10.4 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiPreto de 600 persoas participan este sábado no Descenso Popular do Miño

    Preto de 600 persoas participan este sábado no Descenso Popular do Miño

    A Festa do Miño comezará xa pola mañá na ribeira de Caldelas coa Romaría

    Tui  vivirá este sábado a Festa do Miño na que se conxuga deporte, lecer, gastronomía, música e diversión.  Preto de 557 persoas surcarán as augas do Miño en piragua participando na décimo primeira edición do Descenso Popular do Miño. A saída, prevista ás 17 h dende a ribeira de Caldelas, promete volver ser espectacular ante a elevada afluencia de participantes que coas súas embarcacións encherán o río de cor, ofrecendo unha imaxe única. O descenso ten carácter popular e non competitivo, e será unha festa dende a mesma saída. Moitos dos participantes, coma ten acontecido en anteriores edicións farán gala do seu bo humor, disfrazándose para a ocasión ou elixirán unha indumentaria chamativa. De seguro que nos 7 quilómetros que separan a ribeira de Caldelas do pantalán na rúa Olímpicos Tudenses non faltarán as paradas para darse un chapuzón nas augas do Miño, ou unha parada estratéxica na praia de Areeiros, en Guillarei, antes de afrontar os últimos metros.

    Catro empresas, Verde Azul, Kaiak Ocio, Paralelo Zero, Tamuxe Kayak, e a propia organización, a cargo do Kayak Tudense, son as responsables de proporcionar as piraguas para o descenso. A inscrición está xa pechada dende o pasado día 4. As e os participantes, á chegada a Caldelas, deberán comprobar o seu dorsal nas listaxes dispoñibles e recoller as pulseiras identificativas. Haberá transporte de mochilas e tamén servizo de autobús dende a antiga alfándega na Avenida de Portugal entre ás 11.30 h e ás 14.30 h.

    Pero a festa comezará xa ao mediodía na ribeira de Caldelas coa Romaría Popular onde haberá distintos produtos gastronómicos.

    A partir das 20 h a Festa do Miño proseguirá na rúa Compostela coa Festa Gastronómica, da man de 12 asociacións tudenses, coa animación de rúa de Troula con “Funky Party” e o concerto da Banda Xangai.

    X Festa do Miño

    • Ás 12.00 h Inicio da X Romaría Popular na ribeira de Caldelas. Xantar Campestre
    • Ás 17.00 h Saída do XI Descenso Popular do Miño dende a ribeira de Caldelas
    • Ás 20.00 h X Festa Gastronómica na rúa Compostela. 24 postos de comida e 6 de bebida
    • Ás 20.30 h Animación de rúa con Troula Animación con Funky Party
    • ás 22.30 h Concerto da Banda Xangai na rúa Compostela

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.