Xoves, 21 Agosto de 2025

O Concello de Oia habilita un visor para consultar as faixas de seguridade fronte a incendios

0

O pleno do Concello de Oia vén de dar a aprobación definitiva ao seu Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. O documento define as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable. Tendo en conta que as fincas que se atopen nestas faixas deben estar limpas, o Concello xa ten en marcha unha ferramenta web que permite, de xeito sinxelo e áxil, acceder a información sobre que parcelas están afectadas.

O visor está xa accesible na páxina do Concello (www.concellodeoia.es) facendo click no apartado “Faixas biomasa”. Tamén pode consultarse directamente a través da ligazón https://arcg.is/1PaCTK0.

Acceso áxil e sinxelo

Esta ferramenta web permite consultar a información  empregando un ordenador, tableta ou teléfono móbil. Entre outras utilidades, a aplicación inclúe opcións de localización GPS e permite a procura de parcelas segundo a referencia catastral ou o enderezo. Tamén ofrece a posibilidade de imprimir os mapas. Con este novo sistema ponse ao dispor da veciñanza unha ferramenta doada de empregar e que permite facer a consulta en calquera momento, aproveitando a practicidade das tecnoloxías GPS e obtendo a información de xeito inmediato. Non obstante, as persoas titulares de parcelas que teñan algunha dúbida relacionada coas faixas de xestión de biomasa poden acudir ao Concello.

O alcalde das Neves reúnese coa conselleira de Infraestructuras e mobilidade en Santiago

0

Xosé Manuel Rodríguez Méndez, alcalde das Neves, mantivo unha reunión de traballo en Santiago coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para tratar varios temas pendentes que afectan ao concello.

O principal foi o do acceso ás Neves dende PO-400 e a necesidade de construir unha nova rotonda entre esta estrada e a PO-415, para calmar o tráfico entre o acceso ao centro da vila e Setados, unha demanda histórica das veciñas e veciños desta parroquia, que reclaman, dende hai unha década, máis seguridade, medidas de redución da velocidade e mellora de regulación do tráfico nun punto de alta intensidade de tráfico, procedente tanto das Neves como de Arbo e Salvaterra.

Mobilidade e seguridade peonil

O alcalde tamén plantexou á conselleira a necesidade dunha actuación integral para a mellora da mobilidade nas Neves. A mesma abrague a reforma do treito entre a rotonda do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e o acceso á Eira da Liñaza, garantindo a seguridade do entorno escolar.

Do mesmo xeito, Xosé Manuel Rodríguez, lembroulle a Ethel Vázquez o compromiso de construción dunha senda peonil entre o Instituto e a popularmente coñecida como ‘rotonda do Montesol’, que da acceso ao centro da vila. O feito de poder contar coa mesma posibilitaría completar a conexión entre o IES e o colexio, de xeito que o treito entre os dous centros de estudos se fixese a pé, contando coa máximas garantías para os peóns, regulando o tráfico de vehículos no entorno dos dous centros, nas dúas entradas das Neves e darlle a este espazo a consideración de ‘travesía urbana’ que uniría os parroquias de Tortoreos e Setados.

Complemento dos proxectos actuais

A realización destas melloras completaría os dous proxectos que o Concello ten en marcha na actualidade. O primeiro é a reforma da entrada dende a estrada de Ponteareas, que inclúe novas beirarrúas, máis ancho de calzada, humanización do entorno, unha nova parada de autobús e maís espazos verdes, e que será unha realidade a finais deste mes de agosto.

O segundo é a humanización da Eira da Liñaza, unha das grandes obras da historia do concello, que conta cun orzamento de case 400.000 euros, dos que a Deputación achega 359.798 e o Concello das Neves algo máis de 39.000, e que permitirá actuar nunha parte da vila situada xunto ao colexio, a escola infantil ou o Pavillón Municipal de Deportes, na contorna das rúas San Agustín e Rosalía de Castro, xa arranxadas polo Goberno local.

Covelo adquire un novo camión para o tratamento e recollida do lixo

0

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, informa que o Concello vén de adquirir un novo camión para a recollida do lixo. Este novo vehículo foi adquirido con fondos propios do Concello por un importe de 145.200 €.

O novo camión do lixo súmase aos dous vehículos existentes para a recollida de contedor verde e selectiva. A boa xestión económica do concello permite que vaimos implementando melloras que repercuten na calidade de vida das persoas da nosa vila.

Destinado á recollida e tratamento de residuos o novo camión do lixo ten unha capacidade máxima de carga de 18.000kg e unha tolva compactadora para 12 m3, caixa de cambios automática para seis velocidades, aire acondicionado, cámara traseira e espazo para tres persoas na cabina.

Entre outras moitas características, o chan da caixa contará cunha bandexa para a recollida de lixiviados que serán extraídos por medio dunha válvula con billa exterior da caixa do lado dereito. A tolva estará dotada duna válvula con billa para a retirada de líquido no súa parte inferior dereita

O equipo está equipado cun sistema de uso en función manual para os casos nos que os sistemas automáticos se avaríen co fin de que o vehículo poida terminar a recollida e/ou descarga en tal caso.

Tamén conta con estribeiras pregables con control de presencia mediante detector de peso e goma de protección, o vehículo apagarase cos estribos baixos no momento no que se active a marcha atrás conforme a norma UNE 1501.

Preto de 600 persoas participan este sábado no Descenso Popular do Miño

0

Tui  vivirá este sábado a Festa do Miño na que se conxuga deporte, lecer, gastronomía, música e diversión.  Preto de 557 persoas surcarán as augas do Miño en piragua participando na décimo primeira edición do Descenso Popular do Miño. A saída, prevista ás 17 h dende a ribeira de Caldelas, promete volver ser espectacular ante a elevada afluencia de participantes que coas súas embarcacións encherán o río de cor, ofrecendo unha imaxe única. O descenso ten carácter popular e non competitivo, e será unha festa dende a mesma saída. Moitos dos participantes, coma ten acontecido en anteriores edicións farán gala do seu bo humor, disfrazándose para a ocasión ou elixirán unha indumentaria chamativa. De seguro que nos 7 quilómetros que separan a ribeira de Caldelas do pantalán na rúa Olímpicos Tudenses non faltarán as paradas para darse un chapuzón nas augas do Miño, ou unha parada estratéxica na praia de Areeiros, en Guillarei, antes de afrontar os últimos metros.

Catro empresas, Verde Azul, Kaiak Ocio, Paralelo Zero, Tamuxe Kayak, e a propia organización, a cargo do Kayak Tudense, son as responsables de proporcionar as piraguas para o descenso. A inscrición está xa pechada dende o pasado día 4. As e os participantes, á chegada a Caldelas, deberán comprobar o seu dorsal nas listaxes dispoñibles e recoller as pulseiras identificativas. Haberá transporte de mochilas e tamén servizo de autobús dende a antiga alfándega na Avenida de Portugal entre ás 11.30 h e ás 14.30 h.

Pero a festa comezará xa ao mediodía na ribeira de Caldelas coa Romaría Popular onde haberá distintos produtos gastronómicos.

A partir das 20 h a Festa do Miño proseguirá na rúa Compostela coa Festa Gastronómica, da man de 12 asociacións tudenses, coa animación de rúa de Troula con “Funky Party” e o concerto da Banda Xangai.

X Festa do Miño

  • Ás 12.00 h Inicio da X Romaría Popular na ribeira de Caldelas. Xantar Campestre
  • Ás 17.00 h Saída do XI Descenso Popular do Miño dende a ribeira de Caldelas
  • Ás 20.00 h X Festa Gastronómica na rúa Compostela. 24 postos de comida e 6 de bebida
  • Ás 20.30 h Animación de rúa con Troula Animación con Funky Party
  • ás 22.30 h Concerto da Banda Xangai na rúa Compostela

A Xunta e o Concello de Crecente mellorarán a contorna da capela de Santa Marta

0

A Xunta e o Concello de Crecente investirán máis de 115.000 euros na mellora da contorna da capela de Santa Marta, na parroquia de San Xoán de Albeos, tal e como recolle o convenio de colaboración asinado recentemente pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Julio César García-Luengo.

O proxecto inclúe unha intervención de mellora na pavimentación e reforma dos servizos urbanísticos, como a eliminación dunha marquesiña e un novo emprazamento para os contedores de lixo.

A maiores, executarase un pequeno muro de contención de mampostería sobre zapatas de formigón; renovarase o pavimento dos accesos á ermida; reporase a rede de abastecemento e canalizacións das pluviais e a rede de enerxía eléctrica.

Tamén se eliminará o cableado da rede telefónica e eléctrica e renovaranse as luminarias. Ademais, instalarase un banco e plantaranse camelias e oliveiras.

Tal e como se recolle no propio convenio, a actuación proxectada en Crecente enmárcanse nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai 12 anos co fin de contribuír á mellora dos equipamentos municipais e dos servizos públicos, así como á humanización e posta en valor das contornas urbanas e ao que ten reservado para este ano un orzamento de 7 millóns de euros.

O Concello de Baiona substitúe a pasarela peonil de madeira paralela á avenida Praia Ladeira

0

O Concello de Baiona atópase inmerso nos traballos de substitución da ponte de madeira paralelo á avenida Praia Ladeira , moi próximo ao cemiterio parroquial de Santa Cristina que presentaba unha importante deterioración. A ponte de madeira de piñeiro que serve para salvar unha canle de auga procedente do Río Guillade na súa desembocadura na Ría de Baiona, é  a peza fundamental da intervención e supón uns 32.592,40 euros de investimento.

As obras fináncianse con cargo ás subvencións do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e consisten na renovación íntegra de elementos: Procederase á substitución dos  piares de madeira por columnas de granito; substitúense todas as vigas de madeira maciza por vigas laminadas GL24 de madeira tropical, tratadas en autoclave para clase de uso 3.2 e protexidas mediante a aplicación de lasur á auga satinado incoloro e transparente, aplicando dúas mans.

Outro dos cambios importantes tras os traballos de renovación, será  o aumento do ancho da pasarela ata os 4 metros de ancho para dar continuidade ao paseo existente, mediante taboleiros ranurados de madeira de carballo de 20x4cm protexida mediante a aplicación de lasur á auga con efecto antiescorregadizo en dúas cores contrastadas (piñeiro e teca), para dividir a senda peonil da de bicicletas, aplicando dúas mans. Así mesmo, as deterioradas varandas de madeira, serán cambiadas por outras completamente renovadas,  mellorando en seguridade.

A ponte quedará renovado por completo. O novo dispoñerá de elementos  máis resistentes ao paso do tempo e ás inclemencias meteorolóxicas, co fin de incrementar a durabilidade  da infraestrutura.

O Concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez sinala que “se trata dun investimento necesario xa que as pezas rompen constantemente  e temos que realizar continuas reparacións”

Pola súa banda o Alcalde, Carlos Gómez, destaca que  “se trata dunha actuación de renovación en beneficio do gran número de usuarios e usuarias que transcorren pola zona. Así tamén, os veciños e veciñas desta zona de Santa Cristina da Ramallosa poderán gozar da mellora prevista ” e engade que “seguimos coa intención de seguir poñendo en valor as nosas parroquias, sempre co obxectivo de mellorar o día a día da veciñanza”.

Para levar a cabo estes traballos de renovación a pasarela peataonal permanecerá pechada ao paso durante unha semana.

O folk de Voces de Arrieiro chega a Guláns ao abeiro do programa Cultura24

Fin de semana musical ao abeiro do Cultura24, co que a Concellaría de Cultura continúa a levar actividades culturais de balde ás diferentes parroquias do municipio.

O sábado 13 de agosto a música soará con forza no Parque A Abesoureira de Guláns cunha actuación a cargo de Voces de Arrieiro ás 23.00 h. Este grupo ponteareán naceu coa obxectivo de homenaxear a figura dos arrieiros como importantes difusores dos cantos populares, das novas e doutros chismes. E, no seu repertorio, Arrieiros inclúe tamén cantos das rexións ou países que acolleron aos galegos nos momentos da emigración.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida “ás veciñas e veciños de Ponteareas a que asistan a este concerto promovido por Cultura24, un programa que contribúe á promoción da nosa arte e das nosas agrupacións musicais”.

O Porriño licitará a limpeza viaria das parroquias do municipio

O Concello do Porriño prepara xa a contratación da limpeza viaria e desbroce de todas as parroquias do municipio. Trátase dun servizo esencial que ten que prestarse de maneira continuada para manter as zonas rurais en bo estado e que se viña acometendo con contratacións puntuais.

Con tal motivo, o novo executivo traballa na súa licitación, para un periodo de catro anos, cun orzamento de 1 M de euros.

“Só está regularizada a limpeza viaria en parques e xardíns do centro urbano e Torneiros, mentres no resto das parroquias, que conforman o rural do municipio, hai que contratalo a maiores ou executalo con persoal municipal. Isto impide en moitos momentos manter en boas condicións os camiños e beirarrúas”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Para poñer fin a este problema traballamos xa nesta licitación co fin de poñela en marcha sen dilacións no próximo exercicio económico”.

Máis de 100 requerimentos a particulares para limpeza de fincas

O rexedor apuntou que o mesmo contrato contemplará os traballos en fincas particulares que teña que executar de maneira subsidiaria o Concello tras incumprimento dos propietarios de manter as súas propiedades limpas de maleza. 

“Nese caso, como marca a lei, os propietarios serán notificados desde o Concello e de incumprir a súa obriga no prazo estipulado actuarase, impoñendo os costes ao infractor, ademais das sancións económicas correspondentes”, lembrou Lorenzo.  Cabe destacar que este ano notificáronse máis de 100 requerimentos para limpeza de fincas particulares e que as multas por incumprir esta obriga son de 300 e os 6.000 euros.

Un novo tractor realiza traballos de limpeza forestal

O Concello do Porriño dispón estes meses dun tractor equipado con desbrozadoras de maleza que está a realizar traballos de limpeza nos viais municipais. A nova maquinaria foi cedida pola Xunta de Galicia para labores de limpeza forestal na tempada estival tras a adhesión do Porriño ao convenio de Xestión da Biomasa suscrito pola Xunta, Fegamp e Seaga para a prevención e defensa contra os incendios forestais.

O Concello lamenta os actos vandálicos de que foi obxecto o campo de fútbol de Chapela

0

O Concello de Redondela lamentou os actos vandálicos de que foi obxecto o Campo de Fútbol de Chapela, propiedade da Comunidade de Montes da antedita parroquia “e prestará a súa colaboración para dar coa persoa ou persoas responsables dos feitos”.

“Tíñamos visto moita cousas –asegura a alcaldesa Digna Rivas– pero nunca tíñamos mirado que roubaran céspede dunha instalación deportiva” e é que a sorpresa dos responsables do campo foi maiúscula cando, chegados á instalación, decatáronse que no espazo comprendido entre a liña que delimita o rectángulo de xogo e o final do terreo, alguén tiña roubado un pedazo de céspede artificial de 10,20 m de longo por 2 m de ancho.

“Non se trata dun acto de gamberrismo xa que o céspede foi perfectamente cortado e cunhas medidas ben definidas”, afirma Digna Rivas quen, unha vez máis, chama á colaboración cidadá para poñer en coñecemento da Policía Local, Concello ou Comunidade de Montes, calquera pista que poida conducir á identificación do autor ou autores de tan lamentables feitos.

Ponteareas celebra o sábado unha Xornada do Traxe Tradicional

Esta fin de semana o traxe tradicional galego será o protagonista dunha homenaxe na parroquia ponteareá de Santa María de Areas.

O sábado 13 de agosto, a partires das 20.00h, as e os asistentes á Xornada do Traxe Tradicional, terán a oportunidade de afondar na nosa tradición a través dunha exposición,  haberá tamén un desfile de vestimenta tradicional galega e dúas actuacións: As Salgharitas amenizarán a velada a ritmo de pandeireta, e o Grupo Folclórico de Areas porá o broche de ouro a esta primeira xornada con vocación de continuidade.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, agradece “á Asociación Cultural Areas a súa iniciativa e asegura que todos aqueles proxectos que teñan como obxectivo poñer en valor o legado dos nosos devanceiros, contarán co apoio do Concello”.

A mancomunidade clausura o obradoiro ‘Pedras do Miñor’

0

O alcalde de Nigrán e presidente actual da Mancomunidade do Val Miñor, Juan González, clausurou esta mañá o obradoiro de albanelería e cantería ‘Pedras do Miñor’ no barrio de Sancho (Panxón) onde, entre outros lugares da comarca, os 16 alumnos-traballadores rehabilitaron a fonte, o lavadoiro e a súa contorna como parte da formación. Ao acto acudíu tamén a xefa territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Mariño, a directora do obradoiro, María del Mar Pintos, a concelleira gondomareña Rocío Goberna e representantes da asociación de veciños Monteferro-Panxón e concelleiros.

Grazas a este curso dun ano de duración a previsión é que o 100% sexa contratado no sector xa nestes próximos días. Así, 5 están xa traballando e outros 6 realizarán entrevistas esta mesma semana. “É duro pero hai unha altísima demanda de profesionais, por iso se lle sumades actitude a estes coñecementos adquiridos non vos vai faltar o emprego”, garantíulles González. Durante todo este ano, os participantes realizaron prácticas en espazos públicos de Baiona (Paseo Monte Boi, melloras dos baños da Praza de Abastos e no primeiro andar do edificio Ángel Bedriñana e no campo do Aral), Gondomar (lavadoiro de Randufe e Candal e baños accesibles no Pavillón de Gondomar) e en Nigrán lavadoiro de Sancho e a súa contorna.

‘Coidando Miñor’

Neste acto de entrega de diplomas de finalización, o alcalde confirmou a concesión de 503,987 € por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para poder realizar por terceiro ano o obradoiro conxunto entre os tres concellos da comarca ‘Coidando Miñor’. Este estará dirixido a 20 alumnos-traballadores en situación de desemprego e recibirán formación en atención sociosanitaria a persoas dependentes tanto en domicilios como en institucións e tamén en servizo de limpeza e de residuos urbáns. Como é habitual, as prácticas desenvolveranse entre os tres concellos e a previsión é que comece en setembro (a selección a realiza a Oficina de Emprego de Baiona).

Esta acción é froito dunha sinerxia entre os tres municipios (ao marxe da Mancomunidade do Val Miñor) para solicitar unha subvención ao respecto e foi creada consensuadamente dende os respectivos servizos técnicos municipais ao detectarse un viveiro de emprego que, precisamente, non depende da estacionalidade. Como sempre é o caso nestes obradoiros, os participantes percibirán o salario mínimo interprofesional e recibirán formación dividida en diferentes módulos, de hixiene e atención sanitaria domiciliaria, atención e apoio psicosocial domiciliario ou apoio domiciliario e alimentación familiar…

“Desde os tres concellos quixemos unir forzas para, un ano máis, formar a persoas desempregadas en eidos de claro compoñente social”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González.

Gondomar e a Deputación avanzan na mellora da seguridade viaria no municipio

0

Acceder ao centro urbano de Gondomar é máis doado e seguro grazas a remodelación, xa rematada, do cruce das rúas San Bieito e Morgadáns coas estradas provinciais que dan servizo as parroquias de Peiteiros e Chaín-Morgadáns. As obras, financiadas pola Deputación de Pontevedra, recibiron hoxe a visita da presidenta Carmela Silva, acompañada polo alcalde, Francisco Ferreira, e membros da Corporación municipal, e do deputado de Cooperación, Santos Héctor. A actuación supuxo un investimento total de 249.756 euros por parte da Administración provincial.

A presidenta de Deputación, Carmela Silva, mostrouse emocionada coa transformación que se está a levar a cabo no concello: “Gondomar é outro Gondomar”, afirmou. Ademais puxo en valor o acabado estético e funcional dunha obra “moi ben rematada”, que mellorará a seguridade viaria no municipio tanto para as persoas que camiñan como para os vehículos. “Estamos nunha vila con moita historia, cun patrimonio moi importante, con moita vida, pero na que antes non parabas porque non había espazo para as persoas. Agora hai un Gondomar que pasear”. Coas humanizacións que se están a facer “apareceron comercios, hostalería, creouse riqueza e emprego”, destacou.

Carmela Silva salientou a aposta do Goberno local e do alcalde para que as obras que se levan a cabo non só se executen no centro urbano senón tamén en todos os núcleos rurais. Neste senso, en alusión as declaracións do alcalde corroborou a súa sorpresa polo avance producido en Gondomar: “Di o tango que 20 anos non son nada, pois 7 anos menos, así que todo o que se fixo neste escaso tempo é único, aínda que queda moito por facer”. “Síntome feliz de que a Deputación poida ser o instrumento do cambio”, concluíu.

O alcalde, Francisco Ferreira, definiu a obra en tres vertentes: a súa parte estética e ornamental, embelecendo toda a contorna; na renovación de servizos no subsolo e, finalmente, no avance da seguridade viaria tanto peonil como rodada”. Trátase dunha rotonda clave para dar acceso dende as rúas as parroquias de Chaín, Morgadáns e Peiteiros, unha confluencia que “aglutina o tráfico local de arredor de 7.000 veciños e o de paso” e na que era moi importante obter unha maior seguridade viaria. Ferreira, en último lugar, quixo agradecer a presidenta da Deputación “todo o que leva feito en sete anos”. “Esta obra é un exemplo máis do que a Deputación vén facendo en Gondomar. A Deputación sempre está aí; e se en 7 anos fomos quen de facer isto con Carmela Silva á fronte, imaxinemos o que poderiamos facer a maiores con outros 7 anos”.

As obras leváronse a cabo na rotonda na que conflúen as rúas San Bieito e do Emigrante xunto co inicio das estradas provinciais EP-2403 e EP-2404, de  Chaín e Morgadáns, respectivamente. A actuación deseñouse para aumentar a prioridade e a seguridade da veciñanza e dos viandantes, amais, de aumentar a maniobrabilidade dos vehículos articulados e dos autobuses na rotonda de interconexión e na que, ata o de agora, había dificultades para realizar o xiro.

A humanización de toda a contorna estruturouse cunha xenerosa ampliación das beirarrúas e execución de dous novos tramos no arranque das dúas estradas provinciais gracias á construción dun muro de contención onde antes había un terraplén que impedía o tránsito peonil. Deste xeito gañouse o espazo necesario para construír as novas beirarrúas, con 2,50 metros de ancho en dirección a Peitieiros e Chaín-Morgadáns, e tamén para acoller tódalas canalizacións soterradas dos servizos urbanos. O acabado estético reforzouse cunha varanda e coa instalación de xardineiras e vexetación con plantas trepadoras.

A obra “estira”, na práctica, a zona urbana, dando un tratamento de lastra de granito ao pavimento e incluíndo tamén dous pasos de peóns sobreelevados cun ton máis escuro. A nova rotonda conta cunha base remontable no seu perímetro e soluciona, deste xeito o paso dos autobuses e vehículos pesados, que carecen doutra vía para atravesar Gondomar. Ademais, modificouse a situación anterior da parada de autobuses, que agora conta cun espazo propio, seguro e correctamente sinalizado. 

Arbo celebra un ano más a Gala da Lamprea

0

Durante o acto, o Concello de Arbo fará entrega dos premios dos concursos da LX Festa da Lamprea e do Certame “Brais Alonso”, e emtregará tamén un recoñecemento á Asociación mulleres Rurais Arbenses polos seus 20 anos de servizo a favor das veciñas de Arbo con actividades de lecer, formativas e colaboración con este Concello. 

Na categoria do deporte se fará entrega de galardóns a a Alfonso Caberias Fernández, pola súa importante labor a favor do deporte, acadando o segundo posto na categoría senior na modalidade paracanoe. A Pedro Rodríguez Cerdeira, pola súa importante labor a favor do deporte, proclamado  campión de liga de motos de campo de Galicia na Categoría Senior 2t no ano 2021. As patinadoras Iria Groba, María de Sa, Carmen de Sa e Candela Gil pola súa  brillantez no mundo da patinaxe e os grandes logros conseguidos neste deporte.

Seguindo co deporte no ámbito do fútbol se recoñecerá ao ao equipo de Alevín e os Biberóns do Arbo, C.F pola súa importante labor a favor do deporte e polo  logros acadados durante a liga na temporada 2021/2022 e para rematar nesta disciplina un recoñecemento aos Veteranos Esmorga-Arborock polo seu ascenso a primeira.

E o galardón máis importante que outorga o Concello de Arbo, o de “Arbense Distinguido” este ano recae sobre, JOSÉ JUAN DOMÍNGUEZ  “Arbense Distinguido 2022” por ser  un excelente embaixador de ARBO ao longo da súa longa carreira aeronáutica e por deixar reflectido para sempre nas cartas aeronáuticas mundiais o nome de ARBO e o ARBO C.F “Arbense Distinguido 2022” pola  importante labor desenvolvida  no ámbito do deporte nos 50 anos transcorridos desde a súa fundación no ano 1972. A todos e todas as que aportaron tempo, esforzo e ilusión en ir construíndo ao longo destes anos unha parcela máis da historia do noso pobo, unha herdanza afectiva e familiar de avós a netos e, paralelamente, contribuíndo a crear un anaquiño da historia social do deporte e  do fútbol modesto e comarcal galego A Gala contará coa actuación de Manoele de Felisa

Redondela recupera a normalidade para o seu Entroido de Verán

0

“Recuperamos a normalidade e o Entroido de Verán volve ás rúas de Redondela logo de dous anos”, afirmou a alcaldesa Digna Rivas na presentación desta auténtica festa de rúa que, durante dous anos estivo suspendida por mor da pandemia da Covid e que o día 20 de agosto “volverá con máis forza que nunca e cun programa apto para todos os públicos e no que os cativos e cativos contarán con moitísimas actividades especificamente deseñadas para elas e eles”.

Digna Rivas, que na presentación estivo acompañada pola concelleira de Cultura, Iria Vilaboa e polos DJ’s Rodri Vegas e Carlos González, subliñou as moitas novidades con que contará este Entroido de Verán que “quere manter o seu carácter familiar e afastado do macrobotellón que era noutros tempos”.

Entre as novidades ás que facía referencia a rexedora local, unha forte aposta polas actividades para a infancia que darán comezo xa ás 18 horas.

Así, na Pista da Xunqueira de 18 h a 21 horas haberá inchables con auga e ás 21 horas Festa da Escuma. No circuíto da Alameda Castelao de 18 horas a 20:30 h Coches a pedais e o sempre atractivo inchable Eliminator.  Na Praza de Lenda de 18 h a 21 horas, Touro mecánico. Nese mesmo horario e tamén na Praza de Lenda haberá actividades de fútbol e baloncesto. Mentres, na Rúa Salgueiral quedará instalada outra das atraccións preferidas dos rapaces e rapazas, o jumping acrobático de 18 horas a 21 horas.

No escenario principal do Campo da Feira, de 20 horas a 21:30 horas Carlos González e  Borja Rúa ofrecerán a primeira sesión DJ para, de 21:30 horas a 23 horas dar comezo a Gala Drag que, tal e como explica a alcaldesa Digna Rivas “ofrece este ano unha moi interesante novidade xa que haberá Drag Queen e Drag King, contando co Carolina Smith como artista convidada. A Gala Drag repartirá 1.800 euros en premios.

A partir das 23 horas, darán comezo, en palabras de Digna Rivas “dous conciertazos”. O primeiro a cargo de  De Vacas (de 23 h a 00:30 horas) e o segundo con Heredeiros da Crus (de 00:30 h a 2:15 horas) que continúan coa súa xira de 30 aniversario” e, unha vez rematado o concerto que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través de Musigal, dará comezo a segunda sesión DJ desta volta a cargo de DJ Charlie e Rodri Vegas. Precisamente Rodri Vegas desvelaba que as sesións DJ serán “de todo tipo de música” porque, sinalaba “é un día para todos os públicos así que pasearemos dende os últimos éxitos a Rapahel nun formato aberto no que teremos que saber que é o que o público quere e, polo tanto, será moi divertido”.

Como noutros anos, o Concello de Redondela mantén a súa aposta pola igualdade “polo que haberá puntos lilas de información sobre a igualdade e a necesidades de rexeitar todas as actitudes machistas e as agresións sexuais”, afirmou a alcaldesa de Redondela quen adiantou que, sobre ese tema, ofrecerase en vindeiros días información máis polo miúdo de cara a explicar, con detalle, a campaña de igualdade e a función dos Puntos Lila. A seguridade, pola súa banda, estará garantida coa instalación do habitual Hospital de Campaña na Praza do Concello con persoal cualificado para actuar, con rapidez, ante calquera emerxencia.

Finalmente Mondariz celebrará a feira tradicional o vindeiro 14 de agosto

0

Xoán C. Montes Bugarín “Calis”, portavoz de AporM, vén de censurar ao goberno local por intentar suspender a feira dominical do vindeiro día 14. O alcalde avisou o pasado xoves pola tarde, a través dunha mensaxe de texto, aos vendedores ambulantes que decidira anular a feira dese día por coincidir co primeiro día das festas patronais.

Inicialmente o goberno suspendeu a feira do día 14 sen motivo, xa que, ata o de agora, sempre se celebrou cando cadraba nesa data. Ademais, esta decisión do alcalde incumpre a ordenanza que regula a feira dominical, que inclúe no seu artigo 8 a periodicidade da feira: “Os días de mercado serán tódolos domingos do ano, agás que coincida coas festas locais (15 e 16 de agosto), Nadal e Ano Novo. No caso de que o domingo coincida con outro festivo2, o Concello determinará a súa celebración, con antelación suficiente”.

AporM lamenta que non se contase cos feirantes para tomar a decisión de común acordo. Pola contra, o goberno local tomou esa decisión de forma unilateral, o que crea un clima de malestar e insatisfacción que non axuda en nada á feira.

Finalmente o goberno municipal de Mondariz mudou de parecer ante a presión razoada dos feirantes, xa que estes domingos de agosto son os de maior afluencia de público en Mondariz ao longo de todo o ano.

Un lugar inadecuado

O pasado domingo, 7 de agosto, o goberno municipal tamén decidiu trasladar a tradicional feira que se celebra na praza de Mondariz ao aparcadoiro da rúa San Gregorio por causa da celebración do Día dos Oficios Artesáns. Para Montes Bugarín este non é o sitio apropiado, xa que se trata dun lugar habilitado para o estacionamento de vehículos con chan de terra que, especialmente no verán, está cheo de po, pedras e carece de árbores para aplacar a calor sufocante, o que fai del un lugar impropio e inadecuado para a ese fin.

Rematado o acondicionamiento de acceso a Torneiros desde a PO-331

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, comprobaron o resultado das obras de acondicionamento do acceso a Torneiros dende a PO-331, cuxos traballos finalizaron esta mesma semana.

A actuación, que supuxo un investimento de 142.000 euros, continuou coa humanización e construción de beirarrúas do vial, para mellorar a mobilidade peonil e a seguridade vial dende o cruce da estrada provincial ata a entrada de Lonza, aprobada no 2021.

Os traballos incluíron a mellora da pavimentación e a dotación ás vivendas dos servizos necesarios, incluíndo melloras nas redes de pluviais e saneamento e tamén no alumbrado. Ademais, acondicionouse o lavadoiro da Relva.

Durante a visita á zona, o rexedor reiterou que a mellora do viais  segue a ser “un dos obxectivos prioritarios da acción de goberno”

“Neste momento temos proxectos preparados para executar pendentes só das pertinentes autorizacións por valor de 1.300.000 euros”, concluíu o alcalde, “Todas elas son actuacións necesarias en todas as parroquias, que van dende asfaltados, melloras da iluminación, obras de saneamento e humanizacións”.

Un total de 655 atletas disputarán este sábado a carreira ‘XI Nigrán Area’

0

Un total de 655 atletas disputarán este sábado 13 de agosto  a 11 edición da ‘Nigrán Area’, carreira popular de atletismo pola praia que é xa un referente da programación estival e deportiva na comarca. A proba, con 279 inscritos na categoría ‘Absoluta’, está organizada polo Concello de Nigrán e a Sociedade Atlética Val Miñor, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, Federación Galega de Atletismo e Deporte Galego. A competición retoma a normalidade pre-pandemia tras non celebrarse no ano 2020 e realizarse baixo medidas de seguridade Covid no 2021

O evento deportivo arranca ás 10:00 horas e está aberto a tódalas categorías, tendo saída desde Panxón. Os sub 16 percorrerán 2 km, o sub 14 farán 1500 m, os sub 12 un kilómetrom, os sub 10 percorrerán 500 metros, os sub 8 farán 300 metros e os máis pequenos farán 100 metros de xeito simbólico.

O percorrido para a proba absoluta son 6 km do areal de Panxón-Praia América cando a marea está baixa. A proba conta coa supervisión da Federación Galega de Atletismo. Contará con avituallamente ao remate, servizo de ambulancia, seguro de responsabilidade civil e seguro de accidente deportivo para os participantes.

As inscricións poden realizarse tamén a través da web da FGA adicada as carreiras populares www.carreirasgalegas.com (acceder a través da sección calendario).

O Concello do Rosal instala catro puntos para a reciclaxe de cápsulas de café usadas

0

O Concello do Rosal, cada vez máis comprometido co Medio Ambiente instalará catro recolectores de cápsulas de café usadas tanto de plástico coma de aluminio. Únese así, á rede de ARECafé, un proxecto de recollida e reciclaxe deste tipo de materiais recentemente lanzado por 24 compañías fabricantes de cápsulas de café.

Os recolectores instalaranse, á maior brevidade, nas seguintes ubicacións:

  • Concello do Rosal. Praza O Calvario, 1. O Calvario
  • Auditorio Municipal. Rúa do Couso, 21. O Couso
  • Centro social polivalente. Rúa Cabaqueiros, 2. O Calvario
  • Punto limpio. Valdemiñotos, s/n

A rexedora rosaleira, Ánxela Fernández Callís, sinala a importancia que ten este proxecto a través do cal o Concello da un paso máis cara a economía circular. “Con este sistema colaborativo, lograremos que as cápsulas de plástico e aluminio que se recollan terminen recicladas” e engade “convidamos á veciñanza a utilizar estes puntos de recollida en canto estean instalados para conseguir, entre todos e todas, que o Rosal avance cara o obxectivo da sostibilidade”.

Unha vez recollidas e transportadas á planta correspondente, as cápsulas recibirán o seguinte tratamento: chegarán á planta de reciclaxe, onde se extraerán os pousos de café, que se separán para tratarlos adecuadamente e, posteriormente, poder utilizalos como abono de uso agrícola, debido ao seu alto contido de nutrientes. As cápsulas, xa abertas e baleiras, serán separadas segundo o seu material. As de aluminio fundiranse para poder reutilizar o metal. E as cápsulas de plástico serán tratadas para seren utilizadas na fabricación doutros productos, como macetas, mobiliario urbano, ou ratos de ordenador, por exemplo.

Con esta iniciativa, O Rosal súmase a un sistema que conta xa cun total de 89 enclaves de recollida na provincia de Pontevedra e, na totalidade da Comunidade Autónoma, a cifra ascende a 274. Ademais, o obxectivo a medio e longo prazo é ampliar o número de puntos de recollida para dar unha maior cobertura e acceso á reciclaxe de cápsulas de café usadas e garantir, deste xeito, á tan necesaria sostibilidade ambiental.

Novos cursos de gratuítos de informática nas aulas CeMIT de Chapela e Redondela

0

A Concellería de Novas Tecnoloxías, que xestiona Olga García Ballesteros, vén de poñer en coñecemento de todas as interesadas e interesados a oferta de cursos de informática, totalmente gratuítos, que se desenvolverán nos meses de setembro e outubro nas aulas CeMIT de Chapela e Redondela.

“O coñecemento das aplicacións informáticas gratuíta e a utilización de todo o potencial que ofrece internet é, hoxe en día e nun mundo cada día máis informatizado, case que imprescindible para poder competir no mercado laboral ou mesmo para o noso tempo de ocio”, di a alcaldesa de Redondela Digna Rivas quen salienta o labor que, nese eido, “desenvolve a Concellería de Novas Tecnoloxías poñendo a disposición da cidadanía accións formativas de actualización nese eido”.

Redondela

A Aula CeMIT de Redondela (Paseo do Pexegueiro, 6) desenvolverá os seus cursos entre os días 1 e 27 de setembro en horario de mañá e tarde.

En horario de mañá impartiránse os cursos de Alfabetización Windows 10 e Internet, 09:30 a 11 horas; Mecanografía co Ordenador, de 11 h a 12 horas; Tarefas de Oficina con Witer e Calc de 12 h a 13:30 horas.

En horario de tarde, os cursos a desenvolver serán os de Photopea, editor de fotografía online de 16:30 h a 18 horas; Trámites online coa Administración e Firma Electrónica de 18 h a 19:30 horas; e Ciberseguridade para persoas usuarias, 19:30 h a 20:30 horas.

Tanto para o horario de mañá como o de tarde, os días 2, 16 e 30 de setembro haberá talleres para adultos en horario de 16:30 h a 20:30 horas; e os días 7 e 21 de outubro, no mesmo horario, aula aberta de Trámites de Subvencións co Concello.

Chapela

No que atinxe aos cursos que se impartirán na Aula CeMIT de Chapela (rúa Martínez Casal, 3), desenvolveranse entre o 5 de setembro e o 31 de outubro e horario de mañá e tarde.

No horario de mañá impartiranse os cursos de Aplicacións Google de 09:45 h a 11,15 horas; Internet e correo electrónico de 11,15 h a 12,15 horas e Drive, ofimática na nube de 12,15 h a 13,45 horas.

En horario de tarde os cursos serán os de Alfabetización Linux, Internet e Writer de 16:30 h a 18 horas; Filmora, creación de vídeos e 18 h a 19 horas e Photopea, editor de fotografía online de 19 h a 20:30 horas.

Amais haberá tamén dúas aulas abertas unha de Talleres para adultos os días 9 e 23 de setembro de 16,30 a 20,30 horas e outra de Trámites Subvencións co Concello, os días 7 e 21 de outubro no mesmo horario.

As persoas interesadas poden obter máis información no Departamento de Novas Tecnoloxías, Multiúsos da Xunqueira, 2º andar teléfono 986 40 03 66. As Instancias poden descargarse da páxina web do Concello www.redondela.gal, ou solicitalas no Centro de formación A Marisma, a carón da Piscina Municipal; no Multiúsos da Xunqueira en Redondela e no departamento de Servizos Sociais de Chapela, nos baixos do Pavillón de Deportes. As solicitudes deberán presentarse nos Rexistros habilitados no Concello de Redondela.

O método de selección será por rigorosa orde de inscrición e, posteriormente, chamarase aos alumnos e alumnas con praza concedida para confirmala.

Volve o Cine na Rúa a Ponteareas este xoves ás 22.30 horas

O Cine na Rúa volve a Ponteareas e este xoves a vila do Tea vivirá unha xornada adicada á gran pantalla. O Concello proxectará ás 22.30 horas a película do galego Dani de La Torre, “Live is Life. La gran aventura” na praza Bugallal. O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, lembra á veciñanza que o acceso é libre e de balde e anima a desfrutar desta combinación de comedia e drama dirixida a todos os públicos e rodada en Galicia.

A película conta a historia de Rodri, un rapaz que viaxa, como cada ano, ao pobo galego dos seus pais para pasar as vacacións, pero o do 85 será un verán diferente. Os problemas do mundo real ameazan con separar a súa pandilla. Para evitalo, os 5 amigos saen na procura dunha flor máxica que, segundo conta a lenda, convirte os desexos en realidade. Porque o seu único desexo é resolver o problema do seu amigo en apertos, e poder seguir xuntos.

Arranca o Ciclo de teatro Amador Feteagal no Porriño

O Porriño acolle a o II Ciclo de teatro Amador Feteagal, organizado polo Concello do Porriño e a Federación Teatral Afeccionada de Galicia en colaboración con Escena Amateur, con varias representacións programadas entre agosto e outubro nas que se poderá disfrutar de varios grupos galegos e de ámbito nacional.

A actuación que abre o certame teatral correrá a cargo de Coles Teatro, que representará “Pepa Loba” o xoves 11 de agosto, ás 23 h no parque Alameda (Avda. de Galicia). O venres 12, á mesma hora, no parque do Sol, Metástase Teatro presentará “Escola de Vaqueiras”.

As seguintes citas serán, o sábado 20 de agosto, ás 22h no barrio de San Benito, con “Tantos Anos de Silencio” de Esteta Teatro e o  domingo 21 á mesma hora no parque do Cristo Oreteiro Teatro presentará Arritmia.

Tui quere transformar o mercado municipal e o comercio local

0

“Facer o noso tecido comercial e o mercado municipal máis competitivo, moderno e adaptado ás necesidades e tendencias de consumo actuais son parte dos obxectivos que persegue o proxecto de ‘Reforma e modernización do mercado municipal e dixitalización e revitalización do comercio local de Tui'”, segundo informa o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro e a concelleira de Comercio e Mercados, Ana Núñez.

Para a execución deste proxecto o goberno municipal vén de solicitar o apoio do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para obter fondos europeos  a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia na liña de “Ayudas para el apoyo a mercados, zonas urbanas comerciales, comercio no sedentario y canales cortos de comercialización” do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

O traballo realizado nos últimos anos, tanto no que se refire á xestión económica, ao feito de contar cun plan de mobilidade, coma a adhesión a distintos programas e iniciativas coma a rede Ágora ou o Pacto das alcaldías polo Clima e a Enerxía, permiten ao Concello de Tui poder optar as distintas convocatorias das administracións estatais e europeas.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira, Ana Núñez, explican que o proxecto permitirá a revitalización do sector comercial do municipio. Así no mesmo inclúese a reforma integral do mercado municipal, que actualmente conta con preto de 20 postos e ocupa a máis dunha trintena de praceiros/as, a totalidade dos 286 establecementos comerciais do municipio, e o mercado non sedentario, que se celebra semanalmente os xoves, con preto de 140 postos.

[su_image_carousel source=”media: 60422,60423″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O goberno local prevé un investimento de 1.677.189,47 € que contempla a reforma integral da praza de abastos coa transformación dos puntos de venda e a mellora da accesibilidade, así como a dixitalización do comercio local e accións de sostibilidade e economía circular. Tamén se completa con medidas relacionadas coa cadea de subministro e trazabilidade e actividades de formación e sensibilización.

Enrique Cabaleiro e Ana Núñez detallan que o proxecto responderá a unha planificación estudada na que, previamente, se realizou unha diagnose e se actuará dando resposta aos puntos febles e con accións puntuais de resolución de problemas.

Neste proxecto contémplase por unha parte a reforma do mercado municipal co obxectivo a medio prazo de obter o selo de Mercado Excelente. Para iso mellorarase a envolvente, sinalizaranse os accesos, o transporte, e as zonas interiores e exteriores. Interiormente pasará a organizarse entorno a catro prazas creando percorridos que fomentan a interacción. A zona central contará con lugares de descanso e asentos, e no perímetro ubicaranse os postos. Aproveitarase a luz natural do lucernario que se complementará con iluminación específica para as zonas principais e os produtos á venda. Crearase un espazo gastronómico, e unha área polivalente que servirá de obrador e sala de formación e degustación para acoller cursos ou charlas. Outras das melloras contempladas son a instalación de sistemas de aerotermia, illas ecolóxicas modulares para a recollida e separación de residuos, a instalación dun punto intelixente “smart lockers” (taquillas intelixentes para a recollida de produtos) e un sistema centralizado de control de quendas. Por outra parte levarase a cabo unha análise de tendencias de compra e de oferta da competencia.

As novas tecnoloxías estarán moi presentes nesta actuación xa que se prevé o desenvolvemento dun portal web e App para visibilizar e mercar no comercio local, o deseño e lanzamento de campañas publicitarias en soportes dixitais, unha plataforma colaborativa e un sistema de códigos QR para produtores locais, e a implantación de redes WIFI nos espazos e rúas comerciais. Outras actuacións serán a fabricación de packaging reutilizable para o comercio local. O mercado ambulante terá a súa propia App para a xestión administrativa e de información ao consumidor.

A formación é outra das liñas previstas coa impartición de cursos tanto dirixidos a mellorar o servizo e a experiencia cliente como na liña tecnolóxica sobre a implementación da web e da app o inglés básico comercial, ou sobre reciclado e reutilización. Os e as comerciantes e praceiros e praceiras tamén se beneficiarán dun mentoring individual para a integración dixital.

“O noso comercio será máis competitivo, ofrecerá un servizo adaptado ás necesidades reais do consumidor actual e promoverá a economía circular pero para iso precisamos a estreita colaboración e implicación de todos os emprendedores de Tui que deberán realizar un esforzo por aprender, por adaptarse e por innovar”, engaden os edís locais.

O tecido comercial de Tui vivirá unha reforma integral que responderá á demanda actual do consumidor e ás directrices mundiais dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS 2030), ademais de dar cumprimento aos compromisos adquiridos no Pacto das Alcaldías e desenvolver parte das accións da Axenda Urbana de Tui.

Redondela na Copa do Mundo de Patinaxe de Gotinga

0

Catro veciñas de Redondela participarán na máis importante cita da patinaxe artística do 2022 como é a Copa do Mundo que se disputa na localidade alemá de Gotinga que deron comezo onte, día 8 de agosto e se alongarán ata o vindeiro día 13.

Laura Albán, Lidia Couñago e Nerea Castro, do club tudense Ribex, participarán na competición de grupos Show grandes mentres que Nerea Estévez, nas filas do Club Patinaxe Artística Gondomar, o fará en grupos Show pequenos.

Tanto a alcaldesa Digna Rivas, como o concelleiro de Deportes, Nacho González, desexaron toda clase de éxitos ás patinadoras redondelás “que mediranse aos clubs máis importantes da patinaxe artística a nivel mundial”. Compre salientar que no caso de Nerea Estévez, a experiencia que acada nestas citas internacionais “a traslada posteriormente ás patinadoras que adestra no Club Patinaxe Artística Arealonga de Chapela que, día a día, amosa un elevado nivel nas competicións nas que paticipa”, apunta a alcaldesa redondelá.

-- 

Tomiño implanta un sistema que actualiza a información da iluminación pública, xestiona as incidencias en tempo real e reduce o gasto

0

O Concello de Tomiño comezou a implantación dun sistema de xestión enerxética coa finalidade, en primeiro lugar, de ter un control e monitorización do seu consumo enerxético para posteriormente adoptar unha serie de medidas co fin de mellorar a eficiencia enerxética e reducir o gasto enerxético municipal.

As liñas principais da xestión enerxética realizada foron as seguintes: inventario e auditoría de todas as instalacións consumidoras de enerxía eléctrica; implantación dun software de xestión enerxética municipal; revisión e optimización de tarifas e potencias e licitación en aberto da subministración de electricidade.

 Ademais, nos últimos anos, implantouse un software de xestión enerxética onde se migran mensualmente todos os datos relacionados coa facturación de enerxía eléctrica e onde se calculan en tempos reais indicadores da evolución do consumo municipal.

Aproveitando que se deixou actualizada e dixitalizada toda a información relativa á iluminación pública, implantouse un sistema que permite ademais xestionar as incidencias e avarías da iluminación en todo o concello.

A pesar de todas as medidas tomadas polo goberno municipal para facer fronte á subida dos prezos da enerxía eléctrica na actualidade, no último pleno ordinario foi preciso aprobar un crédito extraordinario de case 300.000 euros, financiado con remanente líquido de Tesourería para gastos xerais, co fin de conter o inusual aumento do gasto.

Outras actuacións

Por outra banda, procedeuse a instalar sistemas de iluminación fotovoltaica nalgúns edificios municipais, tramitándose subvencións do INEGA (Axencia Instituto Enerxético de Galicia), as cales foron aprobadas, para instalar plantas fotovoltaicas de autoconsumo que exemplifican ante a cidadanía os valores da boa xestión dos recursos municipais e da protección e conservación do medio ambiente, sobre todo, tendo en conta que Tomiño forma parte dunha comarca con gran riqueza ambiental e moi ligada o sector primario. Deste xeito, instaláronse xa 122 paneis solares en seis edificios municipais que permitirán aforrar máis de 20.000 euros ao ano e evitarán emisións de máis de 22 toneladas de CO2 á atmosfera.

Así mesmo, estase xestionando, por un lado, a instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos, valorada en 104.000,00 euros (unha non Seixo e outra en Goián) e, por outra, novas subvencións do IDAE (Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético)para continuar instalando tecnoloxía led.

Finalmente, o Concello foi un dos primeiros en adherirse ao chamado Pacto das Alcaldías, proxecto europeo que consiste en comprometerse a tomar unha serie de medidas para alcanzar no ano 2030 o obxectivo de reducir un 40% as emisións de CO2.

Salceda extrema o control do consumo da auga potable diante da seca persistente

A situación de seca é de máxima preocupación para o Concello de Salceda, que está realizar un control extremo do uso da auga potable da rede municipal, polo que ven de poñer en marcha un plan para manter regados os  espazos verdes e xardíns municipais con auga reutilizada e non apta para consumo.

Segundo explica a alcaldesa accidental, Loli Castiñeira, a seca persistente fai que o Concello tome medidas urxentes de aforro de auga e vixilancia extrema, e poña en marcha medidas para poder manter en estado aceptable as zonas axardinadas ou realizar baldeos urxentes, se fosen precisos.

De esa maneira botouse a andar un plan de emerxencia que permite o rego mínimo imprescindible de zonas verdes e xardíns do centro urbano con auga non potabilizada reutilizada da choiva e de manancial. Isto é posible coa colaboración do voluntariado de Protección Civil e da finca do Pazo de Pegullal, que permitirá usar un determinado número de litros de auga da súa balsa de aproveitamento, exclusivamente para estes fins.

Loli Castiñeira quixo agradecer á propietaria da finca do Pazo, Charo Andrade, a rápida resposta á súa chamada, e destacou o exemplo de contar con unha poza con augas reutilizadas da choiva e manancial para rego como aposta dunha empresa agrícola moderna nun momento en que debemos ter a máxima conciencia medioambiental e un uso rigoroso da auga. Tamén reflexionou sobre a necesidade de que o propio concello poida dispor no futuro de algunha infraestrutura deste tipo que permita o uso da auga para fins distintos ao consumo humano a través de sistemas de aproveitamento de auga da choiva e escorrentías, como mínimo para veráns complexos como este.

Con todo e pesar de ser auga non potable e reutilizada, o Concello vai reducir a rega nun 50%, vixiando as zonas para evitar risco de perda dos espazos verdes.

Faise fincapé en que é preciso evitar que estes espazos se estraguen, evitando un gasto maior de recursos do Concello. “Con unha rega medida, mínima, e un uso axeitado neste momento, evitaremos danos maiores”, indica Castiñeira.

Así mesmo o Concello pídelle á cidadanía que faga un uso responsable da auga.

A Xunta promove un campo de voluntariado na Illa de San Simón

0

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou onte aos 14 mozos de entre 18 e 30 anos que participan no campo de voluntariado Illa de San Simón. Desde o 1 de agosto ata o venres 12, os participantes realizan actividades en plena natureza cun importante valor cultural e patrimonial.

Os mozos e mozas están aloxados nun enclave situado na Ría de Vigo, cunha forte carga simbólica colectiva e histórica. Así, durante a súa estancia, os voluntarios realizan visitas interpretativas e teatralizadas pola illa amosando de forma lúdica o seu pasado e presente. Ademais, catalogan as especies vexetais, instalan carteis interpretativos en formato “QR” e realizan un apoio xeral ao desenvolvemento das actividades culturais levadas a cabo nas instalacións.

Así mesmo, os participantes levan a cabo actividades complementarias como a iniciación aos deportes náuticos, ao baile tradicional, estudo dos usos e costumes de pesca da zona, talleres interxeracionais con perspectiva de xénero coas mariscadoras locais ou visitas a atractivos da zona como o castelo de Soutomaior.

Cristina Pichel durante a visita destacou o completo que é o campo de voluntariado Illa de San Simón así como a importancia de cada unha das actividades que se desenvolven, tanto polo seu valor histórico, cultural e medioambiental. Así mesmo, a directora xeral lembrou que iniciativas como esta enmárcanse dentro da campaña de verán do Goberno galego.

A película Arrietty chega este venres 12 de agosto ao Paseo Fluvial

0

Este venres, 12 de agosto, proxéctase no Paseo Fluvial a película de animación xaponesa Arrietty e o mundo dos diminutos, adaptación do conto infantil “The Borrowers” de Mary Norton e ambientada no Tokio contemporáneo. Será ás 22.00 no Paseo Fluvial, con entrada gratuíta e libre. O filme foi premiado no ano 2010 pola Academia Japonesa como Mellor filme de animación

Baixo o chan, escondidos tras os taboleiros de madeira dunha mansión do campo, vive unha familia de seres diminutos de apenas 10 centímetros de altura. Como norma, non se deixan ver nunca polos humanos pero isto cambiará cando Arrietty, unha adolescente audaz, é descuberta accidentalmente por un cativo que acaba de chegar á casa debido a uns problemas de saúde. Entre eles dous xurdirá unha gran amizade, pero a supervivencia destes seres diminutos tamén se verá ameazada.

Esta proxección de cinema ao aire libre forma parte da programación cultural do verán do Concello de Tui.

En agosto continúa o Cinema de Verán

A programación do Cinema de Verán completarase no mesmo escenario o venres, 26 de agosto, tamén ás 22.00 horas, con Voando xuntos, un filme francés de aventuras que conta a historia da relación de Christian, científico especializado en migracións de aves, co seu fillo, que rexeita estas inquedanzas do seu pai e prefire os videoxogos. Xuntos emprenderán unha aventura para salvar a unha especie en perigo de extinción.

Comezan os preparativos para acoller a X edición do Festival Groba en Ponteareas

O Festival Groba celebra, dende este sábado, o seu décimo aniversario cunha programación acorde a esta data tan sinalada, cun gran número de intérpretes de recoñecemento internacional e innovadoras iniciativas formativas.

O 13 de agosto comeza unha semana de actuacións coas que poñer en valor música do mestre ponteareán Rogelio Groba. Sete días nos que alta cultura faise máis accesible que nunca e nos que o público asistente poderá gozar dun gran número de solistas de corda, frauta, piano, clarinete, a voz dunha soprano e un cuarteto.

A novidade máis destacada desta décima edición é o lanzamento dun programa de mentorship a través do cal ofreceranse clases gratuítas de música de cámara impartidas polos principais artistas invitados ao festival e será o complemento perfecto á formación dos novos talentos, que recibirán consellos profesionais de management e carreira profesional. Ademais, este programa ofrecerá ao novo grupo de residencia a oportunidade única de presentarse ante o público do festival participando en varios concertos e mesmo compartir escenario con algún das súas e dos seus mentores.

Unha das actuacións destacadas do festival terá lugar o martes 16 no Convento de Canedo, nun concerto dedicado a Pepe Represas que significará a estrea dunha nova peza do mestre Groba interpretada pola Orquestra de Cámara Galega.

O 17 de agosto terá lugar outro evento importante: a entrega do II Premio da Excelencia na Docencia Musical. Co obxectivo de impulsar e visibilizar socialmente o labor dos mestres de música, a Fundación Groba quere premiar os proxectos máis innovadores nos centros de ensino pola súa contribución á música e á ensinanza.

Esta X edición contará coa presenza da frautista portuguesa Adriana Ferreira, a soprano catalana Laura del Río, as violinistas Stella Chen desde Estados Unidos e Karen Gomyo dende Xapón ou o cellista portugués-israelí Kyril Zlotnikov, que busca repetir a experiencia da pasada edición. O programa inclúe tamén catro pianistas, a vasca Judith Jauregui, a moldava Marianna Prjevalskaya e os galegos Ricardo Blanco e Gema Arias, que xa participara como Xoven Talento Galego na edición de 2019. O programa completarase co clarinetista galego Luis Miguel Méndez, a cellista ponteareá Alba Reirís e o cuarteto finés Erinys, que tocará entre outras unha obra do mestre Groba.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, afirma que “este 2022 é, para todos e todas, un ano moi especial. Temos moitas ganas de celebrar xunto á veciñanza e visitantes, esta grande festa na honra á música clásica que tamén é un sentido homenaxe á obra do mestre Groba”. Ademais, o edil convida “a todos e a todas a participar nesta cita indispensable na que gozar da cultura e da música nunha edición que promete ser moi especial”.

O Concelo de Gondomar apagará a iluminación dos seus edificios a partir das dez da noite

0

A partir de hoxe as 22:00 horas e en cumprimento do R.D. 14/2022 de 1 de agosto, de medidas de sostenibilidade económica así como de medidas de aforro, eficiencia enerxética e de reducción da dependencia enerxética do gas natural, o Concello de Gondomar apagará a iluminación nos edificios da súa titularidade, a partir das 22:00 horas, cando estes se encontren vacíos.

Asimesmo as dependencias municipais que conten con aire acondicionado limitarán a súa temperatura mínima aos 27 graos.

Dende o Concello de Gondomar se solicita a colaboración dos comerciantes da vila para que, en aplicación deste Real Decreto procedan a apagar os seus escaparates a partir das 22:00 horas, e asimesmo regulen os seus sistemas de climatización dentro dos parámetros marcados polo decreto aprobado polo Goberno de España, e que resulta de obligado cumprimento.

O alcalde destacou que “este goberno local sempre apoiará calquera medida encaminada ao aforro enerxético, e non so por una cuestión económica, senon porque somos un Concello concienciado e a vangarda na loita contra o cambio climático”.  

Mos estará presente no Campionato Mundial de Patinaxe

0

Tres mozos de Mos competirán no campionato mundial de patinaxe que se celebrará na localidade alemá de Gotinga entre o 8 e o 13 de agosto. Forman parte do grupo de 17 patinadores do Club Ribex de Tui que participará, facendo historia, na celebración das primeiras finais da historia da Copa do Mundo de patinaxe artística. Trátase de Erika Pombo Jorge, de 19 anos e da parroquia de Torroso; David Castro Folgar, de 16 anos e da parroquia de Louredo; e Naira Rodriguez Alonso, de 21 anos e da parroquia de Cela.

O esforzo, o talento e a inmensa ilusión destes mozos e do resto do equipo fixeron posible que esta viaxe fose unha realidade. Os tres deportistas aman enormemente a patinaxe, que compaxinan cos seus estudos. Estes días os adestramentos están a ser moi intensos, adestrándose unha media de tres horas diarias para levar a coreografía o máis perfeccionada posible.

Cando a federación comunicoulles a boa noticia, o club rapidamente pensou nunha estratexia que lle permitise reunir os fondos para asistir ao campionato. “A viaxe custéase vendendo todas as semanas rosquillas, poñendo postos de comida nas festas locais, sorteando ceas que lles doaron locais de hostalería”, comenta Carolina Figueroa, socia fundadora do colectivo, consciente do enorme esforzo que están a facer para poder estar en Alemania dentro duns días. Tamén son varios os concellos da louriña, como Mos e os do Baixo Miño que apoian ao Club nesta viaxe.

A ilusión é inmensa, e un certo nerviosismo comeza a notarse a medida que se achega esta noite. Saldran de Tui cara ao aeroporto do Porto ás 3 da madrugada.

A Cañiza inaugura o novo pozo de barrena de subministro de auga de Portoaugavella

0

Esta semana inaugurouse o novo pozo de barrena que subministra auga ao depósito da traída municipal do Portoaugavella, no concello da Cañiza.

Cun investimento de 88.398,95 € esta obra hidráulica adxudicada á empresa COVSA, executouse grazas á financiación da Deputación de Pontevedra que a través da Liña 1 do Plan Concellos 2022 asumiu todo o coste da obra. O novo pozo ven a sumarse ao xa construido no mes de abril na zona do Rañadoiro cun investimento cercano aos 68.000 €.

A obra fai parte das actuacións desenvolvidas polo Concello da Cañiza para mellorar o actual sistema de abastecemento de auga potable ao casco urbano da vila e tratar de garantir o servizo.

O novo pozo de barrena, con 150 metros de profundidade,  conta cun motor capaz de aportar un caudal de máis de 5m3 /hora que bombea a un quilómetro de distancia,  salvando un desnivel de 60 metros, ata o depósito de cabeceira da traída municipal de Portoaugavella.

Segundo comunicou o rexedor, Luis Piña, esta mañá «dende o Concello estamos facendo un importante esforzo para asegurar e garantir o servizo de abastecemento, con todo solicítase á veciñanza que fagan un uso axeitado do consumo de auga, evitando regar, encher piscinas e outros usos que poidan por en perigo o subministro de auga potable, considerando as advertencias de todas as administracións públicas orientadas á facer un uso responsable da auga, tendo en conta que a vaga de calor e tempo seco persistirá durante todo e verán e non se prevén precipitacións a curto prazo».

Ademais, para que o sistema de bombeo funcione en automático e á demanda, ten instalado un sistema de telemando entre a captación e o depósito, de maneira que a bomba de captación arranca automáticamente ante a necesidade de auga.

Novamente, o alcalde Luis Piña recorda que a rede necesita de actuacións para alcanzar un estado adecuado da infraestrutura do servizo de auga, valorada en preto de 3 millóns de euros.

O Porriño relanza o concurso musical “Tes talento?”

Grupos de música e solistas emerxentes terán unha nova oportunidade de promoción no Porriño: volve TES TALENTO?. 

Como nas anteriores edicións, o certame busca descubrir novos talentos e promover aos/as músicos/as emerxentes da contorna.

“Hai anos preguntámonos se había talento no Porriño e a resposta foi moi clara: hai talento! Hai moito talento na vila e o menos que podemos facer dende o concello é dalo a coñecer”, afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo. Así, tras anos sen convocarse, o novo executivo decidiu recuperalo atendendo á demanda da veciñanza.

A inscrición abrirase o día 16 de agosto e rematará o día 26 de agosto, de luns a venres en horario de 9 a 14 h nas dependencias do rexistro do Concello do Porriño.

Haberá dúas modalidades, infantil e adultos. En ambas poderán presentarse grupos ata un máximo de catro compoñentes e o tempo de actuación será de tres minutos como máximo.

Un xurado formado polo concelleiro de Festexos, tres especialistas no campo artístico musical e unha persoa funcionaria do Departamento de Cultura e Festexos que designe o Concello, será o encargado de outorgar os premios.

O gañador desta edición farase con 400 euros e a gravación dun tema ou vídeo promocional, o segundo cun premio de 250 euros e o terceiro cun premio de 150 euros. Para os tres finalistas infantís, un lote de produtos escolares e trofeo.

A fase preliminar (audicións pechadas ao público) celebrarase o día 3 de setembro. As/os seleccionadas/os disputarán as semifinais, que terán lugar o día 18 de setembro para a categoría infantil (menores de 16 anos) e os días 27 e 29 de setembro para adultos (de 16 anos en diante). A gran final, na que se decidirán aos/as gañadores/as, terá lugar o día 2 de outubro. 

Brais das Hortas é a terceira cita de ‘O Rosal Cámara Fest’

0

Este mércores, a praza rosaleira de Novás será o epicentro de dúas citas importantes dentro da Axenda Cultural de Verán do Rosal.

A primeira delas comezará ás 20:00 h, da man do narrador, músico e creador de instrumentos de refugallo, Brais Gutiérrez, ou máis coñecido como ‘Brais das Hortas’, que chega ao Rosal co seu espectáculo “Zona en Obras”, na que mistura diversos xéneros coma os contos, a música ou os títeres, cunha posta en escena divertida, participativa e retranqueira. Nesta ocasión, contará cun andamio, tubos de antenista, unha guitarra eléctrica cun looper, unha batería cun capacho, un caldeiro, ferramentas… e buscará a axuda inestimable do público rosaleiro para darlle forma a unha actuación chea de ritmo e de música na que as risas están garantidas.

E ás 21:00h, no mesmo lugar, terá lugar a terceira cita no marco da terceira edición de ‘O Rosal Cámara Fest’. Os rosaleiros e rosaleiras que se acheguen ao campo de balonmán de Novás, serán quen de gozar da Banda da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal (AMDOR). A formación, de 40 compoñentes e dirixida por Celso Diego Martínez, ten participado en Festivais Xuvenís de Bandas en Galicia e Portugal e agarda con moita ilusión esta oportunidade de presentar os seus coñecementos diante do seu público.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, convida “a toda a veciñanza a que se achegue a Novás para gozar dunha xornada cargada de bo humor e de música, con dúas propostas de balde e para público familiar”.

Baiona acolle as conferencias “O Falar das Pedras”

0

O terceiro ciclo de conferencias “O Falar das Pedras”, organizado polo Arquivo Histórico e a Biblioteca Pública Municipal de Baiona, continúa a súa andaina no multiúsos do Mercado de Sabarís.

O vindeiro martes, 16 de agosto ás 20:30 h, terá lugar unha cita moi especial: a presentación da novela póstuma de Adolfo Valverde Quintas “Memorias dun Cangrexo Ermitán” por Fernando Bartolomeu Benito, catedrático de Lingua española e Literatura.

O 22 de agosto Celia Casás, diplomada en Conservación e restauración de bens culturais, especialidade pintura,  ofreceranos un relatorio que ten por título “Preservando o patrimonio; Restauración e conservación do retablo maior de Santa María de Baiona”.

Este interesante ciclo de conferencias que se desenvolveu durante os meses de xullo e agosto en Sabarís chegará ao seu fin o 29 de agosto cunha conferencia sobre “Turismo e Arte na Baiona decimonónica” por José Luis Mateo, investigador do Instituto de Estudos Vigueses.

Novos recursos do Plan Concellos para Covelo, O Porriño e O Rosal

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar novos recursos do Plan Concellos para tres municipios da provincia, Covelo, O Porriño e O Rosal, cun investimento total de 434.041 euros. Estas achegas permitirán a estes municipios financiar distintas actuacións de humanización de espazos públicos e de dotación de servizos.

Na comarca do Condado, Covelo recibirá unha achega de 193.678 € para financiar a mellora da accesibilidade e a humanización dos accesos aos equipamentos de Barciademera. Con este proxecto, búscase unha mellora das características ambientais e estéticas do espazo público, con materiais axeitados á contorna e a creación dunha plataforma única, con prioridade para os peóns/as.

No Baixo Miño, o Concello do Rosal contará cunha achega de 169.897 € para abordar a reconfiguración do tramo oeste da estrada vella de San Miguel de Tabagón. A actuación desenvolverase nun tramo de 260 metros de lonxitude e 1.536 metros cadrados de superficie, que se conformará como espazo de convivencia con prioridade peonil e onde se crearán ámbitos singulares para poñer en valor os elementos de maior valor ambiental, paisaxístico e patrimonial. Melloraranse tamén as de pluviais, fecais e abastecemento.

Por outra banda, na comarca de Vigo, O Porriño contará cunha achega de 70.464 € para abordar as obras de saneamento no núcleo de Mosteiro, que permitirá conectar a diferentes vivendas da zona á rede municipal deste servizo. Así mesmo, as obras contemplan a reposición da capa de aglomerado asfáltico dos viarios afectados por estes traballos.

O Concello de Salceda de Caselas pon en marcha o 2º Concurso de Pinchos e Tapas

O Concello de Salceda celebrará a 2ª edición do Concurso de Tapas e Pinchos que terá lugar entre os días 14 e 23 de outubro. Os establecementos hostaleiros que queiran inscribirse terán que facelo a través dun formulario que poden atopar tanto na páxina web do concello como nas súas redes sociais.

O prazo de inscrición estará aberto ata o día 16 de agosto. Dentro do concurso estableceranse dúas categorías de participación a de pincho e a de tapa. O concurso estará aberto a todos os  establecementos do municipio con horario libre de participación.

Grande éxito do V Festival Internacional de Teatro de Rúa en Ponteareas

As rúas e prazas de Ponteareas enchéronse de ledicia no Festival Internacional de Teatro de Rúa. O teatro, a música e o circo, ademais dos sorrisos do público, foron os protagonistas nas rúas ponteareás durante os catro días nos que se celebrou o festival que acaba de pechar a súa quinta edición.

Os espectáculos itinerantes “Aviador tolo” e “Festa xurásica”, xunto á música das charangas Alecríns, SDK e Os Galácticos, crearon o ambiente propicio para gozar dos espectáculos de maxia e circo que ofreceron o Mago Noel, El Gran Rufus, Vanminsel Rudi, Jano e Johanna Hesse. O broche musical a catro días de programación correu a cargo do grupo Breocáns.

O éxito desta última edición non fai máis que reafirmar a espectacular acollida que ten este Festival cada ano e que, segundo o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, “atrae cada vez máis público e logra manter a súa fidelidade, asistindo edición tras edición dado o gran nivel artístico das actuacións e o ambiente festivo e alegre que se xera durante estes días en diferentes espazos da nosa vila”.

Bouzó apunta que “con esta quinta edición do Festival Internacional logramos dinamizar máis de vinte rúas e prazas de Ponteareas”. O edil asegura que dende o Concello “seguiremos traballando para ofrecer cada vez máis propostas culturais e de lecer á veciñanza, co obxectivo de continuar mantendo unha vila dinámica e chea de vida”.

Tráxico falecemento dun veciño de Oia

0

O Concello de Oia vén de decretar dous días de loito oficial polo tráxico falecemento de S.G.F., veciño de Refoxos (Loureza) de 40 anos de idade, finado na tarde de onte en accidente de tráfico.

Un decreto municipal dicta esta medida “como testemuño da dor do pobo de Oia” e dispón que as bandeiras ondeen a media asta desde as 00 horas do domingo 7 de agosto ata as 24 horas do martes día 9. Así mesmo, quedan suspendidas todas as actividades previstas para as xornadas dos devanditos días 8 e 9 de agosto.

Finalmente, o decreto traslada a condolencia e solidariedade deste concello e de todos os veciños de Oia coa familia e achegados de S.G.F.

O Concello de Arbo organiza a tradicional Festa da Bicicleta

0

O domingo 14 de agosto, entre os actos que o Concello de Arbo organiza co Gallo da Festa da Lamprea Seca, atópase a tradicional Festa da Bicicleta.

A marcha arranca ás 10:30 horas dende a Praza do Concello e remata na Carballeira de Turbela, donde os participantes poderán participar noutras actividades lúdicas e culturais que terán lugar ao longo do día na Carballeira de Turbela, organizadas con motivo da Festa da Lamprea.

Alí poderase degustar nos postos habilitados este manxar nas súas diferentes variedades, asada, rebozada, rechea, con fideos… acompañada dos mellores viños da D.O. Rías Baixas, a Feira de artesanía e antigüidades, a actuación grupos folclóricos, charangas, inchables gratis para os máis cativos, zona de picnic con mesas e sombra… e por suposto, non pode faltar a visita obrigada ao Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea, “Arabo”, situado fronte ao recinto, que permitirá, a locais e foráneos, coñecer mellor nosos principais signos de identificación.

Os interesados en participar deberán realizar as inscricións inscrición  a través da páxina web da festa da lamprea (https://festadalamprea.gal/inscricion-a-festa-da-bicicleta/).

Os menores deberán ir acompañados de un adulto e é obrigatorio o uso de casco.