Por segundo ano consecutivo, as Concellerías de Eventos e Promoción Económica, que xestionan a alcaldesa Digna Rivas e a concelleira María Castro, respectivamente, veñen de convocar o Concurso de Escaparates de Entroido, unha iniciativa que busca “incentivar e premiar aos e as comerciantes que, co seu esforzo, apoian a promoción e mellora da imaxe do comercio cunha decoración especial dos seus escaparates”.
Trátase, explica a alcaldesa Digna Rivas, de crear “non só un ambiente agradable, acorde coas datas de entroido nas que nos atopamos, senón ofrecer un aliciente engadido ao comercio local e unha ferramenta para dinamizar as compras nestas datas”.
No concurso poderán participar todos os establecementos comerciais que teñan unha vitrina cara a rúa. É dicir, que non só estará aberto aos establecementos comerciais, comerciantes polo miúdo e almacenistas de Redondela, senón tamén a todos aqueles establecementos que teñan unha vitrina como poden ser, por exemplo, un despacho de oficinas ou un centro formativo, entre outros.
A inscrición no concurso será de balde, debendo realizarse no correo electrónico [email protected]. O prazo de inscrición rematará o vindeiro 18 de febreiro de 2022 e o comercio deberá ter preparado o seu escaparate antes do día 25 de febreiro.
Outorgaranse tres premios, quedando algún deserto se o xurado estímao oportuno: Premio á orixinalidade e innovación, Premio á composición e deseño tradicional e Premio especial do público dotados, os tres, con 30 cuñas de publicidade na Radio Municipal de Redondela a partir do mes de abril de 2022, agasallo corporativo e diploma acreditativo.
Pola súa banda, as veciñas e veciños que compren ou consuman nos establecementos participantes terán a oportunidade de votar para outorgar o premio especial do público. O poderán facer dende o 28 de febreiro ata ás 14:00 horas do 4 de marzo de 2022, nunha urna situada na Casa do Concello depositando nela o seu vale debidamente cumprimentado e selado polo establecemento.
Os nomes dos comercios gañadores serán publicados na páxina web oficial do Concello www.redondela.gal e nas redes sociais corporativas; serán convocados para que asistan ao acto de entrega de premios.