Sábado, 3 Maio de 2025

Carmela Silva, “crear equipos forma parte do ADN da forma de liderar que temos as mulleres”

A presidenta provincial participou no III Networking organizado por Empresarias de Galicia 'Actuando desde a unión'

Acción, compromiso, talento, actitude, implicación, unión e forza. Baixo estas premisas e co obxectivo de poñer en valor as redes de mulleres, “imprescindibles para avanzar”, desenvolveuse hoxe o III Networking empresarial de Empresarias de Galicia co título ‘As empresarias actuando dende a unión’, no que participou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

O evento realizouse de xeito telemático coa participación de empresarias de distintos puntos xeográficos como Asturias ou o País Vasco, mulleres que como dixo a presidenta provincial “crearon proxectos de empresa, se asociaron para garantir os nosos dereitos e crearon redes que nos visibilizan, dan forza e permiten que o noso talento se poña en marcha para contribuír ao crecemento económico e construír sociedades mellores”.

A presidenta de Empresarias de Galicia, Susana Iglesias, destacou “a forza das mulleres e o valor e avance do seu traballo na economía e na sociedade en xeral”, e eloxiou á presidenta provincial de quen dixo “é un exemplo de muller con forza que ten reconvertido á Deputación en todos os eidos desde que chegou á presidencia”. Carmela Silva amosouse gratificada de participar no encontro e definiu as redes de mulleres como “fundamentais para sumar esforzos e ocupar o espazo que nos corresponde”. Neste senso, a presidenta provincial lembrou que as mulleres supoñen o 54% da poboación de España e, polo tanto, do talento polo que as reivindicacións feministas en busca da igualdade piden algo que é “dunha lóxica aplastante. Queremos a metade de todo porque somos a metade de todo”.

“Estamos acostumadas a coidarnos, facémolo dende que nacemos, lembrou, e por iso creamos empatías, algo moi importante no mundo da empresa”

Carmela Silva mostrou o seu optimismo aínda que recoñeceu que “queda moito camiño por percorrer”. “Estamos absolutamente formadas para dirixir empresas e cada día hai máis negocios de éxito encabezados por mulleres, dixo, e isto débese tamén a que creamos equipos, unha palabra que forma parte do ADN da nosa forma de liderar”. As mulleres “estamos acostumadas a coidarnos, facémolo dende que nacemos, lembrou, e por iso creamos empatías, algo moi importante no mundo da empresa”. A presidenta provincial si expresou a súa preocupación “polos nesgos de xénero que se están a ver nun eido clave como é a Intelixencia Artificial. Analiza o mundo cos datos de hoxe e iso supón pensar en masculino ao empregar datos recollidos por homes e, polo tanto, masculinizados”. Carmela Silva rematou dicindo que “estamos a mellorar porque as mulleres non puxemos a elo, con proxectos, creando redes porque cando sumamos somos máis fortes, e se está a demostrar que as empresas crecen e obteñen mellores resultados cando existe a igualdade de oportunidades”

A coach motivacional Eliana Oliveros presentou unha ponencia sobre “Liderado con Alma” na que “as mulleres lideramos dunha forma distinta ao formar equipos”. Durante a súa intervención animou ás participantes a liberarse das súas ataduras para lograr todo aquelo que se propoñan. Para concluír o encontro, as participantes realizaron actividades de networking en salas.