Domingo, 4 Maio de 2025

A Guarda presenta unha Axenda de Verán chea de actividades para todos os gustos e idades

O Concello da Guarda vén de presentar a Axenda de Verán 2022, unha programación de actividades extensa, para todos os gustos e para todas as idades, que estenden ata o mes de setembro con concertos, exposicións, actividades de rúa, eventos deportivos, festas gastronómicas, populares e relixiosas, entre outros.

A concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes, destaca a gran aposta feita dende o consistorio municipal para realizar unha programación variada e atractiva, tanto para guardeses coma visitantes, e que sen dúbida non deixará a ninguén indiferente.

Montserrat Magallanes indicou na presentación que A Guarda presenta deste xeito un verán no que se retoma a actividade cultural, de ocio e deportiva trala pandemia, froito dun amplo traballo de programación e organización que se pode ver xa reflexado na gran cantidade de eventos recollidos nesta Axenda de Verán 2022.

O Alcalde da Guarda convida a visitantes e guardeses a participar nesta programación da Axenda de Verán 2022, cunha variedade e calidade de eventos que fará de impulso para todo o tecido empresarial da vila, atraendo a moitas persoas e incentivando tamén a actividade comercial da vila da Guarda.

Dende o Concello da Guarda se fai un agradecemento público a todas as asociacións culturais e deportivas da vila, que co seu traballo enriquecen ao noso pobo e conseguen facer sorrir, desfrutar e pasar un rato agradable a todas as persoas que se achegan a participar con elas da cultura e do deporte na nosa vila. Despois da pandemia precisamos recuperar o tempo perdido e voltar a desfrutar dos bos momentos, encher as nosas rúas de música, baile, cine e doutras expresións artísticas.

A programación de actividades arrancou na pasada fin de semana con A Guarda Diversa, A Guarda Mar de Blues e a XXX edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, unha fin de semana intensa e chea de propostas na que non faltou a música, o ocio e a boa gastronomía.

Seguindo coa programación da Axenda de Verán este xoves día 7 de xullo ás 22:30h a Praza do Reló acolle a proxección de cinema “El Principito”

Unha das citas musicais máis importantes do verán terá lugar o vindeiro sábado día 9 de xullo ás 22:30h na explanada do Porto da Guarda, co concerto de Heredeiros da Crus celebrando o seu 30 aniversario. Apertura de portas ás 21:30h, inicio dos concertos ás 22:30h, entrada de balde ata completar o aforo. Nesta xira do 30 aniversario de Heredeiros da Crus teremos a oportunidade de “josar” dos seus auténticos sons na Guarda en estado puro, nunha noite que, de seguro, quedará para o recordo.

A Axenda de Verán continúa nos meses de xullo, agosto e setembro con actividades coma os festivais de Baile Moderno de Xamaraina, a programación de actividades infantís de “Miúdo Verán”(todos os xoves), as Festas do Carme, Feira de Outlet do comercio local, o Encontro dos Pobos, eventos deportivos, a Festa do Peixe Espada, a Mostra Creativa, presentación de libros e exposicións, as Festas de San Cayetano, o Encontro do libro Luso-Galaico, a Festa do Percebe, concerto da Agrupación Musical da Guarda, as Festas da Virxe da Guía, as Festas das Mercedes ou a Mostra Asociativa

Especial mención nesta programación para as Festas do Monte, que terán lugar do 8 ao 15 de agosto, a semana grande de festas na Guarda, unha semana na que as noites de verbenas se compaxinan con diferentes actividades deportivas e culturais. Na xornada do sábado día 13 de agosto ás 11:30h ten lugar o Desfile Folclórico e De Bandas Mariñeiras, un desfile multitudinario previo ao día grande o Domingo do Monte, no que dende a mañá as Bandas Mariñeiras soben ata o cumio do Monte Santa Trega para realizar os seus xuramentos ao son dos bombos, tambores e gaitas. As festas rematarán na noite do Luns día 15 de agosto coa Gran tirada de fogos de artificio no Porto da Guarda.

EXPOSICIÓNS

A Guarda terá tamén unha importante exposición pictórica este verán que estará na Casa dos Alonso entre o 26 de xullo e o 13 de agosto, e na que se poderán observar e apreciar os traballos e pinturas da artista guardesa Chuny Alonso.

VISITAS GUIADAS AO CASTRO DE SANTA TREGA

Ao longo do verán e de martes a domingo ofértanse visitas guiadas ao Castro de Santa Trega, unha oportunidade para coñecer o noso patrimonio con visitas que terán lugar ás 12:00h, 13:00h, 18:00h e 19:00h horas.

Inscrición e información no enderezo electrónico [email protected] ou no teléfono 690 017 038.

PROGRAMA COMPLETO

30 DE XUÑO – 1 DE XULLO

  • A GUARDA DIVERSA, na Praza do Reló

1, 2 DE XULLO

  • FESTIVAL MAR DE BLUES, na Praza do Reló

1, 2, 3 DE XULLO

  • FESTA DA LANGOSTA, no porto da Guarda

7 DE XULLO

  • CINE NA RÚA “EL PRINCIPITO”, na Praza do Reló ás 22:30 horas.

9 DE XULLO

  • CONCERTO HEREDEIROS DA CRUS (Musigal 2022), no Porto da Guarda ás 22:30 horas.

10 DE XULLO

  • FESTIVAL DE BAILE MODERNO “O GRAN SHOW”, no Auditorio de San Benito ás 20:30 horas. Organiza: A.C. Xamaraina

14 DE XULLO

  • ESPECTÁCULO DE DANZA E HUMOR “SOFÁ”, no Auditorio de San Benito ás 20:30 horas.

15, 16 DE XULLO

  • FESTAS DO CARME, no porto da Guarda. Organiza: Comisión de Festas do Carme

21 DE XULLO

  • CINE NA RÚA “BELLA Y EL CIRCO MÁGICO”, na Praza do Reló ás 22:30 horas

23 DE XULLO

  • FERIA OUTLET, na praza de Avelino Vicente. Organiza: ACIGU
  • ENCONTRO DOS POBOS, no Auditorio de San Benito ás 20:30 horas. Organiza: A C. Do Lusco ó Fusco
  • II CARREIRA DE ORIENTACIÓN, inscricións www.xestanatureza.com

28 DE XULLO

  • CONCERTO INFANTIL ROCKEANDO CON RAMONA ÓRBITA, A DONA DO TEMPO, na Praza do Reló ás 20:30h

29, 30, 31  DE XULLO

  • FESTA DO PEIXE ESPADA, nos restaurantes da vila. Organiza: ORPAGU

30 DE XULLO

  • MOSTRA CREATIVA DO BAIXO MIÑO, na praza de Avelino Vicente

4 DE AGOSTO

  • ESPECTÁCULO DE CIRCO “CARMAN”, no Auditorio de San Benito ás 20:30 horas
  • PRESENTACIÓN DO LIBRO “SOBRE LA CRIANZA”, de Jesús Rodríguez Salazar, no Centro Cultural ás 19:30 horas

4, 5, 6, 7 DE AGOSTO

FESTAS DE SAN CAYETANO, no Barrio da Cruzada. Organiza: Comisión de Festas de San Cayetano

8 ao 15 DE AGOSTO

  • FESTAS DO MONTE, na alameda e rúas da vila. Organiza: A.V C.D. Alameda

11 DE AGOSTO

  • GALICIA ILUSIONA, ILUSIONISMO, no Auditorio de San Benito ás 20:30 horas.

19, 20 DE AGOSTO

  • III ENCONTRO DO LIBRO LUSO GALAICO, na Praza do Reló

20 DE AGOSTO

  • FERIA OUTLET, na Praza de Avelino Vicente. Organiza: ACIGU
  • II TORNEO DE PETANCA CONCELLO DA GUARDA, no Campo do Codesal

24 DE AGOSTO

  • CONCERTO MÚSICA NO AR, no atrio da Igrexa Parroquial ás 20:30 horas. Organiza: Deputación de Pontevedra

23,27 E 28 DE AGOSTO

  • FESTA DO PERCEBE, na alameda da Guarda. Organiza: A.C. Alameda

26 DE AGOSTO

  • TEATRO CRÓNICAS DO PARAÍSO, na Praza do Reló ás 21:30 horas

27 DE AGOSTO

  • CONCERTO DE VERÁN DA BANDA DE MÚSICA DA GUARDA, no Auditorio de San Benito ás 20:30 horas. Organiza: Agrupación Musical da Guarda

28 DE AGOSTO

  • FESTIVAL DE BAILE MODERNO “REMEMBER”, no Auditorio de San Benito ás 20:00 horas. Organiza: A.C. Xamaraina
  • CARREIRA PEDESTRE VIRXE DA GUÍA, na Praza da Guía ás 19:00 horas. Organiza: Comisión de Festas Virxe da Guía

2, 3, 4 DE SETEMBRO

  • FESTAS VIRXE DA GUÍA, na Praza da Guía. Organiza: Comisión de Festas Virxe Guía

3 DE SETEMBRO

  • PERFORMANCE FOCO, PROXECTOS ANTIBULOS, na praza de Avelino Vicente às 12:00 horas. Organiza: A. FOCO

DO 3 AO 25 DE SETEMBRO

  • FESTAS DAS MERCEDES A GÁNDARA, no barrio da Gándara. Organiza: A.V V. O Percamino

10 DE SETEMBRO

  • MOSTRA ASOCIATIVA, na Praza de Avelino Vicente a partir das 15:30 horas