Mércores, 23 Xullo de 2025

Nigrán ofrece este domingo o concerto de música tradicional ‘De Tapas’

0

O Concello de Nigrán ofrece este domingo 4 de decembro ás 12:00 horas no Auditorio Municipal o concerto de música tradicional de ‘De Tapas’ a cargo da Fundación Igualarte. A entrada é de balde ata completarse o aforo. A formación, composta por 6 músicos, ofrece un repertorio baseado na música tradicional galega, aínda que engaden outras sonoridades e cores musicais, ademais, ofrecen temas propios onde o proceso creativo é fundamental.

Igualmente, o Concello abre a inscrición para o obradoiro de experimentación e uso dos sentidos para primeira infancia o sábado 17 de decembro na Biblioteca Municipal de Nigrán. Este está dirixido a bebés de ata 2 anos (horario de 17:00 a 18:00) e crianzas de 3 a 5 anos (de 18:30 a 19:30). É só para empadroados e poderá participar só un dos titores, estando as prazas limitadas a 10 parellas (fillo e titor). A inscrición debe realizarse no formulario web pendurado en www.nigran.es.

Estas actividades forman parte do convenio de 5.000 € do Concello de Nigrán coa Fundación Igualarte. O seguinte obradoiro é o de pasta de sal o 28 de novembro e o de cociña o 30 de novembro (ambos no CEIP Humberto Juanes de 17:30 horas a 19:00 para crianzas de 5 a 8 anos e de 19:00 a 20:30 para nenos e nenas de 9 a 12 anos) en quendas de 15/20 minutos segundo orde de chegada. Finalmente, para o obradoiro de primeira infancia (Biblioteca, 17 de decembro- bebés de ata 2 anos ás 17:00 e crianzas de 2 a 5 anos ás 18:30 horas) é imprescindible inscrición previa no formulario web que no mes de decembro se habilitará en www.nigran.es, estando destinado só a crianzas empadroadas.

A Fundación Igualarte, con sede en Vigo, loita pola integración das persoas con diversidade funcional no campo artístico e o desenvolvemento das súas competencias creativas e expresivas, sendo a única de España adicada ao desenvolvemento artístico destas persoas.

Mos inclúe a baixada de impostos no orzamento de 2023

0

O Pleno do Concello de Mos vén de aprobar por maioría o orzamento municipal para 2023 (cos votos a favor do equipo de goberno local e a concelleira non adscrita Verónica Costas, a abstención do tamén non adscrito Román González, e os votos en contra de PSOE, GañaMos e BNG). Trátase dun orzamento que que alcanza o importe dos 13 millóns de euros (13.086.500 euros para ser exactos), e que se caracteriza pola baixada de impostos e pola presencia xa do novo macroproxecto sociosanitario do Rebullón, pois a construción da Escola Infantil A Galiña Azul iniciarase o ano que vén e, para elo, a Xunta destina unha partida de 507.000 euros. A este respecto Nidia Arévalo, rexedora local mosense, declarou esta mañá na sesión plenaria ordinaria do Concello de Mos que “este é o orzamento municipal número 15 que, consecutivamente, presento en tempo e forma, e o aprobamos antes do inicio do novo exercizo económico. Un orzamento realista no tocante a ingresos e no que, para o 2023, levaremos a cabo unha baixada de impostos no ano 2023 polo tipo impositivo do IBI. Baixamos o tipo impositivo e mantemos, unha vez máis, os impostos e taxas municipais conxelados. Ademais bonificaremos o ICIO para fomentar a instalación de enerxías renovables”.

“Estou orgullosa de que teñamos logrado reducir case totalmente a débeda municipal. En 2021 o Concello de Mos tiña unha débeda do 38% e en 2023 lograremos chegar a unha débeda de 2 millóns de euros. E estou orgullosa tamén do Informe de Intervención que informa positivamente a estabilidade orzamentaria deste novo presuposto municipal”, explicou Arévalo.

“Quero destacar como fundamental, unha nova subida na partida, para min, máis importante do orzamento, Política Social, que pasa de 2.057.662,44 euros en 2022 a 2.366.776,20 euros en 2023. A partida de Política Social supón en 2023 o 18,30 % do total do orzamento municipal de Mos. A nova subida en Política Social vén motivada pola construción da nova escola infantil proxectada para o novo macro complexo sociosanitario que se instalará no antigo hospital do Rebullón. Será a 4ª Galiña Azul no municipio e suporá o arranque do proxecto sociosanitario do Rebullón. A súa construción iniciarase durante o vindeiro ano e para elo a Xunta de Galicia fará ao Concello de Mos unha trasferencia económica que ascende a 507.000 euros. Deste xeito o novo Rebullón xa está presente no novo orzamento de 2023, tanto no presuposto municipal como no da Xunta de Galicia, xa que as consellerías de Política Social e Igualdade inclúen tamén nos seus orzamentos os proxectos do Centro de Coidados Intermedios e do Centro de Saúde, respectivamente, do futuro macrocomplexo sociosanitario do Rebullón”, salientou a alcaldesa.

Outros datos a destacar do novo orzamento mosense son que a partida orzamentaria dedicada a persoal incrementarase nun 3,5 % polo acordo estatal entre Goberno Central e sindicatos nasretribucións dos empregados das Administracións Públicas.

No tocante ao emprego, as políticas de fomento do emprego son unha das prioridades do goberno local, e por iso se reforza a partida (alcanza os 247.000 euros) a pesares de non ser unha competencia municipal, e séguese a apostar por traballar en políticas para desempregados.

Ademais tramítanse cada ano axudas coa Xunta de Galicia, logrando que a administración autonómica invista entre millón e millón e medio de euros ao ano en Mos para o desenvolvemento de accións de formación e emprego (obradoiros, programas integrados, accións formativas, Aula Mentor… etc.). Para o ano que vén xa está concedido desde a administración autonómica o 8º Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos.

A partida de Educación sube tamén, pasando de 495.255,50 euros en 2022 a 506.836,10 euros en 2023, potenciando a actividade extraescolar de inglés para a obtención do Certificado Trinity nasescolas, triplicando a contía dedicada ásaxudaspara comedor escolar, duplicando a de material e incrementando tamén a da Aula Madruga.

Mantense así mesmo a cantidade fixa anual que comezou no orzamento de 2022 para seguir promocionando, apoiando e estando ao carón da nosa hostalería. Destínanse a este fin 10.000 euros en 2023. A crise sanitaria da COVID-19 marcou un antes e un despois para este sector.

Mos terá, ao igual que en 2022, e dándolle continuidade a este, un novo plan de inversións en 2023, co que seguiranse dando pasos no Mos Humanizado. Nel priorizaanse certas obras polo momento de inflación actual.

Neste Plan Mos Humanizado incluiranse en 2023 as obras da Senda Porselo-Brea, o Carril Bici Alto de Barreiro-Santiaguiño (que xa está iniciada a obra pero continuará durante o ano que vén), a humanización da contorna da Capela de San Eleuterio, o Plan Hurbe de humanización do interior da Urbanización de San Rafael. E ademáis reservarase unha partida de 30.000 euros para a compra de terreos para a mellora da estrada Pereiras-Tameiga.

Seguirase a traballar tamén durante o próximo ano en dous proxectos de difícil execución pola necesidade de cesión de terreos por parte dos propietarios, as obras de mellora nas estradas de: San Cosme e Segundo Pampillón.

En materia de saneamento entre Augas de Galicia, o Consorcio de Augas do Louro e algunas obras urxentes que acometerá directamente o Concello (en 2023 investirá 161.346,97 euros en saneamento), posto que xa se conta coas autorizacións pertinentes, alcanzarase casi o saneamento integral no municipio. Entre as 3 administracións mencionadas finalizarase casi a acometida do saneamento nas parroquias de Louredo e Sanguiñeda, e no Barrio de Atín (Cela).

En cuestión de servizos, duplicarase o importe do contrato da recollida de lixo sen que implique suba da taxa, conxelada desde 2012, para a veciñanza.

Nidia Arévalo explicou tamén que “por outra banda trasladarémoslle á Xunta de Galicia melloras a acometer en diferentes infraestruturas deportivas municipais: melloras en pavillóns e alumeado do Campo de Fútbol de Cototorrón. Así como a obra de instalación do sistema de climatización para o Pazo de Mos. E a ampliación do Parque da Auga da Pesqueira acometerase con cargo aos fondos que lle corresponden á administración local mosense do Plan Concellos”.

Seguiranse mantendo as partidas habituais para melloras de viais municipais (1.455.739,96 euros), alumeado (822.000 euros), campos de fútbol (32.000 euros), Piscina Municipal; e promoción cultural (203.906,06 euros). Respecto á mellora de viais municipais acometerase o habitual Plan Anual de Asfaltados que se leva a cabo con financiación tanto doutras administracións como de fondos propios municipais do Concello. A rexedora local mosense concluiu informando de que “tamén en Cultura darémoslle continuidade á subida do Plan Cultural que se experimentou neste 2022, destinando unha contía de 37.000 euros, 12.000 euros máis que en 2021, ano no que a partida do Plan Cultural ascendeu a 25.000 euros. E mantemos tamén as habituais subvencións deportivas, culturais, e a entidades sociais. Incluíndo unha nova destinada a DisCamino, para que as persoas con discapacidade de Mos podan participar nas actividades e iniciativas organizadas por esta asociación”.

Gondomar acende o seu Nadal

0

Este sábado, 3 de decembro, Gondomar dá inicio ás múltiples actividades programadas para este Nadal.

Así, ás 12 da mañá, inaugurarase o que será unha das atraccións estrela deste Nadal na vila gondomareña, a Pista de Xeo natural que estará ubicada nunha carpa instalada na Pista Polideportiva A Feira (ao lado do pavillón de deportes) e que permanecerá aberta ata o día 8 e xaneiro.

Xa na xornada da tarde os actos arrincarán cun acto de celebración do día da discapacidade que baixo o título “Ser diferente é ser Existente” en colaboración con Centro Aprehendo Gondomar, terá lugar no Salón de Plenos (Casa da Cultura) ás 17:00 horas.

Ás 17:45 o alcalde acompañado do bispo da Diocese de Tui-Vigo, D. Luis Quniteiro Fiuza inaugurarán o Belen Artesanal en Movemento que este ano cambia de ubicación ao Centro Neural (Policía Local) aumentando as suas dimensións e número de elementos con respecto a anos anteriores.

Ás 18:30 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío, o Coro San Vicente de Mañufe ofrecerá un concerto gratuito.

Para rematar esta primeira xornada dunhas festas de nadal, que estarán cheas de actividades para todas as idades, dende a Praza da Paradela, ás 20:30 horas se procederá ao acto de acendido da iluminación decorativa de nadal, que este ano gaña en número de rúas e prazas iluminadas.

O Alcalde Paco Ferreira, destacou que “dende que cehgamos ao goberno, Gondomar xa é un referente nas festas de nadal, e que este ano fixemos un esforzo para que o sexa ainda máis, con máis actividades e cunha programación pensada para toda a familia”

O rexedor indicou que nos próximos días se presentará a programación completa para estas festas e convidou a toda a cidadanía a “desfrutar dunhas festas tan entrañables”.

Ponteareas conmemora este sábado o Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Ponteareas conmemora este sábado 3 de decembro o Día Internacional das Persoas con Discapacidade cun acto aberto a toda a veciñanza ás 12.00 horas no salón de plenos da Casa Consistorial. “Con este evento unímonos para sensibilizar e concienciar sobre a importancia de dispoñer de todos os apoios posíbeis para a integración das persoas con discapacidade en todos os aspectos da vida social, política, económica e cultural”, asegura a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.

O acto comezará coa actuación dunha pequena representación da Banda de Música de Guláns, que dará paso á lectura do manifesto por parte de representantes da Banda, do Concello, Federación Cogami Pontevedra e Adapta, entidade que representa ás persoas con discapacidade das comarcas do Condado e a Paradanta.

Fundada no ano 2003, Adapta é unha asociación sen ánimo de lucro que ten como obxectivo conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade a través da defensa e promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social e da prestación de servizos que cumpran as súas necesidades e expectativas. Dende entón converteuse nun espazo de referencia para as persoas con discapacidade do concello de Ponteareas, pero tamén de Salvaterra do Miño, As Neves, Mondariz, A Cañiza, Arbo, Crecente ou Covelo. O acto de conmemoración pecharase coa presentación da vindeira edición do concerto solidario da Banda de Música de Guláns en favor da Asociación Adapta.

O Porriño acende as luces de Nadal no Día Internacional das Persoas con Discapacidade

O Porriño ultima os preparativos para celebrar o Nadal por todo o alto. Este ano o pistoletazo de saída será o vindeiro sábado, 3 de decembro, co encendido do alumbrado na praza Arquitecto Antonio Palacios.

Unha data que non é aleatoria, pois coincide coa conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, algo que o Concello do Porriño quere poñer en valor. Así, representantes de varias asociacións de persoas con discapacidade serán os encargados de premer o botón que iluminará a vila.

A partir das 17 h comezarán os actos coa actuación do grupo de gaitas San Xurxo de Mosende e as Cantareiras Acordecans de Cans. Os máis pequenos poderán disfrutar tamén do espectáculo infantil “A bailar no Nadal”.

Tras o acto de encendido haberá música en directo con Noemí Fernández e Iker Faure que ofrecerán un concertó.

As subvencións Ágora permitirán gañar preto de 105.000 metros cadrados de espazo público

As subvencións outorgadas pola Rede Ágora da Deputación deste ano 2022 permitirán gañar preto de 105.000 metros cadrados de espazo público e construír máis de 13,5 quilómetros de sendas peonís e ciclistas en 28 concellos da provincia grazas á redacción de 76 proxectos de mellora de espazos urbanos de estancia, peonalizacións, sendas peonís e ciclistas e outro tipo de actuación que mellorarán a calidade urbana de vilas e núcleos favorecendo a mobilidade a pé e en bicicleta.

Estes datos foron facilitados hoxe polo deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, quen explicou que na Xunta de Goberno de mañá venres se aprobará a segunda quenda de axudas Ágora deste ano -que superan os 750.000 euros e que se suman aos  305.000 euros outorgados o pasado mes de outubro-. A maiores aprobarase unha nova convocatoria de subvencións na que se repartirán outros 900.000 euros de fondos provinciais.

O deputado destacou a súa satisfacción pola resposta dos concellos ante as convocatorias provinciais. Destacou que hai unha ‘onda imparable’ de gobernos locais que apostan polo modelo de mobilidade que defende a Deputación, o ‘modelo Ágora’, baixo as premisas de que o espazo público é un dereito das persoas, que deben ser o eixo de todas as políticas de mobilidade e planificación urbana fronte aos vehículos a motor.

Segundo debullou o nacionalista, os proxectos que recibiron subvención Ágora neste 2022 permitirán que espazos que actualmente non priorizan os desprazamentos naturais aumenten a súa superficie peonil e melloren o tránsito para as persoas en condicións de seguranza. Neste sentido, deu datos concretos: os 31.101 metros cadrados peonís previos nas zonas de actuación dos proxectos pasarán a ser 135.853 metros cadrados, é dicir, a previsión de incremento de espazos para as persoas grazas aos novos proxectos de recuperación urbana é de 105.000 metros cadrados, o equivalente aproximado a 20 campos de fútbol.

A maiores, construiranse sendas peonís cunha lonxitude total de 13.599 metros lonxitudinais en nove dos 28 concellos da provincia subvencionados, ben itinerarios continuos de nova creación ou espazos para conectar outros previamente existentes.

Na segunda quenda de axudas que se aproba mañá en Xunta de Goberno darase o visto bo aos proxectos de Cerdedo-Cotobade (3) e Ponte Caldelas (1) na comarca de Pontevedra; aos de Meis (3), Sanxenxo (1), Meaño (1), e Vilagarcía (3), que se unen aos aprobados para O Grove (2) en outubro no Salnés; ao de Gondomar en Val Miñor; aos de Pazos (5) e Redondela (3) e O Porriño (5) na área de Vigo; Salceda (3), A Guarda (2), que se suman aos de Tomiño, Tui e O Rosal (5 cada un) no Baixo Miño; Marín (2), Moaña (1), Bueu (1), Vilaboa (1), e Cangas (1) no Morrazo; Mondariz (4), Salvaterra (3) que se unen aos aprobados da primeira quenda para Covelo (4), As Neves (2) e Ponteareas (1) no Condado-Paradanta; Valga (1) e Pontecesures (2) na comarca de Caldas.

Nova convocatoria con máis de 900.000 euros

Dado o interese amosado, o deputado subliñou a decisión de volver abrir un novo prazo de presentación de solicitudes de subvencións, que nesta ocasión ascenderá a máis de 900.000 euros. O prazo de presentación será de 30 días hábiles dende o seguinte á publicación do anuncio no BOPPO.

As subvencións Ágora están destinadas aos concellos adheridos á rede Ágora de menos de 50.000 habitantes, que poden recibir o 90% do custe de redacción dos proxectos presentados, ata un máximo de 50.000 € por concello. Contemplan dúas casuísticas, sempre subvencionando a elaboración de proxectos e non de obras. A primeira é a redacción de proxectos de recuperación de espazos que actualmente están ocupados por tráfico a motor para devolvérllelos ás persoas. A segunda supón unha novidade: proxectos para a creación ou mellora de espazos segregados para a circulación peonil e ciclista, é dicir, para sendas peonís ou ciclistas anexas a vías existentes que non contan na actualidade con espazos adecuados para este tipo de desprazamentos.

No caso de recuperación de espazos, o proxecto debe supoñer un incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50 % con respecto ao existente na actualidade, e os espazos gañados para as e os peóns deberán ter unha superficie mínima de 300 metros cadrados. No caso de creación ou mellora dun espazo segregado de circulación peonil e/ou ciclista onde non existía un espazo adecuado para este tipo de mobilidades o itinerario peonil deberá ter unha superficie mínima de 100 metros e un largo mínimo de 2,5 metros. Finalmente, o proxecto pode combinar as dúas casuísticas seguindo os criterios establecidos nas bases.

Baiona preseta a programación do «BaiNadal 2022» cheo de actividades culturais e de lecer

0

O mercado de abastos de Baiona acolleu, na mañá de hoxe, a presentación do programa de actividades do BaiNadal 2022, acto no que o alcalde Carlos Gómez estivo acompañado pola concelleira de Cultura, Miriam Costas e polo presidente de ACEBA (Asociación de Empresarios e Comerciantes de Baiona) Marcos Comesaña.

Miriam Costas, concelleira de Cultura

Foi a concelleira Miriam Costas a encargada de facer a presentación dunha programación que definiu como “ampla, variada e apta para todos os públicos dando un especial protagonismo aos máis pequenos e pequenas que viven con especial intensidade estas datas”.

Tanto a concelleira como o alcalde Carlos Gómez, salientaron a importancia dun programa que ten, entre os seus principais obxectivos “contribuír á dinamización das zonas comerciais da vila para fomentar as compras do Nadal e o consumo nos comercios e establecementos baioneses”.

Carlos Gómez, alcalde de Baiona

Carlos Gómez fixo fincapé que a campaña de Nadal “é unha das máis importantes do ano para o comercio e a hostalería local”. “Temos afortunadamente –recalcou o alcalde– un comercio cunha oferta ampla e variada e que, polo tanto, permite atopar de todo”. Gómez puxo de relevo o traballo que, dende o Goberno local estábase a facer “na concienciación do consumo responsable e a importancia de mercar no comercio local”.

O rexedor e a edil detallaron as actividades deseñadas “nas que puxemos todo o noso esforzo e agarimo, porque entendemos que despois de dous anos sufrindo as limitacións por mor da pandemia, Baiona merécese gozar destas festas ao grande”.

O alcalde baionés cualificou o BaiNadal 2022 como “unha aposta potente e que coida o noso tecido local” e mira con especial atención á infancia “cun amplo abano de propostas lúdicas”.

Marcos Comesaña, presidente de ACEBA

Pola súa banda Marcos Comesaña, presidente de ACEBA, fixo fincapé na importancia de consumir no comercio local. “E este comercio de proximidade o que sin ningunha dúbida ‘fai pobo’ e xera emprego” un comercio que ademáis ten a capacidade suficiente como para ofrecer todos os produtos que o público busca para este Nadal.

Diversificar escenarios

Como é habitual, as actividades e espectáculos que se desenvolvan entre o 2 de decembro e o 8 de xaneiro terán escenarios diversos para xerar un movemento de público e espallar o programa a todos os puntos do casco urbano. Así haberá actividades na Alameda Carabela Pinta, Auditorio Municipal ‘V Centenario’, Praza do Concello, Multiusos Mercado de Sabarís, Casco Vello e Avenida Julián Valverde de Sabarís.

A nota solidaria, sempre presente nas programacións de BaiNadal, terá lugar este sábado 3 de decembro. As 20:00 h celebrarase un festival a favor da ONG local Axuda ao Mundo Necesitado no que se poderá gozar das actuacións de o Rock Q’Mola e Tonichi e Pacheco.

As badaladas de Fin de Ano adiantaranse ao sábado 17 de decembro na Alameda Carabela Pinta, unha festa que xa terá ambiente dende as 22:30 h no Casco Vello cos pasarrúas de Bloquinho Aperta. Tras as uvas, ás 00:00 poderase gozar dun concerto de La Patrulla.

O 23 de decembro o Camionciño de Papá Noel percorrerá, dende as 18:00 h, a Avenida Julián Valverde e ás 20:00 h o Casco Vello para que todas aquelas persoas que o desexen poidan gozar e ver en primeira persoa a Papa Noel un día antes do seu gran día de entrega de agasallos e tamén facerlle chegar as súas peticións.

O día 24 de decembro as rúas do Casco –e previamente a Avenida Julián Valverde de Sabarís– estarán amenizadas polo pasacalles da Rondalla Santiago de Parada-Nigrán. Aquelas persoas que se acheguen ata o casco histórico da vila para gozar da mítica tarde de viños atoparanse cos ritmos e a música da charanga Nova Cubana a partir das 18:00 h.

Asi mesmo, destaca a instalación dunha pista de xeo e tubbing na Praza do Concello para o goce dos máis pequenos da casa, actividade recomendada a partir de 6 anos e que será inaugurada o próximo 21 de decembro ás 17:00 h e poderase gozar ata o próximo 8 de xaneiro en horario de 12:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 21:00 h. O Multiúsos do Mercado de Sabarís acollerá tamén o Ciclo de Cinema de Nadal programado para todos os nenos e nenas. Este mesmo espazo acollerá tamén, dende o 15 de decembro, a exposición de microbeléns, mostra que permanecerá aberta ata o 7 de xaneiro.

O Auditorio Municipal V Centenario tamén albergará numerosas actuacións da programación especial con motivo destas festas como son as actuacións musicáis do día 10 de decembro ás 21:00 h O Show de Cristián e o día 11, ás 18:00 h a actuación da cantante Sheila Patricia. Os espectáculos familiares como o do O neno Groba e a música, o sábado 17 de decembro ás 18 horas, ou a gala musical Un Conto de Nadal, o 29 de decembro ás 20:30 h, actividades baixo a dirección da Ocaband con Manquiña e Pepo Suevos.

Tamén volven os clásicos do BaiNadal, como son unha nova edición da gala de nadal da escola de danza Galicia en Danza, o domingo 18 de decembro a partir das 16:30 h; o festival de nadal da Escola de Música de Baiona, o 22 de decembro ás 19:00 h ou o festival de corais baionesas no que por primeira vez actuarán untas a coral polifónica Baiona A Real, A Cela de Baredo e a Coral de San Lorenzo de Belesar, unhas actuacións que se poderán gozar o día 23 de decembro ás 20:30 h. Doutra banda, o coro masculino, Voces Baionesas será o encargado de ofrecer o concerto de fin de ano o 30 de decembro ás 20:00 h.

O broche de ouro da programación terá lugar o mércores 4 de xaneiro coa visita dos Reis Magos ás distintas parroquias e o martes 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis que sairá ás 18:00 h de Sabarís e que supón un dos días máis esperados polos máis pequenos e pequenas. O punto e final a esta completa programación do Nadal o pon o festival de maxia do sábado 7 de xaneiro.

Variedade e orixinalidade no Mercado de Nadal do Rosal

0

O Mercado de Nadal do Rosal prepárase para abrir as súas portas. Este 3 e 4 de decembro o tradicional mercadiño chega á sala de exposicións do Concello con 15 postos nos que a variedade e orixinalidade dos produtos serán a clave. “É un orgullo ver o éxito que cada ano ten o noso mercado, non só de público, que agardamos que sexa moito durante toda a fin de semana, senón tamén por parte dos e das artesás, que encheron as prazas dispoñibles case en tempo récord”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Este tradicional Mercado de Nadal convértese cada ano “nun espazo de oportunidades para todas as persoas dedicadas á artesanía, un lugar que permite visibilizar o traballo e talento creativo e innovador dos nosos rosaleiros e rosaleiras”.

Así, este ano o público poderá mercar os produtos máis variados nos distintos postos: bixutería de resina e arxila; árbores de nadal en madeira e téxtil ou complementos de calceta; bolsos, sacos de sementes e adornos de nadal; obxectos decorados a man como caixas de madeira, velas, xabóns ou pratos de cristal; froitos secos, doces e legumes; chaveiros, pendentes, diademas, monicreques…; láminas e ilustracións, bolsas, postais ou marcapáxinas; produtos de comercio xusto, veganos, sen glute, cervexas ou lácteos; láminas, postais, cadros e impresións dixitais; abelorios personalizados, pulseiras, colgantes e outros complementos; merchandising da Asociación Trans Miño, xunto con tazas e bandeiras; bixutería de resina e flores naturais; mini alfombras, espellos e bixutería inox e 3D; elementos de madeira e resina; ou figuras feitas a man, adornos e bonecas, entre outras moitas cousas. O mercado estará aberto os dous días de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.

A Deputación lanza unha nova edición de “Depotermal”

A Xunta de Goberno da Deputación aprobará o vindeiro venres as bases da nova edición do programa de termalismo social “Depotermal”, unha das iniciativas provinciais con maior acollida e na que desde o ano 2015 participaron 16.500 persoas. Para o próximo 2023 serán un total de 3.500 as prazas que ofertará o programa, que busca, como destacou a presidenta provincial Carmela Silva, propiciar “actividades de envellecemento activo para as persoas maiores vinculadas á saúde”. A institución provincial destinará preto de 200.000 euros (184.470€) á iniciativa.

“Depotermal” desenvólvese en concellos que contan con centros de termalismo e balnearios e ofrece dúas modalidades de participación, estadías de día ou pernoita. Está destinado a persoas maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65% e tamén ás que precisen dun respiro familiar.  

Das citadas 3.500 prazas, 1.000 serán para a opción de asistencia diúrna a balnearios, talasos ou spas durante cinco mañás ou tardes consecutivas. E delas, 122 prazas están reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social, para as que a Deputación cubre todo o custe da estadía. As restantes 2.500 prazas son para a opción con pernoita e réxime de pensión completa de domingo a venres, nas que 122 serán reservadas tamén para persoas en dificultades económicas.

Carmela Silva destacou “a complicidade” dos 54 concellos que xa son colaboradores de “Depotermal” e que facilitan ás persoas que queren solicitar a participación no programa a realización dos trámites e as axudas.

Redondela realiza unha limpeza integral do Casco Vello para conservar o patrimonio da vila

0

O Concello de Redondela limpa o Casco Vello, con medidas e equipos de reforzo de hidrolimpeza para eliminar o verdello e “baldear o casco histórico  tratando devolverlle a súa beleza e valor patrimonial sen danalo”, explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

Unha vez rematadas as limitacións do uso da auga pola sequía xeneralizada, o Concello comeza o proxecto de limpeza que comezou no Casco Vello e pretende extenderse as áreas máis concurridas e íconicas do municipio, como a Alameda de Castelao ou a zona de Vila Vella para seguir en Chapela.

A limpieza consistiu en baldedo e saneamento de beirarrúas e camiños. O equipo de limpeza e xardinerería especializado utilizou hidrolimpiadorade gran potencia para limpar respetando a pedra e os edificios históricos. As zonas xa rematadas corresponden a Rúa da Prata, Rúa da Leña, Rúa Calella de Don Basilio, Rúa das Regateiras. Ademais das escaleiras colindantes entre a Rúa Picota, Rúa da Leña e Regateiras; e as escaleiras entre a Rúa Ribeira e a Rúa Leña.

Esta iniciativa ten como obxectivo “adecentar o casco antigo para o goce e uso dos veciños e veciñas de Redondela, ademais de prevenir os efectos das choivas otoñais que tenden a gastar e envellecer a pedra”, sinala Rivas.

O procedemento de limpeza e baldeo continuará do mesmo xeito na zona da Alameda de Castelao, Vila Vella, pasando pola Rúa Regojo, Rúa Alfonso XII, Rúa General Rubín e a Rúa de Ribadabia.

A rexidora local lembra que, “este Goberno aposta polo benestar dos veciños e veciñas. Esta actuación levábase anos sen facer e únese a outras xa acometidas no municipio coa intención de ofrecer un servizo e transformar a vila nunha urbe máis afable coas persoas, como quedará demostrado coa Praza de Ponteareas e as obras que se están a levar a cabo na Picota”.

Covelo prepárase para gozar do Nadal con música, espectáculos e cabalgata

0

O Concello de Covelo acenderá as súas luces de Nadal este sábado día 3 para arroupar a edición especial da Mostra de Produtos de Covelo para logo apagalas ata o 6 de decembro, día no que procederán ao acendido oficial tanto no centro urbano como en todas as parroquias, así contribuirán ao aforro enerxético dando cumprimento a un dos compromisos adquiridos no Pacto das Alcaldías e resposta a un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS 2030), tal e como o explicaban a concelleira de Cultura Lourdes Enes e o alcalde de Covelo, Pablo Castillo, na presentación da programación cultural de Nadal.

Este sábado día 3 a feira especial de Nadal abrirá o programa de actividades de lecer con artesanía local na praza Mestre Cerviño. Esta edición especial Nadal prolongará o seu horario e permanecerá aberta ao público ata as 19 horas. No marco da celebración da feira de produtos de Covelo ás 12:30 horas ofrecerase para os máis cativos e cativas unha actividade infantil con xogos, panxoliñas e un concurso de  baile con premios. Ás 17:30 horas teremos actuacións musicais en directo co duo Gure Terra e a visita de Papá Noel que virá coa súa caixa de correos máxica para recoller todos os desexos e peticións da cativada.

O domingo día 11 terá lugar no pavillón municipal de Covelo o Festival de Nadal do Club de Patinaxe e o domingo 18 ás 18:30 horas será a gala dos galardóns “Síntete Covelo 2022” no auditorio municipal do concello coa actuación de Antonio Barros e Ialma.

O venres 23 a compañía Asacocirco actuará na praza Mestre Cerviño ás 16:30 horas e o día 30 a esta mesma hora actuarán os Zancudos de Branco.

O día de Reis, 6 de xaneiro, sairá o rei Melchor ás 16:30 da parroquia de Fofe para ir a Piñeiro, Barcia de Mera e Casteláns e o mesmo fará Gaspar dende A Graña, Campo, Godóns, Prado e Maceira e Baltasar dende Prado da Canda, Lamosa, Paraños e Santa Mariña. A Cabalgata dos Reis Magos chegará á praza Mestre Cerviño arredor das 18:30 onde entregarán agasallos doces para todos os nenos e as nenas ao tempo que gozan de animación musical para toda a familia.

O sábado 7 de xaneiro de 2023 teremos unha cita coa Mostra de Produtos de Covelo na praza Mestre Cerviño  no seu horario de costume, de 10 a 14 horas aproximadamente e ás 18:30 horas o Concerto de Nadal da Coral Xuntanza de Covelo no auditorio municipal.

“Un Nadal en familia no que gozar de actividades para todos os públicos e no que a maxia destas datas chegue a todas as parroquias, así queremos celebrar estas festividades dando a posibilidade de reencontrarnos con amigos e compartir tempo coas persoas da nosa contorna”, engade o alcalde.

Tui celebrará a I San Silvestre Solidaria en favor de AECC

0

Tui despedirá o ano 2022 cunha proba deportiva, lúdica e sobre todo solidaria. O 31 de decembro, dende ás 10.30 da mañá celebrarase a I San Silvestre Solidaria con inscricións de balde e na que todo o recadado en doazóns irá destinado a apoiar o labor da Asociación Española contra o Cancro no Baixo Miño.

A proba contará cun percorrido polo centro urbano e histórico de Tui de 5 quilómetros en modalidade de carreira e andaina, asumible para todas as persoas  tanto se son deportistas asiduos ou non. Ademais do carácter deportivo, a proba ten un tradicional carácter festivo e lúdico por ser o preludio das celebracións de Fin de Ano e Aninovo e na edición tudense non será menos. Logo da carreira haberá chocolatada con rosca e posteriormente, no Paseo da Corredoira e na Praza da Inmaculada celebraranse unhas badaladas de pre Fin de Ano con entrega de agasallos para os participantes.

Esta mañá tivo lugar a presentación do evento na Casa do Concello de Tui coa presenza de Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, Rafael Estévez, concelleiro de Deportes, Laura Solla, vicepresidenta do Club Atletismo Tui como organizador do evento, Pilar Barbosa, delegada, e Alejandro Rodríguez coma representantes da Asociación Española contra o Cancro no Baixo Miño, e Carmen González, traballadora social do Concello de Tui. 

Para Rafael Estévez, concelleiro de Deportes, a proba terá un claro carácter festivo e solidario que “de seguro contará cunha boa participación” logo de ter que ser adiada o pasado ano pola covid. Laura Solla, vicepresidenta do Club Atletismo Tui, explicou os detalles da proba, subliñando que será un percorrido para o desfrute de todos os públicos, no que primará “pasalo ben e despedir o ano facendo deporte entre amigos” e que amais suporá poder axudar ao labor da Asociación Española contra o Cancro na nosa comarca.

Por parte de AECC, a súa delegada no Baixo Miño, Pilar Barbosa, quixo subliñar que sempre tenden a man para colaborar en todas as probas e eventos de carácter solidario que permitan difundir o seu labor. Recordaba asemade que, amais de poder colaborar con eles no momento de realizar a inscrición, quen o precise pode contactar coa asociación nos teléfonos 900 100 036 (24 horas todos os días da semana), 647 771 998 ou nas oficinas situadas no Concello do Rosal. Pola súa banda, Carmen González, traballadora social do Concello de Tui, tamén destacou que será unha xornada de festa en Tui para despedir o ano “facendo deporte, entre amigos e axudando” ao labor que realiza a AECC.

Do mesmo xeito pechou o acto Enrique Cabaleiro. O rexedor tudense mostrouse seguro de que a carreira rexistrará un bo número de participantes “como sempre é habitual nas probas que organiza Tui”, mesmo contando con corredores doutros lugares. Asemade, quixo reiterar a gratitude á organización e á Asociación Española contra o Cancro, á que tendeu a man para seguir apoiando dende as institucións públicas.

As inscricións para a 1ª San Silvestre Solidaria ‘Correr e Andar’ de Tui estarán abertas mañá xoves, 1 de decembro, e ata o 28 ás 00:00 h na web https://clubatletismotui.wordpress.com. Serán de balde e con opción de realizar a doazón desexada no momento de inscrición que irá destinada integramente á Asociación Española contra o Cancro.

Nigrán presentará este domingo o libro ilustrado ‘Nigrán no camiño da costa’

0

O Concello de Nigrán presenta este domingo ás 19:00 horas no Auditorio Municipal o libro ‘Nigrán no camiño da costa’ realizado ex-profeso para o consistorio por Ramón Quintas e Noelia Muíños, propietarios da tenda-estudio Papelier en Baiona, ambos ilustradores e deseñadores gráficos. A entrada é de balde ata completar aforo. Previamente, ás 17:00 horas, dirixirán un obradoiro para crianzas de 8 a 14 anos empadroadas en Nigrán que consistirá na elaboración dun mural colectivo en forma de mapa resaltando puntos representativos do Concello (para participar é preciso inscribirse previamente no formulario web www.nigran.es e as plazas están limitadas a 15).

A idea de publicar o Concello esta obra xurdíu despois de que Ramón Quintas e Noelia Muíños presentasen o ano pasado o seu primeiro libro ‘O Camiño Portugués de Costa’ cun capítulo adicado a Nigrán. “Tivo moita aceptación e gustaron moito as ilustracións, así que nese intre pensamos en que nos fixesen un adicado só ao noso municipio porque é certo que hai pouco información sobre o Camiño adaptada ao público infantil”, explica o alcalde, Juan González, quen aposta por esta fórmula de “divulgar o patrimonio dun xeito lúdico”. Tras meses de traballo e documentación xurde este libro tamén ‘busca e atopa’ (ao estilo de ‘Onde esta Wally?’) con 14 debuxos representativos das 7 parroquias de Nigrán e con cadanseu pequeno texto en galego, castelá e inglés e divididas segundo comprendan ao Camiño Oficial, Camiño pola Costa (variante) e Outros puntos de Interese. O fin agora é entregar exemplares a cada colexio e que tamén figure nas oficinas de Turismo. A maiores, o  Concello realizou un calendario para distribuir entre a veciñanza que comprende todas as páxinas do libro.

“Ofrece unha perspectiva diferente de cada parroquia, de xeito que nun único debuxo se concentran paisaxes, tradicións ou monumentos”, explica Noelia. O outro gran atractivo é que ademais de figurar elementos  representativos, hai outra menos evidente pero vinculada ao lugar, como o presidente da Comunidade de Montes de Monteferro camiñando co seu gorro e bastón polo lugar, músicos na Foz, animais na coñecida como ‘illa de Thali’…

Comeza a conta atrás para o acendido do Nadal na Deputación

Todo está listo para o especial acendido do alumeado de Nadal das sedes e dos edificios da Deputación en Vigo e Pontevedra. Este xoves 1 de decembro, ás 18.30 horas acenderase a iluminación da sede de Vigo; á mesma hora farao Príncipe Felipe en Pontevedra e ás 20.00 h o Pazo provincial, o Edificio Administrativo e o Palacete das Mendoza. A quenda dos castelos de Soutomaior e de Sobroso, que neste último caso contará con luces de Nadal por vez primeira, terá lugar o venres, 2 de decembro ás 18.30 horas.  Amais do acendido, tamén se inaugurará a decoración sostible deseñada para as súas sedes que recorda “escenas de Nadal”.

Ás 18.30h será a quenda da sede da Deputación de Vigo, na rúa Eduardo Chao, na que tras a tradicional conta atrás se acenderán as cortinas luminosas led e tamén motivos de Nadal, similares a folerpas de neve, na fachada principal de pedra do edificio. O acto contará con música de saxofón en directo e coa presenza de elfas e elfos e flores zancudas que interactuarán co público antes do acendido. No exterior da sede viguesa haberá unha auténtica postal de Nadal con cabanas dos bosques e ata un banco para o photocall. A sede está igualmente decorada no seu interior.

En Pontevedra, o acendido do Pazo provincial contará coa actuación “Lux” da compañía Mago Noel, espectáculo que mestura mimo, maxia, música e circo e terá lugar no vestíbulo. Posteriormente, na escalinata exterior terá lugar a conta atrás que culminará co acendido do alumeado da fachada e cunha chocolatada para “desfrutar das nosas tradicións”. Os xardíns terán tamén iluminación específica, con 20 mallas de luz e 50 bolas 3D no magnolio e ata 400 metros de grilanda de cor branca con flash no resto das árbores. 

O Palacete das Mendoza e o Edificio Administrativo acenderanse tamén ás 20.00 horas. En ámbolos dous espazos haberá cortinas luminosas nas cornixas e, no caso do Palacete tamén se alumeará a árbore-escultura que hai nun dos seus laterais.  Antes, ás 18.30 h terá lugar o acendido do Centro Príncipe Felipe que, como dixo a presidenta Carmela Silva, “para nós é moi importante xa que aquí viven menores que deben estar no mellor ambiente posible”. Neste caso, encheranse de luz o acceso ao centro, a avenida principal, o centro infantil, o centro Agarimo e a escola fogar.

Castelos de Soutomaior e Sobroso

O Castelo de Soutomaior e de Sobroso acenderán o alumeado o venres, 2 de decembro, ás 18.30 horas. En Soutomaior iluminaranse as torres da Homenaxe e do Conde con cortinas de 1,5, 6 e ata 9 metros de caída de cor branca cálida. Tamén a galería de damas, a muralla e a construción principal con cortinas luminosas de 1,5 m. Estas mesmas cortinas decorarán o castelo de Sobroso, que incluirá ademais as imaxes de cervos iluminados no seu recinto.

En Soutomaior, anunciou a presidenta, “temos preparada unha gran festa de Nadal”, que inclúe un mercadiño cunha vintena de expositores con produtos da provincia, artesanía, libros, viños e agasallos, que permanecerá operativo ata o 8 de decembro en horario de 11.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.

Tamén hai visitas teatralizadas e obradoiros para nenas e nenos de entre 5 e 10 anos de idade que teñen “as prazas xa case esgotadas”. “Quedan –informou- 3 prazas para as visitas teatralizadas e os obradoiros están todos completos salvo o do 5 de decembro que ten dispoñible unha praza e o do 3 de xaneiro que conta con 12 libres”.

O Servizo de Atención Temperá da Cañiza prorrogarase dous anos máis

Na sesión ordinaria do pleno celebrado o pasado 25 de novembro, acordouse por unanimidade de toda a Corporación, a prórroga do Servizo de Atención Temperá prestado polos Concellos da Cañiza, Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario e Melón, por xestión agrupada a través dun convenio de colaboración que dende a súa sinatura, a mediados de ano, está permitindo compartir o servizo entre as 5 administracións.

Esta renovación por dous anos máis, estará en vigor ata o 31 de outubro de 2024 e segundo manifestou o alcalde, Luis Piña, “ permitirá continuar prestando este importante programa de atención psicosocial e familiar vinculado á atención temperá”.

O servizo, en activo dende o pasado 1 de agosto, préstase nos cinco concellos agrupados. Dous días na Cañiza, nos que se atende tamén aos usuarios de Melón. Dous días en Mondariz, nos que se atende a Mondariz Balneario e un día en Covelo.

A xestión administrativa do servizo continuará realizándose no Concello da Cañiza como Promotor.

O Servizo estará subvencionado ao 100 % pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, que aportará para os 24 meses de duración da prórroga un total de 237.194,80 €.

Cantidade que se calcula en 9.883,08 € ao mes, desagregado segundo a porcentaxe de horas calculadas para cada concello: 35 % para A Cañiza con 83.1017,93 de financiación; 33 % para Mondariz con 78.274,05 €; 20 % para Covelo con 47.438,82 de financiación; 7 % para Melón con 16.603,58 € de axuda e por último 5 % para Mondariz Balneario cunha financiación de 11.859,70 €.

Só poden ser beneficiarios deste programa, os nenos e familiares derivados dos Servizos de Pediatría de cada concello.

A empresa ACEESCA é a encargada de desenvolver o programa e conta cun equipo de profesionais especializados en desenvolvemento infantil e atención tempera que se ocupan de valorar trastornos de desenvolvemento psicomotor, cognitivo, da linguaxe e comunicación, de autonomía, desenvolvemento da área social e afectiva e sobre todo apoio, información e formación para as familias.

¿QUÉ É A ATENCIÓN TEMPERÁ?

A Atención Temperá é o conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos e ás súas familias e á súa contorna.

Ten por obxectivo dar resposta, o antes posible, ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.

A  súa finalidade é  facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.

A clave da atención temperá está en que canto máis axiña se detecten as posibles dificultades, mellores resultados se poden obter da atención profesional. Por iso as familias deben estar ben informadas sobre o proceso evolutivo normal dos seus fillos para detectar as dificultades con prontitude.

Dende o servizo de atención temperá ofrécese unha intervención biopsicosocial que favorece a a adquisición e a recuperación de funcións e habilidades persoais e sociais para mellorar a autonomía, a convivencia social e familiar e a inclusión social.

Terror rural e humor pechan o ciclo de cine ‘Mestre Mateo’ en Ponteareas

Ponteareas baixa o pano esta fin de semana do ciclo de cine ‘Mestre Mateo’, unha actividade organizada pola Academia Galega do Audiovisual e pola Deputación de Pontevedra que, ao longo dos últimos meses, levou á vila a proxección gratuíta de películas gañadoras e finalistas nos premios do cine galego, cos que cada ano se recoñecen a excelencia das producións audiovisuais de Galicia.

Este sábado 3 de decembro o ciclo pecha as súas portas coa proxección de ‘Jacinto’, unha película de terror rural e humor guionizada e dirixida por Javi Carrera que conseguiu o emocionante premio Mestre Mateo á Mellor Interpretación Masculina Protagonista, outorgado de forma póstuma ao finado Pedro Brandariz; o de Mellor Dirección de Arte; Mellor Maquillaxe e Perruquería e Mellor Vestiario.

A película, situada nos montes de Lugo, céntrase na relación entre o propio protagonista, Jacinto, e a súa familia con dous mozos procedentes de Suecia que chegan á súa zona de residencia. Con banda sonora de Wenceslao Lama, a crítica comparou este traballo de Carrera coa película ‘A matanza de Texas’ e co cine fantástico español.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a gozar desta última sesión de cine do ciclo Mestre Mateo na vila este ano, que permitiu a Ponteareas “achegarse ao mellor cine galego de balde e ao noso idioma a través de canles vitais como a cultura”.

A proxección será ás 20.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal. Será balde con entrada libre ata completar aforo.

Ángela González Montes, Aida Pena e Montse Boix participan este sábado nas II Xornadas Técnicas de Igualdade e Comunicación

0

A Sala Félix Rodríguez do edificio Francisco Sánchez acolle este sábado, 3 de decembro, dende ás 10 h as II Xornadas Técnicas de Igualdade e Comunicación. Con esta actividade forma parte do programa organizado dende o concello de Tui con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, e do programa Maruxa Mallo.

O obxectivo destas xornada, cuxa primeira edición se celebrou en 2021, é traballar e analizar cos e coas profesionais os obstáculos no traballo diario para á hora de informar, así coma dar conta das boas prácticas informativas en material de violencia de xénero.  Todo isto tendo en conta ao destacado papel que os medios de comunicación e os contidos audiovisuais teñen na configuración e interiorización das desigualdades e o sexismo.

Estas xornadas están dirixidas a profesionais da comunicación, a publicidade e o audiovisual, colexio profesionais, así como a entidades sociais e a toda a poboación en xeral.

O sábado ás 10 h terá lugar a benvida aos e ás participantes, para dar paso a continuación a Ángela González Montes, experta en comunicación, administradora civil do Estado, e na actualidade responsable de comunicación do Plan de Recuperación no Ministerio de Hacienda y Función Pública que abordará “Comunicación en igualdade dende as institucións. Boas prácticas”.

Ás 11.00 h José Font, director da Radio Municipal de Tui será o encargado de presentar á xornalista Aida Pena, actual directora de informativos da Cadena Ser en Galicia e condutora de Hora 14 e La Ventana en Galicia, que falará de “As periodistas: presencia e retos”. 

Tras un descanso Laura Seara, directora de Red Talento presentará a Montse Boix. xornalista de RTVE, e dende agosto deste ano delegada de Igualdade, Diversidade e Inclusión de RTVE, na Secretaría Xeral de RTVE e editora de igualdade.  O tema a abordar será “Axenda global das mulleres nos medios de comunicación”.

A presentación das conclusións e clausura da Xornada está prevista para ás 13.00 h a cargo da concelleira de Igualdade do Concello de Tui, Ana Núñez, e da presidenta da Deputación, Carmela Silva.

A participación nas xornadas é de balde pero recoméndase a confirmación de asistencia no correo [email protected]  ou no móbil: 666 909 303.

Programa II Xornadas Técnicas de Igualdade e Comunicación

Sábado, 3 de decembro, na Sala Félix Rodríguez, no edificio Francisco Sánchez

  • 10:00 h. Benvida ás e ós participantes.
  • 10:15 h. “Comunicación en igualdade dende as institucións. Boas prácticas”.
    • Ángela González Montes. Administradora Civil do Estado experta en comunicación.
    • Presenta e modera: Beti Rey. Locutora na Radio Municipal de Tui
  • 11:00 h. “As periodistas: presencia e retos”.
    • Aida Pena. Xornalista da Cadena SER Galicia.
    • Presenta e modera: José Font. Director da Radio Municipal de Tui.
  • 11:45 h. Café
  • 12:15 h. “Axenda global das mulleres nos medios de comunicación”.
    • Montse Boix. Xornalista de RTVE.
    • Presenta e modera: Laura Seara. Directora de Red Talento.
  • 13:00 h. Conclusións e clausura.
    • Ana Núñez. Concelleira de Igualdade de Tui.
    • Carmela Silva. Presidenta da Deputación de Pontevedra

Prégase confirmación de asistencia a través de: [email protected]  ou no móbil: 666 909 303

As nadadoras do CNPonteareas fanse en Lugo co título de campioas galegas

O Club Natación Ponteareas sumou esta fin de semana un novo éxito ao conquistar o equipo feminino o Campionato Galego Absoluto de natación de inverno disputado no Complexo Deportivo Frigsa de Lugo. Unha cita que se adiantaba no calendario de competicións e que congregou a 300 dos mellores deportistas de 26 clubs galegos.

O equipo feminino do club facíase co título de campioas galegas nunha competición na que todas e todos os participantes amosaron o bo nivel de forma, xa que durante os tres días de competición melloráronse varias marcas de idade e algúns récords galegos. Ademais, a deportista ponteareá Carla Carrón acadaba o trofeo Paula Carballido á mellor marca por puntos FINA do campionato.

Pola súa banda, o equipo masculino do CN Ponteareas remataba o encontro nun oitavo posto. Con estes resultados, na clasificación total conxunta o club do Condado proclamábase subcampión galego por equipos por detrás do CN Portamiñá lucense.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quixo transmitir unha vez máis os seus parabéns tanto ao club como ás e aos nadadores, xa que “en cada competición demostran o alto nivel no que se atopa a natación en Ponteareas. Para nós é un orgullo ver ás nosas e nosos deportistas acadar grandes logros en cada unha das metas que se poñen”.

A instalación de novas redes de saneamento e pluviais continúan en Baredo

0

O Concello de Baiona pon en marcha as obras nos barrios de Baredo de Xestas, Súas Torres, A Bouza e Montiño, camiños que carencían deste servizo.

As obra foron adxudicadas á empresa “Excavacións e construcións Manuel Pérez Portela” por 105.951,42 euros e están subvencionadas ao abeiro do “Plan Concellos 2021” da Deputación de Pontevedra.

Vaise ha proceder á instalación de novas tubaxes de saneamento para dar acceso ao mesmo ás vivendas que non tiñan ese servizo municipal. O Concello considera necesaria a obra porque os residentes na zona trataban as augas residuais de manea individual con fosas sépticas nas vivendas. Así mesmo, tamén se vai a instalar nova rede de pluviais. Uns traballos aos que se sumarán a mellora do pavimento co asfalto dos viais.

O Concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez, sinala que con estas obras “vaise proceder á instalación de distintas tubaxe de varios metros para dar un novo servizo a todas as vivendas situadas nestes camiños da parroquia”.

Pola súa banda o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, comenta “a importancia destas  obras “que dará servizo ás vivendas destes lugares”.Así mesmo, destaca que “se trata dun compromiso do Alcalde de Baiona para que  a veciñanza teñan o mesmo acceso aos servizos municipais residan onde residan”. A dotación destas novas redes de saneamento súmase a outras moitas levadas a cabo nos últimos meses en distintos puntos da localidade. Do mesmo xeito, darase continuidade  á  mellora de infraestruturas e servizos básicos dos diferentes barrios e parroquias do municipio”. O rexedor reafirma o obxectivo é completar o saneamento nos barrios e  lembra que a dotación destes servizos aos núcleos da localidade “foi, e segue sendo, unha das nosas prioridades “. Outros dos obxectivos é “o compromiso co mediambiente xa que con estas novas instalacións elimínase o risco dunha contaminación dos terreos e mesmo do río”, finaliza o rexidor.

O pleno do Porriño abordou hoxe a facturación irregular do 2017 e 2018

O goberno municipal do Porriño levou hoxe a pleno a devolución e retirada da contabilidade de facturas irregulares por importe de 1,1 millóns de euros que foron emitidas entre os anos 2017 e 2018.

A facturación irregular e pendente de pago que se inclúe na partida 413 supera os 5 M de euros. O goberno municipal iniciou a revisión e fiscalización de todas elas para determinar a veracidade da prestación dos traballos e si se axustan a prezo de mercado e nese caso proceder ao seu recoñecemento ou se, pola contra, se trata de traballos que non se prestaron ou pretenden cobrar por encima do prezo de mercado.

Ata o de agora levouse a cabo o procedemento de revisión de 3,5 M de euros de facturación irregular que o anterior goberno municipal deixou na conta 413, incluídos os máis de 2 M de euros en facturas pendentes de sentencia ao estar a ser obxecto de investigación penal.  Neste momento está a acometerse a revisión da restante facturación retirada da contabilidade municipal para que as pequenas empresas e autónomos que se acredite que prestaron servizo ao Concello do Porriño poidan por fin cobrar.

A revisión de oficio promovida polo executivo detectou graves irregularidades na facturación presentada por 10 empresas que foron contratadas a dedo polo anterior goberno municipal, sen seguir ningún procedemento de contratación na adxudicación do contrato valéndose acordos verbais sen ningún tipo de garantía legal, causando ademais un importante dano ás arcas municipais.

Tal e como se acredita na fiscalización que está a levar a cabo o servizo de intervención do Concello do Porriño, existen facturas que foron pagadas nos anos 2017 e 2018 e, con posterioridade, foron rexistradas de novo para que se volveran a abonar contando coa conformidade dos concelleirosdelegados desas áreas sen que os técnicos municipais puidesen acreditar nin que se realizaran os traballos nin que o importe se axuste aos prezos de mercado.

“A revisión que estamos a efectuar de toda a facturación que se deixou no `caixón´ está a detectar infraccións moi graves e de non tela feito a día de hoxe estaríamos pagando dúas veces por traballos que non sabemos nin si se fixeron, xa que ademais hai conformadas para o seu pago múltiples facturas por traballos que non se acreditan”, apuntou o alcalde Alejandro Lorenzo, “Hoxe traemos a pleno o desglose de parte desta facturación, informada debidamente polo Secretario Municipal e o Interventor Municipal, para rexeitala definitivamente e que se investigue polo miúdo o que estaba a pasar neste Concello. E por suposto, personarémonos como administración afectada no penal. Falamos de feitos moi graves”.

Neste sentido cabe destacar que os informes de Secretaría e Intervención apuntan a que non se acredita que se respectara o principio de boa fe na contratación e que puideronse engrosar e duplicar facturas, necesariamente co consentimento dos corporativos.

Novas achegas do Plan Concellos para Arbo e Ponteareas

A Deputación de Pontevedra destina novos recursos do Plan Concellos 2022-2023 por un total de 1,2 millóns de euros para os concellos de Catoira, Arbo, Marín Moaña e Ponteareas, destinadas a actuacións nos equipamentos e servizos municipais, así como a melloras nos viarios destes concellos.

Neste senso, a presidenta Carmela Silva destacou  que estes recursos están a permitir realizar actuacións “tan importantes” para os municipios como son as referentes á recuperación do espazo público, “e estamos a ver que desde que a Deputación puxo en marcha o seu modelo de mobilidade sostible no que as persoas sexan o centro, moitos municipios están a usar as achegas do Plan Concellos para actuar no seu viario municipal igual que nós actuamos nas nosas infraestruturas públicas”. Tamén destacou a aposta municipal polas melloras nos servizos de abastecemento e saneamento, especialmente despois de que en meses recentes “houbese que tomar medidas fronte á seca”.

Arbo, contará cunha achega de 199.466 €, destinada á urbanización do Camiño da Bouza, no núcleo urbano. Habilitarase unha plataforma única, renovaranse as redes de servizos de abastecemento e saneamento, así como o alumeado e canalizaranse as liñas eléctricas e de telecomunicacións. Ponteareas recibirá 243.530 € para rehabilitar un edificio da praza Maior como novo Centro Cívico. Os traballos consistirán na reforma integral deste inmoble, que se converterá nun novo punto de encontro da veciñanza.

Por outra banda, para Catoira apróbase unha achega de 130.901€ que irá destinada á pavimentación dunha vintena de camiños municipais, que suman unha lonxitude de 1,4 quilómetros. As obras comprenden a mellora da plataforma de rodadura dos camiños e a instalación de redutores de velocidade.

Para Moaña apróbanse 72.360€ para diversas actuacións na Travesía do Xaldeiro, que inclúen a instalación da nova rede de pluviais, a renovación de abastecemento existente e a instalación dun novo pavimento en base a soleira de formigón. En finalmente, o Concello de Marín recibirá unha importante achega de 604.371€, destinada ao mantemento e conservación da piscina municipal, un “potente proxecto”, como destacou a presidenta provincial, que contempla actuacións sobre as fachadas, cubertas, estruturas metálicas, o interior de vestiarios e ximnasio, de cara a mellorar e preservar este equipamento.

O emprendemento na provincia ten nome de muller

O informe “A muller en SmartPeme” que vén de sacar á luz a Deputación de Pontevedra pon de manifesto o protagonismo indiscutible das mulleres no emprendemento e desenvolvemento económico da provincia. No acto de presentación, a presidenta provincial Carmela Silva, acompañada pola consultora especializada en sector público Marta Giménez, fixo fincapé en que “a economía tiña nome de home pero xa está cambiando. Agora o emprendemento ten nome de muller. As mulleres estamos a liderar a creación de empresas e isto é unha extraordinaria noticia para o conxunto da sociedade”.

Carmela Silva enxalzou que na provincia hai “mulleres empoderadas, con grandes ideas, que están a poñer en marcha grandes proxectos e están situadas no primeiro lugar de saída, gañando a competición do emprendemento”. Neste eido, recordou diferentes iniciativas que impulsa a Deputación en canto ao economía e ao emprendemento que están sendo lideradas nunha maioría absoluta por mulleres. Iniciativas como os coworking en Barro, con 117 proxectos participantes dos que 70 foron impulsados por mulleres; o I Programa de Emprendemento, con 12 proxectos dos que 8 foron liderados por mulleres; ou o I Programa de Emprendemento do Viveiro de Lalín, con 6 iniciativas das que 4 tiñan nomes femininos. Tamén recordou que na primeira aceleradora multisectorial de 8 proxectos participantes 6 foron impulsados por mulleres, do mesmo xeito que acontece coas diversas edicións da aceleradora de turismo, nas que participaron 34 proxectos dos que 24 foron liderados por mulleres, ou as de comercio, con 20 iniciativas das que 14 foron desenvolvidas por mulleres.

No caso concreto de SmartPeme a consultora especializada en sector público Marta Giménez detallou que o 56% das persoas usuarias do programa son mulleres, con 46 anos de idade media, que nun 70% contan con educación universitaria e nun 80% con nivel medio de coñecementos TIC. Lideran principalmente o número de empresas que aproveitan os servizos de SmartPeme e acoden na súa maioría ás oficinas de Pontevedra, Vigo e O Porriño para recibir solucións a demandas relacionadas coa páxina web, redes sociais e ECommerce. A ampla maioría delas son autónomas e dirixen micropemes ou se atopan emprendendo en sectores como o comercio polo miúdo (moda, téxtil, artesanía), seguido doutros servizos persoais (psicoloxía, coaching e servizos de apoio) e empresas vinculadas ao turismo (aloxamento e restauración). Ademais dirixen de media a tres persoas empregadas.

En canto ao equipo de coordinación e asesoramento de SmartPeme, o informe recolle tamén a ampla presenza de persoal feminino. Na coordinación, de 9 persoas 5 son mulleres e entre o persoal de asesoramento de 12 persoas que integran o equipo 8 son mulleres. No caso concreto de coordinación cunha idade media de 29 anos e formación universitaria, especializadas en publicidade, economía, enxeñería e empresariais. E en canto ás mulleres asesoras a idade media é de 38 anos e son tamén todas universitarias, expertas en TIC, imaxe dixital, turismo, emprendemento e márketing.

Liña de Igualdade de SmartPeme

A presidenta Carmela Silva, felicitou o traballo que está a desenvolver SmartPeme “que nos ten convertido nunha referencia en canto á mellora dos resultados das empresas e tamén na aposta polos dereitos das mulleres na economía”. Lembrou que a igualdade é un eixo prioritario e transversal das políticas públicas da institución provincial e tamén forma parte de SmartPeme dende que comezou a funcionar e, dende o pasado ano,  cunha liña específica.

A liña de igualdade de SmartPeme, dentro da carteira de  Impulsa, está a asesorar e informar ás pemes sobre accións e estratexias que poden desenvolver para impulsar a igualdade nos seus negocios. No marco desta liña estanse a promover estratexias de igualdade nas empresas, elaborar plans de igualdade e a impulsar o liderado feminino, así como eventos, obradoiros, almorzos de traballo e xornadas de capacitación e visibilización para poñer en valor o talento das mulleres.

Rematadas as obras da 1ª fase da estrada Tabagón-Goián ao seu paso polo Rosal

0

A Deputación de Pontevedra remata a primeira fase das obras que transforman por completo, desde un punto de vista sostible, a mobilidade entre Tabagón e Goián no transcurso da EP-3303 polo concello do Rosal. A actuación foi visitada hoxe polo deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, acompañado da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández. A institución provincial actuou nesta fase nun treito de 1,7 quilómetros da vía, dun total de 4,5, cun investimento superior aos 650.000 euros dos que a Deputación achegou o 80 % e o concello o 20 %, e que conseguiu un importante financiamento de 472.623 € (o 73 % do custe total) procedente do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. O resto do financiamento foi asumido pola Deputación e o Concello co reparto porcentual orixinal.

Esta importante obra, que foi acometida baixo a filosofía da recuperación de espazos públicos para as persoas e a redución de Co2, traduciuse na reconversión integral da estrada para contribuír a fomentar a vida no rural ao mellorar as súas posibilidades de comunicación dun xeito seguro. Isto conseguiuse propiciando alternativas ao vehículo privado, como a mobilidade peonil e a bicicleta –que se viñan realizando sen condicións plenas de seguridade– e que agora contan cun carril propio. Ademais da veciñanza da zona que emprega esta vía para conectar con Tomiño, cumpría ter en conta tamén a elevada presenza de persoas peregrinas que conectan co Camiño Portugués da Costa.

Ademais deste novo carril peonil e ciclista, completouse a plataforma de circulación cunha beiravía, acondicionáronse dous carrís de 2,80 metros para a circulación de vehículos, instaláronse redutores de velocidade, renovouse a rede de drenaxe e canalizouse de xeito soterrado a rede de alumeado público para a súa futura renovación. Na zona do CRA María Zambrano, ademais, dispúxose de plataforma única con prioridade peonil e limitación de velocidade a 20 quilómetros/hora. Os obxectivos destas actuacións son a redución de emisións de carbono, o fomento do transporte público, ciclista e peonil, o fomento de hábitos saudables, a minoración da velocidade, a redución de ruídos e a potenciación do turismo saudable. Os resultados son un descenso do 9,2 % no uso de enerxía e do 9,6 % en canto ás emisións.

En marcha o proxecto da segunda fase

A Deputación e o Concello do Rosal xa aprobaron o convenio para seguir actuando na EP-3303 Tabagón-Goián de acordo co modelo de mobilidade amable, segura e sostible da institución provincial. A segunda parte da fase, que afondará na transformación radical da vía noutro treito de arredor de 1,8 quilómetros, suporá un investimento de máis de 795.000 € que tamén se financiará nun 80% pola Deputación e nun 20% polo Concello (que irán con cargo ao Plan Concellos). Actuarase no tramo da Igrexa de San Bartolomeu de Eiras, que terá unha zona de convivencia sobreelevada con prioridade peonil (entre os puntos quilométricos 2+200 e o 2+300), mentres que no resto se deseñarán dúas sendas peonís (do punto 1+795 ao 2+200 e do 2+300 ao 3+600). Tamén se renovarán as capas de rodaxe e de pavimento de formigón con bandas de pedra na zona de convivencia con redutores de velocidade e pasos sobreelevados. Ademais de mellorar a mobilidade peonil, na segunda fase das obras da EP-3303 executarase a rede soterrada de recollida de augas pluviais, con cunetas transitables, e a de alumeado, con arquetas para a futura colocación de farois.

Árbores feitos a man para decorar Ponteareas este Nadal

Este Nadal Ponteareas énchese de decoración feita a man “con moitas ganas, agarimo e ilusión”. O Concello está a colaborar coa Federación de Comercio, Hostalaría e Servicios, Banastra, e coa asociación Adapta na creación de elementos decorativos que permitan encher o comercio local de cor, “dinamizar a actividade durante unha das campañas máis importantes do ano e animar a toda a veciñanza a saír as rúas e mercar nos establecementos de Ponteareas, porque comprando no comercio local énchese de vida toda a vila”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

“Queremos amosar o noso máis grande agradecemento a Banastra e a todo o equipo directivo pola súa implicación, xa que nos poucos meses que levan ao fronte xa federación xa levaron a cabo numerosas innovadoras e exitosas iniciativas para dar pulo ao comercio”, resaltou a rexedora. Fernández Davila agarda “que esta colaboración con Adapta se manteña no tempo. O traballo que están a facer os seus usuarios e usuarias durante todo este mes é impresionante. Moitísimas grazas polo voso esforzo”. O Concello colaborou na adquisición do material para elaborar estas decoracións, así como no seu reparto entre os comercios e na compra e colocación das alfombras vermellas que estarán na rúa nas entradas dos establecementos.

Nesta ocasión Banastra retomou a colaboración que xa se levou a cabo noutras ocasións co Concello e encargouse de coordinar ao comercio local, deseñar, adquirir materiais e traballar man a man con Adapta e no reparto co Concello. A través desta colaboración as usuarias e usuarios do programa de persoas con discapacidade da asociación Adapta están creando máis de cen árbores que estarán colocados nos establecementos asociados de Banastra en Ponteareas. “Despois dunha campaña para o Día da Nai pensamos que tivo moito éxito criamos que no Nadal tiñamos tamén que por en marcha algunha iniciativa similar. E é un orgullo ver as ganas coas os usuarios e usuarias de Adapta levan traballando arreo durante todo o mes”, salienta a presidenta de Banastra, Pilar Carrera.

Unha ilusión que transmiten en cada unha das árbores que fan, decoradas todas con lazos, estrelas e bolas de Nadal. Dende Adapta destacan que iniciativas como esta son moi interesantes “para visibilizar e abrir o traballo que fan as persoas usuarias a toda a poboación”. “Están encantados e encantadas coa participación neste proxecto e para todas e todos eles é moi emocionante ver logo o seu traballo exposto polas rúas de Ponteareas. Confiamos que poida ser o primeiro paso dunha colaboración estábel”, destaca Paula Táboas, responsable técnica de Adapta, que recalca o gran traballo en equipo que se desenvolve entre a asociación e as persoas usuarias nesta iniciativa e noutras que poidan levar a cabo.

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, trasladou a invitación aos usuarios e usuarias de Adapta como á federación de comerciantes para que a acompañen o venres 2 de decembro no acendido do alumeado de Nadal.

Chega á Guarda -MAVI- A Maleta viaxeira contra a violencia de xénero

0

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou este luns na Guarda xunto co alcalde, Antonio Lomba, a concelleira de Igualdade, Fátima Rodríguez, a directora do CIM Yolanda Vilaverde e a bibliotecaria, Marisol Diz, o proxecto de sensibilización “Mavi: a maleta viaxeira contra a violencia de xénero”, unha iniciativa promovida pola Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno de Pontevedra, que trata de achegar, especialmente ás mulleres, unha serie de libros que poden axudar á reflexión, á sensibilización e á concienciación en moitas situacións de vulnerabilidade das propias mulleres. Os libros contidos na Maleta viaxeira están a disposición de todo aquel que os desexe para o seu préstamo na Biblioteca Pública Municipal da Guarda.

Tras a boa acollida que tivo a primeira maleta, que se puxo en marcha o ano pasado, a Subdelegación creou catro novas MAVI que viaxarán pola provincia. “A segunda destas novas maletas recala hoxe no Concello da Guarda para achegar libros de diferentes temáticas relacionadas co feminismo, a igualdade, o empoderamento, a autoestima ou a violencia machista ás mulleres e nenas do municipio”, explicou a subdelegada, que agradeceu a colaboración do Goberno local para activar este proxecto e a súa implicación para que chegue á maior parte da poboación, fundamentalmente á da zona rural, que é a que ten máis dificultades para acceder a materiais e campañas desta natureza.

Maica Larriba destacou que “son un total de 78 libros repartidos en cinco maletas que promoven a reflexión, a sensibilización e concienciación sobre temas determinantes para conseguir unha sociedade máis igualitaria e libre de violencias, favorecendo un pensamento crítico ante os estereotipos e roles de xénero que perpetúan estas violencias e desigualdades e que lamentablemente seguimos vendo día a día por parte de grupos que seguen negando a violencia de xénero”.

A estadía inicial de “MAVI” no Concello da Guarda será de tres meses un período que poderá ampliarse en función da demanda. Tras o Grove a A Guarda, “MAVI” continuará a súa viaxe por outros concellos, casas de acollida, asociacións de mulleres vítimas de violencia de xénero, centros de información á muller ou servizos sociais da provincia que soliciten a maleta para traballar coas súas usuarias.  “É unha viaxe sen data de volta”, explicou Larriba, “xa que a idea é que a maleta poida continuar percorrendo a provincia e aumentando ou variando os libros que viaxan nela”.

O alcalde, polo seu lado, agradeceulle á subdelegada esta iniciativa, asegurando que “será moi ben acollida pola veciñanza”. Antonio Lomba manifestou a necesidade de “seguir traballando fronte a violencia machista e a prol de igualdade plena, sendo a literatura unha ferramenta de moito alcance nesta loita de toda a sociedade”.

Os “Concertos na Esencia do Camiño” chegarán a Tui, Baiona e Oia

0

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou este mércores o ciclo “Concertos na Esencia do Camiño” que levará a música da Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra a cinco recintos esperituais simbólicos no percorrido da ruta xacobea.

Acompañada polo bispo da Diócese de Tui-Vigo, Luis Quinteiro, e polo director da Banda de Gaitas, Hipólito Cabezas, a representante autonómica avanzou que o vindeiro domingo, 4 de decembro (20:00 horas), a Basílica-Concatedral de Santa María de Vigo acollerá a primeira das actuacións.

“Esta iniciativa sobre música e Camiño no Ano Santo completa unha programación que abarcou todos os campos, desde a cultura ata a faceta social, pasando polas iniciativas deportivas, e agora poñendo en valor o significado xacobeo e a súa espiritualidade  a través da música e da iluminacion artística”, sinalou.

Pola súa banda, o bispo Luis Quinteiro apuntou que a iniciativa recolle “a verdadeira esencia do camiño, nunha perspectiva dende os inicios, cando os peregrinos  dirixíanse a Santiago na percura da fe e atopaban nas  igrexas do camiño, axuda, morada, abrigo e comida”.

Tras o concerto en Vigo este domingo, o ciclo tamén se desprazará ata a igrexa de Santa María de Baiona, a Santa Domingo de Tui, ao Mosteiro de Oia e á Basílica de Santa María de Pontevedra. No caso de Vigo haberá unha proxección na pedra de vídeo e poemas do camiño de Santiago. Xunto á Banda de Gaitas, actuará Noelia Álvarez, o tenor Fausto López e o coro Allegro de Vigo.

Hipólito Cabezas sinalou que o concerto estará composto de melodías de gran parte dos camiños, Portugués e Francés, marchas procesionais e alzamentos, xunto a temas actuais como o Hallelujah de Leonard Cohen, ou o tema Gabriel´s Oboe da Banda sonora da película  “La misión” de Ennio Morricone.

Luis Piña visita o parlamento europeo

0

Nunha viaxe xunto a outros compañeiros alcaldes e portavoces de tres días para coñecer en primeira persoa cómo afectan as medidas de Europa á vida e desenvolvemento da Cañiza e tamén para lograr máis fondos europeos para o noso Municipio.

Os fondos europeos tiveron moitísima importancia nestes 3 anos e medio de mandato, conseguindo cerca de 3 millóns de euros, fundamentais para o noso desenvolvemento e sobre todo de cara ao asentamento poboacional.

Neste período conseguíronse a través dos fondos europeos axudas para a iniciativa de cambios de luminarias en todo o término municipal, dos que xa están executados 3 dos 6 proxectos subvencionados;  a rehabilitación enerxética da piscina climatizada a través do Plan Pirep Local 1; o proxecto “Da Túa Man” de modernización e impulso do Comercio Local, tan importante para impulsar o noso comercio e fidelizar clientela e o Programa Único – Banda Ancha que levará a alta velocidade na telefonía a 2078 vivendas da Cañiza antes de  rematar 2023.

Os Fondos Europeos

Os Fondos Europeos están a ter un papel central nas diferentes reunións que se celebran os tres días que durará a expedición, sobre todo naqueles apartados que teñen que ver co desenvolvemento rural e as partidas que tentan loitar contra o despoboamento.

Durante os encontros celebrados púxose especial fincapé en coñecer os mecanismos de solicitude dos fondos de recuperación, para que a axuda económica chegue de maneira correcta e eficaz, interesándose polas normativas europeas e a flexibilización, lembrando as dificultades que están a ter moitas empresas, para cumprir os compromisos coa administración pública  debido aos altos prezos e os problemas no acceso aos compoñentes, o que fai que se atrase a chegada dos fondos europeos.

Os representantes municipais están a ter así mesmo a oportunidade, de man dos socialistas europeos, de coñecer o funcionamento das institucións da UE.

Espérase que a visita dos alcaldes a Bruxelas sirva para reivindicar a necesidade de ofrecer respostas rápidas e eficaces ás posibles dificultades que se poidan presentar e para demandar políticas activas para afrontar a crise desde o ámbito municipal.

O ‘Nadal con Simona’ chega a Redondela

0

A Concellería de Igualdade do Concello de Redondela organiza o Programa municipal de conciliación 2022 “Nadal con Simona” coa finalidade de proporcionar un recurso socio comunitario de apoio ás familias redondelás.

Esta iniciativa segue a línea do programa ‘Quédome con Simona’ que está ofrecendo con éxito servizos puntuais de coidado de menores. Desta forma, amplíase a oferta con actividades para toda a cidadanía. “O programa está enfocado de forma transversal e completa a oferta social e educativa do Concello de Redondela que sempre ten a intención de ensinar dende a igualdade”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explica que o obxectivo é “favorece a conciliación de responsabilidades familiares e laborais, e ofrecer a poboación infantil redondelá o acceso ao a actividades lúdicas e educaticas que fomenten accións innovadoras na infancia”.

O servizo prestarase durante os días  23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro de 2022 e 2, 3 e 4 de xaneiro de 2023 con  horario de 09.00 a 14.00 horas, de luns a venres. Está enfocada a rapaces e rapazas entre 3 e 12 anos de idade, incluíndo ás/aos menores que teñan a idade esixida no momento de publicación da convocatoria. No caso de menores con necesidades educativas especiais avaliarase cada solicitude de maneira individual.

O número de prazas ofertadas para esta convocatoria son 180, distribuídas nos diferentes centros de Redondela. O CEIP Plurilingüe Porto-Cabeiro dispón de 15 prazas; o CEIP de Cedeira, 15 prazas; o CEIP Outeiro das Penas, 30 prazas; o Multiusos de Chapela, 45 prazas; o CEIP Plurilingüe Quintela, 15 prazas e o CEIP Plurilingüe de Reboreda, 15 prazas. No caso do Conservatorio Municipal de Música “Víctor Ureña”, edificio situado no centro da Vila e destinado a este tipo de actividades, pode ofrecer 45 prazas. As prazas para as/os menores con necesidades educativas especiais están ubicadas no Multiusos Chapela e o Conservatorio xa citado. ”A distribución trata de achegar o maior número de recursos dispoñibles polo concello ao maior número de persoas interesadas”, explica Rivas.

A inscripción faise a través da páxina web municipal e e poderase solicitar en formato papel no edificio municipal do Concello de Redondela ou nas oficinas do Centro de información á muller (CIM). O prazo para a presentación de solicitudes será ata o 12 de decembro de 2022, ambos dous días incluídos.

Gondomar colabora coa Asociación Española contra o Cancro cunha exposición

0

Onte inaugurouse en Gondomar unha exposición fotográfica que relata 12 hitos nacionais importantes, entre os que se atopan os resultados do grupo do Doutor Antoni Castells nas investigacións referentes ao cancro de colon ou as da Doutora Marisol Soengas, na loita contra o melanoma.

A mostra poderá desfrutarse na rúa Angel Urzaiz de Gondomar, nas inmediacións da Casa do Concello, ata o 5 de decembro.

Ao acto de inauguración acudiron Telmo Crespo, coordinador Territorial da asociación en Pontevedra, Jose Ángel Casal, representante da sede local do Val Miñor, xunto a Rocío Goberna, concelleira de Comercio e Turismo e Brais Misa, concelleiro de Medio Ambiente, en representación do Concello de Gondomar.

De xaneiro a outubro de 2022 a Asociación Española Contra o Cancro fixo un total de 360 intervencións na comarca do Val Miñor.

Esta exposición celebra os 50 anos do inicio por parte da asociación das primeiras investigacións desta enfermidade.

Entre os 12 hitos expostos, atópanse dous que tiveron lugar na provincia de Pontevedra a cargo dos Doutores Joao M. Fernandes e Mónica Mártinez, un polos seus avances na biospia liquida o outro no estudo de certas alteracións do ADN nas células tumorais.

Continúan as charlas de Santa Clara

A igrexa de Santa Clara foi onte escenario dunha nova charla organizada pola Deputación e o Museo de Pontevedra para explicar os traballos de escavación realizados no convento nos últimos meses. ‘Compoñendo puzzles’ foi o título escollido pola responsable de Conservación e Restauración, Aldara Rico, que destacou que os achados no terreo foron excepcionais, entre outras cousas porque no traballo de campo se atoparon moitos elementos orgánicos (madeiras, ósos e téxtiles) non habituais noutras escavacións galegas polas características xerais do terreo no país.

Rico falou de todos os materiais atopados nas escavacións, dende o momento no que apareceron, como se procesaron durante a escavación  e unha vez rematada esta, na fase de laboratorio. Explicou os materiais orgánicos, o tratamento das laudas e dos enlousados, de cerámicas, metais, vidros e líticos (material pétreo), ou outros artefactos ornamentais ou tipo ‘plomadas’ que apareceron non relacionados co material construtivo.

Segundo a especialista os enterramentos descubertos tiveron moita importancia e tamén así os materiais vencellados a estes enterramentos, nos que apareceron metais, téxtiles e madeiras asociadas ás tumbas, alfinetes, un sudario, as madeiras dos ataúdes, e cravos con restos de madeira. “En Galiza é difícil de atopar iso polo tipo de chan que temos. Non se soe conservar o material orgánico. Neste caso si aparece, que é algo a destacar, así como a variedade e tipos de materiais”, subliñou.

En concreto, Rico explicou que foi destacable atopar un sudario nunha das tumbas. Apuntou que non se sabe con exactitude o tecido porque estaba totalmente mineralizado. “Sabemos que era orgánico (liño  ou algodón) moi sinxelo, e queda a ‘impronta’ e a forma, pero xa nada de material orixinal, agora é mineral que foi substituíndo e mantén a forma que tiñan as fibras. Conservouse arredor do cranio, que é o que mellor se conserva nos restos de Santa Clara. O resto dos ósos das defuntas están en moi mal estado de conservación”, destacou, adiantando algún dato da conferencia deste xoves.

Por outra parte, a responsable de Conservación e Restauración subliñou tamén a importancia da cerámica, que como xa se explicou en varias ocasións destaca pola grande variedade de procedencias. Salientou tamén o tamaño das pezas “que dá información que non é tan coñecida habitualmente e non soe aparecer habitualmente nas escavacións. Aquí podemos saber que tipo de obxectos son: se son tarteiras, pratos, tarteiras, formas das ‘anforetas’ de transporte. Os restos dannos información máis completas”.

Finalmente, Rico fixo fincapé, ademais de nos materiais, na interacción entre a empresa que fixo o traballo das escavacións e o Museo, que foi moi dinámica. “Houbo unha colaboración moi activa que favoreceu a conservación do material. Houbo materiais que foron enviados ao Museo tan pronto apareceron, como o sudario. Nós alí non tiñamos as condicións apropiadas pero o Museo asumiu a responsabilidade e inmediatamente o levou”, destacou.

As charlas en Santa Clara continuarán este xoves ás 19.30h coa doutora Olalla López e Clara Veiga. Ambas tratarán de dar datos do convento dende o punto de vista antropolóxico baixo o título ‘A vida a través da morte. Aproximación ao estudo das individuais recuperadas no convento de Santa Clara’.

Clausurado con éxito o proxecto Río Miño, Destino Navegable

0

A ruta fluvial do río Miño da que entre febreiro e outubro gozaron 5.400 persoas foi unha das iniciativas executadas ao abeiro do proxecto Río Miño, Destino Navegable, que foi clausurado. No mesmo participaron coma socios os concellos de Tui e Salvaterra de Miño, e as cámaras municipais de Valença e Monçao, xunto a Axencia de Turismo de Galicia, a Dirección de Patrimonio Natural da Xunta, e Turismo do Porto e Norte de Portugal. Financiado con fondos do Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 contou cun orzamento de 1.151.355,68 €.  Partiu cos obxectivos de mellorar a navegabilidade do río Miño Internacional, de situar ao río Miño transfronteirizo como destino turístico de referencia, de incrementar a diversificación da economía local, aumentar a conexión entre a poboación e as zonas ribeireñas e os ecosistemas asociados, e concienciar á poboación local sobre a necesidade da súa conservación e posta en valor.

Todos os socios do proxecto coincidiron hoxe no acto de clausura no éxito do proxecto, pese as dificultades que tiveron que superar, e amosaron o seu interese en poder dar continuidade a esta iniciativa cun Rio Miño, Destino Navegable 2.0.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, avanzou así a firme decisión de Tui de ir a un “Río Miño, Destino Navegable 2” porque “este tipo de proxectos son necesarios para pór en valor non so a marca turística do río Miño senón todo o que implica de posta en valor do noso medio, do noso territorio e de todo o potencial que ten” dicía, e plantexou a posibilidade de poder amplialo a máis territorios . Afirmaba que o resumo do proxecto “é de auténtico éxito” engadindo que é “o gran reto no que seguir traballando”

Dende a Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, brindouse a poder seguir aportando para levar adiante unha segunda fase. Amosouse “gratamente orgullosa” deste proxecto, salientando que “o río Miño non nos separa senón que nos une”.

A alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, referiuse as múltiples dificultades as que tiveron que facer fronte ao longo do desenvolvemento do proxecto dende a COVID até a seca deste verán. E amosaba o seu agradecemento a todas as persoas que fixeron posible que “este soño se fixera realidade”. Este, dicía, é “un proxecto que nace dende o corazón e dende a necesidade de pór en valor o noso territorio”. Engadía que tamén foi obxectivo do proxecto “dar aos problemas que nos atopamos non so como administracións, senón tamén coma cidadanía”. Concluía sinalando a importancia de “pór en valor a gran riqueza que temos: patrimonial, cultura e medioambiental”.

O vicepresidente da Cámara de Monçao, Joao Olivera, destacou coma Tui, Salvaterra, Valença e Monçao entenderon que “esta era unha oportunidade única para promover o noso territorio”. Destacaba que “mostramos a capacidade e a resiliencia de levar a cabo este proxecto”. Mentres Ana Paula Xavier, vicepresidenta da Cámara de Valença, afirmaba que “temos que saber valorar, e tamén a poboación este territorio, en termos de excelencia, ambientais, de riqueza e de valorización dos nosos recursos”.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén María Docampo, referiuse ao Centro Transfronterizo de Interpretación Ambiental do Río Miño Internacional, na illa de Fillaboa, creado ao abeiro deste proxecto, e do que dicía esta chamando a ser un centro de referencia medioambiental. Mentres dende Turismo do Porto e Norte de Portugal, Inácio Ribeiro, destacou os socios implicados neste proxecto e afirmaba que “a cooperación da resultados”.

Esta mesma mañá as distintas autoridades, previo ao acto de clausura, realizaron a ruta fluvial en barco na Eurocidade Tui-Valença, unha das iniciativas postas en marcha dentro do obxectivo de mellorar a navegabilidade do Miño nesta zona transfronteiriza.

Ademas de ofrecer os paseos fluviais, a Ruta do Río Miño, contribuíu a pór en valor o diverso patrimonio natural, cultural e etnográfico das dúas eurocidades que forman parte deste proxecto, situando ao río Miño como un destino turístico único e diferenciador. Tamén se deseñou  e sinalizou unha ruta Transfronteriza de Observación da Avifauna, con observatorios de aves situados nos principais puntos de visualización da ruta, cun Kit do observador,  a dispor dos visitantes nas oficinas de turismo, e coa edición dunha Guía de Observación de Aves. Tamén se traballou na consolidación da marca Visit Río Miño. O proxecto conta coa súa propia páxina web riominho.org.

Río Miño, destino navegable permitiu reforzar a positiva relación entre os socios do proxecto, traballando en equipo, e contribuíndo a ampliar a oferta turística, cultural e patrimonial destes catro municipio bañados polo río Miño.

Ponteareas acende este venres 2 unha iluminación de Nadal

O Nadal chega esta fin de semana a Ponteareas. O Concello convida a toda a veciñanza a participar no tradicional acendido da iluminación, que será este venres 2 de decembro. Ás 18.00 horas comezará a animación nas rúas con personaxes de Nadal, e a continuación producirase o acendido dende a Praza Bugallal.

Este ano, o Concello colocou arredor de 1.700 elementos de iluminación cos que encher de luz e cor Ponteareas durante estas datas. Só no centro urbano, arredor de 50 rúas, prazas e edificios contan con pezas decorativas que ambientan estes espazos cun alumeado singular, innovador e moi atractivo para o público con motivos moi variados. Ademais, o Goberno municipal continúa coa súa aposta por achegar a decoración de Nadal a todas as parroquias, onde se colocarán arcos luminosos nos lugares céntricos de cada unha delas.

Son case 2.200 metros cadrados de iluminación e máis de medio millón de luces micro-led, cos que se creou unha perfecta ambientación Nadal nas rúas ponteareás cun alumeado sustentable e eficiente enerxeticamente grazas ao uso de novas tecnoloxías. Entre as grandes novidades da decoración está a recentemente renovada Praza de Bugallal, que estrea alumeado de Nadal por todo o alto: con  1.100 caídas luz que enchen todo o espazo de luminosidade.

Este acto dará o pistoletazo de saída á programación das festas de Nadal que se dará a coñecer nos vindeiros días, na que, como vén sendo habitual, “haberá un amplo abano de actividades de lecer dirixidas a público infantil, familiar e adulto para desfrutar destas festas sen ter que saír da vila, cunha oferta pensada e deseñada para todas as idades e todos os gustos”, como sinala o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó.

Unha programación que unida a un alumeado cada vez máis atractivo polas rúas de Ponteareas servirá, sen dúbida, “para dinamizar a actividade tanto do comercio como da hostalaría local, axudando e colaborando cos establecementos locais nunha das campañas máis importantes de todo o ano na que traballamos man a man co sector comercial”, explica a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil.

A Guarda presenta a programación do Nadal

0

O Concello da Guarda presenta un ano máis a programación do Nadal, que arrancará xa na xornada deste venres día 2 de decembro co Acendido do alumeado de Nadal, un acto que terá inicio ás 18:00 h cun pasarrúas dende a Praza Avelino Vicente e que rematará na Praza do Reló co Acendido do Alumeado e Espectáculo de Pompas ás 18:30 h.

A programación do Nadal continúa as vindeiras semanas con multitude de actividades de todo tipo e para todas as idades, nas que se inclúen teatro familiar e adulto, concertos, maxía, animación de rúa, cinema, deporte e xa no mes de xaneiro a tan agardada Cabalgata de Reis.

PROGRAMACIÓN

DECEMBRO

Venres 2 de decembro ás 18:30h na Praza do Reló

Acendido de Nadal

Espectáculo de Pompas

Pasarrúas previo dende Avelino Vicente ás 18:00h

Domingo 4 de decembro ás 18:00h no Centro Cultural

Teatro Familiar: Superheroe de Fran Rei

Venres 9 de decembro ás 20:30h no Centro Cultural

Teatro para público adulto: The Witch da Compañía Diana Sieira

Sábado 10 de decembro ás 16:00h no Clube de Maiores

Concerto de Coro e Grupo de Gaitas do Clube de Maiores, Xubilados e Pensionistas da Guarda

Sábado 17 de decembro ás 12:00h na Praza de Avelino Vicente

Pandereteiras Cantos de Nadal cos grupos Coiro Vello, Carainas, Paliqueiras e Do Lusco ó Fusco.

Domingo 18 de decembro ás 17:00h na Igrexa Parroquial

Concerto de Panxoliñas

Mércores 21 de decembro ás 19:30h no Centro Cultural

Concerto de Nadal de Vento e Coro dos Alumnos do Conservatorio

Do 22 ao 24 de decembro polas rúas da Guarda

Trasnos e paxes do Nadal

Días 22 e 23 de 17:00h a 20:00h. Día 24 de 11:30h a 14:30h

Xoves 22 de decembro ás 20:00h no Centro Cultural

Concerto de Nadal de Corda dos alumnos do Conservatorio

Martes 27 de decembro ás 18:00h no Centro Cultural

Mago Rei Midas

Mércores 28 de decembro ás 17:00h no Centro da Vila

Animación Itinerante

Xoves 29 de decembro ás 20:00h no Centro Cultural

Concerto Ventos de Nadal da Agrupación Musical da Guarda

Venres 30 de decembro ás 18:00h no Centro Cultural

Cinema Infantil

Sábado 31 de decembro ás 17:00h na Praza de Avelino Vicente

San Silvestre

XANEIRO

Do 3 ao 5 de xaneiro polas rúas da Guarda

Carteiros do Nadal

Días 3 e 4  de 17:00h a 20:00h. Día 5 de 11:30h a 14:30h.

Martes 3 de xaneiro pola tarde polas rúas da Guarda

Circo de lume

Xoves 5 de xaneiro pola tarde polas rúas da Guarda

Cabalgata e visita dos Reis Magos

Sábado 7 de xaneiro ás 17:00h na Alameda

Gladiator Kids

O Espazo Isaura Gómez converterase nun punto de encontro da cidadanía de Tomiño grazas ao ReacPon

0

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañadas do deputado provincial Gorka Gómez e o concelleiro e deputado provincial Uxío Benítez, visitaron hoxe o avance das obras do futuro Espazo Isaura Gómez, un equipamento sociocultural “icónico” que se converterá nun punto de encontro e nun referente para a cultura da comarca do Baixo Miño e do norte de Portugal. A institución provincial financia este equipamento, de nova construción, a través do programa extraordinario ReacPon. Ten un orzamento superior aos 1,7 millóns de euros dos que a institución provincial achega 1.108.423,05 € e o Concello os 632.163,06 € restantes.

Carmela Silva asegurou que “isto é moito máis que unha biblioteca, é un espazo para garantir dereitos e servizos á cidadanía”. A presidenta provincial puxo en valor “os servizos que se van prestar nel e que son tan demandados, que é o que importa ao construír un equipamento que será lugar de encontro para rapazada, maiores e para o conxunto da veciñanza de Tomiño”, e tamén o carácter accesible do equipamento: “é un equipamento ambicioso no espazo público, que fai que a xente se reúna, e que ademais cumpre os parámetros máis esixentes de toda Europa en canto a eficiencia enerxética e materiais de construción”. A presidenta da Deputación asegurou que este é “un edificio moi singular, ao que os concellos teñen dereito, e moi ben deseñado” e salientou o feito de que teña o nome dunha muller: “necesitamos que nomeen lugares importantes para que sexan referentes de moitas mulleres e nenas que, ao velo, tamén se sentirán importantes”.

A presidenta provincial salientou que “este edificio foi ideado coa veciñanza, cunha nova forma de construír democraticamente como hai que facer no século XXI”. Carmela Silva lembrou que “é unha satisfacción para a Deputación ter rachado co modelo anterior e que agora todos os concellos teñan recursos para, desde a autonomía, apoiar os seus proxectos e garantir que a xente teña garantías viva onde viva”. Silva asegurou que “esta provincia converteuse nun referente dunha forma de gobernar, transformar e cambiar os concellos: o noso obxectivo é ser útil á xente, e conseguímolo respectando os concellos, respectando o que queren facer e participando dos seus proxectos, como no caso de Tomiño, que fan que sexan un modelo de calidade urbana”.

A alcaldesa, Sandra González, agradeceu a Deputación porque “este é un día emocionante, no que levamos soñando anos, e que é posible grazas á Deputación: é o noso auxilio para todo o que queremos facer alén do día a día porque esta administración apoia e cre nos proxectos dos concellos”. A rexedora asegurou que “o Espazo Isaura Gómez levaba na carteira de proxectos de Tomiño catro ou cinco anos, cunha peregrinación importante polas administracións para atopar financiamento”. Grazas ao ReacPon “este soño estase concretando nunha realidade: un servizo fundamental para as veciñas e veciños e que levabamos anos agardando”, asegurou. O Espazo Isaura Gómez é un proxecto moi ambicioso, de xeito que “aspiramos a conseguir a cualificación de Passive House, un dos maiores estándares de eficiencia enerxética da Unión Europea”, salientou. Trala visita ás obras “agardamos ilo vendo madurar agora que o edificio toma forma. Será moi ben feito, un referente e, ademais de fermoso e funcional, será tamén sostible económica e enerxeticamente”.

O Espazo Isaura Gómez será o corazón da cultura de Tomiño. Sitúase nas proximidades da Praza do Seixo, que xa contou cunha achega do Plan DepoRemse, polo que este novo espazo sociocultural continuará facendo da zona un lugar de convivencia da cidadanía grazas ás achegas dos plans extraordinarios da Deputación. O novo inmoble de cinco andares, que ocupa a que anteriormente fora a casa do médico, contará cun soportal exterior por toda a fachada cunha especial arquitectura adaptada á estética dos edificios próximos, e cumprirá os obxectivos fixados no Plan ReacPon: empregará enerxías renovables, será eficiente (de feito, o obxectivo do Concello é que se converta nun dos primeiros edificios clasificados como Passive House, cun consumo enerxético absolutamente baixo e respectuoso co medio: de acadalo sería pioneiro como edificio público en Galicia) e accesible para todas as persoas (con ascensor adaptado), luminoso e integrador.

O Espazo Isaura Gómez é o resultado dun proceso participativo de máis dun ano coa veciñanza, a comunidade educativa, asociacións e demais colectivos, cuxas ideas foron recollidas no proxecto. O edificio distribúese do seguinte xeito: no andar baixo atópanse unha zona de acceso, biblioteca e un espazo versátil para diversos usos. No primeiro andar sitúanse outra zona máis ampla de biblioteca e o xardín exterior, que resolve o problema das medianeiras do mercado municipal. No segundo andar instalaranse a Aula CeMIT, a área de atención temperá e a Concellería de Cultura, no baixo cuberta (terceiro andar) a sala de usos múltiples e a terraza. E, no soto, o arquivo municipal e outras instalacións. O espazo configurouse de xeito flexible, con andares diáfanos e aberto a cambios, con paneis móbiles que permiten que as distintas áreas sexan independentes e dispoñibles en distintos horarios entre eles.

A biblioteca contará con 109 postos de lectura (50 no andar baixo e 59 no primeiro andar), 22 ordenadores e capacidade para albergar arredor de 16.600 volumes, de acordo co estándar internacional recomendado en función da poboación de Tomiño. No primeiro andar situarase un espazo dedicado a recoller toda a bibliografía sobre Tomiño e o Baixo Miño, “o rincón de Tomiño”, proxectado a dobre altura entre o primeiro e o segundo andar. No andar baixo cuberta, cunha ocupación máxima de 70 persoas, poderanse organizar actos e actividades como conferencias, exposicións ou talleres na sala de usos múltiples e a terraza exterior, con zona cuberta e descuberta e que tamén se poderá empregar como observatorio astronómico. A área de atención temperá situada no segundo andar atenderá con persoal profesional a nenas e nenos da comarca (dos concellos de Tomiño, A Guarda, O Rosal e Tui).

Isaura Gómez, unha referente de solidariedade durante a Guerra Civil

Isaura Gómez foi unha muller tomiñesa, nada na parroquia de Figueiró. Foi unha muller culta e moi activa, defensora de valores como a xustiza, a igualdade e a liberdade. Sufriu de preto a Guerra Civil e a represión franquista, pero en ningún momento deixou de estar do lado das persoas que tiñan máis dificultades e necesidades, converténdose así nunha referente.

O Rosal inaugura este sábado 3 o Nadal

0

O Rosal dá este sábado 3 de decembro a benvida ao Nadal, que chega ao concello cargado dunha morea de propostas para todos os públicos e para todos os gustos. Música, deporte, actuacións, danza… e moita diversión garantizada “para desfrutar dunha época moi destacada na que para nós é importante achegar o lecer á veciñanza de balde, un lecer que ofrece un amplo abano de opcións, tamén para eses días de Nadal no que os nenos e nenas están de vacacións na casa”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A xornada inaugural será este mesmo sábado, que arrancará coa apertura do tradicional Mercado de Nadal, “un espazo de oportunidades para as persoas que realizan traballos relacionados coa artesanía e o deseño, un lugar que permite visibilizar o traballo e talento creativo e innovador das persoas creadoras, artistas e artesás”. Celebrarase os días 3 e 4 de decembro no salón de exposicións do Concello de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. Tras esta tradicional cita, o mércores e xoves 7 e 8 de decembro será a quenda do Mercado de Nadal da Asociación de Comerciantes do Rosal, que estará aberto ao público tamén no salón de exposicións o día 7 dende  as 20.00 horas e o día 8 dende as 10.00 h.

O sábado 3 a tarde arrancará cun magosto no que colaboran as asociacións culturais e deportivas rosaleiras ás 18.30 horas na Praza do Calvario que dará paso ao acendido das luces de Nadal ás 20.00 horas a cargo da Romualda, que ás 21.00 horas encherá o auditorio municipal coa súa actuación. Sábado 3 e domingo 4 a Agrupación Musical do Rosal convida á veciñanza a gozar das dúas xornadas do Concurso Antonio Granja, que busca incentivar e premiar a novos talentos. Mentres, o sábado 10 a música volverá ser a protagonista coa audición do alumnado da Agrupación Musical ás 12.30 horas no auditorio municipal.

O Nadal comeza xa a chamar con forza ás portas do Rosal o domingo 11 de decembro co Festival de Nadal da Escola de Danza Attitude ás 18.00 horas no auditorio municipal e co concerto Ecos do Nadal, organizado pola Asociación Ecos do Folón ás 18.00 horas na Igrexa Parroquial de Santa Mariña. A vindeira fin de semana a música conquistará o auditorio municipal, xa que a Agrupación Musical do Rosal volverá subirse ao escenario para o Festival de Nadal de AMDOR o sábado 17 ás 18.00 horas e para o Concerto de Nadal ‘Unha noite de amor con Lela’ o domingo 18 ás 18.30 horas.

Xa o 23 de decembro, os pequenos e pequenas da casa poderán mergullarse de cheo no Nadal coa historia do Apalpador ás 18.00 horas no auditorio municipal, mentres que as e os máis afeccionados ao deporte os días 27 e 28 de decembro terán no pavillón municipal o X Trofeo O Rosal Handball Cup, organizado polo Valinox Novás.

O Rosal apostará polo humor, a música e o deporte para rematar o ano. Así, o venres 30 de decembro Os netos súbense de novo ao escenario para unha tarde de comedia e retranca, mentres que o día 31 a San Silvestre rosaleira tomará as rúas coa súa tradicional andaina e carreira que cada ano reúne a centos de participantes. Tras o deporte, soarán as badaladas ás 12.00 horas para dar paso  á sesión vermú con Sapoconcho Sem Poncho.

A programación para estas festas de Nadal rematarán xa no estreado 2023 cunha xornada real. O xoves 5 de xaneiro os reis magos percorrerán os barrios pola mañá saudando a todos os nenos e nenas, mentres que pola tarde, ás 17.00 horas, a Praza do Calvario acollerá o espectáculo de Sue Moreno, que rematará co saúdo dos reis magos e chocolatada.

“A hora de dar”, a campaña solidaria do Porriño para a infancia

O Concello do Porriño súmase ao Giving Tuesday, o movemento mundial que cada 29 de novembro promove os actos de solidaridade e o altruismo.

Seguindo as indicacións das necesidades detectadas dende os Servizos Sociais, a Concellería de Educación e a OMIX do Porriño, decidiron poñer o foco nos máis pequenos e pequenas lanzando a campaña de recollida de alimentos e produtos infantís de alimentación e hixiene, “A hora de dar”.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, deron hoxe o pistoletazo de saída á recollida no CEIP Plurilingüe Cruz-Budiño.

 “Queremos incentivar e multiplicar as boas accións das persoas dedicando uns días a celebrar o feito de dar. A `Hora de dar´ é a maneira que temos no Porriño de secundar o Giving Tuesday, que nos invita a compartir, pensar nos demais e actuar”, apuntou o alcalde, “Ademais damos cumprimento así ao acordo do pleno infantil celebrado o pasado 18 de novembro con motivo do Día da Internacional da Infancia, que debatiu e aprobou por unanimidade a posta en marcha desta iniciativa”.

Así pois, este ano a recollida específica centrase en produtos infantís, alimentos e produtos de hixiene para bebés (cueiros, cremas, toalliñas, purés, leites e alimentos infantís de todo tipo…), para a súa posterior distribución entre as familias do concello con menos recursos. A concelleira de Educación explicou que  “dende hoxe e ata o 2 de decembro pódense deixar os produtos infantís nos puntos de recollida instalados nos centros escolares do municipio” e animou “a todas as familias do Porriño a participar e axudar aos nenos e nenas cuxas familias están a atravesar momentos de dificultade”.

Ponteareas resalta a importancia de ser ‘Valente e rebelde’ para loitar pola igualdade

Ponteareas aposta por propostas culturais para conseguir que a mensaxe de igualdade cale entre a veciñanza, especialmente entre as xeracións do futuro. Este sábado 2 de decembro chega á sala multiúsos do auditorio municipal ‘Valente e rebelde’, unha obra para público familiar e infantil de Trémola Teatro enmarcada na programación do Concello para conmemorar o 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

A través deste espectáculo dirixido a nenas e nenas a partir de 3 anos, a compañía teatral busca achegar ao público infantil á igualdade de xénero. E faino a través da historia de Anita e da súa irmá maior, que cos debuxos dos seus personaxes favoritos, de xogos, disfraces e moitas aventuras demostra a toda a rapazada e ás e aos adultos da sala que ser valente e rebelde son dúas boas características do seu carácter.

A concelleira de Igualdade, Verónica Carrera, anima a todas as familias a non perderse este espectáculo protagonizado polas actrices Paula Regueiro e Lucía L. Golán, formadas na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. A actuación será ás 17.00 horas con entrada de balde ata completar aforo.

A Xunta mellorará o instituto de Mos

0

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou o instituto da localidade de Mos, “un centro que a Xunta de Galicia vai ampliar para dar un mellor servizo á comunidade educativa”, anunciou o conselleiro.

A actuación, que conta cun orzamento de máis de 750.000 €, ten como obxectivo crear máis aulas e permitirá acoller novos ciclos de FP Básica. Con esta actuación, o Goberno autonómico eleva a 1,1M € o investimento no instituto de Mos, onde en 2020 xa se realizaron traballos de mellora da cuberta, indicou.

En canto a inminente licitación da ampliación do instituto explicou que as novas clases situaranse no primeiro andar do edificio, que concentrará a maior parte da obra. Serán en total catro novos espazos, todos eles cunha superficie maior de 60 m2 e con iluminación exterior. Ademais, neste mesmo andar crearase unha zona de estudo comunicada coa biblioteca a través dunhas novas escaleiras cara ao piso inferior.

Xa na planta baixa a intervención centrarase na ampliación da biblioteca cara a zona do acceso principal do edifico, ademais de crear a devandita escaleira que permitirá subir á zona de estudo da planta primeira.

Máis de 2,5M € no concello

O conselleiro enmarcou esta ampliación “na atención que dá o Goberno galego ás zonas con maior crecemento de poboación e, polo tanto, con máis necesidades de escolarización”. “De feito –sinalou– este investimento súmase aos máis de 2,5M que a Xunta ten investido nos últimos anos nos centros educativos deste concello de Mos”.

A actuación forma parte do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta pioneira coa que Galicia se adianta no deseño das escolas poscovid, adaptando os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. A través deste plan prevese renovar catro de cada 10 centros educativos, cun orzamento total de 191M €.

O obxectivo final é acadar centros más amplos, mellor dotados desde o punto de vista tecnolóxico, máis cómodos para alumnado e profesorado, máis respectuosos co medio ambiente e capaces de aforrar consumo enerxético.

Abertas as inscricións para a San Silvestre da Guarda

0

O Concello da Guarda organiza, en colaboración con NOKO 360, para a xornada do sábado día 31 de decembro a carreira San Silvestre, un evento deportivo que terá lugar ás 17:00 h e que, cunha distancia de 4 quilómetros, sairá dende a Praza de Avelino Vicente para percorrer diferentes puntos do noso municipio.

As inscricións están xa abertas na seguinte ligazón: https://www.deporticket.com/web-evento/7889-san-silvestre-a-guarda de xeito gratuíto ata o 29 de decembro.

Carreira para todas as idades, os menores nados  en 2011 ou antes deberán de ir acompañados dun adulto.

Nigrán comeza a humanización da rúa Mestra Emérita de Priegue

0

O Concello de Nigrán iniciou esta semana as obras para humanizar a rúa Mestra Emérita de Priegue cun investimento de 309.127 € e un prazo de execución dun máximo de 3 meses. A estrada, de aproximadamente 850 metros de lonxitude e que conecta Nigrán con Vigo, atópase en moi mal estado de conservación e carece dun espazo seguro para os peóns, motivo polo que a veciñanza demandaba especialmente este investimento. Así, o proxecto redactado polo estudo de enxeñería Interurban contempla básicamente a renovación de todo o asfaltado e a creación dunha beiravía transitable.

“Era unha vella demanda da parroquia que ao fin cumplimos tras moitos meses máis dos previstos de tramitación de permisos sectoriais ao estar afectado por elementos patrimoniais como o Camiño de Santiago ”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que a estrada “gañará moitísimo en seguridade viaria e confort para os usuarios” xa que actualmente presenta fisuras, socavóns e desgaste de toda a capa de rodadura tras décadas sen tocarse.

Así, renovarase todo o asfaltado cunha nova mezcla bituminosa que non poderá empalmar cos muros tradicionais, sinalizarase toda a rúa novamente e os diferentes pasos de peóns serán sobreelevados. Ademais, mudarase a rede de drenaxe e dotarase de saneamento á unica zona que todavía falta (contorna do número 20). O maior cambio será, sen embargo, a construción dunha beiravía transitable para peóns na marxe dereita (sentido Vigo). Esta estará diferenciada mediante superficie de formigón desactivado e cunha banda de amortiguamento de 10 cm de cantos rodados e separadores de goma. “Actualmente os peóns circulan polas marxes sen ningún tipo de separación ou diferenciación e con zonas que nin están asfaltadas”, explica González.

Na mesma parroquia o Concello incluíu no plan de asfaltados de 633.127,28 € que se está a executar as rúas Pedrosas, Comesaña, Cea, PO-235 e Abetos, todas ellas deberán estar rematadas antes de 2 meses. Paralelamente, nas vindeiras semanas empezarán as obras para dotar de saneamento a rúa Raña.