Sábado, 3 Maio de 2025

Salceda non renuncia nin á Galiña Azul nin ao Centro de Día

A alcaldesa de Salceda de Caselas, Verónica Tourón, saiu ao paso das acusacións formuladas polo PP local sobre a presentación dunha solicitude de subvención para a construción do Centro de Día e lembra aos populares que o proxecto de Centro de Día e o proxecto da Galiña Azul, “son dous proxectos totalmente diferentes, adaptados os dous ás necesidades dos servizos que se ofrecen en cada un deles, e con todas as especificacións técnicas solicitadas polo Consorcio Galego de Benestar, en canto a distribución Interior, salas, metros cadrados, etc, que por suposto son distintas”.

O proxecto de Centro de Día, afirma Tourón, “responde a unha necesidade apremiante en Salceda con máis de 1500 persoas maiores de 65 anos”, e aproveitouse para facer a solicitude do mesmo a través da liña de subvencións para este tipo de centros grazas ao convenio entre a Fegamp e o Consorcio Galego de Benestar (con fondos europeos). Cuestión de oportunidade e necesidade para un fin concreto para o que se abriu unha liña de subvencións específicas aos concellos.

Lembra a rexedora local que “tanto o centro de día como a Galiña Azul son necesidades básicas para a veciñanza de Salceda ás que hai que darlle resposta sen renunciar a ningunha delas e por suposto a solicitude dun Centro de Día non supón a renuncia á segunda Galiña Azul”

Na modificación puntual levada a cabo nos terreos do PERI do novo Centro de Saúde “existen dúas parcelas colindantes, unha co procedemento urbanístico completo e outra na que queda só a xestión da reparcelación”, apunta Verónica Tourón quen asegura que, como alcaldesa, debo responder ás necesidades de todas e todos, e non renunciarei a ningunha oportunidade para desenvolver en Salceda dous servizos tan básicos para a nosa cidadanía como conseguir unha segunda Galiña Azul e poder construír un Centro de Día”.

Doutra banda, a concelleira de Servizos Sociais recomenda ao PP que “en lugar de verter acusacións sen fundamento sobre os proxectos desenvolvidos polo Concello”, faría ben su sumarse ás reclamacións e peticións que o noso goberno local realiza á Xunta de Galicia en materia de atención as nosas necesidades sociais e que na maioría dos casos desatende”.