10.8 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO emprendemento na provincia ten nome de muller

    O emprendemento na provincia ten nome de muller

    O informe “A muller en SmartPeme” que vén de sacar á luz a Deputación de Pontevedra pon de manifesto o protagonismo indiscutible das mulleres no emprendemento e desenvolvemento económico da provincia. No acto de presentación, a presidenta provincial Carmela Silva, acompañada pola consultora especializada en sector público Marta Giménez, fixo fincapé en que “a economía tiña nome de home pero xa está cambiando. Agora o emprendemento ten nome de muller. As mulleres estamos a liderar a creación de empresas e isto é unha extraordinaria noticia para o conxunto da sociedade”.

    Carmela Silva enxalzou que na provincia hai “mulleres empoderadas, con grandes ideas, que están a poñer en marcha grandes proxectos e están situadas no primeiro lugar de saída, gañando a competición do emprendemento”. Neste eido, recordou diferentes iniciativas que impulsa a Deputación en canto ao economía e ao emprendemento que están sendo lideradas nunha maioría absoluta por mulleres. Iniciativas como os coworking en Barro, con 117 proxectos participantes dos que 70 foron impulsados por mulleres; o I Programa de Emprendemento, con 12 proxectos dos que 8 foron liderados por mulleres; ou o I Programa de Emprendemento do Viveiro de Lalín, con 6 iniciativas das que 4 tiñan nomes femininos. Tamén recordou que na primeira aceleradora multisectorial de 8 proxectos participantes 6 foron impulsados por mulleres, do mesmo xeito que acontece coas diversas edicións da aceleradora de turismo, nas que participaron 34 proxectos dos que 24 foron liderados por mulleres, ou as de comercio, con 20 iniciativas das que 14 foron desenvolvidas por mulleres.

    No caso concreto de SmartPeme a consultora especializada en sector público Marta Giménez detallou que o 56% das persoas usuarias do programa son mulleres, con 46 anos de idade media, que nun 70% contan con educación universitaria e nun 80% con nivel medio de coñecementos TIC. Lideran principalmente o número de empresas que aproveitan os servizos de SmartPeme e acoden na súa maioría ás oficinas de Pontevedra, Vigo e O Porriño para recibir solucións a demandas relacionadas coa páxina web, redes sociais e ECommerce. A ampla maioría delas son autónomas e dirixen micropemes ou se atopan emprendendo en sectores como o comercio polo miúdo (moda, téxtil, artesanía), seguido doutros servizos persoais (psicoloxía, coaching e servizos de apoio) e empresas vinculadas ao turismo (aloxamento e restauración). Ademais dirixen de media a tres persoas empregadas.

    En canto ao equipo de coordinación e asesoramento de SmartPeme, o informe recolle tamén a ampla presenza de persoal feminino. Na coordinación, de 9 persoas 5 son mulleres e entre o persoal de asesoramento de 12 persoas que integran o equipo 8 son mulleres. No caso concreto de coordinación cunha idade media de 29 anos e formación universitaria, especializadas en publicidade, economía, enxeñería e empresariais. E en canto ás mulleres asesoras a idade media é de 38 anos e son tamén todas universitarias, expertas en TIC, imaxe dixital, turismo, emprendemento e márketing.

    Liña de Igualdade de SmartPeme

    A presidenta Carmela Silva, felicitou o traballo que está a desenvolver SmartPeme “que nos ten convertido nunha referencia en canto á mellora dos resultados das empresas e tamén na aposta polos dereitos das mulleres na economía”. Lembrou que a igualdade é un eixo prioritario e transversal das políticas públicas da institución provincial e tamén forma parte de SmartPeme dende que comezou a funcionar e, dende o pasado ano,  cunha liña específica.

    A liña de igualdade de SmartPeme, dentro da carteira de  Impulsa, está a asesorar e informar ás pemes sobre accións e estratexias que poden desenvolver para impulsar a igualdade nos seus negocios. No marco desta liña estanse a promover estratexias de igualdade nas empresas, elaborar plans de igualdade e a impulsar o liderado feminino, así como eventos, obradoiros, almorzos de traballo e xornadas de capacitación e visibilización para poñer en valor o talento das mulleres.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.