Sábado, 3 Maio de 2025

Alternativa por Mondariz pide a urxente limpeza da depuradora de Vilasobroso

Os concelleiros Xoán C. Montes e Tino Menéndez comprobaron que a vexetación incluso impide entrar no recinto que acolle este equipamento

O concelleiro de AporM, Tino Menéndez, e o portavoz municipal, Xoán C. Montes Bugarín, veñen de rexistrar no Concello de Mondariz unha iniciativa na que instan ao goberno municipal a levar a cabo os traballos de limpeza e acondicionamento urxente da decantadora de Vilasobroso. Os edís, que visitaron recentemente esta estación para o depurado de augas residuais, constataron que esta “está totalmente oculta pola vexetación, que incluso impide a súa visión”, o que evidencia que non foi limpa nos últimos anos.

Esta falta de mantemento periódica pode derivar nun funcionamento inadecuado, o que pode provocar a contaminación do Regueiro da Peteira, un afluente do Río Fragón, que rega a parroquia ponteareá de San Lourenzo de Oliveira. De facto, o efluente que sae da depuradora presenta unha elevada turbidez e un mal cheiro, ao punto que deixa rastros de verdín por onde pasa.

Dous anos de retraso

A maiores o grupo municipal de AporM, formado por catro concelleiros -o máis numeroso da Corporación Municipal de Mondariz-, quere lamentar publicamente o retraso co que o goberno municipal leva a cabo as obras de depuración de augas residuais no lugar de Poñe (Mouriscados), e A Pena e O Cruceiro (Vilasobroso), dous proxectos que xa tiñan que estar rematados no ano 2019, xa que xa foran redactados no mandato anterior, sendo alcalde Xoán C. Montes Bugarín.

O orzamento para financiar a depuradora e saneamento no núcleo de Poñe (Mouriscados) ascende a 88.400 euros, mentres que o importe destinado á depuradora e saneamento dos barrios da Pena e O Cruceiro (Vilasobroso) ascende a 157.700 euros, e permitirá conectarse á rede a cerca de 180 veciños.

Estas actuacións consisten na construción de senllas depuradoras de augas residuais mediante humidais artificiais para fluxo subsuperficial de aireación forzada, e a execución de varios tramos de saneamento para ofrecer este servizo aos veciños destas dúas parroquias.