Venres, 9 Maio de 2025

Este sábado A Guarda aposta polo talento creativo da comarca

A Mostra ten como obxectivos o apoio do talento creador da nosa comarca e o fomento do consumo responsable e de proximidade, ao mesmo tempo que se propicia un lugar de encontro que permita a cooperación e colaboración entre as persoas responsables dos diferentes proxectos que participen na Mostra.

Daniel Macua e Fátima Rodríguez, responsable de Acontravento e Concelleira de Dinamización local respectivamente, mantiveron esta semana unha reunión informativa cas participantes onde incidiron na importancia do evento tanto para os proxectos como para a nosa comarca.

“Moitos proxectos xa son máis coñecidos pero outros acaban de nacer e estas iniciativas son un pulo importante nunha época como na que estamos. Esta primeira edición estará marcada polas medidas anticovid, pero esperamos que moita xente se achegue a coñecer todos estes proxectos.” comentou Daniel Macua.

“Queremos que sexa un evento que se manteña ano tras ano e que axude a visibilizar todo o potencial que temos na nosa contorna. Aproveitamos para agradecer a tódalas participantes a súa presenza e invitar a todas e todos a achegarse este sábado.” declarou Fátima Rodríguez.