Domingo, 4 Maio de 2025

O IES A Sangriña da Guarda renovará as súas cubertas grazas á Xunta

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vai impulsar a renovación das cubertas do IES A Sangriña, no Concello da Guarda, para mellorar a confortabilidade, a eficiencia enerxética e a seguridade do centro educativo cun investimento de 302.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou a adxudicación dos traballos nunha visita realizada esta mañá ao instituto xunto ao alcalde da Guarda, Antonio Lomba, o xefe territorial de Educación, César Pérez, e representantes do centro.

“Dende a Xunta estamos a realizar un importante esforzo para mellorar os centros e adaptalos á nova realidade educativa, que vén marcada pola crise sanitaria pero tamén pola nosa intención de situar a colexios e institutos á vangarda como espazos educativos multifuncionais, versátiles, ventilados, luminosos, eficientes e confortables”, explicou o representante autonómico, que lembrou que a consellería vai destinar esta lexislatura 191 millóns de euros á modernización dos centros ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

A actuación programada no IES A Sangriña, que ten dous meses de prazo de execución e se realizará durante este verán, contempla a renovación das cubertas dos seus cinco edificios -catro educativos e un deportivo- chegando a unha superficie de 4.552 m2.

A obra, que comezará nos vindeiros días, inclúe a retirada do actual teito de tella e a instalación dunha nova cuberta de panel dobre de chapa de aceiro galvanizado con acabado exterior, lacados interiores e exteriores e un recheo intermedio de illamento.

Así mesmo, vaise colocar unha protección térmica sobre o forxado do baixo cuberta con panel de lá de roca de dobre densidade e a actuación completarase coa dotación de novos canalóns e baixantes que redireccionarán as escorrentías para minimizar as afeccións ao instituto. “Cremos que a obra é necesaria nun inmoble que ten 36 anos de antigüidade, xa que incrementará a confortabilidade interior, redundará na eficiencia enerxética e reforzará as condicións de seguridade”, concluíu o delegado territorial.