Sábado, 22 Marzo de 2025

A Cañiza poderá instalar miradoiros no Alto do Montouto grazas á Comunidade de Montes Veciñais da Lamosa

A Comunidade de Montes Veciñais da Lamosa cede gratuitamente ao Concello da Cañiza, por tempo indefinido, dúas hectáreas de terreno no alto do Montouto para a instalación de miradoiros interpretativos e un observatorio nocturno.

O alcalde da vila, Luis Piña, agradece, en nome de todos os cañicenses, a colaboración dos comuneiros e da directiva da Comunidade de Montes Veciñais da Lamosa (Covelo) por esta cesión, xa que, de non contar cos terreos, non podería desenvolverse este proxecto turístico que se converterá nun importante reclamo e atractivo para os visitantes, pola súa singularidade e beleza natural.

Esta actuación sumará un novo recurso paisaxístico de altísima calidade á oferta turística do noso Concello. Unha proposta novedosa que atraerá turistas e redundará moi positivamente no crecemento da nosa economía local.

Dende o Concello estase a traballar para sumar iniciativas de alta calidade que axuden a mellorar as propostas turísticas cara ao exterior e mesmo para o disfrute da veciñanza.

A instalación destes miradoiros interpretativos e observatorio nocturno é unha destas apostas. Pero, para poder desenvolver esta actuación, cuxo investimento está financiado polo Plan Concellos 2022-2023 da Deputación Provincial, é obrigatorio que o Concello sexa o titular dos terreos. Así o dispón as Bases Reguladoras do Plan, publicadas no BOP número 230 de 27 de novembro de 2021, que no seu punto 8.1.6, referente á titularidade, recolle que o Concello deberá ser, en todo caso, titular dos bens, instalacións ou terreos nos que se van executar os investimentos.

O rexedor iniciou os trámites de solicitude de cesión destes terreos ante a Asamblea da CMVMC da Lamosa, titular dos mesmos, o pasado verán, acordándose a cesión de 20.000 m2 de terreo (uso de parte da parcela 36013A01530116 situada no monte denominado “Alto do Montouto”),  na Asamblea celebrada pola Comunidade o 24 de xuño de 2022.

Ademais, neste acordo a Comunidade autoriza as servidumes de paso necesarias e xustificadas.

O prazo de cesión será por tempo indefinido en favor do Concello de A Cañiza, e en tanto se manteña o fin para o que se fai a cesión e a Comunidade non cobrará ningún tipo de arrendamento ou canon. En contraprestación o Concello permitirá gratuitamente á Comunidade o uso das instalacións emprazadas na parcela.

O Concello asumirá as responsabilidades e danos nas infraestruturas así como a responsabilidade civil, comprometéndose a subscribir e manter actualizados anualmente os seguros.

Grazas a esta cesión o Concello poderá desenvolver este importante proxecto polo que o Alcalde Luis Piña quixo agradecer “a colaboración e axuda desinteresada prestada pola CMVMVC da Lamosa, que dende o primeiro momento acolleu a proposta municipal como unha actuación comunitaria que beneficiará, non soamente á Cañiza, senón tamén ao concello de Covelo é a súa contorna”.