Domingo, 4 Maio de 2025

Concentración en Ponteareas en defensa da sanidade pública

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado, que se amplía á comarca da Paradanta despois da incorporación de membros de Covelo e de Arbo, convoca a unha nova concentración diante do centro de saúde de Ponteareas este xoves 27 de xaneiro ás 20 h.

Dende a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública co Condado buscan facer chegar á Xunta de Galicia”a clara determinación de seguir loitando contra o deterioro da sanidade pública”. Considera a plataforma que este deterioro “non é casual”, se non que é o produto dunha política, “a practicada polo PP na Xunta de Galicia, orientada a fomentar a sanidade privada e converter o que é un servizo público e un dereito fundamental nun negocio para as grandes empresas do sector sanitario”.

De seguir adiante esta política, apunta a Plataforma, “limitará o acceso a unha sanidade de calidade soamente a quen a poida pagar. Isto é algo que dende a plataforma non podemos consentir polo que xa poden esquecerse o presidente da Xunta de Galicia e os seus conselleiros de que nos aburramos e abandonemos as mobilizacións”.

As explicacións da actual situación na que se atopa a sanidade pública en xeral e a atención primaria en particular dadas polo Presidente da Xunta de Galicia dicindo que hai unha falta de médicos “non son máis que escusas”, engade a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado, xa que son “moitos anos de maltratar ás profesionais da saúde con condicións da máis absoluta precariedade no sector público galego o que provocaron que profesionais formadas na nosa comunidade víranse obrigadas a buscar mellores condicións laborais noutros lugares. Non queremos un sistema sanitario no que os e as profesionais da saúde teñan que ser heroes nin mártires pola causa, se non profesionais cualificadas con unhas boas condicións laborais”, aseguran.

Por iso a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e A Paradanta fai un chamamento á veciñanza a sumarse unha vez máis a esta concentración “para que dende a Xunta de Galicia tomen nota e non pensen que nos esquecemos do que están a facer”.