11.6 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasA Xunta destaca en Ponteareas o potencial da industria forestal para xerar...

    A Xunta destaca en Ponteareas o potencial da industria forestal para xerar riqueza

    O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou a empresa Maderas Hermanos Castro no marco da Semana Forestal Europea

    O conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, sinalou hoxe nunha visita á empresa ponteareá ‘Maderas Hermanos Castro’, o potencial da industria forestal “para xerar riqueza e oportunidades laborais en Galicia”.

    A visita na que Francisco Conde estivo acompañado polo alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e na que tamén participaron representantes da Federación empresarial de aserradoiros e rematantes de madeira de Galicia (Fearmaga), e alumnos e profesores da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra da Universidade de Vigo, celebrouse no marco da Semana Forestal Europea, unha conmemoración que busca aumentar a visibilidade deste tecido empresarial.

    Tal e como resaltou o conselleiro, en Galicia búscase poñer o foco no papel da industria forestal “como dinamizadora económica e do entorno rural”. A Comunidade é a novena potencia forestal europea, empregando o sector a preto de 80.000 familias, e representando o 2 % no PIB galego.

    Para garantir o crecemento neste eido, a Xunta, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), ten en marcha a Axenda da Industria Forestal. Trátase dunha folla de ruta deseñada conxuntamente entre a Administración e os actores protagonistas (empresas e centros de coñecemento) para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, priorizando a dinamización económica e do entorno rural, e buscando xerar empregos que permitan tamén a fixación de poboación.

    A execución desta Axenda mobilizará 125 millóns de euros ata 2021, prestixiando esta industria para posibilitar novos mercados e o acabamento de novos produtos, incorporando as tecnoloxías específicas máis avanzadas, e mellorando a formación dos traballadores do sector para garantir a súa profesionalización. Trátase así de conseguir que a madeira e os produtos forestais actúen como o elemento central de impulso á bioeconomía.

    Maderas Hermanos Castro, é unha empresa familiar con máis de 35 anos de traxectoria que conta con 15 empregos e factura dous millóns de euros ao ano. O conselleiro resaltou a aposta da compañía polos investimentos e unha constante mellora nos procesos, achegando valor engadido aos seus produtos, o que lle permitiu pasar de ser un aserradoiro a converterse nunha industria da segunda transformación e distribución da madeira e os seus derivados.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.