Mércores, 6 Agosto de 2025

Os workshops de turismo da Deputación propiciaron máis de 3.000 encontros empresariais

Pontevedra Provincia vén de consolidar a súa forza como destino turístico de primeiro orde a nivel nacional nos dous workshops celebrados pola Deputación esta semana en Valencia e Madrid, nos que se propiciaron máis de 3.000 citas entre unha trintena de empresas de Rías Baixas e un total de 160 firmas de ambas provincias, que incluíron operadores internacionais. Para a presidenta Carmela Silva, a excepcional acollida de ambos workshops amosa o bo camiño cara a reactivación total do sector no ano 2022 que, como dixo, “vai ser un ano histórico para o turismo; temos todo preparado para que o recibimento ás e aos turistas sexa unha festa”.

O interese polo turismo sostible e especialmente o paisaxístico, o cultural e o deportivo, as escapadas e o impulso do enoturismo foron algúns dos temas que estiveron en maior medida enriba da mesa nestas dúas intensas xornadas de traballo. Neste senso, a presidenta provincial puxo en valor estes encontros celebrados, que van servir “para xerar riqueza sumando as sinerxías de dous grandes lugares deste país”. Neste senso, apuntou que de Valencia e Madrid “van saír grandes cousas”. Carmela Silva quixo destacar “a valentía e o arroxo” das empresas do sector turístico nos tres destinos, “porque souberon manterse en momentos difíciles” e subliñou o “o momento de optimismo” que avanzan os bos datos de ocupación deste ano e que prevén que o vindeiro 2022 sexa o da total reactivación neste eido.

A presidenta fixo fincapé na grande oportunidade que suporán os fondos europeos Next Generation para dar impulso ao sector, de xeito que “o Goberno de España, cos proxectos que está a liderar para que o país recupere e mellore os datos do turismo, as comunidades autónomas e as administracións locais, estamos preparadas e preparados para que sexa un moi bo ano, e para que amais poidamos seguir afondando nun modelo máis potente e atractivo vinculado ás demandas do século XXI”.

Foron preto de trinta as empresas que se desprazaron a Valencia e Madrid procedentes das distintas comarcas da provincia e de todos os  ámbitos do turismo que representan a oferta de aloxamentos (Alda Hotels, Attica 21 Hotels, Gran Talaso Hotel Sanxenxo,Hotel Bahía de Vigo, Hotel Carlos I Silgar, Hotel Ciudad de Vigo, Hotel La Terraza, Hotel Louxo La Toja, Hotel Pirámide, Hotel San Luis, Hotel Villa Covelo, Paradores, Casa do Sear, Casas A Peregrina e Galicia Villas); axencias receptivas (Circuitos Galicia, CNTravel, Galicia Holiday, Simply Galicia, Tee Travel, Viajes Interrías e Viajes Vio Viajes); e oferta complementaria (Sailway, Martín Codax, Terras Gauda, Paco & Lola). A Deputación tamén promocionou pola súa parte as singularidades do Castelo de Soutomaior e o Museo de Pontevedra.  

Tanto as firmas valencianas como madrileñas amosaron o seu grande interese polas potencialidades do destino Pontevedra Provincia. Neste senso, no caso de Vigo e da súa comarca, os turoperadores propuxeron comercializar escapadas aproveitando a aposta polo Nadal e tamén visitas ás Illas Cíes, e os establecementos hoteleiros da zona xa anunciaron que están a colgar o cartel de cheo para esa recta final do ano. Na comarca de Pontevedra, o patrimonio e o turismo cultural protagonizaron os encontros, con especial referencia ao Museo de Pontevedra e ao Castelo de Soutomaior, mentres que no caso de Baixo Miño e do Salnés, o enoturismo centrou moitas das citas propiciadas no workshop. Por outra banda, as empresas das comarcas do Deza e Terra de Montes presentaron os atractivos patrimoniais e enogastronómicos desta zona. A ruta da sidra, o Camiño da Geira, o Pazo de Oca ou o Mosteiro do Aciveiro espertaron o interese dos comercializadores valencianos e madrileños, así como a paisaxe e a tranquilidade que ofrecen as casas rurais da comarca.

Tralas sesións de traballo, celebráronse dous eventos nos que se presentaron as campañas turísticas da Deputación “É o teu momento” e “Fame de experiencias”, presentados pola xornalista viguesa Rocío Delgado e que contaron coa actuación musical de AriMagritte. En ambos actos a presidenta Carmela Silva estivo arroupada por representantes provinciais, municipais e culturais de ambas cidades, entre eles o vicepresidente da Deputación de Valencia, Carlos Fernández Bielsa, ou a directora do Museo da Prehistoria desa cidade, Helena Bonet, e o presidente de Segittur, Enrique Martínez. En ambos actos, Carmela Silva subliñou as potencialidades do destino Pontevedra Provincia, con especial fincapé na “súa gran paisaxe natural, a súa cultura milenaria, o seu patrimonio sorprendente e, sobre todo, un produto que realmente fai que todo que na nosa provincia sexa extraordinario, desde  a cociña tradicional á máis innovadora, pasando polos nosos viños brancos, os mellores do mundo, e os nosos grandes tintos. Eu comparo o noso destino, que é un lugar máxico, co Olimpo, e non me equivoco”.

Enrique Martínez, presidente de Segittur,, sinalou na sesión celebrada en Madrid que a recente crise derivada da pandemia puxo de manifesto “a capacidade de resistencia” do sector turístico, “que permite mirar con optimismo o futuro”. “Pero o sector ten que reivindicarse”, engadiu, tras subliñar tamén a oportunidade que supoñen os fondos do Plan de Turismo do Goberno, nos que se destinarán 100 millóns para facer “plus” de produto, “para dinamizar a moita xente que está a traballar en áreas concretas para contribuír a crear unha marca nacional”, no que pode englobarse o sector do enoturismo.

No acto de Valencia, o vicepresidente da Deputación, Carlos Fernández Bielsa, puxo en valor a iniciativa do workshop e avanzou que a súa institución tomarao en conta “porque creo nós temos tamén que levar ás Rías Baixas a potencialidade de Valencia”. “Temos moitas cousas en común –destacou-. Temos ata unha liña de avión en común e o que temos é que tratar de aproveitar as potencialidades dos dous territorios para unirnos aínda máis e creo que vai ser posible no futuro. Estou convencido de que ambas deputacións van estar xuntas nese traballo”.

Redondela abre, coa axuda da Deputación, unha nova liña de axudas para autónomos e pequenas empresas afectadas pola pandemia

0

O Concello de Redondela, en colaboración da Deputación de Pontevedra, vén de poñer en marcha unha nova liña de subvencións –a terceira dende que comezou a pandemia da Covid-19– para paliar a diminución ou paralización de actividade que a crise sanitaria provocou a traballadores autónomos, microempresas e pequenas empresas con domicilio fiscal e local comercial no termo municipal de Redondela.

A Deputación aprobou no seu momento para Redondela, dentro da liña 2 do Plan Concellos, 85.200 euros que agora o Concello destinará aos sectores máis afectados pola pandemia que poderán financiar gastos de alugamento, cota de persoas traballadoras autónomas, a electricidade e os seguros. O prazo de solicitude rematará o vindeiro 5 de novembro.

Trátase, explica a concelleira de Comercio, María Castro, “de continuar adoptando medidas que permitan paliar o impacto económico provocado pola Covid-19 e que contribúen a preservar o tecido económico redondelán”. De feito, a nova liña de subvencións non deixa de ser un xeito de protexer os intereses xerais da veciñanza de redondela “ao dar soporte ás persoas traballadoras autónomas, microempresas e pequenas empresas”.

Toda a información sobre os requisitos, prazos e documentación necesaria para poder acceder a estas axudas pódese consultar no BOPPO nº 201 do 19 de outubro.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que agradeceu “a colaboración e sensibilidade que a Deputación amosou sempre con este municipio”, lembrou que “esta e a terceira liña de subvencións que o Concello pon en marcha dende o inicio da pandemia da Covid-19 coa clara intención de axudar a persoas traballadoras autónomas e pequenas empresas que, xunto coa hostalaría, foron os sectores aos que a situación epidemiolóxica golpeou máis duramente”.

Cómpre lembrar que en decembro do 2020, nunha primeira convocatoria, concedíanse un total de 72 axudas por importe superior a 42.000 euros e tan só un mes despois, en xaneiro do 2021, outorgábanse outras 32 subvencións, esta vez dirixidas especificamente ao sector da hostalaría, por máis de 9.600 euros.

Ponteareas amplía a sete rúas a área urbana de preferencia peonil e tráfico a motor limitado

O Concello de Ponteareas redactará nos vindeiros meses os proxectos de humanización de sete rúas situadas na contorna da Praza de Bugallal e da Casa do Concello, tras recibir da Deputación Provincial, a través da Rede Ágora, unha subvención de 50.000 euros para ese fin. Trátase de catro rúas que desembocan na Praza de Bugallal: Vidales Tomé (2º tramo), Morales Hidalgo (1º tramo), Senén Canido e Constitución. A estas únense ademais as rúas Concha Brey e o primeiro tramo de Reveriano Soutullo e de Virxe dos Remedios.

A redacción dos proxectos e posterior execución das obras enmárcanse no compromiso do Concello de Ponteareas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel das Nacións Unidas e da Axenda 2030, para facer fronte a retos coma o cambio climático. Ese compromiso implica recuperar o espazo público para o desfrute das persoas, fomentar os desprazamentos a pé e reducir o tráfico de vehículos, a grave contaminación atmosférica e acústica que provocan e a inseguridade viaria.

Áreas peonís con tráfico limitado a autorizados, Ponteareas

Para avanzar neses obxectivos, todas esas rúas foron delimitadas nos últimos días coa colocación de xardineiras de grandes dimensións e sinalización para destinalas a un uso preferente peonil e limitar a presenza de vehículos aos supostos de necesidade para a vida social e económica. O Goberno Municipal está desenvolvendo unha campaña de información entre todas as persoas residentes, comercios e actividades desas rúas na que se explican as razóns desta iniciativa e se informa sobre a regulación desa circulación limitada.

Así, poden acceder a esa zona aqueles vehículos que o precisen para cargar e descargar obxectos voluminosos ou pesados, sexan residentes, comerciantes, transportistas ou clientela de comercios, sempre que eses obxectos non sexan transportábeis a pé. Tamén poden acceder vehículos que precisen deixar ou recoller a persoas con mobilidade reducida e, por último, usuarios de garaxes e servizos de taxi e de emerxencia. Neses supostos permitidos os vehículos deben circular a 10 km/h como máximo, dar prioridade sempre aos peóns e unicamente poderán parar polo tempo imprescindíbel, en todo caso inferior a 15 minutos.

O Concello salienta que “este sistema, ademais de dar máis espazo para as persoas, reducir o tráfico e a contaminación no centro urbano, facilita tamén a actividade comercial e social. As persoas que realmente teñen necesidade de acceder con vehículo a esas zonas agora terán asegurado espazo para realizar a parada e a súa xestión comercial ou persoal diante do destino, algo que antes era imposíbel; para o resto dos casos nos que non é preciso levar o coche até a porta da vivenda ou do comercio o Concello ofrece aparcadoiros con centos de prazas dispoñíbeis a menos de 2 minutos da entrada a esas rúas”.

Atendendo á variedade de supostos autorizados, non se empregará o sistema de tarxetas de autorizados senón que a Policía Local comprobará in situ se a presenza dun vehículo nesa zona se corresponde cos casos autorizados e polo tempo máximo permitido.

O Museo estrea folletos informativos para dar a coñecer os seus edificios

O Museo de Pontevedra segue a traballar para darse a coñecer e vén de estrear unha nova serie de folletos informativos sobre os seus edificios. Estas publicacións, que están dispoñibles en papel e tamén descargables no móbil a través dun código QR, foron editados en galego, castelán, inglés e francés co fin de chegar ao maior público posible, xa que estase a incrementar a afluencia de visitantes internacionais.

O material divulgativo foi estreado nas accións de promoción turística que a Deputación está a realizar en Valencia e Madrid ao abeiro de Turismo Rías Baixas, nas presentacións, workshops, encontros e reunións específicas para potenciar o Museo como destino de público interesado no turismo cultural.

Como novidade, deseñouse un folleto xenérico sobre a historia do Museo cunha breve explicación de todos os edificios que conforman a institución (Edificio Castelao, Sarmiento, Fernández López, Castro Monteagudo, García Flórez e Ruínas de San Domingos), así como información práctica sobre a súa ubicación, horarios de acceso e datos de contacto.

Outro dos novos folletos é o destinado aos Edificios Castelao e Sarmiento de maneira específica. Nel explícase que xunto ás Ruínas de San Domingos son os únicos inmobles actualmente visitables. Fálase da súa estrutura e das coleccións permanentes que se poden gozar en cada andar, así como tamén das visitas organizadas para coñecer as instalacións de primeira man.

Estes novos folletos veñen a completar a actualización e reedición que se fixera o pasado mes de agosto do tríptico sobre as Ruínas de San Domingos, o máis antigo e máis visitado dos edificios da institución, que achega ás persoas visitantes datos sobre a antiga igrexa e convento dominico.

Ademais da renovación da información en formato papel e dixital hai que lembrar que o Museo está a traballar nunha nova sinalización máis acorde cos tempos actuais e, no caso das Ruínas de San Domingos, na elaboración dun vídeo 3D de realidade virtual hiperrealista cuxo obxectivo é facilitar a comprensión da construción, da súa historia e da súa transformación ao longo dos séculos.

Salvaterra de Miño organiza unha tarde de Samaín no parque A Canuda

Ainda que todavía estase a saír da pandemia, e non era posible facer o habitual roteiro. O Concello se Salveterra de Miño decidiu adaptar as actividades de cara un contexto menos restrictivo ata acadar unha recuperación definitiva.

Neste Samaín, o Concello presenta novidades e opta por facer a actividade en familia no parque público A Canuda, un lugar apropiado para facer actividades ao aire libre e cunha maxia que o fai axeitado para esa noite.

As actividades terán lugar o vindeido venres día 29 de outubro.

O parque da Canuda converterase nun parque terrorífico, onde os participantes terán que atopar aos personaxes para conseguir os ingredientes da poción secreta e poder sobrevivir á noite de Samaín.

Haberá que ter moito ollo, porque na procura dos ingredientes, os participantes poderanse levar algún que outro susto. É recomendado ir disfrazado para non ser recoñecido de xeito doado polos personaxes.

A idade recomendada para esta actividade é a partir dos 5 anos. Haberá tres pases distintos, ás 17:30 horas, ás 18:30 horas e, por último, ás 19:30 horas.

Non é preciso inscrición previa, e agruparase aos participantes en grupos de 10 persoas. A saída estará na entrada principal do parque.

O Concello de Nigrán e FEGADACE colaboran na sensibilización e prevención do dano cerebral cunha charla

0

A información sobre o dano cerebral adquirido chega a Nigrán pola man da colaboración entre o concello pontevedrés e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información e sensibilización, cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.

A actividade informativa está dirixida a todo tipo de público e nela a traballadora social de FEGADACE vai falar da prevención das principais causas do dano cerebral (o ictus -que está detrás do 78% dos casos- e os accidentes de tráfico), e do modelo de atención e rehabilitación que se desenvolve nas asociacións galegas de dano cerebral, ditado polo Ministerio de Sanidade a través do Imserso. Centrarase especialmente en presentar o recurso asociativo máis próximo ao concello de Nigrán: a Asociación de Dano Cerebral de Vigo, ALENTO.

A charla vai ter lugar o día 29 de outubro ás 17:00 e toda persoa que estea interesada en asistir pode inscribirse na páxina web do concello, www.nigran.es.

A organización desta actividade conta coa colaboración do Concello de Nigrán e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.

Historia de FEGACE

FEGADACE constituíuse en 2007 polas cinco asociacións de dano cerebral que traballan en Galicia: ADACECO na Coruña, ADACE en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. Xuntas representan a case 2.000 familias. O seu obxectivo é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido, unha discapacidade que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia e que está causada case sempre por un ictus (78% dos casos) ou un traumatismo cranioencefálico provocado por un accidente de tráfico.

Mos anuncia melloras en dous colexios de Primaria por preto de 400.000 euros

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación mosense, Julia Loureiro, informaron de que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia acometerá antes de que remate o presente ano 2021 sendas obras de mellora por preto de 400.000 euros nos Colexios de Educación Infantil e Primaria mosenses de Atín e Petelos.

Os traballos atópanse en proceso de licitación para a contratación das empresas concesionarias, e comezarán a ser acometidos de cara ao vindeiro mes de decembro.

No caso do CEIP de Petelos a obra de optimización das instalacións consistirá na susbstitución de toda a carpintería de aluminio (portas e fiestras) do centro, cun orzamento de 158.626,38 euros.

E por outra banda, no CEIP de Atín acometerase a última fase da mellora integral do centro, co remate da renovación da carpintería de aluminio nas zonas que quedaban pendentes de substituír e substitución tamén dos falsos teitos e luminarias nos espazos nos que aínda non se fixera. Ademais procederase ao derrubamento do anexo-almacén do edificio e reparación de fachada, solicitado pola dirección e a ANPA do centro, á execución dunha rampa de acceso para solventar o acceso polo devandito antigo anexo; e demolición e desamiantado de cubrición do patio interior, cuberto con perfil gran onda de fibrocemento, para a posterior execución da nova cubrición do patio. As obras no colexio de Atín teñen un orzamento de 210.273,62 euros.

A III Carreira de Orientación da Eurocidade contará con máis de 260 participantes

0

Este domingo, 24 de outubro, terá lugar a III Carreira de Orientación da Eurocidade, organizada por Xesta Natureza, en colaboración coa Eurocidade Tui-Valença e subvencionado polo programa Interreg.

Nesta proba están inscritos un total de 260 deportistas, participando ao redor de 200 persoas en cada unha das probas.

A carreira celebrarase a partir das 10 horas españolas en Valença e das 16.00 horas en Tui. O punto de partida en Valença será no palco da música nos xardíns municipais. En Tui a proba partirá da Praza de San Fernando. En ambos casos os participantes deberán percorrer as rúas de cada cidade co obxectivo de atopar as balizas o máis rápido posible, coa única axuda dun mapa.

Os concellos de Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño presentan o obradoiro de emprego “SuStentable”

As alcaldesas dos Concellos de Salceda de Caselas, Verónica Tourón, e de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, presentaron este venres 22 de outubro o obradoiro de emprego “Sustentable”, acompañadas de Ana Ortiz, secretaria territorial da Xunta de Galicia en Vigo. Ana Gómez Gómez conduciu o acto como directora do obradoiro.

O obradoiro SuStentable empregará a 20 persoas dos dous concellos, e contará con dúas actuacións, unha na especialidade de Servizo de limpeza e xestión de residuos urbanos, no que se realizarán tarefas de limpeza e mantemento de superficies e mobiliario en edificios e locais municipais, e outra actuación na especialidade de Forestal-xardinería, no que se porá en valor o parque forestal Monte Castelo, na parroquia de Pesqueiras, no Concello de Salvaterra.

O alumnado seleccionouse a través de oferta presentada no Servizo Público de Emprego de Galicia, e tras superar as probas dun tribunal avaliador segundo as bases aprobadas, e será empregado a través dun contrato de formación e aprendizaxe.

Para levar a cabo o proxecto contratouse persoal directivo, docente e de apoio, en total cinco profesionais, que xestionarán e executarán o proxecto dende o propio CDL O Torrón en Salceda, levando a cabo a primeira etapa do proxecto que é a formativa, que se complementará cunha segunda etapa de alternancia de traballo e práctica profesional nos dous concellos, para así recibir unha formación profesional adecuada á ocupación elixida.

O obradoiro formará a 10 persoas no ámbito da limpeza, nos certificados de profesionalidade SEAG0209 Limpeza en espazos abertos e instalacións industriais, e SEAG0108 Xestión de residuos urbanos e industriais. E a 10 persoas no ámbito forestal e de xardinería, nos certificados AGAR0309 Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, AGAR0108 Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, e AGAR0108 Aproveitamentos forestais.

Ambas alcaldesas coincidiron en destacar a importancia deste tipo de colaboracións entre a Xunta de Galicia e os concellos, xa que doutro xeito non se poderían levar a cabo estes proxectos, que permiten a inserción laboral e melloran a  empregabilidade.

Reivindicación sobre un horario de libre apertura na restauración e hostalería en Baiona

0

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA) e A Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) solicitan conxuntamente a modificación dos horarios de apertura dos negocios de resaturación e hostalería de Baiona.

Tanto o rexedor como as asociacións de empresarios baionesa solicitan a apertura libre destes negocios, pois o consideran discriminatorio xa que o nivel de restricións flexibilizouse ao máximo noutros sectores.

Carlos Gómez, alcalde de Baiona; Marcos Comesaña, presidente de ACEBA; e José Ángel González, presidente de OVALMI, mostraron a súa preocupación sobre certas restricións de horario nos negocios de restauración e hostalería que poidan prexudicar os intereses do empresariado local. E neste sentido, aseguraron seguirán reivindicando as formulacións do sector para tentar resolver a situación da mellor forma posible para todos.

Así mesmo, o rexedor e os presidentes das asociacións destacan que as circunstancias actuais nas que se atopa a Comunidade Autónoma de Galicia faculta a flexibilidade horaria existente noutras autonomías polo que denuncian as limitacións na comunidade galega.

“A hostalería necesita traballar con libertar de horario”, finaliza, o alcalde.

O Centro de Desenvolvemento Local de Gondomar súmase á enerxía renovable

0

A nova infraestrutura contou cun investimento de 88,600 euros, financiados con cargo aos orzamentos do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e cofinanciado a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). “A instalación desta nova caldeira supón unha mellora e modernización substancial do espazo e proporcionará un importante aforro enerxético neste edificio”, manifestou o rexedor Paco Ferreira, durante a visita ao centro.

Acompañado polo concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa, lembrou que “un dos nosos obxectivos como administración é reducir a pegada ambiental de Gondomar, e apostar por todos os medios e recursos que permitan logralo como é o caso das enerxías renovables, algo no que estamos traballando”.

A nova instalación térmica de biomasa está composta de catro caldeiras e dun sistema de control que permitirá o funcionamento por sectores no edificio, dividido en dúas ás, de maneira que “se poderá acender segundo as necesidades e as demandas que existan en cada momento, sen necesidade de quentar todo o edificio como viña facendo se ata o de agora”, explicou o edil de Medio Ambiente.

O proxecto complétase cun depósito de inercia de 1000 litros que almacena a enerxía que xeran as caldeiras. Ademais, situouse un contador para a medición de kwh térmicos consumidos e un sistema de telexestión e control de incidencias con comunicación de alarmas á empresa encargada do seu mantemento, acordado no contrato de concesión por un período de 6 anos.

A reforma das catro caldeiras completouse con outras melloras como o arranxo da cheminea, instalación dunha nova porta máis na sala e a localización dun silo de almacenamento, con capacidade de 20 toneladas, para cubrir as necesidades da nova instalación.

O alcalde Paco Ferreira mostrou a súa satisfación “por poder seguir fomentando
ou uso da biomasa forestal, unha enerxía renovable con reducido impacto ambiental
que polo seu carácter autóctono favorece o autoabastecemento e a seguridade de
subministración a prezos competitivos, á vez que reduce a contaminación e a nosa
pegada ambiental non planeta”.

A Xunta incorporará Bacharelato no IES Pedras Rubias de Salceda

Imaxe de arquivo dunha reunión mantida no IES Pedras Rubias

A Xunta de Galicia traballa coa previsión de incorporar canto antes as ensinanzas de Bacharelato no IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas e, deste xeito, atender a demanda das familias, segundo anunciou esta mañá o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Manuel Vila, ante a Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia.

A consellería está traballando “na progresiva implantación” destas ensinanzas cuxa oferta, segundo explicou, está supeditada á obra de ampliación do IES que ten programada a Consellería. Trátase dunha “actuación prioritaria” do Goberno galego para o cal se solicita o apoio do Concello de Salceda de Caselas no que atinxe ao encaixe urbanístico e a cesión dos terreos, abondou Manuel Vila.

A Consellería ten previsto sacar a concurso no primeiro trimestre do próximo ano a redacción do proxecto de ampliación deste instituto que suporá un investimento de máis de 1,5M€. A obra -segundo concretou o secretario xeral técnico- realizarase de acordo co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta de Galicia, que é a folla de ruta do Goberno galego para as infraestruturas educativas da próxima década, que aposta por un novo modelo de escolas máis flexibles, máis tecnolóxicas e sostibles.

O Concello de Tui apoia aos deportistas locais coa convocatoria das Becas a Deportistas Tudenses 2021

0

O concello de Tui retoma este ano a convocatoria das bolsas para deportistas locais que teñen participado neste 2021 en competicións federadas internacionais coa convocatoria das Becas a Deportistas Tudenses 2021. En 2020 non foron convocadas debido á COVID. O obxectivo da convocatoria é facilitar a práctica deportiva e a súa participación nas competicións, valorando así a súa especial dedicación ao deporte e, á súa vez, á difusión que realizan da cidade de Tui naqueles eventos deportivos de carácter internacional.

O Concello de Tui destina neste 2021 a estas Becas a Deportistas Tudenses 2021 unha partida de 10.000€.

Os deportistas tudenses que participaron durante este ano en competicións federadas internacionais, terán un prazo de dez días para presentar a solicitude e a documentación indicada nas bases, a través da sede electrónica do Concello de Tui.

O extracto das bases desta convocatoria vén hoxe publicado no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. As bases completas e o modelo de solicitude están dispoñibles na web municipal www.tui.gal no apartado de Deportes.

Bases e Modelo de solicitude

Mos proxecta un plan de 40 asfaltados a acometer nos próximos 2 anos

0

Onte aprobouse en Xunta de Goberno Local a adxudicación das obras de mellora da pavimentación no Camiño de Cabezal e na Estrada Real á empresa concesionaria dos traballos de reposición do firme, que está previsto que comecen de cara á semana que vén.

Con motivo da aprobación e inminente comezo destas obras de asfaltado, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, aproveitaron tamén para anunciar un novo Plan Municipal de 40 asfaltados que se iniciará en 2022 e se desenvolverá durante todo o próximo ano e o 2023, comezando pola mellora da pavimentación nos camiños máis urxentes e máis rodados.

Os representantes municipais, Arévalo e Augusto, informaron de que “se mellorarán viais nas 10 parroquias mosenses, contemplando unha media de 4 camiños a optimizar en cada parroquia”. Así mesmo, explicaron que “os técnicos municipais (enxeñeira, arquitecta técnica e arquitecto) xa se atopan traballando nos 40 proxectos de obra, cuxa redacción xa iniciaron e realizaron a medición dos viais a mellorar; e os camiños máis urxentes a acometer en 2022 están incluídos no orzamento municipal do ano que vén, en cuxo proceso de elaboración nos atopamos inmersos nestes intres desde o equipo de goberno local”.

A elección das 40 vías obxecto de mellora faise eco das peticións de asociacións de veciños e dos propios veciños particulares, así como da propia valoración municipal, identificando os máis deteriorados ben porque houbo unha obra de instalación de saneamento previa, porque son moi antigos, ou porque están moi rodados ao rexistrar un elevado volume de tráfico.

Neste sentido Camilo Augusto declaraba que “desde o Concello sempre manifestamos a prioridade de acometer primeiro o saneamento na maior parte de zonas posibles para logo asfaltar. Durante os últimos anos instalouse moita rede de alcantarillado e agora toca xa o turno do asfaltado”. O tenente alcalde e edil de Vías e Obras apuntou tamén que “a intención é a de incluír tamén a mellora de cunetas neste Plan de Asfaltados, para mellorar todas as dos viais nos que se proceda á reposición do firme”.

Obras en Cabezal e Estrada Real

Respecto das obras en Cabezal e Estrada Real que se iniciarán en cuestión de días, apuntar que se atopan incluídas dentro da Liña 1 do Plan Concellos e contan cun orzamento por importe de 151.443,79 euros. No Camiño de Cabezal en Torroso, ademáis do asfaltado, acometerase un tramo de saneamento, para logo realizar a conexión final. Tras a instalación do saneamento farase a mellora da pavimentacion do Camiño de Cabezal, cunha lonxitude de 850 metros, que comprenderá actuacións previas que inclúen o desbrozado lateral, limpeza de cunetas e noiros; e rehabilitación de firmes e pavimentos mediante regularización da capa de rodadura coa aplicación de 1 cm de asfalto que regularice as zonas que presentan unha maior fisuración do asfalto.

No Camiño Estrada Real Petelos-Sanguiñeda mellorarase a rede de saneamento coa renovación da antiga tubería e a Comunidade de Auguas de Sanguiñeda aproveitará tamén para renovar a tubería da traída de abastecemento de auga evitando así, en ambos caso, problemas ou averías futuros por deterioro ou desgaste dos tubos. A obra de mellora da seguridade viaria en Estrada Real, parroquias de Petelos e Sanguiñeda, cunha lonxitude de 1408 metros, comprenderá actuacións previas que inclúen o desbrozado lateral, limpeza de cunetas e noiros e rehabilitación de firmes e pavimentos mediante regularización da capa de rodadura coa aplicación de 1 cm de asfalto que regularice as zonas que presentan unha maior fisuración do asfalto.

Un total de 156 maiores de Nigrán visitan o Cebreiro ao abeiro do programa de Turismo Social

0

Un total de 156 maiores de Nigrán retomaron onte o programa municipal de turismo social destinado á veciñanza da terceira idade cunha excursión a Pedrafita do Cebreiro (Lugo). Esta é a primeira saída deste tipo organizada polo Concello de Nigrán desde a crise da Covid-19, esgotándose todas as prazas en menos de dúas horas, polo que o Concello irá programando novas ante a gran demanda existente.

A excursión, en tres autobuses, saíu ás 08:00 horas desde a Casa do Concello, a continuación pararon a visitar o mosteiro de Samos en Lugo e despois visitaron Pedrafita do Cebreiro e a súa feira de outono, o conxunto etnográfico do Cebreiro coas súas senlleiras pallozas, á igrexa pre-románica de Santa María e realizaron unha pequena andaina pola entrada do Camiño Francés nesta marabillosa contorna natural dos Ancares. Ademáis, coñeceron queixerías da zona e comeron pulpo e carne al lado da feira.

O goberno local de Nigrán entende que viaxar para as persoas maiores despois da inactividade do Covid-19 é especialmente importante. “Non só serve para descubrir lugares novos, senón que aporta moitísimos beneficios especialmente útiles para eles, como a mellora do ánimo, aumento da creatividade, mellora da capacidade de resolver problemas, estimulación da actividade cerebral e reconstituínte da memoria e da atención”.

Nese sentido, o alcalde de Nigrán, Juan González, deixa clara a súa aposta por este programa, “porque a todos estes beneficios hai que engadir que se socializarán e, en definitiva, faraos sentir máis felices e vitais”.

Cincuenta parellas compiten este domingo no VII Trofeo Eurocidade Tui-Valença de Baile Deportivo

0

O Pavillón Deportivo Municipal “Gustavo Rodríguez” de Tui acolle este domingo o VII Trofeo Eurocidade Tui-Valença de Baile Deportivo. A competición está organizada polo Club de Baile Deportivo Pasos-Bailegalicia coa colaboración da Eurocidade Tui-Valença. Será amais Campionato Galego de Danza Coreográfica e é puntuable para o Circuíto  Nacional da Federación Española de Baile Deportivo (FEBD).

50 parellas de Galicia, Portugal e doutras comunidades competirán este domingo a partir das 11:30 h e até as 19.00 horas nas modalidades Standard (Valse Inglés, Tango, Valse Vienés, Slow Fox e Quickstep) e Latinos (Samba, Cha-cha, Rumba, Pasodobre e Jive).

Haberá distintas modalidades en función da idade dos participantes: Xuvenil (menos de 12 anos), Júnior (12 a 15 anos), Youth (16 a 18 anos), Adulto (máis de 18), Sénior (máis de 35 anos).

Mentres dende as 16.00 horas celebrarase o Campionato Galego de Danza Coreográfica (Baile Deportivo en Grupo) onde competirán 20 grupos de toda Galicia. En total serán 160 competidores na modalidade grupal.

O Baile Deportivo é un espectáculo de gran vistosidade para o público. Está regulado en España pola FEBD (Federación Española de Baile Deportivo) e está recoñecido como modalidade deportiva polo CSD e tamén en Galicia pola Secretaría Xeral do Deporte da Xunta de Galicia.

As entradas teñen un prezo de 7 € (5 € maiores de 65 anos, nenos menores de 12 anos gratis).

Contacontos, flashmob e batucada serán os ingredientes do Samaín 2021 na Guarda

0

O Concello da Guarda deseñou unha programación que encherá mañá e tarde do sábado 30 de outubro e que foi pensada para divertir aos mais pequenos da casa que son os que cada ano con mais ansia esperan esta data e tamén para animar as rúas da vila na tardiña da man dun  flashmob  (baile conxunto na Praza do Reló) e unha batucada que percorrerá as rúas da vila como broche final.

Actividades Biblioteca Municipal

As propostas relacionadas co Samaín comezarán dende o venres 29 na Biblioteca Municipal que se suma á celebración do Samaín a través de dúas iniciativas.

– A proposta “Facemos un trato?”, que obsequiará cun pequeno detalle a tódolos nenos que se acheguen durante o venres 29 e sábado 30 ata a Biblioteca e leven un libro en préstamo, a cambio iso si, de deixar un pequeno mensaxe na decoración de Samaín que decorará o espazo durante estes días.

– E na mañá do sábado 30 de outubro acollerá no Salón de Actos do Centro Cultural ás 12h. o Contacontos  “Contos para pasalo de medo”, un espectáculo de Carmen Domech (Títeres Cachirulo) pensado para rapazas e rapaces de 4 a 11 anos. As prazas para este evento son limitadas polo que é preciso anotarse a través do mail [email protected].

[su_image_carousel source=”media: 47429,47428″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Flashmob e butacada o 30 de outubro

A tarde do 30 de outubro seguirá a programación de Samaín pensada para encher as rúas de cor e música. Ás 18:00 h. terá lugar na Praza do Reló un flashmob, aberto a todo aquel que se queira animar (previa inscrición) a facer una coreografía conxunta ambientada na temática terrorífica propia destes días. Esta actividade consistirá en practicar conxuntamente unha coreografía da man dunhas monitoras e tras un período de ensaio, facer entre todos os alí presentes un baile final. É preciso anotarse a través do enderezo electrónico [email protected], asinar autorización no caso de menores e por suposto acudir disfrazado para a ocasión. Ao remate desta actuación, dará comezo unha batucada que percorrerá as rúas do centro da vila para ir entrando en ambiente do Samaín.

O Flashmob será retransmitido en directo a través da canle de Youtube municipal.

A Cañiza celebra a II Edición do Cocido Cañicense esta fin de semana

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, presentou onte esta II Edición acompañado do presidente do Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades; da deputada provincial e concelleira de Nigrán, Raquel Giráldez; e do presidente da Cámara Municipal de Melgaço, Manuel Baptista.

A hostelería da Cañiza xa está preparada para servir durante este fin de semana un dos  “mellores cocidos de Galicia”. “Un prato que sólo na Cañiza se converte en arte culinario, con ADN propio”.

Con estas palabras o alcalde da Cañiza, Luis Piña, comezou a presentación desta II edición do Cocido Cañicense. Un evento gastronómico promovido, impulsado e organizado conxuntamente polo concello e polos hostaleiros locais.

O sábado 23 e o domingo 24 de outubro A Cañiza inaugura a temporada de cocidos. Un atractivo culinario que ven a engadirse aos outros moitos activos turísticos deste Municipio. E así o quixo destacar o alcalde na presentación do evento no que ademáis adiantou que esta data está xa consensuada cos hostaleiros para futuras edicións.

Na presentación Luis Piña lle agradeceu ao presidente da Zona Franca de Vigo o apoio incondicional que un ano máis lle ofrece á gastronomía e á hostelería local e sobre todo o traballo, aposta e compromiso que ten adquirido coa Cañiza. O alcalde tamén agradeceu o apoio da Deputación Provincial de Pontevedra coa localidade e así llo trasladou á deputada provincial, Raquel Giráldez, que tamén visitou A Cañiza. Ademáis o acto contou con outro invitado de honor. Manuel Baptista, Presidente da Cámara Municipal de Melgaço con quen o alcalde comparte un obxectivo común: estreitar e afianzar os vínculos de amizade, municipais e comerciais entre A Cañiza e Melgaço. “Unha unión da que sairemos todos fortalecidos”, comentou Luis Piña.

Na súa intervención, o alcalde da Cañiza ensalzou a calidade do Cocido Cañicense, coñecido prácticamente por todos os paladares do sur de Galicia e que ten unha identidade propia con “ADN Cañicense”. Agradeceu a implicación dos restaurantes e das  adegas que están traballando xa para que esta II edición poida saldarse cun rotundo éxito de calidade e participación. Para rematar invitou a todos a visitar A Cañiza, non solo durante este fin de semana especial, senon durante todo o ano.

Ao rematar tomou a palabra David Regades quen deixou patente o seu afecto e cariño pola Cañiza. “Encantado de estar na presentación da I edición en febreiro de 2020, non podía deixar de estar nesta II e nas vindeiras edicións”, comentou o Presidente do Consorcio de Vigo que ademáis manifestou que nunca antes Zona Franca estivera na Cañiza como agora, co goberno de Luis Piña, amigo persoal. Manifestou tamén que Zona Franca está na presentación deste evento porque a gastronomía tamén é economía e polo tanto hai que promocionala e impulsala. Ratificou o seu compromiso coa Cañiza co desenvolvemento dun plan estratéxico para valorar as potencialidades da zona para atraer empresas.

Raquel Giráldez, deputada provincial e concelleira de Nigrán, tamén quixo manifestar o compromiso da Deputación coa Cañiza. Felicitou ao alcalde e ao seu equipo de Goberno polo traballo que están desenvolvendo en prol dos intereses da Cañiza  e recordou que esta Terra é un referente gastronómico polos seus xamóns e por suposto polos Cocidos e desexou que esta iniciativa se consolide como outro evento gastronómico referente.

Rematou esta presentación o recién elexido presidente da Cámara Municipal de Melgaço, Manuel Baptista, quen deixou constancia da “optima ligaçao de Melgaço coa Cañiza”, con quen desexa estreitar os vínculos e relacións comerciais e superar desafíos para que o futuro próximo de ambos territorios poida ser máis forte e mellor.

O cocido e A Cañiza veñen da man dende as súas orixes

A Cañiza é terra famosa pola calidade dos seus xamóns e polos seus excelentes cocidos. Dos mellores de Galicia. Por iso e co inicio do outono, restaurantes e concello poñen en marcha esta nova edición, coincidindo coa baixada das temperaturas que é como mellor se saborea este prato único que durante décadas congregou entorno ás mesas das nosas xentes a familias e amigos.

E o seu segredo está envolto nos suaves aires das nosas montañas que posúen un microclima especial para o curado dos produtos do porco. Un aire frío e seco que consegue optimizar o curado e outorgar ás carnes o mellor sabor.

A receita do Cocido Cañicense

Son moitos os padais que xa coñecen o cocido cañicense, pero promovido polo Concello, os hostaleiros da Cañiza organizan esta segunda edición, esmerándose en cociñar este prato tradicional preparado con chourizo de cebola e de carne, fuciño, rabo,  orella,  cacheira,  lacón,  touciño e costela de  porco completado con pito, carne de vacún, patacas, fabas, garavanzos, cenorias e verdura ou repolo. Todo iso acompañado con pan rústico e pan de millo ou  “bica” e regado polos viños brancos  e tintos, a gusto do cliente, da denominación de orixen Rías Baixas, tamén da Cañiza, Abelan e Eido da Fonte.

O Concello de Salceda súmase a iniciativa “Kilómetros de investigación”

O Concello de Salceda de Caselas súmase a iniciativa “Kilómetros de investigación”, unha ruta solidaria de apoio á investigación do Síndrome de Rett, que sairá do concello o vindeiro luns 25 de outubro e chegará de novo a Salceda o sábado 30 de outubro.

Esta iniciativa parte de 9 veciños de Salceda de Caselas afincados todos eles, por diversos motivos e coincidencias no barrio da Feira, e que se puxeron en contacto co Hospital Sant Joan de Déu en Barcelona, para que os autorizase a levar a cabo a iniciativa, e así recadar fondos para investigación do Síndrome de Rett.

O síndrome de Rett é un trastorno xenético neurolóxico e do desenrolo pouco frecuente, que afecta a forma en que se desenvolve o cerebro, e que causa pérdida progresiva de habilidades motoras e da fala, afectando principalmente a nenas. Estos nove amigos e veciños de Salceda queren percorrer preto de 1500 quilómetros entre Galicia, Castela-León, Cantabria e Asturias, saíndo de Salceda de Caselas o luns día 25 de outubro, visitando os concellos de A Rúa, La Bañeza, Aguilar de Campoo, Santillana del Mar, Pola de Siero, Ribadeo, Ortigueira, Betanzos, Rianxo e Lalín, e chegando de novo a Salceda o sábado día 30 de outubro. Serán máis de 25 horas de rodaxe esperando que cada quilómetro percorrido axude a difundir e a recadar o máximo posible para esta nobre causa.

No hospital Sant Joan de Déu Barcelona, co que colaboran, lévase a cabo a investigación de moitas enfermidades raras ou pouco comúns, entre elas está a línea de investigación do Síndrome de Rett, para a cal se destinará toda a recadación desta aventura de “Kilómetros de investigación”.

A presentación celebrouse onte xoves diante da casa do Concelllo, onde os organizadores estiveron acompañados polo equipo de goberno e pola veciñanza que quixo acercarse a dar todo o seu apoio a esta causa.

Nigrán continúa esta fin de semana coa programación do mes do teatro con ‘Fulano, Mengano e Citano’

0

O Concello de Nigrán continúa este sábado 23 co ‘Mes do Teatro’ coa representación de ‘Top Manta’ ás 20:00 no Auditorio Municipal a cargo da compañía viguesa ‘Fulano, Mengano e Citano’, que acude grazas ao programa da Deputación de Pontevedra ‘Tornar ás táboas’.

Os cortes económicos como consecuencia da crise empuxan a dous actores a cambiar os grandes escenarios polo top manta na rúa. Como todas as producións da compañía viguesa, ‘Top Manta’ é unha comedia crítica e sarcástica sobre a realidade, aínda que os seus responsables, escapan do “politiqueo barato”.

O ‘Mes do Teatro’ péchase o domingo 31 coa comedia para todos os públicos ‘Lisístrata’ do grupo ourensán Teatrino.

A Xunta renovará as envolventes dos colexios Pedro Caselles e Pintor Antonio Fernández e da iluminación no CEIP Sobrada de Tomiño

0

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vai renovar as envolventes dos colexios públicos Pedro Caselles e Pintor Antonio Fernández e a iluminación do CEIP Sobrada, no Concello de Tomiño, cun investimento de 513.000 euros.

O delegado territorial, Luis López, acompañado da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e do xefe territorial de Educación, César Pérez, informou desta triple actuación hoxe ao mediodía nunha visita aos centros e destacou o compromiso da Xunta “para telas rematadas canto antes, posiblemente a comezos do vindeiro ano, xa que se trata de dúas obras moi importantes para mellorar a confortabilidade do interior dos inmobles e a súa eficiencia enerxética”.

Neste senso, o representante autonómico indicou que o compromiso con estas melloras “é firme e está avanzado”, posto que xa se atopan en fase de licitación co obxectivo de proceder á súa adxudicación nas vindeiras semanas.

En canto ás actuacións que se realizarán nos colexios Pedro Caselles e Pintor Antonio Fernández, en Goián, consistirán na renovación integral das súas carpintarías exteriores coa dotación de novas envolventes, o cambio de fiestras e portas e a substitución dos sistemas de persiana. A primeira destas obras, a máis importante deste lote, suporá un investimento de 392.480 euros, mentres que no centro de Goián ascende a 66.295 euros

Finalmente, tamén vaise proceder á renovación da iluminación do CEIP Sobrada, onde se colocarán falsos teitos, novas luminarias, mandos de alumeado, sistemas de emerxencia e outras obras auxiliares. Estas nova actuación terá un investimento de máis de 54.681 euros.

“Imos seguir modernizando os colexios de Tomiño, ao abeiro das directrices do Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica, co obxectivo de dispoñer de mellores espazos, máis amplos, ventilados e versátiles e que ademais sexan máis agradables para as comunidades educativas e teñan un maior rendemento dende o punto de vista enerxético”, apostillou.

Finalmente, o delegado territorial lembrou que o compromiso da Xunta coa educación pública de Tomiño vai ter continuidade e revelou que a consellería reservou, no proxecto de Orzamentos 2022, unha partida inicial, fixada en 50.000 euros, para a ampliación do IES Antón Alonso Ríos.

Sés porá a nota musical no programa “Novembro Lila”

0

O concerto da cantautora galega Sés porá a nota musical da programación “Novembro Lila” deseñada pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller do Concello de Baiona.

O auditorio municipal V Centenario de Baiona acollerá o próximo 6 de novembro ás 19:30 horas o concerto de Sés. A artista galega presentará durante o evento o seu novo traballo discográfico ‘Liberar as arterias’. O seu sétimo traballo discográfico repleto de cancións de propia autoría.

O evento forma parte dunha ampla programación de actividades deseñadas pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, “Novembro Lila”, un programa deseñado para dar visibilidade á violencia machista coincidindo con motivo do 25 N, día internacional contra a violencia de xénero. Trátase dunha programación que abarcará todo o mes de novembro e contará cunha importante presenza feminina, cuxas pezas e traballos contan historias vividas e sentidas por mulleres. A programación completa presentarase no Salón de Plenos do Concello de Baiona, o vindeiro venres, 29 de outubro ás 12:00h, onde se desvelarán outras novidosas actividades que se idearon para a edición 2021 do “Novembro Lila”.

Esta programación vai un paso máis aló da estética dunha pancarta que berra “Non á violencia”, quérese entrar na cabeza do público para facelo reflexionar sobre a problemática da violencia machista e a desigualdade entre homes e mulleres, adaptándose ás diferentes idades do público xa que haberá actividades variadas para toda a cidadanía.

O concerto é gratuíto e é necesaria a retirada da entrada previa para poder garantir o cumprimento dos aforos. Desde a Concellería informarase que a partir do 30 de outubro  poderanse reservar as localidades para o evento  a través do calendario da páxina web municipal do Concello de Baiona: www.baiona.gal/calendario.

A apertura de portas para acceder á zona de concertos será unha hora antes, ás 18.30 horas, e a Concellería advirte que será necesario acudir con, polo menos, 15 minutos de antelación. Na entrada do auditorio será necesario ensinar o código QR que se xenera ao inscribirse.

Con respecto ao cumprimento do protocolo Covid, será obrigatorio o uso de máscara, haberá un punto de desinfección de mans no acceso ao recinto e o público, que non poderá introducir comida ou bebida, deberá permanecer sentado no lugar asignado pola organización.

O vindeiro venres,  29 de outubro ás 12:00h, se desvelarán outras novidosas actividades que se idearon para a edición 2021 do “Novembro Lila”. Unha completa programación que se desenvolverá ao longo de todo o mes de novembro, unha aposta do Concello de Baiona por visibilizar a loita contra a violencia machista, unha gran aposta do equipo de goberno.

A Veciñanza Conta e implícase no Rosal

0

A Veciñanza Conta e está moi implicada no Rosal. Así o constatou o equipo de goberno do Concello despois das dez xuntanzas que ao longo de setembro e outubro mantiveron con case 250 rosaleiros e rosaleiras de todos os barrios. Estas reunións tiñan o obxectivo de escoitar cales son as cuestións e necesidades a priorizar na xestión dos recursos, darlle voz á veciñanza para que sume na mellora paulatina do noso pobo, e foron un “éxito”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández.

“Rematamos estas xuntanzas con moitas ideas e coa ilusión de facer un O Rosal mellor contando con todos os rosaleiros e rosaleiras”, explica a rexedora. “Queríamos chegar a todos os barrios para non deixar a ninguén sen oportunidade de contarnos as súas inquedanzas”, explica Ánxela Fernández, e, por iso, o equipo de goberno pasou por Pías, Novás, Pancenteo, Fornelos, San Miguel, Tabagón, As Eiras, Viso dos Eidos, San Xián e O Couso

Durante as xuntanzas tratáronse temas prioritarios nas actuacións do Concello como a recuperación de espazos para as persoas (Ecoparques, mellora da Praza do Calvario, Mercado), o saneamento e mellora das traídas de augas, ou o proceso para facer un O Rosal inclusivo co proxecto Cocreando Sociedade, así como de novos servizos a disposición da veciñanza como o Espazo Crianza.

A mocidade do Porriño participará no Encontro Autonómico de Consellos da Infancia de Galicia

Por segundo ano consecutivo, O Porriño súmase ao Encontro Autonómico de Consellos da Infancia e da Adolescencia, organizado por UNICEF Comité Galicia que vai ter lugar hoxe venres 22 e mañá sábado 23 de outubro. O encontro desta volta será telemático para protexer o benestar das persoas participantes.

O Porriño, xunto cos demais concellos galegos declarados “Cidades Amigas da Infancia”, está convidado a participar para que nenos e adolescentes fagan as súas propostas á Xunta de Galicia. Polo Porriño participarán cinco mozos que son: Nicolás Freiría Casal, Kiara Vázquez Lescano, Laura Carmona García, Alex Loureiro López e Carla Godoy Magalhaes. 

Este ano versarán sobre o medio ambiente. Segundo informa a OMIX do Porriño que coordina a participación dos representantes locais, nestes dous días estarán debatendo e elaborando propostas para que a nosa comunidade autónoma sexa un lugar máis sostible, verde, menos contaminante e teña en conta a participación da xente máis nova.

No mes de novembro, unha persoa de cada concello pertencentes aos grupos de participación, levarán todas as propostas que traballen estes dous días, ao pleno infantil que celebrará o Parlamento de Galicia o día 16.

A Deputación e ASELAGA impulsan un programa formativo sobre o leite ecolóxico

A Deputación de Pontevedra vén de asinar un convenio de colaboración coa Asociación Sectorial Láctea e Agrícola Galega ASELAGA para a realización dun programa formativo sobre a potencialidade do leito ecolóxico e os seus derivados a nivel social, económico e medioambiental na provincia. Mediante esta iniciativa, á que a institución provincial achega máis de 38.000 €, preténdese crear emprego e contribuír á creación de empresas ecolóxicas modernas centradas na elaboración e transformación do leite ecolóxico.

O programa formativo que impulsan a Deputación e ASELAGA conta con seis cursos online de 70 horas de duración cada un e nos que poderán participar 20 alumnas/os por curso. O curso, que se desenvolverá a través dunha plataforma de formación a distancia, centrarase nos métodos e técnicas de produción de leite ecolóxico, na elaboración de produtos derivados do mesmo e nas medidas encamiñadas á conservación do medio natural. A formación online completarase con material didáctico que se achegará en formato físico.

Amais dos cursos online tamén se promoverán seis obradoiros explicativos a distancia, ben a través de vídeos ou outros formatos dixitais, que permitirán achegar ás persoas interesadas as principais técnicas e os principais procedementos para a produción e elaboración de leite e produtos ecolóxicos. Destes obradoiros editarase unha guía resumo con todos os contidos, de tal xeito que as persoas participantes contarán con este material de apoio para poder impulsar os seus proxectos.

Está contemplado tamén a publicación de dúas guías técnicas sobre “Potencialidade do leite ecolóxico” e sobre “Derivados de leite ecolóxico”. Na primeira delas amosaranse os beneficios potenciais de producir leite ecolóxico e, na segunda, analizaranse as calidades e características dos produtos derivados do mesmo.

Esta iniciativa que impulsan a Deputación de Pontevedra e ASELAGA dá resposta á tendencia existente na actualidade entre as persoas consumidoras cara produtos de maior calidade e que, no seu proceso de produción, sigan boas prácticas que respecten a contorna natural e o benestar animal. Hai que ter en conta que a produción ecolóxica é un método alternativo que busca acadar sistemas estables e equilibrados ecoloxicamente, que apostan polo emprego eficiente dos recursos naturais e proporcionan ás persoas consumidoras alimentos nutritivos e seguros. Amais, nas Rías Baixas existen condicións naturais idóneas para producir alimentos orgánicos, con prados e pastos que representan un gran potencial para o desenvolvemento de explotacións gandeiras ecolóxicas vinculadas á terra.

Zona Franca porá en marcha un plan estratéxico en Ponteareas para impulsar o crecemento económico

Ponteareas sumouse hoxe á vintena de concellos da provincia de Pontevedra que xa asinaron o protocolo para participar na elaboración dun plan estratéxico, que elaborará o Consorcio da Zona Franca de Vigo, que permitirá aos municipios e as súas comarcas afrontar os retos da etapa postcovid e impulsar o seu crecemento económico. O delegado do Estado, David Regades, e a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, asinaron o protocolo no Concello.

David Regades explicou que “despois da covid, veremos cambios profundos cara unha nova orde económica e tamén novas oportunidades para o tecido empresarial. Por iso a Zona Franca quere contar cunha folla de ruta que permita, coa máxima eficiencia e aproveitamento dos recursos públicos, despregar accións de calado que revertan no desenvolvemento económico e creación de emprego”.

Cristina Fernández Davila, sinalou que “esta colaboración entre distintas institucións é un exemplo claro de sumar os recursos públicos para conseguir un beneficio para a cidadanía. Este acordo permitirá a elaboración dun Plan Estratéxico que facilitará ao noso Goberno datos reais sobre o tecido empresarial actual, unha información fundamental para a toma de decisións de cara a impulsar novas actividades que posibiliten o crecemento económico, a xeración de emprego e a sostibilidade no noso municipio”.

Pola súa banda, trala aprobación recente do PXOM, a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández, considera “prioritario e necesario ter unha análise exhaustiva da capacidade empresarial, do tecido e das oportunidades que podemos brindar dende o Concello. Agradezo persoalmente a implicación e colaboración de Zona Franca, a través do seu delegado David Regades. Esta será a primeira actuación para comezar o camiño da reactivación económica que tanto precisamos”.

O plan estratéxico incluirá unha exhaustiva diagnose territorial, os obxectivos estratéxicos e unha folla de ruta con actuacións específicas, claras e realistas para a mellora da competitividade económica e a calidade de vida na comarca do Condado, na que o concello de Ponteareas ten un peso significativo.

Entre os obxectivos están establecer as directrices para unha estratexia que supoña un proxecto a longo prazo, facilitar a transformación e o cambio cara a retos futuros, aproveitar as sinerxias e o potencial do territorio, así como as posibilidades de colaboración público-privada, definir actuacións específicas que supoñan un impulso definitivo para o crecemento económico e articular liñas de actuación, acordes coa Estratexia Española de Desenvolvemento Sostible, Axenda 2030.

O plan ten sete fases: diagnóstico estratéxico, workshops, estudio de casos de éxito, liñas estratéxicas, plan operativo, propostas de colaboración e monitorización para o seu cumprimento.

Para empezar o traballo farase unha recompilación de información e datos, cunha análise profunda da situación socioeconómica actual da división económica da que forma parte o concello. O traballo farase tendo en conta a repercusión social e económica que está a ter a crise da Covid-19. Así, recollerá un estudio da economía e o tecido empresarial; tamén da situación da tecnoloxía, innovación e internacionalización; o entorno político e legal; da sociedade e a cultura; da demografía; do medio ambiente; de tendencias e de iniciativas actuais de interese e nivel de desenvolvemento. Toda a información sintetizarase nunha matriz DAFO (debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades).

O segundo paso serán os workshops coa participación dos axentes institucionais, en xornadas provinciais orientadas a fomentar un proceso participativo e a recompilación de opinións, percepcións e ideas de axentes e entidades público-privadas relevantes sobre a situación actual e os retos futuros. Redactarase un documento final coas conclusións e todos aqueles contidos que se consideren relevantes froito da realización das mesas de traballo.

Tamén se fará un estudio de casos de éxito, un estudio de estratexias con obxectivos semellantes que tiveran resultados notábeis a nivel estatal ou internacional e que poidan resultar referentes inspiradores.

A continuación definiranse as liñas de actuación e obxectivos estratéxicos e procederase á formulación do plan de desenvolvemento estratéxico desde unha perspectiva comarcal. Finalmente o plan operativo conterá unha desagregación detallada, específico e realista de accións, actuacións e instrumentos a implementar para a consecución do plan de desenvolvemento estratéxico. Tamén conterá unha folla de ruta para posibles colaboracións no ámbito institucional e empresarial público-privado e se formularán unha batería de indicadores que faciliten a avaliación e seguimento periódico das accións emprendidas e permita a toma de decisións e establecemento de medidas correctoras.

O IES Primeiro de Marzo de Baiona súmase á iniciativa “Homes contra a violencia machista”

0

O 21 de outubro de 2006 celebrouse en Sevilla a primeira manifestación de homes contra a violencia de xénero celebrada en España. O aniversario desta cita converteuse nun símbolo para o movemento de homes que traballan por unha igualdade real entre homes e mulleres.

No ano 2013, no marco dun encontro estatal de asociacións de homes pola igualdade, realizouse a “Declaración de Barcelona”, e estableceuse o 21 de Outubro como o día no que grupos e asociacións de homes pola igualdade saen á rúa para visibilizar, ante a sociedade en xeral pero especialmente ante o colectivo masculino, o seu traballo pola igualdade e o seu rexeitamento á violencia machista. A Asociación de Hombres por la Igualdad de Género (AHIGE) convoca cada ano nesta data a celebración de actos en múltiples localidades de todo o país para mostrar o seu rexeitamento á violencia de xénero, e fano sinalando que: “Os homes non podemos permanecer en silencio ante un problema tan grave como a violencia de xénero. Temos que intervir, temos que mostrar o noso rexeitamento, temos que ser parte da solución, porque o silencio fainos cómplices”.

Por ese motivo, este ano, profesores e alumnos do IES Primeiro de Marzo de Baiona, conscientes da necesidade de dar ese paso á fronte e posicionarse activamente en contra da violencia machista, quixeron sumarse a esta iniciativa e visibilizar o apoio e adhesión a estes movementos.

Pretende ser esta unha convocatoria que simbolice o arranque dun movemento que teña continuidade no centro escolar e que se materialice de múltiples e diversas formas, aínda por definir, pero que sinalen o camiño para seguir cara a un cambio real nas relacións igualitarias entre mulleres e homes, e sobre todo na loita contra a violencia machista.

Hoxe aprobouse o orzamento 2021 na Cañiza

0

Hoxe xoves, 21 de outubro, o pleno do Concello da Cañiza celebrou unha sesión extraordinaria de aprobación inicial do Orzamento de 2021. Un orzamento cunha contía de 5.661.307,87 €. Un exercicio contable que destaca por ser o máis alto da historia do Concello e que supera ao orzamento aprobado no ano 2007, sendo alcalde César Mera, que ascendeu a 4.806.493,54 €, ata este momento o máis alto aprobado por esta administración.

O Capítulo de Investimentos de 2021 case duplica a inversión de 2020 con 2.068.115,25 € para melloras das infraestruturas e servizos públicos locais. Ademáis, a porcentaxe que terá que asumir o concello, con cargo aos recursos propios, apenas chega  ao 1,75%: un total de 36.047,91 €. Importe que ademais está  subvencionado nun 98,25% por outras administracións, nas que destaca o Goberno de España e o IDAE, o Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético que subvencionou ao Concello da Cañiza con 1.421.379,00 € para a reforma do alumeado público da Cañiza, Oroso, Petán, Couto e Parada. Tamén na anualidade de 2020 o IDAE sunvencionou os traballos de reforma integral do alumeado público de Valeixe, Franqueira e Achas, nesta parroquia a piques de comezar nestes meses.

A aportación da Deputación Provincial presidida por Carmela Silva subvenciona ao Concello neste 2021 con 395.114,28€ para a execución das porcentaxes non cubertas polo IDAE das reformas do alumeado público, para unha mellora no Parque Central da Cañiza, a reforma dos Vestiarios do Pavillón Carballo do Marco, a adquisición dun brazo desbrozador e a pavimentación de camiños no lugar de Adegas e Tallós en Valeixe.

Por último a Xunta de Galicia aporta ao Concello 215.574,06 €uros para cubrir a porcentaxe da reforma do Alumeado público do Couto e Parada, para a adquisición dun Videomarcador para o Pavillón da Cañiza e para a pavimentación dos mencionados camiños da Adega e Tallós.

Un capítulo de investimentos no que o Concello solo terá que aportar o 1,74% dos seus recursos propios para a adquisición de contenedores de recollida de lixo, a parte proporcional de adquisición do videomarcador e do brazo desbrozador así como da pavimentación dos viais de Valeixe. Tamén o Concello asume o pago da cuota 14º da compra dunha parcela no lugar da Igrexa-Oroso (a pagar en 25 anos) e de 4 equipos informáticos para as oficinas xerais. Un total de 36.047,91€.

Unha operación económica que según declarou o alcalde, Luis Piña, “se logra a pesares da dura situación económica afrontada pola gobernanza”.

Luis Piña continúa explicando que “neste Exercizo Contable contrasta o reaxuste do gasto co capítulo de investimentos en melloras nos servizos e equipamentos públicos, xa que é o máis alto da historia do Concello, grazas á capacidade de captación de fondos e subvencións  sen apenas aporte de recursos propios para executar as obras”.

A pesares destas circunstancias o Concello aproba uns orzamentos destinados a continuar mellorando e modernizando o equipamento municipal, como é o caso da reforma integral do alumeado público, un dos servizos máis importantes do Concello que reclamaba esta reforma hai tempo non solo polas deficiencias da instalación senón tamén pola eficacia e aforro enerxético que permitirá reducir os gastos en consumo eléctrico e garantir unha mayor seguridade cidadá.

Obras incluídas no Capítulo VI de inversión para este exercicio económico financiados ao 100 %

  • Reforma do alumeado público A Cañiza 1, cunha inversión de 520.598,49 €, financiadas polo Estado (IDAE) en 416.478,79 e a Deputación de Pontevedra en 104.119,70 €.
  • Reforma do alumeado público A Cañiza 2, cunha inversión de 499.438,63 €, financiadas polo Estado (IDAE)  con 399.550,90€ e a Deputación de Pontevedra en 99.887,73 €.
  • Reforma do alumeado público de Oroso e de Petán, cunha inversión de 372.225,41 €, financiadas polo Estado (IDAE) con 293.247,75€ e a Deputación de Pontevedra con 78.977,66 €.
  • Reforma do alumeado público de Couto e de Parada, cunha inversión de 390.126,95 €, financiadas polo Estado (IDAE) con 312.101,56€ e a Xunta de Galicia con 78.025,39 €.
  • Reforma no Parque Central da Cañiza cunha inversión de 22.109,83 € subvencionada polo Plan Concellos da Deputación.
  • Reforma dos vestiarios do pavillón da Cañiza, cunha inversión da Deputación de 48.763.70 €.

Inversións nas que o Concello terá que participar con recursos propios

  • Adquisicións de contenedores de recollida de lixo cunha inversión de 41.017,35 € e que conta cunha subvención da Xunta de Galicia de 32.978,10 €.
  • Adquisición dun Videomarcador para o pavillón da Cañiza cun investimento de 25.800 € e cunha axuda da Xunta por convenio de 20.000 €.
  • Adquisición dun brazo desbrozador cun coste de 20.000 € e cunha subvención da Deputación a través do Plan Concellos de 18.000 €.
  • Pavimentación dos camiños de ADEGAS e TALLÓS en Valeixe cun investimento total de 113.668,39 €. Nesta obra o Concello terá que aportar 5.842,16 € , a Xunta de Galicia 84.570,57 € e a Deputación de Pontevedra 23.255,66 €.

Inversión a conta soamente do propios recursos do Concello

  • Pago da cuota nº 14 ( de 25) de adquisición de parcela en Igrexa-Oroso por importe de 12.026,50 €.
  • Equipación informática e mobiliario para oficinas: 2.340,00 €.

Neste exercicio económico tamén se dedicou unha importante partida aos servizos sociais, sobre todo á atención dos nosos maiores e ás persoas en situación de exclusión social.

Aplicarase tamén a subida do 0,90 % nos salarios de toda a estructura do Concello, traballadores e equipo de Goberno. Subida aprobada nos «Presupuestos Generales del Estado» e de aplicación para todas as Administracións públicas.

Novamente, o alcalde recorda a todos os veciños que “estes orzamentos estarán a exposición pública durante un mes ata a aprobación definitiva e posteriormente estarán permanentemente a disposición de todos os cañicenses”.

A Deputación conmemora o Día da Biblioteca coa mostra virtual ‘A provincial en libros’

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, vai celebrar o Día Internacional da Biblioteca que cada ano se conmemora o 24 de outubro coa publicación da exposición virtual ‘A provincia en libros’. A mostra (xa dispoñible en https://arquivos.depo.gal/a-provincia-en-libros) pretende achegarlle á cidadanía o fondo bibliográfico máis destacado e voluminoso da biblioteca do Arquivo dando a coñecer unha selección de 69 referencias bibliográficas de editoriais públicas e privadas.

A exposición está dividida en dous apartados: un que fai referencia a libros relacionados coa provincia como entidade administrativa xeral e outro dedicado de maneira individualizada a cada un dos 61 concellos, cun mapa interactivo que permitirá, premendo en cada municipio, acceder aos datos dun libro relacionado con este. Todas as publicacións teñen dispoñible unha ligazón ao seu rexistro bibliográfico completo no buscador Atopo, mentres que unha pequena porcentaxe poderá tamén ser consultada en liña por tratarse de obras en réxime de dominio público.

Segundo indica a deputada responsable do servizo, María Ortega, quen destacou o traballo do persoal do Servizo responsable da biblioteca, “a pequena exposición virtual pretende dar visibilidade aos nosos fondos, cuxo obxectivo fundamental é reunir, conservar e difundir a maior bibliografía posible sobre a provincia de Pontevedra e os seus diferentes concellos”.

No paseo polo mapa virtual dos libros da provincia pódense atopar pezas de temática variada que abordan dende cuestións económicas xerais, tradicións, música, nomenclátor, galeguismo, montes veciñais, deportes ou memoria histórica, entre outros. Entre os títulos hai creacións como ‘Grabados rupestres de la provincia de Pontevedra’, ‘Nigrán: memoria dunha guerra: 1936-1939’, ‘As colareiras do Grove’, ‘A Vilagarcía das vellas postais’, ou ‘A finca do Castelo de Soutomaior’ ou ‘Cruces, cruceiros e petos do concello de Pazos de Borbén’, que permiten facer un percorrido e coñecer cuestións relevantes e tamén anecdóticas de cada unha das localidades.

Na actualidade, a colección da biblioteca provincial está composta por un total de 25.695 volumes de monografías e 16.551 exemplares de revistas, dos que preto dun 85% pertencen ao denominado fondo ‘Galicia’ (bibliografía de temática galega) e aproximadamente un 70% están directamente relacionados coa provincia de Pontevedra e os seus concellos.

A grande maioría dos libros están accesibles nas instalacións do Arquivo na modalidade de préstamo a domicilio e a información que conteñen vese enriquecida co resto de materiais (documentais, cartográficos e audiovisuais) dispoñibles no Servizo e no buscador Atopo. No que vai de 2021 foron 195 persoas usuarias (das 1.098 dadas actualmente de alta na biblioteca) que fixeron uso dos servizos de préstamo a domicilio (729) e consulta en sala (452).

Boletín de novidades

Ademais da mostra virtual, o departamento da biblioteca tamén publicou estes días o seu boletín de novidades por dúas vías, a través do correo electrónico ás persoas  interesadas que o teñen solicitado mediante o enlace habilitado na web e tamén en versión pdf na páxina web do servizo, no apartado específico de ‘Novidades bibliográficas’. Nesta ocasión, o boletín inclúe 40 novidades co seu correspondente enlace á ficha no Atopo.

Entre as incorporacións –xa a disposición do público- hai libros editados entre 2020 e 2021 relativos ás figuras homenaxeadas nas últimas edicións das Letras Galegas, Carvalho Calero e Xela Arias; libros sobre memoria histórica como o publicado dende a Deputación coordinado por Montse Fajardo ‘O Pasado Por Vir’, ‘Barbacenses en Mauthausen’ ou ‘Cartas na Memoria: a persecución franquista no Val Miñor’; de temática feminista; arte; ou outros singulares como ‘Castelao e os vascos’ de Iñaki Anasagasti e ‘A presencia de Castelao en Euskadi: un líder carismático para os vascos’, de Xosé Estévez.

Os Reis visitarán o CRA Mestra Clara Torres de Tui premiado pola Fundación Princesa de Girona

0

As súas Maxestades entregarán o Premio Escola do Ano 2020 da FPdGi (Fundación Princesa de Xirona) ao CRA Mestra Clara Torres de Tui, recoñecido por ser un exemplo de dinamización en contornas rurais con seis aulas disgregadas en distintas parroquias do municipio. A visita terá lugar no mesmo centro o vindeiro xoves 28 de outubro.

Un xurado de expertos outorgou o galardón a esta escola galega que destaca polo seu compromiso coa integración pedagóxica do valor da solidariedade e pola súa capacidade de transformación educativa.

O acto contará coa presenza das principais autoridades de Galicia e da rexión, xunto a personalidades do ámbito educativo e da comunidade.

Coincidindo coa visita, os Reis terán un encontro informal con mozos de «Xeración docentes», o programa de desenvolvemento profesional docente que aposta pola contorna rural nas prácticas curriculares polos seus valores pedagóxicos e a súa innovación

Xa están en execución 3 das 12 actuacións do Plan de Mellora de Viarios Públicos do Porriño

A concelleira de Vías e Obras do Concello do Porriño, Lourdes Moure, xunto co enxeñeiro municipal e técnicos das empresas adxudicatarias, inspeccionaron a posta en marcha de tres das obras incluídas no Plan de Mellora de Viarios Públicos. Trátase dunha ducia de actuacións de asfaltado, saneamento e mellora dos servizos municipais nas parroquias do municipio.

Os primeiros traballos xa se están a realizar en Madorras-Mosende, na Pontenova-Atios e na chamada curva de “Smurfit” en Os Eidos, no polígono industrial.

Ademais das tres mencionadas, esta primeira fase do Plan de mellora de Viarios Públicos inclúe actuacións de saneamento e asfaltado na Serra da Auga-Carracido; en Casal-Budiño; pavimentación en Parada-Chenlo e acondicionamento de acceso desde a estrada PO-331 ata a curva de Lonza, en Torneiros.

Así mesmo, programouse o asfaltado en Portela do Souto-Atios; A Ribeira-Torneiros; A Pereira-Torneiros; Orbenlle-Budiño e na rúa Fernández Areal, no centro de Porriño.

O importe total destas doce actuacións é de 729.478 euros, partida que foi aprobada por unanimidade pola corporación no pleno ordinario do 28 de xullo, despois das negociacións que Lourdes Moure, concelleira de Vías e Obras mantivo cos grupos municipais.

Nigrán participará na bonificación 2022 do transporte metropolitano para favorecer á veciñanza

0

O Concello de Nigrán consignará no vindeiro pleno do 25 de outubro  50.967 € para bonificar o transporte metropolitano na área de Vigo aos seus veciños durante o 2022, cantidade que volverá a asumir o municipio no 2023, tal e como figuran no novo convenio de colaboración coa Xunta. Isto permitirá que máis de 800 menores de 21 anos empadroados na localidade viaxen gratis coa tarxetas ‘Xente Nova’, ademais de posibilitar outras bonificacións. Nigrán é o segundo municipio que máis cartos achega, só por detrás de Cangas con 99.436 € e seguido por Baiona con 36.000 € e Redondela con 27.576 €.

“A bonificación no transporte é a costa das arcas municipais porque é polo interese da nosa veciñanza, sen embargo, é unha mágoa que a Xunta sempre rexeite colaborar económicamente nos convenios que lle ofrecemos desde o Concello”, considera o alcalde, Juan González.

Así, a pesares de sumarse a este convenio, os propios servizos xurídicos do Concello reiteran á Xunta no seu informe que o transporte colectivo urbano non é unha competencia municipal (tal e como recolle a lei reguladora das bases do rexime local LBRL) e só ten carácter obrigatorio para os municipios de máis de 50.000 habitantes, non sendo o caso de Nigrán. Recorda, ademais, que o servizo de transporte interurbano é de titularidade da Xunta de Galicia, que foi quen adxudicou o contrato, e que polo tanto é quen tería a competencia para acordar bonificacións no marco da sús política de tarifas. Neste sentido, subliñan que os recursos públicos, neste caso dos concellos, non son os que se teñen que por sempre como opción preferente á hora de equilibrar déficits tarifarios sen contemplar siquera ás empresas concesionarias.

A literatura galega respira no Club de Lectura da Biblioteca de Ponteareas coa visita de Ledicia Costas

A escritora Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura en 2015, visitou o Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Ponteareas para falar cos seus integrantes dunha das súas obras máis importantes: Infamia, a novela coa que o grupo retomou a actividade en setembro, e tamén de literatura en xeral. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, destacou que “a xornada foi moi rica para todos e todas”, xa que “aprendemos moito da man dunha marabillosa autora galega”, que, ademais, “mostrouse moi humilde e amábel con nós”.

O edil aproveitou tamén para indicar que é a primeira vez que o Club de Lectura recibe a unha Premio Nacional de Literatura, ao tempo que destaca que visitas coma as de Ledicia Costas mostran que “a literatura está moi viva en Ponteareas”, e indica que, “este contexto pode ser o xermolo para autores e autoras noveis da vila”.

As actividades do Club de Lectura enmárcanse dentro do programa de animación á lectura para adultos que realiza a Concellaría de Cultura. Durante estas xuntanzas as e os membros debaten sobre a obra escollida, sobre o seu estilo literario, a propia acción, os personaxes, a temática… ou incluso sobre experiencias persoais evocadas por cada un dos e das participantes durante a lectura. “Non se trata dunha reunión de especialistas en literatura, senón de persoas ás que lle gusta ler e que atoparán no Club o pracer da lectura compartíndoa con outros veciños e veciñas”, explica Fernando Groba.

Coa súa visita Ledicia Costas uniuse á longa lista de creadores como Francisco Castro, Alfonso Pexegueiro, Xavier Quiroga, Santiago Lopo, Juan José Lago Pereira, Juan Xosé Pérez Labaca… que ademais de analizar unha das súas obras, compartiron co Club de Lectura a súa experiencia sobre o mundo do libro e a literatura.

As persoas interesadas en participar no Club de Lectura deben poñerse en contacto coa Biblioteca Municipal de Ponteareas chamando ao 986 660 765 ou enviando un correo electrónico ao enderezo [email protected].

A Deputación axiliza a mellora da EP-3001 en Rebordáns, Tui

0

A Deputación de Pontevedra axiliza as obras de mellora da seguridade viaria e a mobilidade peonil na EP3001 en Rebordáns, no Concello de Tui, e vén de licitar estes traballos por un orzamento de 114.462€ (sen IVE). En concreto, estas obras, destinadas a dotar á estrada dunha zona de tránsito seguro e coa visibilidade adecuada, seguindo o modelo de mobilidade segura e sostible da institución provincial, desenvolveranse nun treito de 155 metros da estrada e financiaranse ao través do convenio entre a institución provincial e o Concello, no que a primeira aportará un 80% do orzamento e a administración local o 20% restante.

No tramo obxecto de actuación na EP-3001 en Rebordáns executaranse dous pasos sobreelevados, limitarase a velocidade e aumentarase o radio da curva para executar unha senda pola marxe dereita e construirase outra na esquerda.

Tamén se pavimentará o treito con novo firme, realizarase pintado das marcas lonxitudinais e superficiais, instalaranse novas sinais verticais e melloraranse servizos como a rede de pluviais, de alumeado e telecomunicacións. As empresas teñen de prazo ata o 3 de novembro para presentar a súas ofertas para realizar esta obra.

Estreas musicais, teatro familiar e memoria histórica esta fin de semana en Gondomar

0

Gondomar segue desenvolvendo o seu programa cultural que está pensado para alcanzar ao maior número de público ofrecendo variedade de contidos nas actividades prevsitas esta semana, que inclúe a estrea do novo traballo de Teo Cardalda, “Claves Líricas”, baseado na obra de Valle-Inclán.

O pano do Auditorio Lois Tobío levantarase este xoves 21 de outubro a partir das 20.00 horas para acoller a representación da man de “Os Quisquilláns” da obras “A Señora da Forcadela”, enmarcada dentro das accións que o Instituto de Estudos Miñoranos programa cada ano en outubro dentro do “mes dá memoria” e ás que se suma Gondomar.

Será o venres 22 a partir das 20.30 cando Teo Cardalda caracterizado como Valle-Inclán, acompañado dunha Xosefina Blanco moi similar a María Sonsolís, estreará en Gondomar, municipio no que residen ambos, este novo traballo no que recupera poemas do escritor de Vilanova de Arousa e envólvenlles de música, proxeccións e coreografías que nos permitirán viaxar a través do rock, ou rap ou a balada.

O sábado 23, quenda para o teatro familiar coa representación de “Animal Sagrado”, escrita, dirixida e coprotagonizada por Diana Mera. Unha representación na que se xoga co pasado e o presente para lembrar o lugar que os animais deben ter na nosa vidas, e a necesidade de coidalos. Unha obra que arrincará ás 19.00 horas no Auditorio municipal de Lois Tobío.

Máis info: hptts://taquilla.concellodegondomar.

Os Bolechas chegan a Arbo da man do programa “Falaredes” da Xunta

0

O Concello de Arbo, vén de poñer en marcha a actividade cultural para ir facendo camiño á nova normalidade, con actividades adaptadas e sempre cumprindo coa normativa, pero que ofrecen un momento de lecer e divertimento para a poboación infantil do municipio. 

Dentro da programación de actividades do Outono Cultural do ano 2021, está programada a actuación dos Bolechas co titulo “OS Bolechas Fan o Camiño Marciano”, o vindeiro día 23 de outubro ás 18:00 horas no Auditorio do Centro Multiúsos de Arbo.

Coma sempre, a entrada é gratuíta ata completar aforo e obrigatorio o uso de mascarilla e as demais recomendación recollidas no protocolo da Covid-19.

A actividade está encadrada no programa de dinamización da Lingua galega da Secretaria Xeral de Política Lingüística “Falaredes”, ao que está adherido o Concello de Arbo.

“Dende o Concello de Arbo, solicitamos colaboración dos asistentes, para que se cumpran todas as medidas Covid para o evento, que os nenos participantes vaian acompañadas por un adulto, que en todo  momento se utilice a mascarilla e que se cumpra coas indicacións dadas polos voluntarios e colaboradores do Concello de Arbo, encargados de supervisar e facer cumprir os protocolos e recomendacións das autoridades sanitarias durante toda a actividade”, declarou o goberno local.

A Xunta investirá nas obras para minimizar o risco de inundación do río Viladesuso en Oia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, adiantou que os Orzamentos da Xunta para 2022, que foron entregados ao Parlamento de Galicia, recollen un investimento de 375.000 euros para executar as obras necesarias para minimizar o risco de inundación no río Viladesuso, ao seu paso polo concello de Oia.

Vázquez Mourelle confirmoulle á alcaldesa de Oia, Cristina Correa, este investimento, coincidindo coa sinatura do convenio de colaboración que impulsa a execución da 2ª fase das obras de mellora do comportamento hidráulico do río, que está cualificado como área de risco potencial significativo de asolagamento no Plan de Xestión de Riscos de Inundacións da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa, na zona da ponte da Serra Seca.

No encontro mantido na delegación territorial da Xunta en Pontevedra, a conselleira concretou que o departamento que preside reserva en 2022 a partida de 0,35 M€, necesaria para executar as obras.

En canto ao convenio selado onte, o acordo permite establecer as condicións de colaboración para executar as obras que permitan incrementar a sección hidráulica da zona da ponte da Serra Seca e da protección do leito do río fronte á erosión, sobre todo nos tramos curvos.

No que se refire aos compromiso establecidos neste convenio, o departamento que preside Ethel Vázquez comprométese a financiar integramente as actuacións e a contratar e executar as obras destinadas a reducir os efectos negativos dos asolagamentos nesta área. As obras estarán cofinanciadas no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014/2020.

Pola súa parte, o Concello de Oia asume a posta á disposición e xestión dos terreos necesarios, para a execución das actuacións, a tramitación das autorizacións precisas para acometer as obras, e a conservación en bo estado das obras e as instalacións.

Mellora da capacidade hidráulica do río Viladesuso

As intervencións obxecto desta colaboración reforzan os traballos executados por Augas de Galicia de mellora da capacidade hidráulica do río Viladesuso, na zona do Sobral, e inciden nas actuación realizadas para paliar os efectos dos incendios acaecidos na bacía do río Viladesuso no 2006.

O orzamento da primeira fase roldou os 152.000 € que, sumado ao desta segunda fase, suporá un investimento autonómico global de máis de 525.000 €.

No marco do acordo asinado, Augas de Galicia ten proxectadas seis novas actuacións para aumentar a capacidade hidráulica ao longo do río Viladesuso.

Entre os traballos que se executarán inclúense a protección do leito na marxe esquerda do río, mediante a construción dun noiro de protección de dique; así como o aumento da sección hidráulica da ponte mediante a construción dun marco prefabricado de formigón de 4 metros e unha pendente constante do 5% como o leito do río. Augas arriba das estruturas, entre o estribo da ponte e o novo marco, construirase unha pequena cuña triangular de formigón para facilitar o comportamento  hidrodinámico do fluxo de auga en época de avenidas e reforzarase a cimentación dos  estribos da ponte mediante dique.

Tamén se retranqueará o leito na marxe esquerda do río e construirase un novo muro, coa finalidade de dar continuidade hidráulica ao caixón construído na ponte. Derribarase o actual muro existente na marxe dereita do río e executarase un novo retranqueo, con noiro no leito, reforzándose a marxe dereita do río.

Para a realización das obras está previsto reutilizar o material depositado no leito: as rocas de maior tamaño serán seleccionadas e reutilizadas para a construción do manto principal de dique, e o resto de material do río, previamente clasificado, poderá ser reutilizado como manto secundario.

O Goberno galego mantén a aposta pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte aos efectos do cambio climático e ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.

Mos celebra unha reunión sindical sobre o orzamento 2022 que se atopa en proceso de elaboración por parte do goberno local

0

Onte celebrouse unha reunión cos representantes de parte dos sindicatos do Concello de Mos, CCOO e CSIF, na que estiveron presentes a alcaldesa, Nidia Arévalo, a concelleira de Persoal, Julia Loureiro, o Secretario Municipal, Carlos Piñeiro Sarmiento, e a Interventora, Sonia Dapena Lois.

 O motivo da xuntanza foi tratar cos representantes sindicais a partida de persoal no orzamento municipal para o próximo ano 2022, no que o equipo de goberno local, encabezado pola rexedora Nidia Arévalo, se atopa traballando. Desde o goberno quíxose escoitar as propostas e aportacións sindicais a este respecto, para telas en conta na confección do documento presupostario, que lles detallarán aos sindicatos nunha nova Mesa de Negociación Sindical convocada xa para comezos do vindeiro mes de novembro.

Durante o encontro desta mañá, tratáronse posibles melloras e modificacións na Relación de Postos de Traballo (RPT) municipal, sobre as que os sindicatos realizaron as súas aportacións.

A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, expresou hoxe a súa “satisfacción ante o diálogo e capacidade de negociación coa Mesa de Negociación Sindical respecto do vindeiro orzamento de 2022”. Rexedora local e Julia Loureiro, edil de Persoal, expresaron que “tras a actualización do 2019, consideramos que a RPT atópase óptimamente actualizada e mellorada, aínda que sempre cabe a posibilidade de puntualizacións ou pequenos detalles que se poden pulir, por iso estamos abertos a considerar as aportacións dos sindicatos”.

A última actualización da Relación de Postos de Traballo fíxose en 2019 ante a existencia na plantilla local de novas situacións laborais que non se recollían na Relación de Postos de Traballo do Concello de Mos, cuxa anterior modificación fora aprobada definitivamente en sesión plenaria de 25 de abril de 2016.

Orzamento municipal 2022

A alcaldesa de Mos e os concelleiros do Concello atópanse mantendo reunións co departamento de Intervención para confeccionar o orzamento municipal para o vindeiro ano 2022, que esperan poder entregarllo próximamente aos grupos políticos da oposición para que poidan estudalo e posteriormente será levado a aprobación no Pleno, antes de que remate o presente 2021.

Este documento económico anual en Mos sempre se aproba en tempo e forma, antes do inicio do novo exercizo, desde o ano 2009 que Nidia Arévalo é alcaldesa.

A música de Golfiños encherá este venres o Teatro Municipal de Tui

0

A música encherá este venres o Teatro Municipal de Tui co concerto “O soño dos golfiños” da man de Golfiños. O grupo está formado por Elena Paz Alonso, voz; Jesús Moares Lameiro, teclado; e Javier Ricardo Álvarez Fernández, guitarra.

Dirixido a público familiar a partir dos 3 anos este espectáculo musical fará unha viaxe por un mar de músicas cun repertorio moi variado, cantando novos temas e lembrando as súas cantigas de sempre. No mesmo haberá tempo para cantar, para bailar, para sorrir, e soñar.

“O Soño dos Golfiños” é o segundo traballo de Golfiño. Co primeiro “Té, chocolate, café”, co que foron finalistas nos premios Martín Códax da Música. A través da súa música Golfiños formou parte de proxectos como Galitoon ou Baobab no eido teatral e tamén teñen presenza en espazos televisivos.

As entradas para o concerto está á venda en www.tui.gal aos presos de 4€ e 3€ até o venres ás 18.30 h.

Máis de 200 escolares de Nigrán recibirán un bautismo de surf gratis

0

O Concello de Nigrán rematou o seu primeiro programa de bautismos de surf gratuítos dirixidos a escolares do municipio co fin de promover desde a infancia este deporte de gran raigame na localidade. A actividade permitíu que gozasen das ondas de Patos 230 nenos e nenas de Primaria (fundamentalmente quinto e sexto) dos colexios de Mallón, Humberto Juanes, Camos e Arquitecto Palacios. Iniciouse o mércores 13 de outubro e hoxe rematou con 41 rapaces de Mallón que, ademais, recibiron unha charla do deportista de surf adaptado Santiago de Lima.

Así, por vez primeira, desde o Concello ofreceuse a todos os centros públicos a posibilidade de que o alumnado recibise 2 horas de clases a cargo de profesores titulados grazas á colaboración das cinco escolas de surf do municipio. O programa incluíu seguro de accidentes e o transporte en autobús (o Concello ofreceu un vehículo a cada centro).

“O surf forma parte da esencia de Nigrán e por iso queremos achegalo aos nenos, o deporte é saúde e o surf ademais leva asociados uns valores medioambientais que hai que fomentar desde a infancia”, explica o alcalde, Juan González.

A cultura do deporte sobre as ondas está cada vez máis arraigada entre a cidadanía e conleva un xeito de vida ecolóxico, sano e sostible, por iso o Concello de Nigrán está a pechar o irmandamento oficial con Valdoviño, municipio coruñés co que comparte Historia común grazas precisamente ao surf. Este deporte supón tamén para Nigrán un importante revulsivo económico, o barrio de Patos en Panxón, coas praias da Cansadoura, o Pico de Patos e o propio areal de Patos, son o espazo de cinco escolas e, paralelamente, de negocios de hostalería e tendas temáticas. Ademais, supón un atractivo turístico durante todo o ano, especialmente no inverno, cando os bañistas desaparecen. Xusto durante eses meses celébranse campionatos locais, autonómicos, nacionais e internacionais xa recoñecidos e que reforzan esa imaxe de municipios sans, saudables, ecolóxicos e onde a natureza é a protagonistas.

En Valdoviño, o propio Oceano Surf Museo, único de España adicado a este deporte, recolle documentalmente (mediante fotos e vídeos cedidos) aos surfistas pioneiros en Galicia, que comezaron na praia de Patos atraídos polo aspecto natural e salvaxe deste areal e que pouco despois tamén chegaron a contorna de Ferrol.