Domingo, 4 Maio de 2025

Novas prazas para desfrutar dos “Bosques Terapéuticos” da Deputación

Malia que o percorrido ten todas as prazas esgotadas a Deputación ten outras catro datas dispoñibles para as persoas que queiran desfrutar deste baño de bosques

Con todas as prazas esgotadas, os esperados baños de bosques da Deputación de Pontevedra chegan este sábado ao Espazo Natural Arco da Vella en Vigo cunha espectacular ruta que discorrerá á beira do río Eifonso, situado na parroquia de Bembrive. Durante o quilómetro que dura este percorrido, de dificultade media-baixa, as persoas participantes poderán relaxarse e mergullarse nos beneficios que ofrece a natureza, unha actividade integral que conxuga medio ambiente, exercicio, saúde e cultura.

O río Eifonso nace no Monte das Lagoas, a 450 metros de altura, abríndose camiño entre o val polo que discorre e pasando aos pés da Capela de San Cibrán. As persoas que participen nesta nova actividade de “Bosques Terapéuticos” poderán desfrutar no seu transcurso de fermosas fervenzas, como a de Bouzafría, e muíños de auga. En 2016 este río foi integrado no Parque Botánico Arco da Vella, situado nas inmediacións da capela de Vos Ramallos.

Malia que todas as prazas para a ruta deste sábado están completas, aquelas persoas que queiran desfrutar desta ruta teñen a oportunidade de inscribirse nas outras catro saídas que a Deputación ten organizadas polo Espazo Natural Arco da Vella e que terán lugar os días 10 e 16 de xullo e 7 e 22 de agosto. A inscrición nestas rutas, así como na do resto de percorridos desta segunda edición de “Bosques terapéuticos”, poderá realizarse proximamente no sitio web da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal).