Xoves, 8 Maio de 2025

O Pleno da Cañiza aproba o convenio de colaboración coa Deputación para un investimento de máis de 130 000 euros

O pleno da corporación municipal da cañiza celebrado o pasado xoves, 27 de xaneiro, primeiro do 2022, aprobou a proposta da Alcaldía para asinar un Convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación de Pontevedra que permita desenvolver as actuacións recollidas no proxecto Sistemas sostibles de xestión de augas I.

O proxecto, que contempla actuacións de mellora da eficiencia enerxética nos sistemas de depuración e tratamento de augas municipais, conta cun financiamento do 80 % do FEDER a través das liñas de axuda convocadas polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) do Goberno de España. O 20 % restante está sufragado pola Deputación de Pontevedra que poderá aportar ata un máximo de 10 000 € e por recursos propios do Concello cunha aportación de 16 083,44€ dun investimento total de 130 417,15€.

As actuacións recollidas no proxecto pretenden mellorar o proceso de depuración das augas residuais das EDAR de Achas e de Valeixe, e mellorar a Rede de Abastecemento da Cañiza adecuando o caudal bombeado dende os pozos de captación ás necesidades de auga existentes nos depósitos de cabeceira da Rede (Portoaugavella e Augas Férreas). Con estas actuacións mellorarase a eficiencia enerxética das instalacións (estímase unha redución dun 35% da enerxía consumida ao ano).

Segundo manifestou o Alcalde Luís Piña, “con estas actuacións o Concello pretende orientar os seus servizos municipais cara a un modelo máis sostible que garanta o medio natural e o medio ambiente para as futuras xeracións dándolle un pulo á economía baixa en carbono e á economía circular”.

A medida contou co voto a favor dos 7 concelleiros de goberno e dos 5 do grupo da oposición.

A orde do día do pleno viuse alterada pola inesperada renuncia á súa acta do concelleiro do PP, Carlos Rincón. Rincón, quen durante oito anos foi concelleiro do anterior goberno popular, presentou a súa dimisión por razóns persoais, sen máis explicacións. Rincón sigue sendo o presidente da CMVMC da parroquia das Achas. Desde o Concello comunicarase á Junta Electoral Central a súa dimisión e renuncia á acta de concelleiro e procederase á súa substitución polo seguinte candidato da lista do PP, José Rogelio Gómez Estévez.

Aprobouse tamén a proposta de modificación do Regulamento Orgánico Municipal (ROM), na que se recollían pequenas modificación do ROM para aclarar o acceso a documentación e racionalizar o uso de rogos e preguntas, de acordo coa lexislación vixente.