Martes, 6 Maio de 2025

A Guarda promove dúas «Barferencias» ata fin de ano

As charlas sobre María Vinyals e Juan Bautista Alonso Español centrarán as novas 'barferencias', unha extraordinaria iniciativa de dinamización cultural

As charlas sobre «María Vinyals, unha galega de armas tomar» e «Juan Bautista Alonso Español (1801-1879). Relembrando a este deputado á corte da Guarda no 140 aniversario do seu pasamento» serán as protagonistas do ciclo «Finais 2019» das Barferencias da Guarda, unha iniciativa que cada vez conta con máis adeptos e que amosouse como importante ferramenta de dinamización cultural e social.

O vindeiro xoves, día 28 de novembro, terá lugar a primeira Barferencia deste ciclo «Finais 2019», será as 20:30 h no bar Bugus Zentral da Guarda. Esta primeira cita versará sobre «María Vinyals, unha galega de armas tomar» e correrá a cargo de Silvia Cernadas.

María Vinyals (1875-1940?) foi unha das grandes e polifacéticas mulleres que naceron na Galicia do século XIX. Coñecida como a ‘Marquesa roja‘ polas súas ideas sociais e políticas, destacou como escritora e feminista pero acabou morrendo na miseria e no esquecemento. Nesta Barferencia falarase desta muller tan vencellada ao castelo de Soutomaior e cuxa vida ben podería ser levada ao mundo do cine ou a televisión.

A relatora será Silvia Cernadas Martínez, nada en Soutomaior no ano 1988, investigadora e Guía oficial de Turismo e Licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela.

Unha das Barferencias celebradas durante este ano na Guarda

Entre as súas principais liñas de investigación destacan a historia da nobreza e os castelos, especialmente o de Soutomaior, sobre o que versa o seu proxecto de tese de doutoramento; a historia da fronteira con Portugal na Idade Media, que comezou a estudar no seu Traballo de Fin de Máster, e a historia das mulleres na Galicia contemporánea, centrándose na figura de María Vinyals. Ten publicado artigos e participado en varios congresos en relación a todos estes temas.

A segunda Barferencia deste ciclo terá lugar o vindeiro xoves día 26 de decembro ás 20:30 h na Cervexería La Bodega e versará sobre «Juan Bautista Alonso Español (1801-1879). Relembrando a este deputado á corte da Guarda no 140 aniversario do seu pasamento», a cargo do historiador local Joaquín Miguel Villa.

Dende o Concello da Guarda anímase unha vez máis a participar nestas barferencias que ano a ano espertan o interese dos guardeses e foráneos nun clima distendido e de intercambio de coñecementos de gran interese xeral e que conta cunha ampla participación.