Domingo, 4 Maio de 2025

Actuación de Sondeseu en Salvaterra de Miño

A música folk contemporánea da Orquestra Folk SonDeSeu soará entre os muros da fortaleza de Salvaterra de Miño este sábado 26 de agosto a partir das 23:00 horas. O concerto, que forma parte do programa “Musigal” da Deputación de Pontevedra, celébrase durante a Festa do Viño do Condado do Tea, que este ano chega á súa LXIV edición. A través do “Musigal”, a institución provincial impulsa un calendario de actuacións musicais por todo o territorio provincial co fin de promover a música galega e en galego e fomentar o uso da nosa lingua entre a poboación.

Os concertos de SonDeSeu son unha celebración da recuperación do patrimonio oral e a súa integración na modernidade urbana, e neles o público toma unha parte moi activa. O seu espectáculo está composto por un repertorio de composicións realizadas por Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Rodrigo Romaní ou Xosé Liz, e obras creadas por outros autores como Xosé Lois Romero, Pedro Lamas ou Quico Comesaña.

Integrada por gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada, a agrupación musical comezou a súa andaina en 2001 no seo do antigo Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo (a actual ETRAD). Con cinco publicacións discográficas ás súas costas, SonDeSeu apostan polo valor da música de raíz e está situada como un referente da música galega no panorama internacional.