Sábado, 3 Maio de 2025

Os espazos públicos de Salceda contarán con wifi gratuíta

O Concello de Salceda comezou a instalación do sistema que dotará de wifi gratuíta aos espazos públicos e botará a andar esta fin de semana na que se esperan milleiros de persoas que achegaránse á vila para gozar da Festa dos Callos. Por iso, o Goberno local optou por un sistema que conta coas últimas tecnoloxías capaz de soportar un gran número de usuarios e usuarias sen que haxa descenso de rendemento.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, non dubidou en cualificar o programa como “un privilexio para Salceda” xa que permitirá que a veciñanza, subliñaba a rexedora local “poida beneficiarse dunha rede wifi aberta, gratuíta e de grande calidade, o que sen dúbida constituirá un novo aliciente á hora de escoller Salceda como lugar de residencia para novos veciños e veciñas”.

O sistema polo que optou Salceda conta coas últimas tecnoloxías wifi de 2,4 e 5 Ghz, capaz de soportar un gran número de usuarios/as sen descenso do rendemento e contará con puntos de acceso na Praza do Concello, Casa da Cultura Castelao, Praza da Devesa, CDL O Torrón e Pavillón Municipal.

Salceda foi un dos cinco primeiros municipios de Galicia en beneficiarse do programa wifi4eu, xunto con Cerdido, Oleiros, Rianxo e Toén

O acceso gratuíto estará garantido mediante banda ancha ao público en xeral, o que tamén lles permitirá o acceso á administración electrónica. Eliminase dese xeito, sinalaba Castiñeira, “a barreira que supón para unha parte da cidadanía o acceso a internet”.

A Unión Europea supervisará que se cumpran en todo momento os criterios de calidade da conexión, que non debe baixar de 30 Mbps, e debe estar garantida por un período mínimo de tres anos.

O proxecto supuxo un investimento de 28.846,60 €, dos cales 15.000 € son aportados pola Unión Europea dentro do programa wifi4eu, e o resto polo propio Concello. O programa wifi4eu estase a implantar en milleiros de municipios de toda Europa, dos cales unha vintena son municipios galegos, polo que para Salceda é un privilexio poder formar parte do programa.

Salceda foi un dos cinco primeiros municipios de Galicia en beneficiarse do programa, xunto con Cerdido, Oleiros, Rianxo e Toén, aínda que na actualidade o proxecto xa está a chegar a unha vintena de concellos galegos.