16.8 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasA literatura galega respira no Club de Lectura da Biblioteca de Ponteareas...

    A literatura galega respira no Club de Lectura da Biblioteca de Ponteareas coa visita de Ledicia Costas

    A escritora, Premio Nacional de Literatura, reflexionou coas persoas asistentes sobre unha das súas obras máis importantes, Infamia

    A escritora Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura en 2015, visitou o Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Ponteareas para falar cos seus integrantes dunha das súas obras máis importantes: Infamia, a novela coa que o grupo retomou a actividade en setembro, e tamén de literatura en xeral. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, destacou que “a xornada foi moi rica para todos e todas”, xa que “aprendemos moito da man dunha marabillosa autora galega”, que, ademais, “mostrouse moi humilde e amábel con nós”.

    O edil aproveitou tamén para indicar que é a primeira vez que o Club de Lectura recibe a unha Premio Nacional de Literatura, ao tempo que destaca que visitas coma as de Ledicia Costas mostran que “a literatura está moi viva en Ponteareas”, e indica que, “este contexto pode ser o xermolo para autores e autoras noveis da vila”.

    As actividades do Club de Lectura enmárcanse dentro do programa de animación á lectura para adultos que realiza a Concellaría de Cultura. Durante estas xuntanzas as e os membros debaten sobre a obra escollida, sobre o seu estilo literario, a propia acción, os personaxes, a temática… ou incluso sobre experiencias persoais evocadas por cada un dos e das participantes durante a lectura. “Non se trata dunha reunión de especialistas en literatura, senón de persoas ás que lle gusta ler e que atoparán no Club o pracer da lectura compartíndoa con outros veciños e veciñas”, explica Fernando Groba.

    Coa súa visita Ledicia Costas uniuse á longa lista de creadores como Francisco Castro, Alfonso Pexegueiro, Xavier Quiroga, Santiago Lopo, Juan José Lago Pereira, Juan Xosé Pérez Labaca… que ademais de analizar unha das súas obras, compartiron co Club de Lectura a súa experiencia sobre o mundo do libro e a literatura.

    As persoas interesadas en participar no Club de Lectura deben poñerse en contacto coa Biblioteca Municipal de Ponteareas chamando ao 986 660 765 ou enviando un correo electrónico ao enderezo bibliotecamuseo@ponteareas.gal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.