Sábado, 3 Maio de 2025

O BNG presenta iniciativas no Parlamento para mellorar a situación do Centro de Saúde de Ponteareas

O deputado Luís Bará visitou a localidade e denunciou o deterioro da sanidade

O BNG, a través do seu deputado Luís Bará, denunciou nunha visita ao Centro de saúde de Ponteareas a situación “grave de deterioro e desmantelamento da sanidade pública, especialmente no que afecta á Atención primaria”.

Acompañado da alcaldesa Cristina Fernández Davila e outros membros do BNG, o deputado nacionalista lamentou a situación na que a Xunta ten o Centro de Saúde ponteareán, “onde se reduce o persoal, non se cobren as baixas e vacacións e se somete ao persoal sanitario a unhas condicións laborais precarias”.

De esquerda a dereita, Bolívar González, reponsable local do BNG; Verónica Carrera, concelleira de Benestar Social; Luís Bará; Cristina Fernández, alcaldesa de Ponteareas e Miguel Bouzó, concelleiro de Mocidade á saída do Centro de Saúde de Ponteareas

O deputado do BNG declarou que “presentamos unha batería de iniciativas no Parlamento Galego para que o goberno do PP na Xunta reverta a situación e que Ponteareas conte cuns servizos sanitarios acordes coa poboación do concello e da comarca, incrementando a dotación de persoal do centro de saúde, cunhas condicións laborais dignas e garantindo a cobertura de permisos e baixas”.

Neste sentido, o BNG tamén esixiu ao goberno da Xunta que dea explicacións “polas graves complicacións xeradas á veciñanza derivadas da eliminación do horario de tarde no centro de saúde de Ponteareas nos meses de agosto e setembro”.

Así mesmo, Luís Bará lembrou a necesidade de “recuperar progresivamente a atención presencial, considerando a atención telefónica un servizo complementario, pero non un servizo principal como está acontecendo neste momento. É imprescindible reforzar o sistema sanitario tras máis dun ano de pandemia”, concluíu.

O BNG pide ao goberno galego “que escoite o clamor social e as denuncias e reivindicacións do persoal da sanidade pública”. Ademais, chama á veciñanza a participar nas mobilizacións que se están a pór en marcha na vila para reclamar unha mellora de condicións no centro de saúde e no conxunto da sanidade pública galega.