Domingo, 4 Maio de 2025

Carmela Silva destaca o papel da mocidade contra o cambio climático

Unha moza de Pontevedra, un rapaz de Marín e alumnado do Colexio Marcote de Vigo gañan a segunda edición dos Premios Provinciais “Reacción polo Clima”

A denuncia sobre os danos aos nosos recursos naturais, a lección da traxedia da pandemia da Covid que debe de servir de aprendizaxe, e a concienciación do impacto da contaminación no planeta con novos formatos e en clave de rap. Son as reflexións dos tres traballos audiovisuais que este ano logran os premios da segunda edición de  “Reacción polo Clima” que promove a Deputación co obxectivo de implicar a mocidade da provincia na defensa do medio ambiente e na loita contra o cambio climático. A presidenta Carmela Silva deu a coñecer os vídeos gañadores e mostrou o seu orgullo polo grande nivel dos audiovisuais presentados e polo “gran compromiso” da xente máis nova, que son capaces de facer vídeos de tanta calidade e cun contido tan potente. Deixan claro que si que hai futuro e si que temos unha mocidade que ten futuro”.

Lara Cores, de 23 anos, de Pontevedra, alzouse co primeiro premio, dotado con 2.400€, co traballo titulado “Adeus ríos, Adeus fontes”, unha peza que, como apuntou a presidenta, “nos serve de recordatorio para non esquecer como debemos actuar para manter a nosa Galicia e non estragala”. O xurado valorou a escolla da autora de expoñer os danos da contaminación en Galicia nunha peza que creouse coa música do grupo Baiuca, poemas e lírica galega e imaxes da nosa paisaxe.

O segundo premio, que ascende a 1.000 €, foi para Manuel Albariñas, de 21 anos, de Marín, por “Puro aire”, peza que destaca pola súa “reflexión sobre os meses máis duros do confinamento pola Covid-19, pero que tamén supuxo unha lección e unha aprendizaxe porque deixou claro que a solución está nas nosas mans”. Finalmente, o terceiro premio, de 600 €, recalou nun grupo de alumnos e alumnas do colexio Marcote de Vigo, de 1º de Bacharelato por “Antropoceno destrucción”. Neste caso o xurado valorou a participación do alumnado na elaboración da peza e o seu formato de videoclip en clave rap que conciencia sobre a contaminación e o cambio climático.

O xurado tamén realizou unha mención especial, pola temática empregada, ao traballo de Luis Villanueva, un rapaz de 23 anos, de Silleda, que fixo un audiovisual co título de “Ioane”. Ioane é o home de Kiriwati que a ONU declarou en 2020 o primeiro refuxiado climático e que representa a tantas persoas obrigadas a desprazarse por mor do impacto das crisis climáticas.

Os premios “Reacción polo clima” entregaranse no próximo outono na Gala dos Premios Provinciais á Xuventude.