11 C
Pontevedra
Venres, 3 de Maio de 2024
Máis
    HomeLouriñaO PorriñoAs Festas do Cristo do Porriño xa teñen pregoeiro

    As Festas do Cristo do Porriño xa teñen pregoeiro

    As Festas do Cristo regresan este ano ao Porriño con máis dun cento de actividades para todos os públicos e gustos.  Propostas deportivas, espectáculos, animación de rúa, monólogos, verbenas, concertos e moitas sorpresas conforman a programación que xa deu comezo esta fin de semana e que se prolongará ata o domingo 1 de outubro coa tradicional cita gastronómica dos callos, que este ano chega á súa trixésimo edición.

    O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura e Festexos, Bienvenido Estévez, presentaron o cartel das festas acompañados por unha representación da hostalería porriñesa e polos pregoeiros deste ano: o elenco de Teatro Fontevella.

    “As nosas festas son unha seña de identidade, cultura e tradición e ninguén mellor que os actores e actrices de Fontevella para representar estes valores”, apuntou o alcalde, “Para O Porriño será unha verdadeira honra velos no balcón da Concello dando o pistoletazo de saída aos nosos días grandes”.

    O rexedor quixo facer unha mención especial a Amparo Tellado, que a piques de cumprir os 94 anos será a encargada de dirixir o pregón. “Amparo é a actriz galega de maior idade e ten un talento que non deixa a ninguén indiferente”, engadiu Lorenzo, “Estou seguro que co seu pregón nos cautivará a todos como o fai cada vez que se sube ao escenario”.

    Xunto a Amparo, estarán os seus compañeiros e compañeiras da compañía: Adriano, Balbina, Susana, José, Enrique, Daniel, Lola, Valentina, Andrés e Chelo Pampillón, a directora do grupo.

    “É para nós unha honra ser os pregoeiros das Festas do Cristo”, manifestou Pampillón, “A ver se o balcón do Concello aguanta, porque ese día ten que soster os máis de 500 anos que sumamos de recordos, historia e moitas Festas do Cristo vividas”.

    Cabe destacar que o pregón, á vez que recoñece a traxectoria deste grupo, será tamén unha celebración do aniversario xa que foi nas Festas do Cristo, hai xa 28 anos, cando subiron por primeira vez a un escenario con Castelao e a obra “Os vellos non deben namorarse”.

    30 días de festexando O Porriño

    A programación arrancou xa na Vila do Louro e estenderase durante todo o mes de setembro. Como cada ano, a música e o deporte terán un papel protagonista, ao igual que as actividades infantís.

    Panorama , El Combo Dominicano, Grupo América, Girls Gang, Os CoriBantes e moitos máis poñerán a banda sonora a estas festas, sen esquecernos do Louro Valley Festival, cuxo cartel será presentado nos vindeiros días, o Negrita Music Festival, que traerá ao Porriño a Melendi, Rels B e Cali & el Dandee, entre outros, e o Montando Cristo Festival, que reunirá a Buxa, Hard Trip Castro e Los Escoltas/ The Brooke.

    Regresa tamén outro dos clásicos, o certame musical Tes Talento, e tamén o fai a Batalla de Galos. O deporte, da man dos clubs deportivos do municipio, xogará de novo un papel fundamental nestas festas.

    O broche final, como cada ano, o poñerá a Festa dos Callos que chega xa á súa 30 edición e o fará por todo o alto.

     “Agardo que estas Festas do Cristo sexan do agrado dos vecinos e veciñas e de todas aquelas persoas que queiran visitarnos”, concluíu o rexedor que quixo trasladar o seu “agradecemento á hostalería e comercio local, asociacións e clubs deportivos do Porriño que nos axudan a dar forma a estes días para todos podamos disfrútalos xuntos e seguir facendo do noso pobo un lugar de referencia”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.