Venres, 9 Maio de 2025

A Guarda recibirá unha subvención de máis de 318.000 €, froito da xestión do anterior goberno socialista, para modernizar o mercado municipal

O equipo de goberno socialista que encabezaba Antonio Lomba levaba anos apostando polo comercio local e introducindo melloras de habitabilidade, accesibilidade, etc na praza de abastos. Un mercado que o Partido Popular e o seu socio de Goberno, Celso Fariñas, deixaran en estado de abandono durante o seu último mandato.

A última acción neste sentido que levou a cabo o equipo de goberno socialista foi a solicitude dunha subvención de Fondos Europeos ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo por un importe de 318.458,40 €, da que se recibiu resolución positiva estes días.

Fai un par de meses o equipo de goberno reservara fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para afrontar a reforma estética do mercado que estaba planificada para despois do verán, pero grazas a esta subvención poderán destinarse eses fondos de Deputación a outras obras na Guarda, e financiar a reforma do mercado e outra serie de medidas que se inclúen neste proxecto e entre as que se atopan:

  • Instalación de taquillas refrixeradas intelixentes para que a clientela poda mercar e recoller pedidos fóra do horario de apertura do mercado.
  • Posta en marcha da “Cociña do mercado”, un espazo no primeiro andar no que se realicen obradoiros, charlas, showcooking e outros eventos nos que poñer en valor os produtos do mercado.
  • Publicidade e comunicación sobre o mercado en diferentes medios ou soportes dixitais.
  • Entrega de envases reutilizables á clientela para reducir o uso de plástico.
  • Creación dunha “Escola de comercio” para q tanto os/as placeiros/as coma outros comerciantes podan recibir formación útil para os seus negocios.
  • Ferramentas dixitais para coñecer hábitos de consumo e captar máis clientela.

O grupo municipal socialista móstrase profundamente orgulloso deste logro e espera que o actual equipo de goberno consiga poñer en marcha todas as accións deste proxecto de dinamización, e a praza de abastos poda ser aquilo que o goberno socialista soñaba.