Domingo, 4 Maio de 2025

A Guarda pide a colaboración cidadá para reducir o impacto da avespa velutina

Dende a Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda, pídese a colaboración cidadá nestas datas para detectar e notificar a presenza de niños de avespa velunita no noso municipio.

É de vital importancia esta colaboración nestas datas, xa que dende o mes de febreiro e ata o mes de maio as raiñas fundadoras da vespa velutina saen a formar o niño primario, momento no cal se debe de facer o trampeo por parte da cidadanía, xa que axuda ao control desta especie invasora nesta época.

Por cada raiña velutina collida nestas datas, poderíamos atoparnos cunha redución dun niño menos nos vindeiros meses. A construción dos niños adoita ser en lugares resgardados coma troncos ocos, teitos de uralita, estruturas abandonadas, etc.

A vespa velutina xera un gran impacto na biodiversidade da nosa contorna, debido a súa gran voracidade podería extinguir especies autóctonas, cun grave prexuído para o ecosistema natural.

Pregase a todos os veciños que cando vexan un niño chamen o 012.