así como aumentar a súa independencia funcional e autoestima. Utilizando unha metodoloxía activa e moi participativa, baseada na dinámica de traballo grupal, buscando as vantaxes que pode ofrecer un grupo tales coma favorecer as relacións sociais, facer as  actividades máis amenas, etc.

Éxito do Campionato de España Xuvenil e Cadete de Bolo Celta en Nigrán

0

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, participou este domingo na entrega de premios do Campionato de España Xuvenil e Cadete de Bolo Celta, celebrado no concello de Nigrán.

Na súa intervención, Fernández-Tapias destacou a elevada participación de mozos na proba, coa presencia de preto de 40 deportistas de distintas comunidades autónomas, e enxalzou o compromiso dos participante “cunha tradición tan antiga como é o bolo celta”.

A vicepresidenta incidiu no firme apoio da institución provincial ao deporte, con especial atención á súa promoción desde a base: “estaremos sempre ao voso lado, apoiándovos e animándovos a perseguir os vosos soños”.​

Preto de 1.300 persoas participan esta semana no programa “En ruta coa Depo”

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana 24 saídas no marco do programa provincial “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos da Estrada, Redondela, Cerdedo-Cotobade, Nigrán, Marín, Mos, O Grove, Salceda de Caselas, Vigo, Lalín, Vilaboa, Ponte Caldelas, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e da Guarda mobilizarán un total de 1.279 persoas (ata 54 por entidade) para coñecer emblemas da provincia como a ría de Arousa, as illas de Ons e Cíes, o monte Aloia en Tui, o conxunto histórico de Cambados ou a Casa da Navegación de Baiona, entre outros.

O martes 5 de setembro a Asociación Coral Rosalía de Castro de Vilagarcía de Arousa fará un percorrido polo castro de Santa Trega, na Guarda, o conxunto histórico de Tui, o Monte Aloia e o Alto dos Cubos, mentres que as Escravas da Virxe Dolorosa de Mos farán o mércores 6 de setembro a ruta da cultura mariñeira polo Mosteiro de Poio, a Illa de Tambo e Combarro.

A Asociación de Veciños de Alvedosa, de Redondela, sairá o xoves 7 de setembro cara a Cambados para facer a ruta que inclúe a visita ao seu conxunto histórico, ao Museo Etnográfico e do Viño, ás ruínas de Santa Mariña Dozo, o Pazo de Fefiñáns e o Museo do Muíño de Mareas da Seca.

O venres 8 de setembro a Asociación de Mulleres Rurais Adro Vello do Grove percorrerá o conxunto histórico de Baiona, a Casa da Navegación e os paseos de Monte Boi e marítimo, e a Asociación de Mulleres Lúa de Bembrive (Vigo) visitará a Illa da Toxa e o Museo Salgadeiras de Moreiras no Grove.

O sábado 9 de setembro 11 entidades da provincia sairán con “En Ruta coa Depo”. A Asociación para o Crecemento e Orientación en Familia da Estrada e a Asociación de Veciños La Camoesa da Parroquia de Camos, de Nigrán, sairán cara a Ons e o barrio de Portonovo (Sanxenxo). A Asociación de Enfermos de Artrite de Redondela e a Asociación de Mulleres O Abeiro de Marín visitarán a Illa de Tambo, Combarro e o mosteiro de Poio. Cara ás Illas Cíes e ao barrio do Berbés dirixiranse tres entidades: a Asociación de Veciños e Amigos Santiago de Caroi de Cerdedo-Cotobade, Medrar 2.0 de Lalín e a Asociación Cultural Cobres de Vilaboa. A Asociación de Veciñas e Veciños da parroquia de Orazo (A Estrada) fará un percorrido polo santuario de Santa María da Franqueira da Cañiza, o Centro de Interpretación da Cera de Covelo e o Museo do Viño de Salvaterra de Miño. Por último, a Asociación de Veciños San Tomé de Parderrubias de Salceda de Caselas e a Asociación de Veciños de San Pedro de Matamá A Unión de Vigo farán a ruta mariñeira pola ría de Arousa.

O domingo 10 de setembro participarán no programa da Deputación outras dez entidades. O Círculo Artístico Deportivo Gato Negro de Vilagarcía de Arousa, a ANPA Os Valados do CEIP Vilaverde de Pontevedra e a Sociedade Os Amigos de Camposancos da Guarda visitarán a Illa de Ons e Portonovo. O percorrido pola ría de Arousa, a Illa de Toxa e o Museo Salgadeiras de Moreiras do Grove farano a Asociación da 3ª Idade Quiñones de León de Vigo e a Asociación Cultural e Artística Os Contentos de Ponte Caldelas, mentres que a Asociación de Veciños Santo Paio de San Pedro de Campañó (Pontevedra) e a Asociación Cultural Xeada (Vilagarcía de Arousa) visitarán as Illas Cíes e o barrio do Berbés de Vigo. Finalmente, a Agrupación Cultural Xunco (Salceda de Caselas) e a Asociación de Mulleres de Vilaboa visitarán o Mosteiro de Poio, a Illa de Tambo e Combarro.

A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100% co obxectivo de achegar o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

Igualdade, natureza e moita diversión nos campamentos de verán do Rosal

0

Éxito rotundo dos campamentos de verán no Rosal, que durante a tempada estival brindaron a máis de 200 nenos unha experiencia enriquecedora e de lecer na que se promoveu o contacto coa natureza, a autonomía persoal ou a igualdade dun xeito ameno e divertido.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destaca que durante os meses de xullo e agosto grazas aos campamentos de Concello, Agrupación Musical do Rosal, UD Ribera e Valinox Novás “a rapazada puido gozar dunha alternativa de lecer lúdica e educativa durante as súas vacacións estivais ao tempo que se favorecía a conciliación familiar e laboral de rosaleiros e rosaleiras, tan importante nestas datas”.

A rexedora salienta a grande acollida das actividades organizadas, entre as que destacou a participación de nenos e nenas de varios dos campamentos no proxecto ‘Mulleres que inspiran’, un programa posto en marcha polo Concello para continuar revolucionando metes, promocionar a igualdade real e previr a violencia de xénero a través de referentes femininos en todos os eidos. Deste xeito, a rapazada participou en xornadas de convivencia nas que participaron dúas mulleres deportistas de disciplinas historicamente masculinas e dúas xornalistas deportivas que deron visibilidade ao deporte practicado por mulleres, desmitificando a supremacía do deporte masculino, relatando as súas experiencias persoais e animando ás nenas e nenos dos campamentos a realizar diferentes deportes de forma profesional.

Aos 40 cativos e cativas que participaron no campamento municipal sumáronse os 90 nenos e nenas de 5 a 16 anos do VI Campus de Fútbol da UD Ribera, un campus recoñecido a nivel comarcal e un reclamo para rapazada e familias. A forma de traballar abarcando diferentes rexistros como técnica, competición, finalización e deportes alternativos son un gran xeito para que nenos e nenas aprendan tanto a nivel deportivo como humano. As e os participantes recibiron as visitas de profesionais como Yago Gandoy, ex xogador do Deportivo da Coruña, ou Carol González, campioa do mundo de fútbol praia. Todo un éxito que se amosa no crecemento do campus durante os últimos anos, cunhas cifras de participación que crecen cada ano.

Pola súa banda, os 50 rapaces e rapazas que participaron no campamento do Valinox Novás puideron desfrutar dunha acampada con velada nocturna como peche do campus, no que a cativada pasouno de marabilla con xogos tradicionais, bailes, visitas sorpresa e risas a esgalla. Foi o fin de festa a un campus multideporte con actividades moi variadas como xincanas, voleibol praia, ciclismo, caiac, atletismo… coas que pasar as vacacións de verán de forma divertida e dinámica.

Lecer e diversión tamén para os 25 nenos e nenas que participaron no campamento da Agrupación Musical do Rosal, que fixo entre outras moitas actividades unha busca do tesouro por todo o centro urbano con pistas e retos para resolver, incluso dentro da Casa Consistorial.

En definitiva, foron dous meses de xogos e saídas didácticas con actividades coas que espertar a curiosidade de nenos e nenas e desfrutar dun verán activo. A alcaldesa sinala a relevancia destas actividades para facilitar a conciliación familiar e laboral de rosaleiros e rosaleiras. “Estes campamentos de verán non son só un espazo para aprendizaxe e a diversión, senón que tamén desempeñan un papel fundamental na conciliación”, resalta Ánxela Fernández Callís.

A oficina rural móbil visita o concello de Arbo

0

O vindeiro 6 de setembro a oficina rural móbil visitará o Concello de Arbo. O camión estará situado na Rúa Luis Cubelas, ao carón da oficina de correos e o horario de atención ao publico é 10:00 horas a 13:00 horas.

As funcións que realizarán son as seguintes:

  1. SERVIZOS ADMINISTRATIVOS: Información xeral. Rexistro de documentación. Alta e baixas de animais.
  2. SERVIZOS VETERINARIOS: Xestión de guías sanitarias. Información sobre autorización e rexistro de explotacións gandeiras.
  3. SERVIZOS: AGRARIOS: Información de axudas e trámites de rexistros.. Información e trámites de viñedo. Aconsellamento de explotacións.

Esta actuación enmárcase no impulso da Xunta para a mellora das oficinas agrarias, nun traballo que afecta á mellora organizativa, xestión do persoal e mellora das propias infraestruturas.

Para os veciños de Arbo, este servizo permite non ter que desprazarse a oficina comarcal para realizar os trámites agrarios.

A obra “Unha cuestión de vida ou morte” chega a Salvaterra

A Casa da Cultura de Salvaterra de Miño acolle, esta semana, a estrea da obra de teatro “Unha cuestión de vida ou morte. Unha comedia de ultratumba”. O grupo de teatro Dramiño, que está formado por 14 mulleres e homes de Salvaterra de Miño e Ponteareas, porá en escea a obra o venres 8 de setembro ás 21:30 horas.

Ángel Vidal de Salvaterra de Miño é o autor da obra que dirixe con outros membros da compañía Dramiño e da que achegan a seguinte sinopsis: “Ás veces un accidente pode levarte a traspasar a fronteira entre a vida e a morte. Pero é mellor tomalo cun pouco de humor. Un asasinato, unha investigación policial e uns seres doutro mundo. Estás convidado ao purgatorio!”.

Iniciadas as obras de acondicionamento da nova aula de estudo do Porriño

O Concello de Porriño abrirá no mes de outubro a nova aula de estudo, na rúa Antonio Palacios. Os traballos de acondicionamento deste baixo, de 207,65 metros cadrados, próximo á casa consistorial, en pleno casco urbano, deron comezo a pasada semana e prevense que estean finalizados no prazo dun mes, así o confirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo, nunha visita na que comprobou o estado da obra.

O orzamento destinado a esta actuación é de 139.830 euros. O local está actualmente lóbrego, polo que a empresa concesionaria ten que realizar unha serie de obras de adaptación que consistirán na formación das divisións do local interior para dispoñer dunha zona de local multiusos e dous aseos, con todo o que elo supón: pavimentos, albanelaría, carpintería, illamento, pintura…. Ademais deberán executar traballos na  fachada, así como as instalacións de fontanería, saneamento, ventilación, climatización e electricidade.

O alcalde explica que “unha vez aberta a aula, instalarase un sistema de acceso libre e gratuíto, controlado mediante tarxeta con porta automatizada. Estará aberta ao público todos os días da semana, en horario de mañá e tarde, e con reforzo en época de exames”.

Recuperación das instalacións da Escola de Música

A actuación beneficiará tamén á Escola Municipal de Música, que volverá ás que foron sempre as súas instalación no centro cívico, na Avenida Domingo Bueno.

Fai tres anos que, por decisión do anterior goberno, todo o alumnado da escola reubicouse en aulas do multiusos de Torneiros, “o lugar menos apropiado para impartir ensinanzas con prácticas musicais, pois o edificio está destinado a accións formativas e de emprego, e o son dos diferentes instrumentos non é compatible coa actividade que alí se realiza, sendo unha molestia para o desenvolvemento dos cursos que se realizan”, explica Lorenzo. Ademais, “estiveron soportando humidades e filtracións de auga sen dar solución algunha ata a chegada do actual goberno, que tramitou con urxencia a súa reparación, que foi efectiva este ano 2023, ao mesmo tempo que se realizarán máis homologacións de aulas para ser destinadas a diversos cursos formativos e viveiro de empresa”.

Dada a situación, “consideramos unha prioridade sacar a Escola de Música do multiusos de Torneiros e que volvera a onde sempre estivo, no centro cívico de Porriño, sacando así o máximo partido a ambas instalacións”.

Consecuentemente, a aula de estudio localizada no centro cívico debía trasladarse a outro lugar, de aí a idea de habilitar este novo espazo. “Un servizo que mantemos e melloramos, trasladándoo agora a este novo local, con dobre acceso, un dende o número 8 da rúa Antonio Palacios e outro dende a zona axardinada traseira, que pasará a formar parte do gran parque e zona verde que unirá as rúas Pío XII e Antonio Palacios”, sinala o alcalde.

Tomiño homenaxea a Pepe Coruto, un sabio do río Miño

0

A de José Álvarez Gayoso, Pepe Coruto, é unha vida unida de cheo ao río. Home sabio onde os haxa, inventou, innovou e empregou todo canto sabía no momento xusto para aproveitar os recursos do Miño. Por iso, o Concello homenaxeará este ano nas súas Festas do Alivio a este tomiñés que transformou a pesca da angula e fundou a Asociación de Pescadores do Río Miño.

De pequeno Pepe Coruto sempre andaba no campo e non foi ata os 14 anos cando se meteu no río e uniu o seu devir ao do río Miño, que flúe sen descanso como fío condutor da súa historia e da identidade de Tomiño. Chegou nunha época na que o río estaba cheo de peixe e de xente, que pescaba día e noite con diferentes técnicas para gañar o pan durante todo o ano.

Pronto se fixo destacar polo seu traballo e as súas ideas, como a teima de construír un barco. E alí, no primeiro andar da casa que fora dos seus avós e noutro tempo de curas, nace ‘Atlántico’, un barco de dúas puntas que podía traballar tamén cando había temporal sen que lle entrara a auga.

Foi entre marea e marea como, case sen querelo, converteuse no gran transformador da pesca da angula. Daquela o meixón non estaba cotizado, só se apañaba con peneira por terra e ata llo botaban ás galiñas… ata que os vascos comezaron a compralo e montaron o primeiro viveiro no Torrón. Estando un día alí á angula, Pepe Coruto deuse conta de que o meixón ía coa marea e que o facía polo medio do río e ideou unha rede con dúas áncoras de xeito que o meixón non tiña por onde escapar. Foi así como transformou a pesca da angula.

Durante uns anos só a tiña el. Pero comezou a actividade dos areeiros e a escangallarse os portos de pesca, con buracos nos que se enrocaban as redes e chupóns que extraían todo o que estaba nas tornas, incluída a cría da lamprea. Nese momento Pepe Coruto comezou a súa andaina coa Asociación de Pescadores do Río Miño, da que foi fundador e o seu primeiro presidente e que chegou a ter ata 250 socios.

Por todo isto, por todo dado ao río, ao crecemento e ao desenvolvemento do futuro de Tomiño, o Concello renderalle a Pepe Coruto unha sentida homenaxe no Acto Cívico este sábado 9 de setembro. O acto, ás 21.00 horas na Praza do Seixo, estará amenizado pola Agrupación Musical de Goián.

Baiona laurea aos vencedores do Trofeo Príncipe de Asturias

0

O Trofeo Príncipe de Asturias xa ten novos vencedores. Nunha xornada en grao sumo complicada por mor da ausencia e inestabilidade do vento, a cita que organizan o Monte Real Club de Iates e a Escola Naval Militar co patrocinio de ABANCA pechouse este domingo coroando aos vencedores do seu trixésimo oitava edición.

As condicións foron, sen dúbida, as grandes protagonistas da xornada. Na área das illas Cíes, na que competían as clases ORC 1-2, 3-4 e os J80, e cun vento de compoñente sueste sen apenas presión, o Comité de Regatas izou a bandeira de aprazamento ás doce do mediodía, hora na que estaba previsto que comezasen as últimas probas. Co paso das horas as cousas non melloraron e finalmente ás tres e media da tarde deuse por finalizada a terceira e última xornada de competición. Máis sorte tiveron os participantes de Open, ORC 5 e os Fígaro da Gestilar Ladies Cup, que si puideron sumar os últimos parciais na súa marcadora.

[su_image_carousel source=”media: 76310,76309,76308,76311″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

O Syone Panther vence na clase ABANCA ORC 1-2

Vitoria para o portugués Syone Panther de Nuno Neves na clase ABANCA ORC 1-2. Na súa primeira participación no Trofeo Príncipe de Asturias, o barco da Asociación Naval de Lisboa logrou proclamarse vencedor tanto na súa categoría como na xeral absoluta de ORC grazas a unha gran actuación no campo de regatas, que lle concedeu unha vantaxe dun punto sobre o segundo clasificado, o Aceites Abril dos irmáns Luís e Jorge Pérez Canle do Real Club Náutico de Vigo.

Leste envorco na clasificación final (o Syone Panther subiu á primeira posición facendo caer ao os de Pérez Canle á segunda) a pesar de non celebrarse ningunha proba este domingo, veu motivado por mor dunha solicitude presentada pola tripulación lusa para a revisión dos resultados por tramos da última regata do campionato, proba que foi finalmente anulada e cuxa resolución beneficiou ao equipo de Neves.

Ademais da segunda posición desta clase, o Aceites Abril levou a Copa de España Zona Norte para ORC 1-2, que se puxo en xogo na competición baionesa.

O Urbapaz proclamouse vencedor na clase Aceites Abril ORC 3-4

Na clasificación da clase Aceites Abril ORC 3-4 a vitoria quedou en mans do Urbapaz de Francisco Edreira do Club Náutico Cabanas, que revalidou así o triunfo obtido en 2022, cun punto de vantaxe sobre o segundo clasificado, o Sailway de Ramón Follea do Club Marítimo de Canido. Por detrás, a revisión de resultados que dera o terceiro posto ao Adegas Terrae de Vicente Cid, favoreceu ao equipo do Club Marítimo Carrumeiro Raygrass III de José Antonio Núñez, que se subiu finalmente ao terceiro caixón do podio.

Segunda regata costeira para Open e ORC 5

As tres categorías que contaban cunha costeira no seu programa para este domingo – as clases Gadis ORC 5, Volvo Autesa Open 1 e SH Robotic Open 2- disputáronse un percorrido de sete millas.

En Gadis ORC 5 non houbo sorpresas e o Cinco Illas Albariño do Club Náutico de Beluso que patronea Iñaki Carbajo volveu gañar con total autoridade, proclamándose vencedor do Príncipe de Asturias por diante do Boeiro de Jaime García (RCN Vigo) e do Aquilón de Roberto Telle (MRCYB), segundo e terceiro respectivamente.

En Volvo Autesa Open 1, a vitoria final adxudicoulla o Salseiro de Manuel Blanco (RCN Coruña). Seguíronlle na xeral o Edge de José Alejandro Martínez (RCN Rodeira) no segundo

posto e terceiro foi o Five de Joao Tourigo (Club We Do Sailing).Non houbo cambios no máis alto da xeral de SH Robotic Open 2 e o Argalleiro de Fernando Otero (RCM Aguete) acabou á fronte da clasificación final por diante do Albarellos de Fernando Rey (MRCYB) e do Villa de Marín de Alberto González-Cela (CNR Marín), segundo e terceiro respectivamente.

Nesta categoría tamén competiu, como cada ano grazas ao apoio da Consellería de Política Social da Xunta, o barco da escola de vela adaptada do Monte Real cos alumnos do Centro Juan María de Nigrán, o Bellatrix.

Vitoria para o canario Hotel Princesa Yaiza en Solventis J80

Máis que apertado estivo esta trixésimo oitava edición do Príncipe na clase Solventis J80 cos tres primeiros equipos separados por un só punto. Coa última xornada en branco, o Hotel Princesa Yaiza de Rayco Tabarés do Real Club Náutico de Arrecife converteuse este domingo no novo campión da cita baionesa. Un resultado que lle reafirma como un dos grandes favoritos de fronte ao Mundial que se celebrará no mesmo campo de regatas en só dúas semanas. A segunda posición foi finalmente para o Solintal de Ignacio Camiño do Real Club Marítimo de Santander e terceiro o coruñés Kotablue Fibra Coruña 14/18 de Miguel Fernández (RCN Coruña).

O Tutatis de Marta Ramada gaña a Gestilar Ladies Cup

A frota de Fígaros que se xogaba a vixésimo sétima edición da Gestilar Ladies Cup tamén puido competir no campo de regatas da baía de Baiona cun vento suave de compoñente este que permitiu ao comité de regatas dar o bocinazo para as dúas últimas probas do Trofeo Príncipe de Asturias.

O Tutatis de Marta Ramada, que navega baixo a grímpola do Monte Real, levou o gato á auga e adxudicouse dous primeiros postos este domingo, convertendo así ao equipo no vencedor da prestixiosa cita feminina. Fixérono, ademais, con cinco puntos de vantaxe sobre as segundas clasificadas, as regatistas do Erizana do Real Club Náutico Porto de Pollensa. Terceiro foi o Serralleiras de Carlota Hernández (MRCYB).

A entrega de trofeos, broche final

Unha vez finalizada a competición, a entrega de trofeos puxo o broche final á cita. Ademais de repartir os galardóns aos vencedores do Trofeo Príncipe de Asturias e a Gestilar Ladies Cup, durante o acto fíxose entrega do premio Conde de Barcelona Don Juan de Borbón á mellor tripulación portuguesa da regata, que recaeu no Syone Panther, e a mención especial aos alumnos da escola de vela adaptada do Centro Juan María de Nigrán.

A entrega de premios estivo presidida polo presidente do Monte Real Club de Iates de Baiona, José Luis Álvarez; o director comercial de ABANCA, Gabriel González Eiroa; e o comandante director da Escola Naval Militar, Pedro Cardona; e o director xeral de Terras Gauda, Enrique Costas.

En representación das administracións local, provincial e autonómica asistiron o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña; a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias e o secretario xeral para ou Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa.

Tamén tiveron especial presenza no evento, entregando trofeos, algúns dos patrocinadores da competición, como o presidente de Gestilar, Javier García Valcarcel; o presidente de Solventis, Alberto Mouro; o xeneral manager de SH Robotic, Javier Sumay; e o director comercial de Volvo Autesa, Joaquín Martínez.

O 38º Trofeo Príncipe de Asturias celebrouse baixo a organización do Monte Real Club de Iates e a Escola Naval Militar e grazas ao patrocinio de ABANCA, Terras Gauda e Gestilar. A competición conta, ademais, coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o concello de Baiona; as Reais Federacións Española e Galega de Vela; e o apoio de empresas como Solventis, Volvo Autesa, Aceites Abril, Zelnova Zeltia, Paradores, Vanguard Marine, Gadis, Foxy, SH Robotic, Onda Cero, Musto, o grupo Solitium, OLA, Tuypan, Coca Cola e Martin Miller’s Gin.

Continúa aberto o prazo de matrícula da Escola da Banda de Música Popular de Tui

0

A Escola informa que ata finais de setembro o alumnado interesado en facer a matrícula para o curso 23/24 podrá facelo na páxina web ou a través do número de teléfono 886 29 28 51.

Os nenos de 3 a 6 anos podrán matricularse na materia de iniciación musical e música e movemento. Estas disciplinas son ideais para os máis pequenos xa que aprenden de forma dinámica e lúdica os coñecementos musicais, así como traballar a psicomotricidad.

A partir dos 7 anos, son moitos os instrumentos que podrán escoller, entre os que se encontran: frauta travesera, oboe, clarinete, saxofón, fagot, trompa, trombón, trompeta, tuba, percusión… Ademais, este curso se ofertará batucada e banda xuvenil.

Para mais información poden porse en contacto a través do teléfono 886 29 28 51 ou no corrreo [email protected].

Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector. «Hotel Carioca», a súa última achega literaria, avalada polo Premio Álvaro Cunqueiro, é unha narración extensa e compacta que agocha múltiples lecturas, mesmo outras novelas no seu interior, e ata un enredo metaliterario sobre o que se sustenta boa parte da trama. A editorial defínea como unha «novela múltiple» e como unha «matrioska», e non lle falta razón. Mais convén explicar un pouco todo isto.

A protagonista principal é Helena, unha nena de 13 anos que os domingos lelle á súa avoa as cartas de Leandro, un tío emigrado a Brasil. Mais cando chega a nova do seu pasamento nun accidente de tráfico, o resto da familia confabúlase para que a avoa Leonor non padeza a dor da perda do fillo e encárgalle a Helena, rapaza espelida e imaxinativa, que o manteña vivo inventando as misivas que Leandro deberá seguir enviando á casa. A partir desta encomenda, a nena comeza a desenvolver unha capacidade fabuladora que a converterá, co paso dos anos, nunha escritora de éxito. Ao tempo que Helena avanza na descuberta da súa propia sexualidade, comeza a imaxinar o periplo do seu tío polo Brasil condicionada por todo o que está a acontecer no seu corpo e mais no seu entorno, ata darlle forma á súa novela máis exitosa, un relato de ficción baseado na súa propia familia e na partida e andainas do seu tío.

De maneira sorpresiva, andando o tempo, chega a posibilidade de contrastar algúns dos datos imaxinados por Helena cunha realidade que resulta ser bastante diferente do narrado. Desta maneira, a novela convértese nunha especie de saga familiar na que agroman algúns dos segredos máis agochados de toda a estirpe, desvelando acontecementos pasados que algúns preferirían esquecer.

Xogando cos tempos (a historia abarca dende os primeiros anos 80 ata a actualidade), e tamén cos espazos (Galicia e Brasil), a evolución desta familia é a excusa perfecta para que Riveiro Coello desenvolva un enredo no que realidade e ficción se mesturan de maneira clara, argallando así ese xogo metaliterario que apuntabamos ao principio.

Boa parte do amplo grupo de personaxes que forman parte da trama principal e das súas subtramas e arredores, posúen unha fonda carga emocional coa que o lector empatizará sen maiores problemas. Se a isto lle sumamos unha linguaxe aparentemente sinxela e directa, pero que podemos intuir moi traballada polo autor, atreveríame a asegurar que estamos diante dunha das obras máis relevantes da xa dilatada traxectoria de Coello. A pesar da súa extensión, a lectura faise cómoda e pracenteira dese xeito que só os escritores con moito oficio ás costas saber facer, arrastrando ao lector ao fondo do relato e da psique dos seus protagonistas.

Antón Riveiro Coello

«Hotel Carioca»

596 páxinas

O Season Fest elimina o pago por cashless e as zonas VIP para unha mellor experiencia do público

0

A organización do Season Fest, que se celebrará en Gondomar do 21 ao 24 de setembro, decidiu realizar diversos cambios de concepto “para mellorar a experiencia do público” e volver a esencia da primeira edición.

O director do festival, Isaac González, comenta que “despois de 5 anos en contacto permanente cos usuarios para escoitar as súas demandas decidimos darlle un xiro a todo pensando en facilitarlle a vida”. A primeira decisión é a de eliminar o pago por cashless. “Este método de pago é cómodo para o propio festival e mellora os seus ingresos, pero é falso que sexa mellor para o usuario”, recoñece Isaac. “este ano, no Season Fest vés cos teus cartos, pagas cos teus cartos e vaste cos teus cartos, sen facer colas nin cubrir formularios de devolución”, sinala.

O Season Fest é un festival “pequeno e bonito que non quere complicarlle a vida a ninguén e no que todo o mundo é importante”. De aí que outras decisións tomadas sexa a da eliminación das zonas VIP. “Na primeira edición non tiñamos zona VIP e o ambiente foi máis cercano e acolledor. Queriamos volver a esencia de hai 5 anos. No Season todo o mundo é VIP”, comenta.

Ademais, o director do festival, di que, canda ao director artístico Pablo Novoa, “pechamos unha selección de músicos que pretende xerar un ambiente especial que desemboque nunha serie de vivencias que os usuarios non poidan vivir noutro sitio. Para iso coidamos moito a nosa programación, a súa estrutura e a súa execución”.

Entradas e abonos á venda

O público que queira asistir ao Barbeira Season Fest pode mercar xa o abono na súa web. Ademais, todas as persoas usuarias do Carné Xove poderán mercar as entradas ao Season Fest cun 15 % de desconto.

O festival contará unha vez mais co apoio da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Fest Galicia, AIE, Concello de Gondomar, e Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que crea encontros en torno ao directo.

A piscina do Porriño retoma a súa actividade

Comeza un novo mes e con el faino tamén o curso na piscina municipal do Porriño. As instalacións retoman a actividade no seu horario habitual. Os luns e mércores de 07.00 a 22.00 horas, os martes e xoves de 07.00 a 22.15 horas, os venres de 07.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas e o domingo de 10.00 a 14.00 horas.

Do mesmo xeito, inícianse tamén os cursos de natación, infantís, para bebés e de adultos; ximnasia de mantemento e aquagym para as persoas que xa tiñan reservada a praza, permanecendo aínda aberto o prazo de inscrición tanto para as actividades como tamén para facerse socio.

O alcalde Alejandro Lorenzo vén de visitar precisamente esta mañá as instalacións ás que acoden diariamente, de luns a domingo, numerosas persoas. “É primordial ofertar este tipo de servicios e de cursos dirixidos por un monitor. Dende o Concello traballamos a diario en mantelos e melloralos en favor da veciñanza, promovendo a práctica deportiva entre pequenos e maiores”.

O servizo de Atención Temperá en Covelo cumpre un ano

0

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, visitou o servizo de Atención Temperá, ubicado no centro de saúde de Maceira, para facer balance deste primeiro ano de funcionamento. Grazas ao convenio asinado entre os concellos de Covelo, A Cañiza, Mondariz, Mondariz Balneario e Melón ás familias dispoñen deste importante apoio dirixido a nenos e nenas de 0 a 6 anos de idade.

Co obxectivo de dar resposta, o máis pronto posible, ás necesidades transitorias ou permanentes dos e das cativas con trastorno no seu desenvolvemento o servizo de Atención Temperá atende, actualmente, a 70 pequenos e pequenas que antes tiñan que percorrer longos traxectos á cidade para as súas consultas. En Covelo presta os seus servizos cada mércores de 8 a 17 horas.

“Investir en facilitar o día a día das persoas, acompañar ás familias dentro das nosas competencias e posibilidades e traballar para mellorar a calidade de vida das e dos nosos veciños é prioritario. Ofrecer todos os servizos posibles acurtando desprazamentos e conveniar coas distintas institucións e administracións é necesario para un mellor aproveitamento dos recursos públicos”, explica o alcalde, Pablo Castillo.

Formado por un equipo interdisciplinar cunha psicóloga, unha logopeda e unha terapeuta, ao servizo de Atención Temperá chegan aquelas familias derivadas por pediatría ao considerar que poden padecer ou padecen trastornos do desenvolvemento ou están en situacións de vulnerabilidade evolutiva.

Cromosomopatías, prematuridade, dano cerebral adquirido, anomalías conxénitas do cerebro, parálise cerebral, trastornos dexenerativos ou progresivos, anomalías persistentes do tono, trastornos do espectro autista (TEA), trastornos por déficit de atención e hiperactividade (TDAH) ou trastornos da esfera afectivo-emocional son algúns dos criterios que establece o protocolo de coordinación, intervención e derivación interinstitucional en atención temperá, da Xunta de Galicia. Pero se a familia nota que o neno/a presenta unha situación de atraso ou trastorno no desenvolvemento con referencia a súa idade e condición madurativa ou que convive con situacións de estrés, de desaxuste continuado da interacción familiar ou de exclusión social con alta probabilidade de trastorno ou atraso no desenvolvemento de non mediar intervención tamén debe trasladarllo ao servizo de pediatría.

A Deputación mellorará as instalacións de Areeiro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado do deputado provincial de Medio Rural, Jorge Cubela, realizou a súa primeira visita oficial á Estación Fitopatolóxica de Areeiro como “mostra do compromiso que temos con esta finca e co traballo que aquí se realiza”. Durante o percorrido ás instalacións do centro dependente da institución provincial, López anunciou unha inxección económica de preto de 130.000 euros para reformar e rehabilitar o laboratorio fitopatolóxico e a casona.  

Cos recursos que o presidente provincial acaba de anunciar para Areeiro vanse arranxar “complicacións existentes nos edificios, pendentes desde hai moitos anos”. López explicou que  90.000 € irán destinados á reforma e rehabilitación do acceso ao primeiro andar do edificio do laboratorio fitopatolóxico e outros 40.000 € a substituír elementos estruturais da casona, emendando danos producidos polas filtracións de auga nas fachadas este e sur do seu primeiro andar. O presidente tamén recordou que dende que Jorge Cubela asumiu a responsabilidade de xestionar Areeiro leva “tres semanas traballando intensamente para impulsar con carácter urxente estas actuacións”, que se estima que sairán a licitación “no prazo máis breve posible para poder chegar de cara á parte final do inverno coas obras xa executadas”.

Na súa primeira visita a Areeiro, López e Cubela percorreron os seus laboratorios e departamentos e coñeceron tanto o seu persoal como os servizos que o centro presta aos concellos, empresas e cidadanía da provincia de Pontevedra. “Queremos coñecer as cousas de primeira man, analizar as necesidades que existen e que o persoal poida formularnos as súas propostas”, remarcou o presidente.

A visita de Luis López e Jorge Cubela a Areeiro rematou cunha degustación de té verde de camelia elaborado en Areeiro. O centro da Deputación tamén se dedica aos usos produtivos desta planta –té e aceite–, cunha área de cultivo que suma 500 m2 e 300 plantas. Ademais este ano os seus xardíns acadaron a distinción de excelencia internacional en camelia (os segundos da Deputación xunto co Castelo de Soutomaior, os quintos da provincia e sextos de España) e ten impulsado un Plan Estratéxico do Té para promover un modelo de produción sostible deste cultivo, entre cuxas accións atópase o rexistro da marca “TéAreeiro”.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, creada en 1981 trala adquisición da “Granxa Areeiro” por parte da Deputación en 1963, é un centro de investigación pioneiro en Galicia, dedicado principalmente a asesorar os agricultores da provincia no relativo á sanidade dos seus cultivos. O seu persoal proporciona información con solucións aos problemas fitosanitarios que, de non seren controlados, poden levar á diminución ou á desaparición dos cultivos, e analiza solos para poder asesorar sobre as correccións e fertilizantes adecuados para os cultivos. Entre as súas iniciativas figuran os limiares de tratamentos, as notificacións de primeiras deteccións de pragas, a análise de mostras, a elaboración de avisos fitosanitarios, un programa de doazón de especies vexetais para xardíns de acceso público, cursos formativos, proxectos de investigación ou un programa de visitas guiadas aberto a toda a cidadanía.

Tui celebra cun amplo programa de actividades as Xornadas Europeas da Cultura Xudía

0

Visitas guiadas, exposicións, conferencias, xornadas de debuxo, concertos, e gastronomía centran o amplo programa que ao longo do mes de setembro se vai celebrar en Tui baixo o título de “Setembro xudeu en Tui”. Está promovido polo concello de Tui a través da Concellería de Turismo e Patrimonio e dentro das Xornadas Europeas da Cultura Xudía, que a cidade celebra anualmente pondo en valor o seu importante legado xudeu.  Nas xornadas este ano prestarase especial atención á figura do medico e filósofo tudense Francisco Sánchez, ao cumprirse o próximo 16 de novembro o cuarto centenario do seu falecemento en Toulouse.

A Asociación Europea para a Preservación e Promoción da Cultura o Patrimonio Xudues (AEPJ) da que forma parte a Red de Juderías de España  promove este ano estas xornadas en 35 países co lema “Memoria”, coma chave colectiva e individual que transmitiu e mantivo a cultura xudía ao longo dos séculos.

Ao longo do mes de setembro realizaranse visitas guiadas á colección de Sambenitos no Museo Diocesano, á Ruta Xudía de Tui, así coma por outros puntos de interese da cidade cos títulos “Nacemento e crise da comunidade xudaica, unha ollada no urbanismo histórico de Tui” ou  “Ourives xudeus e criptoxudeus tudenses”  a cargo de Suso Vila, José Ramón Fernández, Rafael Sánchez Bargiela e Sara Quintana.

Dentro deste programa “Setembro Xudeu en Tui” poderanse visitar as exposicións  “Tu pueblo será mi pueblo” cedida pola Red de Juderías no Anexo Sala Municipal de Exposicións e a mostra divulgativa sobre Francisco Sánchez na Corredoira.

Tamén ao longo do mes haberá distintas conferencias nas que Elyjah Byrzdett abordará “El problema converso” e Suso Vila, Rosendo Bugarín e Laureano Alonso distintos aspectos da figura de Francisco Sánchez.

Outras actividades serán o concerto que ofrecerá Marta Quintana na igrexa de San Domingos, ou a Xornada de Debuxo ao aire libre do patrimonio xudeu de Tui en colaboración co Colectivo de Urban Sketchers de Galicia e de Portugal.

A gastronomía estará presente tamén nestas actividades. Por unha banda dende este sábado e un total de catorce establecementos tudenses participan nas Xornadas Gastronómicas Sefardís ofrecendo pratos e tapas co ballacau coma protagonista. Amais Javier Zafra, cociñeiro e director do proxecto Sabores de Sefarad da Red de Juderías ofrecerá un obradoiro de elaboración e degustación de receitas de cociña xudeoespañola e unha conferencia sobre as claves e mensaxes da cociña xudía. Para estas dúas actividades é preciso inscrición previa en [email protected].

Na praza do Concello esta colocada xa a “Porta da Memoria”. Tomando unha foto na mesma e compartíndoa nas redes sociais coas etiqueas #memoria e #redjuderias ou enviándoa ao correo  [email protected] entrarase no sorteo de distintos premios a través da Red de Juderías, da que Tui forma parte.

A concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Nuñez, destaca que o amplo programa de actividades que se realizara ao longo do mes de setembro “ten vocación de continuidade e pon de manifesto a aposta que o Concello de Tui realiza pola promoción do patrimonio xudeu da nosa cidade  que constitúe un dos aspectos do amplo acervo patrimonial que atesoura a cidade”.  Ana Núñez manifesta o agradecemento pola colaboración na realización das actividades previstas ao  Cabido da Catedral, do Museo Diocesano que abrirá excepcionalmente para as visitas guiadas, así coma as persoas que guiarán as visitas e ofrecerán as conferencias, ao colectivo Urban Sketchers e aos  establecementos de hostalaría que se suman a este evento.

O lema deste ano nas Xornadas Europeas da Cultura Xudía “Memoria” é un concepto entretecido en moitos aspectos da vida e a práctica xudías, como é fundamentalmente no sentido de recuperación do pasado. Un concepto que permite seguir as pegadas e a memoria naqueles lugares onde houbo presenza xudía, e que a pesar da súa desaparición conserva aínda na actualidade unha herdanza e un patrimonio sen o cal non seriamos capaces de entender o presente, e cuxo legado, de xeración en xeración, constitúe un tesouro fundamental na transmisión da identidade. Hoxe, temos a sorte de contar en Tui con testemuños materiais e inmateriais que permiten coñecer e pór en valor este importante e enriquecedor patrimonio. Cómpre lembrar que Tui forma parte da Red de Juderías de España, e que máis aló das actividades concretas organizadas ao longo do mes de setembro a Ruta Xudía conta cunha sinalización permanente e pode seguirse tamén a través de  https://rutajudia.turismotui.mobi/ cun itinerario xeolocalizado e con información complementaria á existente nos sinais.