“Recuperamos a normalidade e o Entroido de Verán volve ás rúas de Redondela logo de dous anos”, afirmou a alcaldesa Digna Rivas na presentación desta auténtica festa de rúa que, durante dous anos estivo suspendida por mor da pandemia da Covid e que o día 20 de agosto “volverá con máis forza que nunca e cun programa apto para todos os públicos e no que os cativos e cativos contarán con moitísimas actividades especificamente deseñadas para elas e eles”.
Digna Rivas, que na presentación estivo acompañada pola concelleira de Cultura, Iria Vilaboa e polos DJ’s Rodri Vegas e Carlos González, subliñou as moitas novidades con que contará este Entroido de Verán que “quere manter o seu carácter familiar e afastado do macrobotellón que era noutros tempos”.
Entre as novidades ás que facía referencia a rexedora local, unha forte aposta polas actividades para a infancia que darán comezo xa ás 18 horas.
Así, na Pista da Xunqueira de 18 h a 21 horas haberá inchables con auga e ás 21 horas Festa da Escuma. No circuíto da Alameda Castelao de 18 horas a 20:30 h Coches a pedais e o sempre atractivo inchable Eliminator. Na Praza de Lenda de 18 h a 21 horas, Touro mecánico. Nese mesmo horario e tamén na Praza de Lenda haberá actividades de fútbol e baloncesto. Mentres, na Rúa Salgueiral quedará instalada outra das atraccións preferidas dos rapaces e rapazas, o jumping acrobático de 18 horas a 21 horas.
No escenario principal do Campo da Feira, de 20 horas a 21:30 horas Carlos González e Borja Rúa ofrecerán a primeira sesión DJ para, de 21:30 horas a 23 horas dar comezo a Gala Drag que, tal e como explica a alcaldesa Digna Rivas “ofrece este ano unha moi interesante novidade xa que haberá Drag Queen e Drag King, contando co Carolina Smith como artista convidada. A Gala Drag repartirá 1.800 euros en premios.
A partir das 23 horas, darán comezo, en palabras de Digna Rivas “dous conciertazos”. O primeiro a cargo de De Vacas (de 23 h a 00:30 horas) e o segundo con Heredeiros da Crus (de 00:30 h a 2:15 horas) que continúan coa súa xira de 30 aniversario” e, unha vez rematado o concerto que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través de Musigal, dará comezo a segunda sesión DJ desta volta a cargo de DJ Charlie e Rodri Vegas. Precisamente Rodri Vegas desvelaba que as sesións DJ serán “de todo tipo de música” porque, sinalaba “é un día para todos os públicos así que pasearemos dende os últimos éxitos a Rapahel nun formato aberto no que teremos que saber que é o que o público quere e, polo tanto, será moi divertido”.
Como noutros anos, o Concello de Redondela mantén a súa aposta pola igualdade “polo que haberá puntos lilas de información sobre a igualdade e a necesidades de rexeitar todas as actitudes machistas e as agresións sexuais”, afirmou a alcaldesa de Redondela quen adiantou que, sobre ese tema, ofrecerase en vindeiros días información máis polo miúdo de cara a explicar, con detalle, a campaña de igualdade e a función dos Puntos Lila. A seguridade, pola súa banda, estará garantida coa instalación do habitual Hospital de Campaña na Praza do Concello con persoal cualificado para actuar, con rapidez, ante calquera emerxencia.