Domingo, 4 Maio de 2025

Aberto o prazo para última ruta de “Voando nas Rías Baixas”

A Deputación de Pontevedra abre hoxe o prazo de inscrición para a derradeira das rutas ornitolóxicas programadas dentro da quinta edición da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife. O obxectivo é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos. Esta nova ruta, que se desenvolverá o 18 de decembro, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística da desembocadura do Río Lérez e o intermareal de Combarro-Lourido, nos concellos de Pontevedra e Poio. Ofértanse 25 prazas para esta camiñada guiada de carácter gratuíto e as persoas interesadas poden anotarse desde hoxe na páxina web da Deputación (www.depo.gal).

Ao fondo da ría de Pontevedra o Lérez verte as súas augas sobre o mar e achega sedimentos ao interesante intermareal de Combarro-Lourido no que as áreas de lodo e area atraen unha gran diversidade de aves, tanto limícolas, mariñas, ardeidos ou anátidos. Neste espazo destacan as limícolas coma o pirlo común, a píldora cincenta, a píllara real, o mazarico chiador, a virapedras, o bilurico patirrubio, a gabita ou o bilurico das rochas. Non faltan as aves mariñas coma o parrula mourelo, o carolo, o carrán cristado ou o corvo mariño grande, e tamén son importantes os ardeidos coma a garza real ou a garzota, e incluso é posible atopar algún cullereiro.

A andaina estará conducida por dúas experimentadas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra. Cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha Guía de aves, e poderán elaborar a súa lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo. Tamén se recomenda levar roupa cómoda e apropiada para moverse polo campo, así como protector solar.