13.4 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación retoma a doazón de especies vexetais de Areeiro

    A Deputación retoma a doazón de especies vexetais de Areeiro

    Este ano as persoas e institucións interesadas poderán elixir entre 91 variedades de plantas, máis do dobre que o pasado ano, das que 45 son camelias

    A Deputación de Pontevedra ven de retomar a doazón de especies vexetais da Estación Fitopatolóxica de Areeiro para que concellos, centros educativos, entidades, institucións e particulares poidan seguir enriquecendo os xardíns abertos ao público na provincia. A institución puxo en marcha esta iniciativa o pasado ano co obxectivo de enriquecer a diversidade botánica e o patrimonio vexetal dos parques e xardíns, amais de mellorar o espazo público e preservar os valores ambientais. Amais, estas doazóns teñen tamén como finalidade servir de recurso educativo e turístico dos espazos onde se planten. Deste xeito, no 2021 foron preto de 800 as plantas cedidas, a maior parte a concellos, seguidos de asociacións, fundacións e centros escolares.

    En concreto, as especies vexetais que poderán solicitarse son excedentes das cultivadas no viveiro da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, onde anualmente se reproducen con sementes e se propagan con esgallos especies vexetais para realizar diferentes estudos e conservar a diversidade vexetal da provincia. Este ano hai 91 especies para elixir, máis do dobre ofertado o ano pasado, entre as que figuran carballos, rododendros, tuias, feixoas, castiñeiros, carballos, araucarias, palmeiras, cipreses, sobreiras ou magnolios entre outras. Entre as plantas que se ofrecen hai 45 cultivares de camelias, en concreto diversas variedades de xapónicas, sasanqua, ou híbridos williamsii. 

    As entidades, concellos e centros escolares que dispoñan de xardíns abertos ao público e estean interesadas nestas especies deben presentar unha única solicitude na que poderán pedir ata 35 exemplares de diferentes especies. Poderán facelo ata o próximo 9 de maio, e para formalizalas terán que facelo de xeito telemático a través da sede electrónica da institución provincial. No caso das persoas físicas, poderán tramitalo de xeito presencial.

    Camelia williamsii Brigadoon
    Camelia Narumigata

    A doazón só estará condicionada á presentación dunha memoria que incluirá un bosquexo (plano sinxelo) e fotos do lugar onde se localizarán os exemplares. Así mesmo, o persoal de Areeiro determinará tamén se as especies solicitadas son adecuadas para a zona de cultivo e poderá suxerirlle á persoa ou institución interesada cambialas por outras consideradas máis idóneas.

    Trala entrega das especies vexetais, que terá lugar entre os meses de outubro a decembro coincidindo co período máis favorable para a súa plantación, as persoas beneficiarias deberán identificar os exemplares cunha placa de identificación, na que deberá figurar o xénero botánico e a especie da que se trata, o nome común e o Código QR para acceder á información da planta de maneira telemática. O citado código deberá xerarse, para cada unha das especies recibidas, a través dun enlace a web da Deputación. As placas poderán levar ademais o logo do concello, organismo, colexio ou asociación e, no caso de se trate dunha camelia, a placa deberá levar tamén o logo da colección de camelias da Deputación de Pontevedra. Estas fichas técnicas que se entregarán coas plantas, que inclúen a identificación das especies e información xeral, reforzarán o carácter educativo e turístico destes xardíns e das áreas integradas nestas doazóns.

    Doazóns do 2021

    O pasado 2021 a través desta iniciativa a Deputación doou preto de 800 especies vexetais (779) entre unha trintena de concellos, asociacións e fundacións e centros escolares da provincia. En concreto, foron 15 os municipios beneficiados cun total de 466 plantas: Mos, Cerdedo-Cotobade, Meaño, A Guarda, Catoira, a entidade local de Vilasobroso, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moaña, Forcarei, Caldas de Reis, Gondomar, Vilaboa, O Grove e Vilagarcía de Arousa. No que atinxe aos centros escolares, beneficiáronse o IES e o CEIP Mestre Valverde de Mos e o IES Antonio Alonso Ríos de Tomiño de 83 plantas. E, por último, recibiron 230 plantas o Centro Social Cultural e Deportivo As Pedriñas (Mos), a Fundación Monte Castrove, a Fundación Pazo de Mos, a Comunidade de Montes de Tameiga (Mos), a Fundación CEO, Ciencia e Cultura, a Asociación Camiño Portugués, a Sociedade Galega de Historia Natural, a Comunidade de Montes de Vincios e o Obradoiro de Caldas de Reis.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.