Sábado, 3 Maio de 2025

A transformación chega ao comercio local de Salceda a través do programa Da Túa Man

O comercio local de Salceda de Caselas é beneficiado polas actuacións do programa Da Túa Man. Programa posto en marcha con fondos europeos a través da sinatura dun convenio entre o Concello e a Deputación de Pontevedra.

Dito programa, solicitado pola Concellería de Comercio, que dirixe a propia alcaldesa Verónica Tourón, conta cun orzamento de  93.139,87 €, dos cales o concello de Salceda aporta 11.546,27 €.

As actuacións recollidas teñen como obxectivo fundamental  dinamizar o comercio local, na liña de potenciar as iniciativas que se veñen levando a cabo pola asociación de comerciantes ACISA e o Concello. Introducindo cambios que provoquen a modernización, sustentabilidade e transformación dixital dos negocios comerciais locais, colocando a veciñanza como a verdadeira protagonista dese impulso comercial que se pretende acadar a través do programa.

Verónica Tourón alcaldesa e concelleira de Comercio: “resulta fundamental colaborar co comercio de proximidade para facilitarlle a adaptación aos novos retos da transformación, facendo da nosa vila un espazo comercial  de referencia na nosa comarca”.

O comercio local poderá transformarse dixitalmente coas actuacións de creación dun portal web único, campañas de comunicación, puntos de información e sensibilización sobre o tratamento de residuos, packing sostible e aplicacións que faciliten a oferta comercial

No tocante ao aspecto sostible, relacionado co fomento da economía circular no comercio local,  algunhas das actuacións iran encamilñadas a establecer sistemas de recollida  de pedidos de forma colaborativa, deseños de packaging reutilizable ou o subministro e instalación de illas ecolóxicas modulares para o depósito e tratamento de residuos.

As persoas propietarias e traballadoras dos comercios de Salceda tamén poderán adquirir formación que lles axude a coñecer e superar os retos da transformación dixital e como poden sacarlle o maior partido para o crecemento dos seus negocios.