Domingo, 6 Xullo de 2025

Piueiro rescata a Feliciano Rolán ao impulsar a versión en galego do seu poemario «De mar a mar»

Presentación o sábado día 1 de abril ás 12:00 h nos Xardíns de Feliciano Rolán (Centro de Saúde).

Cando van a cumprirse seis anos dende a súa fundación na Guarda, a Asociación Cultural Piueiro organiza xunto co Concello da Guarda o vindeiro sábado día 1 de abril  a presentación da publicación en galego do poemario De mar a mar, libro do escritor Feliciano Rolán (Vigo, 1907-A Guarda 1935) editado orixinariamente en Madrid no ano 1934.

No acto deste sábado, que terá lugar ás 12:00 h nos xardíns Feliciano Rolán da Guarda (Centro de Saúde), contarase coa presenza do alcalde da Guarda, Antonio Lomba; da concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes; do poeta e profesor Anxo Angueira; Gregorio Ferreiro Fente; o secretario de Piueiro, Celso R. Fariñas; o presidente de Piueiro, Joaquín Cadilla, e outros convidados.

Anxo Angueira foi o encargado de facer a tradución ao galego duns poemas que, no seu día, mereceron o eloxio de autores como Juan Ramón Jiménez, Federico García Lorca, Álvaro Cunqueiro ou Luis Seoane. A editorial Alvarellos, pola súa parte, deu un espazo preferente na súa colección “Rescate”, onde Rolán coincide con Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Vicente Risco ou Álvaro Cunqueiro.

O poemario “De mar a mar. Poemas 1932-1933”, que quedou relativamente relegado trala prematura morte do seu autor aos 27 anos, foi unha referencia para os membros da asociación guardesa, que sempre traballaron para difundir a obra, breve pero intensa, de Feliciano Rolán. E, concretamente, este libro de temática marítima, que casa tan ben co lugar onde viviu e, tristemente, faleceu o poeta.  

A edición está especialmente coidada, xa  que aos poemas nos dous  idiomas une máis material de interese para o futuro lector.  Así, Gregorio Ferreiro Fente aporta un ensaio que clarifica a obra de Rolán, aportándose imaxes, manuscritos e debuxos inéditos. Ademais, Celso Fariñas desgrana a biografía literaria do autor, que remata de entenderse na súa totalidade cos testemuños de Ricardo Carballo Calero e Carlos Martínez-Barbeito, quen coñeceron a poeta que é arestora homenaxeado.


*En caso de choiva o acto terá lugar na Casa dos Alonso.