Martes, 22 Xullo de 2025

Baiona, imaxe de postais de Nadal

0

Unha imaxe de Baiona, da súa emblemática rúa Elduayen, centra a mirada nunha postal do Nadal coa que Correos quere promocionar nestas datas tan especiais a Baiona por todo o territorio nacional. 

A presentación oficial desta postal levou a cabo esta mañá. Nela participaron  o Alcalde, Carlos Gómez, e polo director da oficina de Correos da localidade, Carlos Meijome e os autores da bonita ilustración, Ramón Quintás e Noelia Molinos, á fronte da tenda de estudo e ilustración Papelier de Baiona.

Esta bonita composición  xa está dispoñible de forma gratuíta na oficina de turismo de Baiona para que visitantes, peregrinos e peregrinas enviei esta tarxeta publicitaria ao longo e ancho de España. Tamén no Concello de Baiona na praza de abastos para todos aqueles baioneses e baionesas que queiran felicitar o nadal.

Trátase dunha postal prefranqueada, da que se fixeron 500 exemplares.  O obxectivo desta emisión é a promoción e difusión da Vila de Baiona .

A Tarxeta Postal, emitida polo Concello de Baiona, está prefranqueada coa tarifa A de envíos nacionais, para que poida viaxar facilmente a través da rede postal podendo ser depositada en calquera Caixa de correos ou Oficina de Correos sen custo adicional.

O Concello de Baiona e a oficina de Correos da localidade, traballaron unidos para lograr esta iniciativa que servirá para promocionar Baiona como destino turístico a través dunha serie de postais. A primeira delas, emitiuse o pasado mes de marzo e esta ocasión tratouse dunha postal promocional da “XXVI Festa dá Arribada”, realizada para conmemorar  o “529 Aniversario da Arribada da Carabela A Pinta” a Baiona. Unha segunda postal coa imaxe   Unha imaxe de Baiona desde o estuario da Foz do Miño foi emitada no mes de xuño.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, detallou que “a postal se compón dunha ilustración dunha das rúas máis emblemáticas da nosa localidade con ornamentación  do Nadal  e na que mesmo se ve paseando aos reis magos,  e no reverso, aparece un código QR que permite visualizar o anuncio promocional da Turismo de Baiona. A postal dispón do franqueo postal incluído co cal o envío da mesma será gratuíto. Esta iniciativa pretende poñer en valor a nosa localidade e dala a coñecer en todo o territorio nacional  e que sirva como foco de atracción en Nadal. Agora con esta nova tarxeta postal, dáse continuidade a esta nova iniciativa de promoción e difusión do municipio para atraer xente ao municipio para consumir nos negocios e comercios locais nas datas do Nadal”.

Gómez destacou “o amplo retorno publicitario que terá o envío destas postais”.  Por todo iso, o mandatario quixo aproveitar a presentación para trasladar a súa gratitude á entidade Correos así como á oficina da localidade e ao seu director, Carlos Meijome Juíz,  polo seu traballo e por apostar por Baiona e dar a coñecer deste xeito os seus atractivos. Tamén  agradeceu a Ramón e Noelia de Papelier Baiona, a bonita ilustración que deseñaron da vila de Baiona.

Nigrán ofrece o domingo o III Certame de Rondallas do Val Miñor

0

O Concello de Nigrán e o C.C.R. Parada do Miñor ofrecen o domingo 18 de decembro desde as 10:30 horas na Alameda de San Campio de A Ramallosa o III Certame de Rondallas do Val Miñor. Participan todas as formacións da comarca (Santiago de Parada, Centro Cultural A Merced de Chaín, a Asociación de Veciños Galiñeiro Vincios) e asiste como invitada a Rondalla do Centro Cultural e Veciñal de Valadares. En total, máis de 300 rondallistas darán cor á alameda neste multitudinario certame que se recupera tras a crise da Covid-19.

“Desde o Concello de Nigrán e a Rondalla de Parada queremos seguir apostando e promovendo este Certame que representa a vitalidade desta cultura tradicional tan arragaida no Val Miñor. Nesta edición convidamos a Valadades por tratarse dunha agrupación moi cercana e querida na comarca, asi que será un evento multitudinario en público e rondallistas”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González.

Pola súa banda, o tradicional pasarrúas da Rondalla de Santiago de Parada na mañá do día 24 por Nigrán posponse ata o día 30 ante a previsión de choiva.

O AECT Rio Minho e os concellos transfronteirizos abren un proceso de participación cidadá

A elaboración das Axendas Urbanas Transfronteirizas do Río Miño consiste nun traballo de planificación conxunta entre os municipios das dúas marxes, promovido polo AECT Rio Minho en colaboración cos concellos do territorio, no que se leva traballando dende finais do pasado ano. Despois dun amplo proceso de capacitación e do desenvolvemento de varias mesas de traballo con axentes locais é agora a quenda de abrir un novo proceso de participación que permita dar voz á cidadanía na toma de decisións de cuestións que afectan ao seu día a día.

En concreto, as equipas técnicas dos municipios de Melgaço-Arbo-As Neves-A Cañiza-Crecente, Caminha-A Guarda-O Rosal e a Eurocidade de Tomiño-Cerveira deseñaron nos últimos meses varias propostas de intervención sobre diferentes asuntos e problemáticas que afectan a cada un destes  territorios tomando como base de traballo os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable das Nacións Unidas. Agora todas aquelas persoas interesadas poderán dar a súa opinión a través dunha enquisa  online xa dispoñible na web do AECT Rio Minho https://aectriominho.eu/axendas-urbanas-transfronteirizas/enquisa/ ata o vindeiro 15 de xaneiro.

Cada grupo de traballo transfronteirizo elaborou un cuestionario diferente enfocado nas temáticas seleccionadas polas equipas técnicas municipais. Así, no caso Melgaço-Arbo-As Neves-A Cañiza-Crecente a sondaxe céntrase na vivenda e mobilidade. Na enquisa de A Guarda, Caminha e O Rosal as preguntas están enfocadas na mobilidade, cultura e patrimonio. Por último, o cuestionario da Eurocidade Tomiño-Cerveira inclúe preguntas sobre reciclaxe e economía circular, mobilidade, hábitos de consumo, igualdade e programación cultural.

A implantación das Axendas Urbanas Tranfronteirizas no territorio do Rio Minho permitirá que a área transfronteiriza sexa máis inclusiva, resiliente e sostible. A importancia desta ferramenta de planificación conxunta reside no seu carácter innovador, trátase dunha iniciativa de cooperación que quere concibir o territorio como un espazo funcional e buscar novos xeitos de atallar problemas que afectan directamente á vidas das persoas.

O programa de capacitación “Axendas Urbanas Transfronteirizas das Eurocidades do Río Miño” intégrase no proxecto “Rede de Apoio ás Dinámicas Locais de Coooperación no Río Miño Transfronteirizo” – Rede Lab Minho”, promovido polo AECT Rio Minho e co-financiado polo Programa Interreg V-A España – Portugal.

Ponteareas avanza con éxito no seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible

O Concello de Ponteareas aprobaba en 2020 o seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) convencido da importancia desta ferramenta para a preparación da vila ante os retos que esixe o cambio climático en todos os territorios. Agora, tras dous anos de traballo, o Goberno municipal realizou un informe de seguimento cun balance moi positivo e con algunhas das accións previstas completadas case ao 100 %.

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, salienta a aposta estratéxica do Goberno municipal por transformar Ponteareas nunha vila máis sostíbel e o firme compromiso “de acadar as metas marcadas, como a redución das emisións de CO2 como mínimo nun 40% ata o 2030 mediante o aumento da eficiencia enerxética e un maior uso de fontes de enerxía renovábeis”.

Durante este dous anos o Concello de Ponteareas puxo en marcha numerosas accións de mitigación dos efectos do cambio climático, como o cambio do alumeado público por luminarias de alta eficiencia de tecnoloxía LED en todo o municipio, unha medida financiada a través de fondos IDAE e que está practicamente finalizada que permitirá reducir o consumo nesta área ata un 60 %.

Outra as accións contempladas no plan que se atopan máis avanzadas e relacionadas coa anterior medida é o emprego de sistemas de acendido mediante reloxo astronómico en todos os centros de mando de alumeado municipal, axustando mellor o funcionamento do alumeado en maior medida entre o solpor e o amencer e conseguindo unha redución do consumo anual do 5 % nesta área. Esta iniciativa, que tiña como data de remate 2025, está xa completada ao 85 %.

O Goberno municipal leva traballando nos últimos anos para conseguir unha vila máis eficiente enerxeticamente tamén nas instalacións municipais, por iso durante os últimos meses leváronse a cabo diferentes obras de mellora da envolvente de edificios municipais para mellorar o seu illamento térmico, unha medida que se prevé estender ao 75% dos edificios municipais e que se está a desenvolver a través de diferentes fondos europeos e rexionais.  

Ceamsa doa 150 lotes de Nadal a SOS Porriño

A empresa Ceamsa (Compañía Española de Algas Marinas SA) vén de doar 150 lotes de produtos de Nadal ao Concello do Porriño destinados ao servizo municipal de alimentos SOS Porriño. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Servizos Sociais, Abel Estévez, recepcionaron hoxe os alimentos que serán entregados ás familias máis necesitadas do municipio.

Os representantes municipais recibiron esta mañá a doazón de mans de Jorge Trigo, responsable de Ceamsa, a quen agradeceron este xesto solidario.

“Con accións como estas contribuímos a que estas familias que están a pasar momentos difíciles pasen un pouco mellor o Nadal”, afirmou o alcalde, “É de agradecer que as empresas colaboren con nós para poder axudar a todas as persoas que o necesitan e Ceamsa é un claro exemplo de compromiso e implicación coa sociedade porriñesa. A sensibilidade que demostra coas súas doazóns ao banco de alimentos durante todo o ano adquire se cabe máis valor nestas datas”.

O Concello da Guarda financiará o turismo co Plan de Recuperación

0

En Galicia foron aprobados 16 proxectos de sostibilidade turística entre os cales se atopan o “PSTD A Guarda” cun orzamento de 1.000.000 € e o proxecto “Despensa de Galicia”, financiado con 1.500.000 €, presentado polo Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, unha agrupación de 14 concellos entre os que tamén se atopa a Guarda.

O principal obxectivo que se tivo en conta para elaborar o “PSTD A Guarda”  foi o de consolidar o turismo mediante unha serie de accións que reforcen a sostibilidade do destino apoiándose nos seus recursos fundamentais: a gastronomía, o patrimonio cultural e o patrimonio natural, que o converten nun destino único onde o mar, río e patrimonio material e inmaterial xeran unha paisaxe singular e crean sinerxías coas actividades do sector privado, ao que se lle atribuirá unha maior gobernanza.

Foron moitos os axentes locais que participaron na elaboración e apoio do “PSTD A Guarda”. O concello agradece a todos os particulares, empresas e entidades que, ben a través de reunións sectoriais, cartas de apoio ou enquisas se implicaron neste proxecto turístico. Estas achegas foron fundamentais para conseguir o financiamento.

O plan inclúe, entre outras actuacións: a protección e rexeneración do ecosistema dunar da praia do Muíño, actuacións relacionadas coa mellora da xestión do uso do Monte Trega, implantando medidas que regulen o acceso a este espazo de alta presión de visitantes coa creación dun estacionamento disuasorio na zona da Porta do Trega. Un novo proxecto artístico para o dique norte coa incorporación de iluminación artística. A mellora do tramo de senda da estrada de Camposancos, entre o cruce co paseo de Portugal e a entrada do barrio do Couto. O impulso á náutica deportiva e tradicional coa instalación de pantaláns flotantes no porto da Guarda e na Pasaxe. A posta en valor da Guarda como destino gastronómico, a creación de contidos dixitais e a dixitalización da comercialización dos servizos turísticos municipais.

Este ambicioso Proxecto Sostible de Turismo en Destino desenvolverase en tres anualidades entre o 2023-25 e dará resposta a necesidades e demandas que tan unha vila turística como A Guarda na que é necesario potenciar a gobernanza e modernización do sector.

A Deputación levará o documental ’20 anos de dignidade’ a Mondariz

0

A Deputación de Pontevedra vai levar ao Concello de Mondariz o documental ’20 anos de dignidade’, baseado no afundimento do petroleiro Prestige na costa galega, do que se vén de cumprir o vixésimo aniversario o pasado 13 de novembro, e que provocou a maior catástrofe medio ambiental na historia do país. O visionado realizarse o vindeiro luns 19 de decembro na sala de proxeccións do auditorio municipal en dous pases, ás catro e cuarto da tarde e ás oito e media da noite, con entrada libre ata completar capacidade.

As proxeccións organizaranse dende o departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico dirixido pola deputada María Ortega, quen subliñou que “é fundamental poder transmitir o que supuxo o afundimento do Prestige, tanto polas súas terribles consecuencias medioambientais como pola marea de solidariedade colectiva que se produciu”.

O audiovisual, do director Jose Manuel Aragunde Pereira, ten unha duración de 45 minutos e foi creado especialmente pensando na xente máis nova, que naceu despois da traxedia: un 15,7% da poboación galega actual ten menos de 20 anos e non foi partícipe do suceso en 2002. De feito, as proxeccións poderán realizarse en centros de ensino.

A peza transmite un relato do acontecido no momento do afundimento, amosando imaxes do estado da costa galega, das praias, da flora e da fauna afectadas polo chapapote derramado. Conta con entrevistas a un amplo sector da sociedade que viviu a situación en primeira persoa, desde xente do mar que saíu a frear a marea negra ao voluntariado, pasando polas persoas que se encargaron da xestión.

A proxección lembrará os feitos que están e se manterán que na memoria das persoas que viviron o suceso no seu momento: que o accidente trouxo consigo un gran desastre económico coa prohibición de pescar e mariscar desde o 16 de novembro e durante varios meses, feito que ocasionou grandes perdas económicas a todas o sector vinculado, tanto directa como indirectamente, co sector do mar.

No caso da provincia de Pontevedra, con 398 quilómetros de costa, unha das zonas con gran afectación medio ambiental foi o parque nacional Illas Atlánticas e, en especial, a Illa de Ons,  tanto na súa superficie como no seu fondo mariño.

Ademais do Concello de Mondariz, as proxeccións faranse noutros cinco concellos da provincia, os primeiros que presentaron a instancia e cumpriron os requirimentos técnicos das bases.

Tomiño aposta por unha decoración de Nadal máis participativa

0

Un Nadal participativo, natural e máis sostible, tamén na súa decoración. Así se prepara para estas festas o Concello de Tomiño, que neste 2022 apostou por decorar as súas rúas con arte floral saída das mans dunha parte do alumnado do IES Antón Alonso Ríos e de floristas tomiñesas, vestindo os diferentes recunchos da vila con elementos decorativos creados con plantas e flores típicas da época e do territorio.

“En Tomiño queremos debuxar un Nadal de visibilización do traballo que están a facer os nosos veciños e veciñas, un Nadal que camiñe nese presente e futuro máis sostible, dándolle un valor especial ao uso de materiais naturais para decorar as nosas rúas e prazas, pero tamén edificios públicos como a propia Casa do Concello ou os mercados”, asegura a alcaldesa, Sandra González.

O alumnado do FPB Agroxardinería e Composicións Florais foi o encargado de deseñar, crear e colocar os adornos que decoran estes días o balcón do Concello e as columnas das prazas de abastos de Tomiño e Goián. Con moita ilusión e guiados polos seus profesores Fernando Reigosa e Francisco Castro, durante dúas semanas Iván, Alejandro, Sofía, Adrián, Aarón, Samuel, Jacobo e Isaac elaboraron nas súas clases prácticas todas as grilandas e coroas naturais.

Un gran traballo que exhiben por primeira vez con orgullo ante a veciñanza e que desexan volver repetir en vindeiros anos. Como sinalan o profesorado, é unha forma única de visibilizar o esforzo que está a realizar un alumnado moi comprometido “que a través desta formación profesional descobren un sector que lles gusta e que lles ofrece unha saída laboral. Moitos deles e delas ao rematar o ciclo xa acceden ao mercado laboral, aínda que unha alta porcentaxe decide incluso ampliar os seus coñecementos, seguir estudando e matricularse no ciclo medio”.

E se os edificios municipais enchéronse de verde e vermello grazas ao traballo deste alumnado do IES Antón Alonso Ríos, as rúas e prazas fixeron o propio cos arranxos de floristas de Tomiño e Goián. Tere, de Scaparate Decoración; Carmiña, da florería Lilas; Marisa, da florería Marisa Baquero; e Reme, dedicada á venda de plantas, empregaron plantas e flores típicas do territorio para facer espectaculares centros que acompañan e complementan á perfección ás casiñas de madeiras instaladas na Praza do Seixo, na Praza da Mina ou na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián.

“É un luxo contar cunha veciñanza tan implicada e comprometida, con gañas de facer cousas e colaborar e de axudar a visibilizar un sector que ten un peso moi importante no noso territorio”, salienta a rexedora.

Nigrán e Ovalmi lanzan a campaña de Nadal “Rasca e Gaña”

0

O Concello de Nigrán e a Asociación de Empresarios Ovalmi amplían por vez primeira a súa campaña ‘Este Nadal merca en Nigrán’ ao reparto dun total de 5.000 € ocultos en 25.000 boletos ‘Rasca e Gaña’. O obxectivo é promover as compras no pequeno comercio da localidade porque os premios serán para, precisamente, canxealos en calquera dos 88 establecementos adheridos (socios de Ovalmi e non socios que se anotaron previamente a través do formulario web do Concello). Toda a información polo miúdo, incluído o listado de participantes, está pendurada na web www.nigran.es.

“Foi unha proposta nova de Ovalmi ao Concello e nos pareceu moi interesante para complementar a campaña #EsteNadalMercaEnNigrán que estamos a levar a cabo cos nosos comerciantes en redes sociais, vallas e anuncios publicitarios”, explicou o alcalde, Juan González, na presentación esta mañá da iniciativa na librería Paraísos de Papel xunto co presidente de Ovalmi, José Ángel González; a edil de Comercio, Patricia Diego; de Servizos Sociais, Bibiana Peixoto; e as dúas libreiras Beatriz e Mayte.

Así, o comercio repartirá entre a súa clientela desde este venres 16 de decembro e ata o 6 de Xaneiro un total de 25.000 ‘rascas’ a razón de 1 por cada 20 € de compra ata un máximo de 4 boletos. Os cupóns, repartidos equitativamente entre os comercios, ocultan tres premios de 300 €, 11 premios de 100 €, 30 premios de 50 € e 60 premios de 25 € que o seu posuídor deberá canxear antes do 31 de Xanerio de 2023 (deberá grampar o tiquet de compra ao boleto e contactar con Ovalmi de 9:30 a 14:00 horas de luns a venres).

Tal e como mencionou o alcalde, o Concello de Nigrán, coa colaboración da asociación de empresarios Ovalmi, lanzou unha campaña especial de promoción baixo a etiqueta #EsteNadalMercaEnNigrán na que os propios comerciantes son os protagonistas. En total, 24 establecementos de todo o municipio e preto de 50 cabezas visibles dos mesmos solicitaron participar nesta iniciativa municipal tras realizarse un chamamento público no mes de Novembro. Tendas de roupa, florerías, librerías, ópticas, perruquerías, hostalería… forman parte grazas ao rostro de cadanseu dependente e, xuntos, representan a todo o tecido comercial da localidade. O resultado xa está na rúa: figuran en diferentes vallas , anuncios en prensa e cartalería e cada un conta (ou contará) nos próximos días co seu gif particular para circular en redes sociais e facer viral o hashtag. O Concello de Nigrán continúa así co seu esforzo para incentivar o comercio de proximidade entre a veciñanza, tal e como ven facendo desde hai anos con diferentes campañas, nesta ocasión cun toque informal e divertido mediante o propio deseño e os posados dos protagonistas. E como xa é habitual, os comercios asociados a Ovalmi e os que participan no ‘Rasca e Gaña’ recibirán bolsas e sobres de papel kraf ilustradas coa campaña.

“O obxectivo é subliñar ante a nosa veciñanza e visitantes que temos un tecido de pequeno comercio moi variado e que paga a pena”, conclúe o alcalde, Juan González.

Estudantes da provincia presentan na Deputación os proxectos da nova edición “DepoEmprende na ESO”

O Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra acolleu a máis dun cento de alumnos e alumnas de seis centros de Educación Secundaria da provincia na presentación das 11 cooperativas que participan nunha nova edición de “DepoEmprende na ESO” para dar o tiro de saída ao programa de emprendemento. Ademais de dar a coñecer o seu traballo, os e as estudantes recibiron o número de identificación fiscal (NIF) de man da deputada de Promoción Económica e Emprego, Raquel Giráldez. No seu recibimento quixo destacar a importancia “de crear unha cultura emprendedora desde a base”, lembrou ao alumnado que, con este programa, conseguirán “coñecementos, ferramentas e competencias que vos serán moi útiles ao longo da vida, tanto no plano laboral como no profesional” e agradeceu aos docentes a súa implicación no programa, que chega este ano a sétima edición.

No acto estiveron alumnos e alumnas do IES da Guía de Vigo que presentou a cooperativa coa que traballarán ao longo do curso, “Agarime”; o alumnado do IES Illa de San Simón de Redondela explicou o traballo de dúas cooperativas, “Roá” e “Artesanilla”; o IES Plurilingüe Terra de Turonio de Gondomar traballará na cooperativa “Kaylate S. Coop.”; o IES Plurilingüe A Paralaia de Moaña presentou a cooperativa “Costa Vela”, e o IES Luis Seoane de Pontevedra catro cooperativas: “Ecop”, “Icepolo”, “Ecoseoane” e “Copeponte”. Ademais, aínda que non puideron acudir ao acto, o alumnado do IES San Paio de Tui traballarán ao longo do curso coas cooperativas “Copegal” e “Golorico”.

A recollida dos NIF non é o primeiro paso do traballo dos e das alumnas que participan nas cooperativas, senón que este comezou coa súa constitución, a elección da imaxe corporativa e o logotipo, o estudo de mercado e a procura de provedores. Ao longo de todo o proxecto terán que buscar financiamento, deseñar o catálogo e os produtos, determinar os prezos e as canles de distribución, facer publicidade e marketing e preparalo para a venda. Un traballo que terá o seu cume no mercado final da Deputación e na análise dos resultados.

O obxectivo deste programa, dirixido ao alumnado de 4º de Educación Secundaria é promover competencias relacionadas coa autonomía, a iniciativa e o espírito emprendedor. Ademais, tamén pretende eliminar as barreiras que dificultan a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, sempre poñendo ao alumnado como o protagonista da súa aprendizaxe e fomentando o traballo desde a práctica. Ademais, cunha vertente solidaria, xa que as cooperativas farán entrega de parte dos seus beneficios a diferentes ONGs e asociacións, entre as que este ano se atopan protectoras de animais, asociacións de saúde mental, de axuda a nenas e nenos oncolóxicos, para a inclusión social.

Dende 2016que se puxo en marcha “DepoEmprende”, máis de 3.400 alumnas e alumnos de 132 centros educativos da provincia participaron nas tres modalidades do programa. En concreto, a iniciativa está dividida en “DepoEmprende na Escola”, proxecto dirixido ao alumnado de educación primaria (5º e 6º curso) e de educación especial,”DepoEmprende na ESO” para mozas e mozos de 4º da ESO, e “DepoEmprende na FP” dirixido a centros que imparten Formación Profesional de Grado Medio ou Superior.

Tui pon a dispor da veciñanza catro biotrituradoras para uso particular

0

O Concello de Tui ten xa en marcha o servizo de autorización de uso de catro biotrituradoras de biomasa para á veciñanza.

Este novo servizo, que forma parte do Plan Municipal de Compostaxe, entra en funcionamento as a publicación o pasado venres, 9 de decembro, da Ordenanza Reguladora no BOPPO, logo que se aprobase en pleno o pasado 29 de setembro.

Estas biotrituradoras son maquinaria eléctrica, de pequeno tamaño para transportar en vehículos utilitarios e moi manexables mesmo para as persoas que non teña empregado antes este tipo de ferramentas.

A veciñanza pode solicitar o uso destas briotrituradoras dándose de alta no servizo de cesión de uso cubrindo o impreso de alta e a solicitude dispoñible na web municipal.  Terán prioridade os fogares adheridos ao servizo de compostaxe municipal. A máquina poderá usarse durante unha semana para triturar restos de viñas ou outros materiais orgánicos que a veciñanza teña nos seus domicilios. Permiten un máximo de 4 centímetros de tamaño de pola, admitindo follas e ramificacións tanto de árbores froitais e outras ornamentais. Non se poden empregar para restos verdes coma herba ou materiais con mesturado de terra ou pedras, e tampouco mobles ou similares utensilios. A responsabilidade de uso e posibles desperfectos quedarán a cargo da persoa solicitante.

Con este novo servizo de biotrituradoras de uso particular, o Concello de Tui prosegue co desenvolvemento do Plan de Compostaxe e a xestión de biorresiduos municipais. Serven tamén para favorecer o emprego e fabricación domiciliaria de compost, unha actividade que contribúe positivamente aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.

A Igrexa de Santa Baia de Mos locerá este Nadal en todo o seu esplendor

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou hoxe a fase final dos labores de conservación e limpeza da Igrexa de Santa Baia de Mos, cuxa posta en valor estará rematada nos vindeiros días para que o edificio reciba o Nadal en todo o seu esplendor. A Igrexa de Santa Baia ou Santa Eulalia de Mos completa así a súa posta en valor, xa que tras a restauración do presbiterio e dos sepulcros dos primeiros Marqueses, realizáronse agora estas obras de conservación das fachadas do edificio. Estas obras de conservación da Igrexa de Santa Baia de Mos acometéronse a petición do cura párroco, David López Castro, promotor tamén da xa rematada restauración e posta en valor do presbiterio e das tumbas dos primeiros Marqueses de Mos na mesma Igrexa. A financiación necesaria para levar a cabo os traballos de limpeza das fachadas foi posible grazas ao apoio da consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Os traballos contan cun orzamento total de 48.168,66 €.

As obras dan solución ás afeccións detectadas nas fachadas e derivadas da humidade en parámentos horizontais, xa que a auga ten unha influencia directa con este tipo de procesos e no desenvolvemento de distintas especies vexetais, o que conleva deterioro e un efecto visual anti estético. Obsérvanse distintas especies de liques nas fachadas, que abarcan tons de cor branca, en gran parte dos muros da fachada norte, gris, amarelo, verde e avermellado. As manchas negras localízanse en gran medida nas superficies horizontais e tamén en paramentos verticais, sometidas á escorrentía da auga de choiva. As obras para realizar encádranse dentro das obras de conservación e restauración, porque pretenden recuperar as fachadas, evitando posibles filtracións de auga e recuperar o aspecto inicial das mesmas.

As solucións construtivas empregadas son a limpeza en húmido das acumulacións de suxedade, manchas de humidade e colonizacións de mofos, algas e microorganismos varios mediante tratamento biocida (fungicida-algicida) superficial adecuado para a destrución e prevención de proliferación de novas colonizacións, mediante cepillado suave en húmido con cepillos suaves impregnando a superficie por nebulización cunha solución acuosa de biocida cloruro de benzalconio ou similar ao 2% en auga desionizada para despois neutralizar con auga e unha segunda aplicación preventiva se fose necesario. Comezouse polas partes altas en franxas horizontais completas, limpando con auga abundante os detritus que se acumulen nas zonas inferiores. Exclúense os elementos escultóricos e labrados. Os traballos inclúen tamén picado de xuntas retirando manualmente o morteiro disgregado. Limpeza de xuntas, gretas e fisuras. Retiraranse os morteiros de xunta desprendidos ou inadecuados empregando métodos mecánicos manuais, como cincel, maceta e espátula, con máximo coidado para non danar a pedra. Tras unha limpeza en profundidade da xunta faise un soprado con aire a baixa presión e aspirador rematando coa aplicación de auga atomizada.

Procédese a un rexuntado de muros de fábrica de sillería, con xunta refundida, con humectación da superficie e inxección de morteiro predosificado a base de cal hidráulico natural pura e con áridos seleccionados, colmatado en profundidade, enchendo ata enrase, eliminación das rebabas de morteiro e limpeza da pedra a medida que se realiza o rexuntado, con mostras de acabado, cor e textura a elixir. Os traballos son supervisados por especialistas restauradores. Na limpeza das fachadas, con retirada manual de musgo, liques e algas, tense en conta sempre que a ferramenta empregada non provoque erosións ou perdas de material. Empregando auga naqueles puntos onde se requira para abrandar a biocolonización. Nos traballos en fachada, deben tomarse as medidas de protección necesarias en relación ao risco, sendo importante tamén, medidas que leven á limitación de produción de po e ruído, así como a protección de elementos que seguen en servizo durante a execución da obra.

Alta ocupación na provincia durante a ponte de decembro

Grandes datos de ocupación na provincia de Pontevedra durante a ponte de decembro que volve a revalidar o seu liderado turístico en Galicia. A provincia rexistrou unha ocupación media do 73,7 %, o que a sitúa catro puntos porcentuais por enriba da acadada na ponte do pasado 2021, cando a provincia colleitou un 69,7% de ocupación media, segundo se recolle nos datos obtidos polo Observatorio de Turismo Rías Baixas.

A cidade de Vigo, cunha ocupación do 93 % e cheo nas fins de semana, e a súa comarca, cun 85 %, destacando tamén o dato de Baiona cun 86,6%, lideraron o turismo en Rías Baixas, seguida polo Morrazo cun 79,8 % e O Condado e A Paradanta, que tamén salienta cun 74,8 %. No resto da provincia, O Salnés acadou un 67,9 %, cunha especial mención a Sanxenxo, cun 80,5 %, a comarca de Pontevedra tivo un 59,8 % de ocupación, coa cidade de Pontevedra por enriba da media cun 60,5%, na de Caldas o dato foi do 59,1 %, cun incremento de 12 puntos respecto ao ano anterior, O Baixo Miño acadou un 55,2 % e a zona de Deza e Tabeirós-Terra de Montes pechou a ponte cunha ocupación media do 50,6 %.

O turismo rural tamén superou os datos do ano pasado en máis dun punto porcentual, acadando un 46,6 %. Por comarcas, foi O Morrazo a que acadou unha maior ocupación cun 70,9%, seguida de Vigo cun 57,7 % e Pontevedra cun 55,1 %. Séguenlle O Baixo Miño cun 48,9%, O Salnés cun 45,7 %, O Condado e A Paradanta cun 44,5 %, Caldas cun 42,5 % e Deza e Tabeirós-Terra de Montes cunha ocupación do 32,4 %. En canto ás vivendas turísticas, a media de ocupación da provincia foi do 73 %, salientando a ocupación na cidade de Vigo cun 100 %, Poio e Sanxenxo cun 80 %, Marín cun 70 % e a cidade de Pontevedra cun 64 %.

O Castelo de Soutomaior, totalmente mimetizado co Nadal, tamén superou con creces os datos obtidos na anterior ponte, achegándose ás preto de 5000 visitas para desfrutar do alumeado e a decoración ademais do mercadiño. Ademais, polo Castelo de Sobroso pasaron outras máis de 500 persoas.

Máis dun millón de persoas coñecen os Castelos da Deputación nas oficinas de Correos

Máis de 1,1 millón de persoas pasaron polas 21 oficinas de Correos nas que a Deputación de Pontevedra promocionou os castelos de Soutomaior e Sobroso entre os meses de maio e outubro. As principais iconas culturais, patrimoniais e turísticas da provincia foron protagonistas dunha campaña focalizada en cidades de interese prioritario, debido ao seu interese polo patrimonio e a paisaxe e por contar con voos directos a Galicia. Deste xeito, as imaxes de Soutomaior e Sobroso estiveron dispoñibles nas pantallas interiores, exteriores e exteriores de gran formato das oficinas de Barcelona, Bilbao, Málaga, Marbella, Sevilla, Valladolid e Valencia. Tamén se imprimiron 2000 postais prefranqueadas promocionais con imaxes de ambas fortalezas, que tamén se podían atopar nestes 21 puntos de Correos.

Esta iniciativa enmárcase no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2021-2023, unha ferramenta esencial que actúa como folla de ruta de cara á mellora da competitividade e posicionamento do destino Pontevedra Provincia.

Éxito nas accións formativas do proxecto de sensibilización sobre grandes incendios forestais na Guarda

0

A Universidade de Vigo e o Concello da Guarda comparten a preocupación sobre o cambio climático e o impacto que os Grandes Incendios Forestais teñen no territorio colaborando no proxecto FIREPOCTEP, coa realización de tres accións formativas: Fotovoz, Biblioteca Humana e a Feira do Gran Incendio Forestal. Este proxecto europeo está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no marco do Programa Interreg V A España – Portugal (POCTEP) 2014-2020.

No transcurso da mañá do 13 de decembro, realizouse a inauguración de “Fotovoz. Historia de vida dun Gran Incendio Forestal”, unha exposición participativa sobre incendios forestais na contorna de A Guarda. A presentación tivo lugar ás 11.00 horas na entrada do edificio do Concello da Guarda coa presencia do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e a coordinadora das accións formativas da Universidade de Vigo e Vicerrectora de Benestar, Equidade e Diversidade, María Isabel Doval. Ambas autoridades compartiron a necesidade de traballar na prevención dende a educación como medio para acadar unha maior conciencia sobre o valor que os bosques e as contornas naturais xeran e da necesidade de implantar accións innovadoras con materiais didácticos adaptados.  A acción estará aberta a toda a cidadanía ata o mércores 14 de decembro e o obxectivo é plasmar unha realidade comunitaria a través da fotografía e dos relatos das persoas que viviron incendios forestais. Para iso, contouse coa colaboración da veciñanza de A Guarda que cederon fotografías de incendios acontencidos na contorna. Entre os autores destacan xornalistas e persoal da loita contra o lume. Asemade, a exposición conta cun libro de testemuñas para que as persoas visitantes poidan plasmar as súas emocións e  lembranzas de situacións vividas co lume para crear un relato compartido da realidade sobre os incendios forestais.

A segunda das accións de sensibilización do día realizouse na tarde do 13 de decembro de 17:00 h a 19:30 h horas na Biblioteca de A Guarda. A actividade “Biblioteca humana. Testimonios dun gran incendio forestal” creou un espazo no que persoas vencelladas a grandes incendios forestais relataban as súas vivencias, como se fosen libros vivos. As persoas que relataron as súas testemuñas foron unha bombeira e un bombeiro forestais e bombeiros do GES de A Guarda. Na intimidade do espazo da biblioteca municipal de A Guarda puideronse escoitar as historias persoais e facer preguntas que normalmente non se dan, creando un ambiente distendido no que compartir experiencias extremas, como a perda de compañeiros na extinción de incendios, e bonitas como cando os seus fillos e fillas ao chegar a casa os ven como heroes e heroínas. Outro momento a destacar foi o dunha nai brasileira dun bombeiro forestal en Brasil que compartiu a súa vivencia de angustia cada vez que o seu fillo vai a unha emerxencia, pero tamén o sentimento de orgullo que sinte por el.

Tamén se falou moito da necesidade de prevención, de manter os montes limpos, de manter as franxas cortalumes e de como, pouco a pouco, parece que asoma unha maior conciencia social e ambiental vencellada á reforestación con especies autóctonas para ir diminuíndo as especies invasoras pirófilas como os eucaliptos ou as acacias. Tamén reivindicaron a necesidade de contar con máis recursos, tanto humanos como materiais, por parte da administración autonómica para traballar máis na prevención, que na extinción de lumes.

O proxecto da Universidade de Vigo, coordinado por Juan Picos e a parte formativa por María Isabel Doval, pretenden xerar un espazo de diálogo sobre os grandes incendios forestais co que se poderá chegar a conclusións importantes para o territorio. Algunhas destas reflexións xiran ao redor da importancia de manter a vida nos ámbitos rurais como loita contra o cambio climático e, ao mesmo tempo, contra os incendios forestais.

O mércores 14 será a quenda da terceira actividade no CEIP Manuel Rodríguez Sinde, a “Feira do Gran Incendio Forestal”. O obxectivo é achegar á comunidade educativa e, en concreto ao profesorado e ao alumnado do CEIP, testemuñas e materiais para concienciar sobre os lumes e os seus efectos no territorio. O encontro terá tres escenarios diferentes: o rincón do libro (con libros infantís e xuvenís sobre incendios forestais), o rincón do vídeo (con materiais audiovisuais) e o rincón da experiencia (co testimonio de persoas de A Guarda vencelladas aos equipos de extinción de incendios).

O antigo campo de fútbol de Santa Marta acolle a XXIII Edición do Cross Escolar do Val Miñor

0

Este domingo, 18 de decembro, a contorna do antigo Campo de fútbol de Santa Marta será o escenario que acolla a XXIII Edición do Cross Escolar do Val Miñor, coas categorías desde chupete até xuvenil e con distintas saídas.

Máis de 400 escolares reuniranse en en entrono do Campo de fútbol de Santa Marta para disputar as probas. Aquelas persoas que aínda non formalizase a inscipción tadavía están a tempo de realizar a mesma no pavillón de Deportes Municipal, chamando ao teléfono: 986 356 558 ou no e-mail: [email protected].

Esta proba acollerá as categorías cadete masculino/feminino (nados nos anos 2008/09), que sairán ás 10:45 h e 11:00 h correlativamente. Os atletas infantís masculino/feminino (2010/11) correrán ás 11:15 h e 11:25 h. A de alevín masculino/feminino (2012/13) que empezará ás 11:35 h e 11:45 h. Os participantes benxamín masculino/feminino (2014/15) terán saída ás 11:55 h e 12:05 h, a categoría de pre benxamín masculino/feminino (2016/17) con saída ás 12:10 h e 12:20 h. Por último, os atletas de Cros máis pequenos serán os chupetes masculinos/feminino (nados 2018/19) que empezarán a correr ás 12:30 horas e 12:40 horas.

Covelo crea un itinerario peonil que conectará a igrexa de San Martiño e o centro de Barcia de Mera

0

Fomentar a mobilidade activa creando espazos públicos seguros e agradables é o obxectivo da obra de “acondicionamento dun itinerario peonil de conexión entre o núcleo de Barcia de Mera e a igrexa de San Martiño” que, segundo adianta o alcalde de Covelo, Pablo Castillo, conta xa co visto bo da Deputación de Pontevedra.

Grazas a esta obra o Concello de Covelo aumentará nun 130,3% a superficie peonil nesta zona devolvendo ás persoas 908 m2 , acadándose un total de 1.605 m2 para os peóns e dando resposta ás esixencias ÁGORA da Deputación de Pontevedra.

O proxecto abrangue un ámbito de actuación dunha superficie aproximada de 2.699 m2 que comprende a área de acceso ao conxunto barroco da igrexa e á rectoral e o camiño público que conecta esta área co núcleo de Barciademera, actuando desde o entronque coa praza central situada no cruce coa estrada PO-9204 ata o ámbito do conxunto abacial.

Proxéctase a substitución do firme asfáltico do ámbito con pavimentos de gran calidade, como lousa e adoquín de granito, ou formigón lavado, que se concretarán na fase de proxecto. De xeito complementario prevese a dotación de mobiliario urbano e iluminación, así como a creación de pequenas áreas de descanso e estancia á sombra.

As actuacións proxectadas pretenden formalizar unha senda peonil no camiño de conexión do núcleo co ámbito da igrexa, que permitirá únicamente o tránsito rodado para residentes. Proponse tamén acondicionar a área de acceso incrementando sutancialmente a superficie peonil. Deste xeito garántese o cambio de prioridades de mobilidade, outorgando ao peón o primeiro lugar en detrimento do vehículo.

O proxecto garante a accesibilidade universal, cumprindo rigorosamente coa normativa de aplicación, tanto autonómica como estatal; sempre e cando a topografía existente (de pendente moi acusada) así o permita.

As restricións do tráfico rodado facilitarán o seu uso a pé contribuíndo a unha maior autonomía tantos dos cativos e cativas como dos e das nosas persoas maiores ademais do fomento de hábitos de vida máis saudables. Tamén terá presente a perspectiva de xénero buscando espazos amplos, con boa visibilidade e ben iluminados.

Redondela lanza unha campaña para dinamizar os mercados de abastos e o comercio local

0

O Concello de Redondela presenta unha campaña de dinamización dos mercados de abastos do municipio que, ao mesmo tempo, pon en valor a importancia do comercio de proximidade “como un dos eixos básicos da economía local”, sinalou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

A campaña, financiada polo Concello, ofrece aos praceiros da praza de abastos, a posibilidade de entregar agasallos directos polas compras que realicen os usuarios e usuarias. Por ditas compras obterán bolsas para a compra, calendarios de mesa e calendario de parede que os comerciantes regalarán aos seus clientes por esta datas de nadal.

Ademais dos agasallos, o concello encargouse da decoración adornando as prazas de Redondela e Chapela con cores festivas e ornamentación de nadal. A rexidora quixo salientar a importancia dun comercio local e unhas prazas de abastos –Redondela e Chapela– “que teñen capacidade dabondo para ofrecernos todo o que precisemos para este Nadal”.

A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que a iniciativa presentada hoxe “é unha continuación anual dunha campaña global de posta en valor do comercio local e dinamización do mesmo nestas datas de Nadal”. Os agasallos desta iniciativa, foron adquiridos polo Concello de Redondela buscando o dobre obxectivo de, por unha banda, axudar ao comercio de proximidade nestes tempos complicados e, por outra, contribuír a dinamización comercial do municipio.

Mondariz proxecta o documental “A auga que trouxeron”

0

O auditorio municipal de Mondariz acolle este sábado 17 de decembro, a partir das 20:00 horas, a proxección do documental “A auga que trouxeron”, un traballo de Beatriz Vázquez Campaña e Alberte Román Losada, de Trespés Filmes, no que tamén colaborou o Concello de Mondariz.

“A auga que trouxeron”, que inclúe escenas rodadas en Mondariz, constrúe un relato sobre a realidade das traídas veciñais de auga en Galicia. Estes sistemas son resultado dun proceso histórico onde a veciñanza xogou un papel importante, pois en moitos casos foron os propios veciños quen as construíron, financiaron e xestionaron. Este modelo ofreceu un sistema de abastecemento autónomo adaptado ao contexto territorial do país, caracterizado pola alta dispersión poboacional. Esta realidade permanece a día de hoxe, mantendo unha xestión autónoma por parte da veciñanza. O documental olla cara o pasado para recoñecer o esforzo colectivo que significou levar a auga ás casas nunha Galicia rural sen servizos básicos garantidos. Analiza o presente, cos seus retos e conflitos, e albisca o camiño a percorrer para unha realidade do común que xestiona un ben tan importante como é o da auga e que debe facer fronte a ameazas como o despoboamento rural ou a seca.

O Goberno municipal, comprometido coa mellora do abastecemento de auga

A proxección deste documental estará acompañada dun coloquio cos cineastas sobre o filme que contribuirá a poñer en valor as traídas veciñais de auga. Esta actividade coincide cos avances no plan municipal de abastecemento autónomo, promovido pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia e iniciado o ano pasado de xeito pioneiro en seis concellos galegos que mostraron interese en participar, entre eles Mondariz. “Este Goberno municipal está moi comprometido coa mellora dos servizos máis básicos, e o abastecemento de auga é un deles. Promovemos o abastecemento autónomo porque consideramos que é o modelo de xestión máis eficiente. Por iso aproveitamos esta oportunidade de avaliar a situación que supuña participar no proxecto de plans municipais de abastecemento autónomo”, declara o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.

O plan municipal de abastecemento autónomo foi presentado nun acto público coas traídas de augas veciñais en outubro de 2021. Naquel evento, que congregou a decenas de persoas vinculadas ás traídas de auga veciñais do concello, puxéronse de manifesto as principais preocupacións compartidas: a calidade e a cantidade de auga, así como o estado das instalacións e súa xestión no que respecta a mantemento e custos. A primeira fase consistiu en realizar un inventario dos sistemas, con visitas técnicas para inspeccionar os distintos elementos das traídas, recompilar datos e elaborar planos, e unha análise da calidade das augas, con informes técnico-sanitarios de avaliación do estado de cada un dos sistemas. A segunda fase, que é o momento actual deste conxunto de traballos, implica elaborar propostas de mellora para cada traída, así como valorar economica e comparativamente as propostas realizadas para cada sistema. O pasado mes de outubro, as directivas das 16 traídas veciñais de auga que participan no proxecto foron informadas das actuacións propostas polo persoal técnico que realizou os traballos previos de inventario e estudo. O obxectivo último é crear un documento final no que se expoñan os traballos feitos e poida servir de guía para establecer prioridades de actuación no termo municipal.

Alén deste plan municipal de abastecemento autónomo, o Goberno de Mondariz tamén está a traballar en proxectos relacionados coas traídas de xestión municipal, coa finalidade de avaliar a situación actual das infraestruturas e sentar as bases que permitan solicitar financiamento, quizais a través do fondos europeos Next Generation, para a súa necesaria e urxente modernización. “Un dos traballos máis importantes e menos visibles deste Goberno municipal desde 2019 foi estudiar en profundidade a situación das infraestruturas e dos servizos públicos do Concello de Mondariz para coñecer as necesidades reais e priorizar as actuacións. É un traballo que non se estaba facendo, especialmente en relación ao abastecemento de auga, pero que resulta clave para optimizar recursos e gobernar con visión de futuro. Para nós, é unha cuestión de responsabilidade”, conclúe Barros.

A OMIX de Tomiño oferta un curso de cestería

0

O Concello de Tomiño continúa apostando pola formación para a mocidade a través de novos cursos, obradoiros e iniciativas que mesturan a innovación coa tradición para que a rapazadas siga aprendendo e divertíndose a partes iguais. A OMIX trae para esta fin de semana unha nova proposta coa artesanía como eixo central: un curso monográfico de cestaría.

Este domingo 18, a mocidade a partir de 12 anos poderá participar nun curso básico no que se darán datos detallados sobre a peza ou as pezas coas que se traballará e sobre a identificación das diferentes materias primas que se empreguen. Neste curso, cada persoa participante aprenderá a confeccionar, crear e compoñer a súa propia peza coa guía que achegue o docente.

O curso celebrarase en Goián durante toda a xornada do domingo de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas e terá un custo de 10 euros. As persoas interesadas poden aínda inscribirse para participar a través da web do Concello.

A través da súa programación, a OMIX do Concello de Tomiño busca “achegar á nosa mocidade unha programación actual,  na que se traten temáticas non só que lles poidan brindar oportunidades persoais e profesionais no futuro, senón tamén que lles interesen especialmente, como é o caso da artesanía”, como salienta a alcaldesa, Sandra González.

Covelo celebra a súa VIII gala “Síntete Covelo”

0

Este domingo día 18 o auditorio municipal do Concello de Covelo celebra a súa gala de entrega dos galardóns “Síntete Covelo” que este ano recoñece o traballo polo biólogo Julio Eiroa Mera e a traxectoria do investigador Estanislao Fernández de la Cigoña.

Pola súa contribución ao coñecemento e posta en valor do patrimonio natural e cultural, o Concello de Covelo entregará este domingo ás 18:30 os galardóns, “con estes premios queremos salientar o traballo de determinadas persoas que pola súa implicación contribúen a difundir o nome do noso concello e das nosas riquezas medioambientais, etnográficas e culturais”, explica o alcalde Pablo Castillo.

Como en cada edición, o Concello abríu un prazo de tempo no que a cidadanía puido propor candidatas e candidatos xustificando a súa candidatura. Esta ano o recoñecemento é para o biólogo, guía de montaña e fotógrafo Julio Eiroa que fai posible que moitas persoas de dentro e de fóra da área metropolitana valoren máis o noso medio ambiente a través sempre o coñecemento científico da zona.

O investigador e divulgador Estanislao Fernández será tamén recoñecido este domingo en Covelo pola súa labor na conservación e divulgación do patrimonio cultural e das tradicións facendo posible que chegue ás novas xeneracións.

Os artistas Ialma e Antonio Barros pecharán esta gala cunha actuación musical. O Concello de Covelo, a través da concelleira de Cultura Lourdes Enes, convida a toda a cidadanía a participar neste evento anual que “premia a dedicación, o vencello e o cariño que manifestan os premiados e no que faremos un brindis e un aperitivo para desexar unhas boas festas a todas as persoas participantes”.

Nigrán ofrece este sábado un contacontos musical

0

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 17 de decembro, ás 18:30 horas na Biblioteca Municipal, o contacontos visual e musical ‘Morgan. Gardaxoguetes’ coa presenza da súa autora, María de Ferreiro, e dúas colaboradoras, Adela Rial e Sonia Vilar.

O libro Morgan Gardaxoguetes está dirixido a tódalas persoas con cativada na casa que aínda cre na maxia. É un instrumento eficaz para axudar a quen lles custa ordenar os xoguetes.

O libro presenta a primeira aventura de Morgan Land Star, a primeira Gardaxoguetes do mundo, unha fada que ensina ás crianzas a recoller despois de xogar, senon pola noite, ela vainos a levar. A esta fada máxica gústalle presentar o seu libro compañada de música e cancións que fan a delicia de todo o público, grandes e peques. Ao remate da presentación, a autora María de Ferreiro adoita firmar exemplares do libro. 

Mos completará o saneamento en Pereiras

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, e a enxeñeira municipal, Raquel González, recepcionaron no lugar das obras a instalación para completar a rede de saneamento na parroquia de Pereiras, de mans de técnicos da Xunta de Galicia.

Unha vez finalizadas pola Administración Hidráulica de Galicia, Augas de Galicia, as obras foron recibidas pola administración local por medio do acto de sinatura da acta de entrega das instalacións, realizado pola rexedora local mosense. O acto de recepción tivo lugar esta mañá na zona da instalación do saneamento, na contorna do Cristo do Agro en Pereiras.

A Xunta de Galicia adxudicou á empresa concesionaria a contratación destes traballos por un importe de 430.000 euros. Este contrato enmarcouse na colaboración entre a entidade dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Augas de Galicia, e o Concello de Mos.

Mediante esta colaboración deuse cumprimento ao acordado co Concello, que en decembro de 2019 executou xa parte da rede de saneamento na zona sur desta parroquia, financiada integramente pola entidade local. Deste xeito, a Xunta asumiu o seu compromiso de financiar o 75% as obras de saneamento desta nova fase na parroquia de Pereiras, que foron financiadas no marco do eixe REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.

O concello de Mos pertence ao Consorcio do Louro e dirixe as augas residuais do concello á estación depuradora de augas residuais de Guillarei. A parroquia de Pereiras divide a súa rede de saneamento en zona norte e zona sur. Con esta obra xa finalizada queda completada toda a zona norte e parte da sur non executada ata o de agora.

Esta nova rede dá servizo a unha poboación máxima de 96 habitantes na zona norte e 132 habitantes na zona sur e completa a rede de saneamento na parroquia de Pereiras. As actuacións levadas a cabo por Augas de Galicia para completar a rede de saneamento da parroquia de Pereiras dividiuse en dúas zonas. Na zona norte acometeuse un colector principal, cunha lonxitude duns 593 metros en PVC 315 mm, e un colector secundario, cunha lonxitude de 178 metros, en tubaxe de PVC 315 mm. Executaranse tamén 35 pozos. Na zona sur, completouse a intervención coa execución de 1.052 metros de tubaxe de PCV 315 mm e un total de 46 pozos.

Os traballos completáronse coa reposición dos firmes das vías afectadas.

Agora, unha vez recibidas as obras polo Concello, o Consorcio do Louro asumirá a súa posta en servizo, explotación, mantemento e conservación.

Coa mellora realizada dáse servizo a unha poboación de 96 habitantes na zona norte e 132 habitantes na zona sur. Un total de 228 veciños.

Éxito absoluto do obradoiro de centros de mesa de Nadal de Redondela

0

O Concello de Redondela enche as prazas dos obradoiros de centros de mesa de Nadal promovidos pola Concellería de Cultura en colaboración coa de Medio Ambiente. Este luns, 12 de decembro, foi o primeiro día dos obradorios que se impartirán ata finais do mesmo mes nas distintas parroquias do municipio.

A actividade consiste na elaboración dun centro de mesa decorativo utilizando elementos florais e de refugallo para transformalos en ornamentos festivos que cada participante poderá levar para o seu fogar.

Contan con distintas datas por parroquia e as 25 prazas que se ofertaban por cada centro están apunto de esgotarse xa nos primeiros días de apertura da inscrición. Este luns, 12 de decembro, empezou no centro veciñal de Soutoxuste, onde a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, puido ver de primeira man como se estaban desenvolvendo o obradoiro. “Esta actividade entra dentro do amplo programa de nadal do concello. É importante que tanto este obradoiro, como moitos outros cheguen a tódalas parroquias de Redondela. Temos un compromiso coa veciñanza para estender a oferta cultural por todo o municipio e ofrecer espazos para o goce e a socialización”, explica, Digna Rivas.

As floristas profesionais, ensinan de forma creativa a reutilizar materiais de refugallo para darlles unha nova vida. Ademais de ser unha oferta cultural, tamén ensina os beneficios do reciclaxe grazas aos materiais ofrecidos integramente polo Concello.

Os obradoiros continúan en Saramagoso (13 de decembro), na aula CEMIT de Chapela (13 de decembro), Reboreda (14 de decembro), Vilar (14 de decembro), Santo Estevo (15 de decembro), Cesantes (15 de decembro), Ventosela (19 de decembro), Cabeiro (19 de decembro), Trasmañó (20 de decembro), Multiúsos de Redondela (20 de decembro), Cedeira (21 de decembro) e C.C.D. Cidadelle  (21 de decembro).

As prazas están cheas en moitos dos centros culturais asignados, pero aínda queda algunha por cubrir, poidendo inscribirse de balde na oficina de turismo ou no número de teléfono 986 40 17 13.

A biblioteca de Tui organiza obradoiros de Nadal

0

Dentro da programación “Tui, o Camiño do Nadal” a Biblioteca Pública Municipal de Tui acollerá do luns 26 ao venres 30 de decembro un total de cinco obradoiros de Nadal para nenos e nenas de 5 a 12 anos.

Para asistir é preciso inscrición previa ben por correo electrónico en [email protected] ou presencialmente no propio centro bibliotecario indicando idade do neno ou nena así como un telefono de contacto.

Os obradoiros celebraranse diariamente ás 11.30 h. O luns 26 será de Adornos navideños, o martes 27 Animais fantásticos, o mércores 28 Xogemos xuntos, o xoves 29 Contos de elfos e o venres 30 A maxia do Nadal.

Para a concelleira de Ensino e Cultura do Concello tudense, Sonsoles Vicente Solla, o obxectivo destes obradoiros é favorecer entre os rapaces e rapazas a creatividade como unha forma de enriquecemento para o tempo de lecer, ao tempo que é unha oferta para a conciliación que precisan moitas familias neste tempo de Nadal.

Tamén dentro da programación de Nadal da Biblioteca Municipal tudense está en funcionamento o Mercadiño Solidario de Libros que até o venres 30 de decembro, ofrece a posibilidade de intercambiar produtos de Nadal por libros, cunha ampla oferta de libros procedentes de expurgos e doazóns e que cada día son completados repoñendo exemplares.

A Banda de Guláns pon música ao Nadal en Ponteareas

En Ponteareas o Nadal ten banda sonora. A Banda de Música Unión de Guláns subirase este sábado 17 de decembro ao escenario da sala multiúsos do auditorio municipal Reveriano Soutullo para celebrar unha nova edición do seu Concerto de Nadal, unha ocasión especial para a formación na que deleitará ao público asistente cun amplo repertorio musical. A cita será ás 20.00 horas con entrada libre ata completar aforo.

A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, convida a toda a veciñanza a asistir a este concerto que terá un marcado carácter social, xa que durante o concerto a asociación Adapta presentará ao público os recursos cos que contará a entidade tras o remate das obras que se están a realizar na actualidade no novo centro, que entrará previsibelmente en funcionamento o vindeiro mes de xaneiro.

Unha vez máis, Carrera quere agradecer en nome de todo o Goberno municipal esta iniciativa posta en marcha pola Banda de Música Unión de Guláns, así como todo o traballo que está a desenvolver Adapta na vila e no Condado-Paradanta, xa que se converteu nun referente na comarca no traballo pola plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos das sociedade.

A oposición guardesa bloquea unha subvención dos fondos NextGenerationEU

0

No último pleno celebrado na Guarda os votos en contra do PP e CG e a abstención do BNG impediron que saíra adiante a aprobación dun convenio entre a Deputación de Pontevedra e o concello denominado “Commerce Inside”. Este convenio tiña como principal obxectivo a dinamización e potenciación do comercio de proximidade en zonas turísticas, favorecendo o desenvolvemento de mecanismos para situar a actividade do comercio local de maneira eficiente no territorio mellorando a súa competitividade.

Este proxecto, financiado con fondos Next Generation EU en liña co plan de Recuperación Transformación e Resiliencia (PRTR), foi deseñado para actuar no comercio de proximidade por ser un dos sectores estratéxicos en moitas vilas da provincia de Pontevedra que, en tempos de pandemia e confinamento, sufriron importantes restricións, o que lles provocou perdidas económicas irrecuperables a moitos deles.

O orzamento total do proxecto ascendía a 1.327.793 € distribuído entre 10 concellos da provincia. No caso da Guarda a sinatura do convenio significaba a execución dun proxecto local valorado en 140.571 €. Comprometendo ao concello a unha achega dun 15 % do financiamento, 17.426 €, a Deputación a achega doutro 15% mais o IVA de todo o investimento, 41.823 € mentres que o Ministerio de Industria Comercio e Turismo aportaba o 70 % restante, cantidade que ascendía a 81.322 €. Isto quere dicir que non apoiar este convenio equivale a renunciar a 123.145 € de subvención que se investirían directamente en interese do comercio local.

Entre outros o “Commerce Inside” contemplaba: investimentos na vía pública con a instalación de totems interactivos para ofrecer información sobre comercios e turismo, creación de areas de descanso próximas ás areas comerciais con asentos iluminados e cargadores solares. Dixitalización do sector comercial coa creación dunha plataforma de xestión de áreas comerciais, creación de contidos vinculados co turismo e o comercio e despregamento de puntos wifi nas zonas comerciais. Sostibilidade e economía circular coa promoción de novos deseños de embalaxes para o comercio de proximidade e instalación de illas ecolóxicas. Formación on line con cursos en liña de inglés, francés e portugués para comerciantes.

O alcalde non ocultou a súa sorpresa e indignación en relación ao posicionamento da oposición: “resulta moi difícil entender como os grupos do BNG, PP e CG, non apoian ou se opoñen a un proxecto que obxectivamente mellora a competitividade dun sector tan importante na Guarda como o comercial. Os comerciantes deben pedir explicacións aos grupos políticos da oposición. En política non vale todo, os representantes electos, tanto goberno como oposición estamos para servir aos veciños e veciñas. Non vale todo co argumento de que estamos en campaña electoral. Un grupo político que antepón os intereses partidistas por enriba dos da veciñanza perde lexitimidade para gobernar.”

Baiona, o primeiro lugar de Galicia en dar as badaladas

0

Hai quen inicia a festa do día 24 unhas horas antes e denomínao ‘Tardebuena’ ou como se coñece na vila mariñeira a “mítica tarde de viños”. Tamén están os mozos que asolagan as prazas para mediados de decembro para celebrar a Noitevella Unversitaria e os que como Baiona este sábado, 17 de decembro, adiántase unhas semanas ao fin de ano para celebralo xunto ao resto da localidade. É o caso dos habitantes de Baiona, que na noite deste  sábado Baiona cumpren cunha recente tradición, a das Pre-Badaladas de fin de ano, na que todos os veciños e un bo número de persoas doutras localidades recibirán o novo ano con antelación. Primeiro cos amigos, e despois coa familia, os baioneses gozarán da festa que despide o ano por partida dobre.

E é que aínda que a festa oficial comece unha hora e media antes das doce da noite (22:30h), “Bloquinho Aperta” poñerá ritmo á noite baionesa cun pasacalles polo Centro histórico de Baiona para terminar na Alameda Carabela Pinta, o lugar que se estableceu na Vila de maneira oficiosa para celebrar por adiantado a chegada do novo ano.

 “Ao final é un día para xuntarse, celebrar todos e todas xuntos e despois dar a benvida ao novo ano. Ese é a orixe da festa, é a razón pola que desde a Concellería de Cultura de Baiona  apoiamos esta celebración”. O plan é  que  “ esta iniciativa de ACEBA (Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona) posta en marcha por primeira vez en 2018, chéguese a considerar unha tradición para toda a poboación e todos aqueles que veña a Baiona a divertirse.  Noo é que sexa unha actividade ideada só  para xente nova  senón que a poboación máis maior do municipio e dos arredores, saian e veñan recibir o novo ano  con antelación e a divertirse. É dicir, que se converta nunha cita permanente no calendario do noso BaiNadal”, afirma o alcalde, Carlos Gómez Prado. Ademais do pasacalles farano co concerto da Patrulla, tras as pre-badaladas ás 00:00 h.

O Club Natación Ponteareas remata o ano por todo o alto

O Club Natación Ponteareas está a pechar o ano colleitando novos éxitos. Cun mes de decembro con varias citas importantes pendentes no calendario de competicións, o club ponteareán acaba de pasar con nota as dúas primeiras competicións coas que as e os nadadores dirán adeus a este 2022.

Así, por unha banda, o CN Ponteareas acadou o título de campión galego tanto na categoría masculina como na conxunta no Campionato Galego de Longa Distancia, unha proba disputada no Centro Galego de Tecnificación deportiva no que as e os deportistas ponteareáns acadaron ademais varios podios individuais.

Campionato galego de longa distancia CNPonteareas

Mentres, o equipo feminino convertíase nun dos grandes protagonistas na Copa de España de 2ª División, celebrada na piscina Santa Isabel de Santiago de Compostela. As nadadoras do Condado conseguiron ocupar a primeira posición despois de dous días de probas nunha competición que estrea formato esta tempada, con varias divisións territoriais e máis de 100 equipos participantes, polo que haberá que agardar a coñecer a clasificación xeral para ver se a puntuación obtida polos equipos ponteareáns outórgalles un posto para o ascenso á primeira división nacional.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, trasladou a club e deportistas as felicitacións de todo Goberno municipal “por todos os logros acadados non só nestas dúas competicións, senón ao longo de toda unha tempada repleta de grandes e importantes citas nas que sempre dan a talla”. “O Club Natación Ponteareas e todas e todos os seus integrantes son un exemplo da paixón polo deporte que temos nesta vila e do coidado pola nosa canteira, o que sen dúbida seguirá reportándonos grandes éxitos”, recalcou Bouzó.

A Deputación lanza a VII edición de “Depoemprende na Escola”

Preto de 300 nenos de dez centros de Educación Primaria e Especial da provincia que participan na sétima edición do programa “Depoemprende na Escola” presentaron no Pazo provincial as cooperativas nas que traballarán ao longo deste curso para desenvolver os seus proxectos colaborativos e fomentar así o emprendemento. Os centros participantes desenvolverán diferentes tipos de proxectos baseados na ecoloxía, a cultura, a natureza ou a reciclaxe. Ademais, parte das ganancias que consigan as cooperativas coa venda dos seus produtos irán destinadas a diferentes ONGs ou asociacións, como protectoras de animais ou de servizos sociais. 

No acto, a deputada provincial de Promoción Económica e Emprego, Raquel Giráldez, saudou aos e ás participantes, lembrándolles que neste programa eles son “os protagonistas da aprendizaxe” e deu as grazas ás e aos docentes porque “sen eles non se podería levar a cabo” un programa como “DepoEmprende”. A continuación, foron os propios alumnos e alumnas que participan nas diferentes cooperativas dos centros escolares os que, divididos en dúas quendas, presentaron o traballo que van desenvolver ao longo deste curso para, posteriormente, recibir os seus correspondentes NIF. o alumnado dos centros participantes de educación primaria e especial, dividido en dúas quendas, presentou as súas cooperativas e, posteriormente, a deputada entregoulles os NIF.

En concreto, o CEE Pontevedra presentou as dúas cooperativas que desenvolverá ao longo do curso, “Formiguiñas” e “Xirope”; o CEIP A Xunqueira I de Pontevedra explicou a súa, “Naturalshop”; o CEEPR Aceesca do Porriño  presentou “Cooperativa O Mistral”; o CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia explicou as tres cooperativas que desenvolverá, “Los recreative”, “El mundo al revés” e “Recycling Art”; o CEE de Vilagarcía de Arousa presentou “Reprografía CEE Vilagarcía de Arousa”; o CEE Saladino Cortizo de Vigo presentou dúas cooperativas, “Os Cortizos” e “A arte da solución”; dous tamén desenvolverá o alumnado do CEIP Plurilingüe de Tebra de Tomiño, baixo os nomes “Tebralidades” e “Recuncho creativo”; outras dous presentou o CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui, “Econatureza” e “Ecomempress”; o CPR Estudio de Nigrán explicou a súa cooperativa “GA-LI-CIA”, e o CEIP Plurilingüe de Carballedo en Cerdedo-Cotobade presentou “Cooperativa As Cores de Carballedo”.

Esta recollida dos NIF chega despois do desenvolvemento das cooperativas no que, tras constituírse as mesmas, o alumnado levou a cabo un proceso que consistiu na creación da imaxe corporativa e o logotipo, na realización dun estudo de mercado e o prototipo do produto. Agora, os seguintes pasos consisten na procura de financiamento, a produción e fabricación do produto, prezo, etiquetado, preparación da venda para o mercado final que celebrará a Deputación e, xa para pechar o proxecto, o balance dos resultados.

Dende que se puxo en marcha “DepoEmprende”, no 2016, máis de 3.400 alumnas e alumnos de 132 centros educativos da provincia participaron nas tres modalidades do programa. En concreto, a iniciativa está dividida en “Depoemprende na Escola”, proxecto dirixido ao alumnado de educación primaria (5º e 6º curso) e de educación especial,”DepoEmprende na ESO” para mozas e mozos de 4º da ESO, e “DepoEmprende na FP” dirixido a centros que imparten Formación Profesional de Grado Medio ou Superior.

O obxectivo é fomentar o emprendemento como un dos factores clave nunha economía do coñecemento eliminando as barreiras que dificultan a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, promover a cultura emprendedora no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica.

O servizo de atención temperá está en funcionamento desde outubro en Arbo

0

Vista a demanda existente por parte tanto das familias como de diferentes profesionais que traballan no Concello de Arbo, e por profesionais externos como o orientador escolar, a pediatra, a psicóloga do Concello, etc. para atender coa maior calidade e proximidade posible a todos os nenos de Arbo o Concello de Arbo,  polo que o Concello de Arbo, promove este servizo cos concellos de  Salvaterra de Miño e Crecente.

Para prestar o Servizo de atención temperá, que esta en funcionamento dende o mes de outubro en Arbo  e que se ofrece no CEIP Antonio Carpintero, esta creada unha “Unidade de Apoio Familiar, Atención Temperá e Desenvolvemento Infantil” formada por un equipo multidisciplinar  integrado como mínimo, por 3 profesionais das seguintes titulacións: Psicoloxía, Logopedia e Fisioterapia, con formación específica en materia de desenvolvemento infantil e atención temperá e/ou apoio familiar.

As funcións do Servizo de Atención Temperá en Arbo son as seguintes:

  • Acollida, valoración evolutiva e intervención interdisciplinaria dos nenos e nenas de 0 a 6 anos con trastornos ou situacións de vulnerabilidade no seu desenvolvemento.
  • Detección precoz dos trastornos do desenvolvemento ou das situacións de risco de padecelos.
  • Achega e aplicación integrada de técnicas relacionais de atención temperá.
  • Apoio emocional, social, informativo e formativo á familia relacionado coa información diagnóstica ou co trastorno do desenvolvemento.
  • Información, orientación e apoio relacionado co desenvolvemento persoal e as necesidades cotiás.
  • Orientación sobre outros apoios económicos, sanitarios, educativos e sociais.
  • Coordinación cos recursos sanitarios, educativos e sociais e apoio ás escolas  infantís de primeiro e segundo ciclo.
  • Análise de contextos e itinerarios con identificación de factores facilitadores e barreiras.

Elaboración e seguimento dun plan personalizado de intervención en colaboración coa familia.

  • Sensibilización da contorna comunitaria respecto da comprensión do neno con alteracións no desenvolvemento.
  • Calquera outra que supoña unha mellora na calidade de vida das familias usuarias e que estea dentro das normas establecidas no Decreto 183/2013 de 5 de decembro, polo que se crea a Rede Galega de Atención Temperá.

O horario de atención en Arbo son os luns e mércores en horario de 8:00 a 18:30 horas. Para máis información nos servizos sociais do Concello de Arbo.

A San Silvestre de Salceda volta con forza e solidariedade

A carreira solidaria San Silvestre volta este Nadal ás rúas de Salceda para cumprir xa a súa X edición.

Celebrarase o vindeiro venres 30 de decembro e comezará ás 21:30 horas. Partirá dende a Praza do Concello e percorrerá 3 kilómetros por diferentes rúas do casco urbano de Salceda de Caselas.

As persoas que desexen participar deberá realizar a súa inscrición antes do vindeiro 27 de decembro as 24:00 horas. Todos e todas as inscritas contarán coa cobertura dun seguro contratado polo concello para accidentes e lesións asociados a esta proba deportiva.

Para inscribirse as persoas interesadas deberán cubrir un formulario que poderán atopar no seguinte enlace dentro da páxina web da Escolas Deportivas Municipais https://www.deportesalceda.gal/san-silvestre-2022.

A recollida de dorsais para os e as atletas participantes levarase a cabo entre as 19:00 e 21:00 horas do día 30 de decembro, no hall de entrada do Auditorio Municipal de Salceda, así como a recollida de leite para o Programa de Alimentos Municipal

Entregaranse premios para as primeiras persoas clasificadas en cada categoría e para rematar celebrarase un sorteo dun agasallo para entregar entre os e as atletas participantes que se atopen presentes na entrega de premios.

Rubén González Coto, Concelleiro de Deportes: “A San Silvestre xa se ven establecendo como unha cita sinalada dentro do calendario deportivo en Salceda que xa botábamos de menos, no que a xente participa dunha forma solidaria e festiva e que agardamos se asente por moitos anos como proba deportiva senlleira na comarca”.

Verónica Tourón, Alcaldesa: “Esta carreira que se disputa nestas datas do nadal xa constitúe unha peza fundamental da nosa programación municipal para estas festas. Unha proba na que a xente goza de poder correr polas rúas do noso pobo ao mesmo tempo que apoiamos unha causa solidaria”.

A parroquia de Xinzo despide o ano cunha fin de semana chea de música

Esta fin de semana, a Banda de Música, a Coral Cantares e a Escola de Música de Xinzo despiden o ano no que serán uns días cargados de música.

A audición anual de Nadal da Escola será a que abra este fin de semana tan especial o sábado 17 de decembro ás 18:00 h no Centro Cultural da parroquia. Con esta audición, a ESMU pechará o primeiro trimestre do curso coas diversas interpretacións solistas e grupais dos alumnos. Ademais, contará coas participacións da Peque Banda e da Banda Infantil de Xinzo.

Ao día seguinte, o domingo 18 de decembro, será o turno da Banda de Música e a Coral Cantares. Ambas agrupacións volven xuntarse tras o exitoso concerto en honra a Santa Icía que tivo lugar fai unhas semanas, esta vez para celebrar a Navidade e o Fin de Ano. Este concerto dividirase en dúas partes, unha primeira na que actuará a Coral y unha segunda na que o fará a Banda, e tendrá lugar ás 17:00 h, tamén no auditorio do Centro Cultural de Xinzo.

A Cañiza poderá instalar miradoiros no Alto do Montouto grazas á Comunidade de Montes Veciñais da Lamosa

0

A Comunidade de Montes Veciñais da Lamosa cede gratuitamente ao Concello da Cañiza, por tempo indefinido, dúas hectáreas de terreno no alto do Montouto para a instalación de miradoiros interpretativos e un observatorio nocturno.

O alcalde da vila, Luis Piña, agradece, en nome de todos os cañicenses, a colaboración dos comuneiros e da directiva da Comunidade de Montes Veciñais da Lamosa (Covelo) por esta cesión, xa que, de non contar cos terreos, non podería desenvolverse este proxecto turístico que se converterá nun importante reclamo e atractivo para os visitantes, pola súa singularidade e beleza natural.

Esta actuación sumará un novo recurso paisaxístico de altísima calidade á oferta turística do noso Concello. Unha proposta novedosa que atraerá turistas e redundará moi positivamente no crecemento da nosa economía local.

Dende o Concello estase a traballar para sumar iniciativas de alta calidade que axuden a mellorar as propostas turísticas cara ao exterior e mesmo para o disfrute da veciñanza.

A instalación destes miradoiros interpretativos e observatorio nocturno é unha destas apostas. Pero, para poder desenvolver esta actuación, cuxo investimento está financiado polo Plan Concellos 2022-2023 da Deputación Provincial, é obrigatorio que o Concello sexa o titular dos terreos. Así o dispón as Bases Reguladoras do Plan, publicadas no BOP número 230 de 27 de novembro de 2021, que no seu punto 8.1.6, referente á titularidade, recolle que o Concello deberá ser, en todo caso, titular dos bens, instalacións ou terreos nos que se van executar os investimentos.

O rexedor iniciou os trámites de solicitude de cesión destes terreos ante a Asamblea da CMVMC da Lamosa, titular dos mesmos, o pasado verán, acordándose a cesión de 20.000 m2 de terreo (uso de parte da parcela 36013A01530116 situada no monte denominado “Alto do Montouto”),  na Asamblea celebrada pola Comunidade o 24 de xuño de 2022.

Ademais, neste acordo a Comunidade autoriza as servidumes de paso necesarias e xustificadas.

O prazo de cesión será por tempo indefinido en favor do Concello de A Cañiza, e en tanto se manteña o fin para o que se fai a cesión e a Comunidade non cobrará ningún tipo de arrendamento ou canon. En contraprestación o Concello permitirá gratuitamente á Comunidade o uso das instalacións emprazadas na parcela.

O Concello asumirá as responsabilidades e danos nas infraestruturas así como a responsabilidade civil, comprometéndose a subscribir e manter actualizados anualmente os seguros.

Grazas a esta cesión o Concello poderá desenvolver este importante proxecto polo que o Alcalde Luis Piña quixo agradecer “a colaboración e axuda desinteresada prestada pola CMVMVC da Lamosa, que dende o primeiro momento acolleu a proposta municipal como unha actuación comunitaria que beneficiará, non soamente á Cañiza, senón tamén ao concello de Covelo é a súa contorna”.

Mercar en Nadal en Redondela ten premio

0

O comercio local de Redondela presenta a súa campaña de Nadal. Unha campaña que vén marcada por unha decoración temática baseada no conto dos Crebanoces que traerá sorpresas durante o Nadal.

O comercio de proximidade aposta por ofrecer a súa clientela as mellores ideas para regalar, premios directos e un gran sorteo final de 3.000 € en vales de compra. Redondela e Chapela, dous espazos comerciais a carón de Vigo, que ofrecen un modelo de compras tranquilas e un trato personalizado para acertar nas compras de Nadal.

Máis de 4.000 premios directos, con ata 8.000€ en premios directos en efectivo e 1.000 agasallos sorpresa estarán escondidos nos rascas dos establecementos da localidade tanto de Redondela como de Chapela. Nunha aposta clara e decidida por os comercios de ambas zonas comerciais a mesma altura.

O Concello de Redondela suma esforzos a esta campaña de compras de Nadal con Bolsas e ToteBag, que amosa a concelleira María Castro, acompañada pola Xunta Directiva da Asociación de Empresarios de Redondela xunta a comerciantes de Redondela e Chapela.

O Fegateatro 2022 remata este sábado en Nigrán

0

O Concello de Nigrán finaliza este sábado 17 de decembro o ciclo de Fegateatro 2022 coa obra ‘Confinad@s’ de ‘A Tequerreté Teatro’ (Teo) ás 20:00 horas no Auditorio Municipal.

Confinad@s nace, en clave de hilarante comedia, das experiencias sufridas durante o confinamento. A entrada é de balde ata completar aforo. Catro amigas xúntanse por vídeochamada e deciden fuxir das compulsivas rutinas provocadas pola situación de illamento, ao estilo de Boccacio, no seu Decamerón. Deste xeito evadiranse da súa particular “Florencia” contando catro surrealistas historias.

Estas representacións forman parte do convenio de 7.000 € do Concello de Nigrán coa Federación Galega de Teatro Afeccionado baixo o título ‘Fegateatro Nigrán 2022’. Deste xeito, o Concello terá ofrecido ata o 17 de decembro dez obras de compañías de teatro amador de toda a comunidade.

“Viagem pelo Natal” en Vila Nova de Cerveira

Após cinco dias de grande animação e espírito natalício proporcionados pelo Mercado de Natal e dando continuidade a esta “Viagem pelo Natal”, a Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira preparou vários momentos lúdicos para o fim de semana que antecede o Natal. São propostas para todas as idades que vão desde concertos a momentos desportivos.

Assim, no sábado, dia 17 de dezembro, às 21h30, o Cineteatro de Cerveira Marreca Gonçalves vai ser palco do musical “Rodolfo e as renas do Pai Natal”. Já no domingo, dia 18 de dezembro, vai ser possível participar numa aula aberta de hidroginástica (Hidronatal), às 10h00, na Piscina Municipal, assistir ao espetáculo de Patinagem Artística no Gelo pela Revolution Figure Skating Club, às 15h00, no Centro Coordenador de Transportes, e ao “Concerto de Natal”, pelo Coro Polifónico e pela Pauta de Caprichos, às 16h00, na Igreja Matriz. As iniciativas são de entrada gratuita, mas a participação na aula aberta de hidroginástica (Hidronatal) está limitada à idade mínima de 14 anos e a uma lotação máxima de 80 participantes. As inscrições podem ser efetuadas através do telefone 251 708 025 ou do email [email protected].

Será, ainda, possível visitar a Casa do Pai Natal, usufruir de uma divertida pista de gelo natural, de passeios de barco no rio Minho e de passeios no Comboio de Natal. A pista de gelo natural, instalada no Centro Coordenador de Transportes, vai permanecer em funcionamento até ao dia 8 de janeiro. Já a visita à Casa do Pai Natal, localizada no Centro Histórico, bem como os passeios no comboio de Natal podem ser realizados até ao dia 18 de dezembro. Os passeios de barco pelo rio Minho prolongam-se até ao dia 24 de dezembro.

MERCADO DE NATAL

5 DIAS DE VERDADEIRO ESPÍRITO NATALÍCIO

Aceitando o convite da autarquia cerveirense para embarcar nesta viagem pelo Natal, milhares de pessoas visitaram a Vila das Artes, nos últimos cinco dias. O Mercado de Natal arrancou, no passado dia 7 de dezembro, com uma diversificada oferta de atividades para todas as idades: chegada do Pai Natal, animação itinerante – duendes, artes circenses, circo de natal, diversos workshops – entre os quais, de cupcakes de natal, presépio artesanal, bolachas de gengibre, decoração de bolo natalício e decoração da mesa de Natal, atelier de Natal, no Arquivo Municipal, “Natal sem plásticos”, no Aquamuseu do rio Minho, Hora do Conto, na Biblioteca, pintura ao vivo de uma toalha de Natal, na Loja Interativa de Turismo e atelier de Natal “Vamos Agir!” pela Fundação Bienal de Arte de Cerveira.

A iniciativa integrou a programação “Cerveira: Viagem pelo Natal” promovida pela autarquia e tinha como objetivo dinamizar o comércio, o artesanato e o associativismo local nesta quadra festiva. Recorde-se que o Natal em Vila Nova de Cerveira arrancou no passado dia 3 de dezembro, com um momento mágico. Centenas de pessoas juntaram-se no Centro Histórico para assistirem ao ligar das luzes, que aconteceu acompanhado por um momento musical que transportou todos para uma verdadeira Viagem pelo Natal: o “Disney in Concert”. Das janelas da emblemática “Casa Verde”, um ícone da Praça da Liberdade, melodias entoadas por mais de 200 músicos invadiram o recinto contagiando todos os presentes.

Programação

“Cerveira: Viagem pelo Natal”

17 de dezembro (sábado)

21h30 – “Rodolfo e as renas do Pai Natal” – O Musical

Cineteatro de Cerveira Marreca Gonçalves

18 de dezembro (domingo)

10h00 – Hidronatal – Aula aberta de hidroginástica

A partir dos 14 anos de idade (limite de 80 participantes). Inscrição obrigatória: 251 708 025| [email protected]. Piscina Municipal

15h00 – Espetáculo de Patinagem Artística no Gelo

Pelo Revolution Figure Skating Club. Pista de Gelo – Centro Coordenador de Transportes

16h00 – Concerto de Natal

Pelo Coro Polifónico e pela Pauta de Caprichos. Igreja Matriz de Vila Nova de Cerveira

Até 18 de dezembro

Passeios de Comboio. Centro Histórico

Casa do Pai Natal. Centro Histórico

Até 24 de dezembro

Passeios de Barco. Cais do Rio Minho

Até 8 de janeiro

Pista de Gelo Natural. Centro Coordenador de Transporte

Tui ofrecerá un curso para axudar a deixar de fumar

0

O Concello de Tui, a través do departamento de Servizos Sociais, organiza un ano máis, en colaboración coa Asociación Española contra o Cancro, un curso de dehabituación tabáquica, dirixido a persoas maiores de 18 anos.

Esta actividade comezará o próximo mes de xaneiro, celebrándose os mércores de 17 a 18.30 h. Constará de 7 sesión de hora e media cada unha  na que se brindará apoio técnico, consellos e acompañamento no proceso de deixar o tabaco.

As prazas son limitadas e as persoas interesadas poden inscribirse até o 30 de decembro no teléfono 986 60 36 25 ou no correo [email protected].

A humanización da fortaleza de Salvaterra de Miño será posible grazas á Xunta

A Xunta de Galicia destina máis de 610.000 euros ás obras de humanización da fortaleza de Salvaterra de Miño, segundo o convenio de colaboración asinado entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a alcaldesa da localidade, Marta Valcárcel.

A actuación prevista localízase na fortificación de San Lourenzo e supón a terceira fase do proxecto de rehabilitación das murallas deste concello pontevedrés. Neste caso, o proxecto inclúe a repavimentación, o soterrado de redes e a revisión e dotación de novas infraestruturas urbanísticas na praza da Oliva e nas rúas centrais do recinto amurallado de Salvaterra de Miño.

Para levar a cabo este proxecto, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aporta un financiamento de máis de 360.000 euros –o 60 % do orzamento estimado- mentres que Turismo de Galicia achegará o 40 % restante -250.000 euros-.

Ángeles Vázquez salientou que esta iniciativa se enmarca nas actuacións que está a realizar o Goberno galego de cara a habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas co obxectivo de que incidan de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Así, a Xunta destinará 8,6 millóns de euros o vindeiro ano a seguir apoiando ás entidades locais galegas na execución deste tipo de obras, un 23 % máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.

O alumeado de Nadal de Chapela marcado pola solidariedade

0

O día 11 de decembro inaugurouse a iluminación do nadal en Chapela, asistiron de centos de persoas ao encontro, superando os datos do ano pasado. O acendido das luces chegou acompañado de Pablo Méndez e Latexo Percusión na Alameda de Castelao. Alí a alcaldesa, Digna Rivas, estaba agardando para premer o botón que  acendería a iluminación da parroquia, acompañada da Coca Simona.

A rexedora local quere destacar e lembrar que “é de gran importancia que as festas cheguen da mesma forma a todo o municipio e sobre todo darlle a importancia que se merece a Chapela”.

A alcaldesa  agradeceu e destacou  a importancia do acto de solidariedade organizado polo concello e as asociacións adicadas a causas sociais en Redondela.  Neste caso, foi a asociación Andaina a encargada de repartir a chocolatada solidaria, que axudou a recadar fondos para a súa causa social.

A Chocolatada solidaria  en Redondela estivo repartida nas zonas máis concorridas, onde se podía recoller o chocolate quente e o petisco doce que consistiu en rosca, típico das datas festivas. A xente participou de forma animada ata esgotar as 1000 racións que puxo a disposición das asociacións o concello. Un dos postos estaba localizado nos soportais da Casa do Concello, outro na Alameda de Castelao e o último na Praza da Constitución. O día 11 de decembro corresponde ao evento de acendido da iluminación de nadal en Chapela, colocase un posto na Alameda de Rosalía de Castro.

“Andaina, Da Man e Cáritas fan unha labor altruísta para mellorar a calidade de vida dos e das redondelás. O concello quere dar visibilidade ó seu traballo á vez que recadar fondos para as distintas causas que representan”, explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

Ponteareas transfórmase coa recuperación do espazo público

O Goberno municipal de Ponteareas fixo balance das políticas de recuperación do espazo público para as persoas e de nova mobilidade que se están levando a cabo nun acto que congregou a numerosos veciños na sala multiúsos do Auditorio Municipal.

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, asegurou que Ponteareas experimentou nestes anos unha transformación do seu espazo público sen precedentes que contribuíu a mellorar a calidade de vida das persoas, a loitar contra a emerxencia climática, a potenciar a economía e o emprego local, a avanzar na igualdade e a inclusión social e a acadar un enorme dinamismo cultural, deportivo ou de lecer.

A alcaldesa referiuse ás grandes obras de reforma urbana, como a Praza de Bugallal, a Praza Dr. Fernández Vega, a rúa Redondela, San Roque, a contorna do complexo deportivo e centro de saúde ou a rúa Trobador Xoán García, “que fan de Ponteareas hoxe un concello máis atractivo, saudábel e confortábel, cheo de vida e dinamismo cultural, deportivo ou de lecer”. Ademais lembrou que o cambio climático é a maior emerxencia e reto ao que se enfronta á humanidade e que os vehículos a motor son responsábeis dunha gran parte das emisións de CO2 que producen o quecemento global. “O Concello de Ponteareas aborda este reto de forma exemplar con medidas como arborizar a vila coa plantación de centos de árbores en todas as obras de humanización e reducir no centro urbano de xeito espectacular o tránsito innecesario de milleiros de vehículos que danaban a nosa saúde cunha contaminación invisíbel e ruído permanente”. A rexedora lembrou que estas medidas incentivan unha vida máis saudábel: “agora a maior parte da xente deixa o coche nun aparcamento e camiña por un pobo ideal para andar a pé, onde todo está a menos de 10 minutos”. Fernández Davila ligou estas medidas a outras como a rede de calor con biomasa, o cambio de alumeado con tecnoloxía led e o illamento térmico de numerosos edificios municipais, “que axudan a combater o cambio climático”.

A alcaldesa tamén salientou o impacto económico da recuperación do espazo público, con grandes obras que supuxeron un investimento de millóns de euros que moveron a economía e o emprego local, especialmente de empresas de subministración e servizos que foron subcontratadas polas adxudicatarias. Cristina Fernández Davila afirmou que “estamos convencidos de que o comercio funciona mellor cando por diante das súas portas e escaparates pasan persoas en lugar de coches, por iso as rúas atractivas e amábeis son sempre as máis comerciais”. A rexedora vencellou a recuperación do espazo público á recente aprobación do PXOM adiantando que existen xa propostas para crear en breve novos espazos públicos de calidade ligados a proxectos de equipamentos comerciais do sector da alimentación.

Por último, Cristina Fernández Davila incidiu en que “a recuperación do espazo público asegura a igualdade de oportunidades para as persoas, especialmente as máis vulnerábeis. O traballo feito nestes anos está asegurando o dereito das persoas maiores, da infancia ou adolescencia e das persoas con discapacidades ou mobilidade reducida a desfrutar do espazo que é de todos e todas, a socializarse e gañar en autonomía”.

A alcaldesa explicou que “esta transformación completa da realidade de Ponteareas só pode explicarse dende a estabilidade política do goberno municipal e dende a capacidade de diálogo e negociación que permitiu conseguir recursos económicos de millóns de euros inimaxinábeis hai poucos anos. A imaxe de Ponteareas no resto do país mudou por completo para ben e agora máis que nunca estamos orgullosos e orgullosas de sermos de Ponteareas”, concluíu Fernández Davila.

Pola súa banda, o primeiro tenente de alcaldesa e responsable da área de mobilidade, Roberto Mera , explicou de xeito detallado e con imaxes todos os cambios realizados en Ponteareas nestes anos, os seus motivos e os resultados acadados.