Martes, 13 Maio de 2025

Comeza na Guarda o proxecto “O río que nos une”

O proxecto “O río que nos une” é unha iniciativa de cooperación no ámbito da mocidade financiada polo programa Erasmus+ da Unión Europea cun financiamento de 17.164 €.

Este proxecto reúne a 3 socios: a Câmara Municipal de Caminha, o Concello da Guarda e a asociación FOCO. Neste proxecto as dúas institucións municipais colaborarán na implementación das actividades locais que se propoñerán despois dos encontros que guiará a asociación entre persoas mozas de ambos municipios.

Co proxecto “O río que nos une” abordarase o tema da participación xuvenil nas políticas de mocidade municipais para aumentar a cooperación e cohesión de ambos municipios no deseño e implementación de iniciativas e actividades xuvenís. Para cumprilo, serán incluídos e habilitados procedementos e mecanismos para garantir a participación da mocidade no deseño destas actividades.

O proxecto divídese en dúas partes: unha primeira fase de encontros entre mozos da Guarda e Caminha na que se establecerán as actividades que se propoñerán aos dous municipios a través dun proceso participativo; unha segunda fase na se que levarán a cabo as actividades.
Será unha oportunidade para reflexionar sobre como cooperar entre os dous países, facilitar a comunicación entre os mozos e os representantes políticos.

O proxecto ten como obxectivo establecer en cada municipio un mecanismo para que as persoas novas pedan propoñer ao seu concello e deseñar actividades que estean adaptadas ás súas habilidades e realidade,  prestando especial atención à xuventude de menos de 20 anos (quen máis afastada e allea ve ás institucións) e crear unha axenda de actividades xuvenís transfronteiriza conxunta. Con este proxecto, queremos potenciar un marco común europeo para a realización de actividades e participación xuvenil e fortalecer a nosa rede de organizacións xuvenís a nivel internacional.