O 21 de outubro de 2006 celebrouse en Sevilla a primeira manifestación de homes contra a violencia de xénero celebrada en España. O aniversario desta cita converteuse nun símbolo para o movemento de homes que traballan por unha igualdade real entre homes e mulleres.
No ano 2013, no marco dun encontro estatal de asociacións de homes pola igualdade, realizouse a “Declaración de Barcelona”, e estableceuse o 21 de Outubro como o día no que grupos e asociacións de homes pola igualdade saen á rúa para visibilizar, ante a sociedade en xeral pero especialmente ante o colectivo masculino, o seu traballo pola igualdade e o seu rexeitamento á violencia machista. A Asociación de Hombres por la Igualdad de Género (AHIGE) convoca cada ano nesta data a celebración de actos en múltiples localidades de todo o país para mostrar o seu rexeitamento á violencia de xénero, e fano sinalando que: “Os homes non podemos permanecer en silencio ante un problema tan grave como a violencia de xénero. Temos que intervir, temos que mostrar o noso rexeitamento, temos que ser parte da solución, porque o silencio fainos cómplices”.

Por ese motivo, este ano, profesores e alumnos do IES Primeiro de Marzo de Baiona, conscientes da necesidade de dar ese paso á fronte e posicionarse activamente en contra da violencia machista, quixeron sumarse a esta iniciativa e visibilizar o apoio e adhesión a estes movementos.
Pretende ser esta unha convocatoria que simbolice o arranque dun movemento que teña continuidade no centro escolar e que se materialice de múltiples e diversas formas, aínda por definir, pero que sinalen o camiño para seguir cara a un cambio real nas relacións igualitarias entre mulleres e homes, e sobre todo na loita contra a violencia machista.