Sábado, 3 Maio de 2025

Salvaterra de Miño substitúe o piso do Pavillón Municipal de Leirado

A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, acompañada polo primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Obras, Ernesto Groba e o concelleiro de Leirado, supervisaron as obras de substitución do piso do Pavillón Municipal de Leirado que contan cun investimento de 61.752,29 €.

As obras consisten na colocación, sobre a soleira existente do Pavillón Polideportivo, dun pavimento deportivo aeroelástico de tarima de madeira, unha superficicie, explicaba a alcaldesa Marta Valcárcel, “especialmente apta para a práctica de fútbol sala, baloncesto, balonmán e patinaxe, e específico de instalacións deportivas”.

O pavimento instalado será en madeira, conforme últimas esixencias da certificación UNE 14-904, deportivamente certificado a máximo nivel FIBA, con certificados medioambientais, “unha superficie similar á que se está utilizando nos Campionatos do Mundo sub 21 de balonmán en Vigo e Pontevedra”, concluíu Marta Valcárcel.