Domingo, 4 Maio de 2025

Nova mobilización en Mondariz organizada pola Plataforma en Defensa da Sanidade do Condado e A Paradanta

O vindeiro xoves 17 de febreiro a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e a Paradanta volverá mobilizarse. Desta volta a concentración será diante do Centro de Saúde ás 20 h. Cómpre destacar que Mondariz foi o primeiro Concello das comarcas de O Condado e A Paradanta onde se realizaron mobilizacións en defensa da sanidade pública.

No ano 2018, xunto coa veciñanza de Mondariz Balneario e Covelo, organizáronse concentracións e manifestacións reclamando o servizo de pediatría neses concellos para non ter que depender de Ponteareas. Case que catro anos máis tarde e despois de distintas declaracións por parte da Xunta “dando a entender que se ía a solucionar o problema a situación empeorou, pois na actualidade, ademáis da falta do servizo de pediatría hai unha médica de familia de baixa laboral e baixas en enfermería sen cubrir”, apuntan fontes da Plataforma.

Dende a Plataforma insístese na necesidade de defender unha sanidade pública e universal de calidade “unha sanidade de calidade á que poidamos acceder en condicións de igualdade independentemente da nosa capacidade económica” e considera urxente “parar esta destrución da sanidade pública intencionada que se está a levar dende hai anos”.

Para a Plataforma, detrás do deterioro da sanidade pública “están as grandes corporacións médicas agardando a obter beneficios. De feito a privatización paulatina da sanidade é xa unha realidade dende hai anos. Concertos con hospitais privados como POVISA, a construción do Álvaro Cunqueiro, a atención telefónica, o mantemento dos equipos ou as cociñas e cafeterías dos hospitais, son algúns exemplos de como se vai privatizando aos poucos a sanidade pública para transformala nun negocio”, denuncian.

Por todo iso, a Plataforma chama unha vez máis á veciñanza das comarcas do Condado e A Paradanta e do resto do país “a mobilizarse na defensa da sanidade pública e acudir a esta nova concentración diante do centro de saúde de Mondariz”.