Martes, 13 Maio de 2025

Comeza a rehabilitación da antiga casa do mestre de San Xurxo en Salceda

Comezan as obras de rehabilitación da antiga casa do mestre de Vendanova na parroquia de San Xurxo. Traballos que se levan a cabo co Obradoiro de Emprego “Rehabilita Salceda” e que permitirán ampliar o espazo educativo nunha das escolas unitarias que acollen máis alumnado.

A actuación consiste en reformar e habilitar para uso educativo a parte da edificación que antigamente se destinaba a vivenda do mestre e que actualmente se atopa en ruínas. Con esta reforma daráselle ubicación a un aula polivalente de gran tamaño, unha pequena oficina, un aseo e un hall de entrada.

Como parte importante da reforma procédese a proxectar unha rampla de acceso lateral, a construción dun aseo adaptado e a conversión do aseo actual en adaptado, o que permitirá que sexa unha edificación completamente accesible. Tamén se incide nos illamentos térmicos e acústicos , ademais nos revestimentos, facendo fincapé na eficiencia enerxética.

Esta actuación é unha das tres intervencións que se realizarán co obradoiro de emprego, á cal hai que sumarlle o cambio de cuberta da aula de Picoña e o acondicionamento dunha pequena planta de almacenamento de refugallos que permitirá ao permitirá ao concello clasificar refugallos e reciclar dunha maneira máis eficaz e selectiva. Esta última actuación xa se está a levar a cabo de xeito simultáneo coa rehabilitación da casa do mestre.

Verónica Tourón alcaldesa e concelleira de Emprego e Formación, remarcou “dende a Concellería de Emprego sempre apostamos polos obradoiros e a súa metodoloxía pedagóxica de “aprender traballando” porque contribúe á formación integral do seu alumnado traballador e revirte dunha forma moi positiva a nivel social no noso concello coa rehabilitación das instalacións municipais que prestan servizo á veciñanza”.

Estas actuación segue na liña de rehabilitación e reforma de espazos municipais para por a dispor da veciñanza, mellorando e aumentando servizos públicos fundamentais.

O obradoiro de emprego posibilita aprender un novo oficio de forma remunerada, pero ademais aporta outras moitas experiencias sociais e é unha oportunidade para atopar novas saídas laborais. Ademais de facer unha labor importantísima e moi útil. Un obradoiro que ademais relaciona catro áreas fundamentais no benestar da veciñanza: educación, medio ambiente, emprego e formación.