11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasÁrbores feitos a man para decorar Ponteareas este Nadal

    Árbores feitos a man para decorar Ponteareas este Nadal

    Este Nadal Ponteareas énchese de decoración feita a man “con moitas ganas, agarimo e ilusión”. O Concello está a colaborar coa Federación de Comercio, Hostalaría e Servicios, Banastra, e coa asociación Adapta na creación de elementos decorativos que permitan encher o comercio local de cor, “dinamizar a actividade durante unha das campañas máis importantes do ano e animar a toda a veciñanza a saír as rúas e mercar nos establecementos de Ponteareas, porque comprando no comercio local énchese de vida toda a vila”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

    “Queremos amosar o noso máis grande agradecemento a Banastra e a todo o equipo directivo pola súa implicación, xa que nos poucos meses que levan ao fronte xa federación xa levaron a cabo numerosas innovadoras e exitosas iniciativas para dar pulo ao comercio”, resaltou a rexedora. Fernández Davila agarda “que esta colaboración con Adapta se manteña no tempo. O traballo que están a facer os seus usuarios e usuarias durante todo este mes é impresionante. Moitísimas grazas polo voso esforzo”. O Concello colaborou na adquisición do material para elaborar estas decoracións, así como no seu reparto entre os comercios e na compra e colocación das alfombras vermellas que estarán na rúa nas entradas dos establecementos.

    Nesta ocasión Banastra retomou a colaboración que xa se levou a cabo noutras ocasións co Concello e encargouse de coordinar ao comercio local, deseñar, adquirir materiais e traballar man a man con Adapta e no reparto co Concello. A través desta colaboración as usuarias e usuarios do programa de persoas con discapacidade da asociación Adapta están creando máis de cen árbores que estarán colocados nos establecementos asociados de Banastra en Ponteareas. “Despois dunha campaña para o Día da Nai pensamos que tivo moito éxito criamos que no Nadal tiñamos tamén que por en marcha algunha iniciativa similar. E é un orgullo ver as ganas coas os usuarios e usuarias de Adapta levan traballando arreo durante todo o mes”, salienta a presidenta de Banastra, Pilar Carrera.

    Unha ilusión que transmiten en cada unha das árbores que fan, decoradas todas con lazos, estrelas e bolas de Nadal. Dende Adapta destacan que iniciativas como esta son moi interesantes “para visibilizar e abrir o traballo que fan as persoas usuarias a toda a poboación”. “Están encantados e encantadas coa participación neste proxecto e para todas e todos eles é moi emocionante ver logo o seu traballo exposto polas rúas de Ponteareas. Confiamos que poida ser o primeiro paso dunha colaboración estábel”, destaca Paula Táboas, responsable técnica de Adapta, que recalca o gran traballo en equipo que se desenvolve entre a asociación e as persoas usuarias nesta iniciativa e noutras que poidan levar a cabo.

    A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, trasladou a invitación aos usuarios e usuarias de Adapta como á federación de comerciantes para que a acompañen o venres 2 de decembro no acendido do alumeado de Nadal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.