Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela denuncia o abandono das estradas por parte da Xunta

O Concello de Redondela denuncia o abandono e deterioro da Avenida Mendiño, a estrada de Reboreda e a Avenida de Vigo. Todas elas competencia da Xunta de Galicia

O Concello de Redondela denuncia o que cualificou de “lamentable abandono” e deterioro daquelas estradas competencia da Xunta de Galicia. A alcaldesa Digna Rivas considera o feito “un insulto á cidadanía de Redondela” ao constatar que nos Orzamentos da Xunta de Galicia para o 2022, “non se contempla nin un euro para a reforma da Avenida Mendiño, ao igual que para a Avenida de Vigo ou a estrada PO-250”, todas responsabilidade da administración da Xunta.

Lembra o goberno redondelán que o 26 de febreiro de 2019, cunhas eleccións municipais á vista, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, visitaba Redondela para anunciar a reforma da Avenida Mendiño “a través do que máis lle gustaba ao goberno popular: as infografías”. Nesa visita, Vázquez aseguraba que as obras “licitaránse en verán, xa que o proxecto está redactado e aínda seguimos esperando a súa resolución en 2022”.

Como outros moitos grandes proxectos, di o executivo que preside Digna Rivas, “demostrase tempo despois que non eran máis que anuncios puramente electoralistas”. Eses anuncios, engade a alcaldesa de Redondela, “quedan agora en evidencia xa que para esa obra os Orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano, non recollen nin un só euro”.

As obras da primeira fase da humanización da avenida de Vigo, ao seu paso polo tramo comercial do núcleo urbano de Chapela, comezou a principios de abril de 2017. “A día de hoxe seguimos esperando pola resolución da Fase 2 e 3 da humanización da avenida de Vigo, parada dende fai máis de 4 anos”, denuncia Rivas.

O goberno socialista tamén reclama o “estudo e mellora da mobilidade e seguridade peonil da Estrada de Reboreda (PO-250), xa que esta é un perigo para o tráfico e en consecuencia para a cidadanía”. Entre as esixencias piden a ampliación e mellora da vía realizando as obras previstas na parcela expropiada para eliminación da curva situada no punto kilométrico 0,250 ou a mellora das beirarrúas e a construcción de lombos de burra.

É lamentable que un goberno da Xunta, que se da por sentado que ten que gobernar para todos e todas as galegas e, polo tanto “para todos os municipios baixo criterios de equidade”, elabore uns orzamentos “absolutamente arbitrarios favorecendo aos concellos que lle son afíns e esquecendo, por completo ao resto”.

“O goberno que presido, –recalcou Digna Rivas– non vai quedar cruzado de brazos mirando como se despreza ao cuarto municipio da provincia e como se lle falta ao respecto, de xeito continuado, á súa veciñanza” polo que, a alcaldesa redondelá, adiantou que “utilizaremos todos os medios ao noso alcance para esixir, da Xunta de Galicia, o cumprimento dos compromisos adquiridos con este municipio e coa súa cidadanía”.